Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta mostra de teatro daniel cortezón. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta mostra de teatro daniel cortezón. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20241010

XXI Mostra de teatro Daniel Cortezón

    
    Esta fin de semana (venres 11 a domingo 13 de outubro) , ás oito da tarde, no auditorio Hernán Naval de Ribadeo terá lugar a XXI Mostra de teatro Daniel Cortezón.

    O Grupo de Teatro de Ribadeo é o anfitrión desta cita, que contará tamén coa participación do grupo 57 Palabras (Viveiro), e de Rebuldeira Teatro (Sarria). As funcións serán no auditorio municipal ás 20.00 horas os días e a entrada terá un prezo de 3 euros”.

    O venres, o grupo 57 Palabras representa dúas pequenas obras: 'Orde e matrimonio' e 'Entre nosoutras'. 57 Palabras é un grupo de recente creación, que xorde sobre todo coa intención de facer teatro en galego para entreter. Está formado por actrices e actores cun amplo percorrido no mundo escénico e audiovisual.

    O sábado, Rebuldeira Teatro representará 'Cita previa (Historias disparatadas nas consultas médicas)'. Esta formación de Sarria naceu no 2011. Está formado por alumnado e ex alumnado da aula de formación teatral creada no propio concello. Na actualidade está formada por actores e actrices con idades que van dos 28 anos ata a xubilación. Na súa andaina, chegaron a actuar por toda Galicia e mesmo fóra dela en colaboración cos Centros Galegos de Barakaldo e Barcelona.

    O domingo, o Grupo de Teatro de Ribadeo porá en escena 'El rigor de las desdichas', do poeta nacional uruguaio nacido en Ribadeo, José Alonso Trelles, El Viejo Pancho. É unha comedia lixeira en verso arredor da relación entre o amor e os cartos. Formou parte da recente homenaxe que o Concello de Ribadeo lle organizou ao autor con motivo do centenario do seu falecemento. O Grupo de Teatro de Ribadeo naceu tamén dunha aula de teatro que o Concello puxo en marcha en marzo de 2007. Dende daquela combina as súas propias montaxes independentes coas vinculadas a eventos do Concello como o Ribadeo Indiano ou o Ribadeo Ilustrado”.


Mati, impulsora, e Begoña, concelleira.


 

20231026

XX Mostra de Teatro Daniel Cortezón

    Deixo a continuación a nota de prensa do concello dado a nova da celebración, esta fin de semana, da XX mostra de teatro Daniel Cortezón.

A XX Mostra de Teatro Daniel Cortezón celebrarase do 27 ao 29 de outubro no auditorio municipal de Ribadeo

25/10/2023

O evento foi presentado pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, e pola viúva do dramaturgo ribadense, Mati González.

A edil ribadense contou que “esta fin de semana (venres, sábado e domingo) terá lugar ás 20.00 horas no auditorio municipal a XX edición da Mostra de Teatro afeccionado, que leva o nome do insigne autor teatral ribadense Daniel Cortezón”.

Sanjurjo explicou que “desta vez dous grupos veñen de fóra da Mariña, un de Narón e outro de Pontevedra e o terceiro é veciño noso de Barreiros. Comezamos coa formación pontevedresa Avelaíña Teatro, que pon en escena este venres Almas na Gloria: don Paco, con texto de Manolo Ayán e dirección de Antonio Simón. Esta é unha historia vinculada ao autor laurentino homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego. No escenario acompañan a este personaxe outros como Otero Pedrayo, Fermín Penzol, Álvaro Cunqueiro ou Enrique Peinador e lembran a súa mocidade, a vinculación ao Seminario de Estudos Galegos e o que supuxo o franquismo para a cultura galega”.

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “o sábado gozaremos co grupo O Aturuxo de Melpómene, dirixido por Leandro Lamas e que nos presenta A pena do cu do mundo. Trátase dunha comedia musical na que unha peculiar familia que habita nunha aldea no cu do mundo ve alterada a harmonía das súas vidas por uns acontecementos inesperados. E finalmente o domingo o Colectivo Cultural Ollomao representa O traballo de Andrea, unha obra sobre o papel que xogan as novas xeracións na preservación da Memoria Histórica da Guerra Civil e da Postguerra. É un drama de 90 minutos, sobre un texto de Ignasi García Barba, nunha adaptación dirixida por Ramón Casas Oroza e cun elenco do que forman parte varias veciñas e veciños de Ribadeo”.

E engadiu: “agardamos que esta proposta, que xunta divertimento e reflexión sobre a nosa historia sexa do agrado de todas as persoas que venres, sábado e domingo se acheguen ás oito da tarde ao noso auditorio municipal para gozar da XX Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón”.

20211001

Mostra de teatro afeccionado Daniel Cortezón en Ribadeo, edición 2021

 Reproduzo a nota de prensa do concello:


PARTICIPAN 2 COMPAÑÍAS DA MARIÑA E 1 DE CORCUBIÓN

Mostra de Teatro Afeccionado

01/10/2021

A Concellaría de Cultura ven de presentar a XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará desde hoxe e ata o domingo, 3 de outubro, no Auditorio Municipal. As representacións darán comezo ás 20:30 horas e o prezo da entrada será de 3 euros.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo: "presentamos hoxe a XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón e agradecemos a Mati, compañeira de vida do autor do que colle o nome, que nos acompañe. Aínda que polo ano adiante o teatro amador forma parte da programación, queremos seguir mantendo esta cita do outono como xeito de garantir a presenza dunhas propostas que son importantes desde o punto de vista artístico mais tamén social, todos sabemos de todo o dinamismo que crean arredor de si os grupos de teatro afeccionado".

A edil ribadense explicou que “desta vez temos dúas compañías da Mariña e unha de Corcubión e o escenario ao que se subirán vai ser o Auditorio Municipal, queremos subliñar isto porque case a totalidade das outras edicións foron no antigo cine mais esta vez van ser no Auditorio Municipal. As funcións serán esta fin de semana, ás oito e media e o prezo da entrada é de 3 euros".

Pilar Otero contou que "comezamos hoxe, venres, co grupo de Vilaronte (Foz), Axóuxeres, é unha función de hora e media de duración. Representan a obra Cousas de Mulleres que conta a historia de tres persoas cos seus problemas loitando contra o mundo e ata consigo mesmas, ás que o destino une por unha casualidade e que sen pretendelo acaban converténdose en grandes amigas. Esta obra busca elevar os ánimos con humor xa que a unión fai a forza e non hai problema que non teña solución".

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que "o sábado O Torques de Burela recrea as peripecias dun vagabundo O Randiña, no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, ao abuso e á marxinación tendo como única arma o seu enxeño e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para saír ben librado. Esta obra convídanos a facer unha análise da nosa vida e do noso papel na sociedade desde unha perspectiva diferente, e dura uns sesenta minutos".

Otero Cabarcos engadiu: "rematará a mostra o domingo co grupo Farándula Velutina de Corcubión que representa A derradeira bala. Esta obra está dirixida polo seu autor, Fernando Castro Paredes, natural de Tapia, levou o premio do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2018 e foi publicada pola editorial Galaxia. A obra conta como Luciano é descuberto intentando desertar da guerra e, despois de ser xulgado polos seus superiores, é condenado a morte. A mañá seguinte será fusilado coa última bala que garda o pelotón mais o amor pola música de Luciano e as súas ansias de liberdade farán que a cousa se complique un chisco polo camiño. Botando man da traxicomedia, o autor tece esta obra cuns diálogos áxiles marcados pola retranca e ironía. Esta obra pon de relevo o absurdo da guerra a través do propio absurdo e axúdanos a ver como as veces nos agarramos a ideas sen sentido. Unha obra conmovedora que nos enfronta a emprender un novo camiño e que de seguro non nos deixará impasibles".

20171006

Hoxe podes relaxarte e desfrutar con cultura

Sempre chama a atención o poder relaxarse con espectativas de tranquilidade. Hoxe venres, e ata o domingo, a mostra de teatro Daniel Cortezón, xa na súa XIV edición, chama a atención. "A trastada", "Bicos de vinagre" e "Departamento de selección" serán as tres obras representadas sucesivamente.

A nota de prensa do Concello:
CON GRUPOS DE FIGUEIRAS, FOZ E A ESTRADA
Mostra de Teatro Afeccinado
04/10/2017
Mati, viúva de Daniel Cortezón, e Farruco, concelleiro de Cultura, na presentación.

A Concellaría de Cultura presentou hoxe a XIV Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará do 6 ao 8 de outubro. As representacións serán no Teatro ás 20:30 horas, agás o domingo que será ás 19:30.
A mostra comezará o venres coa representación da Asociación de Mayores Cristo del Buen Viaje, de Figueiras, que porá en escena a obra titulada A trastada. O grupo de teatro O Batán, de Cangas de Foz, presentará o sábado Bicos de vinagre, e Disfunción Continua, de A Estrada, o domingo Departamento de selección. Na presentación celebrada hoxe no salón de plenos do Concello de Ribadeo, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, estivo acompañado da viúva do dramaturgo ribadense Daniel Cortezón, Mati González.
O edil ribadense dixo que "con moito orgullo presentamos a décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. Son xa catorce anos desenvolvendo esta actividade que nos permite dar a coñecer o teatro que se fai pola nosa contorna e tamén por grupos que veñen de máis lonxe".
Graña sinalou que "nesta décimo cuarta edición que vai ser este venres, este sábado e este domingo, poderemos ver a representación dun grupo de teatro duns veciños nosos das Figueiras, é o grupo da Asociación de Mayores Cristo del Buen Viaje e vainos representar A trastada. Como ben pode verse a través do título é un conxunto de trastadas que fai a personaxe principal da obra e que é unha comedia que pode endulzarnos ben a tarde do venres, e poderemos pasalo moi ben ás oito e media no Teatro de Ribadeo. Imos ver como os nosos veciños doutro lado da ría fan teatro igual que eles veñen aquí outras veces e ven cómo nós facemos teatro. O importante é intercambiar e ver a xente distinta que fai teatro".
O concelleiro de Cultura engadiu que "o sábado, tamén no Teatro ás oito e media, o grupo de teatro O Batán, de Cangas de Foz, visítanos. É outro grupo de teatro de aquí cerca, xa da Mariña luguesa, que vai representar Bicos de vinagre. Combina un pouco comedia e algo de traxedia, pero nun formato un pouco distinto ao do venres".
Farruco Graña subliñou que "o domingo tamén no Teatro, pero ás sete e media, porque o grupo que nos visita ven desde A Estrada e pediron que puidera ser un pouco antes a representación teatral. Disfunción Continua representará Departamento de selección. É o reflexo da vida mesma, a xente buscando traballo que ten que pasar por un grupo de selección e que se ve sometida a unha serie de probas. É unha metáfora da vida mesma, as dificultades que nos mostra o día a día, os momentos doces e algún sabor cómico, pero tamén momentos dramáticos e que reflicten un pouco a condición humana. Diso trátase a fin de contas o teatro, de reflectir a condición humana, en clave de humor, en clave traxicómica, noutras ocasións en clave de traxedia".
O concelleiro ribadense declarou que "en Ribadeo sempre estamos abertos e abertas a ver e a facer teatro, a aprender dos demais e a mostrar aos demais o que sabemos facer. Así que convido a toda a veciñanza do propio concello de Ribadeo e dos concellos limítrofes a ver e a asistir ás representacións teatrais da décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón".
Pola súa banda a viúva do dramaturgo ribadense Daniel Cortezón, Mati González, quixo "animar á xente a que acuda a esta mostra. Xa van catorce edicións e creo que xa ten unha traxectoria moi importante. Gustaríame que fora moita xente e sobre todo especialmente que a xente do grupo de teatro de Ribadeo acudira para opinar, valorar e ver aos distintos grupos de teatro afeccionado que temos en Galicia e neste caso tamén na parte de Asturias".

20110314

Un libro sobre Daniel Cortezón

    Comeza a semana. Ó final dela, o 19 ás 19, terá lugar a presentación dun libro homenaxe a Daniel Cortezón. O lugar, o Salón de Plenos da Casa do Concello, como corresponde a un ribadense con ficha na BVG e na AELG, a parte de levar o seu nome a mostra anual de teatro afeizoado que ten lugar en Ribadeo. Na obra participaron 65 amigos e estudosos da obra de Daniel. Xente de Ribadeo como Luz Pozo, Carlos Alvarez Lebredo ou Santiago Sanjurjo. Tamén de amigos de Madrid (Jerónimo López Mozo, Julio Diamante, Delfin Mariño, ...) e de Vigo (Xose Luis Franco Grande, Manuel F. Vietes, Fernando Barros...), así como xente do teatro galego (Gustavo Pernas Cora, Xulio Lago, Roberto Casteleiro, ...), e colaboracións varias máis difíciles de encasillar nos grupos anteriores como Gonzalo Moure ou Francisco Mariño. Por suposto, tamén ten colaboración gráfica, de fotografos como Fernando Represa, Jaime F. Pola ou Fernando F. Paez, de debuxantes como Eduardo Baamonde, ou Juan López Rico, e mesmo un retrato feito por Mª Pilar Alonso Martínez-Crespo (Paly).     Inclúese tamén a participación de amigos desaparecidos: Dionisio Gamallo Fierros e Cándido Sanjurjo teñen artigos na obra, e Suso Peña colabora coas súas fotos. Da maquetación e o deseño do libro, que ve a luz a iniciativa de Manolo F. López, de Gráficas Lar de Viveiro, e Manuel Valín, encargouse Beatriz Mohedano, quen usou para portada unha fotografía de Diego Casado. A obra do amplo abano de colaboradores será presentado por xente das institucións e da cultura de Ribadeo nun acto ó que se prevé numerosa asistencia.

20090925

O sinalado desta fin de semana en Ribadeo


Corto e pego (e engado) do boletín de cultura:
no CINE TEATRO

VII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DANIEL CORTEZÓN

Sábado 26, ás 21.00 horas O ATURUXO DE MELPÓMENE presenta Comendo pimentos de Padrón con Tarantino, escrita e dirixida por Leandro Lamas. Unha comedia para maiores de 13 anos.

Domingo 27, ás 17.30 horas TRÉCOLA TEATRO coa obra Pinokia, orixinal de Fernando Dacosta e dirixida por María Díaz. Para público infantil.

Nota: En contra do que aparece na nosa programación trimestral a nosa Aula Municipal de Teatro non vai estar presente nesta edición debido a algúns actores estaren ausentes nestas datas. Desculpade as molestias.
... entrada de balde.
E, o domingo, feira de produtos da horta.

20080922

Despois do teatro



Rematou a Mostra de teatro Daniel Cortezón coa agrupación teatral da ONCE - Galicia "Valacar", con "Enderezo descoñecido", de Kathrine Kressmann Taylor, a que é considerada a súa mellor obra.
Á beira, dúas imaxes, unha de Tres sombreiros de copa, e a segunda de Enderezo descoñecido, obra consistente en recitación dun intercambio epistolar entre un xudeu e un alemán. A asistencia ás obras, escasa na última, máis nutrida na terceira do ciclo,pero de calquera xeito, escasa.

20080921

Guerra e paz

Na foto, a Travesía da Paz en Ribadeo, por detrás do cine da praza de Abaixo. Travesía, como a paz: algo transitorio. E coidada... como a paz. Ó igual que o título da obra 'guerra e paz' de Tolstoi, o día de hoxe, día da paz, foi precedido pola guerra, neste caso dúas bombas etarras en Euscadi. A pesares da distancia aparente, non podo deixar de xuntar este feito coas verbas de Federico Mayor Zaragoza que oín esta mesma mañá (a cita é só aproximada, non literal): substituír a ética pola economía é un grande erro. Quizáis esteña influenciado pola nova de onte de que os programas universitarios que seguen Bolonia téñense deseñado para que os alumnos traballen 40h á semana, nunha nova volta de tuerca de considerar ós alumnos como 'clientes' (versión economicista, cómputo horario) e non como persoas (educación e formación). O caso é que a substitución de moitos aspectos por outros de tipo económico fai derivar as relacións dentro da sociedade, enrarecéndoas e presentando en realidade outra nova sociedade máis deshumanizada ó ser rexida por outros principios. Voltando ó comezo, ten que ver a economía co de ETA? Digo eu, íase manter actuando como o fai sen financiación? Que a consiguan con ou sen extorsión é importante, pero é matiz. Que a zona de actuación corresponda coa da aplicación da facenda foral, ó mellor xa está algo máis relacionado. O tema realmente é expiñoso, e non se pode disculpar por criterios económicos e menos, éticos, a actuación de ETA, pero teño claro que o conflicto terorista quedou hai tempo reducido ó aspecto guerra e danos, ocultando así a análise social e unha visión máis profunda do problema, as súas causas e a posibilidade de solución. Cambiemos de tema, achegándonos a Ribadeo. Saíndose pola tanxente ó mellor se pode endereitar a conversa, e por exemplo, rir. Onte por fin puiden pasarme pola mostra de teatro Daniel Cortezón; o Grupo de teatro 'San Tirso del Eo' de San Tirso de Abres representou 'Tres sombreros de copa', de Miguel Mihura, e sinxelamente, divertiu. Unha cita do díptico (traducida): 'rir é necesario. Nestes tempos o deixar de rir é unha dieta que non podemos permitirnos' Outras cousas. Hoxe remata a feira da horta (9ª edición), da que non puiden dicir nada antes, entregando premios gastronomicos... outra volta o parque foi ocupado pola carpa, mesmo despois da pequena reforma sufrida, que incluíu as beiras. Como quedará a cousa despois, veremos.

20070923

Puro teatro



Onte tiven ocasión de asistir á representación dentro da mostra de teatro Daniel Cortezón. Aí están o folleto e unha postal sobre a promoción do teatro en Galicia.
A compañía de afeizoados non defraudou (polo menos a mi). Non creo que se poda dicir que é unha obra de antoloxía, nin uns actores idem, e presentáronse diversas lagoas tanto na memoria dos actores como na escenografía, pero a ilusión e o disfrute que puxeron en escea foi contaxiosa, achegando a obra ó día a día e a cada unha das persoas o público, e despois de rir a cachón o persoal saiu contento. Sen grandes pretensións, mereceu os aplausos do público asistente (que non chegou a 30 persoas).

20060923

Ribadeo, unha mañá de sábado de outono

Arcos da vella sobre a ría de Ribadeo
Gustame a tranquilidade dun sábado pola mañá no outono. Despois dunha noite movida (unha vez máis) na que ás 5 da mañá o local de enfrente seguía con música e as persoas que saíron puxéronse a entonar algúns 'cánticos', tras comezar con críos ata despois das doce correteando e xogando cos cartóns do lixo (pais tomando 'algo' de xeito despreocupado no local próximo), música máis alta do normal noutro local, etc, o silencio embarga a rúa ata que pouco a pouco se vai sumando xente e máquinas e queda rachado ese pequeno embruxo da mañá. Becquer, na súa célebre "que es poesía? me preguntas mientras clavas en mi mirada tu pupila azul. Y tu me lo preguntas? poesía eres tu" non definiu poesía de xeito unívoco. Moitas mañás tamén o son, por exemplo.
Onte, a III Mostra de teatro afeccionado 'Daniel Cortezón' permitiu que o grupo teatral 'Raiolas' (de Alfoz) representara ante pouco máis de trinta persoas a obra 'A Pedreira', que permitiu á súa volta que o público se escachara a rir coas pequenas miserias de enfrontamentos interfamiliares. Unha obra sen pretensións, sinxela, afeccionada non só no que responde ó grupo que a representa, senón tamén na relación á propia obra, pero que sirveu para o público e que foi ben aplaudida polos que alí estabamos. A pouca asistencia, unha mágoa.
Unha rúa desaparecida polas obras en Ribadeo
Como parte visual, 1)unha suposta rúa. Digo suposta, porque leva sen poderse usar vai para dous anos, o edificio que se supoñía axudaba a construír esa situación leva cun baixo comercial funcionando dende a primavera, e a rúa segue. Mellor dito, non segue. 2) o arco da vella (os dous) sobre a ría de Ribadeo, sobre a ponte dos Santos e As Figueiras. A sensación visual era intensa, co arco definindo unha zona clara e fóra, outra de cor escura...
Hai un ano, trataba no blog dunha fonte de Ribadeo e un comentario sobre a limpeza de Ribadeo, ámbolosdous con comentarios para tentar de atraer ligazóns a outras páxinas en inglés (era antes de que vira a necesidade de moderar os comentarios).