Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta quecemento global. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta quecemento global. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20211031

O G20 acorda en Roma manter o teito do quecemento global en 1,5 graos

    "O G20 acorda en Roma manter o teito do quecemento global en 1,5 graos". Cun sorriso, dínnolo ou cóntannolo? Certo que os periodistas, cando poñen titulares, ás veces 'quédanse sós', mais neste caso, o titular vai coa idea que se pode ligar e é expresada moitas veces de xeito semellante a mandar separar as augas cun xesto, como se foran Moisés para cruzar o mar Roxo, ou o mesmo Iavé: os dirixentes fan un xesto e se é necesario, as augas ábrense, sen máis. Nos titulares, claro!

   Explícome: é que o manter o teito de 1,5 ºC de suba de temperatura media na pequena franxa superficial terrestre onde podemos vivir non é algo que se poda acordar. É algo que se pode traballar para facer, pero non vale dicir 'ata aquí', e quedarse tan panchos. Polo que parece, no corpo da noticia dise, o que ‘lograron’ no G20 é un acordo entre eles para encarar o cumio de Glasgow cun núcleo de postura común fronte ó cambio climático, que xa é algo, pero nada máis, e polo tanto, ‘ben pouco’.
 
   E nada máis, porque segundo as proxeccións vixentes, teríamos que reducir en menos de 10 anos as emisións netas de dióxido de carbono a 0. E aínda así non estaría asegurado o obxectivo de que a Terra non rebasase os 1,5 ºC máis da referencia fixada. Que esa é outra, pois se consideramos ‘1,5 ºC máis que a media do ano pasado’, do que estamos a falar é doutra cousa. E mentres, os países están tirando en sentido contrario, como se pode ver non só en China ou Australia, lugares que nos seguen a parecer exóticos polo afastado no globo, senón tamén en España. Ou non se está a preparar de novo a Central térmica de As Pontes para funcionar, despois de ser pechada por contaminante? Atención: si, xa sei que se esgrimen razoamentos para facelo. E anda que non houbo protestas no seu día polo peche, encarado, nunha economía capitalista sen alternativa (a TINA, ‘There Is Not Alternative’ de Ms. Tatcher), como unha brutalidade contra a xente que dependía da fábrica. Pois agora xa vai volver a estar en marcha, a seguir contribuíndo ó cambio climático global, pero podemos estar contentos: lográronse salvar por un tempo os empregos correspondentes, e o sistema económico. Porque, se é difícil loitar contra unha crise (neste caso climática, á que polo momento se lle está a prestar máis atención dentro do conxunto de crises que se aveciñan), máis difícil o é facelo sen querer cambiar o sistema económico, o status social da minoría con máis poder ou o incremento continuado do consumo.
 
   Proba a loitar atado de pés e mans contra unha fera que se está a achegar... Esa é a situación, pois esa sería unha situación persoal equivalente á que está a sufrir a nosa sociedade no conxunto do planeta. Cunha constatación: as ataduras de pés e mans son autoimpostas, e como sociedade podemos desfacernos delas para ter máis probabilidades de éxito. Pero, saberemos vivir sen ataduras?

20210829

Ribadeo tamén é mundo, e o que fagamos en Ribadeo facémolo no mundo...

Aínda con críticas que se lle poden facer (duración das series, única estación, elección de comezo e final) a gráfica amosa un incremento de temperaturas e maior frecuencia extremos.
 
Ribadeo tamén é mundo, e o que fagamos en Ribadeo facémolo no mundo...

   Unha das dificultades que ás veces, mesmo de xeito imperceptible, temos na narrativa da evolución actual do mundo (por exemplo das crises mundiais) é o ver os feitos como 'do resto do mundo', non 'nosos': somos incapaces de concebir que esa totalidade nos abrangue tamén a nós. Por iso necesitamos subxectivalos na nosa proximidade para facelos nosos, manexables (e imaxinables) no noso entorno. Non sempre é doado, e non sería a primeira vez que unha tendencia local parece contradicir a tendencia que nos avisan como global. Pode darse o caso durante un tempo nalgúns lugares, antes de que remate afectándolles a tendencia global. De aí a importancia de resaltar as tendencias con sentido (neste tempos podemos dicir 'con sentidiño' en troques de 'con precaución' ou semellante)  e con explicación abondosa para que sexa comprendida non como invalidación da tendencia xeral, senón como algo particular e pasaxeiro.
 
  Hai xa tres anos (o 20 de agosto de 2018) que Greta Thunberg comezou as 'folgas escolares polo clima'. Dende aquela, e cada vez máis, escolares de todo o mundo lembran os venres de cada semana que estamos provocando unha catástrofe climática, e que, en troques de procurar solucións, estamos a dilatar a toma de decisións e actuacións cruciais por intereses que algúns chaman económicos pero que estimo máis conveniente etiquetalos como gananciais, é dicir, de lucro de determinadas entidades e persoas que as controlan. O último informe do IPCC, déixao claro: soan tódalas alarmas de que nos estamos a cargar este mundo no aspecto climático, ó que habería que sumarlle outros aspectos necesarios para a vida no planeta como a perda de biodiversidade.
 
   Nestes días de agosto, a cornixa cantábrica sepárase da temperie ibérica para formar outro conxunto climático que atrae xente pola suavidade do clima e a rabia doutra xente (ás veces, da mesma!) pola necesidade de nubes para facer posible esa suavidade.     Recollendo unha vez máis o dito 'pensa de xeito global, actúa de xeito local' que leva a un maior rendemento das nosas accións individuais, que é o que significa iso do quecemento global?, en que se traduce para Galicia ou para un dos nosos pobos, poñamos Ribadeo?

   En Ribadeo, a tendencia no que levamos de século (de setembro de 2001 a agosto de 2021), vese que, tanto das temperaturas máximas rexistradas no mes como das mínimas, é a aumentar. E aínda máis: dentro da pouca significación estatística que ten unha única estación meteorolóxica nunha serie aínda que sexa de 20 anos como é o caso, podemos fixarnos en que as temperaturas máximas aumentan máis que as temperaturas mínimas. A tendencia indica que as máximas aumentaron 1,8 ºC de media, mentres as mínimas só o fixeron 1,3 ºC, en consonancia co aumento observado de fenómenos extremos a nivel mundial. Iso é unha manifestación local dun fenómeno global: o aumento das temperaturas e dos extremos climáticos. Si, o clima tamén está a cambiar no teu pobo.

20201211

SOCIALISMO EN EUROPA 2020 (Editorial Laiovento 2020). Por Evaristo Lombardero Rico

SOCIALISMO EN EUROPA 2020 (Editorial Laiovento 2020)

    Xabier Pérez Davila (Bueu, 1957) é un economista, residente en Vigo, que ven de publicar, baixo este tiduo, un traballo de máis de cincocentas páxinas, que vai ser referente obrigado nos próximos anos, sobre a necesaria transición ao socialismo e a madureza deste proceso en Europa.

    A tese central deste autor resúmese na idea de que a concentración do capital en poucas corporacións transnacionais e a planificación, tamén centralizada por medio dos modernos algoritmos informáticos, facilitan a socialización, por vía democrática, deste conxunto de superestruturas. A mercantilización neoliberal que colleu pulo tralo golpe de estado que derrocou a Salvador Allende e a desintegración da URSS está conducindo ao mundo as crises económicas encadeadas, ao esgotamento dos recursos primarios, ao deterioro ambiental irreversibel e a unha sobreexplotación das clases traballadoras que elimina, na práctica, todas as conquistas do movemento obreiro plasmadas no dereito laboral, derrogándoo de feito.

   Pola outra banda a tradición democrática europea, a formación científico-técnica dos traballadores e o esgotamento dos paradigmas tecnodesenrolistas que mantiñan a utopía do desenvolvemento contino baixo o sistema ultraliberal conducen inexorablemente á concienciazon social que non é mais que a toma de contacto ca realidade cotián en tódolos paises europeos. En contra das teorías que apuntan á desaparición das clases sociais, os números contantes e sonantes que analiza o autor revelan que a asalarización masiva das últimas décadas supera amplamente a tódalas fases anteriores do desenvolvemento industrial. Que agora se presenta baixo formatos diferentes no que atinxe aos modelos de estrutura empresarial pero cos mesmos ou peores resultados no que atinxe ao rendemento do traballo para as clases dependentes e ao incremento da apropiación da mais-valía para as elites dominantes. Elo unido a que a financiarizazón da economía non só non aporta valor engadido, senón que, pola contra, produce un efecto bumerán que transmite as suas crises aos sectores industriais, agrícolas, comerciais, etc, que son os verdadeiramente productivos de riqueza. Como di na contraportada: “O capital móstrase incapaz de reconducir a crise ecolóxica e frear o aumento da temperatura global, poñendo en perigo a existencia dunha sociedade humana civilizada”.

    Debe suliñarse tamén que o traballo de Pérez Davila encádrase no eido da investigación socioecómica e análise de datos cuantitativos perfectamente identificabeis por medio de mais de cincocentas citas bibliográficas, que supera amplamente o modelo de ensaio de opinión aos que nos teñen afeitos distintos autores nos últimos anos. Realmente trátase de unha aportación verdadeiramente novidosa que enriquece a bibliografía disponible, atreveríame a dicir a nivel mundial. Aplica a teoría marxiana do valor ás modernas estruturas do sistema neoliberal, pero fuxe de calquer doctrinarismo ou tentación panfletaria. De redacción sinxela e directa, faise de lectura doada e accesible a un nivel básico de formación. Mesmo diría que moitas persoas con ideas políticas discrepantes, pero con sensibilidade social poderían disfrutar da sua lectura e seguramente compartir unha gran parte dos contidos.

    En resumen, as propostas do autor recollen as principais demandas que foron abrollando nos últimos decenios. Unha sociedade onde os dereitos políticos e económicos das grandes maiorías prevalezan sobre a cobiza do capital transnacional, onde a crise enerxética e medioambiental e o quecemento global sexan superadas pola planificación basada en estructuras democráticas e nos coñecementos científicos, onde o modelo patriaracal pase definitivamente aos libros de historia e onde a especie humana enfronte un futuro de paz, xustiza e democracia para o desenvolvemento progresivo das suas capacidades.

    Para rematar quixera suliñar a sensación persoal de que o traballo de Xabier Pérez ten a dupla virtualidade de promover o debate e concitar o consenso. Lonxe de presentarse como un protocolo de actuacións recomendabeis, aporta unha serie de materiais, análises e documentos que convocan ao continuar no estudo e traballo colectivo para acadar non a solución utópica revolucionaria, senón as alternativas prácticas e realistas a crise global onde poden ter acollida todos e todas as que queiran participar.

    E non o menos importante: escrito para o mundo en lingua galega e dende Galicia.

Evaristo Lombardero Rico.

Ribadeo, 9 de decembro de 2020. 

Nota: esta entrada foi posta de novo en estado de borrador o 12 de decembro de 2020.

20201027

Anuncios lonxe, efectos preto. E nós, chupando o dedo.

Anuncios lonxe, efectos preto. E nós, chupando o dedo.

   Coinciden na prensa novas sucedidas lonxe, pero con efectos aquí, con efectos que nos afectan. O mundo é un pano. Ás veces, demasiadas, un pequeno pano de lágrimas.

    Parece que por fin vai estendéndose a idea de que hai que coidar o noso planeta, e pouco a pouco tradúcese en declaracións. Declaracións que estamos afeitos a que sexan papel mollado en foros internacionais que se organizan para iso, para que as elites podan figurar dicindo o que lles parece que queremos escoitar. Semella que as verbas 'móllanse menos' en tódolos sentidos, tanto os líderes para emitilas como na resistencia ó paso de palabra a obra, cando as di un 'líder' (con todo o malo e se cabe, bo que pode ter a palabra) fóra dunha xuntanza internacional e sen ser interpelado para que faga unha declaración tal. Pasou hai uns días cando o máis alto mandatario chinés anunciou que o seu país, principal contaminante mundial na actualidade, tería unha pegada de carbono neutra para o 2050. Seguro que na declaración quedan algúns bordos que poden permitir saírse pola tanxente a quen fixo a declaración e ó país que debería levala a cabo, pero algo é algo, e máis aínda polo efecto tractor que pode ter cando quen a fai é o presidente dun estado como o chinés. Efecto tractor que pode ter arrastrado xa a outro país por boca do seu primeiro mandatario: onte fixo o mesmo tipo de declaración) o novo líder xaponés, outra nación que depende do petróleo en grande medida, confrontada con China en múltiples campos, e veciña, como dicimos en Ribadeo, 'mar por medio'. Como estados individuais serían o segundo e terceiro en potencia económica a nivel mundial, se a China non é xa de xeito efectivo o número un. E en que nos afecta? Pois a grandes trazos, de cumprirse, reduciría o aumento do dióxido de carbono na atmosfera á metade do ritmo actual, coas implicacións no quecemento global que iso ten. Naturalmente, 'a cousa', o aumento da temperatura global, é máis complicada como para tentar despachala dun plumazo, e entre outras moitas variables, o resultado dependerá do ritmo co que se comece a traballar paras cumprir coa declaración feita... pero repito unha cousa que xa dixen: algo é algo. E o recoñecemento público voluntario leva consigo un impulso para o cambio de mentalidade global, tamén teu e meu, nun feito que xa está a ter graves implicacións no xeito de vida da poboación mundial.

    No mesmo xornal que vexo o anterior, un titular anuncia que a campaña presidencial de Trump vai vento en popa, cun discurso onte de hora e media do que comenta que o "President Trump made 131 false or inaccurate statements". Pódese dicir algo como 'é Trump, que esperas, que non diga mentiras?' Pero o caso é que o presidente norteamericano sería algo así como o buque insignia: ó longo do mundo parece ser máis e máis común que a xente, 'o pobo', pase das mentiras dos políticos, que se toman ben como verdades divulgadas a base de propaganda, ben como paso ‘necesario’ para a consecución do mandato, ou como algo natural para desprestixiar ó contrario e prestixiarse un. Iso, por máis de que se poda dicir dalgún político que é honrado e consecuente no seu dicir e facer.

   Así pois, neste tempos, e enfrontado o dito no segundo parágrafo co reflectido no terceiro, con que nos quedamos? Coa esperanza? Coa esperanza, en que?

20160104

O quecemento global, dende Ribadeo

Nun artigo anterior deixei esta gráfica, representando a media de temperaturas, en ºC, ó longo de cada ano do que vai de século en Ribadeo:

Da unha idea de que a temperatura media ten subido en Ribadeo ó longo do século, axustada, algo máis de 0,4 ºC. Dito así, non parece gran cousa. Pero a percepción varía se o miramos doutro xeito. Por exemplo, os días nos que nalgún momento se pasou de 25 ºC en Ribadeo ó longo dun ano. Corresponde á gráfica seguinte:
Nela pódese ver que a media, no que vai de século, pasou de 6 días a 17. É dicir, case un día máis por ano Ribadeo ten temperaturas que nalgún momento sobrepasan os 25 ºC...
E máis visible aínda é a terceira gráfica que deixo, correspondendo cos días de cada ano nos que Ribadeo tivo nalgún momento unha temperatura por baixo de 3 ºC. Neste caso, pasouse dunha media de 23 días por ano a comezos de século a 5 días por ano agora. É dicir, ata o momento, no que vai de século, de media, cada ano Ribadeo tivo un día menos con temperaturas menores de 3 ºC. Naturalmente, este índice deixará de ter validez en breve: non haberá un número negativo de días con temperaturas menores de 3 ºC...
Por que elixín 3 ºC e 25 ºC? Porque a media de temperatura anual estaba cando decicín facer a comparativa case no medio, 14 ºC, e unha folgura de 10 ºC deixaba demasiados días para comparar (as variacións relativas non serían tan grandes) e 12 ºC deixaría un número de días totalmente episódicos, máis difícil de contabilizar estatísticamente...
Evidencias do quencemento global? Non, só testemuñas de que en Ribadeo 'non somos menos' e tamén estamos a desfrutar do que xa escoitei cualificar (e puxen nalgún artigo) como galicanarias.

20070305

Educación non gratuíta. Pensamento local e actuación global en Ribadeo


Despois dunha fin de semana, plantéxome se a educación non está minusvalorada por sere gratuíta. É dicir, por sere un servizo público. Coido que o debe ser, pero tamén que é necesario valorizar a importancia dos servizos públicos, que o son precisamente pola súa importancia xeral. E en troques, polo seu nulo ou baixo custe aparente para a súa obtención, parece como se non tiveran importancia ó non ser difíciles de conseguir.
Por outra banda, xa teño falado algunha volta do 'pensa globalmente, actúa localmente' (xusto o contrario do título) en concreto referido ós problemas ambientais. Espero que os programas dos partidos que se presentan ás eleccións en Ribadeo manteñan algo esta filosofía para actuacóns locais, nos próximos anos, respecto ó medio ambiente, contaminación, quecemento global/cambio climático, esgotamento de recursos naturais, ... porque na actualidade, en Ribadeo e en moitos lugares, ocorre no contrario que nalgunhas cidades dos EEUU: alí, o goberno central pasaba do tema, mentras que algunhas vilas toman medidas. Aquí, aínda que tímidamente, o goberno central parece que toma algunha medida, pero nas vilas moitas veces pénsase de xeito reduccionista, a nivel local, e téntase de actuar como se o mundo se centrara na vila, pasando logo dos problemas que non sexan específicamente locais. Os dous temas de hoxe están relacionados...
A foto, dun aspecto da propaganda relacionado con Ribadeo: unha fronte sen construír na avenida de Asturias, chea de cartelería de alcohol, teatro e celebracións. Por certo, o anterior lémbrame que de novo o sábado o concello incumpriu a súa propia norma sobre ruidos (*), anunciando Donapubli o hiphop no auditorio a altofalante batinte.
(*) Para quen non esteña informado, a norma di algo así (traducido a román paladino) como que se usará o anuncio sonoro en casos excepcionais cando sexa manifesto o interese público.

20070813

Parece contraditorio


Pareceo. Hai novas periódicas sobre o día da bicicleta, pero non vin desenvolverse por aquí pistas para bicis. Periodicamente lanzo a idea, e parece que terei que seguir facéndoo, para ter vias para bicis en Ribadeo. É un pobo que é chan na zona urbana (na maioría da actual) e na parte máis poboada da zona rural, e no que ademais estase a converter en perigoso o ir en bici. Coido que desconxestionaría algo o tráfico, contribuiría a un menor quecemento global, a unha mellor saúde da poboación, etc (as avantaxes poden verse en moitos lugares descritas e en moitos tamén practicadas). O eixe avenida de Asturias/Avda. de Galicia, enlazando con S. Roque polos extremos e pola peonil de tempo en tempo (Ramón González), ligadas polos extremos á zona escolar mediante S. Lázaro e Alfredo Deaño, e ó faro a traverso de Rosalía de Castro e Vilaselán / paseo marítimo - paseo do faro coido que pode ser un comezo doado de deixar habilitado para o uso de bicis e tamén rendible pola cantidade de usuarios.
A foto de hoxe está collida da entrada da Galipedia correspondente a 'Bicicleta'.

20220227

De Ninguén a Don: compañeiros de viaxe, ecoloxistas e outras composturas

De Ninguén a Don: compañeiros de viaxe, ecoloxistas e outras composturas

    A guerra sempre é mala, mais se a hai é porque hai quen a considera un mal menor.

    Na escola estudei Dniéper, Dniéster e Don como os ríos que corrían cara ó mar Negro no que daquela non sabía territorio Ucraíno. Mais Don, ten abondo máis significados que o nome do río. De habilidade a concesión, pasando polo tratamento de respecto, sexa de xeito debido / ganado ou indebido / roubado, herdado, semellado por impostura ou outras posibilidades. E, en moitos tratamentos administrativos, emprégase o título de 'Don' (ou dona) por defecto para calquera persoa. Pode que por iso, para aproveitar o que se interpreta como contraste, haxa quen use a expresión 'Don Ninguén' para remarcar que hai persoas que non se teñen que considerar por moito que poñan algún tipo de Don diante, ou sinxelamente, que poden non considerarse. Entendámonos: non é que non se consideren persoas, é 'como se non se considerasen'.

    Hoxe están literalmente de moda as novas sobre a guerra de Ucraína. Que si Putin, a OTAN, incumprimento de tratados, imperialismo, fascismo, a economía... Cinguíndonos a Rusia e Ucraína, rondan os douscentos millóns de persoas. Pregúntome cantas delas estaban hai, poñamos, un mes, traballando para que houbese guerra. E se precisamente son elas as máis prexudicadas pola guerra. Claro, unha vez comezada a guerra, xa non é tan doado a todos eses millóns saír dela, deixala atrás, ou á beira, zafarse como se nada: o normal é que quen queira facelo sexa considerado como traidor a quen, quen tén agarrado o mango, di que son 'os seus'.

    E iso ocorre en tódolos campos, con moitas guerras que parecen máis incruentas, ben porque non se ven as mortes ou a dor tan cerca no tempo ou no espazo, ou nas noticias.

    De aí que me considere un Ninguén, sen nin tan só o don diante. Iso si, un Ninguén como moitos outros millóns de ninguén. Mesmo os Don son tamén Ninguén, forman parte desa constelación de ninguén que somos as persoas no mundo. Do mesmo xeito, todos somos Don, pois a todos se nos debe respecto. Pero, para non caer na tentación de crer que ese respecto é un privilexio, ou de usalo como arma, o ser ninguén Ninguén, está ben. Un ninguén máis.

    Ser persoa (coma ti) implica ter moitos compañeiros de viaxe neste mundo, queridos ou non, de ideas parellas ou opostas, pero compañeiros na sociedade. Aí está o intríngulis de quen cre que quere cousas diferentes ás que ti: o facerte crer que estás illado, que non tes contigo máis que a algún despistado e a quen por unha ou outra razón, é difícil que te diga ‘non’. Porque illado es tan pouca cousa que non es ninguén. Mais, Ninguén, pensa que si hai xente coma ti, aínda que non os vexas ou non os identifiques. En relación a unhas cousas, serán uns. Respecto a outras, outros.

    Quen vai parar o quecemento global ou a contaminación? Os ecoloxistas? Necesarios, si, pero sós, non. Os Don? Cos seus intereses inmediatos, non. Entre todos pode ser posible. Isto é, todos os ninguén, coas contradicións que arrastramos entre nós e internas a cada un, conscientes de que tamén temos intereses inmediatos, árbores que non nos deixan ver o bosque. E sabendo que ó final, tamén os Don son ninguén, tamén con moitas contradicións e poucas solucións a estas alturas. Iso, ou non se fará. Igual que para a paz somos necesarios todos, pero para a guerra, chegado un punto, fan falta poucos. Se houbera dúbidas, aí están os ‘botóns nucleares’.

    A sociedade leva poñendo regras dende que existe. Esas regras son cada vez máis complicadas. E non deberan, porque complican a vida. Pero se hai unha carreira cara á complicación, ó menos en parte é porque tamén se procuran cada vez xeitos máis artellados de saltar o espírito co que se constrúen. E iso non soe poder facelo un ninguén dentro deste sistema. Un sistema, como moitos outros posibles, inestable de por si, aínda que capaz de reproducirse se ten recursos. Se os ten.

    Aprecio a moitos Don. Pero non por iso deixo de saber que non deixan de ser, tamén, ninguén. Por sorte para todos. Por sorte para a humanidade.

Ninguén, un ninguén.

20220411

Participación, transparencia, datos abertos

Participación, transparencia, datos abertos

    Metidos nunha dinámica de catástrofes e malas novas, de guerras previstas/imprevistas, inflación, esgotamento de recursos, falta de enerxía, contaminacións diversas, perda de diversidade, quecemento global... esquécesenos, fáisenos invisible outra parte do noso mundo que pode que puideramos comezar a amañar antes, como paso previo para ser máis eficaces na resolución dos outros problemas.

    É case como se estiveran empeñados en facer que o esencial sexa invisible ós ollos, como Saint-Exupéry lle fai dicir ó Pequeno Príncipe. Como se a humanidade da que debemos sentirnos orgullosos quedara reducida a números, a un ‘teño máis’ (vense á mente ‘cartos’, pero poden ser tamén outras cousas). Ou a un ‘non podo ter máis porque...’, e detrás do porque virían eses problemas – sempre de culpa allea, claro, sinalando alguén outro seguindo aquelo de ‘divide e vencerás’ – que fan que cousas como o tempo ou a amizade, na esfera persoal, ou participación e solidariedade, na esfera social, non teñan cabida, non se vexan como posibles máis aló do interese inmediato. E peor aínda, esa dinámica ‘catastrófica inducida’ fai que perdamos ata o concepto e a capacidade de entender o esencial. Algo que se manifesta ás veces en grandes cousas, ás veces en pequenos detalles, e a maioría delas, de xeito invisible para quen as está (estamos) a vivir.

    O anterior veume á mente ó ollar para un anuncio dunha charla sobre datos abertos, no que se nomeaban tamén a participación cidadá e a transparencia da administración. Tres conceptos e actividades sociais. Tres cousas ben diferentes, mais relacionadas. Tres cousas en xeral desatendidas no noso país. E tres cousas que parecen invisibles ós administrados despois de que as administracións tenda a invisibilizalas – como sinónimo de desatendelas ou desprezalas – dun xeito que poderiamos caracterizar como ‘histórico’ polo dilatado período que abrangue. Certo, por poñer unha escala, que os datos abertos son fundamentais na administración para poder exercer a transparencia e ambas, para a participación cidadá.

    Hoxe por hoxe, por coller un campo abondo normalizado e avanzado no proceso de abrir os datos, os datos meteorolóxicos son accesibles dun xeito amplo e aberto en Meteogalicia, correspondendo ó territorio que abrangue. Mais outra cousa diferente é en AEMET, a axencia estatal, onde se se quere acceder, poñamos por caso, ós datos tomados por unha estación meteorolóxica da outra beira da ría de Ribadeo ou a que toma as medicións en terras do noso concello, atopámonos cun límite temporal de acceso que, dependendo das variables, cífrase só en horas. Pasadas as que desaparece a posibilidade de uso ‘tranquilo’. E, se se quere ir máis aló, a máis de trámites administrativos e pago por datos obtidos con cartos públicos por un servizo público, poderase acceder cun certo retardo, ao menos a primeira vez. E é que os datos, para seren abertos, é dicir, para estar realmente á disposición dos usuarios potenciais, non só necesitan estar de xeito nominal a disposición, senón ser accesibles de forma sinxela, intelixibles, e ter un formato que permita usalos de xeito doado.

    Non sei o que farán na charla anunciada, polo demais, como insinúa o anuncio, coido que ben necesaria, nin tampouco a formación que seguirá – algo que tamén se anuncia, que haberá máis -. Mais teño claro a necesidade, non só de formación nestes temas, senón tamén de animación das administracións, para facer unha realidade a apertura, a transparencia, e como un paso máis, a participación. Necesidades para facer real unha necesidade da democracia: a participación da xente. A túa participación.