Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Ribadenses destacados. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Ribadenses destacados. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240208

Amando Suárez Couto, un renovador da imaxe. Celia Castro

    Adxunto un novo artigo de Celia Castro sobre Amando Suárez Couto, publicado na última revista de Croa. É accesible na ligazón anterior, e queda aquí en varios formatos.

    Texto web:

Amando Suárez Couto: un renouvador da imaxe

Celia Castro

1.Introdución:

No primeiro terzo do S. XX, houbo unha renouvación artística en Europa, que se estendéu tamén a España.

En Galicia concretamente unha xeneración de xoves artistas sería protagonista desto, en colaboración con movementos literarios. Revistas culturáis en España e América serían canles polos que a cultura e as novas ideias se transmitirían e propagarían. Fundaríanse sociedadades e asociacións culturáis, e os Centros Galegos sería auténticas arterias que aglutinarían aos artistas, e serían tamén lugares de acollida para eles e as súas familias nos momentos críticos. Castelao, Souto, Maside, Castro Gil, Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro, Carlos Sobrino, e Amando Suárez Couto serán algúnhos dos nomes máis destacados.

Moitos deles pertencían ou estaban relacionados co Partido Galeguista, fundado en 1931 por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dentro do cal había varias tendenzas, e eran fundadores ou cofundadores de revistas culturáis de vangarda, como Ronsel ou Céltiga ( editada en Bos Aires).

En contacto cos novos movementos artísticos europeos- especialmente en Alemania e Francia- moitos dos nosos artistas, algunhos deles residentes na capital de España, farán obras de gran calidade, que mostrarán a influencia destas vangardas.

No terreo da ilustración e o gravado isto é specialmente relevante, e nel destaca, xunto con Castelao, a figura do pintor ribadense Amando Suárez Couto, considerado pola crítica contemporánea un dos millores debuxantes europeos.

2.Amando Suárez Couto. A súa traxectoria. 

Lám. 1: Retrato de Suárez Couto. M. Fons. Debuxo a lápiz. Do libro El Arte Racial de Suárez Couto. Ed Ronsel. Lugo. 1925.

Amando Suárez Couto nacéu en Ribadeo o 4 de maio de 1894. Foi o maior dos seis fillos do matrimonio formado por Juan e Amadora. Nesta vila relizóu os seus primeiros estudos mostrando xa unha clara inclinación polo debuxo . Máis tarde os seus páis decidirían pasar os invernos en Madrid, sendo esto decisivo na súa formación. Alí asistíu ao colexio de los Santos Reyes, de orientación liberal, na liña da Institución libre de Enseñanza , baseada no krausismo. Matriculóuse na Escola de Artes e Industrias de Madrid, seguindo os consellos dos seus pais, que consideraban este centro, de orientación máis práctica, menos tradicional que a Escola de Bellas Artes de San Fernando, anclada nunhos principios máis clásicos. Alí tamén asistíu ao obradoiro do pintor Marceliano Santamaría.

Axina tomóu contacto cos importantes debuxantes e ilustradores do momento, como Manuel Bujados, Rafael Penagos ou Federico Ribas, que lle animaron a colaborar con diversas publicacións: La Esfera, Blanco y Negro, Por esos mundos, para as que faría debuxos. Tamén ilustróu novelas e contos de Saturnino Calleja, e fixo as suas primeiras incursións no mundo da publicidade, destacando os anuncios para a firma de perfumería Floralia.

É o seu un debuxo seguro, de trazo áxil e expresivo, de gran imaxinación e dinamismo, influenciado pola estética do momento, Modernismo, Art Decó….

Durante o verán trasládabase coa súa familia a Ribadeo, participando na vida local e tomando parte en diversas actividades. En 1913 fundóu con outros amigos ( Bustelo, Cuervo…) o Club Deportivo Ribadense, xermen do futuro Ribadeo F.C .Tamén desenrolaría unha importante faceta musical- que mantería ao longo de toda a súa vida- formando parte de rondallas nas que solía tocar o violín.

En 1921-ano no que fai varias ilustracións para o tomo de El naviero Más: Los Signos- no que tamen colabora ca portada Gregorio Vicente- emprendéu o seu primeiro viaxe a París- mais tarde (1924) faría outro- que lle servíu para tomar contacto coas vangardas artísticas europeas que confluían na capital de Francia, e tamén para enriquecer a súa obra, e decirse a mostrala ao público. Así, espuxo na capital de España, no Ateneo-1923- e no Centro de Galicia, participando tamén en mostras colectivas como a Terceira Exposición de Arte Galega (A Coruña -1923) e a do Ano Santo de 1926 (Santiago de Compostela) entre outras, e nas Galerías Layetanas de Barcelona.

Con todo, aínda que a súa arte é poderosamente imaxinativa, donde se ve un espirito máis xenuino é nos debuxos e cadros de tema galego que fai nesta época, e que seguirá facendo ao longo da súa vida.Trata temas populares da vida cotiá, paisaxes típicos, tipos do país, na liña de Castelao, de quen era amigo, esto e o seu contacto co galeguismo, fai que sexa considerado dentro dos Renovadores da arte galega, tendenza que agrupaba a unha serie de artistas ( Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Alfonso.D. R, Castelao, Camilo Díaz Baliño…), que se baseaban nun forte sentimento de galeguidade, nutríndose tamén da arte de vangarda.

En 1925 Evaristo Correa Calderón publicóu en Lugo, na editorial Ronsel, El Arte Racial de Suárez Couto, con 16 reproduccións de cadros ao óleo e debuxos, no que fai unha semblanza do pintor, considerando que é o artista que millor plasma a alma galega. Entre as imaxes do libro está O mariñán do Eo, debuxo a plumiña que foi publicado por primeira vez en 1924, no número 4 da revista Ronsel. Nel representa a un xove mariñeiro de Ribadeo, na mariña lucense. Con poucos trazos consegue caracterizar ao personaxe, ao que representa con unha expresión concentrada, e a mirada perdida, ollando ao lonxe. Ao fondo a ría, na que se ve ao lonxe un chalano de vela latina.

Esta sintetización, sinxeleza de liñas e captación da fisonomía e carácter do personaxe será unha característica da súa obra durante toda a súa vida.

En 1927 colaboróu coa revista Céltiga, editada en Bos Aires, e co Almanaque Gallego dese mesmo ano(1),que reproduxo o seu óleo El cura de aldea- O crego-.

Lám. 2: O mariñán do Eo. Suárez Couto. Debuxo a plumiña. Revista Ronsel.Nº 4.p. 35.

Nestes tempos, o artista desenrolaba unha grande actividade, ás exposicións e publicacións en revistas súmanse as actividades de filantropía e colaboración social desenvolvidas principalmente en Ribadeo có seu irmán Carlos e outros amigos con inquedanzas: o coro Cantigas da Mariña, onde él mesmo tocaba a gaita, e deseñóu os traxes e os decorados axudado polo seu amigo Camilo Díaz Baliño; A Cabalgata de Reis, xunto con outros ribadenses como Gregorio Sanz ou Santiago Heydeck, co propósito fundamental de que os nenos con menos recursos recibiran agasallos. Suárez Couto colaboróu no deseño do vestiario e o atrezzo. En 1927 creóu, con Gregorio Sanz, Cisneros, Ponceliz, e outros, co asesoramento de Camilo Barcia Trelles, a Biblioteca Popular Circulante de Ribadeo- como moitas outras que se estaban a crear en España- para achegar así a lectura a todos os públicos.

Con Camilo Díaz Baliño compartiría en 1929 o encargo da Deputación de Lugo de facer uns cartéis para publicitar lugares da provincia. Suárez Couto fai o de Mondoñedo, mostrando unha vez máis as grandes dotes que tiña para a o debuxo, o deseño e a publicidade.

Lám.3: Cartel de Mondoñedo. Suárez-Couto .Tempera sobre cartón.1929.125,7x99,2cm.Museo Provincial de Lugo.

Trata o tema unha vista da estrada que conduce a Mondoñedo, que se ve ao fondo, facendo un acotamento do espazo, cun encadre case fotográfico tomado desde un punto de vista alto, centra así a ollada do espectador na estrada e no arbre que se ve no primeiro termo. A cor, con poucas sombras, feitas istas con pequenos trazos paralelos, está na liña dos modernos cartéis publicitarios, e tamén o tratamento da paisaxe con poucos elementos representativos. Mostra así Suárez Couto a súa habilidade para o deseño, habilidade que tendrá ocasión de mostrar ao longo da súa traxectoria.

En 1929 viaxóu de novo a París, tomando contacto coas vangardas artísticas. De alí viría contaxiado do que se estaba a facer na capital do Sena polos artistas de todo o mundo. Cubismo, surrealismo, expresionismo, influien na súa obra dando por resultado unha serie de cadros que exporá á súa volta en Madrid ( Xogadores de xadrez;Nena da guitarra; Caseta de Tiro;Mineiro), e sen embargo non gustan ao público madrileño, posiblemente por non ser comprendidos. Quizáis por isto abandona por un tempo a pintura, achegándose ao gravado. Entre as novas tendenzas da ilustración o gravado tiña un papel preferente, e dentro deste, a xilografía. Esto sucedía en todo o territorio nacional, e especialmente en Galicia. Era unha forma de achegamento a tempos pasados, e, os trazos ríxidos e claros na superficie da madeira eran moi propios para as imaxes dos libros. Así, en 1931, fixo as xilografías, en madeira de buxo, para o libro Ribadeo Antiguo escrito polo ribadense Francisco Lanza ( que emigraría ,a Arxentina ese mesmo ano) , e editado en Madrid coa axuda do seu irmán Carlos. Foi un proxecto financiado polos dous irmáns desinteresadamente. Dito libro é unha breve e documentada historia de Ribadeo, para a cal Amando fixo un gran traballo de búsqueda e investigación , relacionando cada ilustración co pasaxe histórico correspondente. Nos gravados que encabezan cada capítulo( 29), e os incipit ( iniciáis de comenzo de páxina), ilustracións do interior, e portada, o artista fai unhas imaxes claras, de liña rotunda, con sombreados feitos a base de pequenos trazos paralelos, e tendendo á bidimensionalidade, seguindo as liñas das xilografías medieváis.

Lám. 4: Ilustracións do libro Ribadeo Antigo. A.Suárez Couto Xilografía. Libro impreso en Madrid en 1931.

Nesta época montóu co seu irmán Luis unha granxa de polos na localidade madrileña de Vicálvaro, donde coñecéu ao doutor Julio Camino Galicia- irmán do poeta Luis Felipe e eminente psiquiatra-e á súa familia.E 1936 casóu con Margarita, filla maior do doutor. A Guerra Civil truncaría a súa vida e a súa carreira. Durante a contenda a súa granxa surteu de víveres a capital, polo que foi pechada tras gañar o bando franquista. Con todo mantivo aberta a fábrica ata 1945, producindo para consumo propio. En 1945 voltaría a Madrid, onde as condicións de vida eran difíciles, por iso tivo que sobrevivir dando clases particulares e facendo pequenos traballos artísticos. Traballaría no departamento publicitario da Metro Goldwin Mayer, facendo os cartéis publicitarios das súas películas, tarefa na que é encaixaba moi ben pola súa formación artística. O seu dominio da liña e a pureza da cor,intenso e sin apenas claroscuro, influirá na súa obra posterior, dándolle a ista un toque de modernidade. Esta actividade e a amizade co gravador galego Manuel Prieto Nespereira- con que compartía estudo- animóuno de novo a pintar e expoñer a súa obra. Así en 1945 exporía no Instituto Británico de Madrid e na sala Fortuni de Reus, participando tamén na mostra de Arte Taurina de Zaragoza Tamén ese mesmo ano enviou varias obras á Exposición Nacional de Bellas Artes: Dous cadros, Retrato de un músico, e Paisaje de la Mariña, e dous debuxos a plumiña: El médico y la muerte, e, Job.


Lám. 5: As tentacións de Xob. Amando Suárez Couto. Tinta sobre papel. 27x20cm. Colección particular. Fotografía tomada pola autora de copia do orixinal.

As tentacións de Xob é unha das plumiñas que realizóu entre 1920 e 1930. Esta técnica facilita a lixeireza do trazo que en Suárez Couto xa é por sí moi dinámico. É unha obra perta do simbolismo e chea de imaxinación, a sobrecarga de elementos e o horror vacui que presenta non lle restan encanto nin a fan escura. O corpo de Xob traza unha diagonal, que se contrapón coa que describe a figura do demo. Este, cun sorriso malévolo quitalle dramatismo á escea dándolle un sentido máis anecdótico. Veremos moitas veces na súa obra un detalle humorístico que atrae a atención do espectador dándolle vida á composición. O exacerbado detallismo e o emprego do claroscuro para resaltar os elementos máis relevantes fan desta plumiña un dos seus traballo máis representativos.

Esta estancia en Madrid sería para él especialmente fructífera, espoñendo en 1946 de forma individual na sala Macarrón de dita cidade, e facendo diversas actividades artísticas, entre elas traballos no campo da escenografía teatral. Destacan os decorados e deseño de traxes e atrezzo para unha obra baseada nos relatos de Calila e Dimna.

O seu gusto pola ilustración e o cartelismo reflictaranse tamén nos seus cadros ao óleo, nos que nunca se desprenderá deses contornos puros e esas formas gráciles tan de moda los anos trinta.

O retrato da sua dona Margarita Camino, unha obra chea de suavidade e delicadeza recordanos as modelos femininas de Penagos ou as mulleres estilizadas dos cartóns para tapices de Francisco de Goya.

Lám. 6: Margarita Camino. A. Suárez Couto. Óleo sobre lenzo. Colección particular.

É un retrato de unha gran elegancia, na liña dos pintores ingleses. O formato de tres cuartos suliña a esbeltez da modelo á que destaca sobre un fondo neutro, indefinido, coa ollada ensoñadora, perdida, nun punto que trascende ao cadro. O cromatismo, casi uniforme dalle unicidad e gracia ao conxunto.

En 1951 regresóu coa súa dona a Ribadeo, donde seguiu pintando e colaborando na vida cultural da vida, ata 1953 en que o falecimento de Margarita desencadeóulle unha profunda tristeza da que conseguíu repoñerse grazas a axuda dos seus parentes e amigos. Para animarse e sosterse económicamente comezóu a dar clases de debuxo no Instituto de Ribadeo e na Academia Santo Tomás de Aquino e volveu a pintar e a participar nas diversas actividades culturáis e de mecenácego, para él tan importantes.

Desta época son unha serie de cadros de paisaxes e escenas ribadenses. A miúdo repite temas tratados anteriormente, engadíndolles algún detalle novo, ou variando algo a composición. Amósanos un Ribadeo sereno, case bucólico, no que parece que a vida se detivo. Son cadros cheos de lirismo e sentimento, intemporáis, pero que tamén amosan a un artista de ollada sagaz e analítica. O tratamento da cor,intensa, brillante e as máis das veces uniforme pode ser reminiscencia do seu traballo na Metro Golwin Mayer, pero tamén pode ser a entrada nunha etapa serena e contemplativa, na que o entorno máis próximo lle serve de inspiración.

Pinta o que lle rodea, o entorno natural que ten perto, a ría, o mar, as rúas e a xente que transita por elas, mariñeiros, labregos, xente do pobo á que plasma con simpatía. Ás veces toma diferentes elementos da paisaxe, e combínaos á súa maneira, creando escearios que aínda que inspirados na realidade con responden exactamente a un lugar concreto.

Nestes anos participará en diversas actividades filantrópicas ribadenses:

En 1954 xunto con Carlos Álvarez e Fernández-Cid orgaizóu a Coral Polifónica Ribadense que se presentaría oficialmente nesta vila o 20 de xullo 1955. Participóu na creación da Biblioteca pública El Viejo Pancho, que se inauguróu oficialmente en 1957 e tamén deseñóu os espazos, o mobiliario, e pintóu in situ sobre táboa o enorme retrato do personaxe que lle da nome: El Viejo Pancho( D. José María Alonso y Trelles Jarén), ribadense de nacemento e groria nacional das letras en Uruguay.

Xunto co seu irmán Carlos, cara a 1958 creóu o grupo de gaiteiras Saudade, coñecido posteriormente como Meniñas da Saudade, que se presentaria en 1960, e que acadaría grandes éxitos nacionáis e internacionáis, ata a súa disolución en 1965. Á súa irmá Amadora seleccionóu ás pezas a interpretar, e compuxo ela mesma varias. Os traxes das intérpretes- moitos deles inspirados nos representados nas obras do pintor Dionisio Fierros- foron deseñados e confeccionados pola mesma Amadora e a súa sobriña Matilde García de Paredes. Todo elo, ademáis dos instrumentos musicáis, foi subvencionado polos irmáns Suárez Couto case íntegramente.

Tamén co seu irmán Carlos, e outros amigos creóu en 1962 a socidedade Amigos da Gaita Galega, para potenciar o folklore galego e a romeiría tradicional ao cercano monte de Santa Cruz. Neste monte decidiron levantar un monumento Ao Gaiteiro Galego, que lle encargaron ao escultor ourensán Antón Failde. Ata hoxe seguese a celebrar en agosto a romeiría de Santa Cruz (Xira) , na que se dan cita grupos folklóricos chegados de diversos lugares de Galicia.

Amando Suárez Couto falecéu en Ribadeo o 14 de outubro de 1981. Ata uns anos antes da súa morte seguiu pintando e debuxando con entusiasmo, deixando tras de sí un legado artístico e filantrópico que permanece, trascendendo no tempo.

3. Conclusión.

Con ese artigo quero render homenaxe ao artista Amando Suárez Couto, a quen tiven a honra de coñecer e de ter como profesor na Academia Santo Tomás de Aquino, de Ribadeo. Os seus dedos eran máxicos. Aínda que naquel tempo xa era un home de idade, baixo o seu lápiz xurdían toda serie de obxetos, paisaxes e figuras humanas cunha facilidade pasmosa. O seu trato cordial e a súa humildade fixeron del un dos nosos profesores máis queridos.

O tempo, que pon a cada un no seu lugar, fixo que nos fóramos enterando do seu papel na arte e na cultura galega. O primeiro terzo do S.XX, ata a Guerra Civil, foi un período de asimilación polos nosos artistas das correntes de vangarda trunfantes en Europa. Ademáis en campos nos que o debuxo e fundamental, como é o gravado e a ilustración, asistéuse a un auxe e a unha renouvación de formas como non voltaríamos a ver en España ata os anos 50. É importante coñecer o papel que xogaron estos autores na difusión e transformación da estética, que foi un punto de partida para as xeneracións posteriores. Ademáis a súa cercanía á terra, o seu amor polo cotián e polo entorno, foi, coa obra dos nosos literatos moi influinte na difusión e o coñecemento de Galicia.

4.Bibliografía:

- CASTRO FERNÁNDEZ, Celia.“Dos Pintores del Eo: Amando Suárez Couto y Benito Prieto Cosén”. En torno al Bimilenario del Eo (Coord J.MGómez Tabanera).( 2002) Foro Cultural del Noroeste. Oviedo.p.p. 611-618.

-CORREA CALDERÓN, Evaristo. El Arte Racial de Suárez Couto.(1925). Ed Ronsel. Lugo.

-PÉREZ RODRÍGUEZ, Mª.Antonia. “Amando Suárez Couto”Artistas Gallegos-Pintores- Regionalismo III. (1999). Nova Galicia Edicions-Vigo.p.p. 18-55.

1 Almanaque Galego foi unha publicación anual editada en Bos Aires entre 1898 e 1927. Maiormente o seu contido trataba sobre a cultura e a vida galegas. Os textos ían indistintamente en galego e castelán. As súas fotografías e ilustracións son obra maiormente de artistas galegos. Fernando álvarez de Sotomayor, Modesto Brocos, e Dionisio Fierros son algúns dos aristas cuxa obra aparece reproducida nas súas páxinas.

En pdf:

 

    jpg:







20230829

O empresario ribadense Manuel Lens Úcar. Chemi Lombardero Rico

    Deixo o apunte biográfico de Manuel Lens realizado por Chemi Lombardero (saiu na Comarca del Eo de 19 de agosto). Non aparece en Ribadenses destacados, pero vai nesa liña. 

O empresario ribadense Manuel Lens Úcar

Chemi Lombardero

Ribadeo nos últimos séculos non se caracterizou pola abundancia de veciños emprendedores. Houbo poucas persoas con iniciativa empresarial dun certo nivel, agás as que marcharon a América. Alá si, en América moitos ribadenses despregaron xenio e desenvolveron negocios diversos cos que transformaron as súas vidas e as das súas familias. Mais en Ribadeo parece que se fai certo o dito de que ninguén é profeta na súa terra e ata agora foron persoas de fora as que levaron adiante a maior parte dos proxectos económicos de certa envergadura.

Ibáñez, Bengoechea, Casas, Lazúrtegui e Nistal son os principais apelidos forasteiros que xeraron emprego e riqueza en Ribadeo nos dous séculos anteriores.

Nun seguinte chanzo, no que atinxe á importancia económica, houbo no século XX varias empresas ribadenses nos sectores da conserva, da carpintería de ribeira, las, comercio do téxtil, armadoras pesqueiras, entre outras, que tamén foron iniciativas de persoas vidas de fora.

Nesta relación de empresarios aveciñados salienta a personalidade de Manuel Lens Úcar, fillo de un ferroviario xefe de estación, que naceu en Santiago de Compostela o 28 de agosto de 1906, pero que se criou en Vilagarcía de Arousa. Lens chegou a Ribadeo probablemente a finais de 1935, xa con experiencia empresarial previa na industria conserveira e a administración de salas de cine. Estaba casado con María Teresa de Dios Francos, e cando a súa arribada a Ribadeo xa tiñan as dúas fillas, Maria Teresa e Rocío. 

Ao pouco de chegar colleu o aluguer do Cine Teatro que se inaugurou nesta nova etapa o nove de febreiro de 1936. En Ribadeo houbera cine con outros empresarios desde 1912. Lens reformou a sala do vello Teatro retirando os palcos do patio de butacas. Mantivo a explotación do cine durante catro décadas. Nos anos sesenta Manuel Lens tiña os cines de Vilalba e Guitiriz, ademais do de Ribadeo e de participar no cine das Figueiras. Tamén participou un tempo na xestión do cine de Castropol.

Axiña emprende novo negocio pedindo permiso en marzo de 1939 á Delegación de Industria de Lugo para instalar unha fábrica de conservas de peixe en lata na Vilavella. Desde o comezo forma sociedade con Fidel Garcia Gayol. O edificio onde se pon a nova empresa era un pouco anterior a 1880; xa fora fábrica de salgado desde 1900 e serra de madeira a vapor nos anos finais do XIX. A conserveira de Lens e García, na que traballaron ducias de mulleres, pecha antes de 1960. Por eses anos van desaparecendo este tipo de conserveiras que que ao igual que outros negocios -serras, fábricas de gasosas, estaleiros, fábricas de confección, etc.-, teñen que adaptarse aos cambios tecnolóxicos, de emprego e de comercialización. Por entón pechan en Ribadeo as fábricas de conserva a Trocha e Peláez

O edificio da fábrica da Vilavella tivo posteriormente outros destinos con outros empresarios. Manuel Lens e a súa familia ocuparon durante algún tempo a vivenda do piso alto da fábrica. Despois viviron moitos anos na Torre dos Moreno.

O espírito emprendedor de Lens non acouga e polos anos corenta abre o comercio bazar La Florida na rúa Reinante, que logo traspasa. En 1944 co seu socio Fidel Garcia, constrúe dous pesqueiros na explanada da propia fábrica da Vilavella. 

Botadura dunha embarcación en 1944. De esquerda a dereita, Ramón F. de Soto (Director de 'La Comarca'), un cura, Fidel García, Galuá (párroco), Francisco Maseda, outro cura, e Manuel Lens.

Uns anos despois, en 1952, a súa inquietude lévao a outro proxecto e manda facer dúas bateas para probar o cultivo de mexillón no norte de Galicia, que fondea en Ribadeo entre as Carrayas e Gibraltar, unha delas, e a outra na Ría de Viveiro.

Fábrica dunha batea na Vilavella para Lens e García

 Chegou a comercializar mexillóns e incluso editaron un recetario para cociñar o mexillón co que acada dúas edicións. Pero o noso mar non contén os nutrintes que abundan nas Rías Baixas, e a empresa Mejillonera del Cantábrico, na que tamén participou Fidel García Gayol, non resultou rendible.

Recetario de Mejillonera del Cantábrico

Ao redor de 1960 e xa pola súa conta, sen a colaboración do seu habitual socio Fidel -quen por ese anos vaise a vivir a Lugo-, emprende un novo negocio: a fabricación de viguetas e prefabricados de cemento para a construción no Grañol de Ove. Lens traballa inicialmente coa patente da casa Yus. Alí exerceu varios anos como capataz Julio Blanco, fillo de Pío, que logo pasou a ser axente comercial dos produtos da casa. 

En 1963 Manuel Lens pon en marcha no mesmo lugar do Grañol, ao lado dos prefabricados, unha granxa de galiñas para a produción de ovos que chegou a ter 27 000 aves e comercializar os ovos en Asturias e Galicia. A dirección desta empresa estivo en mans de Luis Prada de Torres, xenro de Lens. A granxa pecha ao redor de 1985. Lens tivo participación noutra granxa de pitas na Coruña.

Prospecto anunciando Rosa Lar


Paralelamente, noutro campo empresarial sen o carácter industrial dos anteriores, mais de non menos importancia económica para a vila, Manuel Lens abre en 1946 a sala de festas Rosa Lar, con pista de baile ao ar libre, que pode utilizarse como pista de tenis, salón cuberto, cafetería, cociña, xardín, etc, que durante moito tempo foi o centro de atracción para bailes, espectáculos ou celebracións dunha ampla área da contorna ribadense.

Sala de Festas Rosa Lar, praza o ar libre.


Con todo, a empresa máis transcendente para Ribadeo, pola súa duración no tempo e o emprego que xera, é a fábrica de prefabricados de formigón Tubolens fundada en 1977 no lugar de Dompiñor. Tubolens é unha continuidade da modesta fábrica de prefabricados inicial do Grañol. E proba do seu carácter de emprendedor excepcional incansable o feito de que Manuel Lens puxo en marcha esta nova industria con máis de setenta anos de idade. En Tubolens chegaron a traballar varias decenas de persoas e contaba cunha oficina con aparelladores e delineantes que facía deseños e cálculos para os clientes.

Na última etapa da súa vida, Lens compartiu a residencia en Ribadeo con Lugo e Coruña. Morreu en Ribadeo o 20 de novembro de 1982. 

Como adoita ocorrer con moitas empresas persoais, a obra industrial de Manuel Lens non tivo continuidade nas seguintes xeracións da familia. Con todo, dúas das súas creacións, Rosa Lar e Tubolens, mantéñense vivas despois de tanto tempo, como probas da iniciativa dun dos principais empresarios ribadenses do século pasado. 

Lens era unha persoa de bo carácter, considerado cos traballadores, pois pensaba que o obxecto dunha empresa non só consistía no máximo beneficio empresarial. Da súa xestión gardan boa lembranza moitas das persoas que para el traballaron.

Chemi Lombardero

20230407

Ribadenses destacados: FERNANDO MÉNDEZ SAN JULIÁN. Eduardo Gutiérrez

      Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Fernando Méndez San Julián, por Eduardo Gutiérrez

Reedición de 'Apuntes sobre Ribadeo' en 2015, con limiar de Fernando Suárez

 FERNANDO MÉNDEZ SAN JULIÁN

(Mohices - El Franco, Asturias, 1884 - Ribadeo, 1902)

Xurista e historiador ribadense

Eduardo Gutiérrez Fernández

Vida e obra.- 

Fernando Méndez San Julián naceu en San Miguel de Mohices, concello de El Franco en1834, estudou Dereito en Oviedo, exerceu de Tenente Fiscal en Ribadeo e morreu nesta vila. Antes da súa estadía en Ribadeo, segundo informan algúns autores asturianos como Javier Junceda, exerceu como fiscal en Puerto Rico. Ocupou a alcaldía de Ribadeo en 1877 durante case un ano e deixou o cargo para dedicarse á xudicatura. Faleceu en 1902 e está soterrado, xunto coa súa irmá, no Cemiterio Municipal. Pouco tempo despois o Concello deu o seu nome á rúa do Correo, que era onde vivira. Foi profesor da Escola de Náutica de Ribadeo e Presidente do Círculo de Recreo en varios períodos.

Como escritor ten unha importante produción e, particularmente a obra Apuntes sobre Ribadeo, un extracto dos libros de actas municipais, desde 1536 a 1883, xunto cun apéndice que estuda o expediente da Colexiata de Santa María, un sucinto prólogo e un longo estudo introdutorio de máis de vinte páxinas, que algúns outros autores, como Francisco Lanza e Antonio Pérez Martínez cualificaron de acedo e nalgúns aspectos incompleto. Foi publicado por primeira vez en 1884 en Las Riberas del Eo, pero logo seguiron numerosas reedicións, concretamente en 1929 e en 1931 e algunhas en folletón. En 2015 a Deputación de Lugo deu ao prelo unha edición facsimilar do libro.

Méndez San Julián colaborou en varias publicacións e entre elas La Ilustración Gallega y Asturiana que, como é sabido dirixiu Manuel Murguía, figura con quen mantivo unha ampla relación epistolar Tamén escrebeu no monárquico constitucional (ou sexa alfonsino) El eco de Galicia, fundado e dirixido por Manuel Vázquez de Parga, e editado en Lugo. E noutras publicacións especializadas como La Justicia, de Madrid, e a prestixiosa Revista General de Legislación y Jurisprudencia, creada en 1853 e con continuidade até os nosos días agás o período da Guerra Civil. Nela colaboraron Giner de los Ríos, Gumersindo de Azcárate, Concepción Arenal, Montero Ríos, Eduardo Dato e outros moitos.

Non tiñamos noticias de Méndez San Julián como poeta e, por iso, chamou a nosa atención a inclusión dun breve poema seu nada menos que no Album de la Caridad, coa particularidade de que está escrito en francés. Aclaremos inicialmente que se trata da edición de 1862 dos Xogos Florais celebrados o ano anterior na Coruña, que insire un "mosaico" de poemas non só en galego, ainda que a intención era promovelo. O que si constitúe un fito a prol da normalización do galego, foron os Xogos Florais de Tui de 1891, xa en pleno Rexurdimento, mentres que os da Coruña conforman unha iniciativa propia dos Precursores.

O poemiña, apenas oito versos, é unha composición de carácter necrolóxico, que mesmo emprega como divisa unha concisa frase en latin do Apocalipse: "Boaventurados os mortos que morren no Señor". Vexamos o texto: "A Elisa / Ainsi que l'hirondelle, / Quand vient l'hiver s'en va / Pour trouver, oh ma Belle, / De plus tiédes climats / Toi, qui cherchais la vie / Du printemps eternal, / D' un vol tu t'es enfuie / Pour ton pays, le ciel". Descoñecemos as miudezas da vida de Méndez San Julián que, iso si, morreu solteiro. Poida ser que a dedicataria existise de certo, ou que fose sinxelamente un motivo literario. No tempo da composición tiña o autor vinte e oito anos.

Comezo da rúa Méndez San Julián en Ribadeo

A escolma de vates galegos que elaborou para o citado Album Antonio de la Iglesia "Mosaico de nuestros vates gallegos contemporáneos", recolle este poemiña e ainda que as condicións líricas de Méndez San Julián non acadasen a fama no futuro, si as súas achegas históricas e ensaísticas. Ribadeo honrouno dando o seu nome a unha rúa, como xa dixemos, e hoxe nós lembrámolo exhumando con cordialidade un seu retallo poético.

Rúa Méndez San Julián. Vista cara ó fondo.

--

Complemento: F. Méndez San Julián, na rede.

Un retallo poético de Méndez San Julián

Presentación do facsímil de Apuntes sobre Ribadeo

Pequena nota sobre Méndez San Julián: https://españolito.es/index.php/encyclopedia/mendez-san-julian-fernando/

20230123

Ribadenses destacados: ENRIQUE SUÁREZ COUTO. Lourenzo Fernández Prieto

    Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Enrique Suárez Couto, por Lourenzo Fernández Prieto.

Enrique Suárez Couto (Matanzas, Cuba,1881-Ribadeo, 1923)  
Agrónomo e director da Granxa-Escola Pedro Murias


Lourenzo Fernández Prieto

Catedrático de Historia Contemporánea. Histagra. USC.

    Enrique Suárez Couto na súa corta pero intensa vida foi, entre outras cousas, o primeiro director da Granxa Escola Pedro Murias. Era fillo de Juan Suárez Casas, médico e zootecnista preocupado pola mellora agropecuaria e irmán de Carlos e Amando Suárez Couto. Casou con Panchita Acevedo, filla dun rico e influinte habanero devesán e foi pai de Juan Suárez Acevedo, historiador e docente formado na Institución Libre de Enseñanza. Despois de mariño mercante, Enrique fíxose enxeñeiro agrónomo, daquela unha nova profesión para a que seguiu estudos en Bélxica, Alemania e máis no Instituto Agrícola catalán de S. Isidro. Como todos os técnicos agrarios galegos da época que non foron estritamente autodidactos houbo de procurar a súa formación no estranxeiro, en ausencia de estudos de agronomía en Galicia e, en xeral na España húmida e atlántica, agás o País Vasco.

Monólito para dar o nome dos Suárez Couto a unha vía en Ribadeo.

    Sabemos, por referencias indirectas de prensa do seu labor ao cargo dunha explotación modelo que funcionaba como granxa experimental da Sociedade de Agricultores en Meira en 1910. En 1918, asume o posto de director da Granxa modelo experimental recén construída na parroquia de Vilaframil, perto do Alto dos pinos, concebida e fundada por Pedro Murias, importante empresario e propietario cubano, nado en San Xillao dos Carballos -a carón do empalme de Rinlo-, como granxa modelo para a antiga parroquia da Devesa, antes da súa partición en tres en 1904.
    Persoa de ideoloxía liberal e posicións laicistas que o levaron a unha estreita relación coa Institución Libre de Enseñanza, estivo na dirección da Granxa até 1923, ano en que finou. A súa elección como responsable da institución eran congruente coa súa formación e experiencia, co sentido da Granxa e máis coa súa posición e a da súa familia na bisbarra. Na institución coincidiu brevemente con Gregorio Sanz, formado no Instituto Escola e contratado en 1922 para dar pulo a compoñente educativa e formativa do centro. O seu prematuro falecemento, con só corenta e dous anos, deu paso a un período de interinidade na dirección da Granxa que pasou a ser dirixida por Ramón Blanco, quen axiña pasaría a ser enxeñeiro da Sección Agronómica de Lugo e en 1945 Catedrático de Botánica da Escola de enxeñeiros de Madrid.

    Os traballos na Granxa Agrícola Pedro Murias

    Suárez Couto foi un activo e precoz experimentador agropecuario en sintonía cos degoiros modernistas da época. Dende que o padroado da Granxa Agrícola Pedro Murias encomendoulle a dirección do novo centro, Enrique ocupouse tanto da Escola de Capacitación asociada ao mesmo como da converter a Granxa nun centro de innovación técnica coherente co carácter asignado polo fundador.

A Granxa Escola Pedro Murias nos primeiros anos. Foto tomada da exposición conmemorativa.

    Coma Gallástegui, Hernández Robredo ou Rof Codina, tamén Suárez Couto entendía que os técnicos debían acometer un labor que interaccionara coas prácticas labregas nun sentido innovador e así o materializa na Granxa, tanto na mellora dos sistemas de cultivo como nos procedementos de cría gandeira, co fin de orientar a produción pecuaria cara ao que el prevía era o futuro da gandeiría galega: a produción leiteira. Entendía que alén do engorde dos xatos para carne, que era a opción consolidada e remuneradora naquela altura, a orientación leiteira era a mellor opción de futuro para abastecer unha nova e crecente demanda urbana, nun tempo en que o consumo de leite abríase camiño por recomendación médica.

    Nese camiño, programa a instalación dunha industria de manteiga fermentada e outra de queixos, ao tempo que fomentaba o asociacionismo agrario que estaba a estenderse na bisbarra como en toda Galicia dende dúas décadas antes. Na procura deste cambio leiteiro elaborou un proxecto que tiña como obxectivo a mellora do gando vacún na súa aptitude leiteira, un gando que na súa opinión amosaba unha total “ausencia de caracteres específicos de la raza motivado por los continuos mestizajes mal dirigidos”, segundo o anteproxecto de mellora do centro de 1916. Nos debates sobre cruzamento fronte a selección para a rexeneración da raza galega de vacún, por considerar que non existía gando de raza pura, Enrique Suárez Couto era partidario do cruzamento “continuo”, a partires da importación de sementais, para cruzalos primeiro coas femias da raza local e posteriormente cos mestizos. Desbota porén a opción dunha importación masiva de femias de raza mellorada tanto polo alto custe como por que obrigaría a un intenso desenvolvemento de cultivos pecuarios que o agro non estaba en condicións de asumir de súpeto.

Grupo de alumnos da Granxa Escola. Foto collida en http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=385.
    O director da Granxa tomou pois partido no debate que desde finais do século XIX se viña mantendo en relación coa elección do procedemento máis pertinente para a mellora do gando vacún galego, como consecuencia da crise de exportación do gando a Inglaterra no marco da crise agraria finisecular. Na posición do agrónomo ribadense fica meridiana a vontade de crear unha raza de vacas do país que recollese ás xa existentes. Estamos no tempo de definición do que logo se coñecería como raza rubia galega.

    A preocupación que Suárez Couto tiña polos cultivos era subsidiaria do proxecto para a gandería, partillando a mesma lóxica que guiaba o manexo agrario das casas labregas dende o proceso de intensificación do século XVIII, ligado á incorporación das plantas americanas. Un policultivo agrario de complexas rotacións interanuais que garantían unha agricultura intensiva capaz de alimentar unha poboación en aumento e unha numerosa cabana de orientación comercial constituída principalmente por bovino e porcino. Mandaban os límites ambientais, as condicións produtivas vinculadas ao mercado e a lóxicas reprodutivas da casa labrega. En coherencia cos marcos socioambientais da produción, o interese de Suárez Couto centrábase na mellora da cabana gandeira a través da súa alimentación e nesa liña experimentou con forraxes na procura do desenvolvemento das súas capacidades para manter un maior número de cabezas. O outro seu interese, en coherencia coas necesidades de fertilización nas que se baseaba o complexo policultivo e gandeiro, era obter a prezos máis baixos os adubos, especialmente fosfatados que empezaban a usarse como complemento do esterco naquela altura. Asunto no que enlazaba ben coas sociedades agrarias locais.
    No seu labor experimental, Suárez Couto estableceu un réxime de cultivos que dividía a finca da Granxa en dúas partes, unha para prados e outra para produtos de consumo. Neste período do século XX no agro galego produciuse un descenso do cultivo de cereais panificables en beneficio dos cultivos forraxeiros, en especial do millo-forraxeiro, especie coa que se ensaia na Granxa Pedro Murias, igual que na Misión Biolóxica ou na Granxa Experimental da Coruña. Os ensaios estaban orientados a aclimatar as diferentes variedades ás condicións locais, a atopar as máis axeitadas e a sistematizar o método de labranza máis conveniente, combinando amais o uso de diferentes tipos de adubos. Na súa preocupación polas forraxes, unha das teimas de Suárez Couto como director da Granxa foi a extensión da remolacha forraxeira e de novas castes de pataca. En 1922 a Granxa empezou coa experimentación do cultivo da remolacha forraxeira, ensaiando con tres variedades: Etoile du Nord, Rouge du Soissonnais e Imperator. Tamén experimentou con cultivos pratenses, dedicando unha parte do campo de demostración ao ensaio con trevo violeta e asociando noutra esa planta con raigrás inglés e amais probando o centeo como planta de abrigo na rotación.
    Baixo a súa iniciativa, pero despois de el finar, celebrouse na Granxa o primeiro concurso de vacas leiteiras que se coñece en Galicia no ano 1924, aplicando xa os criterios de rendemento lácteo que logo popularizaría Gallástegui na Misión Biolóxica. Aquel primeiro concurso pode considerarse todo un fito na medida en que constitúe un punto de inflexión no camiño dunha especialización leiteira que marcarían a segunda parte do século XX a dirección principal do agro galego e que chega ata hoxe. Durante oito días as reses presentadas ao Concurso estiveron nas cortes da Granxa sometidas a análises diarias de produción e calidade, substituíndo así o procedemento de medir os animais que adoitaba empregarse nos concursos ao uso.
    En 1926, en resposta a unha críticas de Ventura Alvarado que se pregunta no xornal católico coruñés El Ideal Gallego “¿Está bien orientada la Fundación Pedro Murias?” (18-12-1925) o director da Granxa Pedro Murias naquela altura, o enxeñeiro, Francisco Roig Ballesteros, escribe no diario portelista e republicano vigués El Pueblo Gallego (21-01-1926) un artigo titulado “La orientación de la Granja Pedro Murias de Ribadeo” no que fai referencia ao labor do seu predecesor Suárez Couto:
    “Yo no entiendo la agricultura el solo cultivo de la tierra, sino la explotación de esta con todas sus naturales consecuencias. No se alarme pues, por la orientación impresa a la escuela agrícola Pedro Murias, porque bien claramente tiende a ser como dice “agropecuaria láctea, aunque no sea la palabra del todo un modelo. Seguramente el señor Alvarado ignora que ya se está construido un magnífico establo para ganado lechero, que ya fue inaugurado con motivo del interesantísimo concurso de vacas lecheras de junio de 1924. Desconoce también que existe desde los primeros momentos un pabellón construido “ad hoc” para industrias lácteas, proyectado y edificado por el primer directo de esta Escuela Don Enrique Suárez Couto, especialista distinguidísimo en industrias de la leche. Por ello, … esta orientación está marcada desde los comienzos perfectamente definida y solo se comprende que el señor Alvarado clame por ella, desconociendo los datos que apunto”.   
    A morte temperá de Enrique Suárez Couto, cando contaba corenta e dous anos, e a falta de publicacións, pouco máis que algúns manuscritos e unhas poucas notas en Galicia Agrícola, desfiguran a importancia que tivo como técnico e o carácter innovador das súas propostas de futuro.

Os terreos da granxa, na actualidade. Vista Sigpac.


    Bibliografía:

    CABANA IGLESIA, A., (2006b): O labor de experimentación e divulgación agronómica da Granxa da Devesa (1916-1936), Recursos Rurais, 1, 2: 67-74.

    FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939, Vigo: Xerais.

    OTERO, Telmo (2022): A transformación da agricultura galega no camiño da especialización leiteira: ruptura coa innovación labrega, industria láctea e modernización (1900-1980). Tese de Doutoramento en preparación, Programa de Historia Contemporánea. USC.

20230120

Ribadenses destacados: FRANCISCO LANZA ALVAREZ. Eduardo Gutiérrez

      Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Francisco Lanza Álvarez, por Eduardo Gutiérrez

FRANCISCO LANZA ALVAREZ

(Ribadeo, 1892 - Buenos Aires, 1951)

Eduardo Gutiérrez Fernández

    Nota biográfica

    Francisco Nemesio Lanza Álvarez naceu na parroquia de Obe, nun lugar que, desde hai xa un tempo, foi incorporado á de Ribadeo, o 26 de marzo de 1892. Era fillo de Bernardo Lanza e de Manuela Alvarez. En 1921, casou en Ribadeo con Rosa Pérez Fernandez, que era filla de Celestino Pérez Andrade, e irmá de Lino Pérez Fernández. Tiveron dous fillos: Ramona Manuela Rosa, que naceu en 1922 e Francisco Celestino Emilio, nado en 1924, ambos e dous en Ribadeo. Lanza morreu en Buenos Aires o 14 de febreiro de 1951. 

A casa da Comarca, hoxe.

    Non temos excesiva información sobre a vida na Arxentina de Francisco Lanza. Cando emigrou, en 1931, xa vivía aló o seu cuñado Lino Pérez, con quen mantiña unha estreita relación como proba o feito de que na etapa de Pérez en A Fouce, a revista informara da iminente publicación dunha “historia galega de Ribadeo, ilustrada por Suárez Couto”, en decembro de 1926 e inxerindo unha caricatura de Lanza obra do pintor ribadense (no número 4). Engadamos que tamén Lanza publicou en La Comarca algún artículo do seu cuñado. O libro non se imprentaria até 1933 mercé ao pulo dos irmáns Suárez Couto. Como noutros moitos casos Lanza tomou a decisión de emigrar na procura de mellores oportunidades de traballo e de vida, despois de varias iniciativas emprendidas na sua vila natal con pouco éxito. A diferenza de outros ribadenses, como Eliseo Pulpeiro, Clemente Lopez Pasaron e Lino Pérez que o fixeron novos, Lanza cumprira xa trinta e oito anos. Boa parte da súa produción histórica xa estaba feita e publicada, na revista Nós e no Boletin da Real Academia Galega, e o Ribadeo antiguo xa vira a luz parcialmente no seu periódico La Comarca

Portada do Ribadeo Antiguo

    En Buenos Aires traballou para a Editorial Sopena, realizando traduccións ao español de Eça de Queiroz, segundo informa Alberto Vilanova, que as califica de “discretas”. Téñase en conta que tal labor tamén a desenvolveron escritores como Rafael Dieste ou ilustradores como Castelao. Lanza tamén realizou outras traducións como Nobleza americana (Noblesse americaine) de Pierre de Coulevan, seudónimo de Jeanne Philomènne Lapeche (1946), escolmas como Leyendas de Oriente, ou versións resumidas e adaptadas de clasicos como Quo vadis de Sienkievicz, Los tres mosqueteros e El vizconde de Bargelone de Dumas, en Cuentos Miniatura da Editorial Sopena, etc. Na procura de sustento, o seu labor periodístico non se limitou a publicacións do eido cultural, e propias da colectividade galega e colaborou, particularmente como corrector, na revista “Damas y damitas”, que nunha nota necrolóxica dedícalle eloxiosas palabras. Mesmo publicou algúns relatos de ficción na revista Leoplan. Concretamente no número de xuño de 1938 o pequeno relato “Cuento de invierno” moi no estilo realista, sitúa a acción nos anos finais do século XIX e fala dunha viaxe en dilixencia cara Puertodeo e con parada en Albavilla en claras alusións a Ribadeo e Vilalba. Non foi a única narración da súa autoría na revista.

    Participou na vida societaria da emigración galega particularmente en labores culturais. No Catálogo da magna Exposición de libros e autores Galegos organizada en 1948 polo Centro Galego, Francisco Lanza aparece na relación de agradecimentos.

    Segundo indican diversas fontes non tivo alén-mar unha vida farturenta xa que unha semana despois de morrer o Centro Galego acordou perdoar á súa familia os gastos de hospitalización no Sanatorio, segundo indica Xosé Ignacio Feijóo. Por outra banda, Luis Seoane, nunha carta enviada a Francisco Fernánez del Riego, en xullo de 1951 afirma que morreu pobremente. E mesmo La Comarca no seu obituario publicado en marzo de 1951, asegura que viveu e morreu pobre. Antes, no mes de febreiro xa dera conta do seu falecimento, ainda que informa de que o óbito se producira o 15 de xaneiro. Tiveron mellor fortuna aló os ribadenses antes citados: Pulpeiro, Clemente Lopez Pasarón e o seu cuñado Lino Pérez

    Fortuna editorial do Ribadeo Antiguo

    As fontes documentais máis importantes do Ribadeo antiguo son o Arquivo Municipal de Ribadeo, así como o notarial. As bibliográficas son sobre todo as españolas de carácter xeral: Henrique Flórez, Martínez Marina, Modesto Lafuente, Rafael Altamira e un longo etc.; algunhas son galegas: Murguía, Vicetto, Garcia de la Riega, Villamil e Castro, López Cuevillas, etc. E moi poucas de carácter local ou comarcal, como Méndez San Julián e García Teijeiro. A eclosión bibliográfica galega é posterior ao tempo de Lanza e, case todos, consultaron o libro do ribadense e fan mención do mesmo, agás un par de desleixados de ámbito mais ben pedáneo.

Interior do Ribadeo Antiguo

    
Segundo me confesou en 1970 Amando Suárez Couto, o libro estivo a piques de malograrse. Nunha conversa que tivera co autor, osmou que o desánimo perante as xestións realizadas para a edición implicaban o risco de desesperación, de tal xeito que coa excusa das ilustracións que preparaba, fíxose co manuscrito, Non me indicou o ano, mais tendo en conta que a conversa se producira na propia imprenta –instalada daquela no número 10 da rúa Rodríguez Murias-, tivo que ser cara mediados do ano 1929. O manuscrito ainda rexistaria algúns engadidos e modificacións, até a sua impresión en Madrid, na imprenta Minerva da que era propieaterio o irmán de Amando, Carlos Suárez Couto. A ambos se debe a súa edición e, ao cabo, resultaron adxudicatarios da dedicatoria. Como dixemos, parte do material, xa fora publicado como colaboración para o Boletin da Real Academia Galega e, mesmo, para o seu periódico “La Comarca”, ás veces baixo o pándego titulo de Antiguallas ribadenses e asinando “E.Feele”, ou sexa F.L.

    A edición orixinal do Ribadeo Antiguo é de 1933 e até 1973 non se reeditou, por parte de Edicións do Castro, á que seguiron novas versións da mesma editorial, mesmo unha impulsada polo Concello de Ribadeo en 1999, ainda que en materia municipal hai un rechamante precedente de 1953: o Consello Local do Movimento solicitalle ao Concello a reedición do libro “Ribadeo antiguo” e a Corporación acorda en abril dese ano facultar ao alcalde para que faga as xestións oportunas, que quedaron en nada.

    Outras publicacións

    O libro Dos mil nombres gallegos é unha edición do Centro Gallego de 1953, de carácter postumo que deixou preparado en marzo de 1950, e cuxa edición foi promovida, e estivo ao cuidado, de Luis Seoane, que lle dedica garimosas frases non só na lapela do volume, senón xa antes na citada carta a Fernández del Riego. Trátase de dúas mil papeletas “sobre historia, biografia, arqueoloxia, literatura, arte, industria, indumentaria e folclore galegos”, segundo el mesmo explica nunha nota preliminar. Realmente é un xeito de precedente da Enciclopedia Galega. Ao contraio que Luis Seoane, Alberto Vilanova fala de “contido deficiente”ainda que louva a súa intención; quizais son os mesmos xuizos que alguén lle apón á sua obra sobre os galegos na Arxentina.

Interior de Falan os de Ribadeo

    
En 1974, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, como homenaxe ao seu epónimo, e edición de quen isto asina, promoveu un volume que baixo o título Falan os de Ribadeo reuniu tres traballos de Lanza: o que dá nome ao libro, seguido de “O ensino en Ribadeo desde o século XVI ao XIX”, ambos publicados pola revista Nós en 1932, e “Ribadeo baixo o señorio dos sus condes” que viu a luz no tomo II dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos en 1929 e que foi o traballo preceptivo para o seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos, entidade na que ingresou proposto por Luis Tobío. Nun libro da nosa autoría, publicado en 2005, documéntase a relación de Francisco Lanza co Seminario e mais coa revista “Nós”

    Ideas e estilo

    Lanza era un home de fortes conviccións republicanas e de raigaña popular e, xa que logo, galeguista. Riscos que quedan patentes na súa produción tanto xornalística como ensaistica. Convén reparar na relación co seu sogro, Celestino Perez Andrade, fundador e director do periódico La Voz del Pueblo, un quincenario que se publicou entre 1910 e 1913 e que se subtitulou “Órgano independiente de defensa social y local”. O carácter liberal e progresista que caracterizou ao semanario por el fundado, La Comarca, tamén o tiña o do seu sogro. Cómpre tamén valorar a súa amizade cos irmáns Suárez Couto e con Anton Villar Ponte, fundador das Irmandades da Fala e activo republicano e galeguista, a quen Lanza lle encargou o prólogo do libro.

    En A Nosa Terra, na súa etapa como Idearium das Irmandades da Fala, aparece en 1928 un artículo seu, titulado “Barcas piadosas”. Xa na sua etapa no exilio dedícalle unha garimosa nota necrolóxica no número 475 de febreiro de 1951. Por ela sabemos que foi soterrado no Cemiterio de La Chacarita e que no acto da inhumación falou Xosé Blanco Amor en nome dos amigos e como voceiro da Irmandade Galega, Avelino Díaz, daquela directivo da mesma. Segundo Benigno Fernández Salgado, experto na traxectoria de Avelino Díaz, era frecuente que este intervira neste tipo de actos e mesmo fíxoo en varias ocasións nos aniversarios do falecimento de Castelao.

    Tanto nos artículos como nos escritos históricos asoma un estilo, por veces retranqueiro e solermiño, pero rara vez renarte.

EDUARDO GUTIERREZ

20230119

Ribadenses destacados: ANTONIO RAIMUNDO IBAÑEZ. Eduardo Gutiérrez

     Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Antonio Raymundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, por Eduardo Gutiérrez

ANTONIO RAIMUNDO IBAÑEZ 

(Santalla de Oscos, 1749 - Ribadeo, 1809)

Eduardo Gutiérrez Fernández

Á beira da súa casa, actual casa do concello

    Antonio Raimundo Ibáñez naceu en Ferreirela, un lugar da parroquia de Santalla de Oscos, na provincia de Oviedo, o 18 de outubro de 1749 e morreu en Ribadeo o 2 de febreiro de 1809, nas datas da entrada na vila das tropas que viñan liberala da ocupación fracesa. Estivo casado coa ribadense Josefa López Acevedo e tiveron nove fillos, seis mulleres e tres homes. Foi soterrado no convento de San Francisco que hoxe é o templo parroquial de Santa María do Campo. O seu asasinato con riscos de crueldade abre moitas posibilidades, entre elas a dun crime por encargo por parte dunha conspiración de vellos e tradicionais nemigos, e executado por facinorosos. De todos os xeitos tampouco se pode esquecer a acusación de afrancesado que lle imputaron á Xunta Provisional de Goberno de Ribadeo constituida a consecuencia da invasión e da que Ibáñez formaba parte, até o o estremo de que moitos dos seus membros xulgaron unha medida de prudencia agacharse, e outros fuxiron como foi Francisco Maria Amor que o fixo a Francia, e segundo informa o historiador Xosé Ramón Barreiro un fillo de Ibáñez tamén foi acusado de afrancesado por parte dun correxidor de Viveiro. A acusación de afrancesado foi negada por moitos autores relatando os servizos prestados á causa nacional son certos sen dúbida, pero a relación de Ibáñez cunha Coroa que rematou nas mans dos propios invasores, tivo que facer a imputación moi doada de espallar. O ambiente hostil protagonizado pola chusma, existía de certo tal e como pon de manifesto o caso do Edecán francés, apresado con outros oficiais, que para ceibarse das iras do populacho tivo que ser trasladado ao Forte de San Damián desde o domicilio particular dun dos membros da Xunta, concretamente D. Fernando María Miranda, despois un destacado persoeiro cun importante labor a prol da causa liberal. Un dos militares tiña un ollo de cristal o que axudou na montaxe dunha campaña moi sintomática daquel tempo de comezos da Ilustración e alborexer das novas ideas, en contraste cun ambiente fetichista que elementos reaccionarios se encargaron de encirrar, espallando supersticións e infundios estarrecentes. Tampouco podemos esquecer a referencia que cita Francisco Lanza, quen informa de que o propio Ibáñez declarou que desde a batería de artillaria instalada en San Román en As Figueiras, un dos obxectivos era a súa propia casa. Algo quel observara cun anteollo. 

No Ribadeo antiguo

    O homicidio cómpre situalo nun tempo de cambios ao que se sumou a invasión francesa, e no medio dunha fogueira de acontecimentos: en 1798 tivo lugar o chamado motin de Sargadelos, sobre o que existe bastante documentación, e tamén a teoria de que esa é a orixe do crime. Meses despois sucede a escaramuza de A Ponte de Arante, e ambos e dous episodios de parecida etioloxia, ou sexa movidos pola pequena fidalguia rural e a cregaxe. Con todo non coñecemos testemuñas pero si indicios e tamén sospeitas moi sólidas, segundo algúns autores. Hai anos mesmo se chegou a sinalar a competencia na fabricación de louza como a causa do complot, algo que a maioría dos historiadores rexeita. É certo que o responsable último da revolta foi o militar José Wosters por permitir as actuacións do populacho, e iso sostén Jesús Evaristo Casariego no seu libro “El Marqués de Sargadelos o los comienzos del industrialismo capitalista en España” de 1950. E engade unhas palabras significativas: ”o seu carácter firme e voluntarioso é dos que se fan admirar e temer pero non amar”. O asañamento mostrado polos executores do crime cun home xa maior para aquel tempo, prestouse a moitas especulacións, case todas sinalando a unha conspiración. Alguén dixo que morreu por moderno e algo disto hai se reparamos no tempo que lle tocou vivir, e o contraste entre a actividade comercial, as fundicións de ferro e e a cerámica, cunha decrépita fidalguía titular de foros e uns cregos administradores de diezmos, oblatas e de toda crase de milagros. No pasado o número de lendas e especulacións mesmo enxeñosas como a do tesouro de Ibáñez, ou o francés emparedado, compoñian ingredientes axeitados para un cartel de cego. Se ainda hoxe nos amilagran revoltas como as do asalto ao Capitolio en Washington, obviando os sucesos da guerra civil española, pensemos na Mariña de Lugo de hai máis de dous séculos.

Pazo de Gimarán, no Ribadeo antiguo

    Ibañez comezou a traballar con dezaoito anos na casa de Bernardo Rodriguez Arango en Guimarán, e primeiro posiblemente asociado á casa, e logo pola súa conta, foi tecendo iniciativas marítimas e despois siderúrxicas e cerámicas en Sargadelos. Tivo importantes socios e colaboradores nas súas iniciativas empresariais como os comerciantes Jose Andrés Garcia e Compañía, de Santiago de Compostela. con quen fundou a Real Compañía Marítima en 1784 para comerciar cos paises bálticos. Residiu en Ribadeo durante corenta e dous anos e nesta vila construiu a súa casa. Ocupou cargos municipais e foi elixido Deputado do Común en 1774 e escribiu varias Representacións ao Rei sobre aspectos e reivindicacións locais e comarcais que se atopan nos Arquivos do Concello e foron publicadas pola estudosa Eloisa Vilar Checa en 1970, e que poden fornecer datos sobre as súas ideas económicas. En 1809 formou parte da Xunta Local de Goberno constituida s raiz da invasión francesa, como xa se dixo. Como activo empresario e innovador nas tarefas que emprendeu, e mesmo nos riscos que afrontou, vémolo como unha persoa destemida e afouta. Que nós saibamos nunca regresou, nen esporadicamente, ao seu lugar de nacimento, transcurrindo a súa vida entre Ribadeo e Sargadelos.

Pazo construído por Ibáñez, hoxe casa do Concello

    Nesta sucinta ollada anotemos que cando no terceiro período da cerámica de Sargadelos se traspasou a fábrica a Luis de la Riva e Compañía de Santiago, entre os aspirantes a facerse coa razón social figuraba o banqueiro e armador Casas, que mercaria o fermoso pazo urbano que Ibáñez construira para o seu domicilio, nunha data próxima a 1780, ainda que era propietario de outras casas na vila, cuxos habitantes deberon quedar impactados pola nova edificación, posiblemente deseñada por algún enxeñeiro militar ou da súa xeira tendo en conta as relacións das fábricas de Sargadelos co Exército e a Armada, documentadas nunha notable Exposicion que tivo lugar en 1994.

EDUARDO GUTIÉRREZ