Remato de ver unha gráfica por enésima vez. Por primeira vez decateime dun detalle dun dato que representa.
A gráfica, as partes por millón de dióxido de carbono na atmosfera,
recollidas nun observatorio limpo de alta montaña nunha illa no medio do
Pacífico: Mauna Loa, nas illas Hawaii. A recollida dese dato faise
dende o ano 1958, e, se collemos como referencia os máximos anuais
(poderíamos coller outra referencia, a variación é desprezable), en 1958
representaba unha concentración de 317 ppm, e en 2019, de 414 ppm. É
dicir, en 61 anos, un aumento de máis dun 30 %. Aínda máis, a referencia
da era pre industrial, por outros estudos, leva a 280 ppm. É dicir, un
50 % máis que ó que estabamos afeitos os humanos ata hai cousa de 200
anos.
Que significa? Pois básicamente, que o efecto invernadoiro
causado polo dióxido de carbono leva aumentado un tercio dende mediados
do século pasado, e a metade máis dende a era pre industrial. Tendo en
conta que o efecto invernadoiro normal permite que nós vivamos sobre a
superficie da Terra ó favorecer un aumento da temperatura media de máis
de 30 ºC, se só contara o dióxido de carbono para este efecto, a
temperatura dispararíase máis de 15 ºC de media, facendo o planeta
inhabitable.
É para botarse a tremer. Se non materializado ese
aumento é por varias razóns. Unha, que ata o momento houbo mecanismos
naturais que capturaron parte do aumento da produción de dióxido de
carbono, evitando que chegara a concentracións aínda máis altas que as
referidas. Efectos que están comezando a desaparecer, como a captura
polo mar, cada vez máis ácido debido ó aumento da cantidade dióxido de
carbono capturado, e máis quente, o que dificulta a absorción de dito
gas. Outra, a inercia da Terra a quencer, que fai que leve retraso no
quencemento aínda que este sexa evidente hoxe por hoxe. A terceira, que
por sorte o dióxido de carbono no é o único gas de efecto invernadoiro,
senón que o metano ou mesmo o vapor de auga, entre outros compostos,
tamén contribúen a dito efecto. Claro que, en relación a isto, polo
momento, o metano tampouco está controlado, e o vapor de auga tende
aumentar co aumento da temperatura, o que non representa moito consolo.
Collendo un vello refrán, a deus rogando e co mazo dando,
encomendémonos, crucemos os dedos e traballemos a favor do control que o
noso planeta intenta manter. Polo de agora, en contra das nosas actuais
accións contaminantes. Pero cedendo cada día un pouco máis fronte ós
nosos ataques á nosa fonte de vida.
20190917
Atacando á Terra. Unha chamada (máis) de atención
20190729
Sobre a contaminación no mar
20240629
ALCOA, UN PROBLEMA PARA A NOSA SAÚDE. Pablo Mosquera
ALCOA, UN PROBLEMA PARA A NOSA SAÚDE
Pablo Mosquera
A incertidume que vive a factoría de Alcoa afecta a todo o legado que deixa detrás súa, incluíndo a “balsa de barros vermellos”, un depósito onde teñen rematado durante cuatro décadas todos os residuos químicos e non químicos despois de limpar a bauxita para extraer alúmina. Esta alúmina introdúcese en cubas electrolíticas que a transforman en aluminio líquido que se leva ós fornos de fundición para crear aluminio primario.
O transporte destes lodos faise en camión por unha estrada local que acusa xa os anos de idas e vidas destes transportes e a súa carga. A zona está cuberta dunha capa de arxilla vermella que en días de vento soe expandirse por todo o lugar, contaminando as parcelas privadas a máis de ocasionar molestias nas mucosas.
Agora, e en previsión dun aumento na produción, a idea é ampliar a balsa para aumentar o almacenamento. “Claro que hai auga nesa balsa de barros, pero é augua procedente da chuvia e de regatos que van a parar alí”. “Esa auga é bombeada a uns depósitos para ser tratada e enviada ó mar a través dun emisario”.
O comité de Alcoa San Cibrao ten informado de que a Consellería de Sanidade catalogou a balsa de barros vermellos (Depósito de barros rojos, DBR) dA Mariña como “residuo perigoso”, polo que agora urxe á compañía a facer inversións para su ampliación.
Nun comunicado, o comité insta a que, á espera do trámite medioambiental, Alcoa aprobe “de forma urxente” a inversión do proxecto de ampliación do DBR ate a cota de 104 metros, catro máis da actual. Esta solicitude do comité procura “comezar de inmediato coa contratación das empresas concesionarias da obra e o acopio de materiais e maquinaria”.
Asociación pola Defensa Ecoloxista de Galicia: “O complexo de San Cibrao é dos complexos químico-industriais máis contaminantes de Galiza e dos que maior pegada teñen sobre o clima polas emisións e os enormes consumos de enerxía que demanda. Consume máis de 3700 GWh/ano de electricidade, o que equivale aproximadamente ao 20% parte de todo o consumo eléctrico de Galiza, ao 65% do consumo eléctrico da provincia de Lugo, e ao total do consumo eléctrico das sete principais cidades galegas. Agora, perante a desaparición da súa principal fonte de enerxía, a central térmica das Pontes, e no marco da transición cara a unha economía descarbonizada, as necesidades enerxéticas de Alcoa terán que ser satisfeitas a partir de enerxías renovables, o cal volvería a condicionar por completo o deseño do futuro sistema enerxético galego e español. Cantos montes, chairas e vales máis teríamos que ocupar con parques eólicos e centrais hidroeléctricas para satisfacer o consumo inxente de enerxía de Alcoa?
No seu proceso de fabricación de alúmina e aluminio, emite compostos gasosos á atmosfera con efectos perniciosos sobre a saúde ambiental e humana, sendo unha das cinco industrias asentadas en Galiza que máis dióxido de carbono emite (1 098 000 tm CO2), entre outros contaminantes: CO 31 000 tm; SOx 3740 tm; NOx 165 tm; HF (fluoruros) 114 tm e 177 tm de partículas PM10, segundo o rexistro estatal PRTR1. Só na fabricación de aluminio emite á atmosfera: CO2 419000 tm; CO 20.600 tm, NOx 207 tm, SO2 3.630 tm, PFC 1,3 tm; Ni 130 kg; Flúor 111 tm , PM10 232 tm.
Non só os sindicatos deben loitar polos postos de traballo. Son ciudadanos residentes na área de influencia da contaminación industrial que verte Alcoa por tierra, mar e aire. Non teñen patente de corso para esixir présa no aumento das dimensións dunha balsa que ten ao menos dous graves problemas. Físico. A acumulación de barros que podan romper o continente e producir unha catástrofe non natural. Eu sempre poño como exemplo lembratorio o que pasou co camping de Biescas, que levaba tempo sendo un risco por esvaramento, anunciado sen o menor cambio para evitar o que sucedeu. Químico. Os compostos que verten ó medio ambiente a transformación da bauxita en alúmina e esta en aluminio.
Non logro aceptar que non se siga unha continuada vixiancia sobre o impacto do medio ambiente na saúde. A Asistencia Sanitaria é unha fonte inmensa de información epidemiolóxica. Pero a máis, os Departamentos que vixían a Saúde Pública dunha Comunidade e as súas comarcas, deben ter moi presente o efecto dos cambios medio ambientais nas enfermidades que se diagnostican e tamén nas causas de morte. Ese aumento do cancro de pulmón que por fin dará lugar a un programa de diagnóstico precoz, como se implantou ou de Próstata ou o de Colon. Aí está a resposta ás sospeitas sobre a relación entre enfermidades oncolóxicas e vertidos procedentes da factoría de ALCOA.
¿E que se pode facer desde a sociedade civil? Non só aqueles colectivos concienciados en defensa do dereito ó patrimonio ecolóxico. As asociacións cidadás deben instar ós Concellos a investigar e persoarse ante ALCOA e esixirlle una información continuada, pero tamén ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, tanto ou máis que ese comité de empresa formado por sindicalistas ós que só parece importarlles o seu emprego e salario mentres disfrutan de privilexios e esquecen os vertidos industriais que se poden ver ou percibir en canto se sae das nosas casas. ¡A súa conduta resulta egoísta!
20200506
Artigos en Crónica3, ata o momento
“Aplausos e primeiro de maio”, por Antonio Gregorio Montes
05-05-20“Signos. Signos de querer o poder e non o traballo que leva consigo”, por Antonio Gregorio Montes
29-04-20“Carlos Álvarez Fernández-Cid, músico”, por Antonio Gregorio Montes
21-04-20“O mercado de Ribadeo”, por Antonio Gregorio Montes
14-04-20“Canto mide Ribadeo?”, por Antonio Gregorio Montes
07-04-20“Sobrepasamos a China”, por Antonio Gregorio Montes
30-03-20“No medio doutra crise”, por Antonio Gregorio Montes
25-03-20“Anticípate á recuperación”, por Antonio Gregorio Montes
16-03-20“Loita contra a España baleirada”, por Antonio Gregorio Montes
11-03-20“Unha necesidade cotiá”, por Antonio Gregorio Montes
14-02-20“Fitur comeza en Ribadeo”, por Antonio Gregorio Montes
30-01-20“Fágase a luz”, por Antonio Gregorio Montes
23-01-20“Sostibilidade, unha palabra”, por Antonio Gregorio Montes
16-01-20“Viaxar ás capitais… dende Ribadeo?”, por Antonio Gregorio Montes
10-01-20“Que non nos enganen: dúas novas económicas que afectan a Galicia”, por Antonio Gregorio Montes
23-12-19“Aquí como en Viena 2019”, por Antonio Gregorio Montes
22-12-19“Polas pensións”, por Antonio Gregorio Montes
19-12-19“A ilusión da arte”, por Antonio Gregorio Montes
14-12-19“A Constitución como nai adoptada”, por Antonio Gregorio Montes
10-12-19“Botando unha ollada ó veciño: participación”, por Antonio Gregorio Montes
21-11-19“300 € por 8,70. Historia dunha viaxe en FEVE”, por Antonio Gregorio Montes
19-11-19“Se non sodes iguais, amosade que sodes diferentes”, por Antonio Gregorio Montes
11-11-19“Elección non rima con bon”, por Antonio Gregorio Montes
01-11-19“En época preelectoral, coidado co xornal!”, por Antonio Gregorio Montes
23-10-19“Os deslumbrados non poden ver o ceo”, por Antonio Gregorio Montes
23-10-19“Fake news, fake economía, fake política… “, por Antonio Gregorio Montes
16-10-19“Clientelismo, caciquismo ou outra cousa?”, por Antonio Gregorio Montes
06-10-19“O clima? Que clima? Nós!”, por Antonio Gregorio Montes
02-10-19“Atacando á Terra. Unha chamada (máis) de atención”, por Antonio Gregorio Montes
18-09-19“Das oito da mañá á democracia”, por Antonio Gregorio Montes
04-09-19“Salvados pola xeografía (e a gravitación universal)”, por Antonio Gregorio Montes
27-08-19“Despois da loita pola construción da residencia de maiores de Ribadeo”, por Antonio Gregorio Montes
13-08-19“Sobre a contaminación no mar”, por Antonio Gregorio Montes
29-07-19“O libro como ferramenta: asociacionismo e cultura”, por Antonio Gregorio Montes
08-07-19“Resistente galego”, por Antonio Gregorio Montes
19-06-19“Eu si votei”, por Antonio Gregorio Montes
05-06-19“Eu non votei”, por Antonio Gregorio Montes
27-05-19“Comparación entre o galego e o vasco en relación a unha celebración”, por Antonio Gregorio Montes
08-05-19“Pensando no traballo no seu día: balsa de lodos de Alcoa”, por Antonio Gregorio Montes
24-04-19“As Catedrais, de xeito periódico: esquizofrenia catedralicia” por Antonio Gregorio Montes
19-04-19“Ribadeo: explosión de ciencia”, por Antonio Gregorio Montes
06-04-19“Grande América, pequena Terra”, por Antonio Gregorio Montes
03-04-19“Sexamos supersticiosos”, por Antonio Gregorio Montes
18-03-19“Que parte de ‘caciquismo’ non entendiches?”, por Antonio Gregorio Montes
18-03-19“A World Wide Web e nós”, por Antonio Gregorio Montes
06-03-19“Mazás”, por Antonio Gregorio Montes
06-03-19Artigo do grupo “Por nuestro faro”
06-02-17Na procura de información
25-11-15Refuxiados? Non! Volkswagen!
27-09-15A AVV O Tesón organiza actividades para a observación da eclipse de Sol en Ribadeo
14-03-15Manifesto da plataforma Ribadeo en Común
03-10-14Beben y beben y vuelven a beber
07-01-14Santo e mártir
24-12-12Que pasa coa herdanza dos Moreno?
05-01-12Alumnos do IES Porta da Auga interviron no congreso da Asocación de Ensinantes de Ciencias de Galiza
19-11-1116 000 €? Máis ben 160 000 €! (e pico)
11-10-11A Casa da Ría de Ribadeo acollerá dúas observacións astronómicas os días 10 e 11 de agosto
08-08-11Participando (e IV)
09-03-11Participando (III)
28-02-11Participa, coño! (II)
22-02-11Participa, coño!
14-02-11Os 10 anos da Wikipedia e O Tesón
06-01-11E esta noite os reis traerán …
05-01-11…Non había/haberá unhas vidrieiras…? Ideas para a recuperación
14-12-10Ribadeo ten necesidades adultas
06-09-10Os Cocos, pasado e proxección de futuro
30-08-10Ir de xira
16-08-10Medio Ambiente de Ribadeo oferta actividades astronómicas e unha ruta de sendeirismo
05-08-10Os cativos resisten
28-07-10Puro teatro
14-06-10Cabodano sen pena nin groria dalgo que tamén ten afectado a Ribadeo
02-06-10Preto de 10.000 rapaces de 96 colexios de Lugo conmemorarán os Días da Árbore e da Auga coas actividades da Deputación
13-03-1320200526
Da neve en Katmandú. Da realidade do coronavirus en Ribadeo
![]() |
| De mañá sobre a ría de Ribadeo. |
20201027
Anuncios lonxe, efectos preto. E nós, chupando o dedo.
Anuncios lonxe, efectos preto. E nós, chupando o dedo.
Coinciden na prensa novas sucedidas lonxe, pero con efectos aquí, con efectos que nos afectan. O mundo é un pano. Ás veces, demasiadas, un pequeno pano de lágrimas.
Parece que por fin vai estendéndose a idea de que hai que coidar o noso planeta, e pouco a pouco tradúcese en declaracións. Declaracións que estamos afeitos a que sexan papel mollado en foros internacionais que se organizan para iso, para que as elites podan figurar dicindo o que lles parece que queremos escoitar. Semella que as verbas 'móllanse menos' en tódolos sentidos, tanto os líderes para emitilas como na resistencia ó paso de palabra a obra, cando as di un 'líder' (con todo o malo e se cabe, bo que pode ter a palabra) fóra dunha xuntanza internacional e sen ser interpelado para que faga unha declaración tal. Pasou hai uns días cando o máis alto mandatario chinés anunciou que o seu país, principal contaminante mundial na actualidade, tería unha pegada de carbono neutra para o 2050. Seguro que na declaración quedan algúns bordos que poden permitir saírse pola tanxente a quen fixo a declaración e ó país que debería levala a cabo, pero algo é algo, e máis aínda polo efecto tractor que pode ter cando quen a fai é o presidente dun estado como o chinés. Efecto tractor que pode ter arrastrado xa a outro país por boca do seu primeiro mandatario: onte fixo o mesmo tipo de declaración) o novo líder xaponés, outra nación que depende do petróleo en grande medida, confrontada con China en múltiples campos, e veciña, como dicimos en Ribadeo, 'mar por medio'. Como estados individuais serían o segundo e terceiro en potencia económica a nivel mundial, se a China non é xa de xeito efectivo o número un. E en que nos afecta? Pois a grandes trazos, de cumprirse, reduciría o aumento do dióxido de carbono na atmosfera á metade do ritmo actual, coas implicacións no quecemento global que iso ten. Naturalmente, 'a cousa', o aumento da temperatura global, é máis complicada como para tentar despachala dun plumazo, e entre outras moitas variables, o resultado dependerá do ritmo co que se comece a traballar paras cumprir coa declaración feita... pero repito unha cousa que xa dixen: algo é algo. E o recoñecemento público voluntario leva consigo un impulso para o cambio de mentalidade global, tamén teu e meu, nun feito que xa está a ter graves implicacións no xeito de vida da poboación mundial.
No mesmo xornal que vexo o anterior, un titular anuncia que a campaña presidencial de Trump vai vento en popa, cun discurso onte de hora e media do que comenta que o "President Trump made 131 false or inaccurate statements". Pódese dicir algo como 'é Trump, que esperas, que non diga mentiras?' Pero o caso é que o presidente norteamericano sería algo así como o buque insignia: ó longo do mundo parece ser máis e máis común que a xente, 'o pobo', pase das mentiras dos políticos, que se toman ben como verdades divulgadas a base de propaganda, ben como paso ‘necesario’ para a consecución do mandato, ou como algo natural para desprestixiar ó contrario e prestixiarse un. Iso, por máis de que se poda dicir dalgún político que é honrado e consecuente no seu dicir e facer.
Así pois, neste tempos, e enfrontado o dito no segundo parágrafo co reflectido no terceiro, con que nos quedamos? Coa esperanza? Coa esperanza, en que?
20080701
Cifras e letras
350 moteiros. Esa foi a cifra aproximada dos que se achegaron a Ribadeo este fin de semana pasado. algún máis quedou fóra da organización, pero estivo. O próximo ano espéranse 500. Se non collín mal os datos, motos, algo menos. Entre 200 e 250 poidéronse ver polas rúas. A metro e medio de ancho de aparcamento corresponden 375m lineais, ou sexa, unha rúa de 187,5m polas dúas beiras. Como a beira da praza de España que linda coa ofina de Turismo, onde foi establecido o 'cuartel xeral', ten uns 90m, facíalles falta outro tanto, motivo polo que colleron o parque. Ben esto a colación porque fixen as medidas correspondentes a raíz de que varios cidadáns se me queixaran (por eso da asociación de veciños) da oucpación da rúa. É dicir, pódese discutir a existencia da concentración moteira, pero alomenos neste caso, non a organización, guste ou non (os que estamos afeitos a ter que dar rodeos para poder entrar ou saír da casa co coche coido que sabemos ben a diferencia).
1150, ese parece ser o número de alegacións ó Plan xeral de Ordenación Municipal. Se mal non lembro, a vez pasada que se chegou a este estado a cousa andaba polas cincocentas. Dende aquela pasaron uns cantos anos, a poboación medrou, o espabile da xente tamén, o apio dos partidos ás alegacións tamén, a preparación da xente coido que tamén o fixo, ... o que nos leva a que máis dun ribadense (ou unha) de cada nove presentou alegación. Considerando ademáis que moitos recén chegados, sen propiedades polo momento, parece lóxico pensar que non as presentaran. Se consideramos familias, a cousa aínda está abondo máis extendida: máis dunha familia cada tres ten presentado alegacións. Considerando que é un plan de consenso político, parecería raro, pero así é. Gustaríame botar unha ollada así por de riba a unhas cantas, para confirmar sospeitas que teño.
O mundo consume 160.000L de petróleo por segundo, segundo unha noticia que lin este fin de semana. Parece moito? Saen as contas se se contabiliza o número de barrís de petróleo producido diariamente e se divide a súa capacidade entre os segundos que te o día. Ese consumo fai unhas 500.000 toneladas de petróleo consumido cada hora, o que, tendo en conta que non e'un recurso renovable, debera abondar para poñérmonos a tremer tanto polo momento no que se acabe (na realidade, polo momento no que o tirón de consumo non se de enchido coa producción, algo que está a comezar) como pola cantidade de contaminación verquida a atmosfera, pois case todo vai para queimar: 'grosso modo', por cada kg de petróleo, prodúcense tres de dióxido de carbono, o que fai preto de medio millón de quilos de dióxido de carbono producidos cada segundo. Que ocupan ... 25 millóns de litros cada segundo!
Claro que os 160.000L de petróleo de cada segundo quedarían un pouco pequenos para o galpón que se pretende en Mirasol, que segundo os meus cálculos andará, unha vez que sexa presentado o proxecto definitivo, por algo máis dos 100.000m3, equivalente ó volumen de petróleo consumido no mundo nun cuarto de hora.

O dito, cifras e letras. Poderíase continuar, pero para desintoxicar, queda a bolboreta, pousada antonte nunha paraxe cementada, a baixada entre o paseo do cemiterio e a vila vella, nese camiño estreito que deixou a urbanización colindante emparedado.
A bolboreta ven acompañada: parece que a obra do parque de bombeiros de Barreiros, que serviría para toda a zona, vai ter licenza, anos despois de rematada. Sería un primeiro paso (non o único, por desgraza) para que algún día o parque comece a funcionar e dar servizo ós veciños.
O que segue sen prosperar é o desmantelamento da leitería de Reme. polo momento, parece que todos estamos de acordo, pero a burocracia é así, ou acaso non está oculto o progreso burocrático relacionado coa nave de Mirasol mentras segue a queimar etapas e non se sabe ata onde vai chegar?
Deixo a continuación o programa das xornadas de medio ambiente, non se lembrar que se poden ampliar:





20191002
O clima? Que clima? Nós!
Tempo ten pasado dende que a unha relixión se lle ocorreu meter nun libro, o da Xénese, aquelo de 'esparcídevos e dominade a Terra'. Aínda faltaba para que Darwin explicara a supervivencia das especies ou para que se poidera seguir a expansión da raza humana por todo o planeta. E polo tanto, para ver cumprida efectivamente a profecía do dominio sobre a Terra. Un dominio que ten levado a que creamos como se nós non formáramos parte desta Terra que andamos a dominar. Aínda estamos a caer na conta que litro de petróleo que se colla e queime é litro de petróleo menos que temos para mañá, pero tamén uns 1500 L de dióxido de carbono que se lanzan á atmosfera, a máis de calor que lle metemos ó medio ó queimar, e calor que facemos que se acumule ó non poder despedilo ó espazo, entre outras cousas. Como cativos sen control cun xoguete novo (cada vez menos novo, cada vez máis descontrolado) e complexo (con complexidade aínda por descubrir) xogamos con el como se non tivera fin, ata que nos cansemos ou 'se canse', se estropee.
E xa hai tempo que comezou a funcionar peor. Abres o xornal, e é raro que non atopes calquera día con novas 'illadas' como as que atopo esta mañá: 'Un glaciar no Mont Blanc, ó bordo do derrube', onde a nova salta máis que nada polo peche de estradas afectadas, ou 'A suba do nivel do mar ameaza con contaminar os acuíferos das zonas máis secas de España', onde a preocupación tamén é a consecuencia: a falta de auga para seguir o ritmo que se impón á natureza. Preocupados polas consecuencias, está tardando a viraxe á preocupación polas causas, necesaria para evitar a desfeita, e máis aínda cando as causas interfiren coa nosa vida máis inmediata. Aí temos, tamén estes días, con moita máis difusión mediática, os peches da planta de alúmina-aluminio en San Cibrao, cara ó que se vai, ou o peche da central electrotérmica das Pontes, anunciado. Moita máis difusión mediática porque afecta directamente ó emprego, e á riqueza, tal como se concibe de xeito maioritario hoxe en día. Sobre a xestión da planta de alúmina e os perigos de que a dirección emigrara xa alertou hai tempo xente (como Isaac Díaz Pardo na Voz de Galicia, o 7 de febreiro do 1998), aínda que neste caso a relación coa emerxencia climática non é máis ca unha mínima parte do perigo pola balsa de lodos, e -simplificando- o peche virá cando as regalías a Alcoa sexan inasumibes para garantir unha rendibilidade elevada. Nas Pontes, o impacto da empresa sobre o medio é máis visible a curto prazo, e directo: a planta é o principal foco individual de emisión de gases de efecto invernadoiro na península. Mais, en ambos casos, o sistema económico político viu ignorando as causas, e agora resulta difícil (máis ben imposible) combatir os efectos.
Cousas como estas, con efectos bruscos, fondos, e máis achegados a nós, son as cousas que están sacudindo o xeito de pensar ó presentar, de súpeto, un calexón sen saída. Son as cousas que rematarán sacudindo o sistema ante a necesidade de colaboración e distribución en tódolos sentidos, ante a supervivencia. Cousas que levaron á concentración de Ribadeo a contar cunha asistencia entre 200 e 300 persoas (segundo que se conten ou non as incorporacións eventuais) e a ser un éxito de cara ó comezo dun cambio necesario na bisbarra.
Quedan anécdotas como que unha parella de policías locais presentouse insinuando que a concentración non tiña autorización (e entón, a ver que se facía coa interrupción da vía pública que se estaba a dar), para rematar asumindo que nin Alcalde nin Xefe da Policía Local parecían estar enterados (e o que había que facer estaba moi claro, axudar a que todo transcorrera ben). Pero son anécdotas, o mesmo que a propia concentración, ante a magnitude do problema, que en Ribadeo xa levou a un aumento da temperatura media anual de 0,6 ºC no que vai de século. Considérase que sería un desastre chegar a un incremento de 2 ºC a nivel global sobre a media do século pasado, e ese aumento significa que xa levamos case a metade, pois a finais do século XX xa se tiña comezado a carreira cara arriba.
Venme á cabeza aquelo de 'a Deus rogando, e co mazo dando', que neste caso implica non só facer as cousas de xeito diferente, senón ir abondo máis aló, mesmo decrecer, algo que o sistema, tal como está concebido e funcionando, non permite.
20220117
Consumo, recursos, servizo
Estamos afeitos a mirar as cousas dun determinado xeito, e moitas veces é difícil sacarnos de aí para ter outra visión máis ampla, para poder ampliar a nosa base de pensamento. Como cando dicimos 'macrogranxa' e non imaxinamos que, poñamos, 7000 cochos xuntos podan producir tanta merda ou mexos como toda a vila de Ribadeo, ou de Vilalba. Iso, sen aprezar tampouco a diferenza que supón que a extensión das vilas sexa moitas veces superior á extensión das granxas, cos cochos semiinmobilizados e xuntiños de xeito que iso da 'separación social' que empregamos contras os contaxios na sociedade humana é un imposible que leva á xeralización da medicación dos cochos que nos van servir de alimento. Ou que o sistema de saneamento dunha granxa teña pouco que ver co sistema de saneamento dunha vila comparable en volume tratado. Ou o de limpeza nas habitacións e aseo persoal co de limpeza nas xaulas (si, xaulas) e aseo dos porcos. Pero, como iso das macrogranxas entrou en campaña electoral, podemos mirar artefactos máis próximos a nós. Poñamos, un coche.
A ver se me explico. Collo un coche que coñezo, o meu actual. Vai vello, aínda que ten resultado moi bo e de baixo consumo. Leva case 400 000 km ás costas ó noso servizo, e se fose persoa, xa tería sido chamado a votar algunha vez. Para chegar a ser, foron necesarios uns 1400 kg de diversas substancias, a meirande parte, ferro. Unha masa case vinte veces a miña e un ferro que, por certo, tivo que viaxar, que ser transportado, milleiros de km antes de chegar a ser coche, pasando polas fundicións, claro. Curioso que, mercado novo ó peso, custara uns 10 €/kg. Abondo máis caro que calquera alimento 'normal' daquela.
En todas as viaxes que fixo foi abondo frugal: calculo que 'só' consumiu uns 20 000 L de gasóleo, 17 000 kg. Para facernos idea, un camión cisterna. Un peso de combustible máis de 200 veces o meu. Unha cantidade equivalente a pouco menos da metade da cantidade de auga que bebe unha persoa na súa vida duns 80 anos, catro veces máis lonxeva que o coche. Combustible que tivo que manufacturarse (co conseguinte consumo enerxético) e traerse tamén de varios milleiros de km de distancia. Por certo, só a cantidade de dióxido de carbono que lanzou a atmosfera en todo ese tempo sobrepasa as 54 toneladas, ou, en volume no aire, os 27 millóns de litros, 27 000 m3 (unha ‘piscina’ de 100 m x 100 m cunha profundidade uniforme de 2,7 m). As outras cousas que emitiu non sabería calculas todas.
Claro que, 400 000 km de servizo supoñen, de haber estrada, 10 voltas á Terra polo ecuador ou polos polos. Ou a distancia á Lúa e algo máis. Ou, camiñando a unha velocidade nin rápida nin lenta, 100 000 horas: a oito horas diarias, uns 33 anos. Dito doutro xeito, para emular o recorrido, tería que ter camiñado unha xornada laboral un día de cada dous dende que nacín. E teño claro que moitas veces non podería levar a carga correspondente comigo...
Ou sexa, un grande servizo dunha marabilla tecnolóxica, por moito que haxa outras máis marabillosas e actuais. A costa dun consumo de recursos para un cuarto dunha vida humana que podemos dicir que marabilla tanto como que espanta.
20080306
Aleluia!

As expresións de xúbilo son contaxiosas. Iso espero que pase ista volta. Non coa cabeceira da entrada, senón coa súa causa: resulta que se poñen a investigar o como está a acción humana diminuíndo a riqueza das rías. Pode que se diga, como outras veces, que para iso non fan falta moitas alforxas, pero o caso é que mentres se sabe que están mermando, o como é algo máis complicado, e pode dar lugar a unha concienciación maior pola conservación do medio ambiente e en particular do das rías. Por iso, aleluia!, aínda que esteña centrado no marisqueo, segundo parece, pois todos sabemos aínda que non nos queiramos decatar, que as cadeas de dependencia que se establecen na natureza son ramificadas e polo tanto se se fai ben o estudo, sairán moitas máis cousas, moitas máis dependencias e necesidades vitais das rías.
Non é doado afacerse á idea: resulta que só pola electricidade consumida, tocamos a preto de 8 toneladas de dióxido de carbono emitido a atmosfera por cada 'españoliño de a pé'. É moito máis doado refuxiarse no teatro como manifesta a xa célebre foto da peli 'Os mortos van apresa' con políticos facendo de curas, mentras no 'mundo real' os curas se meten a políticos.
Mentras, tamén ocorren outras cousas no mundo da políticoeconomía. Así, despois de dar xa hai preto de dous meses a primeira nova dunha suspensión de pagos no sector da cosntrucción mariñán, hoxe mesmo pode verse como as obras do novo edificio do CIFP Porta da Auga (resultado da escisión do IES ribadense) están paradas. As empresas subcontratistas deixaron o tema despois de non recibir cartos dende hai tempo. Parece que o encargado, por exemplo, non cobraba dende hai varios meses. Como soe suceder, cantidades concretas e demáis, son difíciles de comprobar, pero o caso é que a obra está parada, e non por falta de licenza adecuada ó PXOM, que aínda non sei de onde se sacou cando no mesmo centro hai un edificio parado por ese tema. Ben, pois agora sae na prensa que Mahía, a promotora do Costal, promoción con convenio co concello da época balbinense, se ten querellado contra o concello por desestimación da promoción. E iso, antes do PXOM que se votará luns. A lembrar que se fixo unha mesa redonda por parte de O Tesón sobre esas promocións que non se consideraron nin desexables nin adecuadas, na que participaron políticos e promotores pero non quixo facelo o alcalde de entón, Balbino.
20201103
Estatísticas
Remato de ver a estatística. Un pouco antes das oito da mañá somos no mundo 7 822 868 455 persoas. Volvo mirar. Xa non, o contador xa vai en 7 822 868 570 persoas. Cando vexas isto, seguro que os números son moi diferentes, mesmo incluída a unidade de millón. Os datos son, naturalmente, aproximados (obtidos de https://www.worldometers.info/). Impactan pola velocidade de cambio. Este ano achegarémonos ós 140 000 000 nacementos e 60 000 000 mortos. Entre outras cousas, iso indica que tanto duns como doutros, cada segundo se producen varios a nivel mundial. Ou que este ano de pandemia, a poboación mundial aumentará uns oitenta millóns de persoas. Cousas da demografía, si, pero con consecuencias de vida.
Noutro momento podemos comentar outras cousas, que da para moito, mais quedome con isto: a nivel mundial, está claro que por moita primacía que a pandemia teña nas novas e nas cabezas neste momento, hai que considerala un tema de segundo orde. Non é capaz, nin moito menos, de dobregar o medre en número da humanidade. E mentres, máis do 10% das persoas están desnutridas e a estas horas da mañá xa ten morto de fame más xente que a que hai en Ribadeo. Cousa dun quinto do total de mortes a nivel global. Abondo máis que as mortes por coronavirus. E segue aumentando a terra desertificada: no que vai de ano, unha superficie maior que tres veces Galicia, co que iso implica de máis fame para a xente do lugar e máis vulnerable. Mentres, os milleiros de toneladas de dióxido de carbono verquidas a atmosfera aumenta máis rápido que os segundos que pasan (atención, un milleiro de toneladas equivale a un millón de kg!). E con eles, o medrar da temperatura, a desaparición do entorno polar, o aumento da seca ou do nivel do mar...
Non esquezamos tampouco que se hai moita xente desnutrida no mundo, a cifra de xente con sobrepeso é máis ou menos o dobre: só o número de obesos, o estadio superior en canto ó peso, iguala ó de xente desnutrida. Iso da unha idea da desigualdade. Desigualdade que se manifesta en casos concretos, en persoas, e nas súas posibilidades de afrontar unha enfermidade (covid ou outra, non importa) ou os efectos do cambio climático, sobrelevar a calor ou a seca...
Si, certo, temos que loitar contra o coronavirus, convertido en pandemia por acción e deixación humana. E temos que loitar xuntos e cada un. É un problema de todos e de vida ou morte. Mais é sabido que a loita polo momento é paliativa e preventiva. Nos mesmos termos que a loita contra o cambio climático, ou a desigualdade, pero a nivel moito mis pequeno aínda que queden eclipsadas na portada e mesmo cun trato desigual a desigualdade. Coido que quédanos como materia pendente o aprender a loitar xuntos e aprender a vivir. Tamén, a vivir xuntos, non só cadaquén a súa vida.
--
Nota: unha versión lixeiramente diferente está a saír en Crónica3, Galicia Dixital ou Praza.





