20081022

Inflacción de novas





Hoxe descubro na prensa unha auténtica inflación de novas sobre Ribadeo. Dende o pleno ó camión que onte montaba unha grúa na rúa peonil (coido que sen as alfombras que estaban afeitos a poñer), pasando pola visita do Porta da Auga a Francia (xa pasada), as novidades/actos do servizo de prevención de drogodependencias, o aumento persoal do CEIP Gregorio Sanz, un roubo no restaurante 'La Solana', a posibilidade de cortes de auga por un subministro deficiente (avisado polo propio alcalde, é de supoñer que ó longo do día haxa algunha nota de prensa), as voltas sobre a falta de xulgado en Ribadeo, ou o recurso contra Patrimonio por impedir o aparcamento subterráneo no parque, ademáis de lembrar un periodista que algo vai mal cando unha Consellería non cumpre as propias normas que ela mesmo pon. A mesma Consellería (Educación) coido que non é a primeira vez que incumpre normas, e é algo abondo xeralizado na administración (mesmo o incumprimento de leis: ver, por exemplo, 'Cando a lei non se cumpre').
O certo é que, cando hai moitas novas, ás veces parece como se non houbera ningunha. Por eso, e despois das dúas entradas de onte en relación co pleno de antonte (I e II), hoxe deixo en troques fotos.
As fotos corresponden a 'había unha farola' na rúa San Francisco, 'había información' , na rúa Reinante, 'había un solar', no cruce entre Avenida de Asturias e rúa do Alza, e ás obras de Viejo Pancho para 'humanizala'.

20081021

Pleno 20/10/2008 (II)

O terceiro punto da orde do día do pleno de onte era a representación do Concello no grupo de desenvolvemento comarcal de A Mariña. A proposta do grupo de goberno, a solicitude de seren Fernando e M. Luz. Certamente, parecía ó comezo que foran dous representantes en troques de un e suplente para unha entidade con 49% de representación institucional e 51% de representación privada.
Houbo un pequeno barullo pola proposta de UPRi de inclusión da oposición no par, argumentando o secretario que xa non era posible, ó ter que ser argumentado por escrito antes do pleno ou ó comezo do mesmo punto, facendo asemade diferenciación entre o que é un voto particular e unha enmenda. Resulta que o propoñente si ten dereito a modificar a proposta sobre a marcha, o que daría cabida a englobar a oposición no dúo, pero a instancias sempre do BNG. O mesmo Fernando falou de que hai precedentes de que foran representantes de varios partidos noutras ocasión para outros asuntos, pero mantivo a proposta, que saliu rexeitada por 4 contra 9, polo que voltarase a tratar máis adiante ó non quedar nomeados os representantes.
O punto 4 trataba da aprobación dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente para o saneamento de Piñeira, 190 000€, disposición de terreos e auga, concesión de permisos administrativos sen custes e asunción do mantemento. Houbo unanimidade na aprobación, cunha nota previa de intervención no sentido en que, a pesares de ser xeito da Xunta o pedir a exención de custes de licenzas, é algo que está lexislado, e polo tanto non ten sentido que o pida: o é dado pola lei ou non.
En fin, un pleno algo movido no que o alcalde tivo varias expresións afortunadamente graciosas, non chegando a tensión a ser grave en ningún momento, se ben particularmente pareceume observar en Balbino o cambio entre castelán/galego nun momento dado como síntoma de nerviosismo.
Respecto da petición de Balbino, como dixo case ó comezo Paco Rivas, rematará case seguro no xulgado, e como engadiu logo con outras verbas JC Andina, a postura do Concello coido que pode defenderse con facilidade, pero tampouco sería estrano outro resultado. E, respecto de que polo momento non haxa representación no grupo comarcal, trátase da ocupación dunha suplencia, non dunha titularidade, polo que a pesares da negativa da oposición e bloque subseguinte, o tema non ten grande importancia.
-- Nota posterior ó día seguinte: JM Rodríguez deixou unha entrada dando tamén a súa visión deste pleno.

Pleno 20/10/2008

Comezou ás oito do serán e finalizou ás nove menos dez, con ausencia do nº 3 socialista.
O primeiro ponto, propio trámite de urxencia, pasou sen importancia.
O segundo, a proposta de non admisión a trámite da petición de Balbino para cobranza do soldo segundo el retirado inxustamente a finais do mandato anterior, nun pleno.
Un informe de secretaría apunta a que "o acordo foi válido mentras non se demostre o contrario", mentras se fai lembranza do apoio dun tránsfuga á moción da oposición daquél entón.
UPRi (Rivas) atopa contradictoria a postura do BNG e anuncia abstención, indicando que pouco lle concerne ó non estar no pleno no que se tratou.
PSOE (Balbino), só con dous asistentes, alega entre outras cousas, pero de xeito principal, que o pleno no que se decidiu foi nulo, xa que o punto non estaba na orde do día.
PP (Andina): apoio da proposta da alcaldía, preguntando a Balbino o por que non voltou a traballar, e dicindo que o pleno, caso de ter sido ilegal, sería culpa do anterior alcalde, o reclamante, advertindo que xa pasaron 15 meses e que non houbo advertencia clara de ilegalidade (... aconsello ver o comentario do pleno)
BNG (Vicente): Fernando reincorporouse ó traballo. A postura do BNG non é contraria ó votado daquela, simplesmente non quere admitir a trámite a proposta de Balbino.
PSOE: (medio en castelán, medio en galego) Hai causas de por que non se trouxo antes a pleno (pero non as deu)
PP: O acordo segui adiante, esa é a realidade xurídica.
Logo houbo un intercambio entre Fernando e Balbino, comezando a conta das causas de que non fora a pleno antes. A petición de Fernando, Balbino di o por que: Fernando non tiña intención de propor recurso. Balbino apunta que Fernando estaba na administración, pero el na empresa privada recibeu a contestación de que lle retiraran o soldo, non a adicación exclusiva. Pide votación nominal. Aclara o secretario que a votación nominal debe votarse previamente de xeito normal, por procedemento ordinario. Despois dun pequeno paréntese, incluíndo unha consultga de Andina ó secretario sobre responsabilidade xurídica diferenciada neste caso, coa contestación de que o sistema é irrelevante neste senso, acórdase votar así (non se ten lembranza doutra situación anterior semellante).
A votación, Proposta de non admitir a trámite: si, 8. non, 2. abst, 2. 1 ausente. Queda pois aprobada a moción proposta.
Queda unha segunda parte do pleno para outro momento do día de hoxe.

20081020

O mundo segue

Lévome sorprendido moito de como -e por que- caeu o 'telón de aceiro". De cando en vez atopo algunha pista máis, aínda que siga incrédulo.
Esta fin de semana atopei nun artigo de Santos Juliá unha cita de Marx (Karl), no 'Manifesto do Partido Comunista': "O goberno do estado moderno non é máis que o comité de administración dos negocios comúns a toda a clase burguesa". O caso é que a cita, coido que relativamente válida, na actualidade semella que xa está un tano pasado de moda, xa que o goberno, tendo sido o comité de administración, hoxe máis ben queda reducido a un refén para casos de emerxencia. Aquelo de 'conseguidos os últimos obxectivos, a guerra rematou' ... e queda o exército por se hai que atender a algunha sublevación.
Maruja Torres da pé a unha cita de Ralph Nader: "¿Por que sobrevive o capitalismo? (...) Porque sempre se usa o socialismo para salvalo". Sería moi de aplicación na actual España 'socialista', o mesmo que noutros países que decidiron socializar as perdas sen antes ter socializado as ganancias.
O mesmo periódico que abrangue ambas citas onte comenza hoxe luns a súa edición electrónica con novas ilustrativas sobre o caso, aínda que non sexan de economía: 'A fiscalía cre que a represión franquista é un delito común prescrito'. Coido que a Fiscalía é algo así como o brazo xudicial do goberno. 'Non hai retirada de fondos porque coñecen a nosa solvencia'. Si, despois de 'aceptar' a mesma entidade unha inxección de 10 000 000 000 € do erario público... 'Londres e Berlin presiona a España sobre a lei de costas'. ... Ó tempo que recoñecen facer grupo para defender a propiedade privada dos seus cidadáns en contra dos intereses públicos en España.
Certamente, os periódicos, que van de capa caída nas súas informacións, abranguen nas súas páxinas moitas perlas que están aí, para collelas, pero eso si, despois de facer minería para atopalas.
E, certamente, cambiar o mundo a mellor pode que nunca estivera tan difícil (ou tan imposible), polo que é hora de comezar a (ou non parar de) intentalo. Algo que parece ademáis apoiado científicamente: cando aumentan as desigualdades, toma pulo o movemento subterráneo que tenta reducilas, ó igual que na física ou na química un movemento nun sistema sempre tenta ser equilibrado polo propio sistema. De sistemas (non físicos) pódese falar outro día.

20081019

Un artigo alleo

Vexo hoxe no blog de Jorge Cortell varios artigos que me gustan sobnre política, ideas e sociedade. Deixo só unha ligazón, que fala no mesmo sentido que teño feito eu en moitas ocasións.

Asimetría

Vexo a nova de que o Concello de Castropol foi multado por Medio Ambiente con 600 € polos verquidos en Penarronda, procedentes do Polígono Industrial de Barres. Algo que xa saíu no blog con anterioridade e que fixeron ver os 'Amigos del concejo de Castropol', que tamén teñen alertado das deficiencias dos verquidos á ría de Ribadeo tanto de Castropol como da Veiga. Pregúntome cánto sería multa se en troques dunha institución, quen o fixera fora un particular.
En Asturias valoran positivamente en termos de vidas humanas o 'búho' entre Puerto de Vega e Ribadeo. Non dan detalles de uso. Coido que se lles esquece facer unha valoración sobre a incidencia a curto, medio e longo prazo das costumbres que implica o uso do búho, e que debera ser feita. De calquera xeito, parece que os búho si comezan a funcionar, forzada a xente pola diferenza de custe dos traslados entre transporte colectivo e individual, a parte da vixiancia da Guardia civil co alcoholímetro. E a promoción do transporte colectivo polo día, para cándo queda?
Onte a nova na prensa local e provincial foi a limpeza con que José Carlos Rodriguez Andina saíu do embrollo xudicial no que o metera o fiscal Izaguirre. Para aledarse non só el, senón todos, tanto porque todos contribuímos ó orzamento provincial como porque todos contribuímos á composición da Deputación e sufrimos ou desfrutamos das súas accións e decisións. O malo que teñen os procesos deste tipo (e de case calquera) é que sempre queda a sombra da dúbida, nun sentido ou noutro. Por exemplo, foi unha manobra política o metelo no caso? Ou, pola contra, o que non se logrou foi demostrar os feitos, non que non os houbera? E é que cos xulgados (e falo por experiencia propia aínda que valería coas novas que de cando en vez aparecen na prensa sobre algunhas decisións xudiciais), e cos seus xuízos, pode verse aquelo de 'os camiños da xustiza son inescrutables...'

20081018

Actividade




Estes tempos desenvólvense varias actividades interesantes para diversos colectivos na zona. Aí están os 'foros permanentes para a muller' desenvoltados polo concello, entre outras actividades como as clases para inmigrantes, e as xornadas mar por meido que comezaron onte e terán lugar ata o domingo (ver folleto). Dentro das xornadas, onte tivo lugar a inuguración da exposición 'Galiñas, Miserias e cabezudos', así como a mesa sobre 'Cooperación cultural institucional'. Hoxe será a proposta dunha ponte informativa por riba da frotneira e cultura de mecenazgo entre Galicia e Portugal, continuando pola tarde coa presentación de proxectos culturais e de espazos de programación, para rematar o día no Hernán Naval co concerto de 'Alô irmao'.
E, no Pazo de Pardo de cela, a comezos do próximo mes, as Xornadas de Patrimonio tradicional da Mariña Central (que se ven ben ampliando as imaxes)

20081017

Comisión de goberno



Teño noticia da comisión de goberno de hoxe porque segundo parece váise tratar entre outras cousas a que coido é rocambolesca reclamación de soldo de Balbino Pérez plantexada hai uns meses, case 13 000 € por 53 días que lle quitaron o soldo de alcalde. Mágoa que trascenda públicamente na prensa ese tema e non os outros a tratar.
A nivel estatal contrasta a nova da primeira causa aberta contra o franquismo, cando en Ribadeo aínda están sen recoñecer nomes senlleiros en Ribadeo como Antonio Fernández Darriba ou Rafael Fernández Cardoso, o primeiro chegado a Ribadeo tras ser represaliado da Universidade de Madrid e o segundo rematando os seus días fuxido en América, ambos citados por estudosos ribadenses, ambos de recoñecida valía e ambos ignorados ata o momento en recoñecemento institucional.
Pode que a falta de recoñecemento nun caso, e as pretensións legais noutro, esteñan relacionadas coa educación. A educación en España ten ramalazos que coido se poden cualificar de raros, dende o primar a 'cultura' e ó tempo baixar o presuposto educativo (aí está a Comunidade madrileña facendo unha quita do 30% nos cartos destinados a profesores universitarios sen previo aviso mentras gasta millóns en actuacións 'culturais' 'empresaraiais' do canal de Isabel II) ata zafarse da aplicación unha materia via a súa impartición en inglés sabendo que non hai profesorado para ela (entre outras cousas, o feito na Comunidade Valenciana este mesmo curso con Educación para a Cidadanía). E podemos continuar. En Ribadeo mesmo, está costando traballo a coordinación de actividades extraescolares coas programadas nos centros, nunha especie de desconcerto educativo que se produce ano tras ano, por moito que unhas e outras sexan actividades educativas e a potencia organizativa e presupuestaria do concello minimice a posibilidade das ANPA.
As fotos, fonte e xardín de indianos. A considerar sobre a súa beleza, oportunidade, axuste a normas ou planos previos, ... A fontes estaba en proba, con auga, e na foto do xardín pode verse o efecto desastroso de presentar a fonte cara a fóra do xardín e, vía supresión de setos, facer que os coches literalmente 'entren' no mesmo parque.