Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta rego de Noceda. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta rego de Noceda. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20220106

Non lle pido ós reis, abogo por xustiza. Evaristo Lombardero

         Esta é unha alegación que presentei a este proxecto xunto co grupo Eólicos na Mariña, así non. A intención era que houbese unha alegación que puxese en primeiro plano os temas relativos á saúde. Esto é un refundido de varios documentos que me chegaron pero gustaríame seguir traballando no tema e se hai persoas interesadas ter un contacto para ver de engadir máis aportacións. Gustaríame suliñar que o proxecto contempla grandes movementos de terras e maquinaria xunto da presa de Lexoso, onde se atopa unha das tomas da auga de bébeda de Ribadeo e mais en un ensanchamento da pista que vai paralela ao rego de Noceda que tamén surte á devandita presa, pero na memoria do proxecto o encoro de Lexoso NON EXISTE. Pola sua banda o Concello de Ribadeo non ten decidido se vai presentar alegacións cando faltan 5 días para que se peche o prazo.

SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA 

Área de industria e Enerxía 

Praza de Ourense, nº 11, A Coruña, C.P. 15003. 

 

Don Evaristo Lombardero Rico, con DNI: Nºxxxxxxxxxx, con domicilio a efectos de notificacións en xxxxxxxxxxxx, Piñeira,  municipio de Ribadeo, provincia de Lugo, teléfono xxxxxxxxx. 

 

EXPÓN: 

Á vista do Anuncio da área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia polo que se somete a información pública o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico “FONTE BARREIROS” de 96 MW e a súa infraestrutura de evacuación na provincia de Lugo; BOE de Lugo número 246 de data 14 de outubro de 2021; Código do proxecto: Peol-383; e á vista da corrección de erros publicada no BOE número 282 de data 25 de novembro de 2021, por medio do presente escrito realiza as seguintes alegacións: 

 

1)INSUFICENTE CALIDADE DO E.I.A.

    A execución do Proxecto do Parque Eólico Fonte Barreiros leva aparellado o correspondente “Estudo de Impacto Ambiental”, e tralo seu análise, considérase incompleto e insuficiente. Abonda dicir que adica 69 páxinas a resumir o proxecto avaliado mentres abondan 10 páxinas para todo o inventario do medio natural e socioeconómico: as características climáticas, xeolóxicas, das augas, solos, vexetación, fauna, paisaxe, medio social, actividades económicas. Do mesmo xeito, os inventarios de espazos naturais, especies e bens patrimoniais son meras listas carentes dunha análise alén da propia enumeración. 

    Este deslexo amósase tamén nos apartados adicados a identificación de impactos e a súa avaliación, carente de xustificación algunha nin base científica. Nos seguintes puntos faise unha somera relación dos aspectos nula, insuficiente ou deficientemente tratados no EIA, particularmente no que atinxe á saúde humana, consierándose que DEBERA SER REXEITADO POLA SÚAS DEFICIENCIAS. 
  • 2) ALTO RISCO DE AFECCION A TRAIDA  DE AUGAS DO CONCELLO DE RIBADEO:  

    A traida municipal de augas de Ribadeo ten un punto de abastecemento na PRESA DO LEXOSO, abastecida polo rego do mesmo nome e máis polo rego de Noceda. Obviamente trátase de un punto da máxima sensibilidade localizado nun lugar inmediato a  onde o proxecto ten previsto importantes movementos de terra, pol tanto con presencia e actuación de grandes máquinas excavadoras e de transporte. Sin embargo este punto de alto risco non está identificado no inventario e non se teñen en conta os probabeis verquidos e impactos sobre a auga de bébeda e consumo humano, nen os graves efectos que pode ter sobre a saúde pública que non están avaliados no EIA.

        3) IMPACTO ACÚSTICO  

    O impacto acústico dos parques eólicos, xerado tanto pola mecánica como da aerodinámica da súa actividade, representa un dos principais impactos para as persoas, a fauna e os hábitats, polo que a análise profunda nesta materia resulta imprescindible. Porén, neste caso o Impacto Acústico derivado da actividade do propio parque unha vez iniciada a súa vida útil resulta insuficiente, vago e impreciso. De feito, o estudo non revela os factores tidos en conta no modelado do ruido xerado e a súa trasmisión, aínda que polo resultado obsérvase que non se tivo en conta o vento, e que se empregou un modelo que trata o ruido coma se estivera xerado por unha fonte puntual e omnidireccional, cousa xa superada na actualidade. Pola outra banda, non se fixo unha análise diferenciado por bandas de frecuencia pese ás evidencias científicas da diferente capacidade de trasmisión e efectos entre entre frecuencias altas e baixas. 

        4) RADIACIÓN ELECTROMAGNÉTICA 

    O estudio non recolle o nivel de “RADIACIÓN ELECTROMAGNÉTICA” emitida polos aeroxeneradores ás liñas eléctricas, nin o impacto sobre a saúde dos habitantes da zona nin á fauna. No momento actual xa hai abondos estudos que relacionan as concentracións da hormona melatonina co desenrolo de diversos tipos de cáncer. Existen evidencias científicas de que a melatonina podería suprimir a formación de algús tumores polo que unha radiación que reducise a producción de melatonina en humanos, estaría relacionada con aquelas enfermedades (ver publicacions científicas de Boorman et al., 1999, McCormick et al., 1999, Lagroye et al., 2011, ou a de World Health Organization, 2002, concretamente os Capítulos 4º y 5º). Cada vez hai menos dúbidas no mundo científico de que existe unha relación directa entre a exposición a campos electromagnéticos e diversas afecciones á saúde. Son abondo coñecidos os estudos da Universidade de Oxford (Draper et al., 2005) que relacionan este tipo de contaminación ca leucemia infantil ou co incremento de cancro infantil. Outros autores tamén atoparon risco de contraer leucemia infantil en fogares con nenos a menos de 600 m de líñas de outa tensión (Copes, R., & Barn, P. (2008). A Alianza Internacional de Campos Electromagnéticos (IEMFA) publicou no 2011 un informe e declaración de consenso científico sobre os riscos dos campos electromagnéticos (http://www.iemfa.org/seletun-statement/), incluidos os de frecuencia extremadamente baixa, como os que se xeneran nas líñas de outa tensión ou nas estacions eléctricas transformadoras (v.gr. Sirav et al., 2014).   

         5) OUTROS IMPACTOS SOBRE A SAUDE   

    Ademais do devandito impacto dos ruidos a contaminación lumínica, las ondas sónicas de baixa frecuencia, as ondas electromagnéticas e otros  actúan de maneira individual e sinérgica, con efectos que se potencian en función da proximidade das persoas as instalacions, así como o tempo de exposición. Outos niveis de ruido xenerado polas turbinas eólicas (aeroxeneradores) asocianse ca prescripción de medicamentos para durmir e antidepresivos entre os ancians, o que suxiere que o ruido ao aire libre xenerado polas turbinas eólicas pode estar asociado ca perda de calidade do sono e a saúde mental. (Poulsen et al., 2019).Asemade teñense descrito o impacto de ions na calidade do sono mediante a interrupción obxectiva do mesmo, reflexada por unha maior frecuencia de despertares, proporción reducida de sono en fase mais fonda, ou a reducción do sono na fase N2 (e.g. Smith M.G. et al., 2020).  

         Dos anteriores argumentos desprendese a recomendación de aplicar, nos parques eólicos, maiormente en casos como o actual no que se proxecta a instalación de enormes estructuras escasamente estudadas a nivel mundial e mesmo nas instalacions eléctricas de outa tensión, o Artígo 3 da Ley 33/2011, de 4 de outubro, General de Salud Pública, sobre o principio de precaución, que di “La existencia de indicios fundados de una posible afectación grave de la salud de la población, aun cuando hubiera incertidumbre científica sobre el carácter del riesgo, determinará la cesación, prohibición o limitación de la actividad sobre la que concurran.”   

          Asemade invocaremos aquí o artigo 43 da Constitución Española que di: 

      1. Se reconoce el derecho a la protección de la salud. 

      2. Compete a los poderes públicos organizar y tutelar la salud pública a través de medidas preventivas y de las prestaciones y servicios necesarios. La ley establecerá los derechos y deberes de todos al respecto. 

      3. Los poderes públicos fomentarán la educación sanitaria, la educación física y el deporte. Asimismo, facilitarán la adecuada utilización del ocio. 

     

    SOLICITA: 

    1º.- Que se teñan por presentadas as anteriores alegacións dentro do prazo e forma establecidos, e seguindo o legal transcurso do procedemento se acepten e no momento oportuno se produzan as necesarias modificacións no expediente de referencia. 

    2º.- Que como parte interesada, me realicen tódalas notificacións que procedan, e de acordo co artigo 86.3 da “Ley 30/1992, de 26 de novembro, de Régimen Jurídico de las Administraciones Públicas y el Procedimiento Administrativo Común”, solicítase a esta Administración que remita resposta razoada e xustificada a tódalas alegacións presentadas. 
     
    3º.- Que a Declaración de impacto ambiental se considere negativa ou desfavorable, en razón dos datos expostos no presente documento de alegacións, e que non se outorgue a Autorización administrativa previa do parque eólico Fonte Barreiros, e en consecuencia se desestime a execución do proxecto. Que non se outorgue a Autorización administrativa previa. 

     

    Ribadeo, cinco de xaneiro de 2022

     

    Asdo.-Evaristo Lombardero Rico
  • 20150831

    Limpando o encoro de Vilamariz

    Fíxose estes días: o encoro de Vilamariz, vacío e sen toda a cantidade de lama que lle impedía acumular auga.
    Na primeira foto, a beira esquerda do encoro, enfocando cara á ponte pola que baixa o rego de Noceda.
    A segunda, o muro e a beira dereita do encoro.
    O fondo do encoro, coa baixada usada para as máquinas, e, á súa beira, a baixada do rego Lexoso.
    A captación de auga, case inhábil polo pouco caudal de Lexoso e Noceda, con o tubo empregado para recoller auga do rego de Noceda pola prevención fronte o verquido no Lexoso por parte do CaVi.
    Por último, como estaba hjai uns meses, totalmente colmatado.
    ...
    Un pouco de historia sobre a auga de beber.
    ...
    Días despois, na web do concello. 1400 m3 sacados, uns 2 000 000 de kg.

    20241205

    Un novo Chío!

        A revista Chío do mes de decembro está xa á túa disposición. A máis da portada (enriba) e a miña colaboración (embaixo), deixo a ligazón á revista por se queres baixala ou vela en liña. Que a desfrutes! Pode ser a última nun tempo...





    Un chío encantado










    Hai tempo, nunha conversa intranscendente, dixen algo como que calquera das nosas aldeas tiña lugares encantadores por descubrir. Algúns, auténticas xoias; outros, lugares agradables a desfrutar. En calquera caso, a desfrutar para o seu aproveitamento humano, polos poboadores próximos, aínda que tamén se puidera aproveitar para o desenvolvemento da zona. Despois de dicilo, quedei pensando se coñecería -eu- no entorno da vila, ou no termo do concello, lugares abondo para facer unha tal guía. E non, seguro que non coñezo todo o que hai, pero si abondo como para facer non unha guía turística, que non é a miña idea, senón un mapa de desfrute posible, un poñer no punto de mira algúns lugares agradables.

    Pouco despois da conversa, quedou o rural de Ribadeo sementado de sinais e direccións indicando ‘Camiño do Encanto’. Tantas, que ás veces nun cruce atopas para a esquerda e para dereita a sinal repetida, a máis d que indica o sentido do que vés. Polo que parece a cousa foi froito dunha subvención na que houbo algún tipo de desaxuste entre a petición e a realización. De calquera xeito, deume azos para tentar poñer nunha lista curiosidades, lugares ou edificios a ver, de xeito de que quedaran salientados. E xa digo, non como unha guía turística tradicional, senón máis ben como mapa de sentimentos posibles, xerador de lembranzas agradables. Aínda que sexa incompleto, que non me cabe dúbida de que o será, por espazo, por descoñecemento e por folganza.

    En Ribadeo, o mesmo que noutras poboacións, o ‘turismo’ concéntrase na vila principal, coa Torre dos Moreno como emblema, as terrazas vivas que invaden o terreo dos cidadáns, os miradoiros sobre a ría amosando unha beleza compartida, que non deixasalientar a vila dos comerciantes na que se debulla unha historia xa pasada, as casas dos indianos que unen un presente migratorio diferente, a ruta das pedras da memoria que nos ensinan nomes e lugares que non debemos esquecer, a sorpresiva Fonte Cavada... ou os seus arredores próximos, miradoiro de Santa Cruz xa na parroquia de Ove ou illa Pancha, na de Vilaselán. E claro, no caso concreto de Ribadeo, as moi famosas Catedrais, na Devesa, que para este caso, non contan como descoñecidas, e cuxo nome eclipsa (aínda que non a súa realidade) á zona de Os castros, Illas ou Esteiro, na mesma parroquia.

    E fóra diso? Por onde comezamos?

    Uf! Sinxelamente, por algures. Por exemplo, polas varias rutas que se poden aproveitar para recorrer dando un paseo ou facendo unha marcha. A que vai pola costa, ligando as Aceas ó porto e paseo marítimo e logo, costa da ría ata illa Pancha e seguindo pola beira do mar -Catedrais incluídas- camiño de Barreiros, o ‘concello seguinte’ nese ‘Camiño do Cantábrico’. Ou a ‘Ruta da ría’ que saíndo e retornando a Ove nos permite diferentes visións do entorno natural da ría de Ribadeo. Ou a ruta do monte, saíndo tamén de Ove cara a Remourelle (A Devesa), desviación ó Mondigo incluído, e que permite asomarnos, xusto pasando a Barreiros, ás mellores vistas das que coñezo sobre o Cantábrico. Ou prefires rutas máis inexploradas? Proba seguir a antiga ruta do ferrocarril mineiro dende que sae á ría nos Guildeiros (Ove) ata pasado Porto (Vilausende). Iso si, vai preparado: non está sinalizada nin coidada.

    Es máis de ver, a secas? Ó antedito, o Val de Noceda na Devesa enche o espírito ó tempo que pode ser posto de exemplo de cunca fluvial e vista ampla cos seus campos. Ou, dende diversos puntos, Mondigo incluído (Covelas), o val do Río Grande e a súa variedade dende a veciña Fórnea en Trabada ata a súa desembocadura entre Ove e Vilausende.

    Pode que sexas máis de lugares recollidos. Só baixarte do coche permíteche estar nun pouco antes da desembocadura do río Grande, contemplando os meandros ós que se une o río Pequeno. Claro que tamén podes recollerte nas casetas dos varios miradoiros sobre a ría -en Vilaselán, Ove, Vilausende... algún, a estas alturas, novo do paquete- e illarte. Ou recorrer un par de centos de metros dende a estrada para que sexa a propia natureza a que che ille no Pozo Mouro, vendo correr as augas do rego de Lexoso antes de ser Río Grande, e o seu accidentado descenso na propia fervenza.

    Santuarios? Pásate por Vilaselán a contemplar os seus exvotos de paso que entras no ambiente dunha igrexa que con moita probabilidade te resultará diferente, sinxelamente. Ó fío do anterior, pode que sexa máis do teu gusto o contemplar ou mergullarte en arquitectura. San Juan de Ove, tan diferente e ó tempo parella á anterior. A igrexa Santalla da Devesa, fermosa. O sinxelo adro do templo de San Vicente de Covelas, a igrexa da Nosa Señora das Virtudes na Ponte de Arante e os seus murais de hai máis de medio milenio... Por certo, que non só de igrexas se compón a arquitectura do rural. Preto do adro está o Pazo de Cedofeita, con lugares abondo no seu interior para sentirse en diferentes ambientes e épocas, desfrutando en todo caso.

    Para min, a arquitectura funeraria ten marcado lugares aparte. O cemiterio da vila está xa en terras de Ove, dende antes que o vello fora substituído no seu lugar polo Parador de Turismo, e ten particularidades como as vidreiras da súa capela ou o espazo para autopsias, que cando menos son curiosidades. E o cemiterio da Devesa? Preto da igrexa, coido que pode cualificarse de ‘cemiterio indiano’...

    Es de castros? Achégate ás Grobas (Vilaselán) e verás foxos e catas na natureza do entorno actual dun antigo castro de costa. Por suposto, hai uns cantos máis. Só os estudados a modo de exemplo no libro sobre os castros de José Mª Rodríguez son sete!

    E quedan ... Rinlo (aínda non coñeces as súas cetáreas?), Vilaframil e Piñeira (a costa agreste de Ribadeo) ou Couxela (onde a ría de Ribadeo aínda é meandro), das que non dixen nada antes, a máis doutras cousas que desfrutar nas parroquias xa citadas. E é que, cen quilómetros cadrados de concello nunha terra querida dá para moito!

    20140423

    E máis auga

        O día do libro, con actos ó seu arredor, tamén en Ribadeo, a adxudicación das obras da residencia á UTE Anllar, a aprobación inicial do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo (o curioso acrónimo PEPRICH) e as bolsas de chan edificable en Ribadeo ou o coleteo da marabunta nas Catedrais serán hoxe novas tratadas nos xornais. O retorno da choiva coido que non merecerá tal. A auga, a 'outra' auga, a da billa, non o será, pero fará de comentario de fondo en moitas conversas. Hoxe tiña pensado tratar calquera dos outros temas, pero levantarse e ter para o aseo persoal unha auga na que non se confía na súa calidade fíxome cambiar de idea.
        Pouca xente lembra que a recollida da auga de Ribadeo comezouse a facer hai tempo do rego de Vilaselán, desviándoo cara ó 'Pipelo', despois pasouse directamente ás Fontes do lobo, o seu nacemento por tras de Santa Cruz, para a recollida da auga: aínda están alí as casetas ben visibles e usables, casetas que teñen saído xa algunha vez no blog [o tema da auga, dende diferentes puntos de vista, foi tratado en moitas ocasións, como aquí]. Despois fíxose un encoro no río Grande, á altura da desviación para Noceda dende a estrada Reme-Villamar, e realizouse o depósito á beira da estrada segundo se sube a Santa Cruz. E, por último, cóllese auga do Eo, con moito máis caudal que o Grande, á altura de Vilarbetote, súbese a un depósito que se observa alí por riba da estrada que leva a Lugo, e de alí distribúese a Trabada e á Ribadeo, pasando polo depósito que está un pouco embaixo de Santa Cruz a unha altura semellante ó de Vilarbetote, e que se ve sobre a estrada Reme Vilamar ladeira enriba e que é onde se atopa a estación de tratamento. No mapa collido do Sigpac dispoño de xeito aproximado as tomas de auga en círculos en negro e os depósitos noutros máis pequenos en vermello claro. A conexión do depósito de recollida do Eo cos  de Santa Cruz fáise a través dunha traída que segue de preto o trazado da estrada a Lugo e que non está en moi bo estado, como amosan os continuos cortes por rotura, polo que sería necesario substituír (para o que non hai cartos) xa que se se repara de xeito integral nas zonas de rotura, a presión podería facer estalar en zonas algo máis altas e en xeral de más difícil acceso, o que levaría a reparacións máis complicadas e longas, co desabastecemento pertinente.
        Ben, o tempo hoxe non da para máis. A ver se mañá xa está dispoñible auga de mellor aspecto para o consumo.