Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta varado. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta varado. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240315

Máis sobre o Albiz

    Albiz. 1000 Tm. Iso é o que se pretende descargar a partir de domingo se seguen a fallar as manobras de desenvaramento na ría. Baixar de 3500 Tm de carga a 2500 (a carga máxima do buque está en 3900 Tm). Mentres os Sertosa 19 e Sertosa 30, seguirán a intentar que o buque non siga varado cando as condicións de marea sexan boas. O Punta viñas é o do práctico e o Alaska I que pode verse tamén nestes momentos na ría se se accede a https://www.vesselfinder.com/ é a draga. En baixo quedan un par de fotos de Suso coa situación o venres 15 á noite, cando se produciu un desprazamento do buque, quedando finalmente varado noutro lugar máis próximo ó punto de atraque en Mirasol. Finalmente, o barco quedou liberado o sábado á mañá.





Manobra e varado de buque na ría de Ribadeo

    Deixo en baixo o vídeo dunha manobra na ría previa ó atraque no peirao de Mirasol dun buque que chega baleiro a cargar (o Antje K). E fotos de un par de días despois (onte xoves) de outro, o Albiz, 100 m de eslora, 16 de manga e 3500 Tm de carga, que quedou varado ó facer a mesma manobra vindo para descargar de madeira.


    En canto ó varamento, as fotos están tomadas dende un par de lugares de Castropol. Hai unha pequena variación de marea entre as fotos, abondo alta en todas, e diferentes perspectivas mentres os remolcadores tentan sacalo do tesón. Tamén, en algunhas pódese aprezar o remover da area, variando a cor da agua, e a corrente polo mesmo efecto.





    Sobre o Albiz: propiedade da Naviera Murueta. Construido en 2008 en Guernica. Viña de Huelva cargado con madeira para Ence Navia. Quedou encallado xa preto da pleamar. Para soltalo, cousa que ainda non se produciu, polo que pode verse na ria, haberá que descargar parte da carga do mercante de ata 3999 Tm.

    Outro varamento: o Beza (2007). O anterior varamento tivo lugar o ano pasado, 2023.

    Sobre o Antje K:


20180201

Río Uso, en Ribadeo?

    Onte, o ABC, titulaba unha nova 'La subasta para vender el barco de Ciudad de Vascos no recibe ofertas'. Non era a primeira vez que nomeaba o tal barco: hai xa varios meses daba nota da súa existencia (varado, dicía, cunha foto atracado) no peirao de Ribadeo á espera dunha subasta.
    A historia non deixa de ser ilustrativa de como pasan algunhas cousas relativas ós bens públicos (tamén pasan cos privados, pero iso depende de cada quen): a Deputación de Toledo encarga un barco a Gondán (río Uso, 14,75 m de eslora, 4,8 m de manga, segundo a web de Gondán) para navegar polo encoro de Azután (cruz no centro da imaxe):
    A cidade de Vascos son unhas importantes ruínas á beira deste pantano, situado na provincia de Toledo, preto xa de Extremadura, a cabalo entre os ríos Texo e o seu afluente Uso, que da nome ó barco, e cara á que se pretendía levar xente a través do pantano.
    Naturalmente, o feito de ser un lugar protexido medioambientalmente, e a moitos quilómetros de Lisboa, a saída ó mar das augas do Texo, fixo que as características do barco vaian do silencio a paneis solares, pasando por un tamaño adecuado (60 persoas máis dous tripulantes) e un perfil adaptado á navegación fluvial.
    O caso é que o goberno provincial cambiou, e as miras tamén. Considerouse un proxecto megalómano (para entendérmonos, como o da Cidade da Cultura santiaguesa) e tras a entrega, quedo esperando na ría de Ribadeo. Hoxe leva tempo varado en Porcillán, a primeira subasta organizada pola Deputación toledana quedou deserta, a segunda vai cunha rebaixa do 15% e xa se verá...
    Mentres, pode observarse desde o paseo marítimo Rodríguez Castelao de Ribadeo co asteleiro que o fixo ó fondo, a máis de 500 km do destino que esperaba... e que segue a esperar.

20170504

DECADENCIA DO PORTO NATURAL MARÍTIMO COMERCIAL DE RIBADEO. Francisco José Campos Dorado

Zona portuaria de Ribadeo dende Castropol.png

Fai tempo que veño dándolle voltas ó “magín”, para entender como é posible que a vida de Ribadeo, que se desenvolveu ó longo da súa historia case de forma autárquica, haxa perdido todo tipo de goberno autónomo municipal. Enténdase, neste caso, autarquía, como unha política onde Ribadeo valíase dos seus propios recursos de riqueza e subsistencia e na que se evitaban inxerencias estrañas ó Concello. Todos os camiños de razoamento me levaron ó mesmo punto: Ribadeo perdeu a autonomía propia o día que perdeu a Ría de Ribadeo como Porto Natural Marítimo Comercial. Aí radica o gran error da política municipal, e da provincial e autonómica de soporte económico á seguridade do Porto de Ribadeo, que leva soportando este baldón, desde que a algún iluminado lle deu por facer o primeiro Paseo Marítimo, a primeiros dos anos setenta, o cal, como algúns cidadáns de Ribadeo denunciaron naquela época, ía orixinar colmatacións de area en tesóns e canles de navegación, que pouco a pouco lle irían restando calado os barcos que puideran evolucionar no peirao comercial de Figueirúa ou de Mirasol.
Un Peirao Seguro–Porto Seguro (Safe Berth-Safe Port) considérase desde o punto de vista náutico, todo aquel ó que se pode chegar con seguridade, e que durante a permanencia no peirao o barco sempre estará a flote, sen tocar fondo na baixamar. Pois ben. A partir daquela primeira obra do Paseo, seguiron outras de ampliación, de recheos, de escolleras sen sentido que non serven para nada rendible, pois o Porto de Ribadeo está enclavado nun entrante natural do mar que unha vez pasada a boca da barra está considerado de augas tranquilas todo o ano, para todo tipo de barcos mercantes. ¿Si é de augas tranquilas, para que se queren escolleras de mar bravo? Ademais, fixéronse (parecen como a mala fe) varios espigóns de terraplén con rampas de pedras que non teñen nin un metro de atraque. ¿Son estes os proxectos de futuro os que estamos condenados en Ribadeo pola Administración de Portos de Galicia?
Estes espigóns, escolleras e grandes recheos, dixéronnos que eran para “ampliación do Porto”, e cada día, desde que os fixeron, están entrando barcos veleiros máis pequenos que aqueles dos séculos XVI, XVII, XVIII e XIX que fondeaban en Porcillán, e mercantes metade máis pequenos que aqueles de ata o ano 1980. ¿Por qué ocorre exactamente todo ó revés do que nos “venderon”?
Á obra da ampliación do Paseo Marítimo, engadíuselle a obra da Ponte dos Santos que limitou o gálibo de navegación, e por tanto limitou a altura de topes dos barcos, cousa que nunca houbera ocorrido se a Ponte dos Santos, fora construída desde Punta do Costal ó cemiterio de Castropol, como antigamente xa pensaran os enxeñeiros e mariñeiros de Ribadeo. Tan destrutora obra civil (para o Porto) non só limita a altura de topes dos barcos, se non que as enormes zapatas das pilastras non permiten o libre fluxo e refluxo da marea, pois a crecente transporta area que asenta dentro de ría, e que logo a baixante non é capaz de devolver ó mar. Así un día si e outro tamén a Ría de Ribadeo vai quedándose sen calado centímetro a centímetro, e ó cabo de moi poucos anos, por este camiño, quedarémonos sen Porto Comercial para barcos. Se acaso, só poderán atracar gabarróns de pouco tonelaxe. Xa poden gastarse millóns e millóns de euros anuais para dragar a Ría de Ribadeo, que nunca se dará dragado, pois: “Non se pode loitar encontra da Forza Natural do Mar”, pois el é capaz de meter tanta area nunha marea, como a que sacou nun ano unha draga como as que aquí se utilizan para limpar o canal.
Por outra banda, parece como se a xente que “goberna” estes temas, pensara que dado que Ribadeo é porto de mar, loxicamente ten que ser marítimo comercial por natureza. Pero non é así. A confusión no criterio, radica en que “marítimo” significa “pertencente o mar” pola súa proximidade ou pola súa relación política ou comercial con el. Hai moitos pobos na Mariña que son costeiros ou próximos o mar, e que non son portos, ou que, aínda sendo Portos de Pesca, non son Portos Marítimos Comerciais, pois isto implica mercadorías do ámbito da Mariña Mercante, polo que os portos teñen unhas infraestruturas que competen as mercadorías que manexan.
Tamén dicir que a Ponte dos Santos é necesaria para o progreso de Ribadeo, pero tamén para o progreso dos pobos do entorno. Mais, como xa dixemos, a ponte deberá ser trasladada a outra zona da Ría, que non destrúa o libre tráfico comercial.
O Porto de Ribadeo desde a boca da barra ata o fondo da ría, en Vegadeo, ten unha extensión de 9 km, cerca de 5 millas náuticas (de 1852 m), unha largura máxima de unha milla, que se alcanza entre Figueirúa e A Liñeira, e noutros puntos un kilómetro entre as Carrallas e Arnao, oitocentos metros entre Figueirua e Castropol, e na parte máis angosta, onde se fixo a Ponte dos Santos, San Miguel-San Roman, algo máis de medio kilómetro.
Sen dúbida, un punto especialmente adecuado para a nova construción dunha Ponte sobre a Ría de Ribadeo, ó noso entender, sería o antedito, a Punta do Costal e Castropol, pois incluso se podería pasar, por debaixo da calzada da autopista, unha vía do tren con acceso o peirao de Mirasol e con todo tipo de accesos peonís e de bicicletas. Isto sería pensar no futuro, e non estar a bailar a favor de dúas ou tres empresas que se están lucrando do Porto de Ribadeo, e encima temos que estar soportando as cantinelas de que se queren ir, para que lles baixen aínda máis as taxas portuarias.

O día 24 de Abril de 2017, lía na primeira plana de La Voz de Galicia, a noticia de que saía do novo Porto de Burela un barco cargado con 5500 Tm de eucalipto. Sentín unha profunda tristeza por Ribadeo e alegreime por Burela, pois foron xentes que loitaron desde sempre polo seu porto, facéndoo un dos portos de pesca máis importantes no Cantábrico, e agora lograron que lles fixeran un Porto Comercial Artificial que recompensa o seu esforzo. ¿Por qué Ribadeo se quedou varado na súa historia? ¿Por qué pasamos de ser un Porto Comercial Natural que xeraba recursos de riqueza para todo o pobo, a ser un Porto de Postal?. Ou sexa, só sirve para ter barquiños amarrados como figuras inmóbiles, para facer como un bonito Belén dos portos de Galicia, que só sirve para que algúns turistas saquen fotos. Moi guapo, precioso, dirán algúns, pero ¿isto non podería haber ocorrido, sen tirar á Ría tantas miles de toneladas de escombros? ¿como é posible que diversas “autoridades locais” se retraten có Xefe de Portos de Galicia, cando declara moi satisfeito, que houbo un beneficio no porto náutico de Ribadeo de 40 000 € no ano 2016? ¿Como é posible que este señoriño, nos intente vender un estrepitoso fracaso, como un logro “con beneficios anuais”, cando esa cantidade debera de ser a ganancia diaria?
A Regulamentación de Portos, segundo o Boletín Oficial do Estado nº191, de 7 de agosto de 2010, publica a Ley 33/2010, de réxime económico e prestación de servizos nos portos de interese xeral, co propósito lexislativo de facer un profundo cambio, particularmente expresa, entre outros, os seguintes puntos:
1) Impulsar unha maior modernización e competitividade nos portos españois.
2) Reforzar a autonomía da xestión e funcionamento das Autoridades Portuarias, para garantir unha maior eficiencia nos portos de interés xeral.
3) Cada Autoridade Portuaria dispoñerá das súas propias taxas polo uso da infraestrutura conforme os seus custes individualizados.
Pois ben, no Porto de Ribadeo, referente ó primeiro punto, non se fixo nada, excepto “escombrar”. Non hai unha triste maquinaria pública e autónoma que modernice a competitividade. Todo é privado.
Referente ó segundo punto, reforzar a xestión Autonómica, a Xunta non vemos que fixera absolutamente nada.
Referente o terceiro punto, o único que se fixo foi abaratar as taxas, para que unha empresa privada como ENCE faga o seu propio antoxo, e ameazando cada día de que vai parar de usar o Porto de Ribadeo. ¿Por qué non se lles colle a palabra, e se lles suben as taxas 50 ou 100 veces para que se vaian xa dunha vez? ¿Cal é o beneficio que deixan no Porto de Ribadeo? ¿Canta xente de Ribadeo traballa no noso porto? Antigamente soamente o Taller Barcia-Seivane tiña 26 mecánicos e soldadores de primeira clase. O Pósito de Pescadores chegou a ter unha inscrición de 340 mariñeiros. Os talleres do peirao, aserradeiros de madeira e negocios varios, daban traballo a case outro medio centenar de homes.
Si falamos das antigas fábricas conserveiras de pescado, as fábricas daban traballo a centos de mulleres, como a fábrica de Bravo Otero (ata 1942), situada en Porcillán onde hoxe está a vella fábrica de xeo. Na fábrica da Vilavella, de D. Fidel Gayol, D. Luis García e D. Manuel Lens, onde trataban sardiña, bonito e palometa, había cento trinta traballadores, de eles cen mulleres. A Trocha, ó final da Rúa Antonio Otero, xunto á Aduana Vella, onde envasaban anchoas, e poñían a secar raias. A Fábrica de Peláez, que se levantaba onde hoxe está a Planta de Cultivos Mariños. Aquilo era mover o porto de Ribadeo. O movemento de mineral, tamén ocupaba a unhas deceas de postos de traballo directos e centos indirectos. ¿Qué é o que hai agora? ¿dez postos de traballo? ¿e debemos conformarnos con isto? Creo que como Porto Comercial, Ribadeo non puido caer máis baixo, e vai desaparecer totalmente enterrado na area. ¡É unha mágoa, pero eu así o vexo e o sinto!
Felices Festas da Virxe do Carme!
-- 
Secuencia de carga en Mirasol (2009):

20081227

O porto de Ribadeo, de novo

    O día 9 deixei un post sobre a carga no porto que entendo que na actualidade é abondo eficiente, pero iso non evita que poda saír algunha idea que a mellore. Nos comentarios adiantei que voltaría a tomar o tema máis adiante, se ben con poucas novidades. Dous conxuntos de fotos sobre a circunvalación de Mirasol despois, aquí vai o novo post. 
    Con anterioridade teño deixado moitas outras entradas, como iste ou 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, ... e moitas máis (ver os arquivos de xuño, xullo, agosto, setembro, anteriores, ... destacando quizais en particular ista ou ista outra sobre mencións do tema na prensa). 
    Despois de todos eles, de cara ó pasado non teño moito máis que dicir. Sobra o que, como en xeral a quelquera que pense un pouco no futuro de Ribadeo, o porto ten importancia nese futuro, igual que a tivo no pasado. Sobra tamén o dicir que o porto non pode manterse no século XXI como a comezos do xéculo XX, pero tamén cabe dicir que houbo decisións de fóra de Ribadeo que tiveron abonda máis importancia que a manifestación, que se un barco de 120 m para xirar xa invade a zona que non é de portos (e queda encallado), algo falla xa na situación e/ou nos estatutos do porto tal como están an actualidade, que no balance de empregos está abondo obscuro que se se construíra unha gran nave a cousa fóra saír positiva, que o recheo anterior ou o anterior máis teñan servido para algo máis que para solo barato, ... e non se pode dicir que a causa da manifestación Gondán xa non finaliza os barcos aquí, porque non é isa a causa. Nin tampouco que o transporte de pasta de papel se vaia definitivamente para Xixón (ou non, que carga de papel noutros portos ten habido), pois xa teño comentado a táboa de tempos e non coincide con que a culpable sexa a manifestación.
    Ou sexa, aconsello mirar as entradas anteriores, ou en Technorati abaixo, ou en google, para discusións que xa se tiveron.
    Respecto a cousas novas do porto, aí están os derrumbes, a circunvalación e tamén sinxelamente o xeito de facer as cousas ou outras alternativas. O artigo de Pancho (o que reseño antes co nº 5) apunta algunha suxerencia, a parte do tema que se intentou soslaiar varias veces con éxito do porto exterior. En canto ós derrumbes, manifestan unha vez máis algo evidente: en xeral o porto fóise facendo sobre ideas puntuais de xeito rápido, necesitando dende hai tempo dun plan xeral estudado e consensuado. Algo que non se deu e no que se insistiu durante o proceso que tivo lugar contra a nave. Os derrumbes parece que costou pouco traballo evitalos no futuro. Pero sucederon. E que non costara moito non foi causa de que se tomaran as medidas oportunas para evitalos. A ver se aprendemos e aparece tomada en considerción a idea do plan para o porto, non para unha ampliación, recheo, circunvalación ou nave, senón para todo o porto.
    En canto á circunvalación, a auga case pasada, pouco hai que dicir. No parece que vaia quedar mal como vía, en canto a amplitude e prestacións de comunicación.
    Si que vai ser a confirmación dun pequeno muro fronte á ría, alonxándoa máis da xente de Ribadeo en canto se peche o porto. Costa traballo crer que ó final se vai cerrar, poñendo dúas persoas nos dous extremos onde están previstas as portas, despois de anular xa una recén feita, outra sinal máis de improvisación sobre a marcha.
    A conta dun estudo escolar sobre varios aspectos da ría, tiven información de que algunha vez se ten feito a medida 'oficial' das mareas. A falta de recibir máis información, e con isto remato por esta vez, coido que debera facerse xa de novo, e dun xeito máis amplo do que se ten feito, xunto coa actualización da sondaxe da ría. Facer estudos previos custa menos que meterse a obras e pode evitar algunha cousa que algunhas obras non fan máis que empeorar, e volvo a mencionar o que quedara varado o barco hai pouco tempo.

20070419

E detrás da tempestade, chegou a calma para Ribadeo?

    Case ó tempo que se estaba a producir o pleno de anteonte, saía o Beza da ría pola que se chegou a temer ó quedar varado. Deixa no porto ó Edda From, encago noruegués para Gondán, ó futuro servizo de plataformas petrolíferas, así como un barco guerra coido que para Kenia e xa está outro cargueiro descargando... conferencias na casa das letras, noites activas para a fin de semana, Horacio Cupeiro pretende crear unha asociación de cultivadores de Bonsáis, ... todo normal.
Pero non na política, onde para comezar seguen o pleno. E dun xeito que estou tentado a rectificar o que puxen no post dicindo que se voltaría a retomar co novo mandato. Como polo momento non se dixo nada de tirar, non o fago, pero as declaracións de Fernando Suárez a Localia parece que van na boa dirección, e as do alcalde turrando para levar o gato a auga, pero coido que cun ánimo que non lembra os seus mellores tempos, nin cando acusa de deslealdade ó BNG. E o PP saca de novo a casa do Prelo, na Atalaia, unha das que saen en 'Ribadeo falls' e di que levará o tema ó xulgado.
    E mentras, a cuarta forza, ou UPRi que chegou tarde á expansión mediática do outro día do pleno, tenta o seu sitio nos medios, pedindo que no Costal se faga unha zona ó estilo dun parque (haberá que esperar a proposta real para non ter en conta o da prensa, onde moitas veces as propostas saen irrecoñecibles)

20070413

O Beza pasou por Ribadeo






    Pasou o pequeno susto do encalle do Beza fronte á confraría de pescadores, recheo vello. Agora, unha vez levado a porto coa axuda dun remolcador, tocará analizar se se poden facer as cousas mellor, ou poñer máis medios, ou facer o porto exterior, ou... esperemos que non se convirta en loita política, que xa hai abondas. E como mostra, un botón: á oposición non lle saen as contas do plan de dinamización turística. É dicir, parece que alguén se embolsara unha boa cantidade. É unha acusación que pode dar moito pé a ataques diversos, pero que debera rematar no xulgado se ten base (... se se lee máis abaixo, a mesma nova se rebaixa por si soa). Igual que, por outra parte, rematou no xulgado a construcción en Barreiros e é previsible que tamén rematará a de Ribadeo se se pretende facer unha legalización de ilegalidades puntuais. En ningún dos tres casos estou dicindo nada que non saia na prensa hoxe... e hai máis cousas menores pululando polo pobo, como o reclamo a Fomento por parte do primeiro tenente de alcalde do amaño dun vial 'desamañado' nas obras da circunvalación. Son 'emocionantes' estes períodos preeleitorais...
    A todo esto, a conta do Beza temos máis datos sobre a ría na actualidade: o Beza necesitaba 5,8m e a canle non estaba exactamente onde quedou varado en marea abondo alta, pero a diferenza era pouca... co pouco vento que había, din que o logrou desviar esa pequena diferenza. Tamén sabemos da descarga de fertilizantes e a carga de pasta de papel, dando máis orientación á xente da rúa da actividade portuaria que se cerrará calquera día destes ó paso do público ribadense.
    E dúas novas de fóra que se poden interpretar como o das barbas do veciño remollando: unifícanse nun único centro as ensinanzas de infantil e primaria en Monterroso (lembrámonos de movementos unificadores na Mariña non hai moito, aínda que sen consumarse polo momento), e en Foz a alcaldía conta coas asociacións para a presentación do futuro auditorio (xa veremos en Ribadeo que pasa en temas de semellante interese veciñal).
    A parte gráfica, o Beza co remolcador á beira, e o programa de noites activas que comeza esta fin de semana.