20200522

Que día da semana morre máis xente por coronavirus? Luns

É curioso. Pero hai pautas. E son lóxicas. Non só a nivel de España, senón internacional. Aclaro o de España porque coas reclamacións en clave de ofensiva política ás veces quedan empañadas moitas outras cousas.
Despois de comezar a seguir as estatísticas ó longo da pandemia, a primeira decisión foi cinguirme a un único lugar para ter os datos. A razón? Observei que en todos os lugares accesibles hai saltos de diversos tipos, mesmo resucitando mortos (como se pode ver na gráfica de estatísticas de mortos de Francia, abaixo de todo). E é que, a nivel mundial, as estatísticas feitas ás presas e correndo, sen criterios iguales en diversos lugares, con variación de criterios por diversos motivos (sexan políticos, sociopsicolóxicos, etc.) teñen unha fiabilidade relativa. Por dar un exemplo de contraste foráneo, non se poden comparar, aínda que só sexa polos recursos dispoñibles para facelas, as estatísticas suizas e as nixerianas, pero tampouco as suízas serían totalmente fiables. Por iso, para facer un seguemento -só seguemento, non estudo en profundidade-, mellor non introducir outra variable, collendo datos de fontes diferentes en datas diferentes.
Ben, pois aínda dentro desas variabilidades, establécense pautas como que a xente morre menos en fins de semana... Si, si. Aínda que non en todos os lugares está tan claro, os días que aparecen con máis mortes son os luns, por 'casualidade', despois dos días que menos mortes rexistran, os sábados e domingos.
Nas gráficas a continuación, os datos recollidos no día 21 de maio, xoves, corresponderían ós reportados nas 24 horas anteriores, é dicir, a mércores. E Nas gráficas, en particular nas dos Estados Unidos de América e do Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte, as cousas está claras: sábado e domingo morre menos xente, e luns, máis... chegando a duplicar de xeito sistemático os números dos días anteriores. A diferencia de mortes, fronte ó que un pouco de cabeciña parecería indicar, deixa en non moi bo lugar á sanidade destes dous países fronte a outros, como España e Francia (as outras dúas gráficas que aparecen) que teñen variacións grandes, mesmo idiotas (como a resureción de xente en Francia) pero menos cinguidas ás fins de semana. É dicir, menos cinguidas a turnos médicos e días de libranza. Algo que habería que relacionar, estimo, coa incidencia da sanidade privada nos dous primeiros países.
Mentres, seguimos a fiarnos do 'cuñao' fronte ó -sempre lento nestes casos e máis cun desorde inducido pola pandemia- avance de coñecemento científico, o único que pode sacarnos desta e axudar -só axudar- a reconducir a orientación xeral da vida da humanidade sobre a Terra.



--
Actualización 20200529
Incidindo no dito, recopilación de datos a nivel mundial:

Ningún comentario: