20080820

Diversas novas e un comentario




    Mentras Adeac retirou de xeito temporal a bandeira azul do porto deportivo de Ribadeo a raíz dun acto vandálico (case sempre, nalgún momento, os feitos dependen non das cousas, senón das persoas) e a prensa que eu saiba non volveu dar noticia da súa reposición, mentras a travesía de Augas Santas a Ribadeo en canoa cada ano vai collendo máis protagonismo, mentras novas exposicións diversas fan perder a conta da cantidade delas que hai cada ano en Ribadeo, mentras estamos á espera de Siniestro Total (nunha serie de actos que poderiamos titular como 'e máis música!'), mentras se prepara un novo torneo de fútbol, mentras Ribadeo vai esquecéndose da manifestación con outros temas como os orzamentos (ver a nota de prensa do concello sobre os orzamentos ou a nova da Voz), podemos observar como espectadores un episodio más da guerra polo transporte de Ence. Dende o principio, postulouse Avilés para facer o embarque. O convenio Ence/Feve para que fora Xixón o porto elixido non sentou nada ben, e comezou a polémica. Hoxe a prensa aporta algún dato máis (na realidade, nada novo) que ven ben como lembranza. En resume:
    a) Ence anda en tratos con todos (Xixón, Avilés, Portos de Galicia)
    b) Portos segue polo momento coa tramitación da nave en Ribadeo.
    c) Váise construír unha navede carga/descarga en Xixón para a pasta de papel
    d) Non hai novas sobre o lugar de descarga para a madeira.
    c) Despois de tantas idas e voltas, marear a perdiz, a nivel de decisións finais de Ence, estamos como ó principio: a empresa, como empresa, cala e fai importándolle só os seus intereses, facendo un tipo de política que busca o máximo beneficio.
    Así, mentras, podemos preguntármonos sobre a influencia da manifestación do día 10. Á beira, as fotos actuais da 'lágoa Cascos', restos dunha instalación que recibiu unha pequena manifestación a favor en Rinlo (non tan pequena a escala rinlega) e actos diversos en contra. Cabe lembralo para, de xeito conxunto, lembrar que a súa tramitación pasou pola aprobación da Xunta, por vericuetos da xustiza, de novo pla normativa da xunta, etc, para chegar a un abandono dun terreo que estaba protexido de antemán. A terceira das fotos é unha instalación abandoada, a cetárea maior das que había en Rinlo (a da Punta Corveira), na que se pode xulgar as posibilidades para a súa recuperación como museo (os barracóns á súa beira están en condicións), e que, pode por non moverse moito a xente (por non movérmonos moito), segue en estado de abandono.
    Ben, o dito, a influencia da manifestación do día 10? Dado o xeito como fan as cousas as empresas (e portos de Galicia), dado que xa tiñan que levar en tratos Ence e Feve moito tempo, dada a nova do trato Ence/Feve, dado que Portos mentras non diga 'non', é que segue adiante como tiña previsto, coido que de pronto a maior influencia que tivo a manifestación foi a concienciación da xente no sentido de que a ría é de todos e debe ser coidada tamén para o futuro porque está no noso interese, mentras que as decisións empresariais e relacionadas deben tomarse con moita previsión porque responden a intereses alleos. Por suposto poden tomarse outras consecuencias en conta (e tentarei seguir facéndoo), como que o tema da protesta non seguiu derroteiros ó son dos políticos (a nova da prensa de hoxe volta a insistir no tema de que non asistiu o alcalde a pesares da toma de postura previa), pero o resultado final esta volta aínda está por ver. E é que facer unha manifestación, aínda con éxito, no da seguridade: aí está por exemplo, a outro nivel, a lembranza das manifestacións contra a guerra de Iraq, e España enviou soldados... con cousa do 90% da poboación en contra, segundo dicían as estatísticas. Polo tanto, debemos lembrar de novo o vello dito 'A Deus rogando e co mazo dando'. Non só con presión, senón con política. O malo é a capacidade de facer política da xente do pobo é abondo limitada. De feito, queren limitala a elixir, cada catro anos, entre opcións semellantes (lembra o da proposta das ternas franquistas para ocupar determinados cargos: se non lembro mal, Franco propoñía tres nomes e as Cortes votaban un)

20080819

Un resumo das sinaturas


    Unha vez ratificadas as sinaturas, obtéñense os seguintes datos estatísticos:
    Recollidas en xullo: 36 follas, 436 sinaturas válidas
    Recollidas o día da manifestación: 26 follas, 330 sinaturas válidas
    Total: 62 follas, 766 sinaturas.
    Desglose por localidades:
    164 de fóra da ría (incluídas Meirengos/Ribadeo, Tapia, Barreiros, Madrid ou Pamplona)
    106 de Castropol (Figueiras, Barres, pero non As Campas, por exemplo) e A Veiga (14%)
    496 de Ribadeo, incluídas Vilaselán e Ove (65%)
    De parroquias beireñas da ría: 602 (79%)
    Como comentario, destacar que só o feito de poñer unha mesa máis grande (xunto con algunha folla recobrada ese día despois de ser pasada en Castropol) fixo posible que o día da manifestación se recolleran sinaturas a razón de máis de 5 por minuto.
    É evidente que a recollida de sinaturas pode mellorarse grandemente, quedando un grande número por recoller. Hai que contabilizar que en total a mesa de recollida de sinaturas estivo pouco máis de 3 horas en dous días diferentes. De calquera xeito, tanto o apoio como a concienciación (ver imaxe e ler o texto) aí quedan.

Apoios extra despois da manifestación

    O certo é que o apartado de apoios, despois de telos recibido antes da manifestación, considerábao case pechado. Despois de ver no 'El País' do domingo "Los municipios atacan el plan de puertos deportivos", e na Voz de onte "Ventanas rotas" (aínda que a teoría pode atoparse en moitos lugares), vexo que a Portos lle están a crecer os ananos, como se di por aquí. É dicir, podemos ter participado nun 'efecto avalancha' en contra das decisións de Portos de Galicia que pode facilitar as cousas en contra da construcción da nave no porto de Mirasol. Non hai tanto que cambiou o Presidente de Portos, e podemos estar na antesá doutro cambio semellante. En calquera caso, temos idea polo que sucedeu en Ribadeo dos apoios que ten Portos dentro da estrutura de portos deportivos, e esta oposición é a considerar como un apoio lateral, pero apoio, á manifestación. 
    Certamente, a organización da manifestación tentou (tentamos) a procura de apoios, e así enviáronse invitación para a participación de moitas asociacións, e de xeito aberto, para que fora redifundida. Non obstante, a xente desmotívase con facilidade, e a nova da prensa de días anteriores do acordo entre Ence e Feve foi considerado por moitos como razón para non participar ó considerar que xa non hai dende entón perigo de construcción. As novas de prensa, segundo quen sexa a orixe, poden ter un valor ou outro, unha ou outra influencia, e neste caso, foi unha clara desmotivación. Algo que, doutro xeito, xa se deixara sentir na recollida de sinaturas, o vir xente que mesmo non asinaba por ter por seguro que non se ía construír, o mesmo que ter vido xente que non asinaba por ter seguro que non ía servir para nada por ter tomada xa a decisión de construírse. 
    E é que as novas, na cabeza dos periodistas e nas redaccións, parece que teñen un sentido diferente que no común dos mortais. Por exemplo, cada nova parece necesitar unha cabeza sobresaínte para manterse. Como, se non, pode explicarse que a estrela principal da nova da manifestación en diferentes medios sexa o presidente de Greenpeace, que acudiu de casualidade (atopábase próximo) a dar o seu apoio? Evidentemente, mesmo Adega pode celarse del, xa que ten participado abondo máis (sen ser das asociacións convocantes) e en varios medios quedou só en segundo lugar da nova. 
    Tampouco extrana que os periodistas andiveran á caza de políticos participantes, cando entre as asociacións que foron convocadas non había ningunha organización política, e xa houbo con anterioridade declaracións dos partidos apoiando e a portavocía do alcalde no pleno de maio representando a tódalas forzas municipais. Así, non pode extrañar despois que xurdan 'cousas raras' na análise de resultados (que queda para outra entrada)... 
    Noutra orde de cousas, calquera que se de unha volta estes días polo Xardín de Sela verá que o chamado 'Xardín de Indianos' vai rematándose a paso lento. O resultado a min non me gusta moito, a verdade, como xa deixei de manifesto nalgunha entrada anterior. O campiño que había coido que necesitaba poucos retoques para actualizarse, e así, dubido que non volte a polémica sobre os plans iniciais e o resultado final, con acusacións mutuas de incumprimento de planos e planos defectuosos... sen que dende a cidadanía se poda ter unha visión clara, despois de enterarse pola prensa de calquera dos puntos do proceso, sen ver planos, etc. É dicir, sen a transparencia que moitos creemos debida. Claro que neste mesmo blog teño falado do exiguo número de persoas que se presentaron na dación de contas do alcalde, o que limita as posibildiades de reclamación.

20080818

Unha imaxe, mil palabras



    Seguindo co post de onte, en Foto Miguel vénse tamén estes días fotos aéreas de Ribadeo, da ría e entre elas, unha da ría de Navia. Din que unha imaxe vale máis que mil palabras (lévase discutido abondo dese tema, pero non é agora o momento), e ver as rías comparadas en foto, á beira unha da outra, é máis impactante que polo sigpac (imaxes á beira das rías de Ribadeo e Navia tomadas á mesma escala, pero recomendo ver alí, no escaparate do comercio a contraposición das rías) ou google earth. Onte a min levoume a cavilar que quizais sería cousa de reclamar, mesmo antes do plan de ordenación para a ría, esbozar a ría que queremos. Levo (levamos uns cantos) anos pedindo que se estableza un obxectivo para Ribadeo (ver 'O Ribadeo que queremos') sen conseguir que se nos faga caso, co resultado de que xa veremos se aínda agora se aproba o PXOM. O caso é que se non hai unha definición previa do 'modelo de ría' que se quere, se non nos poñemos antes de acordo niso, logo virán as presións dunha e outra beira (xeográficas, políticas, económicas) para cada cousa concreta. Por iso non sería mala idea abrir un movemento para ver 'a ría que queremos'.
    Hoxe fun ata Castropol comezando a subir a marea. Sen barca, iso supón unhas cantas brazadas, tentando aproveitar os tesóns, as correntes, ... para gastar a menor enerxía posible. Pero pode facerse sen estar moi en forma, e de paso, pode pensarse na cantidade de area que hai na ría, ou utilizar os sensores da pel e a vista para ver a calidade da auga, a súa turbidez en diferente lugares e horarios, as correntes, o seu sentido, a súa velocidade, o seu arrastre de area, os tesóns, a influencia das mareas, a contaminación (os eczemas que saen na pel), o uso da ría, as motos a velocidade, a actividade do porto, o impacto na paisaxe, os metros que hai que cruzar de menos por o avance da costa polas obras de portos, ... é dicir, da tempo para pensar sobre o terreo (mellor, sobre a auga) en torno da ría dende múltiples aspectos, incluíndo os temporais pasado e futuro. E sobre a manifestación e a nave e os seus efectos (da nave e da mani). Mesmo tamén sobre os veraneantes na ría: á ida, unha soa persoa tomando o sol nos bloques; á volta, dúas 'nativas' bañándose e catro rapaces e rapazas 'veraneantes' na herba. Está visto que pouco a pouco os veraneantes collen costumes antes reservadas ós ribadenses, como o pasarse polos bloques, que en canto a praia non ten moito que facer en relación coas da liña de costa, se non é pola súa proximidade. O que dicía onte, en democracia é lóxico o xogo de dereito/deber, e unha volta que pouco a pouco se integra a xente, non só é lóxico, senón que se ve como unha necesidade o exercicio dos dereitos asociado ó cumprimento das obrigas. Os 'forasteiros' en moitos casos están pasando de 'guiris' e 'clientes' a cidadáns, ó igual que ten sucedido ó longo da historia en toda mistura de pobos. Cos seus rexeitamentos, dos que da sobrada conta a historia, e coas súas avantaxes e inconvintes.
    Estou saíndo da consideración ría/manifestación, pero coido convinte afondar un pouco: Galicia estase a despoboar de nativos. Calcúlase que para os anos 20 a poboación nativa terá diminuído en medio millón de persoas. Sexan madrileños ou dominicanos, de xeito legal ou ilegal, seguirá a vir xente de fóra: necesitarémolos (e mal se non veñen, será que a cousa aquí tampouco vai moi ben). Cada vez serán máis. Ide pensando nas relacións no futuro. E non valen as descualificacións: lembro que hai non demasiado, con 25 anos en Ribadeo, tildouseme de recén chegado. Sono en relación con algunha xente, pero, pódese aplicar o cualificativo? En relación á sociedade ribadense, dubídoo. Levo máis tempo en Ribadeo que ao menos 1/3 da poboación (diría que 1/2 da actual) e a miña labor pensando e traballando en Ribadeo tamen supera unha boa porcentaxe da poboación actual.
    Din que non se é de onde se nace, senón de onde se pace. É un xeito de expresión co que non estou totalmente de acordo, pero que é indicativo. Ése de onde se veranea con asiduidade e se ten posesións e se trata de ir a actos culturais e sociais, e se trata de integrase un? Si/non, ata que punto?
Empecei co tema da manifestación. Continuarei.

20080817

Visitando Ribadeo en fotos

    Remato de pasar por Foto Miguel. As fotos expostas alí lembráronme unha vez máis que teño unha serie de artigos prometidos no blog, e a iso vou. 
    O primeiro, unha precisión sobre números. Durante a marcha da manifestación, alguén (expectador) dixo algo así como 'bo, van tres'. Despois, un comentario que non publicarei asignaba 4 ós participantes da manifestación. Mentras estiven mantendo a pancarta nas escaleiras do concello deume tempo de facer un cálculo que estimo abondo preciso. O múmero ó que cheguei andivo preto das 500 persoas. É dicir, parello ó que dixo a prensa. Valla aclarar que non había as cincocentas persoas cando se saiu de San Roque; sendo máis dificultoso de calcular, estimo a cifra alí nunhas cen menos. Iso da un erro ó das '4 persoas' equivalente ó que tería quen dixera que na manifestación houbo máis de 60.000 persoas: un factor de erro de 125. Sexamos serios. A manifestación, sen ser anonadante, tivo unha resposta respetable, e máis coñecendo a respsota a outras peticións de participación popular en Ribadeo. 
    E de resposta veciñal ou de achegados vai a segunda parte: a conta dunha pancarta da coordinadora de veraneantes e residentes temporais, hai quen pretentede descalificar a asistencia á manifestación. Pois dúas cousas: as fotos que aparecen en Miguel testemuñan que máis ben eran excepción as xentes de fóra de Ribadeo, e non ó revés. Unha volta aclarado o tema, hai que preguntar: é que alguén cree que os veraneantes van vir e deixarse apsar polo forro os seus dereitos? Voltemos de novo e seamos serios: non é o primeiro altercado entre veraneantes e locais por exemplo no supermercado. Haberá nalgúns temas disparidade de opinións e a maioría das veces, acordo. Pero cada vez máis, canto máis integrados esteñan, os veraneantes quererán exercer os seus dereitos. E téñenos. Deixémonos pois de milongas con que eran veraneantes ou locais. Os veraneantes, se veñen para quedarse (é dicir, non de hotel senón con sitio propio onde habitar) van a exercer cada vez máis os seus dereitos. E teño entendido que por exemplo na costa mediterránea as asociacións de maiores extranxeiros forman un auténtico grupo de presión. Polo tanto, non creo que sexa cousa de que xente que non participa ou que procura que os demáis non participen tenten de desprestixiar unha manifestación con eses argumentos. Como anotación á marxe, sería cousa de repensar a participación de 'locais' nas asociacións de veciños, que non están logrando atraer unha cantidade de xente importante polo momento. Como contraste, a porcentaxe de veraneantes participantes na manifestación, si que se fixo notar: está claro que saben e poden organizarse. Benvidos, e esperemos aprender do bo que teñan e rexeitar o que non sexa tan bo. E non vice versa.

20080815

En relación ás autocaravanas en Augas Santas / Catedrais

O concello remata de pasar hai pouco unha nota de prensa sobre a multa de autocaravanas que aparquen en Augas Santas ... esta mañá, ás 10 contei de paso ó lonxe ata 10, e coido que había alomenos outras tantas. Xuntaríanse entre 9 da mañá e 10? dubídoo. E iso que, segundo os xornais de hoxe, o desdobre da ponte dos Santos concluirá en dúas semanas, e polo tanto é de supoñer que aumentará o tráfico. Se calquera xeito en relación a esto último, hai que aclarar que mesmo onte xoves á noite estaban traballando, e o que concluirá en dúas emanas non implica en absluto apertura dos novos carrís da ponte, senón que estará listo para comezar a fase seguinte de amño. É dicir, a finalización das obras, para o outono/inverno...

Recollendo a edición

A partires de agora irei de novo recollendo a edición de entradas, pouco a pouco e vendo algún tema atrasado, como o da manifestación. Pero ise é un tema longo, non para agora mesmo.
Hoxe, en troques, vexo nun mesmo xornal que Mahía restrutura a débeda para asegura a súa actividade inmobiliaria, o que fai despois de pedir varios millóns de euros ó concello polo tema do Costal. E tamén, que Ribadeo multa a cinco empresas con 1M€, algo xa vello que é recollido non na sección da Mariña, senón na parte xeral adicada a Galicia. Coincidencia do recordatorio? Non o sei...

20080811

Revisitando a manifestación

    Ría si, nave non. Despois de realizada, unha manifestación en Ribadeo da para pensar moito nela. En Ribadeo hai unha manifestación como moito ó ano (no que vai da década, coido que van tres), co que cada unha marca unha especie de punto crítico que debera analizarse con certa profundidade. E iso pretendo en base a varias entradas.
    Hoxe, tras avisar sobre o desenvolvemento da temática da manifestación, só deixo unhas cantas ligazóns. 
    A primeira, xa vista no blog, ás fotos.
La Voz de Galicia ... e o previo, no periódico do domngo.
... O progreso de onte (p.5), que o de hoxe será posto en internet mañá.
El País, hoxe.
A información previa de Adega.
En Asturias verde.
Na Cope, previos 1, 2.
La Voz de Asturias de hoxe.
Radiotelevisión del Principado de Asturias, onte.
La nueva España, hoxe.
No Faro de Vigo, un artigo xa vello, pero que se me escapara de referenciar.
El Comercio, hoxe.
Europa Press
Galicia Hoxe/El Correo Gallego, previo.