Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta suso peña. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta suso peña. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20060811

Unha presentación para Suso Peña en Ribadeo

O salón, antes da presentación do libro sobre Suso Peña
Momento da presetnación do libro escolma de suso Peña
Os tres presentadores do libro escolma de suso Peña
Jesús Peña Rego foi acreedor dunha presentación dun libro feito coa escolma dos seu traballo. O título, 'La mirada mágica', pretende ser unha traducción do que significaba o esprito interpretativo de Suso. foi na espazo que ten 'a caso do libro', que resultou moi insuficiente, pois tivéronse que voltar atrás moitas persoas, e moitas outrads mantivéronse como poideron á beira da parede ou nas escaleiras. Chamoume a atención a chea de autores de libros presentes, entre os que se atopaban, a máis de Cortezón, que participou na presentación, Amadeo Arango, Carlos Cid, Chemi Lombardero, Primi Nécega, Francisco Díaz -Fierros, Gonzalo Moure, ... e de seguro que se escapa algún (por certo, a orde non ten nada que ver coa importancia ou número de obras publicadas). Entereime de que Dionisio Gamallo e Suárez Couto foran profesores del; do resto do que se falou, xa dun ou outro xeito tiña idea.
A presentación foi completada por Roberto Rodríguez, despois de comezar o director de Gráficas Lar de Viveiro, empresa coa que mantivo longa relación Suso.
Recollo aquí unha das ideas de Suso para Ribadeo, citada na presentación: un mapa cerámico do concello, a poñer na antiestética fachada cara a rosalía de castro no seu comezao. coido que non estaría nada mal. En fin, as fotos, dos tres presentadores, unha vista do salón antes de que se rematara de encher, un momento da presetnación e o ceo fóra, ó saír, que se me presentou como unha imaxe de Suso, ó meu estilo: nuves encaixoadas pasando libres sobre as nosas cabezas, ocupando o ceo dun xeito inverosímil. En fin, cousas que lle dan a un, algo posiblemente sen moita relación, como que os dous pequenos familiares de Suso que había no salón tiveran que ser desaloxados por mor dos choros.Ceo o día da pressentación do libro sobre Suso Peña

20060206

Un luns como outro calquera. Sobre a homenaxe a Suso Peña

Remirei o posteado ontes. Pasóuseme pola cabeza chamalo 'minimalista', aínda que o anexo sobre Hernán xa lle quita o significado. E hoxe luns sigo coa mesma. Nebargantes, a foto, da inauguración da exposición de xente relacionada con Suso Peña, vai noutro sentido. Alí díxose de outra forma (e cónstame de que é certo) que Suso non quería ter un protagonismo. Cunha vista así, o protagonismo é da estructura da Oficina de Turismo e o veleiro do fondo, que prestan soporte á vista da xente por baixo. O veleiro, que agora mesmo non lembro quen o fixo, pasou unha boa tempada na casa da cultura, é dicir, no primeiro piso da biblioteca, antes de vir decorar a oficina. E, na miña opinión, tampouco ten o sitio que debera porque está apartado da circulación, algo así como se estivera en porto e non navegando por alta mar como corresponde.
Sobre a exposición? A obra por autor, co único denominador común de Suso, lóxicamente ten que ser irregular. Pero non digo máis, porque se vas vela, precisamente por esa irregularidade, vaste atopar algunha sorpresa.
Só un comentario sobre a rúa Suso Peña: no extremo finalizado, a primeira casa da dereita leva o número 5. Por que? Porque, segundo o concello, é a última casa da esquerda, pois parece que calcularon que vai quedar máis cerca do Concello o extremo que está sen rematar. É algo que dubido, pero que non consultarei sobre planos. Entre outras cousas, porque se contamos só rúas pasadas, coido que habería que pasar menos para chegar ó extremo rematado que ó por rematar. Pero de calquera xeito, sirva para ilustrar algún tipo de relativismo, que non de relatividade.
Un anegadido tardío: as verbas de José Mª Martínez no acto.
"HOMENAXE A SUSO PEÑA

Eu coñecín a Suso Peña no verán do 1.995 cando paseaba polo Cargadeiro e deume por entrar no Castelo de San Damián. Unha vez dentro, comprobei que había unha exposición de pintura, debuxo e fotografía que facían os alumnos dun curso que dera Suso o inverno anterior. Ese curso fora organizado pola asociación cultural Dámaso Alonso da que era presidente Roberto Rodríguez. Gustáronme moito algúns dos traballos que alí vin, especialmente un par de retratos de dous nenos que fixera unha señora que acudira ó curso; eran os seus fillos. Contemplando eses retratos pensei no moito que me gustaría a min poder facer algo parecido. Tamén estaba por alí un señor de bigote, moi extrovertido el, que despois me informaron que era o poñente do curso. Cando saín de alí, estiven pensando onde vira eu ese home (Suso) antes, e decateime de que o vira na TVG nun programa que houbera sobre Ribadeo falando sobre algo relacionado coas plumiñas, e foi aí onde eu fixen a primeira reflexión sobre a identificación de Suso con Ribadeo.

Como eu xa coñecía a Roberto, pregunteille por eses cursos, quen podía asistir, quen era Suso, etc., e manifesteille a miña afección polo debuxo. Como me falou moi ben de Suso e como eu xa comprobara os progresos dalgúns dos seus alumnos, tomei a decisión de que o próximo inverno acudiría ós cursos de debuxo que impartía ese tal Suso Peña.

En novembro do 95 comezaron eses cursos e desde o primeiro día quedei gratamente sorprendido polo bo facer de Suso como ensinante e como debuxante. Para min, só velo debuxar na pizarra cando nos explicaba, aínda que non aprendese nada, facía que valese a pena asistir ó curso. Acudín ás clases de Suso ese ano e ó seguinte, e despois deixou de haber eses cursos, supoño que sería porque non deron a subvención pertinente. De tódolos xeitos, con curso ou sen el, eu desde ese primeiro momento sempre mantiven unha relación moi boa con Suso, pois debido ó interese que eu manifestei polo debuxo, el desde o principio volcouse comigo para corrixirme e axudarme.

Sobre as clases con el e o xeito tan particular que tiña de ensinar podería contar moitas anécdotas; lémbrome especialmente dunha que demostra o talante de home ecoloxista que el tiña. Estaba un día na clase ensinándonos a fixar o carbón na cartolina e explicaba os distintos tipos de produtos que había no mercado para este efecto, e cando rematou dixo: “se non queredes comprar ningún spray, podedes usar este mecanismo que teño aquí (tratábase de dous tubos soldados formando un T) e mesturando verniz nitrocelulósico ó 80 % (paréceme que dixo esta porcentaxe) con … (non me lembro ben do outro produto), e soplando por este mecanismo dirixido ó papel, aproveitando o efecto físico Venturi, o verniz expándese polo papel e queda fixado o carbón igual que co spray”. A min todo aquel sistema que acababa de expoñer parecíame moi complicado e non puiden quedarme sen dicirlle: “pero Suso, non che parece excesiva complicación, non será moito máis simple co spray? Contestoume: “a min éme igual, a quen non sei se lle é igual é á capa de ozono se usade-lo spray”. Diante desa resposta quedeime sen argumentos para replicarlle. Lémbrome tamén de como sempre dicía que había que afia-los lapis con navallas de Taramundi, de como un día, para explica-las proporcións para debuxa-la figura humana, ensinounos un esqueleto (de plástico, por suposto) ó que lle chamaba “o meu amigo Pascualín”, de como outro día subiu unha banqueta ó pico dunha mesa e tapouna cunha manta e despois enfocoulle a luz dun flexo para que comprendéramos o concepto da profundidade e o papel que teñen as sombras no mesmo, etc..

Antes dixen que velo debuxar na pizarra era, para min, algo espectacular. Lémbrome dunha vez en que, partindo dun cilindro que debuxou horizontalmente, empezou a engadirlle elementos ata convertelo nunha nave espacial, despois borroulle o que lle engadira, deixou o mesmo cilindro que antes e empezou a engadirlle novos elementos ata convertelo nun bólido de carreiras, e todo esto cunha rapidez e cunha arte do que eu me sentía marabillado. Noutra ocasión, non me lembro moi ben cal foi a causa, pero o caso é que se puxo a debuxar cabalos na pizarra; cunha rapidez pasmosa debuxaba un cabalo cansado, como pisando neve, e enseguida, cambiándolle catro cousas facía un cabalo erguido ós couces e todo encabritado.Velo sombrear, velo manexa-la tiza con aquel arte e aquela soltura, fixo que desde o primeiro momento eu pensara para os meus adentros: “este tipo é un xenio”.

Dende o 97 en diante empecei a debuxar con máis asiduidade e, en moitas ocasións pasei pola súa casa a ensinarlle debuxos meus para que me orientara e case sempre me dicía: “moi ben José María, pero fíxate que aquí ...” e facíame ver cousas que eu solo era incapaz. Despois igual me quedaba con el un cachiño e falábamos do moitos temas, de política, de ciencia, de cine, de arte, de ecoloxía, etc. Eran esas conversas nas que en media hora “arranxábamo-lo mundo”, e foi aí onde me decatei de que era unha persoa que tiña unha bagaxe cultural impresionante, e o máis admirábel de todo é que era froito, na maioría dos casos, dunha formación autodidacta.

Ademais dun debuxante xenial, dun profesor estupendo, pois tiña unha maneira tan gráfica de ensinar que era practicamente imposible non aprender con el, era tamén unha magnífica persoa; desprendido, amigo dos seus amigos, era, en fin, un tío magnífico. Todo o que tiña o prestaba (a min particularmente tenme prestado libros, fotos, cartolina, discos, etc.) ata o punto de que moitas veces non sabía onde tiña as cousas porque había quen non llas devolvía, e el, por suposto, non as reclamaba.

Sen embargo, e froito da súa grande calidade humana, á hora de ensinar tiña un “defecto”, se é que o podemos dicir así; era tanto o que sabía e era tanto o que che quería comunicar, que moitas veces atiborrábate de información ata o punto de que eu ás veces era incapaz de asimilar todo o que me dicía. Lémbrome que noutra ocasión fun á súa casa preguntarlle algo sobre un programa de retoque fotográfico, e como era un tema que lle gustaba tanto, pois tamén neso era un xenio, que tantas cousas me dicía que tiven que paralo e dicirlle: “mira Suso, para un pouco, agora vou practicar con estas seis ou sete cousas que me ensínache e que teño claras e xa virei outro día para aprender algo máis”.

En fin, non quero rematar sen referirme ó amor que sentía por Ribadeo e a súa comarca, e toda a súa obra está impregnada dese espírito ribadense. Por certo, el dicía que non falaba galego, que falaba ribadense. Así pois, penso que esta homenaxe que hoxe lle facemos tena máis que merecida, desde o punto de vista dos seus amigos, algúns dos cales estaremos sempre en débeda permanente con el, e desde o punto de vista do pobo de Ribadeo que coa súa morte perdeu un dos seus fillos máis ilustres.

José Mª Martínez"

20150210

Programación lúdica e cultural: antroido, Suso Peña e Amancio Prada

Esta semana, o correo de Cultura Ribadeo ven cheo. Este sábado 20150214, Amancio Prada no Hernán Naval, ás oito e media da Tarde.

O Antroido 2015, facendo das súas... dúas semanas, segundo parece!


E tamén, a exposición en memoria de Suso Peña en Turismo Ribadeo
Algunha cousa sobre Suso Peña no blogue:
Pro homenaxe a Suso Peña 20051228
Crónica para unha homenaxe 20051229
Unha rúa 20060122
Homenaxe a Suso Peña 20060206
Suso e o litoral 20060213
Presentación de 'La mirada mágica' 20060811

20190308

Suso Peña, en vías de ser fillo predilecto de Ribadeo


Despois de ser pedida no outono, a petición de fillo predilecto de Ribadeo para Suso Peña via a Comisión e, a próxima semana, a pleno. Mira o artigo sobre Suso na Galipedia e a nota do prensa do concello co anuncio (entre outras cousas) da tramitación de fillo predilecto:
OUTRO ASUNTO SERÁ O PACTO DOS ALCALDES PARA O CLIMA
Comisións informativas
07/03/2019
No pleno da vindeira semana do Concello someterase a aprobación o nomeamento do artista Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. Tamén se abordarán varios expedientes de modificación de crédito.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que "varios son os asuntos que van ir ás comisións informativas desta tarde, que son preparatorias do pleno da semana que ven. Entre as máis importantes está un expediente de modificación de suplemento de crédito para inversións financeiramente sostibles. Xa ven sendo habitual nestes últimos anos que, grazas á xestión realizada, os resultados presupostarios dos últimos exercicios sempre contan con remanentes positivos. Hai que ter en conta que, desde o ano pasado, as novas medidas do Ministerio de Economía e Facenda acordaron que os Concellos puidéramos dispoñer destes remanentes para inversións, sempre que estivéramos liberados de plans de axuste, e hai que lembrar que isto aquí xa foi amortizado o ano anterior. Agora polo tanto podemos dispoñer deles para reforzar inversións para rúas, camiños ou outros fins".
O rexedor explicou que "para todo isto xa estamos redactando os correspondentes proxectos nalgúns casos e noutros os procesos de licitación xa están moi avanzados como pode ser a rúa Carlos III e Sor Pilar der León, que nos próximos días se comezará a amañar, ou ben o camiño de A Faxarda ao cemiterio de Ribadeo que tamén nos vindeiros días empezará. Tamén estamos redactando proxectos para un ambicioso plan de camiños no rural, dividido nas parroquias da costa e do interior, que en breve presentaremos, e polo tanto queremos habilitar esta partida duns 300 000 euros para todas estas inversións".
Suárez Barcia sinalou que "trataremos un suplemento de crédito para todas estas facturas que son dun ano contable, por exemplo do 2018, pero que os provedores por algún motivo, porque se esquecen ou polo que sexa, o presentan noutro ano diferente como é no ano 2019, para iso temos que facer o que se chama recoñecemento extraxudicial de crédito para darlles cabida na contabilidade anual. Isto importa a cantidade de 106 000 euros. Tamén dentro do ámbito económico imos levar unha modificación de suplemento de crédito para unha subvención a Acisa, destinada a unha campaña singular de apoio ao comercio local que estamos traballando nestes últimos tempos, e que dentro de poucos días daremos a coñecer".
O alcalde relatou que "hai un punto que se trata da proposta de nomeamento do artista, finado xa hai uns anos, Suso Peña como Fillo Predilecto de Ribadeo. Hai que ter en conta que numerosas asociacións culturais tanto da vila como da comarca, así como moitas persoas a título individual, o viñeron demandando e o Concello propoñemos para que tome posición sobre este asunto".
Fernando Suárez engadiu que "hai outro punto relativo a aspectos medio ambientais, que é unha proposta que ven directamente da Unión Europea para os Concellos, o que lle chaman eles o pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía. Está coordinado pola Xunta de Galicia e os Concellos se queremos podémonos adherir, e o Concello de Ribadeo por suposto que se quere adherir, para facer un estudo da situación de Ribadeo, para ver os indicadores ambientais, o plan de acción, etc…, e coordinados entre Concello, Xunta e Unión Europea poidamos facer medidas tendentes a tratar mellor o noso medio ambiente".

20170504

Cortezón, Suso Peña e As Covas do Rei Cintolo

Unha publicación de Daniel Cortezón do ano 1956 publicada por Galaxia é republicada agora por Gráficas Lar Editora, acompañada do breve cómic de Suso Peña sobre o mesmo tema. A edición é facsímil, cedida por Galaxia, e o cómic de Suso Peña, como foi escrito, en castelán. Unha sorpresa editorial que sae a 10 € o conxunto, pero cun valor moito maior.
E, despois dunha ducia de anos do pasamento de Suso Peña e un menos da homenaxe, fáigome cunha foto que representa a súa presencia no lugar onde foron aventadas as súas cinzas, a illa Pancha, tomada hai xa tempo por Suso Fernández.








20060213

Suso e o litoral.

O máis remarcable da fin de semana en Ribadeo? que non se produxeran novas que non estiveran programadas. Sempre é un alivio que os actos culturais sexan as novas do día.
Unha exposición vacía. Só queda a alma. Os actos conmemorativos de suso Peña remataron sábado despois de poñer unha lápida conmemorativa na Illa Pancha e ser lembrado por obra de Carlos Álvarez Lebredo e a Coral. Coido que aínda ó longo do ano teremos algunha lembranza, pero o caso é que tras a celebración ven o momento de asimilar. Sempre é asi.
Foi unha coincidencia que o adeus a Suso finalizara ó día seguinte dunha xuntanza para pensar en facer unha plataforma para a defensa do litoral. Non a vin reseñada na prensa, pero hóuba. Non puiden asistir, pero déronme novas dela.
As noites curtas, coa proxección de curtametraxes en Ribadeo, comezaron. E o ciclo de teatro: Ribadeo á escea. Mellor a esa escea, xa o dixen antes, que ós dimes e diretes da política de fondo nas novas. Mellor contemplar nas novas cómo os EEUU sofren na costa leste unha tormenta de neve que facelo vendo apalear a iraquís por soldados británicos, ambas noticiables e noticiadas a nivel internacional. Mellor.
Xa sabemos, os luns pola mañá son diferentes dos outros días.
O meter a Suso Peña na nova déume pé a facer unha comprobación. E pode verse como, se procuras sobre Ribadeo na rede, por exemplo, Suso Peña, ou Carlos Álvarez Fernandez-Cid, Hernán Naval, a Illa Pancha, en todos os casos tes no primeiro lugar a correspondente entrada na Galipedia. Aínda lle falta moito a esa nova enciclopedia (á versión galega) para chegar a onde estará dentro duns anos, pero o caso é que xa está aí.
--
... e un vello artigo, publicado en A Mariña / El Progreso, especial festas, 6/09/03:
Ribadeo na rede

Para tódolos ribadenses é doado saber que é Ribadeo e que significa ser ribadense. Alomenos así me parece a min como ribadense de adopción. O anterior non quer dicir que todos teñamos a mesma opinión sobre ese tema; sinxelamente, temos un coñecemento e unha opinión de quen somos e o que nos rodea.

A cousa varía, é moi diferente, cando é alguén de fora quen se plantexa as preguntas. Nese caso, ten que fiarse dos coñecementos e a opinión doutra xente, a menos que veña a pegarse un garbeo in situ. E por eso é importante o xeito en que se presenta Ribadeo cara ó mundo, parodiando un programa da televisión. Hoxe, para ese coñecemento, hai montós de libros dispoñibles, a parte das noticias e reportaxes nos medios de comunicación, e non deixa de ser convinte botar unha ollada a como se amosa a nosa vila cara ó exterior. Exterior que, nestes últimos anos, dispón de novos medios de achegarse á nosa realidade, a coñecementos e opinións, como sucede a través da rede internet; por exemplo, as páxinas web.

Se procuramos nun buscador famoso información, poñendo Ribadeo na fiestra de procura, entón levámonos a sorpresa de que podemos atopar unhas 25800 páxinas web que mencionan Ribadeo (entre as máis de tres mil trescentos millóns que ten rexistradas), en multitude de linguas. Como ese número é grande (e hai aínda máis sen referenciar) voume parar só nas primeiras que se atopan.

No primeiro buscador a nivel mundial, o primeiro sitio referenciado vese como:“Ribadeo on line. El portal de Ribadeo en Internet. Todo lo que hay que saber sobre Ribadeo y su comarca. El Portal de Ribadeo en Internet. ... www.ribadeo.com/“. Como podemos ver, é un dos sitios da empresa privada Eomática, que pretende ofrecer calquer tipo de servicio na rede sobre Ribadeo. En contraste, o segundo, aparece como “Página principal. Coordinación: Francisco Rivas Álvarez - Diseño: Suso Peña webmaster: // www.ribadeo.org/“. Baixo dito resume e nomes escóndese literalmente a páxina oficial do Concello de Ribadeo. A partir da portada, aparece unha presentación do alcalde (a foto aínda toma un tempo en cargarse), dende hai uns meses en en galego e castelán. As dúas referencias citadas presentan unha visión de Ribadeo relativamente completa, pero a primeira é máis extensa e útil, e a segunda máis ... ¿bucólica? ¿romántica? Non sei elexir moi ben a palabra adecuada, que debería recoller tamén que é de moi boa presencia. A destacar que non aparecen máis nomes propios ata moito máis abaixo na lista de sitios.

Como nota explicativa da colocación sucesiva de páxinas tra-la procura no buscador, a grandes rasgos o buscador (este usado, en concreto) da preferencia a páxinas de empresas sobre as de institucións, e a estas sobre as personais, pero dun xeito que pode dar lugar a equívocos para avaliar a súa importancia para quen busca .

A continuación, no terceiro lugar da lista aparece unha curiosidade, pois curioso é que a páxina non se atope, nin como expresa a referencia: “Untitled Document. Hemos trasladado nuestra página,. en 5 segundos será redireccionado a ello, si no es así haga click en: Club Nautico Ribadeo. usuarios.alsernet.es/cnribadeo/“ a nova páxina non aparece en 5 segundos, porque non parece estar aí. O que está claro é quen detentaba o lugar: o Club Náutico. A seguinte referida, en curato lugar, tamén vai de deporte: “.·.Club de Tenis Ribadeo.·. ::Un web Flash:: Si no puede ver la imagen de nuestro logotipo, necesita instalar el reproductor de FLASH. ::entrar:: Descrición: Instalaciones dedicadas al tenis en la Mariña Lucense y Occidente de Asturias Categoría: World > Español > Deportes > Tenis > España > Clubes www.clubdetenisribadeo.com/“. Unha páxina máis elaborada e que na súa presentación xa deixa claro a ambición de servicio á zona, pero naturalmente reducido a unha actividade moi concreta.

“Ribadeo,puerto comercial del Reino de Galicia. El Condado de Ribadeo fuei históricamente enclave favorecido por la monarquía gallega como principal puerto comercial del noreste del Reino de Galicia. ... www.pangalaica.com/britonia/pueblos/ribadeo.htm“ é a primeira páxina que aparece dentro dunha clase moi abundante: a das páxinas web referidas a Ribadeo, dentro dun conxunto doutras (o chamado sitio web) que se refiren a outras localidades (incluído o erro do 'fuei', mostra só de outros moitos erros ou omisións que se poden observar). Así, a seguinte “AGalicia.com => Hotel Ros Mary (Ribadeo) Hotel Ros Mary (Ribadeo). La mejor oferta para pasar tus vacaciones en Galicia y conocer sus playas y paisajes, su gastronomía, su cultura. ... Mary * (Ribadeo). ... www.agalicia.com/hotelrosmary/“ aínda que está referida a un establecemento particular de Ribadeo, segue tendo como albergue un sitio xeralista sobre empresas de tipo turístico. A maioría de sitios ós que din chegado na rede eran deste tipo: referencias a empresas de Ribadeo aloxadas en sitios correspondentes a empresas que se adican a listar en internet outras empresas do mundo real.

A seguinte páxina referida leva outra curiosidade: “Entrar. Entrar. www.clubnauticoribadeo.com/“. Está claro que esa é a páxina do club, e non a mencionada máis arriba. É dicir, este séptimo posto é o que corresponde á páxina que non se atopa no terceiro lugar.

“Beiramar, guía de A Mariña - Concello de Ribadeo ... Concello de Ribadeo, Vista aérea de Ribadeo, coa ría a dereita. LOCALIZACIÓN.-.Ribadeo está situado na parte máis oriental da ... “. O anterior é a referencia que ofrece o buscador indicativa dunha páxina xeralista sobre Ribadeo, pero realizada fóra do concello, e encuadrada na web dunha empresa de domunicacións.

A continuación, unha serie de páxinas infórmannos sobre toda a hostalería ribadense en castelán, inglés, alemán, ... e aínda máis adiante podemos ver outros tipos de páxinas, como a miña, encadrada na categoría de páxinas persoais, que leva na rede moito tempo pero está na actualidade moi atrasada de contidos, e que presenta unha semblanza xeral de Ribadeo, e un conxunto de contidos referidos á banda de música que espero que algún día sexan mellorados pola páxina oficial da agrupación. Tamén, atópanse as páxinas ás que se lles chama contestatarias, pode que porque contestan a visión da realidade que pretende impoñer algún grupo (como a as de Mariano Grueiro, www.grueiro.com, www.enderezo.com que son 'formais' e outras da súa autoría, pero máis informais), e un novo tipo que está a xurdir, como a www.hernannaval.org , que presenta documentos relacionados con Hernán e espera ser presentada este mes.

... e o anterior só é unha pequena introducción á imaxe que se proxecta de Ribadeo no exterior a través dun medio ó que acceden diariamente en España máis de un millón de persoas...

20181123

Actividade por Ribadeo: Suso Peña

Non é unha data especial: o próximo ano cumpriranse 14 dende o pasamento de Suso Peña. Por iso a lembranza e homenaxe que se propón de Suso como artista mariñán a destacar no 2019 non aproveita unha circunstancia de datas, senón só a valía do artista, de Suso.
Non, non é a primeira volta que se lle fai unha homenaxe a Suso. Desta, está por medio a petición de fillo predilecto de Ribadeo. Algo que está en xerme pero a bó seguro sairá adiante a pouco que se recolla o sentir do pobo.

20240310

Unha historia de Suso Peña. O Chalet dos Castros

    De xeito dixital (e de varios enderezos diferentes) chéganme uns cantos comentarios sobre unhas fotos de Suso Peña que segundo parece, a apareceron na revista Teima, 'a primeira revista en galego da segunda metade do século XX', que se editou en 1976/1977 pola 'Sociedade Galega de publicacións'.

    A cousa vai sobre o Castro da Devesa. Na procura de máis información, chego a que Teima está accesible na rede, e en concreto no número 10 (17 de febreiro de 1977) atópanse as fotos e textos de Suso, que recollo para axudar a difundir. Os comentarios recibidos pola rede, resúmoos ó final.


    Os comentarios recibidos fórono a raíz da nova na Voz (9/3/2024) titulada "El chalé más caro de A Mariña, de súper lujo y sobre un acantilado en Ribadeo, se vende". Facían fincapé no seguinte (que non comprobei):

- O chalé está construído sobre un cemiterio medieval (e que logo se tería datado entre o S.IV e X) e/ou sobre un castro.

- Cando se sacaron as fotos xa se tiñan algo removido os ósos.

- Quen tería encargado o chalet tería sido un tal Basanta, presidente daquela do Colexio de Arquitectos (non aparece se a nivel provincial ou outro), relacionado co ministerio da vivenda e sendo el quen tería que dar o visto ós planes urbanísticos locais.

- Tras a súa morte e a da súa dona, a filla vendeuno a alguén afincado en Monforte, que debe ser aínda o propietario que o puxo á venda.

- A construción entre o camiño e o mar foi desbloqueada en comisión municipal, non en pleno. Posteriormente á aprobación da solicitude de construción, tería volto a bloquearse. De xeito paralelo, teríase aprobado o plan de ordenación urbana de Ribadeo, que permitiu a construción do edificio á beira da Aduana.

20240519

Unha lembranza para Daniel Cortezón e Suso Peña

     O sábado 6 de abril houbo unha pequena serie de actos dos que non deixei constancia ata o de agora pero dos que, aínda que non lle dea moita difusión, si quero que conste.


    Es día un pequeno grupo de amigos reunímonos para lembrar a Suso Peña e a Daniel Cortezón. Houbo unha ofrenda floral a Daniel no cemiterio e igualmente na placa da Illa Pancha, a Suso. E logo, unha comida no Voar.

20190329

Mañá ás 12, Suso Peña fillo predilecto de Ribadeo


Remato de enterarme de casualidade, pois aínda que supoño que estará anunciado, non vin os anuncios: mañá sábado 30 de marzo ás 12, nun acto no salón de plenos, Suso Peña será declarado fillo predilecto de Ribadeo como foi acordado no último pleno. É de supoñer que está invitada calquera persoa que queira honrar a Suso.

20060122

Dúas rúas, unha cita, un novo Ribadeo



As dúas fotos corresponden á travesía Suso Peña e á Rúa Suso Peña (a que está en curva), ambas en San Lázaro e entroncando unha coa outra: así se decidiu o outro día no pleno do concello ribadense, en base a unha proposta veciñal que se materializará en dúas semanas, coas actividades en lembranza de Suso.
Inconexa co anterior, unha cita que levo apuntada dende o fin de semana pasado, con cantautor Raimon (Raimon Pelegero), que seguro que coñecen quenes viviron o principio da transición en España: "Acábase a dictadura, pero a loita pola democracia non se remata nunca". E nesas estamos, esixindo máis democracia para facer unha sociedade mellor. Lector, súmaste? Así cumpriríase entre outras posibilidades, a terceira parte do título de hoxe: 'un novo Ribadeo'

20170918

Comenzo de curso no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Hoxe desenvolveranse as primeiras clases do novo curso no IES de Ribadeo dionisio Gamallo. Como xa ven sendo habitual, desenvolverase asemade unha conferencia inaugural, que neste caso será impartida polo que foi profesor do centro, Roberto Rodríguez Rodríguez cun título moi achegado a Ribadeo: “Unha visión de Suso Peña e o seu legado”. Terá lugar ás 12:30  no salón de actos do centro educativo.
As conferencias inugurais de anos anteriores están tamén dispoñibles na web do IES. Foron impartidas por:
CURSO 2016-17
XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS: Algúns aspectos da poesía de Luz Pozo.

CURSO 2015-16
FRANCISCO DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA: Xeoloxía e paisaxe. Na memoria de Isidoro Asensio Amor.

CURSO 2014-15
ANTONIO DEAÑO: Dionisio Gamallo.
Foto do cartel do X cabodano do pasamento de Suso Peña.

20140214

Suso Peña

Dun amigo chégame unha ligazón que non me resisto a poñer en común. Trátase dun vídeo curto sobre Suso Peña, e quizáis deba dicir que non aporta moito novo a quen o coñecera, pero non por iso deixa de ser un documento a conservar e ollar:

Que o desfrutedes!

20231116

No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo homenaxéase a Suso Peña

    No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo homenaxéase a Suso Peña cunha pequena exposición de composicións en torno á súa figura. Polo momento, só deixo a foto tomada hoxe mesmo cos cadros colgados, sen máis datos (que non teño aínda), sobre o que ou cando da homenaxe.



20081115

De Suso Peña á Atalaia

Suso Peña está de actualidade: resulta que non hai especialistas para levar adiante o arquivo do material xerado por el (hai pouco falaba da falta de persoal cualificado en Galicia e dos seus efectos sobre a crise/emprego). Mentras, non se podería poñer o proxecto en mans de voluntarios para ir comezando?
Onte recibiuse un novo camión de incendios no concello. Cara á noite xa o vin traballar na esquina de Casa Arango para limpar desaugues. É dicir, comezou con ímpetu...
...Mentras me atopo na prensa cunha das tipicas contadiccións políticas ribadenses: agora resulta que o ascensor da Atalaia vése coa opinión do PSOE local, non en contra, pero si con modificacións importantes en relación co seu popio proxecto, contestado duramente pola AVV O Tesón mesmo na actualidade (aínda hai pouco que cursou unha petición á Delegación de Cultura no sentido de desestimar a construccón do ascensor), en parte en base ós restos de muralla que ,mandando no concello, foron asemade desestimados alí en noutros lugares (por exemplo, fotos en 1, 2,).

Tamén, tiña pensado deixar a foto que acompaña para os 200 días do pasamento de Calvo Sotelo. Cuestións técnicas fixeron que se espuxera onte na rede durante un rato a foto do seu nicho no cemiterio, polo que a deixo aquí sen máis comentario.

20170303

Unha entrada para Suso Peña

Suso Peña ten unha entrada na Galipedia. Por razón de licenza, eliminei (polo momento, de xeito provisional) unha imaxe que eu mesmo cargara hai tempo, co que a entrada quedou lixeiramente diminuída. Como sabía que ía quedar así, tomei pantallazos dela para que quedara constancia de como estaba, á espera de engadir máis contido.
Aí vai:




 Deixo tamén a imaxe que polo momento está borrada e que deu lugar ó cambio:
A imaxe, cargada en febreiro de 2006, tiña como aclaracións que fora para agradecer a súa labor ós voluntarios do Prestige (dec. 2002), e que pola súa vontade, tiña licenza libre, co que, sen modificacións nin uso lucrativo podíase distribuír por calquera medio. Interpretando a súa vontade, púxenlle no seu momento unha licenza CC Recoñecemento-Compartir igual que podería chocar co seu desexo, pois na Wikipedia dita licenza inclúe a posibilidade de uso lucrativo, como fun advertido por un compañeiro.
E con esa imaxe despídese o artigo de hoxe: Paz, Felicidad y eterno agradecimiento a la gente solidaria.

--

Nota posterior: aconsello ver o completo artigo do blog Banda de Galegos.

20190330

Hoxe foi o acto de nomeamento de Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. Vídeo

Ás 12 da mañá, só anunciado de xeito público onte por Ribadeando e hoxe nunha nota curta por El Progreso, tivo lugar o pleno de nomeamento de Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. O acordo tomouse no pleno do pasado día 13 de marzo, de xeito unánime, tal como aparece no vídeo.
A cerimonia tivo unha carga emotiva, máis que polo que se dixo polo sentemento conxunto dos alí presentes.
O título:
A convocatoria do pleno:
O vídeo do acto:

Entidades que pediron o nomeamento (por orde alfabética):
Acisa
Amarante-Setem
Asociación Cultural Ronqueta
Asociación Cultural Francisco Lanza
Asociación Cultural Tá en Artes
Asociación Filantrópico-Dramática
Asociación de Veciños A Atalaia
Asociación de Veciños O Tesón
CIFP Porta da Auga
Colectivo 8 de marzo
Colectivo Por Nuestro Faro
Colexio Sagrado Corazón de Xesús
Coral Polifónica de Ribadeo+
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
SSM A Concordia

20170630

A feira do libro de Ribadeo, que comeza hoxe

... terá novidades, centrarase no próximo... Os tenderetes xa están montados. E o programa, a continuación.

... e a nota de prensa do concello:

CONTARÁ CON 11 CASETAS DAS QUE 6 SON DE LIBREIROS LOCAIS
IV Feira do Libro
26/06/2017
Entre os días 30 de xuño e o 2 de xullo terá lugar en Ribadeo a cuarta edición da Feira do Libro, que foi presentada hoxe no Concello. Nesta cita terán un papel moi importante os autores e autoras locais e da comarca como Eva Mejuto, Daniel Cortezón, Suso Peña, Miguel Sande ou Santiago Jaureguízar, entre outros. Haberá ademais actuacións da Escola Municipal de Música e Danza, de Ribadeo, e do grupo de teatro Ollomao, de Barreiros.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, salientou que "un ano máis a festa dos libros, a festa da lectura, convócanos en Ribadeo, imos xa pola cuarta edición da Feira do Libro de Ribadeo neste ano 2017. Como sempre ten lugar no Parque de San Francisco e nesta ocasión será os días 30 de xuño, venres, e máis o sábado 1 e domingo 2 de xullo. Comeza o verán, comezan as letras, comeza a festa dos libros en Ribadeo".
O edil nacionalista explicou que "o cartel deste ano está extraído da base do arquivo municipal e resultounos moi atractiva esta imaxe porque fai unha analoxía entre a ría de Ribadeo e o mundo dos libros. Os libros son como a natureza, están cheos de vida e hai que escudriñalos ben, mergullarse neles día a día e ir obtendo ese pequeno premio cada vez que abrimos unha páxina e lemos un párrafo. Como quen busca longueiróns, como quen busca berberechos, como quen busca o peixe para dar vida nas casas tamén temos que mergullarnos nos libros para dar vida ás nosas mentes e ás nosas conciencias".
Para o concelleiro ribadense "desde as institucións públicas é de obrigado cumprimento que apostemos polo mundo da lectura e polo mundo do libro. Levámolo feito ao longo de todo o curso a través do programa IES Literarios levando escritores e escritoras aos nosos centros educativos para que os nosos alumnos e alumnas poidan departir con eles, falar, preguntar sobre cómo se escribe un libro, qué ideas poden levar a unha estrutura narrativa, a un poema".
Farruco Graña apuntou que "agora é o momento de que tamén nos poidamos achegar todos á praza pública, neste caso ao noso Parque de San Francisco, para falar cos escritores e coas escritoras. Tamén para falar cos nosos libreiros, son unha ponte fundamental entre o mundo dos libros e os lectores e as lectoras, porque son eses amigos e amigas que nos aconsellan, que nos dan a nova dunha nova publicación, que nos comentan aquelas experiencias que tiveron noutras feiras do libro falando con este escritor ou con aquela escritora. Son a ponte necesaria entre o libro e o lector, así que nese senso, o noso agradecemento á aposta decidida por parte dos libreiros e libreiras de Ribadeo na celebración da Feira do Libro, que xa como dicimos vai na súa cuarta edición".
O concelleiro de Cultura en Ribadeo subliñou que "esta edición ten que ter en conta en especial o libro local, o libro da comarca, dar a coñecer os nosos propios valores. Nese senso contamos con presentacións ben rechamantes e con autores ben coñecidos na zona, xa sexa Anxo Moure co seu Nubinete, xa sexa un libro de fotografía de Vicente Ansola, no que rememora as Aldeas sen voz, xa sexa tamén O Anxo negro de Manuel Gago, ou as Mulleres bravas da nosa historia, ou Gorka Rete de Montse Fernández Álvarez. Tamén a memoria para as persoas que xa nos deixaron, pero seguen presentes nas nosas mentes como volver falar de As Covas do Rei Cintolo de Daniel Cortezón e Suso Peña. E como non autores xa contemporáneos aínda en activo como Santiago Jaureguízar co seu Placebo, ou a novela A candidata de Miguel Sande, ou os 22 Segundos de Eva Mejuto". Farruco Graña manifestou que "non queremos facer unha edición moi densa porque temos que dar tempo a dixerir con calma as novas literarias que van aparecendo, pero si moi activa na que se combine presentación de libros con actividades de animación á lectura para todos en xeral aínda que especialmente para os nosos pícaros e pícaras. Nese senso calquera pai ou nai pode achegarse ata o parque que sabe que vai haber actividades para os seus nenos e nenas, e vai poder gozar da lectura ou da charla directa cun escritor ou escritora". O edil anunciou que "haberá colaboracións tamén por parte da Escola Municipal de Música e Danza cun número de danza, teremos colaboración do grupo de teatro Ollomao, de Barreiros, cun pequeno número estendido ao longo da rúa, Anxo Moure volverá traernos a súa Ciclobiblioteca, e tamén poderemos contar coa actuación de Lois Pérez co seu Sacar a lingua a pracer. Trátase de dinamizar o parque, dinamizar a vida, dinamizar a lectura e que todos saiamos gañando e enriquecéndonos un pouquiño máis no plano das ideas".

20051228

Homenaxe a Suso Peña

Hoxe foi a primeria xuntanza en prol da homenaxe a Suso Peña. Non sei como foi, pero sabereino: teño intención de participar, incrementando tamén a entrada que xa está na Galipedia. Hoxe tamén foi a actuación do Nadal na igrexa. Non me saíron fotos decentes, a que poño pode que sexa a mellor... Só un comentario máis. Chamoume a atención por primeira vez o do censo e estiven mirando o tema. Parece que se aplicaba naqueles tempo só á xente libre, e iso significa que a familia de Xesús o era, e pagaba a pena a viaxe porque o censo era algo así como o certificado da liberdade. Dixeron que o Xordán desemboca no Mar de Galilea e na realidade fáino no Mar Morto, pero eso é o de menos nunha xuntanza deste estilo. Tamén anunciaron a carreira pedestre de fin de ano (S. Silvestre); dame mágoa porque este ano non poderei ir: será a primeira (vez) que fallo dende a primeira (carreira). Digital Universe? Coido que non ten que ver coa Wikipedia (ou a súa versión galega, Galipedia) porque de xieto mergullado pretende negocio, a parte de que ó non permitir que colabore toada a xente, a xente 'interesante' sempre será en moito menor cantidade que se participa todo o mundo, e, ... e moitas máis cousas, pero de calquera xeito, sinto interese en ver a súa traxectoria no futuro, máis que nada para ver se non me equivoco. Por certo: dous anos despois de enviar un escrito ó Concello (22/12/03) , despois de non poder ser usado no congreso de EnCiGa (Ensinantes de Ciencias de Galiza), etc, comeza a reparación da cúpula de Sta. Cruz... Como comentaba a noite pasada, quérennos actualizar/modernizar/europizar o horario. Por eso, hoxe escribo algo máis cedo... :-). Como o prometido é débeda, o artigo relacionado con Hernán: --

Data: 18/05/2001

Fonte: In memoriam-O Son do Pobo abril-xuño 2001, collido de El Progreso/A Mariña de 18/05/01

Título: Hernán, o noso infiltrado

Autor: Pablo Villapol

Descrición: Nota nostálxica, artigo. Un artigo escrito ó día seguinte do pasamento ó calor dunha amizade. Autorización dada telefónicamente polo autor o 14/02/03

Comentarios: -

Un día non hai moito tempo, decateime de que a Hernán gustáballe a palabra "infiltrado", ou a lo menos, que a empregaba de cando en vez, a pesares de non ser desas de uso corrente. Comenteillo, e díxome que podía ser, pero que nunca o pensara. Agora que Hernán xa non virá máis a botar unha parrafada á delegación desta casa en Ribadeo, penso que esta carallada di moito del. Non era home que fose de usos correntes, era, desde logo, un tipo moi fóra do corrente. Tanto, que chegou a ser consecuente entre o que pensaba, o que facía e o que dicía. Cunha intelixencia á marxe de toda dúbida, nunca foi quen, a lo menos ante min, de ser nin siquiera un chisco de fachendoso en todos estes anos. Se non sabía algo, dicíao e punto. E en certo xeito, teño que dicir que él mesmo foi tamén un pouco un infiltrado nesta vida, un home sobresaínte e emprendedor entre a vulgaridade na que me incló e o deixarse ir que tanto adoecía. Ó final, fallouche un corazón que fervía por demasiadas cousas. Onde carallo estés, hei poñer un swing e lembrarme de ti.

20230106

Ribadenses destacados: Daniel Cortezón Álvarez. Santiago Sanjurjo Díaz

    Unha nova biografía de 'Ribadenses destacados', Daniel Cortezón por Santiago Sanjurjo.

DANIEL CORTEZÓN ÁLVAREZ

(Ribadeo, 1927 – Lugo, 2009)

Ensaísta, novelista, dramaturgo e senlleiro expoñente do teatro histórico galego

Daniel Cortezón (Foto de Matilde González)

    Daniel Cortezón nace en Ribadeo o 6 de febreiro de 1927, fillo de Amalia e Daniel. Por mor dos sucesivos traslados do pai, membro do Corpo de Carabineiros, pasa a súa nenez en diferentes vilas de Andalucía e Asturias. Atópanse nesta última rexión cando estoupa a Guerra Civil. O seu pai, que permanece fiel á República, combate en diversas frontes, ata que, ferido, cae prisioneiro en Castellón. Despois de ser xulgado nun Consello de Guerra e recibir unha condena a morte, posteriormente conmutada por unha pena de cadea perpetua, o pai bota cinco anos preso no cárcere de Xixón. Namentres, Cortezón e a súa nai retornan a Ribadeo, onde, a finais de 1939, o futuro escritor comeza a traballar nunha carpintaría, ata que, ao ano seguinte, entra como aprendiz na Farmacia Sarmiento, da que será empregado durante case cinco lustros.

    Cómpre sinalar que as vivencias e as lembranzas da guerra, na que faleceu en combate o seu tío Ramón Crespo Rodas (a quen inmortalizará e renderá unha emotiva homenaxe na obra Os irmandiños), sumadas ás conviccións esquerdistas do pai e á propia condición de proletario de Cortezón, contribúen sen dúbida a sentar as bases do seu futuro compromiso intelectual, artístico e político de clara filiación marxista. Esta postura consolídase sobre unha vasta e sólida formación de carácter autodidacta, cuxos comezos poden datarse nese mesmo ano de 1940, cando enceta a lectura case íntegra dos fondos da Biblioteca Municipal de Ribadeo, que el mesmo califica como a súa verdadeira universidade. Pouco despois escribe os seus primeiros textos, ensaios de carácter filosófico, político e estético, algúns dos cales publica en revistas como Rumbo, Estudios e Auxiliares de farmacia, da que co tempo chegará a ser redactor xefe. A súa traxectoria literaria iníciase en 1951 coa novela, escrita durante un periodo de enfermidade, As covas do Rei Cintolo (Galaxia, 1956) e ao pouco comeza a recibir os primeiros dos seus abondosos premios: o Manuel Cao Turnes do Centro Gallego de Bos Aires, pola aínda inédita novela Ribanzo, e o Otero Pedrayo do Lar Gallego de Caracas, co ensaio Os esprito da Galiza, ambos en 1956, así como o Premio da Casa de Galicia en Nova York, por De la saudade y sus formas, en 1959, por citar só algúns.

    Xa nesta etapa inicial resulta posible definir certas características que serán constantes na traxectoria posterior de Cortezón: primeiramente, ten lugar o descubrimento do galego e o seu emprego como lingua literaria, en alternancia co castelán, o que fai del un autor bilingüe pertencente a dous sistemas literarios diferentes. En segundo lugar, a historia, a cultura e a identidade galegas pasan a ocupar un lugar preferente no seu proxecto intelectual e artístico, ben como tema literario, ben como obxecto de reflexión, tal e como testemuñan os importantes ensaios O esprito da Galiza (1955), Pantocrítica galiciana (1956), Aspeitos sociolóxicos do ser de Europa, Consideracións encol do senso e posibilidade da crítica e Ouservacións para unha crítica en col do avidalismo na poesía galega actual, estes tres últimos galardoados co premio Padre Feijoo do Centro Gallego de Bos Aires en 1963. Por último, o xénero dramático, no que se inicia con títulos como Nicolás Flamel, O renarte Ciprián (ambas de 1960) e, singularmente, Prisciliano (pola que recibiu o Premio Villar Ponte de Teatro en 1962 e que sería publicada en 1970 por Galaxia) convértese no seu principal medio de expresión e na cerna da súa produción.

    En 1960 casa con Mercedes del Monte, Merchi, e dous anos máis tarde trasládase a León en calidade de apoderado de Empresas Barreiros, S.A. En 1965 instálase en Madrid, onde dirixirá Financiación y Crédito, S.A., e a partir de 1970 e ata a súa xubilación en 1987, traballará na sucursal de Refrey. Na capital madrileña entrará en contacto con importantes persoeiros das culturas española e galega (ao longo da súa vida cultivará unha fonda amizade con Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Borobó, Dionisio Gamallo, Ramón de Valenzuela, Isaac Alonso Estraviz, Luz Pozo Garza, Xosé Luís Franco Grande, Carlos Díaz, Suso Peña, Delfín Mariño, Carlos Álvarez Lebredo, Toni Deaño, Chemi Lombardero, Manuel F. López, Manuel Valín e Roberto Rodríguez, entre moitos outros).

Daniel Cortezón e Dionisio Gamallo Fierros (Foto de Matilde González)

    As décadas dos 60 e 70 son verdadeiramente prolíficas e están cheas de éxitos: as obras en castelán El Rey de Harlem e Semáforo inauguran o III e IV Premio Sitges de Teatro en, respectivamente, 1969 e 1970. En 1972 a versión castelá de Os irmandiños queda finalista no Premio Ciudad de Alcoi (o orixinal galego obterá o premio Santiago Rusiñol no X Festival de Sigtes de 1977). Esta localidade alicantina será particularmente xenerosa co ribadense, pois tan só un ano máis tarde voltará a quedar finalista con El mástil (gañadora do Premio Aguilar de Teatro en 1977) e en 1974 resultará gañador coa obra sobre Salvador Allende e o golpe de Estado en Chile Compañero Presidente, compañero, cuxo estreo será prohibido pola censura. En 1974, Xelmírez ou a gloria de Compostela, coa que acada o Premio Ciudad de Barcelona de Teatro, estréase en castelán no Teatre Grec de Montjuic e a Editorial Nós de Bos Aires publica o orixinal galego. Ao ano seguinte Cortezón resulta finalista do prestixioso Premio Lope de Vega con Crónica del rey don Pedro, que verá a luz anos máis tarde, en 1998, nunha colección teatral da Universidade de Murcia. Nos anos seguintes saen do prelo importantes títulos dramáticos como A diáspora (1976), Crónica de Enrique IV (1977), Os irmandiños (1978), Pedro Madruga (1981) e Danza, contradanza y metamorfosis de moros y cristianos (1982), Soñando a Goethe en primavera (1986) e as sucesivas entregas da súa monumental tetraloxía Castelao ou a paixón de Galiza: O animador de ilusións (1986), As árbores e os xuncos (1988), Intermezzo bufo (1996), coa que un ano máis tarde queda finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática, e O pudor e a angustia (1997). No eido da narrativa cómpre destacar a publicación de A vila sulagada (1981), gañadora do prestixioso Premio de novela Eduardo Blanco Amor na súa primeira edición.

Carlos Álvarez Lebredo, Daniel Cortezón e Suso Peña (Foto de Matilde González)

    Despois da súa xubilación, Cortezón retorna a Galicia e aséntase no seu Ribadeo natal, onde prosegue coa súa intensa labor literaria e intelectual. No prazo duns poucos anos sofre importantes perdas persoais coa falecemento da súa nai e da súa dona, Merchi, que o somen nunha depresión. Así e todo, non deixa de participar na vida cultural: escribe, pronuncia conferencias, traduce obras de autores como os seus amigos Jerónimo López Mozo e Lauro Olmo, recibe premios e homenaxes, e ve como se poñen en escea algúns dos seus textos dramáticos. Neste último eido destacan as representacións de Os irmandiños e de Pedro Madruga a cargo do colectivo «O Castelo» e baixo a dirección de Roberto Casteleiro, durante o Festival Irmandiño de Moeche (nas súas edicións, respectivamente, de 1996 e 1997), así como a estrea, en 1999, da montaxe de Xelmírez ou a gloria de Compostela que realizou o Centro Dramático Galego, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Só un ano máis tarde prodúcese o pasamento do seu íntimo amigo, o intelectual ribadense Dionisio Gamallo, cuxa monumental biografía Dionisio Gamallo Fierros. Varón de Porcillán. La sinfonía incompleta (2005) pode ser considerada a derradeira gran obra de Cortezón.

    En abril de 2002 casa con Matilde González, Mati, con quen compartirá a tutela de Beatriz Mohedano, e uns meses máis tarde recibe unha homenaxe na súa vila natal, que culmina coa dedicatoria dunha rúa ribadense. Tras uns últimos anos nos que, entre Vigo e Ribadeo, prosegue escribindo, falece en Lugo o 4 de outubro de 2009.

Fila superior: Olivia Tudela, Gonzalo Vázquez Pozo, familiar de Josefina Martínez, Verónica Lorenzo, Josefina Martínez, José Carlos Rodríguez Andina, Saulo Cuesta, Veva Sordo, Rosa Fernández, Toni Deaño, Manuel Valín, José Luis Echevarría.
Fila inferior: Tomás Sanjurjo, Matilde González, Daniel Cortezón, Marita Gamallo, José Luis Pensado, Elena Diego, Luz Pozo, Emilio Lorenzo, Rafael Alvarado, Rosa Cobo, Enriqueta Ruiz, Chus Maseda e Roberto Rodríguez.
Diante de Luz Pozo: Fidel (fillo de Olivia Tudela) e Santiago Sanjurjo.
Centenario de Dámaso Alonso. Ribadeo, xullo de 1998.

(Foto de Jaime F. Pola)

    A inxente obra de Cortezón permanece en gran medida aínda inédita e, por desgraza, a meirande parte dos seus libros están esgotados e só se poden atopar en bibliotecas ou librarías de segunda man. A súa dilatada produción abrangue practicamente tódolos xéneros literarios, entre os que destacan o ensaio, a novela e, de xeito sobranceiro, o teatro. Así, atopamos desde pezas teatrais para nenos (Alí Ben Mangato e mailo seu cabalo branco chamado Beliador, de 1995) ata ponencias sobre temas diversos como La moral de los estoicos (1946) ou Sobor das condicións do asalto á razón (1990), pasando por guións para televisión sobre Prisciliano, como o escrito para a TVG con Mariano Tudela en 1985.

    Porén, dentro desta heteroxeneidade resulta posible identificar un fío en común que dá sentido ao proxecto literario e intelectual de Cortezón. Dous son os piares sobre os que se asenta: por unha banda, unha perspectiva política de carácter marxista (relativamente heterodoxo) e, por outra, un nacionalismo galego sui generis. É precisamente na produtiva e, en ocasións, conflitiva dialética entre ambas fasquías onde xorde a xenuína e orixinal aportación do dramaturgo ribadense. Nun primeiro momento, as obras ensaísticas —xa mencionadas— que escribe ao longo dos anos 50 e 60 sentan as bases dunha severa e argumentada crítica do que el considera as causas do fracaso do «proxecto histórico do ser de Galicia como nacionalidade» e que constitúen un demoledor cuestionamento do que, seguindo a Helena Miguélez-Carballeira, podería considerarse unha identidade sentimental de Galicia. A continuación, partindo desas premisas teóricas Cortezón decide traballar na creación dun teatro histórico (e político, sería preciso engadir) do que, segundo el, carece o sistema literario galego. A súa misión sería a de «afondar na memoria histórica do pobo galego, sobre todo na súa vertente de rebelión dos oprimidos e dominación dos opresores», para o que crea unha serie de obras protagonizadas por axentes individuais e colectivos «cruciais na eclosión e ulterior frustración da galeguidade». Así, as pezas adicadas ás loitas irmandiñas, Xelmírez, Pedro Madruga ou Castelao buscan atopar e expoñer as razóns do fracaso histórico de Galicia que, para Cortezón, en moitas ocasións levan os nomes e apelidos daqueles que, como sinala Iolanda Ogando, «tendo nas súas mans os instrumentos» para mudar a historia, «non souberon asumir as súas responsabilidades». Finalmente, a orixinalidade da proposta de Cortezón, atravesada de pola mencionada relación dialéctica entre marxismo e nacionalismo, reside en que «trascende a mitificación do pobo e a desmitificación dos estamentos poderosos» para remover conciencias e facer do teatro unha ferramenta de crítica revolucionaria e de construción nacional.

Bibliografía

Abuín, A., «A traxectoria teatral de Daniel Cortezón: cara unha poética do drama histórico galego», en: Cortezón, D., Xelmírez ou a gloria de Compostela. Santiago de Compostela (1998), pp. 77-120.

Cortezón, D., «Los años de la destrucción», en: Pörtl, K. (ed.), Reflexiones sobre el Nuevo Teatro Español. Tübingen (1986), pp. 74-82.

González Gómez, M., «Cronología», en: González Gómez M. y M. Valín Valdés (coords.), Daniel Cortezón. Viveiro (2011), pp. 19-31.

Ogando, I., Teatro histórico: construción dramática e construción teatral. A Coruña (2004).

Pascual, R., «Daniel Cortezón. Lembranzas dunha vida autodidacta», en Madrygal, 11 (2008), pp. 199-205.

SANTIAGO SANJURJO DÍAZ

--

Sobre D. Cortezón no blog