20200520

Procurando líder

Líder inscrito na constitución.
   Pasou o tempo dos líderes? Gustaríame dicir 'si', pero coido que a resposta correcta é 'non'. A calquera nivel, do internacional ó local, e viceversa.
   Comecemos por que me gustaría dicir que si. Se somos libres e polo tanto librepensadores, coa implicación de que actuamos dun xeito maduro, a postura común no actuar dunha sociedade debera ser consensuada e asumida dun xeito voluntario.
   Pero, ademais de que a estrutura institucional actual non da moito de si nese sentido, diríamos que o consenso leva tempo e traballo, porque necesita intercambio de ideas, comprensión... o que nos levaría a límites na súa aplicación. Si, certo. Pero tamén é certo que pode actuarse de forma inmediata, automática, instintiva, fronte a un problema súpeto, facéndoo de xeito autónomo ó tempo que imitativo ó recoñecer as boas respostas ó problema. Alguén pode consideralo como remedo de liderado. Mais, non é, non sería en todo caso un liderado como soe entenderse, de xeito carismático, de seguemento á persoa 'pola súa cara bonita' ou outras características (ver a definición que da de 'líder' a Real Academia), senón por recoñemento de que ten unha boa idea e a actuación de desenvolvemento que corresponda para o caso do que se trate no momento, observada esa bondade de xeito independente á persoa. A distinción está na conciencia do seguemento fronte ó seguemento sen conciencia.
   O do liderado, despois de moitos séculos de ter sido obrigados a seguir líderes impostos de moi diversos xeitos, de caudillos a reis, pasando por caciques, potentados ou bruxos, ten ido calando na personalidade da xente. E non é doado despoxarse desa capa. É cómodo, unha especie de metade simbiose metade parasitismo. Unha tapadeira que, con diversos subterfuxios, permite a comodidade mental da delegación de pensar. Delegación de ideas, opinións e actuacións, sexa para aprobar e seguir o ronsel, sexa para negar e oporse. Máis aínda cando o liderado aséntase no 'rabaño', que son todos os que seguen a un líder, e que se manifesta en bandos que tenden a uniformarse e autoreforzarse: en canto nos adherimos a unha idea dunha persoa e identificamos con ela (idea e persoa asociadas) xa temos tomado un partido e é máis e máis doado continuar adheríndonos ó manifestado por esa persoa. Así, admitiremos de inmediato, de xeito sinxelo, ideas en seguemento do líder que, se nos fosen presentadas por outra persoa / bando, moi posiblemente non teríamos admitido. Non ao menos sen antes pensar algo sobre ela.
   E hai que distinguir. Ate hai pouco, relativamente, o do liderado estaba relacionado coa política ou coa épica, ou quizáis, moi específicamente, con cousas de relixión. Pero a emerxencia doutros campos a través do desenvolvemento da economía ou da educación leva a aplicar o de líder a empresas (e ós seus directivos) ou noutros moitos entornos, como a cantantes capaces de dirixir os gustos, ideas ou xeitos de comportamento de masas de xente. 
   Ó fin, liderado significa poder sobre a masa, por moito que poda ser chamado 'poder brando' ou non tanto. Se pode ser visto como algo convinte (sobre todo, por quen o ten e os seus beneficiarios) hai que preguntarse ata que punto é bo en si ou para os demais que haxa quen o poda exercer en calquera circunstancia, pois os límites son difusos: o criterio de autoridade é algo que ven de vello en tódolos campos e un líder tende a espallar o seu liderado dun a outro campo.
   Fixeime no liderado porque a mesma idea de ver ós demais a través dun liderado, leva a querer que os demais compartan unha visión do mundo no que os líderes impoñeríanse. É dicir, no que o resto actuaríamos como rabaño. Algo que se ten feito ó chamar 'líder' a alguén dun partido de recente creación por parte doutros bandos, como ten sucedido en España con Podemos. É dicir, estaríase tentando adxudicar a ese / nese partido unha estrutura no que xa se lle estarían subministrando as ideas básicas de relación interna: precisamente o xeito de funcionamento que levaría á política xa establecida, ou, no imaxinario, á 'ditadura bolivariana'. O tema dá para moito máis. E non só en política.
   Un apuntamento: E a nivel local? Tamén hai líderes, máis que líder, seguindo as tendencias dos tempos modernos de multiliderado.
   Unha pregunta e unha resposta: significa o anterior que se pode pertencer a moitas masas diferentes a un tempo? Si.
   Voltando ó comezo, que fai un líder? Como se pode distinguir para procurar erixilo /erixirse como tal? Saír nas fotos contribúe, claro. E chegar a certos postos realimenta o efecto. Pero pensar que é o que o fai e que fai é algo que coido que é convinte cavilalo de xeito individual para asimilalo mellor... sexa local ou internacional, e no campo que sexa.

Ningún comentario: