20131010

Sabendo máis do noso (sexa Ribadeo ou outro concello)

Onte, a traverso de dúas vías diferentes, eldiario.es e es.okfn.org, cheguei a http://transparenciadecuentaspublicas.es, un interesante sitio para aumenat a transparencia da administración cara á nós, as persoas.
Ahí cheguei por exemplo ós impostos directos que recada Ribadeo: 232 €/hab., ou, o que é o mesmo, 2 333 249 € en total, 1061 habitantes contabilizados, ano 2012. A 'débeda viva' (segundo a mesma web, non inclúe a débeda comercial, senón financieira con entidades financieiras), é 278 €/hab., 2 800 000 € correspondentes a todo o concello. Cousas ambas, ó xeito das moitas outras de que dispón, que se poden comparar de xeito gráfico co grupo de concellos de poboación semellante ou da mesma provincia. Tamén son accesibles os datos a partir de mapas provinciais e a nivel estatal.
Reflicte tamén cousas como o superávit de 187 €/hab. mantido nas contas últimas ou os 329 €/hab. en persoal do concello, 3 307 735 € en total, ou gastos por intereses financieiros, 101 369 €. A esta última magnitude, gastos en intereses financieiros do concello de Ribadeo, corresponden os datos e gráfico seguintes, tomados da pantalla do ordenador hai un momento, "
Intereses y otros gastos financieros de los préstamos contratados por la administración.
".
Polo momento, non ten demasiados indicadores, aínda que si abondos: 31 indicadores de ingresos, gastos e balance son xa datos para traballar con eles, e aínda que falte o acceso a outros moitos, organizacións sen ánimo de lucro, veciñais ó cabo, seguen traballando por facer que teñamos máis control sobre os poderes ós que estamos sometidos.

20131009

Kafka na Mariña (e máis aló)

Nun  mundo interconectado, onde as posibilidades de transparencia son múltiples, amplas, a realidade convírtese nun coto cerrado de caza á especie 'cidadán común' que non pode escapar do seu interior.
Múltiples son as sinais e os efectos delas. A última polo momento no noso entorno próximo, a sinatura ante unha cantidade en branco do paso do gasoduto polas fincas afectadas. A cousa é como segue: por utilidade pública, a empresa logrou que os terreos sexan expropiados. O proceso inclúe básicamente dúas partes, unha, que poderiamos chamar de aceptación, e outra de oficialización. Na primeira, preséntase un documento para comunicar que a finca vai ser afectada. Na segunda, a Xunta, como entidade pública, oficializa a expropiación dun ben particular para beneficiar á comunidade (ise é o motivo teórico de calquera expropiación particular, así como de calquera privatización pública) e dicta a cantidade compensatoria desa expropiación.
Que implica? Pois que na primeira parte acéptase quedar sen un ben propio a expensas do que digan na segunda. E se alguén non asina na primeira parte? En realidade, é un trámite, e a maquinaria segue sen cambio apreciable.
Pouco importan cousas como que a beneficiaria dineraria desa cesión do privao ó público sexa unha concesionaria privada (pertencente a outra xente diferente de quen cede as terras, claro, e polo tanto implicando unha transferencia de algo privado a outra privacidade a traverso do público), ou que o lóxico nunha obra de magnitude sexa o primeiro calcular os custes, e polo tanto, sexa doado especificar xa unha estimacón para chegar a un trato. O que parece preponderar é o uso do 'público' para favorecer o desenvolvemento de concesionarias privadas en función do espolio do particular, sexa en posesións ou dereitos, que non nos imos meter en minucias.
E así, a vida segue, facendo (ás veces) amago de defensa de determinados intereses particulares cando a atacada é toda a sociedade (por turnos, iso si) a mans dunha minoría que controla o ataque, os recursos, medios e posibilidades, e que aínda que pareza tamén sociedade, está illada dentro da mesma en redutos que poderiamos chamar 'sociedades'. Na Mariña e máis aló; máis ben, cada vez, máis aló.

20131008

900 000 €!

Si, iso, 900 000 € é o destino proposto polo 'Goberno Central' a abrir unha ruta/camiño natural entre Ribadeo e O Vicedo. 133 km, din. É dicir, algo máis de 6 000 €/km, ou 6 €/m. Ruta recorrible mesmo a cabalo, din.
A proposta podería parecer realista a calquera que tivera que amañar unha pista estreita para peóns nunha propiedade súa, facendo el mismo os traballos. Tratándose dunha obra pública na que se pretende un certo ancho, barreiras laterais en abondos punto, etc, ("A anchura proxectada para esta rota varía entre os 1,50 m e os 4,50 m con terminación do firme en zahorra artificial, madeira, terra e acerados") e coa experiencia de que se chegou a presupostar hai xa anos unha boa partida para a rota do ferrocarril entre San Tirso e Ribadeo, unha obra máis curta e aparentemente máis doada, continuación de algo que xa hai, e mesmo a facer as xestións para a licitación de obra, e segue sen comezar nin gastar un céntimo, ... que se pode esperar neste caso?
Quizáis o que se poda esperar é o que aparece na viñeta de Vergara, aínda que sexa aplicable non só á 'xente do PP', á que vai dirixida polas circunstancias actuais.
Nota: Por certo, ía poñer unha etiqueta á entrada. Vai sen etiqueta, négome a poñer unha categoría de etiquetas que sexa algo parello a 'mentiras' ou a 'enganos'. enténdase, non é unha cuestión de principios, senón de evitar unha deriva de sobreuso da etiqueta.

20131006

Crise, economía e falsos dogmas, tamén esta semana, que hai moita crise e moitos falsos dogmas

Quen foi á charla pasada, xa sabe que o ciclo paga a pena. Máis, nestos tempos nos que a desvalorización diriamos que 'vai por barrios', pois non afecta por igual a todo o que se pode desvalorizar, e polo tanto, tampouco a todas as persoas por igual.
Crise asimétrica e cambiante, sobre todo, nas condicións ás que se ve condenada a poboación, que necesita asimilar, comprender e actuar como sociedade para sobrevivir como tal.

20131005

Crise, Economía, e falsos dogmas

Onte tivo lugar a primeira das charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas organizadas pola AVV O Tesón. Foi a cargo de José Mª Martínez Fernández, quen despois dunha introducción xeral de conceptos abordou a crise tendo como referenza os primeiros capítulos do libriño 'Manifesto de economistas indignados'.
Na charla, desenvolta no Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo, seguida por máis de trinta persoas e con posterior intervención do público, poidéronse entender cousas como a diferenza entre os mecanismos de equilibrio automático na economía e os de tipo discrecional, e a incidencia desa diferenza na crise actual en Europa en relación con outros países, como os EEUU.
Nas preguntas e debate posterior fíxose incidencia particular nalgún dos temas tratados, por exemplo, os diferentes factores que agravan a crise segundo para quen, como a diferenza de tipos de irpf segundo a procendencia dos ingresos, ben por salarios, ben por capital, ou a preparación liberal disa situación asimétrica actual, coa baixa do imposto de sociedades dende os oitenta á actualidade.
A xeración dese debate é precisamente un dos obxectivos previstos das charlas, despois de ter recibida na parte de conferencia a formación básica para que o debate sexa informado.
Adxúntanse dúas fotos correspondentes nunha, ó momento no que se estaba a tratar a incidencia do aumento da influenza dos mercados financieiros na economía, e na outra, ó tratamento da relación da imposición sobre o déficit da UE, a súa influenza no devir dos mercados financieiros e o seu efecto en forma de recortes na actualidade en España, procurando solucións e deixando patente a desculpa neoliberal para desmontar o chamado estado do benestar.
A próxima charla da serie será o xoves 10 de outubro, no mesmo lugar e hora, a cargo de José Ángel Bolaño Penelo.


20131003

Horario

O de levantarse cedo é o que ten: se non se durme ben, está un arrastrado todo o rato. Así pois, é doado imaxinar o que pasaría de levantarse unha hora máis tarde. A luz eléctrica estaría unha hora menos funcionando na casa, ó mediodía a posición do Sol estaría máis centrada no ceo ...
Isa é a proposta que hai varios anos se fixo dende o BNG para Galiza e foi rexeitada tildándoo de calquera cousa menos de sensatez, e a proposta que remata de ser repetida hai pouco para toda España de xeito formal e acollida de forma considerada, cando os máis afectados pola mellora seriamos a xente do noroeste peninsular.
A máis, dicir que a proposta implica voltar a un horario que tiñamos antes de que a Franco se lle metese na cabeza que era mellor que tiveramos o mesmo horario que Hitler en troques de telo como Churchill (quizáis o telo como os alemáns ou como os ingleses como pobo era menos importante)
Iso si, non sería a panacea, pois necesitando sono, as horas hai que adaptalas, e se nos deitamos unha hora de reloxo oficial máis tarde, iso tamén implica cambios na luz eléctrica que usamos pola noite.
En calquera caso, o cambio horario que terá lugar entre horario de verán e horario oficial de inverno o próximo 27 (medida que non deixa de ser controvertida por ser cíclica, afectando ó organismo) pode darnos unha idea dos cambios que terían lugar no xeito de vivir e en nós mesmos.
Terá lugar ise atraso? De novo, sen decisión sobre as nosas propias vidas, esperaremos a decisión doutros dun xeito despreocupado: a nós, o que nos boten...
Mentres esperamos, podemos ver o horario en calquera lugar do mundo.

20131002

Comparativa de Ribadeo e o occidente astur. Nota de prensa de O Tesón


O pasado sábado 28 de setembro, dentro das actividades da AVV O Tesón, tivo lugar unha visita dun grupo de ribadenses a varios lugares do occidente astur.

En primeiro lugar, o grupo recalou no Castro de Coaña. Alí tivemos a oportunidade de coñecer cun certo detalle a vida castrexa, e asemade de facer unha pequena difusión dun dos nosos castros, o Castro das Grobas, en situación ben diferente ó de Coaña, e do que se lembrou que a día de hoxe, anos despois das catas e promesa da difusión do informe correspondente, está de novo a monte.

Despois tivemos unha xuntanza coa xente da Casa Azul, asociación naviega que procura e promove actividades nun amplo abano, entre culturais, veciñais, de concienciación ecolóxica ou social, etc. Como resultado deste encontro, espérase cooperar en diversas actuacións no futuro.

Máis tarde visitouse o mirador da praia naviega, observando a máis da paisaxe diversas diferenzas entre a ría de Ribadeo e a ría de Navia, o seu desenvolvemento e coidado.

Pola tarde, os viaxeiros retornamos despois da visita ó Museo Etnográfico 'Juan Pérez Villamil' de Puerto de Vega. No museo poidemos observar diferentes aspectos relacionados coa xente, o mar, a terra e a actividade da zona, e de novo comparar a existencia deste museo coa falta dun lugar parello en Ribadeo. Falta que segue habendo a pesar das varias veces que se ten pedido e mesmo ofertado material, ou habilitado espazos que, de partida, podían ter dado acubillo a numeorsas pezas que forman parte do noso patrimonio, historia e mesmo futuro.

En resume, un ano máis, unha viaxe aproveitada non só para desfrute, senón tamén para poder mirar a Ribadeo con miras máis amplas.

20131001

As Grobas, de novo

Hoxe ou mañá teño un que facer un pequeno traballo pendente: o relato da viaxe social de O Tesón. Non me vai quedar máis que comparar nalgún momento o Castro de Coaña, coidado e visitado dende hai tempo, co castro das Grobas, en Vilaselán, rozado, catado, esquecido e a monte de novo, como se pode ver nas fotos.
Ben, algunha comparación será daquela, pero, mentres, considerando as Grobas sen comparación con algo que é xa moi diferente, lembro que na cata realizada, prometeuse información, e non se deu. Anunciouse material en cantidade, e nin idea de onde está. Non cumpriu a empresa? Pode ser, pero polo momento, non cumpriu a administración. Cal? Na maraña de administracións que se presenta cando se trata de asumir responsabilidades (outra cousa é cando se trata de anuncios positivos) entendo que ó concello tocaríalle unha parte modesta, pero importante: reclamar a información para, por defecto de actuación das outras administracións, presentar a súa xestión para conseguir algo que a Ribadeo atinxe. Ó fin, o anuncio de visita ás escavacións e outros semellantes, si foi feito polo concello.
Polo momento, non é así. E o tempo pasa.
 Unha cata, abandoada e con maleza.
Outra cata, irrecoñecible máis que polo valado.
Un dos foxos defensivos ...
algúns artigos dos aparecidos no blog sobre as Grobas, entre 2006 e a actualidade (sen ordear por data):
Aviso de paseo ás Grobas
Limparanse as Grobas?
Desbrozando de novo
As Grobas: información
Dinamizando As Grobas
A posta en valor do Castro das Grobas
Para localizar o Castro das Grobas
Nota de prensa de O Tesón sobre As Grobas
Nota de prensa sobre o paseo ás Grobas
Un ano despois da cata nas Grobas
Conferencia sobre a excavación das Grobas organizada polo Tesón
As Grobas e a piscifactoría
Sobre a catalogación das Grobas
As Grobas cumpriu
Lembrando os 300 restos arqueolóxicos e a promesa do informe
As Grobas comeza a reexistir
As Grobas, en potencia