Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta deputación. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta deputación. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20160729

Sobre a residencia de maiores. A actualidade dos fondos aportados

 Deixo en baixo unha nota de prensa do concello, sobre a residencia. Foi colgada hoxe mesmo, sobre unha actuación de hoxe, e ven a dicir que todo está ben, que a Deputación vai aportar o medio millón de euros que levan no aire dende que a Xunta dixo que non os daba, e polos que se chegou a temer debido o xaleo na Deputación Provincial no último ano. Supón un respiro para o concello, unha tranquilidade para Ribadeo e tamén unha oportunidade de difusión e aproveitamento como propaganda política, algo que se ve na repetición de cifras na nota de prensa:

"AS OBRAS MARCHAN A BO RITMO 
Residencia de maiores 
29/07/2016 
A Deputación de Lugo aportará os 500 000 euros que a Xunta nunca puxo para rematar a residencia de maiores de Ribadeo. A esta cantidade hai que engadir outra partida de 300 000 euros de fondos propios do Concello, segundo anunciaba esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, que acompañou ao presidente da institución provincial na visita cursada a esta instalación esta mañá. Alí estiveron tamén a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, concelleiros do PSOE e de Ciudadanos e representantes veciñais, todos eles membros da comisión pro residencia de maiores. 
 O rexedor agradeceu a presenza en Ribadeo de Darío Campos: "moitas grazas por estar aquí hoxe e por substituír unha vez máis a quen debera estar aquí. Oxalá hoxe, a parte de Concello de Deputación, estivera a Xunta, pero outra vez máis e xa non sei cantas van volvémola a notar en falla por non cumprir as súas palabras, por non crer desde o principio na residencia de maiores de Ribadeo, porque sempre foi a rebufo de todo, porque finalmente chegou a prometer cousas que nin cumpriu, de feito chegou a prometer unha exigua cantidade de 500 000 euros para quen ten a competencia en Servizos Sociais, que é a Xunta de Galicia, e que despois puxo todo tipo de artimañas e trucos para non chegar a dar ningún céntimo". Suárez Barcia subliñou que "finalmente o Concello tivo que volver a solicitar auxilio da Deputación Provincial para que ao 1 829 000 euros que deu ao principio se sumasen estes 500 000 euros máis que a Xunta se comprometera, pero que non aportou. E polo tanto vai ser a Deputación, a que con diñeiro público de todos e todas as veciñas, se volve acordar de Ribadeo para implementar, para que poidamos rematar a residencia, dotala, equipala e que poida estar en perfecto estado de revista para a súa xestión posterior". 
O alcalde engadiu que "o Concello ten que poñer aínda un diñeiro máis, non chega con ese 1 829 000 euros e eses outros 500 000, aproximadamente calculamos poñer 300 000 euros de fondos propios municipais. Eu creo que deben ser poucos casos, son inéditos, nos que quen ten as competencias non pon un peso e os que non as temos directamente poñemos o cen por cen da inversión. Isto é o mundo ao revés, é un mundo de tolos que non se entende e eu desde logo penso que á Xunta en todo isto debería caerlle a cara de vergoña. Están a tempo de rectificar, porque rectificar é de sabios, pero eu non sei si serán sabios para rectificar nesta situación. Darío agradézoche que veñas aquí como representante da Deputación e que nos botedes unha man, como sempre fixestes ao longo destes últimos anos". 
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, asegurou que "nós recollemos unha proposta hai 4 ou 5 meses, cando nos foron ver os membros da Plataforma pola Residencia de Ribadeo, que tiñan a inquietude polo remate desta instalación. A Xunta tiña un convenio ou algo similar para aportar 500 000 euros e non os achegou, porque saca unha desculpa cada vez que ten aparecer ese financiamento. E nós collemos o compromiso, desde a Deputación, de aportar eses 500 000 euros que a Xunta non achega para rematar a residencia de Ribadeo. Creo que é unha infraestrutura moi necesaria nunha cidade coma Ribadeo, que xa empeza a ser unha pequena cidade e eu creo que ten unha poboación suficiente para ter unha residencia deste calado". 
Campos non entende "por que a Xunta non inviste na provincia de Lugo. Eu creo que desde os anos 70 non fai ningunha praza de residencia pública na provincia. E agora que a Deputación se puxo a facer a súa rede de residencias nós apostamos tamén pola de Ribadeo, que aínda que non a fixo a Deputación nin Suplusa si que a fai o Concello con achega económica da Deputación, que leva investidos durante estes anos 1 800 000 euros; correspondíanlle a esta anualidade 200 000 e súmanse eses 500 000 que a Xunta non aporta e que desde a Deputación vamos achegar para rematar a residencia de Ribadeo". 
E non nome dos veciños e veciñas de Ribadeo, representados na comisión pro residencia de maiores, tomou a palabra José Mª Rodríguez, que agradeceu ao presidente da Deputación o apoio da institución para que esta instalación sexa unha realidade: "o agradecemento de todo o concello á Deputación, sobre todo, porque foi con ela, e sen ela non faríamos nada, como se puido levar a cabo este proxecto tan vital e necesario para o Ribadeo de agora xa. Que conste na túa persoa o meu agradecemento ao ente provincial". 
Cociña, comedor, salóns de estar ou habitacións foron algunhas das dependencias da nova residencia que visitou a comitiva que esta mañá acompañou ao presidente da Deputación, Darío Campos, no seu percorrido pola nova residencia de maiores de Ribadeo."

20180406

Residencia de maiores de Ribadeo: unha encrucillada

Imaxe da sinatura do preacordo/protocolo.

José María Rodríguez, impulsor da construción da nova residencia ribadense

Se un se achega pola páxina web da Deputación Provincial de Lugo, poderá atopar cousas como a seguinte: "Por primeira vez na historia da Deputación, representantes políticos non respectan a representación sindical e tumban un ACORDO UNÁNIME SINDICAL."
É cunha Deputación en certo xeito inesperada coa que terá que lidiar hoxe o acordo xa aprobado polo Pleno municipal o pasado día 23 de xeito unánime.
No seu momento, hai dúas semanas, quedou claro que o si do concello ó convenio marco era un paso na boa dirección, apoiado por toda a corporación, despois de ser asinado un protocolo previo. Agora, ese convenio marco necesita ser ratificado na Deputación para a súa entrada en vigor, a facilitación do deseño dos convenios específicos para as diversas residencias afectadas, e a posta en marcha efectiva deste instrumento de coordinación e financiamento. E ese paso non está nada claro pola traxectoria que levade voltas e reviravoltas a actual Deputación dende as eleccións locais do pasado 2015. Tanto é así que o alcalde de Ribadeo, no seu Facebook, da un aviso contundente onte á noitiña:
Hai poucos días o Concello de Ribadeo, e para honra de toda a Corporación Municipal dos 4 grupos que somos, votamos unanimente a favor do Convenio coa Deputación Provincial para a Xestión da nosa Residencia de Maiores. Un éxitazo de tod@s e un orgullo para todo Ribadeo.
Cal é o seguinte paso?
Pois que mañá celebrarase un Pleno na Deputación para refrendar este mesmo convenio cos seis concellos que o asinamos.
E que pode pasar?
Pois que asistamos ao que a xente do común detesta. A política “de merda”, a política sen contar co pobo, a política noxenta de sempre.
E por que?
Pois ao igual que pasan en algunhas votacións no Parlamento Galego que os deputados dun grupo votan a favor dalgún asunto de competencia do Estado e logo cando ese asunto chega ao Parlamento do Estado, os deputados dese mesmo partido votan o contrario do que os seus compañeiros fixeron.
Pois aquí pode pasar o mesmo. Quizais eu, que ás veces peco de iluso, penso que se todos na Corporación de Ribadeo votan a favor dun convenio inmellorable para @s veciñ@s deste nobre Concello, pois o previsible é que os deputados provinciais deses mesmos grupos políticos voten o mesmo que os seus compañeiros en Ribadeo. Sé isto é así ou non saberemolo mañá. Para iso hoxe convidei expresamente a todos os grupos da Corporación de Ribadeo a ir ao Pleno da Deputación, para presenzar o que os Deputados Provinciais van votar.
Se se perpretra a traizón contra Ribadeo poderei dicir algo que sempre odio que se diga: Xa o dicía eu.
Se ao final todo vai con sentidiño, coa forza da razón, da legalidade e ademais coa debida lealdade aos paisanos e paisanas maiores deste Concello, entón terei que dicir: Son un esaxerado que sempre penso que moitos representantes políticos non merecen estar no cargo que ocupan.
Verémolo. Boa noite e boa sorte.
De xeito independente a que se estea ou non de acordo en todos e cada un dos puntos que o rexedor expón, o temor a que na Deputación, hoxe, despois de ter presentado a mesma Deputación o documento inicial votado o pasado día 23 en Ribadeo e no resto dos concellos afectados, se de unha reviravolta, é unha posibilidade real. De feito, Manuel Martínez, vicepresidente da Deputación e presidente de SUPLUSA -entidade de xestión de residencias da Deputación ata o momento, e cargo de compromiso despois dun difícil comezo do mandato da Deputación-, xa anunciou o seu voto en contra, o que podería levar ó PP a facelo asemade, despois de ter votado a favor en Ribadeo pero absténdose en Trabada. As residencias afectadas polo momento (hai máis, pero están en fase máis retrasada), son, a máis de Ribadeo, A Fonsagrada, Pedrafita, Pol, Ribas do Sil e Trabada.
Esta tarde, a partir das 5, veremos.
--
Actualización despois do pleno:
Despois das 6 da tarde, aprazamento do pleno da Deputación: Martínez dixo que non apoiaba o convenio marco mentres non tivera uns informes. Os concelleiros de Ribadeo (PP exceptuado), Manuel Valín e representantes da plataforma pro residencia asistiron ó pleno.
--
Nova actualización:
Entérome de que será aprobado en Xunta de Goberno, onde o si ten asegurada a maioría.

20190808

Os soldos das corporacións mariñás no pasado próximo

Hai pouco que cambiaron as corporacións locais, e con elas, a distribución de custes a cargos electos dentro de cada concello, datos que polo momento non teño. Mais, a auga pasada, lembrei un artigo de José Alonso na Voz no que collía os datos do Ministerio para detallar o custo das corporacións locais da Mariña no 2017. Sabendo que no detalle pode haber algunha variación, fixen unha táboa, argallei algunha conta con datos do INE e fixen 6 gráficos para ver en retrospectiva o custo dos nosos políticos a escala Concello / Deputación. tentei ver se había algunha correlación entre custes de cargos políticos e poboación, pero non atopei relacións significativas, polo que non incorporo os gráficos correspondentes. Imos aló.
O primeiro, a táboa. Está detallado, para cada concello en euros:
- o que recibe o / a alcalde da Deputación, se ten soldo por cargo nela.
- o que recibe polo concello (asistencia a plenos incluída, pero non dietas e custos de locomoción)
- o total de ámbolosdous conceptos
- o total de cobros da corporación local (asistencia a plenos incluída, pero non dietas e custos de locomoción)
- o total, incluído o cobro da Deputación
- o número de habitantes a 1 de xaneiro de 2018
- o importe por habitante que representan os emolumentos do alcalde (só por cobros directos do concello, nunha columna, e incluído cobro da Deputación, na seguinte)
- o importe por habitante da corporación (só concello, nunha columna, e con cobro da Deputación, na seguinte)
Hai que ter en conta que en calquera caso, os custos nas contas anteriores son asumidos só polos veciños do concello, é dicir, os custos da Deputación non se contan nestas contas como distribuídos entre toda a provincia, o que distorsiona os números pero vai a prol do sentido de cargarlle soldos á Deputación que evitan soldos municipais.
En canto ó cobro dos alcaldes, os dous máis altos están enmascarados polo cobro da Deputación, vindo despois un grupo de poboación abondo heteroxénea, encabezados pola alcaldía de Ribadeo. O Vicedo e Alfoz son casos nos que o alcalde non cobra mensualidades.

A vista varía moito se pasamos ó custo por veciño, co destaque, por goleada, de Ourol.
En troques, se consideramos tamén os soldos da Deputación, volve cambiar o aspecto nos primeiros postos.
Pasando ó conxunto das corporacións, a Pontenova vai en cabeza debido ó soldo da Deputación; sen ese soldo, sería Ribadeo quen ocupara o primeiro lugar:
En cqambio, por veciño, debido á súa baixa poboación e ó soldo do alcalde, Ourol arrasa, considerando ou non os soldos da Deputación:

Datos:
https://www.mptfp.gob.es/portal/funcionpublica/funcion-publica/ispa.html

20180323

Algunhas preguntas (e respostas) sobre a residencia

O pasado día 20, martes, houbo un par de xuntanzas no concello de Ribadeo sobre o estado actual da residencia de maiores de Ribadeo (Comisión da Residencia, cos integrantes da directiva da Plataforma pro Residencia de Maiores, e Xunta de Portavoces do concello). Hoxe haberá un pleno con tema único, ás seis da tarde, para aprobar o convenio marco. E, no medio, algunha incógnita e mesmo contradición aparente.
A prensa deu nova dunha das xuntanzas do martes, en principio, como froito dunha filtración. A nota de prensa do concello foi do día 21 (é dicir, para ser publicado o día 22, onte, un día despois de que saíra a primicia na prensa):
A SESIÓN PLENARIA SERÁ ÁS 18:00 HORAS
Protocolo para a residencia
21/03/2018
O Concello asinou este mediodía coa Deputación de Lugo o protocolo de colaboración para a posta en marcha da nova residencia de maiores da localidade. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que ninguén será excluído de poder ser usuario desta instalación por non ter recursos e dixo que terán prioridade os veciños e as veciñas de Ribadeo. Este convenio marco será debatido no pleno extraordinario que se celebrará, o venres pola tarde, no Concello.
O rexedor explicou que "coa sinatura deste protocolo damos un paso moi importante, un paso de xigante, que se verá ademais refrendado neste pleno extraordinario que teremos este propio venres, para aprobar o convenio marco que regule toda esta colaboración e cooperación que queremos levar adiante entre a Deputación de Lugo e máis o Concello de Ribadeo, para poñer a andar e poñer en marcha nunhas condicións moi boas, tanto para o Concello de Ribadeo como sobre todo para os futuros usuarios e usuarias desta residencia de maiores, deste soño colectivo que todos nos empeñamos hai uns anos en botar a andar, e claro que o imos botar a andar".
Fernando Suárez contou que "tanto este protocolo como os convenios que seguidamente veñen, respectando que a titularidade neste servizo é municipal, queremos colaborar e cooperar coa Deputación, e ela que tamén o quere facer connosco no senso de darnos apoio técnico e económico para establecer un prezo tipo razoable e homoxéneo para todas estas residencias que se integren nesta rede provincial, e ao mesmo tempo para que os usuarios poidan pagalo".
O alcalde de Ribadeo subliñou que "aquel que teña recursos suficientes pagará o que estea establecido, e aquel que non os teña asumirán a diferenza a Deputación e o Concello de Ribadeo. É dicir que ninguén vai ser excluído de poder ser usuario desta residencia porque non teña recursos".
Para o alcalde de Ribadeo "esta é a política de verdade, a política progresista, a política que queren os veciños e veciñas que fagamos os seus representantes políticos, máis aló das cores políticas. No acordo de hoxe éramos de diferentes cores políticas, pero todos estabamos comprometidos a poñer a andar estas residencias marabillosas que están construídas, polo menos no que sei eu a de Ribadeo, con todo luxo e é un hotel máis que unha residencia habitual, pero queremos tamén que sexa sustentable no tempo. Para iso qué mellor que un acordo coa Deputación de Lugo".
Fernando Suárez sinalou que "ao mesmo tempo con outros criterios moi importantes que cambian radicalmente o panorama do que ven sendo a política moitas veces de prazas concertadas da Xunta, dado que con este sistema que nos estamos outorgando terán prioridade os veciños e as veciñas de Ribadeo, seguidamente terano os da bisbarra, e seguidamente, se quedan prazas libres, terano os da provincia. Non é como estas prazas da Xunta concertadas que che dan un servizo de Ribadeo e igual cho dan en Quiroga, ou en Monforte de Lemos, ou nas Rías Baixas. Iso non pode ser porque a xente ten dereito a vivir os últimos anos preto do seu entorno, preto da súa familia sen que o destino sexa a dúas horas de viaxe, como está sendo moitas veces".
O alcalde dixo finalmente que "nos veremos no pleno extraordinario deste venres, e confío que todos os representantes, non soamente o goberno municipal, esteamos a altura, penso que histórica, deste acordo plenario que terá que saír adiante"
O que se presentou o martes son dous documentos diferentes. un Protocolo e un modelo de Convenio coa Deputación Provincial.
O primeiro, o protocolo, foi xa asinado polo alcalde mércores xunto con todos os alcaldes en situación de desenvolvemento dunha residencia de maiores na provincia e en tratos coa Deputación, como folla de ruta a seguir.

A sinatura levou consigo a aceptación desa folla de ruta, e o pleno desta tarde é unha consecuencia, para a aprobación do convenio marco, que todos os concellos asinantes reproducirán hoxe mesmo. O convenio marco que será aprobado é:
- entre concello e Deputación.
- igual para todos os asinantes do Protocolo (por exemplo, forzando unha ordenanza fiscal homoxénea)
- un documento a desenvolver no seu detalle en relación a regulamento, xestión, etc. (ordenanza e regulamento terán que ser aprobados no seu momento no pleno)
- un marco que non soluciona todos os problemas (por exemplo, como será a fonte de ingresos para subvención complementaria -parte do concello- de xente que poda haber de fóra de Ribadeo?)

- especifica na práctica que o sistema de funcionamento vai a ser de contrato por servizos, quedando a coordinación e xestión en mans de concello e Deputación. Algo que por certo non cadraba dentro das súas competencias hai pouco tempo.
- nin protocolo nin convenio especifican os prazos concretos, pero axuda a clarificalos algo, de xeito que, é esperable que na próxima primavera se abran as portas.
- o convenio foi algo longamente discutido, con reviravoltas, ata quedar na situación actual, o que colaborou ó retraso do empuxe das residencias máis avanzadas, entre as que se atopa a de Ribadeo.
O por que do convenio pasa por cousas como a economía de escala (por exemplo, na disposición de persoal especializado ou na licitación de contratos) e esforzo de mantemento: espérase rebaixar o monto total do custe de cada praza uns 200 €, de 1400 a 1200, dos que ata un máximo de 600 €  (ou 75%  da pensión) por residente serían postos pola Deputación, cubrindo o resto de axuda, en caso necesario, o concello. Dese xeito, o concello espera reducir unha previsión de 300 000 €/ano de custe para arcas municipais a só 50 000 €/ano.
Quedarían máis cousa por comentar. Mais dicir só que a dirección será colexiada Concello-Deputación, facendo unha distinción entre iso, dirección, e a xerencia diaria.

20150204

A Residencia de maiores de Ribadeo, a día de hoxe

Mércores, 17:00 horas, rúa Paco Lanza. Un grupo de xente vai xuntándose, e remata por entrar nas obras da residencia de maiores de Ribadeo: son os membros da Comisión Municipal en pro da residencia de maiores, o arquitecto e o vicepresidente da Deputación, entidade que costea o groso da construción.
Un resume das verbas ditas polo alcalde e polo vicepresidente da Deputación Provincial pode verse na web do concello, (ou embaixo transcritas dende esa web). Tamén falou o Presidente da Comisión Veciñal, José Mª Rodríguez, verbas que quedan resumidas no que el mesmo aporta:
Visita as obras da Residencia
Nesta tarde do día 4 de xaneiro a Comisión pola Residencia xirou unha visita ás obras da Residencia. Guiados polo arquitecto municipal fomos comprobando a marcha das obras, a ubicación dos locais que compoñen a Residencia e tódolos avances que se fixeron desde que as obras comezaron.
Todos quedamos moi satisfeitos do bo ritmo das obras e dos traballo da empresa construtora. Marcha a moi bo ritmo e con gañas de acabala neste mesmo ano, cousa que non vai a ser posible porque hai que cumprir os prazos acordados pasa a entrega dos pagos que están suxeitos a uns determinados períodos.
Vamos ter unha boa residencia en Ribadeo. E todo gracias ós veciños, o alcalde e a colaboración dos portavoces dos partidos políticos. Non se pode dicir o mesmo da colaboración do goberno da Xunta porque foi nulo.
A pesares de ter a Xunta a obriga e as competencias da atención a terceira idade, nunca deron resposta as moitas peticións que os veciños lle fixeron en demanda de axuda. Como si non fosemos galegos. Sempre que chamamos as súas portas, oídos xordos. Dentro de poucos meses ben seguro que os gobernantes da Xunta virán a chamar as nosas portas pedindo axuda para poder seguir a gobernar. ¿Estarán dispostos os veciños a abrirlles as portas? Ben seguro que se han de acordar daquel refrán que di: “Mans que non dades, que esperades”?
Mentres, algún dato máis? 590 000 € invertidos no 2014, 700 m2... A residencia levará unha altura de teitos de 2,40 m nos pisos e 3 m na planta baixa, contará con 3 ascensores (2 de uso xeral +1 como montacargas). As habitacións (dobres) contarán cun gran ventanal ó exterior, encadradas no espazo entre columnas que se pode ver na foto, cun corredor de distribución entre elas de 2,50 m de ancho... embaixo tamén están os planos para lembrar.
 Fachada noroeste (á esquerda) e suroeste (centro e dereita da imaxe)
 Comisión municipal máis Antonio Veiga, Vicepresidente da Deputación
 Detalle a pé de terra. Fachada suroeste
 Interior da planta faisa, coa fachada noroeste (esquerda) e noleste (fondo dereita)
 Detalle a pé de terra da fachada surleste
 Un corredor na planta sótano
 Detalle dunha escaleira á planta sótano
 Planta sótano: baixada de vehículos e máis preto, depósitos.
 Planta de entrada, comezada a poñer as paredes
 Vista dunha planta, co oco dos ascensores delimitado
 Vista da fachada surleste, co IES ó fondo
 Unha vista dende o que será unha habitación.
 O espazo entre as catro columnas que se ven é o que corresponde a unha habitación. O corredor quedaría diante das dúas máis próximas.
A residencia, dende o IES
Os planos, tal como foron presentados o día da posta da primeira pedra.

Nota de prensa do Concello:
'O 30% DAS OBRAS ESTÁ LISTO. TERÁ CAPACIDADE PARA 47 PERSOAS

Residencia de maiores

04/02/2015
As obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo avanzan a bo ritmo. Os traballos da primeira fase, que comprende a estrutura e cuberta do edificio, están rematados, polo que o Concello recibirá xa parte dos 1,8 millóns de euros comprometidos pola Deputación de Lugo, sen ter que agardar ao remate dos traballos, o que favorecerá o avance dos mesmos. Esta tarde supervisaron as obras o vicepresidente da institución, Antonio Veiga; o alcalde, Fernando Suárez; a concelleira de Servizos Sociais; os portavoces municipais e representantes da comisión veciñal.
O vicepresidente demandou unha vez máis á Xunta que "aclare dunha vez se vai poñer os cartos ou non para a residencia, sen máis culpables nin atrancos". Antonio Veiga reiterou que "Ribadeo e os seus cidadáns merécense esta infraestrutura social tan necesaria e pola que levan tanto tempo loitando” e instou unha vez máis á Xunta de Galiza a “aclarar dunha vez se vai poñer cartos ou non para esta residencia, sen máis desculpas nin atrancos, porque a este ritmo rematarán as obras e a Xunta de Feijóo seguirá poñendo desculpas de mal pagador para non aportar cartos para a residencia".
O convenio asinado entre o Concello de Ribadeo e a Vicepresidencia da Deputación prevé achegas da institución provincial por un importe de 1.828.000 euros que se concretarán en catro anualidades até 2016 (no orzamento de 2013 consignouse para a residencia da terceira idade de Ribadeo unha subvención excepcional de 528.000 euros, no orzamento de 2014 reserváronse 500.000 euros para o mesmo fin, e estableceuse unha previsión de crédito de 600.000 euros para 2015 e de 200.000 para 2016). O vicepresidente da Deputación destacou que esta residencia non só dará servizo a Ribadeo, senón tamén a concellos limítrofes. Esta infraestrutura, que se está a construír na parcela onde se atopaban as antigas vivendas de profesores e un dos inmóbeis colindantes, entre as rúas Paco Lanza e Alfredo Deaño, supón un investimento aproximado de 2,3 millóns de euros e está deseñada para atender a entre 44 e 46 usuarios e usuarias
Antonio Veiga criticou que "ten que ser a Deputación quen asuma a construción desta infraestrutura cando é a Xunta quen ten as competencias na materia". O vicepresidente nacionalista na Deputación denunciou que "a Xunta de Galiza desatende as súas obrigas en materia de benestar social" pero dixo que "co apoio da Xunta ou sen el, Ribadeo terá residencia da terceira idade".
O alcalde, Fernando Suárez, indicou que "a obra está indo razoablemente ben a pesar da meteoroloxía e a pesar de que hai un tempo tivemos que pedirlle á Deputación que nos trasladase unha parte da anualidade do 2014 que non éramos quen de chegar a executar e xustificar naquel momento, pero a previsión inicial de remate da obra segue intacta, dende o primeiro momento. É previsible que a principios de 2016 estean rematadas no que ten que ver co continente. E xa a Corporación que entrará a mediados deste ano 2015 terá que resolver sobre o contido para 2016: as camas, os aparellos, etcétera".
O rexedor lembrou que "por parte do Concello de Ribadeo, de todos os grupos da Corporación e das asociacións de veciños quixemos que Antón Veiga, como representante da Deputación Provincial de Lugo, que é a única institución que nos está axudando a día de hoxe sen prexuízo de que outras podan colaborar tamén, aínda que tamén é certo que o tempo vai pasando, viñese ver como o diñeiro público que xestiona a Deputación de Lugo se está empregando ben aquí para tantos e tantas veciños e veciñas. Un deles agora mesmo me estaba preguntando cando podía anotarse para entrar na residencia, ao que lle contestamos que primeiro vamos acabar a obra e despois xa veremos". E engadiu: "pero o certo é que está indo todo razoablemente ben e simplemente hai que lamentar ausencias, porque nos gustaría convidar a personalidades doutras institucións para que estiveran aquí connosco, pero o dito manos que no dais, que esperáis segue vivo lamentablemente". 
E pola súa banda, o voceiro da comisión pro residencia de maiores, José Mª Rodríguez, dixo:"atopámonos moi contentos pola marcha que están levando as obras, pois non están sufrindo atranco ningún, colaborando tanto os portavoces dos partidos políticos como a Deputación nesta como unidade de destino que é a residencia como obxectivo para os vellos de Ribadeo. Unicamente a pena que estamos tendo, e así percibo os comentarios pola rúa, da ausencia da Xunta como se Ribadeo fose un cantón chino, sendo que teoricamente debía ser o goberno de todos os galegos, pero ten marxinado a Ribadeo completamente e non se lle albisca que poña a mirada en nosoutros para nada".
Rodríguez insistiu en que "evidentemente confirmo o que dicía o alcalde de que hai moita necesidade, porque xa é moita a xente que me para pola rúa para preguntarme cando se pode apuntar un para vir para a residencia. Polo tanto eu felicítome e felicítoos a todos por como vai indo e espero que todo acabe ben, se pode ser coa colaboración da Xunta e senón faremos o posible para que sexa".
Á visita cursada ás obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo acudiron os portavoces dos grupos municipais no Concello; a edil de Servizos Sociais, Teresa González; o alcalde, Fernando Suárez; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; varios membros da comisión veciñal; o arquitecto municipal e o director da obra.'
51 entradas no blogue sobre a residencia, ordeadas de máis próxima (esta) a máis vellas, fotos anteriores incluídas.

20210211

Coronavirus onde non debera haber

   E onde debera de habelo?

   A nova residencia de Ribadeo está no aleiro a conto dun positivo nun testeo. Hai dúas notas de prensa -actualización, 3-, da Deputación e do Concello - + outra do concello-. Antes de deixar as dúas -3-, nesa mesma secuencia, dicir que ata o de agora a residencia ribadense mantívose limpa da enfermidade, mentres o hospital asilo, a vella residencia, sufriu un episodio que a decimou. Co comezo das vacinas, esperemos que non sexa equivalente.

 

Lugo, 10 de febreiro de 2021. O cribado periódico realizado polo SERGAS no Centro de Atención a Maiores (CAM) de Ribadeo arroxou este mércores un positivo entre as persoas usuarias, momento no que a Deputación de Lugo procedeu a illar a esta persoa e á súa acompañante de habitación.

Así mesmo, a Deputación de Lugo decidiu realizar, hoxe mesmo, probas de diagnose con recursos propios, tanto a esta persoa, como á súa acompañante de habitación e aos usuarios e traballadores que tiveron un contacto estreito con ela, co obxectivo de corroborar o resultado, dada a elevada posibilidade de tratarse dun falso positivo, tendo en conta que todos os demais residentes deran negativo no cribado periódico do SERGAS, e que o centro está pechado, polo que non se reciben visitas, nin os usuarios saen o exterior, como medida de prevención da Covid-19.

Realizadas as probas nun centro de diagnóstico lucense autorizado pola Xunta de Galicia, que consta inscrito no Rexistro de Centros Sanitarios, TODAS DERON NEGATIVO. Polo tanto, tratouse dun falso positivo.

Á vista destes resultados, a Deputación de Lugo solicitaralle ao SERGAS a realización dunha segunda proba PCR a esta persoa usuaria. Ata obter o resultado, esta persoa e a súa acompañante de habitación continuarán illadas como medida de precaución.

Así mesmo, a Deputación de Lugo informa de que toda comunidade do Centro de Atención a Maiores de Ribadeo completou a pauta de vacinación da Covid-19, excepto esta persoa usuaria que resultou ser un falto positivo, quen non puido ser vacinada por desexo expreso dun familiar, que é o titor legal, un feito que a institución provincial xa puxo en coñecemento da Fiscalía. Sendo a vontade da institución protexer á totalidade dos residentes e persoal do centro, reiterará de novo a comunicación ao Ministerio Fiscal para que a autoridade xudicial decida o que corresponda con respecto á súa vacinación.

 


DEPUTACIÓN E CONCELLO PIDEN UNHA NOVA PROBA AO SERGAS

Cribado na nova residencia

10/02/2021

O alcalde, Fernando Suárez, agarda que o Centro de Atención a Persoas Maiores siga libre do covid19 e que a única usuaria que non foi vacinada, por expreso desexo do seu titor legal, reciba as doses canto antes.

O rexedor subliñou que "non administrarlle a vacina a esta persoa supón un risco moi importante para ela e un perigo para os demais usuarios e usuarias da residencia ribadense, que ata o de agora estivo libre de covid19 e agardamos que así continúe".

O alcalde de Ribadeo agarda que o Sergas realice un novo cribado neste centro, que confirme que se trata dun falso positivo o caso detectado este mércores. Ata que esa nova proba sexa realizada tanto esta usuaria como a súa compañeira de habitación permanecen illadas, "segundo acabamos de saber  por parte dos responsables da Deputación. Quedamos á espera de poder confirmar a boa nova de que ese posible positivo se quede nun susto sen mais", engadiu. 

A Deputación de Lugo comunicou esta tarde que tras o cribado periódico realizado polo Sergas no CAM de Ribadeo arroxouse un caso positivo entre as persoas usuarias. A institución provincial decidiu encargar, hoxe mesmo, probas de diagnose a esta persoa, á súa acompañante de habitación, así como aos residentes e traballadores que tiveron contacto con ela. Todos os resultados deron negativo.

Foto residencia

BARCIA CUALIFICOU DE DESESPERANZADORA A SITUACIÓN

Petición á Xunta

11/02/2021

O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que "o negacionismo non casa coa nosa sociedade". Así se referiu ao caso da usuaria da residencia de maiores, que non recibiu a vacina contra ao covid19 por expreso desexo dun familiar. O rexedor pregúntase ¿qué primamos os dereitos fundamentais individuais ou a saúde pública colectiva?. Suárez Barcia demándalle á Xunta que promova, á maior celeridade posible, a adaptación lexislativa necesaria para que a saúde pública impere sobre os posicionamentos individuais, egoístas e negacionistas.

O alcalde ribadense dixo que "é moi desesperanzadora esta situación. Á vista de que na nova residencia de maiores xa se puxeron as dúas doses da vacina, só unha usuaria non a recibiu por expreso desexo dun familiar. Onte esta usuaria deu positivo en coronavirus, logo revisado cunha nova PCR semella que foi un falso positivo, o cal valorámolo como unha moi boa noticia, pero é certo que a actitude do familiar entendemos que é intolerable".

Suárez Barcia considera que "o egoísmo e o negacionismo non casan coa nosa sociedade. Debo dicir que, ademais do comportamento impecable nesta actuación por parte da Deputación de Lugo, desde o Concello de Ribadeo consideramos que non é axeitado que as persoas que convivan nunha residencia municipal non apliquen a vacina, ben por desexo propio no caso de que teñan a vontade intacta ou ben por desexo dos seus familiares no caso de que estes teñan a tutela".

O rexedor sinalou que "o certo é que vivimos nuns momentos moi complexos e desde os Concellos, como é o caso do noso, abondo temos con xestionar o día da día das residencias públicas, e aquí dáse unha pregunta que hai que resolver inmediatamente, ¿qué prima primeiro se os dereitos fundamentais individuais ou a saúde pública colectiva?. Polo tanto, sendo competencias galegas como son o caso da saúde pública e máis dos servizos sociais, eu vexo necesario que a Xunta de Galicia promova, á maior celeridade, a adaptación lexislativa necesaria para garantir que a saúde pública impere sobre os posicionamentos individuais egoístas e negacionistas. E polo tanto, poida ser de obrigado cumprimento, para ter acceso a un servizo asistencial como é unha residencia de maiores, a aceptación da vacina contra o covid19".

20181124

Xornada de portas abertas na residencia de Ribadeo 20181124

    Hoxe tivo lugar a primeira das xornadas de portas abertas para que a xente poda visitar a nova residencia de maiores de Ribadeo. Foi un acto emotivo  do que deixo diversas fotos e, ó final, un vídeo do acto principal, coas intervencións da Concelleira de servicios sociais, Sonia Meilán, o representante da Plataforma e da Comisión pro Residencia, José Antonio Ares, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, coa presenza constante do esprito de José María Rodríguez. Ó final do mesmo descubriuse unha foto da manifestación do 22 de abril de 2014 e comezou a visita ás instalacións.
Completan a entrada as dúas novas do concello relativas ó acto.
Detalle da sala de estar, con acuario e decoración con montaxes de fotos de Ribadeo (como a xeralidade de estancias)

Momento da sinatura da petición do PIA

Rematando de descubrir a foto da manifestación na entrada. dos portadores da pancarta, faltaba Tino Reymóndez e José María Rodríguez (está presente na foto a súa dona). A exconcelleira de Servicios Sociais estaba no acto pero non aparece na foto, o mesmo que Lalo Gutiérrez. Si están presente na foto José Antonio Ares, Manuel Valín e o alcalde. Ós pés da xente, a alfombra de entrada: "O noso soño, o teu fogar"

Vista parcial dende o solario do segundo andar.

Vista parcial dende unha habitación ó surleste.

Vista parcial dende un cuarto ó noroeste.



    Transcrición das verbas de José Antonio Ares Taboada:
    "Hai xa case oito anos, a finais de 2010, que unha tarde Juan do Espín máis eu fomos cabo de José María Rodríguez na procura de apoio para unha necesidade que sentíamos no pobo e que se manifestaba mesmo nas nosas familias: un coidado mellor e máis próximo para os nosos maiores.
    José María recolleu o guante e de aí a cousa botou a rodar. O Tesón convocou ás asociacións, e o apoio das asociacións de veciños á Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo foi unánime, tanto no social como no económico.
    Comezaba un longo camiño, pois aínda ano e medio máis tarde, o 22 de abril de 2012, vimos a necesidade de convocar unha manifestación para empurrar o proxecto. Unha manifestación que tivo unha resposta multitudinaria e inclinou as resistencias que puidera haber, coa xente facendo súas unhas consignas que sentían, como ‘por ti e polos teus, residencia en Ribadeo’.

    Dese día en diante foi claro que o que se estaba a pedir tiña milleiros de persoas detrás: a xente de Ribadeo.
    Adoptouse entón o acordo do pleno do concello, que levou o sentir e querer do pobo ás institucións que nos cadran un pouco máis lonxe creando a comisión municipal, na que tamén participamos José María e máis eu. Así, a Deputación de Lugo embarcouse tamén neste proxecto conxunto ata levalo a bo porto xunto co concello de Ribadeo, e ambos sendo conscientes de que tiñan detrás, e seguen a ter, o apoio dun pobo.
    Foi esa a continuación do longo camiño no que a forza da sociedade estivo sempre detrás dos nosos representantes na administración para ir cumprindo etapas. Dende a Plataforma cremos que debemos dar as grazas a todos os participantes, pero os de Ribadeo, ó fin, son, somos, como unha gran familia, somos nós mesmos; por iso as grazas deben ser máis patentes para quen recolleu o guante fóra de Ribadeo, contribuíndo a que as nosas institucións a nivel provincial se comprometeran.

Moi atrás quedou xa unha data: o 24 de xuño de 2014, día da colocación da primeira pedra da Residencia. Atrás quedaron tamén diversos problemas e complicacións.
    Hoxe, 24 de outubro de 2018, catro anos despois, estamos aquí coa residencia a punto. Si, faltan papeis, sinaturas para o funcionamento, cuestións administrativas... aínda se tardará tempo en ver ós nosos maiores desfrutando nestas instalacións. Mais dende a Plataforma esperamos a chegada dun bo futuro.
Iso si, un futuro no que todos seguiremos a ser necesarios. A tarefa non remata hoxe coa xornada de portas abertas, nin cando a inauguración permita ver a xente dentro. Sinxelamente, non remata: o compromiso cos nosos maiores e cousa de todos, todo o tempo.

    Moitas grazas."

Notas do concello:
Novas
TERÁ UNHA DURACIÓN DUNS 50 MINUTOS APROXIMADAMENTE
Acto na residencia de maiores
23/11/2018
O alcalde, Fernando Suárez, convida á veciñanza a participar mañá, sábado, na xornada de portas abertas que se celebrará no centro de atención a persoas maiores. Ás 12 da mañá haberá un acto institucional que contará coa participación do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, da concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, de José Antonio Ares, en representación da Comisión de Asociacións Veciñais Pro-Residencia de Maiores, e do alcalde, Fernando Suárez, que lembrou hoxe que a forza dun pobo serviu para algo, para conseguir que este centro sexa unha realidade.
O rexedor comentou que "a partir de mañá é cando podemos con todo orgullo mostrarlle a todo o mundo, a toda á cidadanía, o resultado deste traballo ímprobo que partiu, xa hai varios anos, no 2012 cunha manifestación da que Ribadeo se puido sentir orgulloso onde, da vila e do campo, xentes de todo tipo saíron a rúa xunto cos representantes políticos, con nós, para pedir que Ribadeo debía ter unha nova residencia, porque 10.000 habitantes necesitaban máis prazas públicas das que había en Ribadeo".
Suárez Barcia lembrou que "no 2014 iniciamos a construción desta residencia e agora, catro anos despois, se concluíu, se equipou e estamos no paso previo ao inicio do seu funcionamento, dado que nestes días estamos asinando os convenios de colaboración entre o Concello e esta gran administración, moi amiga de Ribadeo e dos veciños e das veciñas de Ribadeo, que é a Deputación de Lugo nestes últimos anos polo moito que nos ten axudado, e singularmente neste ámbito. Por iso tamén conosco mañá estará o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, para ensinarlle a todos os que queiran ir alí durante este acto desta fin de semana, e durante as seguintes dúas fins de semana, para que poidan ver todo o que fomos traballando".
O alcalde ribadense subliñou que "a forza de todo un pobo serviu para algo, porque isto vai para eles, para nós cando sexamos maiores e para os que xa hoxe en día son maiores que queren pasar os últimos días nas súas casas como é lóxico, pero os que non poidan por diferentes motivos, que saiban que teñen unha casa marabillosa aquí en Ribadeo para pasar con ledicia, alegría e ilusión os últimos días das súas vidas, que esperemos que sexan moitos".
Fernando Suárez convida "a todo o mundo a que vaia mañá ao acto, será ás doce do mediodía, e a partir de aí quedarán as portas abertas, en horario de mañá e tarde, para que todo o mundo que queira poida visitalo cos seus amigos, familiares, etc…".
O rexedor engadiu que "tamén nestes días pediremos o PIA, o permiso de inicio de actividade, á Xunta de Galicia e o que pido, como sempre, xa que non quixeron poñer un céntimo en toda esta obra marabillosa, cando menos que non poñan paus nas rodas e que nos deixen traballar ao Concello e á Deputación como estamos facendo, mao a mao para que redunde en beneficio dos nosos paisanos e das nosas paisanas".
O acto de mañá dará comezo ás 12:00 horas con música. Despois pronunciarán discursos Sonia Meilán, José Antonio Ares, Darío Campos e Fernando Suárez. Seguirá outra peza musical e o descubrimento dunha placa conmemorativa e máis da fotografía da manifestación cidadá do ano 2012. E despois será a visita por parte do público asistente ás instalacións.
Por outra banda, hoxe foron publicadas no as bases polas que se rexerá a confección de listas para a contratación do persoal técnico na nova residencia de persoas maiores de Ribadeo:
-Fisioterapeuta
-Terapeuta Ocupacional
-ATS-DUE
-Psicólogo/a
O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados dende o día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.


