20110716

Mesa redonda sobre Hernán nas xornadas de historia local

Un momento da presentación, en recorte dunha foto de Chenchu (tomada do fb)
Venres tivo lugar no marco das xornadas de Historia Local da agrupación cultural Francisco Lanza a mesa redonda sobre Hernán. Participamos, por orde de intervención, Dores Fernández Abel (moderadora), Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, Hugo García Presno, Aurora López Rodil e máis eu.
Os estilos das intervencións foron abondo diferentes, dende o máis documental de Francisco ou técnico de Hugo ata o máis vivencial de Aurora ou meu.
Deixo os audios das intervencións e a parte escrita da miña intervención. Quedaría por poñer a presentación con fotos e música de Hernán, montada por Hugo, e a parte correspondente ás preguntas finais.
Intervención de Francisco Rodríguez (e presentación xeral de Dores)

Intervención de Hugo:

Intervención de Aurora:

A miña intervención:

--
As facetas dunha persoa son inabarcables. E máis se é da talla de Hernán.
Despois da primeira consideración, reunidos para falar de Hernán en público, ocórreseme que non deberíamos falar quenes o apreciamos. Hai a tendencia, sempre, ó 'non digas mal del' ... aínda que, como toda persoa, tiña as súas beiras, e sempre as hai que se poden considerar boas ou malas segundo a referencia que se elixa ou que se teña para mirar. Mais, como ignorado ata o momento por un estudo estruturado e en profundidade, só quedamos quenes o coñecimos para deixar esa testemuña da nosa apreciación, que aínda que pretendamos obxectiva, non podemos separar do noso aprecio.
Coido que o anterior leva a falar, o primeiro, do factor humano: quería á súa xente, e nós sabíamolo. Aínda que eso non nos libraba de broncas, algunhas discutibles, en particular se eramos nós os abroncados.
Hernán chegou a Ribadeo con entusiasmo: presentóuselle a oportunidade de levar a cabo unha labor definida por el mesmo nun contexto que lle impoñían pero que lle viña case como anel ó dedo, e ó pouco, percibiu que tiña un respaldo. Ó longo do tempo, o entusiasmo variou en punto de mira, ó ir axustando o proxecto, incardinouse nas relacións coa xente, pero non mermou en cantidade. E ise entusiasmo levouno a dar todo de si. Hernán fixo entrar a banda pola porta grande á vida musical, cunha visión ampla, e así a mantivo. Era a súa banda, coa que compartía a música.
Coido que pode dicirse que o traballo era para el un desfrute, e desfrutaba moito, porque traballaba moito. Traballo e esforzo, a máis de condicións naturais, claro, fundamentaron pola súa parte unha obra que non foi só musical, senón, e coido que sobre todo, social, nun entronque da súa adicación vital á música con ideas políticas e de filosofía de vida que configuraron a súa vida en conxunto con aquela. Entre os que o tratamos na época ribadense, perdura o ritmo musical a carón do marcado polas verbas compartidas e os artigos no semanario e nos xornais, con mistura de ideas de acción e ideoloxía con sátira, historia ou pedagoxía.
Como Hernán era unha soa persoa, o desenvolvemento en diferentes campos e o uso de coñecemento duns como útis noutro, fai que ás veces pareza que non sabía distinguir entre diferentes facetas, como a música e a política, pero máis que que non soubera distinguir é que empregaba o que mellor coñecía como dato ou como apoio para outra faceta da súa actividade, que é ben diferente. E que facía a distinción está claro en detalles como o que xa teño comentado sobre o himno galego, a diferencia de importancia entre o que é emblema e o aspecto musical.
Despois do anterior, dubido que ninguén esteña tentado a distinguir a Hernán pola Banda de xeito exclusivo, por unha predominancia de temas musicais. Sería un erro tremendo: por suposto que a banda tivo moita importancia para el, pero entenderase a cousa se lembro que mentras que a banda trata de música, a música non trata da banda, e é evidente que Hernán controlaba esta distinción moito mellor que eu.
Así, deixando a referencia da faceta máis musical, teño escoitado que a relación cos cartos define ás persoas: a parte dalgunha anécdota máis persoal no mesmo sentido, coido que todos os que tiñamos relación con el a traverso de Amadores sabemos que os consideraba un medio, e por iso estaba sempre pedindo, pero non para si: pedía medios para realizar unha labor na que cría. Mesmo poñéndoos do seu peto.
Falando de Amadores, as relacións coa directiva. Tamén era quen suplía ou complementaba moitas veces o traballo da directiva da Amadores. Como en calquera relación, ás veces había instrumentación: a directiva como instrumento de Hernán, pero tamén viceversa, Hernán como instrumento da directiva. Que non se entenda mal: éramolo con moito gusto, porque sabiamos que estabamos en boas mans e nos transmitía entusiasmo. E, cando tocaba, Hernán facía de instrumento, facendo que ó final, esa diferenza entre directiva e director ás veces se diluíra no entusiasmo e no traballo. Estatutariamente, a directiva non ten moito que ver co director, pero se hai boa comunicación, mesmo simbiose, o resultado nótase. E notábase.
O mellor que fixo a xestora da Asociación Amadores da Música no seu momento foi poñer a banda nas súas mans. E, daquí, enfatizo a palabra familia: fixo da banda unha familia e unha institución que rendía resultados. Pero primeiro, unha familia. Hai que lembrar que como en calquera familia, tamén había broncas, pero como en toda familia que se leva ben, pesaban máis os bós momentos. E iso tradúxose en que a banda fómola todos, e, ó tempo, con cariño, orgullo mutuo e recoñecemento da primacía da súa labor.
Todos, cun apoio no contraste das características persoais que recoñecía a boa vontade e o traballo mutuo. Respecto a isto último, Hernán era esixente. Vía a esixencia como unha necesidade. E daba exemplo ó tempo que podía disculpar os erros, pero non a falta de esforzo. Os que estabamos dirixidos pola súa batuta sabíamos desa necesidade e do seu criterio. Aprendímolo no medrar dunha banda que tivo que comezar con pouco máis que lembranzas de música popular doutros tempos, daquela vistos como gloriosos.
Dende o punto de vista da música, co seu fío condutor, tamén poden verse outras cousas. Por exemplo, o galeguismo de Hernán era patente. Pero hai que distinguir entre un galeguismo pacato, da Galicia-aldea, do que praticaba Hernán, tentando a coller a Galicia por separado para mellor integrala (e que poidera contribuír tamén mellor) no conxunto de pobos do mundo. É dicir, un apoio na propia identidade para non perderse na universalidade. E isto víase a traverso da música, das obras que escollía, da dignificación por riba da tradición, da apertura a outros ritmos e tamén outras ideas, da sensibilización, ...
A conta dalgunha polémica ténselle achacado afán de protagonismo. Coido que unha cousa é procurar o protagonismo e outra o non poder escapar del de xeito doado ou sinxelamente non precuparse del. E cando alguén é activo, con sentido e con esforzo, cando logra acadar metas para ben de todos, consígueo a base de esforzo, de loitar polo que cree e de defendelo. Así, só poderá despreocuparse do protagonismo ou tentar escapar del, moitas veces sen conseguilo, pero é protagonista. E Hernán érao. Sen afán, por méritos.
Para rematar, coido que mentras Hernán non sexa obxecto dun estudo en profundidade, seguirá a sentirse a necesidade de lembranzas pequenas, aquí e aló, noutrora e agora, tentando non esquecer o seu facer, a súa necesidade, pero sen quedar en paz un pobo que sabe que lle falta ese espaldarazo de recoñecemento a pesares do punto da orde do día do pleno de 20060710 no que se da o nome de Hernán Naval Parapar ó auditorio municipal, o Especial Cadernos Ribadenses (maio 2002), a Recompilación de artigos de Fernando Rodríguez Raño ou a plétora de páxinas a medio facer en internet.

Ningún comentario: