20080925

Anécdota ilustrativa sobre a burocracia


Se non fora xa coñecendo o mundo, deixaríame de moi mala leche unha entrada como esta. Así, o que me produce é ganas de sorrir, e por eso elixo poñer no blog una feito que pasou en Ribadeo e que ilustra o que é a burocracia.
O caso é que un veciño foi facer unha xestión ó concello. Eso xerou uns gastos, que tamén pagou nunha institución bancaria. Xustificou o pago no concello e foise tranquilamente para a casa. Ó cabo duns días recebe unha chamada na casa: está no rexistro de morosos no concello. Motivo? Non pagara esa xestión. Pero está paga... Non, falta 1 céntimo! Fíxose a conta mal no mesmo concello ... enténdao, non é pola reclamación do céntimo, pero eso implica que está no rexistro de morosos e eso pode ter outro tipo de consecuencias (para petición de axudas, por exemplo)... co que tras unha conversa telefónica, o veciño decide aboar o céntimo pasando polo concello e así ter a festa en paz.
Cando mo contou, dixen que eu deixaría que me embargaran, pero amosouse convincente co tema da conversa da inclusión nun suposto rexistro de morosos e deixei apuntado o asunto para referilo aquí.
O caso é que a xestión dese céntimo coido que costoulle ó concello máis que a simple non inclusión do "moroso" en rexistro algún, por non dicir o tempo empregado polo veciño no abono de 1c, a parte do gasto de papel da documentación de tal abono.
A burocracia é así, mesmo en Ribadeo, e mesmo por 1c.
Por certo, vin os dous papeis, o do pago principal, de máis de 300€, e o de ingreso de 1c., non é que mo contaran de terceiras: burocracia é burocracia, e é difícil saírse dela. Cambiar as cousas soe ter dificultades. Pero pode pagar a pena.

Ningún comentario: