Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Carlos Álvarez Lebredo. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Carlos Álvarez Lebredo. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20250204

Catálogos de Xusto Moreda

Catálogos de Xusto Moreda

     Esta é unha entrada de documentación sobre Xusto Moreda. Por Mati, accedín ós catálogos de Xusto Moreda que adxunto, e tras considerar que no blog estarían de novo a disposición de quen quixera darlles unha ollada ou facerlles un estudo máis en profundidade, aquí quedan, xunto con algún curto comentario meu:

    Exposición de Xusto Moreda no Forte de San Damián patrocinada polo concello de Ribadeo en 1978. Catálogo cun texto de Dionisio Gamallo Fierros.

    Catálogo da exposición de óleos de Xusto Moreda na Sala Municipal de Exposicións de A Coruña, a finais de 1987. Textos de Laureano Álvarez e Xavier Seoane, xunto cun listado de exposicións e bibliografía. Formato extendido 20 cm x 59,5 cm.

    Catálogo da exposición na Galería de arte Ceibe de a Coruña no outono de 1978. Textos de Dionisio Gamallo Fierros e Manuel Lourenzo.

    Exposición na Galería Arracada de A Coruña no 1985. Catálogo con texto de Antón Avilés de Taramancos, Lino Braxe, Titina Ordóñez, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Bello, Miguel D. Mato Fondo e Xavier Rodríguez Baixeras.

    A modo de tarxeta postal. Xusto con óleos e Carlos coa exposición 'Galicia en Acuarelas', en salas separadas. Non aparece a data.

    Exposición de 1983 en A Coruña con textos de Darío Xohán Cabana e Salvador García-Bodaño.

    Exposición en 1990 en Corcubión. Catálogo con textos de Ana Vasco e Carlos Álvarez Lebredo.

    Na Coruña a exposición foi en setembro de 1998, na Galería Obelisco. O Díptico ten un texto de Pepa Cerviño Lago. Con posterioridade, houbo unha exposición no Hotel Voar en Ribadeo, co mesmo díptico polo que parece co cruño do hotel.

20250125

Recuncho da lectura: A mancha na parede e outros relatos

 


 Recuncho da lectura: A mancha na parede e outros relatos

     A mancha na parede e outros relatos. Chemi Lombardero Rico. ISBN - . Eoditorial. Ribadeo 2024. 56 px.

    Libro que me foi agasallado, non está (ao menos, aínda) distribuído comercialmente.
    Non, non é unha continuación de 'A morte de Colasón' nin por suposto dun ensaio de Chemi, senón un conxunto heteroxéneo nas historias, homoxéneo no estilo, e autónomo en cada unha das breves historias que o constitúen. Lectura agradable, que podendo tomarse de corrido dunha sentada, aconsello ir desgranando unha a unha para adentrármonos nunha realidade que poida que sexa imaxinada e imaxinativa, si, pero tamén se sinte próxima e real.
    -- Nota posterior:
    O 15 de febreiro, Carlos Álvarez Lebredo saca na Comarca del Eo (nº 5472, p.4) o completo artigo que reproduzo a continuación sobre o libro:

Segundo libro de relatos de Chemi Lombardero

Un exercicio de estilo

Carlos Álvarez Lebredo

    Acaba de aparecer o libro ‘A mancha na parede e outros relatos’, segunda entrega de Chemi Lombardero neste subxénero narrativo que é o relato breve. Moi breve, neste caso concreto. Estes son doce contos aínda máis breves que os dez que conformaron en 2020 o libro ‘A morte de Colasón e outros relatos’. Flutúan entre as dúas e as tres páxinas e media de extensión.

    Para lograr tal concisión ―nuns relatos en prosa que necesariamente teñen que ter un desenvolvemento antes de conducir ao lector a un remate― Chemi Lombardero fai un esforzo de depuración léxica moi na liña do que postula, por exemplo, Augusto Monterroso no seu célebre Decálogo do escritor: “O que poidas dicir con cen palabras, dío con cen palabras; o que só con unha, con unha”: cuarto mandamento de Monterroso, case concomitante co destoutro mestre do conto Julio Ramón Ribeyro: “O conto debe ser directo, sen ornamentos nin digresións. Deixemos isto para a poesía”.

    Esta depuración léxica, orfebrería que traballa ben Lombardero, obrígao a “non contalo todo” nos seus brevísimos relatos. Falta neles unha información narrativa que el escamotea a mantenta e que debe encher cada lector coa súa actitude, madurez e experiencia lectora: velaí o interese destes relatos. Dan marxe, danlle un papel ao lector para que participe activamente como instancia imprescindible no “acto de lectura” para encher “os espazos de indeterminación do texto” (tecnicismos crítico-literarios ambos, acuñados polo crítico Wolfgang Iser), e non se limite a ser un mero lector pasivo. Este seu papel activo, que involucra moito máis aos lectores na proposta narrativa do autor, é o que tamén reclamou hai tempo Umberto Eco definíndoo como unha “cooperación interpretativa do texto narrativo”; sintetizouno nunha expresión que contén o título dunha das súas obras máis famosas: introducir o “Lector in fabula” (obra de 1979). Xa na súa anterior obra ‘Opera aperta’ (1962) postulaba que “se deixe ao lector a iniciativa interpretativa dos textos”. E este é un dos xogos que propón Chemi Lombardero nos seus relatos: suxerir pero non contar, deixar entrever interlocutores ocultos nos diálogos e tamén sobreentendidos varios que o lector se ve obrigado a encher para darlle sentido completo ao conto. Por poñer uns exemplos, os relatos “O final” ou sobre todo “A miña tía”, no que non lle queda outra ao lector que activarse porque o texto, en menos de dúas páxinas, di o que di. E máis nada.

    Contrasta o estilo breve e depurado destes relatos coa outra prosa pragmática ―case didáctica― á que nos ten acostumados este escritor nos seus libros de investigación e divulgación histórica: sobre a sociedade ribadense, os indianos, o porto comercial de Ribadeo, os fornos de cal, etc.

    A solución de brevidade pola que opta Lombardero nestes contos que comentamos non son senón o froito dun calculado traballo de depuración técnica e estilística. Un exercicio de estilo. Creo lembrar que hai bastantes anos este autor (e amigo) deixoume ver un relato del que, ao cabo do tempo, noto que era unha primeira versión do que agora é o conto titulado “A arribada”. Daquela primeira escritura, que creo que situaba o conto no porto de Luarca, queda agora un relato reelaborado, moito máis estilizado, sen localización concreta, reducido ao esencial e moito máis logrado. Chemi Lombardero, lector e admirador desde mozo ―cónstame― de mestres do relato curto como Dieste, Castelao ou Marcial Suárez, bebe nestas fontes ambientais e estilísticas (quen non, xaora) á hora de idear as súas historias ―literaria e inequivocamente orixinais― e transformalas nestes relatos tan breves. E apréciase nalgúns destes contos de Lombardero o mesmo gusto que o primeiro deles por rematar o relato cun final incerto, en certa medida misterioso, aberto (de novo, o papel activo do lector): “O furado”, “O recolledor de pecios”.

    A son destas consideracións técnicas cómpre engadir o coidada que está a lingua que emprega Lombardero, algo non moi habitual en moitos outros relatos contemporáneos que se publican a cotío e nos que parece máis importante chegar á meta como sexa (publicar) que coidar o vehículo que se conduce (a lingua).

    En canto ao substrato argumental, cómpre indicar que a maioría dos relatos bucean nun tempo pasado, escasamente precisado no texto. Hai poucas historias que poidamos cualificar de contemporáneas: nin en relación co autor nin, moito menos, co momento da escritura ou da edición. O motor argumental da maioría dos relatos é a memoria. Memoria do vivido hai tempo ou memoria do escoitado, cousa en absoluto cuestionable. Outra cousa sería que en vez da memoria fose a nostalxia quen movese a inspiración: disto estamos sobrados en recentes textos narrativos e xornalísticos de opinión, e os seus autores non acaban de caer na conta de que a nostalxia sempre é un erro. En narrativa tamén. Escapan a esta tendencia dous relatos que si podemos situar nun tempo da historia máis ou menos contemporáneo: “Foi a nai” e “A miña tía”, ambos reflexo de dous tipos de tensións intrafamiliares moi dos nosos tempos.

    Neste punto cómpre preguntarse: a perspectiva do narrador (dos narradores) é a perspectiva do autor real? É que o presente non inspira argumentos? Persoalmente, como lector respecto a opción de Lombardero. Pero agardo del unha terceira entrega de relatos menos dependentes do fío da memoria e nos que mostre un maior ‘aggiornamento’ creativo. É dicir, uns contos que emanen máis de realidades e miradas contemporáneas e que confronten mellor con acontecementos dos tempos presentes. Eis o “horizonte de expectativas” (terminoloxía proposta por Hans-Robert Jauss) que eu mesmo me impoño para futuras entregas narrativas de Chemi Lombardero. Certo é que, visto desde outra perspectiva, este recurso á memoria pasada permite ver nalgún dos relatos aspectos dun tempo que xa non volverá e que mesmo as xeracións máis novas descoñecen absolutamente, v. gr. o teléfono de cables e chavellas que manexan as telefonistas, que aparecen no conto “A fuxida”.

    Dentro deste potente magnetismo da memoria que ordena os argumentos dos relatos de ‘A mancha na parede…’ operan dous factores narrativos, que moi ben poderían ser previamente extranarrativos: a familia e a casa. (Cada lector pode tirar as súas conclusións e ter unha opinión ao respecto da expresiva fotografía que se inclúe na páxina 9). A familia (nai, tía e especialmente o pai) vertebran máis da metade dos contos; e tamén a ausencia física da familia, pero omnipresente no relato, como é o caso do neno protagonista do conto “O recolledor de pecios”, criado sen pai nin nai. Avó, pai e netos (ou avoa, nai e neta) son tres doas dun mesmo colar que aparecen simultaneamente engarzadas e presentes nos contos: “A arribada”, “Un home feliz”, “A miña tía”. No primeiro deles mesmo o fillo é un receptor inmanente do relato: o texto mostra ao pai narrador, que evoca ao avó, pero que se dirixe directamente ao fillo; este escoita e, ao mesmo tempo, o lector le. A casa é o lugar de transacción de afectos e desafectos, diálogos e tiranteces, noutro grupo de contos. Medio libro son relatos de interiores. De interiores físicos, queremos dicir: de casas, de domicilios. Porque de interiores das persoas… diso si que vai todo o libro e non defrauda.

    Sei por radio macuto ―polos arames das viñas, que din os usamericanos con esta axeitada frase que me parece visualmente acertada e moito máis expresiva cá outra― que case todos os relatos de ‘A mancha na parede…’ están baseados, sequera lonxanamente, en feitos reais que nalgún momento lle chegaron ao autor en forma de contos, anécdotas e mesmo brincadeiras. Non estaría mal que, dada a coñecida amenidade do autor nas súas charlas, ofrecese unha que relacionase os personaxes e as historias reais que hai detrás destes contos, o momento e contexto da súa recepción, o proceso de elaboración literaria e o seu resultado e conversión en artefactos narrativos que, en definitiva, é o que son. Podería suceder, por exemplo na próxina Feira do Libro de Ribadeo. Por suposto, permitindo a interacción cos lectores, que estariamos entre o público.

    Cómpre valorar, para finalizar, o apoio editoral que hai detrás deste libro e que vén da man de Eoditorial Publicaciones, empresa que desde Ribadeo anima o noso conveciño Antonio Andina. Nos últimos tempos permitiu tamén a aparición de obras como a voluminosa colectánea de ensaios sobre El Viejo Pancho, os poemas e novelas saudables de Lucía Ferro, a novela de Rosa Paz Rico ou os estudos climáticos de Antonio Gregorio: autores, autoras e temáticas estreitamente vencelladas á cultura ribadense.

--
    O pdf na Comarca.

20240612

HISTORIAS CON PENTAGRAMAS (Relatos musicais e ribadenses), por Carlos Álvarez Lebredo


 

    O próximo domingo 16 de xuño de 2024, no Teatro de Ribadeo terá lugar a presentación do libro HISTORIAS CON PENTAGRAMAS (Relatos musicais e ribadenses), de Carlos Álvarez Lebredo. É o seu terceiro libro (ver aquí e aquí) sobre a historia da música, musicoloxía e Ribadeo.

    Son trinta capítulos independentes. Cada un, unha historia con Ribadeo e a súa cultura e ideosincrasia ó fondo. Abranguen de mediados do século XIX, pasando por un fecundo século XX, á actualidade en feitos e persoas. Ten unha especial referencia o ensino e educación musical en Ribadeo, piar importante da formación musical do conxunto da sociedade, manifestándoo tamén a través da posición do público e a relevancia de diversas conexións na actividade musical ribadense.

20240111

De poetas, homenaxes e árbores simbólicas en Ribadeo. Carlos Álvarez Lebredo

    Adxunto artigo de Carlos Álvarez Lebredo publicado en La Comarca del Eo de 6 de xaneiro de 2023.

De poetas, homenaxes e árbores simbólicas en Ribadeo

Carlos Álvarez Lebredo

    Unha magnífica iniciativa que tivo no seu día a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) foi a de homenaxear cada ano un escritor ou escritora galega no lugar de Galicia que decidise a persoa elixida. O recoñecemento denomínase “O escritor (ou A escritora) na súa Terra”. Consiste en que a AELG contacta coas autoridades municipais do lugar que esa persoa escolleu para a homenaxe, dálles conta desa decisión e solicita autorización para celebrar os actos nun lugar concreto onde ficará un pedrón conmemorativo (cun breve texto gravado na pedra) e onde ao seu carón se plantará unha árbore relacionada coa obra literaria da persoa homenaxeada. E así sucede desde 1995.
    En 2001 a persoa escollida pola AELG foi a poeta Luz Pozo Garza. Motivos —persoais e literarios— habería para que a escritora escollese como lugar de homenaxe (como a “súa Terra”) a vila de Viveiro (lugar no que viviu moitos anos e onde se inspirou poeticamente para os seus primeiros libros) ou Lugo, Vigo e A Coruña (cidades nas que transcorreron decisivos anos da súa vida familiar e literaria). Pero Luz Pozo escolleu o seu Ribadeo natal, no que só viviu os seus primeiros sete anos de vida, pero no que “residiu” animicamente vencelleda a moitas amizades e ao que regresou con visitas frecuentes unha vez xubilada como profesora.

Luz Pozo acompañada de Daniel Cortezón, diante do pedrón.

    De maneira que o día 22 de setembro de 2001 tivo lugar en Ribadeo esa homenaxe da AELG á que se sumou o concello de Ribadeo e moitas persoas ribadenses e outras chegadas de fóra expresamente para o acto. Todas foron testemuñas de como, no xardín próximo á Casa de Sela, se ergueu o Pedrón cun poema gravado e de como así mesmo se plantou ao pé del unha camelia, que foi a árbore elixida pola poeta e que, efectivamente, aparece referenciada con frecuencia entre os versos de Luz Pozo:

    -“Fora anunciando amor

subitamente

naquel templo traslúcido de ponlas e paxaros

imaxe revelada no ritmo dunha pedra

na amplitude da onda

na viva nervadura dunha folla

nos camelios en flor cecais a mediodía”.

 (Poema “Amantes de Castrelos”, no libro ‘Concerto de outono’, 1981).

    “O ar semellaba unha camelia branca

que se tornase en chuvia en sombra en pura ausencia.

(...)

Mais non estabas ti...

Mirei a tarde.

Liña espiral da chuvia na memoria.

Unha estación de incenso pranto mirra

abisal. Salgueiros partituras.

As fontes fican soas.

Unha especie de bafo de camelias unxidas” (...)

 (Poema “Chovía en Compostela”, no libro ‘Códice Calixtino’, 1986).

    Unha tarde acadabas nun bosque de camelias

a derradeira voce no vestixio dun soño —entraba o inverno—

(...)

 (Poema “Falando a Rosalía”, no libro ‘Códice Calixtino’, 1986).

    “Non me podo afastar deste espazo

que habitas

consagrado ó lamento

Unha verxa de ferro

traza os signos da morte

onde inocentes reinan as camelias

(...)

 (Poema “Pétalas ofrecidas”, no libro ‘Prometo a flor de loto’, 1992).

    E coma estes pódense atopar moitos máis exemplos na súa amplísima obra poética.
    O concello de Ribadeo, pola súa parte, colaborou activamente na homenaxe poñendo o nome de Luz Pozo á rúa que nace precisamente no lugar en que se ergueu a pedra e se plantou a árbore, e que chega desde alí ata o cruce coa Avenida de Galicia.
    Anos máis tarde, nunha das remodelacións que se fixeron no entorno do Campín de Sela, xa reconvertido en Parque dos Indianos, retiráronse do seu emprazamento orixinal o vistoso Pedrón conmemorativo e mais a camelia. O problema é que, tras as reformas da contorna (xardín, beirarrúas, etc.), da árbore tan representativa da poesía de Luz Pozo nunca máis se soubo. E o Pedrón literario... foi recolocado nun lugar diferente e moito menos lucido: ao outro lado da rúa, onde cada día se ve máis achicado a asombrado por dúas árbores que medran aos seus lados, unha palmeira de tipo desértico de xardín e un frondosísimo loureiro. Para máis desatino, este novo emprazamento está situado ao pé da porta de entrada da capela da Virxe do Camiño e tal parece que forma parte deste recinto eclesial. No lugar prístino do Pedrón literario levántase agora un “caseto”, de un metro e medio de altura, que parece ter relación cos servizos eléctricos da zona.
    No ano 2012 a AELG escolleu como Escritor homenaxeado na súa Terra ao poeta Xavier Rodríguez Baixeras. De novo neste caso o poeta optou por Ribadeo como “a súa Terra” literaria para recibir o galardón. Podería ter sido Nois (Foz) onde segue tendo a casa familiar na que reside parte do ano, ou a cidade de Vigo onde traballou e reside desde 1977. Pero optou polo Ribadeo que está moi unido á súa adolescencia e primeira mocidade: a casa familiar da rúa de San Roque. Este Ribadeo está moi presente nos seus primeiros poemarios. E como árbore adxacente ao seu Pedrón, para plantar na homenaxe, escolleu unha palmeira, tan ribadense e tan lembrada nos seus hendecasílabos:

Xabier R. Baixeras.

    Palmeira esfarrapada e sempre viva
de afeita a nós, de estar neste xemido
onde afoga confuso o esvaído
toque da hora que algún vento esquiva
(...)
Non te vimos crecer. E nin sabemos
quen te puxo, meniña, á nosa porta,
atordoada, trémula de inzar
sombras, tristezas nas que xa non cremos
(...)
 (Poema “Unha palmeira de Ribadeo”, no libro ‘Fentos no mar’, 1981).
    Lembras o Sul, o vendaval ardente,
(...)
Lembras aquel que andaba nas palmeiras,
que, nun susto, petaba nas cociñas,
que chamaba por nós desde os caboucos?
 (Poema “O Sul”, no libro ‘Lembranza do areal’, 1985).
    Pois ben, Pedrón e palmeira foron plantados neste caso no Campín dos Canapés, preto da Casa do Óptico, hoxe Escola Oficial de Idiomas. Debo confesar que, tras o acto solemne e literario oínlle a un asistente que estaba ao meu lado na homenaxe unhas palabras desgraciadamente proféticas. Algo así como: “Non lle vexo moito futuro a esta palmeira noviña, aquí abaixo, en sombra permanente, cuberta por todos estes plátanos e chopos tan frondosos”. E, desafortunadamente, a profecía cumpriuse. Hai anos que secou aquela palmeira, que agora deixa tolleita a merecida homenaxe da AELG a Xavier R. Baixeras: esta o Pedrón co texto referente á palmeira, pero non está a palmeira. Non deixa de ser irónico o fragmento do poema gravado no Pedrón: “Non te vimos crecer...”.
    Posteriormente á desaparición da palmeira tivo lugar unha remodelación daquela contorna que, entre outras actuacións, supuxo a corta de bastantes chopos e plátanos, que considero acertada. Como consecuencia, agora o Campín dos Canapés está moito máis claro e soleado: éntralle a luz. Coido que á vez que se repoña o Pedrón no seu sitio e se replante a camelia de Luz Pozo no Parque dos Indianos, tamén se faga o mesmo cento cincuenta metros máis adiante coa palmeira de Xavier Baixeras, agora que o lugar dos Canapés está rareado e ben solleiro.
    Mentres tanto eu prometo non trasladarlle á AELG estas “novidades” sobrevidas ás dúas homenaxes que eles promoveron en Ribadeo. E confórmome con mirar con envexa, cada vez que vou polas montañas do Courel, o enorme Pedrón e o xa impoñente castiñeiro que homenaxean e dan paso ao camiño que sobe á aldea de Parada de Moreda, onde naceu e viviu o poeta Uxío Novoneyra.

-o-

20230429

MÚSICA CLÁSICA FOLCLÓRICA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Groba no festival de Cans. Foto de Alberto Pérez Barahona en elDiario.es, lic. CC BY NC 4.0

MÚSICA CLÁSICA FOLCLÓRICA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Ponteareas é vila de grandes músicos. O director e compositor ponteareán afincado na Coruña, Rogelio Groba, finou o primeiro día deste ano. Meses atrás estreara a sinfonía “Voces da terra” para celebrar os trinta anos da Orquestra Sinfónica da Galiza, cuxa primeira actuación foi precisamente cunha obra súa: Ultreia. Baseouse para iso nos catro elementos fundamentais da natureza: aire (danza do vento a ritmo de foliada), auga (con xeito de cantiga popular), terra (aos sons da muiñeira) e lume (cun aquel de pandeirada). Para el, o folclore tradicional galego (de raigame estritamente popular ou modernizado como no caso das Tanxugueiras, por exemplo) é extremadamente variado e goza dunha excelente saúde, amais de non ser, en absoluto, incompatíbel coa música clásica sinfónica, mais disto podería falar moito mellor ca min outro colaborador neste xornal, amante e estudoso da tradición musical de Ribadeo: Carlos Álvarez Lebredo.

    Eu lémbrome de rapaz teimando en tocar ao piano as endiañadas, disoantes, desafiantes e “desafinadas” composicións de Groba case con tapóns nos ouvidos. Pido agora publicamente xa non o seu imposíbel perdón, mais desculpas por semellante herexía. Cousas da adolescencia e da súa rebeldía.

20230118

CORONA GONZÁLEZ SANTOS E RAMÓN GONZÁLEZ: Apuntes para unha biografía. Celia Castro

    Artigo aparecido en Croa, nº 32, ano 2022, 

CORONA GONZÁLEZ SANTOS E RAMÓN GONZÁLEZ:

Apuntes para unha biografía.

Celia Castro

1.Introdución:

A emigración a terras americanas, especialmente aos países de fala hispana, foi unha constante desde mediados do S XIX ata o primeiro terzo do S.XX. Os emigrantes que fixeron fortuna e que retornaron á península, os chamados Indianos, fixeron a miúdo unha importante labor benéfica, espiritual e material, no campo da cultura, da sociedade, e das artes, construindo edificios varios, como escolas, teatros, hospitais, igrexas, etc… dando bolsas de estudos para os xóvenes, financiando institucións, e levantando magníficas mansións que dan fe do seu gusto estético e potencial económico.

A Mariña de Lugo é unha comarca na que a pegada indiana pode verse por todas partes, e a axuda prestada por estes homes e mulleres é un exemplo de refinamento e solidariedade.

No caso de Corona González Santos e Ramón González esta axuda foi unha constante ata o seu falecemento, por iso falar da súa vida e do seu labor social e de mecenado, resulta fácil e complicado á vez. Fácil porque os seus datos biográficos aparecen en moitas publicacións, e as obras levantadas grazas á súa xenerosidade engrandecen hoxe varios concellos. Complicado, porque conforme se afonda nas súas biografías, atópanse novos datos que enriquecen as súas figuras e que permaneceron ocultos por mor da súa discreción.

Quero hoxe con este pequeño artigo, unha vez máis, subliñar a súa importancia na sociedade da época e aportar algúns datos pouco coñecidos da súa vida privada, que nos axuden a coñecelos millor.

2. Ramón González e Corona González Santos: Breves datos biogáficos.

Ramón González Fernández naceu en Ribadeo o 22 de Abril de 1856, no barrio de Porcillán, preto do peirao. Nesta vila pasou a súa nenez e primeira mocidade e estudou Náutica e Comercio. Rematados os seus estudos -segundo algúns autores á idade de quince anos- emigrou a América, establecéndose na Arxentina. De Bos Aires pasou a Rosario de Santa Fe, onde traballou primeiro como empregado na casa comercial Correa, Gana y Compañía, máis tarde como socio na casa Mendeto y Compañía ata 1890, e máis tarde na propia, Ramón González e Cía, ata 1896, data na que se retirou.

Lám 1: Ramón González. Foto Sellier.A Coruña.Tarxeta Americana. 16x11cm. Colección particular


Na Arxentina adquiriu unha gran fortuna e deixou tras de sí unha importante pegada: En Rosario de Santa Fe pertenceu á Asociación de Socorros mutuos, ao Club Español de Rosario (institución que faría unha importante labor social, e da que foi directivo) e ao Banco Español del Río de la Plata. En 1899 regresou a España. Unha vez na península continuou realizando diversas actividades financieiras, a máis importante foi a creación de sucursais do Banco Español del Río de la Plata en Santiago de Compostela e Vigo.

Cóntase que nun viaxe en tren que fixo a O Porriño para visitar a un amigo da emigración veu a Corona González Santos que paseaba pola estación cunhas amigas como era usual nas mozas acomodadas da época. Corona tiña vintedous anos e era filla do prestixioso médico de Mos Faustino Gozález Cobas. Casarían, tras un curto noivado, o 22 de Setembro de 1900 na Capela das Angustias de Sanguiñeda de Mos.

Lám 2:Corona González e Ramón González. Foto Napoleón. Fotografía á albúmina. Barcelona. Ca. 1900. Colección particular.


Corona González Santos naceu en Vilaño (Laracha) o 11 de maio de 1972, máis tarde a sua familia trasladouse a Mos, a causa do traballo do pai.

En 1900, tras a súa voda, o matrimonio González viaxaría entre outros lugares a París, onde tivo ocasión de visitar a Exposición Universal, e onde Corona mercou a súa primeira cámara de fotos. Esta afición cultivaríaa gran parte da súa vida ao longo da cal tomou moitas fotos interesantes -algunhas consérvanse no Museo de Pontevedra- que revelaría ela mesma(1). Este aspecto foi amplamente estudado pola investigadora Fernanda Padín Ogando.

Posteriormente pasarían grandes tempadas en Ribadeo e O Porriño, alternadas con viaxes por España e o extranxeiro. Nestas vilas fixeron unha importante labor filantrópica ademáis de participar activamente na vida social.

Entre as actividades máis importantes realizadas en Ribadeo destaca a pertenza de Ramón á Sociedade Obreira de Socorros Mutuos, ”La Concordia”, da que pasou a ser presidente en 1910. Foi tamén membro do Ateneo Biblioteca Popular, contribuíndo ao desenvolvemento desta institución ao subvencionar clases de distintas materias e financiar a adquisición de diversos instrumentos musicais para os estudantes. Ademáis adxudicou bolsas a varios alumnos da vila para que puidesen realizar os seus estudos.

Financiou tamén a construcción do Teatro, a da Praza de Abastos e doóu unha importante cantidade de diñeiro para as Festas Patronais de 1925.

En 1922 foi nomeado fillo predilecto da vila, facéndoselle unha grande homaxe en colaboración co Ateneo e La Concordia (2).

Estes quizais son os seus feitos máis coñecidos, pero as súas colaboracións chegaban moito máis alá, estendéndose a numerosas entidades da cultura e ás veces tiñan carácter menos oficial, como foron varios donativos a grupos musicáis de carácter folklórico ou deportivo.

As relixiosas do convento de Santa Clara de Ribadeo, do que unha irmá súa, Sor Antonia del Sagrado Corazón de Jesús, foi abadesa durante varios anos, tiveron tamén mostras da súa xenerosidade pois costeou o peche dos arcos do claustro alto, sufragou os gastos da instalación da luz eléctrica, e regalou á comunidade unha cociña económica(3).

Lám 3: Ramón González, a súa dona Corona González, e unha cuñada. Fotografía ca.1925

En O Porriño e Mos o matrimonio exerceu tamén un importante labor benéfico e cultural. En O Porriño, financiaron o templo parroquial que foi inaugurado en 1913. Posteriormente encargaron ao arquitecto Antonio Palacios o edificio do Concello que foi comezado en 1921 e rematado en 1924. Trátase de unha espléndida obra de arquitectura na que se combina o historicismo medieval con un sentido da monumentalidade e solidez moi de moda na época. Fixeron ademáis varias doazóns a entidades deportivas e culturais. Como recoñecemento, o Concello de O Porriño nomeou en 1915 a Ramón González fillo adoptivo da vila. Nela falecería o 15 de decembro de 1925 sendo o seu corpo trasladado a Ribadeo para ser soterrado, feito que acontecería o 17 do mesmo mes.

Tras a súa morte Corona continuou pasando tempadas en Ribadeo acompañada frecuentemente dalgún familiar e participando activamente nos eventos da vila. En 1926 o Concello nomeouna filla adoptiva:

    “en prueba de afecto y gratitud por su valiosa y eficaz valoración en todos los actos altruistas realizados por su finado esposo e hijo predilecto de Ribadeo, el Excmo Sr. D.Ramón González Fernández” (4).

Do seu labor filantrópico temos constancia ao longo dos anos: en Ribadeo, en 1929 cedeu os terreos para levantar unha nova igrexa da Orde Franciscana Terciaria(V.O.T) -á que ela mesma pertencía- por ser a antiga moi pequena e estar en malas condicións. Ademáis patrocinou económicamente esta obra, que foi rematada o 17 de xuño de 1931. Nun lateral da nave do templo encargou a construcción dun fermoso mausoleo Art Decó, a onde trasladou os restos do seu marido, dispoñendo ser ela mesma tamén alí soterrada, feito que aconteceu en 1972.

Aparte do seu interese pola fotografía e outras facetas artísticas, como a escultura en cemento, viaxou a diversos lugares de Europa e América latina. En 1931 trasladouse á Arxentina onde fundou un pavillón no Hospital Español de Rosario de Santa Fe, que leva o nome de Ramón González, quen, con outros directivos do Club Español de Rosario, creara esta institución benéfica en 1912.

Lám 4: Placa conmemorativa no Pabellón Ramón González. Hospital Español de Rosario de Santa Fe. Arxentina. Fotografía. Colección particular.

Cando se desencadeou a Guerra Civil, Corona e as súas irmáns colaboraron activamente coa Cruz Vermella.

3. Outros aspectos relevantes da súa biografía.

Ribadeo, no primeiro terzo do S XX era unha vila cunha intensa vida social. Ás asociacións recreativas como O Casino e o Teatro, sumábanse as propiamente culturais, musicáis ou simplemente as creadas con fins solidarios ou benéficos (5).

A música en especial tiña un papel importante, xa fora en rondallas informales de amigos, en grupos musicáis máis organizados, de carácter clásico ou folklórico.

A ensinanza da música, desde edades temperás, e a transmisión de esta inquedanza de pais a fillos, foi sempre unha constante.

Nos anos vinte un forte sentimento de galeguidade fixose extensivo a todas as artes, potenciado moito pola importante labor dos centros galegos e a saudade que levaba consigo o feito da emigración. Artistas plásticos, escritores e intelectuáis de todo tipo tiveron un importante papel no desenvolvemento dunha corrente galeguista de reafirmación da identidade.

De entre todos os grupos folklóricos creados en Ribadeo, destaca especialmente pola cantidade de participantes e a calidade da súa música e escenografía Cantigas da Mariña.

Cantigas da Mariña naceu da man do artista e intelectual ribadense Amando Suárez Couto, unha das figuras máis senlleiras do noso arte, especialmente ata a Guerra Civil. Creado en 1923, non foi presentado oficialmente ata o 2 de setembro de 1924 no Teatro de Ribadeo co gallo das festas patronáis. Este coro contaba cuns 33 compoñentes e nun principio foi dirixido polo mesmo Suárez Couto. Interrumpida a súa actividade en 1929, foi reanudada en 1933 grazas ao impulso de varias persoas entre as que destaca Claudio Pérez Prieto. Nesta última etapa foi dirixido por Leonardo Fernández-Reinante, e a partir de 1934 por Etelvino Méndez (6). Disolveuse en 1936, e tivo un pequeño rexurdimento en 1941, disolvendose definitivamente en 1942.

Lám 5: Coro Cantigas da Mariña. José Fernández Cancio. Fotografía. Ca 1933. Fototeca Ribadeo na memoria.

O vestiario do grupo foi deseñado por Suárez Couto, que escolleu tamén o repertorio, composto por pezas tradicionáis e tamén por novas composicións de música galega: foliadas, muiñeiras, etc, algunhas delas de autores locais. O grupo contaba cun cadro de baile, e durante a súa actuación poñiase como pano de fondo un fermoso paisaxe ribadense pintado polo artista santiagués Camilo Díaz Baliño.

Foi un ano de preparación e ensaios, tamen de buscar financiamento económico, como pode lerse ás veces na prensa da época:

    “Continúan con toda actividad y entusiasmo los ensayos del coro regional Cantigas da Mariña, que muy pronto hará su presentación ante el público ribadense.

    Han entrado a formar parte de Cantigas da Mariña varias bellas señoritas, cuya colaboración a esta noble labor galleguista es inapreciable.

    A beneficio del coro se celebrará muy pronto, acaso en la semana actual, una gran velada teatral en la que tomarán parte muy valiosos elementos” (7).

No coro figuraban varios nenos, un deles era José Ramón Fontán (8), de nove anos, sobriño carnal de Corona González Santos, que pasaba tempadas cos seus tíos en Ribadeo. Casualmente neste mesmo ano 1924, está datado un retrato de José Ramón feito polo artista da vila Benito Prieto Coussent, que por aquel tempo estaba a realizar estudos de Belas Artes na Escola de San Fernando de Madrid.

Lám 6: Benito Prieto Coussent. Retrato de José Ramón. Óleo sobre lenzo.62x35cm.1924.Colección particular.

Como pode verse está retratado co traxe típico galego -posiblemente o mesmo que utilizaba nas actuacións corais- nunha pose fotográfica, o que pode facernos pensar que o retrato puidera estar baseado nunha fotografía.

Estes datos parecenme significativos e non considero improbable que D. Ramón González contribuíse económicamente á financiación do grupo, posto que o seu interese pola música folklórica galega foi subliñado pola prensa en ocasións. Un exemplo disto é a seguinte reseña da actuación do coro rexional lucense Cántigas e Aturuxos no Teatro de Ribadeo o 16 e o 17 de setembro de 1922.

    “El distinguido filántropo, predilecto hijo de Ribadeo, D. Ramón González, obsequió a los coristas lucenses con un champagne de honor” (9).

E outra mostra do seu interese pola cultura e o folklore galego é esta fotografía tomada en O Porriño en 1905, que representa a un grupo de persoas da localidade vestindo o traxe típico de Galicia e compoñendo un precioso cadro escénico que tería paralelismo coas escenas de xénero plasmadas na pintura da época.

Lám 7 : Grupo de persoas con traxe rexional galego. Fotógrafo descoñecido. O Porriño.1905. Colección particular.

A escena ten como fondo un paisaxe rural da zona, cunha palleira nun plano máis alto, tras o que se ve un fondo de piñeiros. A composición está sumamente coidada e nela destacan á esquerda Ramón González vestido cun traxe escuro e tocado cun gran sombreiro de palla, e, a súa dona Corona sentada á o seu carón e ataviada co traxe típico galego en actitude de fiar nunha roca. O resto das figuras sitúanse en grupos de dous: mulleres ou unha muller e un home, que parolan, danse a man ou sosteñen algún obxeto. No extremo inferior dereito unha muller nova, un pouco aillada, mira cara á fronte, como querendo comunicarse co espectador e chamar a súa atención. Este modo de situar ás figuras por grupos, algunhas formando unha composición pechada e outras mirando cara á fronte, como subliñei, é moi común nas escenas de xénero da segunda metade do S. XIX e primeiro terzo do S. XX.

Ramón González é a única figura vestida á moda do momento, o resto viste o traxe típico galego, feito para a ocasión. Entre os participantes atópanse varias irmáns de Corona, varias amigas de O Porriño, o arquitecto Antonio Palacios -tamén desta localidade- que faría o espléndido edificio do Concello de O Porriño encargado polo matrimonio González, o seu irmán José Palacios, e outros mozos da localidade.

4. Conclusión.

Aínda que as biografías de Corona Gonzalez Santos e Ramón González son sobradamente coñecidas, neste artigo pretendín achegarme un pouco ao perfil humano dos dous e á súa integración na sociedade na que vivían. O seu gosto polas viaxes, o seu interese por patrocinar toda empresa cultural que tiñan cerca e a súa implicación no progreso das súas respectivas vilas, fan deles unha figuras especialmente entrañables.

Tamén, como era moi común nos galegos do primeiro terzo do S. XX, a súa relación con grupos folklóricos da terra e o afán por retratarse co traxe típico de Galicia, móstrannos a súa querencia e consideración polas súas raíces. A toma de conciencia da identidade galega foi moi forte neste período grazas en gran parte ao labor dos Centros Galegos dos países latinoamericanos, que agrupaban aos emigrantes chegados da terra. Estes atopaban neles arroupamento e saída para as súas inquedanzas .

5. Bibliografía.

ÁLVAREZ LEBREDO, Carlos. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos álvarez y Fernández-Cid. Lugo.Ed.Nigoba.2003

CASTRO FERNÁNDEZ, Celia. “Corona González Santos e Ramón González: un matrimonio de mecenas”. Lugo. Croa: boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga. ISSN. 1575-0639. Nº25. 2015. Pp96-101

DE CASTRO, Manuel,OFM, e, DE LA CRUZ, Mª Ángeles, OSC. El Monasterio de Santa Clara de Ribadeo. Salamanca: Kadmos 1989

GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ, Eduardo. Do vello Ribadeo.Lugo. Agrupación Cultural Francisco Lanza. 2005

LAZÚRTEGUI CUERVO, Antonia. 40 Historias de Ribadeo. Lugo: Diputación Provincial de Lugo, 2000

LOMBARDERO RICO, Chemi. Sociedade ribadense, 1900-1936. Ribadeo: Xesproin Norte, 1999

VV.AA. 50 aniversario Coral Polifónica de Ribadeo(1995-2005). Lugo: Diputación Provincial de Lugo, 2005

Periódicos e Revistas.

El Progreso. Año XVII. Nº5120. 5 de agosto de 1924. Lugo. Páx 2

El Progreso.Nº 4540. 20 de Setembro de 1922. Lugo. Pax 2

Webgrafía.

Blog Atalaia. Mércores 17 de decembro de 2008.Ribadeo

Fernanda Padín Ogando. https/www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972

--

Notas:

1 Fernanda Padín Ogando. ttps://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972/↩

2 Blog Atalaia. Mércores 17 de decembro de 2008.Ribadeo↩

3 Manuel de Castro, OFM e Mª Ángeles de la Cruz, OSC. El Monasterio de Santa Clara de Ribadeo. Imprenta Kadmos. Salamanca. 1989. Páx 80↩

4 Blog Atalaia. Mércores 17 de decembro de 2008.Ribadeo↩

5 Antonia Lazúrtegui Cuervo. 40 Historias de Ribadeo. Diputación Provincial de Lugo. Lugo. 2000 Chemi Lombardero Rico. Sociedade ribadense, 1900-1936. Xesproin Norte. Ribadeo.1999↩

6 Carlos Álvarez Lebredo. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid. Lugo. Ed Nigoba. 2003. Páx 41↩

7 El Progreso. Año XVII. Nº5120. 5 de agosto de 1924. Lugo. Páx 2↩

8 VV.AA. 50 aniversario Coral Polifónica de Ribadeo(1995-2005). Diputación Provincial de Lugo. Lugo. 2005. Páx 101.↩

9 El Progreso.Nº 4540. 20 de Setembro de 1922. Lugo. Pax 2↩

20230117

A vitalidade musical de Manolo Choupín (1941-2023). Carlos Álvarez Lebredo

    Adxunto a nota de Carlos Álvarez Lebredo sobre Choupín aparecida na Comarca de sábado pasado, que aporta abondos máis datos e detalles que a publicada por min.


A vitalidade musical de Manolo Choupín (1941-2023)

Carlos Álvarez Lebredo

Coro Miserere. 2004. V. Manuel Sanjurjo está abaixo o 3º pola esquerda
 

    Co falecemento de Víctor Manuel Sanjurjo Láncara (Manolo Choupín) desaparece un importante actor da música en Ribadeo e unha especie de fío que axudou a compoñer e recompoñer diferentes agrupacións musicais ao longo de moitos anos. Para moita xente, como espectadores, Manolo Choupín foi sobre todo e durante moito tempo un bo tenor na Coral Polifónica de Ribadeo; pero o seu quefacer e o seu despregue musical atinxiu outras facetas pois durante a súa vida non parou de gabear por todo tipo de pentagramas.

    Apareceu Manolo Choupín a cantar en público con tan só 10 anos cando Carlos Álvarez Fernández-Cid recorreu a un grupiño de alumnos do colexio dos Hermanos Menesianos, ben ensaiados musicalmente polo hermano Juan Harán, para reforzar o seu veterano coro parroquial, que era tamén o que interpretaba o ‘Plorans’ de Pacheco nas procesións da Semana Santa. Estes nenos de boa voz (Pablo Cociña, José Carlos González Amado, José Duarte, Marcial Fernández) facían as voces brancas reforzando a parte feminina do coro. Por esa mesma época botou man destes nenos Emilio Carricoba, para interviren nalgunhas misas nas que tamén participaba a Banda de música que el dirixía.

    Poucos anos despois integrouse Manolo Choupín, con voz e laúd, xunto a varios amigos mozos coma el (Francisco Maseda, Lolo García Méndez ‘Castellano’, José Antonio Díaz ‘Pinche’, Alberto Pelegrín...), na divertida e veterana Rondalla que dirixía Fernández-Cid durante os veráns. Tamén por eses anos 1960-1961 esta seccción de mozos “independizábase” nalgunha ocasión dos veteranos (lóxico) e rondaban as mozas ribadenses e veraneantes convertidos en ‘Rondalla Gamberros Filharmónicos’. Por esa mesma época Manolo Choupín integrouse na Coral Polifónica de Ribadeo, nuns momentos en que se fixera moi necesaria a entrada de novas voces para compensar a saída de cantores que se viron obrigados a marchar de Ribadeo por razóns de estudos ou laborais.

    Tras uns anos de menor actividade da Polifónica a mediados dos anos setenta, a posibilidade real de contar con novas voces masculinas e femininas (moitas delas nenas con estudos regrados de música, alumnas de sor Pilar de León) fixo que Fernández-Cid se plantease en serio a reorganización da Coral para volver actuar máis alá de esporádicos certames, das liturxias de Semana Santa e das misas solemnes da Patroa de Ribadeo o día 8 de setembro. Das tarefas de toda a organización material encargouse con entusiasmo Manolo Choupín: informar do proxecto, animar os indecisos, xuntar de novo os veteranos, ir acoplando os debutantes e detallar os horarios de ensaios. Foi unha axuda imprescindible para que o director musical puidese poñer en pé de novo e ao completo toda a maquinaria coral, unhas sesenta voces. Na fotografía oficial do concerto inaugural desta 2ª época da Coral Polifónica de Ribadeo forma Manolo Choupín entre os tenores e tamén a súa esposa Inmaculada Río e a filla de ambos, Inmaculada Sanjurjo Río. Anos máis tarde (1992) Manolo Choupín coincidiría co seu fillo Manuel nas filas da reorganizada Banda de música de Ribadeo: o pai coa tuba e o fillo coa trompeta.

    Cando a partir de 1982 John Rutherford reorganiza a Rondalla de Ribadeo, Manolo Choupín participa das súas rondas durante anos. Igual que no caso da Polifónica, el representaba o elo intermedio en idade, entre os veteranos desas dúas formacións e os músicos novos que se ían incorporando. A súa experiencia nas rondallas serviulle a V. Manuel Sanjurjo para decidirse a organizar unha rondalla infantil baixo a súa dirección. Comezou en 1984 cos primeiros ensaios a nenos e nenas do colexio de EXB Gregorio Sanz de Ribadeo. Xuntáronse entre 30 e 40 pequenos instrumentistas de guitarras, mandolinas, bandurrias e pandeiretas e adoptaron o nome de Rondalla Infantil Chascorrandeira. Actuaron durante dous anos en moitas localidades entre Luarca e San Sadurniño. A rondalla desfíxose cando esa promoción de nenos rematou os seus estudos no colexio. Pero en 1992 Manolo Choupín repetiu a expriencia de rondalla infantil cuns 30 nenos do colexio La Paloma de Castropol e mesmo chegaron a editar unha casete coas súas cancións en 1995.

    De novo no aspecto coral, hai que destacar o empeño de Manolo Sanjurjo por rescatar un grupo de cantores para o tradicional ‘Miserere’ nas Semanas Santas de Ribadeo. E así creou e dirixiu o grupo que con ese mesmo nome, Miserere, acompaña as procesións ribadenses desde 1994. Tamén en 2003 relevou na dirección do coro Airiños de Ribadeo (do Centro Social) a Gonzalo Montero, que o fundara en 1990.

    Noutra orde de cousas, V. Manuel Sanjurjo Láncara puxo o seu entusiasmo musical dentro da comisión cidadá que ao longo de 1988 debateu e madurou a idea de reorganizar en Ribadeo unha Academia que formase musicalmente nenos e mozos e que, ao tempo, servise de canteira instrumental para unha futura Banda de música local, tras case trinta anos de inexistencia desta formación. Ao ano seguinte substanciouse esa idea, creouse a Asociación Amadores da Música e púxose en marcha a Academia de Música Carlos Álvarez Fernández-Cid, orixe da actual Escola Municipal de música e foro de aprendizaxe para os músicos da Banda de Ribadeo.

    Tamén en novembro de 1990 Manolo Choupín foi quen se encargou de organizar unha exposición fotográfica que baixo o título de “Laudate Ceciliam. Imaxes da música en Ribadeo”, ofreceu unha panorámica da música ribadense desde 1915, condensada en 105 fotografías e que estivo instalada na antiga Oficina de Turismo.

    Que descanse en paz Manolo Choupín, pero que nos deixe por aquí algo da súa enerxía e do seu entusiamo para que poidamos manter acesas as diferentes iniciativas musicais que tradicionalmente estiveron vivas en Ribadeo e que lle dan á localidade un carácter especial.

(Publicado en La Comarca del Eo, 14 de xaneiro de 2023, p. 4)

20230106

Ribadenses destacados: Daniel Cortezón Álvarez. Santiago Sanjurjo Díaz

    Unha nova biografía de 'Ribadenses destacados', Daniel Cortezón por Santiago Sanjurjo.

DANIEL CORTEZÓN ÁLVAREZ

(Ribadeo, 1927 – Lugo, 2009)

Ensaísta, novelista, dramaturgo e senlleiro expoñente do teatro histórico galego

Daniel Cortezón (Foto de Matilde González)

    Daniel Cortezón nace en Ribadeo o 6 de febreiro de 1927, fillo de Amalia e Daniel. Por mor dos sucesivos traslados do pai, membro do Corpo de Carabineiros, pasa a súa nenez en diferentes vilas de Andalucía e Asturias. Atópanse nesta última rexión cando estoupa a Guerra Civil. O seu pai, que permanece fiel á República, combate en diversas frontes, ata que, ferido, cae prisioneiro en Castellón. Despois de ser xulgado nun Consello de Guerra e recibir unha condena a morte, posteriormente conmutada por unha pena de cadea perpetua, o pai bota cinco anos preso no cárcere de Xixón. Namentres, Cortezón e a súa nai retornan a Ribadeo, onde, a finais de 1939, o futuro escritor comeza a traballar nunha carpintaría, ata que, ao ano seguinte, entra como aprendiz na Farmacia Sarmiento, da que será empregado durante case cinco lustros.

    Cómpre sinalar que as vivencias e as lembranzas da guerra, na que faleceu en combate o seu tío Ramón Crespo Rodas (a quen inmortalizará e renderá unha emotiva homenaxe na obra Os irmandiños), sumadas ás conviccións esquerdistas do pai e á propia condición de proletario de Cortezón, contribúen sen dúbida a sentar as bases do seu futuro compromiso intelectual, artístico e político de clara filiación marxista. Esta postura consolídase sobre unha vasta e sólida formación de carácter autodidacta, cuxos comezos poden datarse nese mesmo ano de 1940, cando enceta a lectura case íntegra dos fondos da Biblioteca Municipal de Ribadeo, que el mesmo califica como a súa verdadeira universidade. Pouco despois escribe os seus primeiros textos, ensaios de carácter filosófico, político e estético, algúns dos cales publica en revistas como Rumbo, Estudios e Auxiliares de farmacia, da que co tempo chegará a ser redactor xefe. A súa traxectoria literaria iníciase en 1951 coa novela, escrita durante un periodo de enfermidade, As covas do Rei Cintolo (Galaxia, 1956) e ao pouco comeza a recibir os primeiros dos seus abondosos premios: o Manuel Cao Turnes do Centro Gallego de Bos Aires, pola aínda inédita novela Ribanzo, e o Otero Pedrayo do Lar Gallego de Caracas, co ensaio Os esprito da Galiza, ambos en 1956, así como o Premio da Casa de Galicia en Nova York, por De la saudade y sus formas, en 1959, por citar só algúns.

    Xa nesta etapa inicial resulta posible definir certas características que serán constantes na traxectoria posterior de Cortezón: primeiramente, ten lugar o descubrimento do galego e o seu emprego como lingua literaria, en alternancia co castelán, o que fai del un autor bilingüe pertencente a dous sistemas literarios diferentes. En segundo lugar, a historia, a cultura e a identidade galegas pasan a ocupar un lugar preferente no seu proxecto intelectual e artístico, ben como tema literario, ben como obxecto de reflexión, tal e como testemuñan os importantes ensaios O esprito da Galiza (1955), Pantocrítica galiciana (1956), Aspeitos sociolóxicos do ser de Europa, Consideracións encol do senso e posibilidade da crítica e Ouservacións para unha crítica en col do avidalismo na poesía galega actual, estes tres últimos galardoados co premio Padre Feijoo do Centro Gallego de Bos Aires en 1963. Por último, o xénero dramático, no que se inicia con títulos como Nicolás Flamel, O renarte Ciprián (ambas de 1960) e, singularmente, Prisciliano (pola que recibiu o Premio Villar Ponte de Teatro en 1962 e que sería publicada en 1970 por Galaxia) convértese no seu principal medio de expresión e na cerna da súa produción.

    En 1960 casa con Mercedes del Monte, Merchi, e dous anos máis tarde trasládase a León en calidade de apoderado de Empresas Barreiros, S.A. En 1965 instálase en Madrid, onde dirixirá Financiación y Crédito, S.A., e a partir de 1970 e ata a súa xubilación en 1987, traballará na sucursal de Refrey. Na capital madrileña entrará en contacto con importantes persoeiros das culturas española e galega (ao longo da súa vida cultivará unha fonda amizade con Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Borobó, Dionisio Gamallo, Ramón de Valenzuela, Isaac Alonso Estraviz, Luz Pozo Garza, Xosé Luís Franco Grande, Carlos Díaz, Suso Peña, Delfín Mariño, Carlos Álvarez Lebredo, Toni Deaño, Chemi Lombardero, Manuel F. López, Manuel Valín e Roberto Rodríguez, entre moitos outros).

Daniel Cortezón e Dionisio Gamallo Fierros (Foto de Matilde González)

    As décadas dos 60 e 70 son verdadeiramente prolíficas e están cheas de éxitos: as obras en castelán El Rey de Harlem e Semáforo inauguran o III e IV Premio Sitges de Teatro en, respectivamente, 1969 e 1970. En 1972 a versión castelá de Os irmandiños queda finalista no Premio Ciudad de Alcoi (o orixinal galego obterá o premio Santiago Rusiñol no X Festival de Sigtes de 1977). Esta localidade alicantina será particularmente xenerosa co ribadense, pois tan só un ano máis tarde voltará a quedar finalista con El mástil (gañadora do Premio Aguilar de Teatro en 1977) e en 1974 resultará gañador coa obra sobre Salvador Allende e o golpe de Estado en Chile Compañero Presidente, compañero, cuxo estreo será prohibido pola censura. En 1974, Xelmírez ou a gloria de Compostela, coa que acada o Premio Ciudad de Barcelona de Teatro, estréase en castelán no Teatre Grec de Montjuic e a Editorial Nós de Bos Aires publica o orixinal galego. Ao ano seguinte Cortezón resulta finalista do prestixioso Premio Lope de Vega con Crónica del rey don Pedro, que verá a luz anos máis tarde, en 1998, nunha colección teatral da Universidade de Murcia. Nos anos seguintes saen do prelo importantes títulos dramáticos como A diáspora (1976), Crónica de Enrique IV (1977), Os irmandiños (1978), Pedro Madruga (1981) e Danza, contradanza y metamorfosis de moros y cristianos (1982), Soñando a Goethe en primavera (1986) e as sucesivas entregas da súa monumental tetraloxía Castelao ou a paixón de Galiza: O animador de ilusións (1986), As árbores e os xuncos (1988), Intermezzo bufo (1996), coa que un ano máis tarde queda finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática, e O pudor e a angustia (1997). No eido da narrativa cómpre destacar a publicación de A vila sulagada (1981), gañadora do prestixioso Premio de novela Eduardo Blanco Amor na súa primeira edición.

Carlos Álvarez Lebredo, Daniel Cortezón e Suso Peña (Foto de Matilde González)

    Despois da súa xubilación, Cortezón retorna a Galicia e aséntase no seu Ribadeo natal, onde prosegue coa súa intensa labor literaria e intelectual. No prazo duns poucos anos sofre importantes perdas persoais coa falecemento da súa nai e da súa dona, Merchi, que o somen nunha depresión. Así e todo, non deixa de participar na vida cultural: escribe, pronuncia conferencias, traduce obras de autores como os seus amigos Jerónimo López Mozo e Lauro Olmo, recibe premios e homenaxes, e ve como se poñen en escea algúns dos seus textos dramáticos. Neste último eido destacan as representacións de Os irmandiños e de Pedro Madruga a cargo do colectivo «O Castelo» e baixo a dirección de Roberto Casteleiro, durante o Festival Irmandiño de Moeche (nas súas edicións, respectivamente, de 1996 e 1997), así como a estrea, en 1999, da montaxe de Xelmírez ou a gloria de Compostela que realizou o Centro Dramático Galego, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Só un ano máis tarde prodúcese o pasamento do seu íntimo amigo, o intelectual ribadense Dionisio Gamallo, cuxa monumental biografía Dionisio Gamallo Fierros. Varón de Porcillán. La sinfonía incompleta (2005) pode ser considerada a derradeira gran obra de Cortezón.

    En abril de 2002 casa con Matilde González, Mati, con quen compartirá a tutela de Beatriz Mohedano, e uns meses máis tarde recibe unha homenaxe na súa vila natal, que culmina coa dedicatoria dunha rúa ribadense. Tras uns últimos anos nos que, entre Vigo e Ribadeo, prosegue escribindo, falece en Lugo o 4 de outubro de 2009.

Fila superior: Olivia Tudela, Gonzalo Vázquez Pozo, familiar de Josefina Martínez, Verónica Lorenzo, Josefina Martínez, José Carlos Rodríguez Andina, Saulo Cuesta, Veva Sordo, Rosa Fernández, Toni Deaño, Manuel Valín, José Luis Echevarría.
Fila inferior: Tomás Sanjurjo, Matilde González, Daniel Cortezón, Marita Gamallo, José Luis Pensado, Elena Diego, Luz Pozo, Emilio Lorenzo, Rafael Alvarado, Rosa Cobo, Enriqueta Ruiz, Chus Maseda e Roberto Rodríguez.
Diante de Luz Pozo: Fidel (fillo de Olivia Tudela) e Santiago Sanjurjo.
Centenario de Dámaso Alonso. Ribadeo, xullo de 1998.

(Foto de Jaime F. Pola)

    A inxente obra de Cortezón permanece en gran medida aínda inédita e, por desgraza, a meirande parte dos seus libros están esgotados e só se poden atopar en bibliotecas ou librarías de segunda man. A súa dilatada produción abrangue practicamente tódolos xéneros literarios, entre os que destacan o ensaio, a novela e, de xeito sobranceiro, o teatro. Así, atopamos desde pezas teatrais para nenos (Alí Ben Mangato e mailo seu cabalo branco chamado Beliador, de 1995) ata ponencias sobre temas diversos como La moral de los estoicos (1946) ou Sobor das condicións do asalto á razón (1990), pasando por guións para televisión sobre Prisciliano, como o escrito para a TVG con Mariano Tudela en 1985.

    Porén, dentro desta heteroxeneidade resulta posible identificar un fío en común que dá sentido ao proxecto literario e intelectual de Cortezón. Dous son os piares sobre os que se asenta: por unha banda, unha perspectiva política de carácter marxista (relativamente heterodoxo) e, por outra, un nacionalismo galego sui generis. É precisamente na produtiva e, en ocasións, conflitiva dialética entre ambas fasquías onde xorde a xenuína e orixinal aportación do dramaturgo ribadense. Nun primeiro momento, as obras ensaísticas —xa mencionadas— que escribe ao longo dos anos 50 e 60 sentan as bases dunha severa e argumentada crítica do que el considera as causas do fracaso do «proxecto histórico do ser de Galicia como nacionalidade» e que constitúen un demoledor cuestionamento do que, seguindo a Helena Miguélez-Carballeira, podería considerarse unha identidade sentimental de Galicia. A continuación, partindo desas premisas teóricas Cortezón decide traballar na creación dun teatro histórico (e político, sería preciso engadir) do que, segundo el, carece o sistema literario galego. A súa misión sería a de «afondar na memoria histórica do pobo galego, sobre todo na súa vertente de rebelión dos oprimidos e dominación dos opresores», para o que crea unha serie de obras protagonizadas por axentes individuais e colectivos «cruciais na eclosión e ulterior frustración da galeguidade». Así, as pezas adicadas ás loitas irmandiñas, Xelmírez, Pedro Madruga ou Castelao buscan atopar e expoñer as razóns do fracaso histórico de Galicia que, para Cortezón, en moitas ocasións levan os nomes e apelidos daqueles que, como sinala Iolanda Ogando, «tendo nas súas mans os instrumentos» para mudar a historia, «non souberon asumir as súas responsabilidades». Finalmente, a orixinalidade da proposta de Cortezón, atravesada de pola mencionada relación dialéctica entre marxismo e nacionalismo, reside en que «trascende a mitificación do pobo e a desmitificación dos estamentos poderosos» para remover conciencias e facer do teatro unha ferramenta de crítica revolucionaria e de construción nacional.

Bibliografía

Abuín, A., «A traxectoria teatral de Daniel Cortezón: cara unha poética do drama histórico galego», en: Cortezón, D., Xelmírez ou a gloria de Compostela. Santiago de Compostela (1998), pp. 77-120.

Cortezón, D., «Los años de la destrucción», en: Pörtl, K. (ed.), Reflexiones sobre el Nuevo Teatro Español. Tübingen (1986), pp. 74-82.

González Gómez, M., «Cronología», en: González Gómez M. y M. Valín Valdés (coords.), Daniel Cortezón. Viveiro (2011), pp. 19-31.

Ogando, I., Teatro histórico: construción dramática e construción teatral. A Coruña (2004).

Pascual, R., «Daniel Cortezón. Lembranzas dunha vida autodidacta», en Madrygal, 11 (2008), pp. 199-205.

SANTIAGO SANJURJO DÍAZ

--

Sobre D. Cortezón no blog

20221109

LEONARDO FERNÁNDEZ- REINANTE: Músico e compositor ribadense. Por Celia Castro

LEONARDO FERNÁNDEZ- REINANTE:

Músico e compositor ribadense.

Por Celia Castro

Coñecín a Leonardo Fernández-Reinante de cativa na Biblioteca Municipal “El Viejo Pancho”, onde iba a pasar moitas tardes sobre todo no veran. Él era entonces o encargado, o que nos daba os libros, aconsellábanos lecturas, e facíanos gardar silencio, esto último non o conseguía moi ben a pesar dos seus continuos esforzos. É comprensible, éramos novos.

Tamen ás veces escoitábao tocar o armonio na Igrexa Parroquial, esto e o coñecer que daba clases de música fixome saber que o seu papel no campo cultural ía máis aló que as súas tarefas na Biblioteca.

Un día, hai xa moitos anos, atopéi na casa unha vella fotografía manchada de tinta, na que figuraba él con outros tres músicos que compoñían o cuarteto Os Ribanova. A fotografía tiña o selo de Foto Sáez e non levaba escrita ningunha data,como era frecuente ata hai moi pouco tempo.

Lám 1. Fotografía nunha festa. Foto Sáez, Ribadeo.Ca1932-1936. Colección particular.

Polo aspecto do vehículo engalanado con banderines de papel e con bandeiras, podemos pensar que se tratase dalgún evento festivo, probablemente as Festas de Ribadeo, ou de algunha parroquia próxima como Villaselán ou Ove. A bandeira que adorna a carroza, co nome de Tintorería Americana explica a presenza do meu tío avó Xosé Manuel Fernández Candia que aparece sentado na fila inferior, no centro, flanqueado por outros dous personaxes que non coñezo. Meu tío Xosé Manuel, emigróu a La Habana moi novo, e establecéuse en Ribadeo cara a 1931, aquí fundóu dous negocios: La Casa Americana- de sastrería e confección- e a Tintorería Americana, que lle traspasaría ao meu avó en 1937.

Detrás dos personaxes sentados aparece o cuarteto ribadense Os Ribanova, vestidos co traxe típico galego.

De esquerda a dereita:

Leonardo Fernández-Reinante (caixa), Ramón Manso (gaita), Etelvino Méndez (clarinete) e Manuel Martínez (bombo) (1). Todos eles, xunto con o Fernando Salgado, Primitivo Díaz, Ramón Fuertes ( El Valenciano), e outros moitos, foron importantes figuras da música popular ribadense nos dous primeiros terzos do S.XX, xunto con Carlos Álvarez e Fernández-Cid, organizador e músico destacado tamen na música clásica e sacra.

E así comecei eu a interesarme pola figura de Fernández-Reinante que, neste campo, era para mín un descoñecido. Según os datos que aparecen na Gran Enciclopedia Galega (2), naceu en Ribadeo en 1906. Estudou no Colexio dos Agustinos solfeo ao mesmo tempo que cantaba como tiple na capela. Desde os 12 anos tocou na Banda de Música da vila, primeiro a caixa e despóis o clarinete, rematando a os 23 os estudos de solfeo, violín e piano. O seu labor como compositor comezou compoñendo tres pasodobles, unha marcha fúnebre para banda, e, algunhos bailables para piano.

En 1928 créase o cuarteto de música galega Os Ribanova, do que formou parte, que se mantería ata xuño de 1936, disolvéndose por mor da Guerra Civil. Tivo moito éxito, actuando en moitos lugares de Galicia e o occidente asturiano.

Pero tamén Fernández-Reinante tería un papel importante noutros ámbitos da cultura ribadense.

Colaborador da Biblioteca Popular Circulante de Ribadeo, creada en 1927 pola iniciativa de Gregorio Sanz García, Amando Suárez Couto e Camilo Barcia Trelles, xogaría máis tarde un importante papel na súa conservación e custodia.

Lám 2. Leonardo Fernández- Reinante na sede da Biblioteca popular Circulante. Ribadeo. Ca 1930. Colección particular

En 1923 o artista e intelectual ribadense Amando Suárez Couto creou o coro galego Cantigas da Mariña, que sería presentado oficialmente no Teatro de Ribadeo o 2 de setembro de 1924, co gallo das festas patronáis. Nun principio foi dirixido polo mesmo Suárez Couto, e, despois dun tempo sin actuar- vivindo Suárez Couto en Madrid- renaceu por iniciativa de Claudio Pérez Prieto, pasando a dirixilo Leonardo Fernández-Reinante en 1933. En 1934, pola renuncia deste, tomou a dirección Etelvino Méndez (Álvarez Lebredo , 2003: páx 116-117).

Lám 3 : Coro Cantigas da Mariña. Fotografía anónima. Ribadeo. 1933. Fototeca Ribadeo na memoria

O coro, en varias ocasións, interpretou composicións de Fernández- Reinante, que xa tiña un nome como compositor, como subliñei. Nas Riberas del Eo do 21 de xullo de 1928 (3) menciónase, con ocasión dun festival artístico celebrado no Teatro da vila a interpretación por parte da orquesta do seu pasodoble, La muñeca japonesa, aclarando nunha nota, que:

“ En esta velada se tocará por primera vez un bonito pasodoble compuesto por el joven músico ribadense Leonardo Reinante”

Durante o tempo no que dirixíu Cantigas da Mariña, nos festivais, actuacións, e veladas teatrais nas que a agrupación participaba, interpretáronse varias composicións polifónicas del, todas elas de temática galega, sempre dentro da liña que se pretendía dar a dito grupo coral, como reseñóu na súa presentación D. César López Otero:

“ A finalidade dos coros , que buscan a conservación do canto popular, para que no seu día sirvan eses cantos de orixe e fundamento a unha música de categoría, que sendo esencialmente galega, sexa ao mesmo tempo de universal aceptación (4).

Airiños Aires foi composta en 1933, tomando a letra do poema de igual título de Rosalía de Castro. É un madrigal que foi estreado no Teatro de Ribadeo o día 12 de abril de 1933, e interpretado máis tarde en varias ocasións. Outras pezas son Alalá de Ribadeo, Pobre Velliño, Miña Ruliña, e Mala Fola, as dúas últimas con letra do escritor Inocencio González.

Inocencio González Remior, nado en San Miguel de Reinante , emigróu a La Habana, onde residiu un tempo. Retornou a Ribadeo cara a 1932, e desde este ano ata 1936 foi un colaborador frecuente do semanario Las Riberas del Eo. Escribíu poemas, cantigas, relatos e artigos de opinión, en castelán e en galego, sempre desde unha perspectiva intelixente e moderada. A súa colaboración nos eventos da vila, e especialmente co coro Cantigas da Mariña, sería recollida na prensa contemporánea:

“Mañana dará dos funciones en el Teatro de esta villa el coro < Cántigas d’a Mariña>, con un interesante programa, en el que figuran las obras de nuestros amigos D. Fernando Salgado <La Despedida> y <Miña Ruliña> de D. Inocencio González, con música del director del coro D. Leonardo F.Reinante” (5).

Nestas actuacións interpretábanse tamén composicións doutros autores afincados en Ribadeo como Etelvino Méndez ou o castropolense Fernando Salgado, á vez que de compositores galegos de sona, como Baldomir, Pascual Veiga,ou Xoan Montes.

En 1934 Fernández-Reinante abandonou a dirección do coro por discrepancias có presidente do mesmo, Jesús Díaz López, explicando os seus motivos nunha carta datada o 16 de agosto de 1934, e publicada en Las Riberas de Eo uns días despois (6). Desde a súa dimisión ata 1936 Cantigas da Mariña foi dirixido por Etelvino Méndez.

Con todo ata 1936 Fernández-Reinante seguíu participando nos eventos musicáis da vila formando parte de Os Ribanova-que actuaban en festas e romarías da comarca, e outros puntos de Galicia e Asturias- e dirixindo o Orfeón Obrero, que, aínda que non tan popular como o cuarteto de música galega, foi moi ben recibido polos ribadenses. Posiblemente a última actuación oficial deste Orfeón foi o 1 de maio de 1936 co gallo da celebración en Ribadeo da Festa do Traballo. O semanario Las Riberas del Eo describe con minuciosidad os diversos actos celebrados en varios lugares da vila, actos conmemorativos, ofrendas florais, mitines, reprentacións teatrais, e especifica que ao longo da xornada, e no remate da mesma, o Orfeón Obrero interpretou varias pezas que foron acollidas con gran éxito por parte do público.

“ Durante los diversos actos celebrados cantó con mucha afinación varios himnos el Orfeón Obrero, bajo la dirección del joven y competente maestro compositor Leonardo.F.Reinante”.

“Al final de la obra el Orfeón Obrero interpretó bajo la experta dirección de Leonardo.F.Reinante los himnos proletarios, La Unión y La Internacional. Siendo al final de ellos efusivamente ovacionados” (7).

A partir do 18 de xullo de 1936 co levantamento militar e o posterior desencadeamento da Guerra Civil, foron paralizadas todas as actividades culturáis, que máis tarde, despois da toma da zona polo bando nacional iríanse recuperando en parte.

Fernández-Reinante, vinculado ao Ateneo e á Biblioteca Popular Circulante, xogou un importante papel na garda dos fondos bibliográficos da mesma, que custodiou persoalmente para evitar que foran requisados ou destruidos, devolvéndoos máis tarde, cando xa non corrían perigo.

Tras a Guerra Civil dedicouse a dar clases de piano e violín nun establecemento que tiña alquilado na rúa San Francisco, onde tamén afinaba pianos e vendía partituras e instrumentos musicáis. Tamén tocaba o armonio e o órgano nos servizos relixiosos e nas festividades nas que se lle requería.


Lám 4 : Anuncio de Leonardo F. Reinante. Las Riberas del Eo. 28 de marzo de 1942. Páx 4

Con todo no deixou de crear melodías. Escribiu duas serenatas, unha para piano e outra para violín. En 1945 compuxo a música dun tango , Todo en la vida es mentira, con letra do asturiano Conrado Villar Loza. Ambos dedicáronlle esta peza, composta para piano ao barítono gijonés Antonio Medio, “ en señal de admiración”.

Conrado Villar Loza, nado en Taramundi en 1873 escribiu varias cancións e libretos para obras musicáis en colaboración con outros músicos ribadenses. Quizáis a máis coñecida é Un feixe de tapiegadas, con música do mestre afincado en Ribadeo

Etelvino Méndez, é un sainete lírico con unha serie de cadros escénicos, que tivo grande éxito. Algunhas das melodías, interpretáronse soltas, facéndose moi populares.

En 1943 por iniciativa do músico ribadense Carlos Álvarez e Fernández-Cid -que tanto fixo pola música en Ribadeo- naceu o proxecto de crear unha Banda de Música como houbera no pasado. Para elo fundouse tamén unha Academia de Música co fin de formar aos estudantes que máis tarde serían os compoñentes de dita Banda.

“Las clases se daban en lo que había sido el Club Republicano Radical, en los bajos del Cantón Bar, y comienzan con Ramón Fuertes Cruces (el Valenciano), Leonardo Fernández-Reinante y Faustino Pulpeiro Acebo (Gallopín), como profesores” (8)

Nos anos 60 Leonardo formou parte da exitosa orquestra L. Parinni, creada polo músico ribadense Rafael Parinni La Granda (Falucho), integrada ademáis por Gonzalo Montero, Trompeta, Antonio e Mocín. Fernández-Reinante tocaba o contrabaixo. Actuaban en festas populares e salóns de baile en Galicia e Asturias, sendo un dos grupos musicáis máis populares e contratados na época.

Lám 5 : Orquestra L. Parinni. Fotografía anónima. Ribadeo. Fototeca Ribadeo na memoria.

Ademais destas actividades musicáis, Leonardo proseguiu coas colaboracións no campo da cultura.

En 1957, inaugurouse oficialmente a Biblioteca pública El Viejo Pancho, tomando Amando Suárez Couto parte activa e desinteresada na empresa, como fixera anteriormente coa Biblioteca Popular Circulante. Ademáis de supervisar a organización da mesma deseñou os espazos e o mobiliario, e, pintóu in situ o enorme retrato sobre táboa (320 x 220 cm) de El Viejo Pancho, José María Alonso y Trelles Jarén, ribadense afincado en Uruguay onde foi gloria nacional e señeira figura das letras. Fernández-Reinante foi nomeado encargado da Biblioteca, función na que moitos o lembramos.

Cara a 1959 dátase esta fotografía, que agrupa a unha serie de artistas ribadenses que traballaban en varios campos da cultura. Nela aparece tamén Leonardo.

Lám 6 : Amigos da Arte. Ribadeo .Ca 1960

Sobre esta fotografía hai poucos datos, os únicos que se teñen son os publicados por Chemi Lombardero nun artigo en La Comarca del Eo en xaneiro do 2014 (9).

Según Lombardero o motivo da xuntanza non está claro, quizáis se pretendéu formar un grupo para realizar actividades en diversos campos das artes. O autor recoñece:

“De esquerda a dereita, e ao fondo a Carlos Díaz Suárez (violinista e discípulo de Leonardo Fernández-Reinante e Paco Espina), a María Baixeras (pianista), Carlos Álvarez e Fernández-Cid ( Farmacéutico, músico, e creador de varias orgaizacións musicáis en Ribadeo), Lolo Rego Saavedra (debuxante e pintor),Amando Suárez Couto (músico e artista pástico), Pepe Cuervo (pintor e escritor), Emilio Carricoba (director de banda e compositor), Ramón Fuertes- El Valenciano-( músico, compositor e profesor de guitarra).

Na fila do medio: Dionisio Gamallo ( escritor, investigador e xornalista), Suso López Mosqueira ( pianista e pintor), Amador Fernández Mejeras ( escritor).

Na primeira fila: Antonio López García (músico e debuxante), Maximino Aramburu Mejeras (pintor), Leonardo Fernández-Reinante (músico e compositor), e Ramón Gutiérrez Raimunde ( ebanista e debuxante).

A partir de 1960, máis ou menos, as súas colaboracións no plano musical redúcense, penso, a dar clases e a tocar o armonio e o órgano nas funcións relixiosas da parroquia.

En xuño de 1971, doou ao Patronato Rosalía de Castro a partitura da súa composición Airiños airiños aires, sobre o poema do mesmo nome da escritora compostelana, séndolle agradecido o seu xeneroso xesto polo presidente de dito Patronato, D. Agustín Sixto Seco.

Tras unha dura enfermidade falecéu en Ribadeo en 1994.


Bibliografía:

Álvarez Lebredo,Carlos. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid. Diputación provincial de Lugo 2003

Gran Enciclopedia Galega.” Leonardo Fernández-Reinante Fernández”. T.17. Ed Novos vieiros.A Coruña. 1974. Páx 127

Gutiérrez Fernández, Eduardo. Do vello Ribadeo. Agrupación Cultural Francisco Lanza. Ribadeo. 2005

Lombardero Rico, Chemi. “Artistas ribadenses en 1960”. La Comarca del Eo. 4 de xaneiro de 2014.Ribadeo.2014. Páx 4
 

Periódicos e Revistas:

Las Riberas del Eo. Ribadeo 21 de xullo de 1928. Páx 6.

Las Riberas del Eo. 21 de octubre de 1933. Páx 6

Las Riberas del Eo. 25 de agosto de 1934. Páx 6

Las Riberas del Eo. 2 de maio de 1936. Ribadeo. Páx 6


Webgrafía:

osespigueiros.blogspot.com/2018/08/inocencio-gonzalez-remior.html

https://www.vivirasturias.com/arte-cultura-deporte/c/0/i/54824018/villar-loza-conrado

--

Notas:

1 Carlos Álvarez Lebredo. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid. Diputación provincial de Lugo 2003. Pp 155-156.↩

 

2 Gran Enciclopedia Galega.” Leonardo Fernández-Reinante Fernández”. T.17. Ed Novos vieiros.A Coruña. 1974. Páx 127↩

 

3 Las Riberas del Eo. Ribadeo 21 de xullo de 1928. Páx 6.↩

 

4 Eduardo Gutiérrez. Do vello Ribadeo. Agrupación Cultural Francisco Lanza. Ribadeo. 2005. Pp 9-10↩

 

5 Las Riberas del Eo. 21 de octubre de 1933. Páx 6↩

 

6 Las Riberas del Eo. 25 de agosto de 1934. Páx 6↩

 

7 Las Riberasdel Eo. 2 de mayo de 1936. Ribadeo. Páx 6↩

 

8 Carlos Álvarez Lebredo. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid. Diputación provincial de Lugo 2003. Páx 75↩

 

9 Chemi Lombardero Rico. “Artistas ribadenses en 1960”. La Comarca del Eo. 4 de xaneiro de 2014.Ribadeo. Páx 4↩

Nota do blog: Este artigo foi puvblicado de primeiras no libro das festas patronais de Ribadeo 2022.