20120401

Rematou o ciclo de cine forum de O Tesón

Nota de prensa de O Tesón:
AVV O Tesón
Nota de prensa

Ribadeo, 20120331

O venres 30 de marzo tivo lugar a última proxección do ciclo de cine forum 'Indignados', promovido pola AVV O Tesón durante os venres do mes de marzo no salón de actos do edificio da antiga cárcere de Ribadeo. Un total de abondo máis de cen persoas participaron nos debates despois das catro películas visionadas e comentadas como telón de fondo ás crises medioambiental, social e económica que configuran a actualidade.

A secuencia das películas (Taking Root, Una verdad incómoda, Inside Job e La doctrina del shock, todas co son en castelán) permitiu o desenvolvemento da participación nos debates posteriores. Participación que foi avanzando na problemática do mundo actual, permitindo unha contemplación conxunta de múltiples facetas diferentes e con elo unha mellor comprensión do funcionamento do mundo actual. Algo que se manifestou de xeito claro polas sucesivas intervencións, que aumentaron en claridade e en profundidade de semana en semana.

As discusións, limitadas en tempo, deixaron un bo sabor de boca e o ánimo tanto de participantes como da asociación de realizar máis adiante novos ciclos que complementen o que acaba de rematar.

Ningún comentario: