20120412

Análise, un artigo publicado na Mariña o 11 de xuño do 1999

Os temas dos que trata, hoxe, serían diferentes. O fondo, coido que non:
 
Análise

Dados os cartos que os partidos gastan en propaganda electoral, creo que todos eses papeis que nos chegan ás casas merecen unha consideración. Claro que non é só polos cartos, porque senón, tamén merecerían esa consideración os multimillonarios de todo tipo que no mundo hai. E non é certo, por moito que os cartos inflúan nas eleccións (o que si está demostrado).

Pois ben, collan a propaganda que chega e léana. Si, léana, aínda que sexa de xeito rápido, sen fixarse moito. Ó fin, é unha propaganda dun tipo diferente que a morea dela que chega tamén dun xeito non solicitado anunciando, por exemplo, unha vaixela, e que para nós ten importancia só como posibilidade de reciclaxe do seu papel.

Ó lela, podemos atopar cousas que nos chamen a atención, ben por novedosas, ben porque xa foran prometidas en anteriores ocasións e non cumpridas, ou por outros motivos.

Tamén podemos botar de menos o tratamento dalgún que outro problema. E, velaí, pode que atopemos en falta varios problemas en tódolos folletos dos diferentes partidos que chegan ás nosas casas. Probando en Ribadeo, hai uns cantos temas dos que pode notarse a súa ausencia.

Un caso concreto. Na vila hai unha puxante actividade que ó tempo xera molestias. Refírome á movida. Non me estrañaría que fora o comercio que proporcione a principal fonte de ingresos da vila; en calquera caso, representa unha entrada importante. Por outra banda, tamén hai queixas continuas relacionadas cos ruídos de noite ou desperfectos motivados por ela. E, mentres que se comenta de cando en cando na prensa que España é o país máis ruidoso de Europa, ou léese que alguén tivo que esperar ó tribunal constitucional para cobrar fortes indemnizacións dalgún concello por non atallar os ruídos dun establecemento, en Ribadeo parece que a liña que trazan os partidos en relación a esto pasa por esperar a que se degrade non só a calidade de vida polo ruído, senón tamén as relacións humanas por ese efecto.

Non importa que sexa unha actividade importante económicamente ou que a asociación española contra a contaminación do ruído remate de celebrar un congreso con asistencia de políticos de nome estatal para tratar parte do problema. É como se non existira, a tenor das propostas partidarias. Aínda que algún partido trata o tema da droga, en parte relacionado, parece como se en Ribadeo non houbera nin esa actividade nin os inconvintes que leva consigo, ou todo fora sobre rodas para a poboación respecto ó tema (por certo, nese caso o equipo de goberno estaría dando unha boa mostra como tal).

Por buscar só outro tema máis: comeza a chegar información preliminar sobre unha obra que, de facerse, pode constituír a maior inversión en Ribadeo en moito tempo. Refírome á autovía, da que unha das opcións que se manexa afecta en termos legais a máis dun 4% da superficie do concello, e, en calquera caso, é previsible que teña un impacto enorme en moitos campos en todo o termo municipal. Pois ben, o tema nótase pola súa ausencia nas propostas que se fan cara ás eleccións. Todo elo, a pesar de que na prensa falouse recentemente do informe preliminar e houbo declaracións dos políticos locais (que por certo parece que amosaban un descoñecemento do tema semellante ó do resto dos cidadáns).

Parece que algúns temas que poden resultar complicados non se tratan nas campañas: ¿estamos ante un estilo avestruz, meter a cabeza na terra para evitar que saian as ideas en temas que poden resultar espiñosos? Din que para esixir hai que ter conciencia de que é o que hai que esixir. Un bo punto para comezar pode ser ese: ler os programas electorais.

Ningún comentario: