20080903

Perspectivas diferentes

Hoxe a prensa trae dúas entrevistas a dous hostaleiros de Ribadeo. Un, propietario dun cámping, e outro, dun hotel. As perspectivas que ofrecen son totalmente diferentes. O campista, unha moi baixa ocupación mesmo en agosto. O hostaleiro, batendo récords de pernoctas. Evidentemente, son só dous casos, e pode haber moitos outros con visións do tema diferentes a pesares de ter circunstancias de partida aparentemente veciñas. Mais, se nos paramos un pouco, coinciden algunhas cousas que permiten unha explicación e unha xeralización a traverso dela. A primeira, a tranquilidade: o cámping está situado nun lugar próximo á autovía, algo que ten que facer mella dende o ano pasado en que se inaugurou a autovía, cando o illamento que hai é unha tela, mentras o hotel está situado nunha zona moi tranquila de Ribadeo. O segundo, os accesos. Quéixase o campista de que non van repararllos. Os do hotel están abondo bo estado. As instalacións parece que, en relación ós seus semellantes, son boas en ámbolosdous casos. Pero de novo volta a queixarse o campista en que o concello non promociona; calquera que pase polo hotel ve que ten unha autopromoción forte, non do concello. Ademáis, os clientes pertencen lóxicamente a diferentes segmentos de consumidores, e en principio, os do cámping son de nivel de consumo inferior ós do hotel, e xa se sabe que as crises afectan menos canto máis cartos se teñen. En fin, o hotel remata de beneficiarse dunha duplicación de prazas, e xa é unha empresa dunha certa entidade. O cámping segue a ser unha pequena empresa de tempada. E xa é coñecido tamén que as empresas más grandes poden ter máis recursos...
O anterior, a parte naturalmente da pericia dos empresarios, que é a que senta as bases de grande parte das diferencias de competitividade anteriores (aínda que non de todas nin moito menos, aí están por exemplo as regulacións que sofren ou disfrutan)
O caso é que, como de antigo, cada un fala da feira segundo como lle vai nela.

Ningún comentario: