20171107

ESCUDO DE ARMAS DA CASA DO FIDALGO DE VILAFRAMIL. Francisco José Campos Dorado


Este sinxelo e distinguido Escudo de Armas español da (foto supra), sen particións e gravado en fondo e baixo relevo, sobre pedra marmórea do país, está situado no pórtico da Casa do Fidalgo de Vilaframil. Darlle as grazas desde aquí a Dª Carme, dona da casa, que tan amablemente atendeu as miñas preguntas e me deixou sacar esta foto que hoxe mostramos, comentándome que a fidalguía da familia, chegou a día de hoxe por liña materna, o que na heráldica se contempla como liña cognaticia ou de femia, e cuxa última fidalga foi Dª Celia López García, filla de D. Lorenzo López. Na antigüidade a liña de femia tiña moito valor, pois fúndase no principio de que: “a madre é sempre certa”.
O campo do escudo preséntase sen particións e cun gran número de figuras ordenadas e compactadas que trataremos de entender cotexándoas coas do escudo de Armas da foto 2, que se atopa no muro do atrio da Catedral de San Martiño de Mondoñedo, e no que se presentan moitas das mesmas armas, no 2º, 3º e 4º cuartel. Por outra banda dicir que, non temos ningunha documentación propia que acredite o liñaxe familiar deste Escudo de Armas, polo que tivemos que indagar noutros brasóns parecidos e documentados que atopamos na Heráldica de Galiza.
Esta falta de documentación, por desgracia, falta bastante común na Heráldica de Ribadeo, pode dar pé a algún desatino no desenrolo dos renomes ou apelidos, e dos antropónimos ou nomes propios usados decotío nos repertorios familiares de cada estirpe. Servirémonos como guía deste asunto, e baixo o noso mellor criterio e entender, da separata publicada no “Anuario de Estudios Medievais” 39/1 Xaneiro-Xuño de 2009 “Identidad y Memoria Genealógica. Una aportación al estudio de la Antroponimia Medieval Gallega”, feita por D. Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (Instituto de Estudios Gallegos “P. Sarmiento” CSIC, Santiago de Compostela).
Escudo en S. Martiño de Mondoñedo

O escudo (foto 1), carece de adorno exterior e está timbrado coa cruz cristián, que nos leva a pensar que pertence a un abade ou a un familiar do Santo Oficio da Inquisición do Reino de Galicia, tal e como podemos ver nos Escudos de Armas de D. Baltasar Menendez Navia y Sierra, da casa do parque, antigo comercio de Maseda, da Casa do Patín de Ribadeo e na Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante (Casa brasonada do parque de Ribadeo, tamén en La Comarca del Eo, 21-Maio-2016)
Baixo a cruz do timbre, unha dobre bordura realzada, entremedia unha faixa. Estraña e particular forma de timbre que non se amosa en ningún outro Escudo de Armas que víramos ata o de agora por estes lares.
O escudo (foto 1) ó carecer de particións definidas, como no escudo da foto 2, que claramente se presenta cuartelado en cruz, admite a posibilidade de distintas interpretacións segundo agrupemos as figuras dunha ou doutra forma, seguindo as regras e normas heráldicas.
Así, se ás Armas as consideramos cuarteladas en catro, no 1º cuartel (cantón destro do xefe): dúas flores de lis en faixa surmontadas polo que parecen TRES LANZAS, que puideran ser Armas dos LANZÓS, dos LEIS ou tamén dos VILA como as da Casa de Guiance de Vigo (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LVI, páx.485).
Se son TRES ESTACAS, serían Armas dos VALCARCEL. Se son TRES ANTORCHAS ou VELAS acendidas, semellan algunhas das Armas dos PARDO.
No 2º cuartel (cantón sinistro do xefe): unha construción que parece unha torre sen acabar de gravar, pois fáltanlle as ameas e o portalón de entrada, tal como se ve no cuartel 2º do escudo da foto 2. Puidera ser a torre do brasón de Armas dos SUAREZ (de ALBERGARÍA? ou de DEZA?). Na parte alta, unha torre de homenaxe sen acabar de gravar nos detalles, que tamén se percibe no 2º cuartel da foto 2.
No 3º cuartel (cantón destro da punta): un león rampante, lampasado (coa lingua de fora e posiblemente de distinto esmalte ó do campo) mirando a sinistra, sobre un coitelo alto (coa punta alta e mango abaixo) inclinado á destra. O león parece que fai referencia á Orde de San Bieito, ou á condición dun abade bieito (benedictino), posible dono orixinal desta casa. Tamén pode ser o león dos RENGIFO, dos ARIAS (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LVI, páx.497), dos ROMAY (ibidem, páx.499) ou dos OZORES (ibidem, páx.507), ou tamén, o león de algún dos brasóns das Armas dos PRADO, dos BALBOA, ou dos GUINDÓS como veremos máis adiante.
Referente o coitelo, que parece trinchante (de servir viandas) pola forma e tamaño que ten, neste caso non sabemos o significado, pois incluso parece como unha figura algo estraña e incoherente no contexto e na colocación no campo, porén, presenta forma similar ao coitelo representado sobre a táboa de comer das Armas dos RON (Escudo da Capela da Virxe do Rosario -da igrexa parroquial de Sta María do Campo de Ribadeo- tamén en La Comarca del Eo, 18-Marzo-2017).
No 4º cuartel (cantón sinistro da punta) son armas similares e das máis estendidas, dos FERNÁNDEZ DE TEMES: en campo de gules, tres faixas de ouro superadas por un cruz de ouro de Tau (coa forma de “T”) (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Crespo del Pozo, Volume II, páx. 413). Tamén puideran ser: en campo de azur tres faixas de ouro (brasón dos PARGA ou dos MESSIA), así como, Armas de RODRIGUEZ, Señor de Sanabria, como xa vimos no 1º cuartel do Escudo de Armas do Pazo de Guimarán (tamén en La Comarca del Eo, 15-Xullo-2017), ámbalas dúas, superadas por unha cruz.
Sabendo das figuras das Armas e do que poden representar individualmente, segundo asociemos os cuarteis, nos darán diversas posibilidades de liñaxes familiares.
1).- Se o escudo o consideramos partido, ou sexa, divido en dúas metades iguais por un eixe central vertical, sería o caso das liñaxes dun matrimonio, coas armas do marido á destra e da muller á sinistra. Así, as armas do marido, considerando ser TRES ESTACAS, serían armas dos VALCARCEL xunto có león rampante do cantón destro da punta (en campo de gules tres estacas de ouro, e en campo de ouro un león rampante de ouro) (Atienza, nomeado por D. José Crespo Pozo, Volumen V, páx.186).
Segundo D. Eduardo Pardo de Guevara, na obra antes citada (ibidem, páx. 33) falando da asociación de apelidos, dinos: “no resulta extraño identificar dentro de un mismo linaje a varios personajes homónimos coetáneos. Entre el grupo de los VALCARCEL y BALBOA, se documenta el caso de los GARCÍA RODRIGUEZ...”. Neste escudo vemos, en xefe á destra, o brasón das estacas dos VALCARCEL asociado ó león dos BALBOA, en punta á destra, así como as faixas interpretadas como RODRIGUEZ, parecen levarnos (con dúbidas) a este apelido García Rodríguez, cuxo García, puidera ser un dos antecesores primixenios dos descendentes actuais deste Escudo de Armas.
Se en vez de ESTACAS, son TRES ANTORCHAS ou VELAS acendidas, semellan Armas dos PARDO (iguais as do 2º cuartel do escudo de 1898 do Asilo de Mondoñedo, pertencente a D. José Mª Pardo-Montenegro Cordal) (Heráldica do Municipio de Mondoñedo, Dª Olalla Rúa Veloso, páx.12). Se son TRES LANZAS, de LANZÓS, LEIS OU VILA...
Por outra banda, o escudo parece ter espalladas por todo o campo, moitas das armas do antiguísimo Escudo de Armas dos SOBRADO do Pazo de Tumbiadoiro na parroquia de Sta. María de Vilamaior de Sarria (Lugo): as dúas lises en faixa, a forma da torre donxonada, a cruz e as tres faixas. Falta a lenda: “DE HERMENEGILDO Y PATERNA VIENEN LOS NOBLES SOBRADOS DEJANDO MEMORIA ETERNA Y A LOS MOROS DESTROZADOS” (Blasones y Linajes de Galicia, Frei José Crespo del Pozo, Volume I, SOBRADO-1, páx.402).
Por outro lado, D. José Santiago Crespo del Pozo (ibidem, volume IV, páx.142) dinos que a terra de PARGA, foi vendida a Dª GARCIA RODRIGUEZ DE VALCARCEL, por D. Felipe de Cabrera y Ribera, fillo do rei Sancho IV (rei 1284-1295) e de Dª María de Molina (neta de Afonso IX) en Sevilla o 5 de Xuño de 1327. Dª García estaba casada con D. Pedro Fernández de BOLAÑO, a quen lle deixou o coto de Parga, segundo testamento redactado en lingua galega, ante D. Afón Pérez de Athales (notario).
Ningún destes apelidos nos é descoñecido no Concello de Ribadeo, pois tanto a familia PARGA, que segue sendo da nosa veciñanza, como os BOLAÑO (Casa da Cerca de Cinxe, a  o vínculo de D. Carlos María RODRIGUEZ DE VALCARCEL, cuxo nome levou o Instituto Laboral de Ribadeo e que tantos de nós recordamos con nostalxia pois alí estudiamos o bacharelato elemental e superior, de modalidade Agrícola-Gandeira, sendo D. Carlos, Director Xeral do Instituto de Emigración, naquel 30-Agosto-1958, fecha da inauguración, á que el non poido asistir por atoparse de viaxe no Cabo San Roque, navegando de Arxentina para España (La Comarca, 7-Setembro-1958).
A partición sinestra do escudo, corresponde ás Armas familiares da muller, e serían as armas de SUAREZ DE ALBERGARÍA ou de SUAREZ DE DEZA e RODRIGUEZ ou SUAREZ DE DEZA E FERNANDEZ DE TEMES, SUAREZ DE DEZA E PARGA...
2).- Se o escudo o consideramos cortado, ou sexa, divido en dúas metades iguais por un eixe central horizontal, a partición alta sería a do marido e a baixa da muller.
3).- Se o escudo fora, semicortado e partido, no primerio cuartel serían armas dos avó paterno, no segundo avó materno e no terceiro as da avoa paterna.
Así continuaríamos cun escudo medio partido e cortado; outro partido e semicortado; outro cortado e medio partido; cuartelado dunha alianza, cuartelado de duas alianzas, de tres alianzas, etc.
O magnífico Escudo de Armas da (foto 2) sito no muro oeste do atrio da Catedral de San Martiño, é un escudo ovalado, timbrado cunha celada posta de perfil, coa viseira aberta e levantada, e a parte inferior baixa, cuxa abertura está cuberta con catro grilletas ou barretas de reixa, o que na Heráldica representa o casco dun fidalgo de catro liñas paternas e maternas que, si tivera esmaltes, amosaría as grilletas de ouro cravadas á bordura do mesmo metal e forradas de gules.
O conxunto do adorno exterior está enriquecido cun elaborado cincelado, con talla que resalta volutas de follas feitas en medio relevo. A parte inferior da celada parece unirse a unha gola de particular feitura, que semella un corazón tumbado coa punta a sinestra, e coa placa de aceiro adornada cun baixo relevo de follas de carballo, á maneira das preciadas armaduras dos fidalgos ricos con adornos adamascados (con debuxos como os das telas de seda de Damasco). Se non fora pola cinta remachada que aparece como continuación da cinta do casco, podería decirse que esta gola non é tal, senon unha ombreira ou peza da armadura antiga que cubría e defendía os ombros, e que se puxo aí só como adorno, pois non é lóxico que a gola teña unha abertura frontal, pois era unha peza lisa para que as frechas ou as puntas das armas esvararan por ela e protexeran o pescozo do cabaleiro de talladas ou de punzadas, cousa que non faría se tivera esta acanaladura frontal. De aí a dubida, ainda que puidera estar meténdome coa “musa” que inspirou a imaxinación do artista que fixo a talla, ¡e as musas son as musas, e merecen un respeto! En fín.
O casco está adornado cun penacho de cinco plumas e uns lambrequines en veleta (un a cada lado do helmo), que continuan envolvendo o escudo por ambos flancos ata toparse, nos soportes centrais, cunhas cunchas de vieira invertidas. No sostén, un ato de follas de acanto e outras volutas mais delgadas, envolven a punta do escudo ata as vieiras centrais.
Este escudo de armas parece ser que provén dun antigo pazo dos MONTENEGRO, que foi demolido preto da catedral de San Martiño, e que para non perdelo, o colocaron na actual situación. Cousa que desde aquí aplaudo ata rabiar, pois si tiveramos sempre este respeto polas memorias antigas, non teríamos tantos ocos vacios na nosa Historia local, comarcal e nacional. Aínda que o escudo proveña dun pazo dos MONTENEGRO, como vamos a ver, non presenta o brasón propio das armas desta antigüisima familia, cuxo solar principal estaba nunha casa-torre que defendía unha das entradas da Vila de Pontevedra, sobre o río Lerez. Desde esta casa torre, os Montenegro, espalláronse por todo o Reino de Galiza e por toda a península ibérica (Ibidem, Frei José Crespo del Pozo, Volume III, páx.317). Porén, dentro da catedral hai unha lápida funeraria, que se describe na Guia Breve Nº 10, de San Martín de Mondoñedo, como da familia Montenegro, e que ten gravado un escudo de armas cuartelado en cruz, donde claramente están no 3º cuartel as Armas de SOTOMAYOR que xunto cun escudo pintado dos MOSCOSO sobre un arco lateral a nave do cruceiro da catedral, sacamos en conclusión que todos estes elementos se refiren a enlaces matrimoniais da familia de D. Payo MONTENEGRO SARMIENTO MARIÑO DE LOBEIRA, casado con Dª María DE OCA E SOTOMAYOR MOSCOSO E OSORIO ENRIQUEZ DE MONROY, filla única de D. Suero DE OCA E SARMIENTO DEZA E RIBADENEIRA E ZÚÑIGA, señor do castelo de Celme (Ibidem, frei José Crespo, Volume III, páx. 318-319). Ó lado do escudo dos MOSCOSO, hai outro escudo pintado, coas doncelas dos MIRANDA, o que nos conduce a outras alianzas familiares, como a de D. José MOSCOSO MIRANDA nacido no Valadouro, e casado con Dª María del Carmen QUIROGA QUINDÓS, de Betanzos, filla de D. Andrés QUIROGA E ULLOA (Ibidem, Frei José Crespo, Volume III, páx.334), e quizais desta liñaxe QUIROGA, sexa o escudo do foto 2.
Como arriba dixemos, o campo do escudo, da foto 2, está cuartelado en cruz, e presenta no 1º cuartel as Armas dos QUIROGA: en campo de gules, un carballo de sinople, cun can de prata atado o tronco cunha cadea (como as do Pazo de Ferreiroá na Ribeira Sacra). Tamén poden interpretarse (pero menos probable): un can atado a unha árbore, das armas primitivas dos ACEBEDO (en campo de ouro, un acivro de sinople cun can branco atado o seu tronco) (Escudo da Capela da Virxe de Lourdes de Sta. María do Campo, parte do brasón do 1º cuartel, tamén en La Comarca del Eo 6-Maio-2017)
No 2º cuartel: unha torre ameada adestrada, surmontada por unha “¿pica?” e dúas pequenas panelas, e o todo, adosado a dúas frores de lis en pao (unha sobre outra). As frores de lis deste cuartel (igual que as do escudo da Casa do Fidalgo de Vilaframil) parecen ter a súa orixe no adorno dos escudos dos reis de Francia (Ciencia del Blasón, D. Modesto Costa y Turell, ano de 1858, páx. 104) e cuxo emblema chegou a estas terras cos primeiros “francos” que viñeron peregrinando polo Camiño de Santiago, e que moi ben, ditas flores, poden estar relacionadas coas cunchas de viera dos soportes deste escudo da foto 2.
Este brasón parece ser dos SOBRADO, similar o do 2º cuartel do escudo de armas esquerdo da Casa fuerte de Sobrado na parroquia de Santa Baia de Pedrafita, no municipo de Chantada, Lugo (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LVI, páx.179).
No 3º cuartel: un león rampante lampasado mirando a sinestra, como o xa visto no escudo da Casa do Fidalgo, que neste caso, é probable sexa do brasón dos QUINDÓS.
No 4º cuartel: tres faixas surmontadas por unha cruz adestrada de tres lanzas. Neste caso o brasón parece unha unión familiar dos TEMES e LANZÓS. Armas similares as vistas en 1º e 4º, do escudo da Casa do Fidalgo de Vilaframil (1ª foto), polo que as asociacións familiares poden ser variadas por matrimonios diversos, como xa vimos.
É unha magoa non haber podido desenrolar e concretar máis os brasóns e xenealoxías, dos corenta e seis Escudos de Armas descritos do actual Concello de Ribadeo que ata o de aquí coñecín, e que fun amosando públicamente nos últimos dous anos de traballo, nestas queridas páxinas de La Comarca del Eo e no blog Ribadeando do meu querido amigo Antonio Gregorio Montes, pero carezo no 90% dos casos, da necesaria documentación pública ou privada pola que poder tirar dun fío esclarecedor, porén, quédame a indecible satisfacción de habelo intentado amosando estas Armas tal e como eu as fun atopando e contrastando coa bibliografía xeral consultada e descrita en cada párrafo, para que outras plumas mellores que a miña, continuen con este progreso, e posta en valor, do prestixioso estudio da particular e extensísima Heráldica de Ribadeo, que sen lugar a dúbida, será todo un reto de perseverancia, afán e desvelos. Quédame por describir, un último escudo brasonado, que fará o número corenta e sete, e que quizais, ¿aínda non sexa o último...?. Xa veremos, pois en Ribadeo existen símbolos, marcas e obxetos diversos, dos que unha vez estudiados, nos contan historias recónditas de caracter totalmente insospeitado.

Ningún comentario: