20160824

Tres fotos das catedrais

Son de onte, de Suso Fernández. E non, non expresan a beleza e harmonía dun monumento natural. Velaivan:


Non expresan máis ben destrución e abandono? A que parece unha paisaxe desértica ou lunar? Pois non, é a zona das catedrais sobre o cantil. Unha zona de visita libre polo momento incluída nun monumento que ten visita restrinxida 'para protexelo' entre 9 e 9, máis ou menos.
Coido que hai que tomar conta de dúas cousas. Unha, a destrución por destrución, sen conciencia (moitas veces, literalmente sen ter conciencia do que se está a facer, e outras, sen conciencia de que o mal está mal, non sen ter conciencia de que acto se está a facer). Outra, o sistema de vixiancia e conservación.
O primeiro necesita educación, educación, educación, que inclúe cousas como moral ou control voluntario a máis de empatía co ambiente e desfrute da nautreza e da beleza. Cousas que aparecen nos programas educativos dun xeito tan etéreo...
O segundo... o que non se depositen pedras nos estratos inferiores dos cantís xa está controlado, mais un lugar como as catedrais ten moitos aspectos a considerar, a maioría deles enumerados no plan de conservación, mais para ver as cousas en conxunto, un só detalle: o plan daba tres cifras diferentes para deixar pasar ó areal, da 'protección baixa' a 'protección alta', e a elección dunha foi política, non técnica. A técnica foi o subministrar os tres números -por certo, sen arredondar en cantidades que supoñen milleiros- e poñer en relevo determinadas circunstancias da zona. E comezou cun enfrontamento Concello-Xunta, coas catedrais como arma arroxadiza, que aínda segue e é previsible que seguirá de xeito máis ou menos larvado, misturando conservación e atracción de turistas a Ribadeo ou desvío deles cara a outros concellos, á beira de amosar quen exerce o control nun ou outro aspecto.
E é que unha vez establecido o plan, a pesar que que tiña previsto un seguemento, o que se pensa é na súa crítica para apoiar variacións de plan moito máis políticas que técnicas, sen pensar nunha mellora continua (a pesar de declaracións). Como dixen noutro momento, medidas sen alma.
Por certo, antes de rematar, que o acceso ás catedrais e os números de visitantes lévame a outra entrada do blog que está de actualidade polo que sucede en relación á illa Pancha: os turistas si poden visitala, os de Ribadeo, non... a menos que se convirtan en turistas, claro!
E deixemos de falar. As fotos están aí como testemuña. Se queres ir comprobalo, podes: non hai restricións á entrada nesa zona...
E lembra que tes moitos máis artigos sobre o tema das catedrais en ribadeando.

Ningún comentario: