20061104

Nunca mais ... ? (2ª de hoxe)


Como cando se escrebe primeiro con letra grande e crara e logo con letra cada volta máis pequena e escura... cunha grande interrogación ó final Eso foi o que sentín ó ver o cartel que sae na foto, situado á saída de Burela e que era unha bandeira co 'nunca máis'. A bandeira non se coñece, e o nunca máis desapareceu co paso do tempo baixo a vexetación. Compárese coa idea que representaba. Compárese co sentemento e empuxe en cada un de nós hai non tanto tempo e agora. E logo, que cada quen saque as consecuencias e actúe segundo lle dicten o corazón e a cabeza.

Ribadeo, finaliza o leader


O Leader + xestionado pola Asociación Ponte dos Santos (en nome castelanizado, craro está) está dando os seus últimos pasos. Tres millóns de pesetas (18000€) para recuperar a fonte cavada será unha das súas derradeiras accións, comunicada días despois de que outra fonte emblemática de Ribadeo, a dos catro caños, fora vandalizada. Ese vandalismo nouturno é lembrado hoxe na prensa como arma política contra o goberno municipal, e é outra cousa que é necesario amañar en troques de dicir, cada volta que hai comisión de seguridade cidadán (con xente de Lugo incluída) que 'Ribadeo vai ben'.
Pero voltemos á Ponte dos Santos. Moitos cartos invertidos, pouco rendemento para o pobo. E así lembro cousas como a fonte da nova rotonda da entrada dende Lugo, pero poucas que serviran para algo máis que para adorno. Gústame Ribadeo bonito, pero os criterios de beleza aplicados últimamente non son moi compartidos por min, nin tampouco os de dinamización aplicados ó pobo. De calquera xeito, como cada quen ten os seus criterios e canon de beleza, e como dixen máis dunha vez, por exemplo, aplicado á estatua do Marqués despedíndose do concello de xeito displicente, non entro en discusións dese tipo. Nembargantes, lembro de novo, cal foi o rendemento dos cartos do Leader?

Se pasamos a cultura, váise a presentar mañá 'Final de película', co fonto consciente ou subconsciente da polo momento fracasada intentona de peli en Rinlo. E avísanse as novas xornadas de Estudios medievais da Mariña Central (Foz, 24-26N) e as de Patrimonio tradicional, tamén da Mariña Central (en Mondoñedo do 17 ó 19N), ambas organizadas pola Fundación Comarcal da Mariña Central, por se a alguén lle interesan. Estiven vendo os seus programas e quixera ir a varias cousas, pero o traballo é o traballo, fin de semana incluído. Como acostumbro últimamente, miro ós colaboradores e chámame a atención o ver só unha entidade do sector inmobiliario en cada caso, fronte á maioría que reseñaba hai pouco no blog en relación ás xornadas de medio ambiente en Ribadeo.
As dúas fotos de hoxe, unha da ría de Ribadeo, calmada, e outra do mar Cantábrico en Burela, onte, movido, dan unha impresión ben diferente do cambiante mar. Nembargantes, o mar é o mesmo...
--
Hai un ano situábame fóra de Ribadeo, cunha foto de ambiente kitsch.

20061103

Unha nova da tarde de hoxe (2ª)


Hoxe un camión púxose a arder na Ponte dos Santos. Non sei máis nova, pero como foi algo antes das 8 da noite, é posible que saia mañá domingo na prensa.
--
Hai cousa dun ano, comentaba sobre o día de defuntos en Ribadeo (en realidade, de Santos, como a nota de José Mª apuntou hai poucos días) pero só de xeito aparente trataba deso, e sobre a recollida de lixo en Nova Iorque...;
A foto? tomada na exposición sobre o nome da Ría de Ribadeo

Multas de 1.000 euros por tirar petardos


... Parece que o dos ruídos, a nivel nacional, cada vez é máis controvertido, se non, ese bando (coido que en Ciempozuelos, Madrid), quedaría no apartado de sorrisos do blog...
Hoxe a prensa trae informacións curiosas sobre o entrono ribadense. A primeira, que o bloque 'rebélase' contra o Ministerio de Fomento (controlado polos socialistas en Madrid) porque a variante non vai a gusto de Ribadeo. Tras logo tempo, cabería dicir algo así como 'a boas horas, mangas verdes'. E é que o problema das saídas das variantes primeiro, e logo do desvío dun regato, e logo a profundización do trazado, xa veñen de lonxe. De calquera xeito, máis vale tarde que nunca, aínda que aí esteñan as municipais.
Outra, que Medio Ambiente (esta volta, da Xunta) vai deixar 38.000.000 de pesetas (230.000€) no parque do Indiano, que parece que non lle pega moito. Nembargantes, pode resultar unha boa cousa, que haberá que ver, pois non sei moito do tema (como sempre, a publicidade fáise para anunciar e ponderar positivamente, non para informar e compartir decisións)
O concello segue querendo'papeles', certificacións como a de sostenibilidade para o parque, e para eso comezou a podar onte as palmeiras... aofgarse nun mar de papeles é doado (só hai que deixalos sobre a mesa sen facer nada con eles), peo realizar unha xestión que sexa algo máis que papeles xa vai sendo algo máis ifícil, e quedamos á espera de que en Ribadeo se logre.
Imos ter un 'parque comercial' de xeio efectivo antes que un 'parque industrial': Lidl, outra macrotenda, instalarase nese 'parque', incrementando o comercio de ribadeo pero diminuíndo o comercio no centro urbano (polo menos, eso coido)
Os socialistas parece que por fin, novamente antes das municipais, queren coordinarse apra lograr melloras na comarca. A estas alturas, parece outro brindis ó Sol para chamar a atención. Ogallá teña algo de fondo.
En Mondoñedo, pechan as covas do Rei Cintolo a instancias dos ecoloxistas: a explotación a que estaban sendo sometidas parece que non ía moito coa mantebilidade que se pretende en Ribadeo (non sei se tamén en Mondoñedo), pero o curioso é que aquí tampouco se paran as cousas a tempo e ten que ser o xulgado quen as pare. Un xulgado cada vez máis presente na vida pública ribadense. En descargo do concello neste tema, hai que dicir que tampouco penso que, se o concello está convencido da bondade xeral dun proxecto, obra, etc, teña que paralo porque alguén se lle enfrente dicindo que está equivocado. Sinxelamente, debe escoitar e xulgar, cousa que tampouco parece facer.
A foto da Ría de Ribadeo, esta volta fotografada dende Castropol cara a Santa cruz.

20061102

Auga, aceite...


Resulta que cada cidadán do planeta dispoñemos dunha grande cantidade dun ben escaso: a auga. Parece contradictorio, pero non o é así se consideramos por unha beira toda a auga que hai no mundo dividida entre a poboación, e por outra, a grande diferencia de distribución, que é un recurso limitado (a pesares da súa magnitude) e que a poboación mundial vai medrando, e que non é o mesmo ter auga pura que auga salgada ou auga contaminada... E ata o grande recurso que é o océno está en perigo por esta última razón.
A cousa ven a colación por varias razóns, como que a ministra do ramo pretenda cobrar un mínimo polo consumo de 60L/día e persoa e logo subir o prezo para cantidades maiores... O que ocorre ata agora é máis ben ó revés, todo o mundo ten que pagar un mínimo, consuma ou non, e logo aumenta o pago, pero dun xeito prácticamente proporcional, co que evidentemente se está primando o consumo. Apúntome á proposta da ministra, aínda que xa sabemos que a letra pequena ten importancia, e neste caso non sei siquiera se a hai.
Tamén ven porque en Ribadeo hai un sitio para botar aceite ó lixo, pero resulta que pon claramente que non se bote aceite de orixe doméstico. Plantéxome se é só porque tratar o aceite custa e a zona onde está o recolledeiro é unha zona de bandeira azul, e supoño que a recollida é costeada en parte de xeito privado (aínda que sexa a partir de subvencións), pero o caso é que non coñezo ningún sitio na poboación onde botar o aceite doméstico para reciclar. Eso implica miles de litros de aceite en Ribadeo ó ano que se van ó lixo ou direitamente, polas cloacas, ó mar. E propoño facer unha experiencia: tocar cun dedo aceite (usado ou non) e logo unha superficie de auga: veremos como o aceite se distribúe pola superficie de xeito doado, contaminando e facendo imposible o intercambio de gases entre a auga e o aire, e polo tanto, eliminando a posibilidade de vida normal na auga.
E nesto lémbrome: as fontes do Lobo, en Vilaselán coido que eran a orixe da primeira auga traída a Ribadeo. Logo, máis polo aumento do consumo que da poboación, foron insuficientes, e mentras se seguían taponando fontes ou cambiando a súa orixe da natureza para a traída, pasou o tema tamén a depender do encoro de Lexoso, que tamén se fixo pequeno (ó tempo que se colmataba de area) e logo fóise procurar máis lonxe, ó Eo... é de comprender que teña un fin esa procura, que non poda ser indefinida, pero así estamos, mentras as fontes de toda Galicia teñen un grave problema de contaminación bacteriana debido ás prácticas agrícola-gandeiras, que terán que cambiar, pero aínda non se sabe moi ben cómo (polo menos, en cómo aplicalo) É dicir, enfrontámonos en breve a un problema de auga que noutros sitios xa teñen, como nesa poboación que rematan de aprobar a construcción dunha morea de novos pisos para especulación urbanística sen teren asegurado hoxe o recrso acuático correspondente. Ben, aquí estamos mellor, pero podemos dicir: 'aquí tampouco' (tampouco estamos a salvo se se seguen a facer as cousas de xeito irresponsable)
E sobre a contaminación da ría e o mar, aí está por exemplo o caso Prestige ou máis achegado, o tema da piscifactoría de Piñeira e o arrastre correspondente de refugallos ata a ría de Ribadeo.

20061101

Entradas vellas (3ª de hoxe)

Só unha lembranza do escrito no blog hai cousa dun ano, xa que non o fun poñendo día a día (tampouco están todas aas entradas):Varia, como dí o título, sobre varias cousas
Unha fonte, sobre a fonte preto da antiga cárcere
Un Un apunte: unha colaboración, aproveitando unha foto que me chegou.
Ribadeo noble, sobre os escudos en Ribadeo
Congreso en Ribadeo, avisando do congreso de Enciga que se ía celebrar un mes despois.
Antenas tamén en Ribadeo, sobre antenas disimuladas, algo que segue a existir
Unha botella en Santa Cruz, restos sen recoller nun concello que no que a limpeza caeu os últimos tempos, pero que non é nada extraordinario por ser no monte...
Primeira foto de comparación en relación ó Ribadeo antigo
O dito, había máis, pero por hoxe chega; ó fin, son atrasos e non novidades.

1945 (2ª de hoxe)


É o número de visitas do blog durante o mes pasado, unha nova marca de visitas mensual e media diaria, aínda que sexan 31 días, con preto de 63 visitas diarias. Na horizontal do gráfico, o número de mes, comezando en agosto do ano pasado, comezo do blog.

Ribadeo, día de defuntos

Ontes o mercado estaba cheo de frores. Hoxe, mercores, non hai mercado. É día de defuntos.
É curiosa a parafernalia do día. Coido que a celebración de defuntos ven de moi antigo, con base na lembranza dos seres queridos que xa non están, convertida en consideración relixiosa. Na actualidade, o cemiterio está tamén concorrido o día anterior, pois hai o ímpetu de propaganda de locer as tumbas dos seres queridos antes de que veña a avalancha do mesmo día da celebración. En xeral, a xente que vai o día anterior vai para traballo, de preparación, e o mesmo día, máis de festa, de celebración ou mellor, de conmemoración. Hai xente que non vai en todo o ano lembrar ou adornar, e vai ese día como unha obriga. Outra xente procura fuxir do cemiterio precisamente porque hai demasiada xente e perde a intimidade cos seres queridos, ou aínda porque, como ocorre en moitas procesións / promocións, considera que hai xente que vai locer a súa figura ou vestimenta, e non comulga con esas rodas de muíño...
As frores adornas en grandes cantidades, de xeito que o mercado tamén se aproveita coa suba de prezos no entrono do día e a competición que se establece no adorno. Outra vertente do día é para máis de un o comentario de cómo se atopa ou o bonita que quedou esta ou aquela tumba... Non sei por que vénme á mente unha historia dun libro de Dominique Lapierre sobre a India, 'La ciudad de la alegría', na que un pai auténticamente deslomábase e caía enfermo, morrendo e tendo apalabrada a venda dos seus ósos, todo dentro dun plan para poder ter cartos abondo para casar coas parafernalias pertinentes á súa filla, á filla duns desherdados. Aquí, alomenos no que se trasloce, non hai quen chegue a tanto, pero a competición establećese.
Para min, as celebracións cíclicas teñen o sentido da lembranza, pero riscan de converterse en ceremonia, en propaganda, a partir ade algo que implica sentemento, sentir para lembrar. Ás veces pode ocorrer o contrario, lembrar para sentir, e isa coido que é a base da repetición ceremonial, pero o feito da interferencia con outros sentires, conveniencias, intereses, etc, fan que as celebracións repetidas tendan a perder o seu sentido, aínda que se siga a compartir / sentir a causa pola que se establece a celebración.
En fin, un tanto tráxica a entrada de hoxe... haberá que facer outra apra outras cousas.