Novas
SEGUEN AS XORNADAS DE PORTAS ABERTAS Á RESIDENCIA
Acto emotivo en Ribadeo
24/11/2018
Fernando Suárez e Darío Campos asinaron este mediodía en Ribadeo o convenio específico de xestión do centro de atención a persoas maiores e tamén a petición de autorización para o inicio de actividade. O presidente da Deputación de Lugo agarda que en tres ou catro meses a residencia estea en funcionamento. O alcalde ribadense subliñou que "por proxectos coma este, é polos que merece a pena estar en política".
A Escola Municipal de Música e Danza foi a encargada de interpretar as pezas musicais que alí se puideron escoitar. No tempo de discursos interviñeron a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán; José Antonio Ares, en representación da Comisión de Asociacións Veciñais Pro-Residencia de Maiores de Ribadeo; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; e o alcalde ribadense, Fernando Suárez.
Sonia Meilán dixo que "a nivel persoal non é o doado explicar a miña satisfacción. Os maiores son a miña paixón, a miña profesión está directamente relacionada coa xeriatría, son xerocultora desde hai dez anos e sempre digo que son unha privilexiada porque traballo no que verdadeiramente me apaixona e me gusta, co cal creo que sería moi difícil explicar con palabras o que sinto hoxe".
A edil ribadense sinalou que "como concelleira de Servizos Sociais debemos loitar e apostar por unha atención de calidade para os nosos maiores e penso que coa construción desta residencia cumprimos o obxectivo, pero debemos seguir día a día sen deixalo de lado para que unha vez por circunstancias os nosos maiores xa non poidan seguir vivindo nas súas casas continúen disfrutando do seu entorno, do que foi a súa vida diaria, dos seus familiares e das amizades e do paseo por onde disfrutan a diario".
José Antonio Ares na súa intervención manifestou que "estamos aquí coa residencia a punto. Faltan papeis, sinaturas para o funcionamento, cuestións administrativas e aínda se tardará tempo en ver aos nosos maiores disfrutando destas instalacións, mais dende a Plataforma esperamos a chegada dun bo futuro, no que todos seguiremos a ser necesarios. A tarefa non remata hoxe coa xornada de portas abertas nin cando a inauguración permita ver á xente dentro, porque o compromiso cos nosos maiores é cousa de todos todo o temp".
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Darío Campos, explicou que "acabamos de firmar hoxe un convenio no que vamos colaborar Deputación e Concello, asinamos tamén a petición do PIA á Xunta de Galicia, que eu espero que non poña máis atrancos".
E reiterou en varias ocasións que "hoxe é un día da alegría e espero que marque un antes e un despois e que en tres ou catro meses poidamos ter aquí aos nosos maiores usando esta residencia, porque eu son inimigo dos edificios baleiros e paréceme que estas cousas hai que poñelas a andar o antes posible porque son necesarias".
O alcalde, Fernando Suárez, pronunciou un discurso "desde o corazón" no que destacou "a incansable e comprometida actitude do portavoz destas Asociacións veciñais. Quero expresar publicamente e recoñecer que, a pesares de non telo coñecido demasiado anteriormente, conseguiu inspirarme a min en particular, para que non esmorecera a ilusión de converter este soño realidade. Hoxe non pode estar aquí porque nos deixou non hai moito e non lle deu tempo a ver a realidade que hoxe poden ver vostedes. Estou seguro que hoxe José María Rodríguez Díaz habería estar ben orgulloso".
O rexedor aludiu "á multitude de xuntanzas que houbo para sacar isto adiante isto en todas as súas fases. Das horas dedicadas a este proxecto que agora podemos ensinar con orgullo e con fachenda. Sempre coa ansia de cumprir co compromiso adquirido: Aquí non atoparán desvíos de obra, aquí non atoparán certificacións de partidas de obra que non están. Aquí non atoparán nada da mala praxe política que por aí adiante foron desprestixiando o nobre o oficio da arte da política (que non é outro que o de tentar facer cos recursos dispoñíbeis o mellor benestar posible para os nosos homes e mulleres). Pola contra, aquí si que atoparán o mellor do traballo en conxunto técnico e político. Dos técnicos municipais e dos representantes dos veciños: do goberno e da Corporación en xeral. Así como tamén atoparán outra cousa, que desgraciadamente non é moi frecuente: a colaboración leal, sincera e total con outra administración que sempre estivo ao pé de nós desde o primeiro momento: A Deputación de Lugo. E sublio esta estreita colaboración tanto cos seus técnicos como cos seus representantes do goberno provincial".
Fernando Suárez Barcia tivo palabras de recoñecemento para quen fora vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e para o presidente da institución provincial, Darío Campos: "Quero dicir isto porque detrás das institucións están os proxectos políticos (distintas formacións políticas) e detrás destes, están as persoas, como non. Quero recoñecer o compromiso do que foi Vicepresidente dela no mandato anterior (2011-2015), Antón Veiga Outeiro. Con el iniciamos as conversas, os acordos económicos para a súa construción (cando outras administracións, como a Xunta de Galicia, daba mil voltas para non acabar dando nada). Aquel mandato acabou e logo veu outro, e nós seguimos atopando comprensión e apoio no actual presidente da Deputación, Darío Campos Conde, porque neste actual mandato, a Xunta de Galicia, e a pesar de ter as competencias en Servizos Sociais deste rango, seguiu con voltas e reviravoltas sen acabar aportando nada. Con Darío continuamos as conversas, os encontros, as xuntanzas para continuar cos apoios económicos para o equipamento e o mobiliario e, mais tarde, para artellar un dos mellores proxectos a nivel do Estado que as Administracións Públicas podan levar a cabo: a colaboración e a cooperación para o ben común".
E seguiu a relatar: "por isto, entre os técnicos e os políticos dun e doutro goberno estivemos meses tecendo e deseñando,dentro das posibilidades que nos dan as leis actuais, os acordos, os convenios, as ordenanzas, os regulamentos, etc. Todo este traballo xurídico foi apoiado e aprobado unanimemente pola actual Corporación Municipal de Ribadeo e así poder ofrecer aos nosos paisanos e paisanas que o desexen a estancia nesta casa grande co mellor dos servizos posibles ao menor custo posible. Confiamos pois que cando bote a andar, estea chea de xente feliz e orgullosa de pasar aquí os últimos (e que sexan moitos) anos da súas longas vidas".
Nos recoñecementos de Fernando Suárez tamén estiveron presentes os membros da anterior e actual Corporación Municipal e tamén os traballadores públicos do Concello de Ribadeo: "e por isto, quero salientar o compromiso total da anterior e da actual Corporación Municipal. Seguramente con momentos de debilidade, quizais porque vivimos nun momento pouco dado ás unanimidades. Eduardo Gutiérrez, Manuel Valín, Tino Reimóndez como voceiros da anterior, así como a Roberto Ramos, Aurora González, Marta Saiz e Jesús López, como voceiros desta e extensivos aos vosos compañeiros e como non, a todos e cada un dos meus compañeiros/as deste mandato. Quero valorar tamén as achegas da anterior concelleira de Benestar, Teresa González, e como non, a todos e cada un dos compañeiros deste mandato, por participar das tensións, xuntanzas, acordos, desacordos que vós ben sabedes. Como tamén quero expresar admiración e gratitude aos/as traballadores públicos deste Concello por aturarme sistematicamente para que deran o mellor de si neste proxecto: A María Mon, a José Rodil, a José Antonio Carro, a Luís Vázquez, a Joselo Gegunde e a Francisco Moreda. E quero valorar igualmente a outros tantos que nin remotamente coñecía, pero aos que desde entón valoro profundamente. Son técnicos da Deputación, e cónstame que estiveron e están a dar igualmente o mellor de si: a Manuel Angel Jove, a Silvia García, a Manuel Cutrín, e outros moitos que estiveron por detrás e que non sei os seus nomes por non ter ese contacto directo, mais sei que tamén sempre estiveron aí".
Fernando Suárez subliñou que "iniciamos no 2014 a construción da residencia cos proxectos técnicos elaborados por nós, mais coa autorización administrativa da Xunta. Agora, en novembro de 2018 estamos ao final desta ilusionante pero longa e tortuosa travesía. Mais aínda non chegamos. Acabamos de asinar (hai uns minutos) o convenio específico de xestión polo que nos comprometemos con dereitos e con obrigas Concello e Deputación. E polo tanto temos toda a documentación lista para enviar á Xunta. Así o acabamos de rubricar o presidente da Deputación e mais eu, coa sinatura conxunta do documento de petición da Autorización de Inicio de Actividade (AIA). Toda a documentación sairá a semana que vén para Santiago. Agardemos pois, que de non poñer un peso en todo este proxecto, cando menos, a Xunta non poña trabas que impidan que se encha de usuarios e usuarias canto antes".
Un dos momentos máis emotivos do discurso de Fernando Suárez foi cando lles explicou aos seus fillos que por proxectos coma este, é polo que paga a pena estar en política: "hai un pedaciño quixen estar aquí cos meus fillos, eles son noviños, e moitas veces inocentes de como funciona o mundo. Ensineilles o froito de tanto traballo. E díxenlles: por proxectos coma este, é polo que paga a pena estar en política. Sei que os políticos temos mala fama, supoño que moitas veces merecida. Pero quero con este exemplo dignificar o traballo que se fai dando o mellor de nós, e deixando os mellores anos da nosa vida loitando por cousas xustas. Como xusto é lograr que Ribadeo teña o que se vén negando desde hai decenios. E cumprir o que nos comprometemos diante dos membros das AAVV e especialmente de José María Rodríguez: unha nova residencia en Ribadeo, preferentemente para os/as de Ribadeo e a prezos asumíbeis para as pensións dos de aquí".
E rematou: "meus amigos, quen lles fala é unha persoa sincera que fala desde o corazón, os que nos coñecedes sabedes que temos un vontade negociadora e dialogante indubidable, pero que ao mesmo tempo unha capacidade de loita e resistencia infinita por conseguir as cousas que se nos negan por capricho. En palabras do bardo Ramón Cabanillas, naquel poema tinguido de épica que En Pé, e que me inspirou sempre para guiarme:
Irmáns, en pé, sereos
a limpa frente erguida
envoltos na brancura da luz
que cae de riba
O corazón aberto a toda verba amiga
e nunha man a fouce e noutra man, a oliva
Seguimos traballando no noso soño para facelo unha realidade en funcionamento dentro de ben pouco. Sede pois benvidos, como indican as verbas que podedes ler no chan cando entrades: O noso soño, o teu fogar".
Darío Campos e Fernando Suárez descubriron unha placa conmemorativa situada debaixo dunha foto da manifestación coa que centos de veciños e veciñas reclamaron unha nova residencia de maiores para Ribadeo na que se pode ler:
"22 de abril de 2012. A loita de todo un pobo, vila e campo, representantes municipais e cidadanía encheron as rúas de Ribadeo para demandar unha nova residencia para as persoas maiores.
24 de novembro de 2018. Xornada de portas abertos ao Centro de Atención a Persoas Maiores.
O POBO É QUEN MAIS ORDENA".
Ducias de veciñas e veciños asistiron a este acto e coñeceron as instalacións da nova residencia de maiores, que poderá ser visitada mañá, domingo, e tamén os días 1, 2, 8 e 9 de decembro en horario de mañá e tarde.

20151211

Última hora da Residencia de Maiores de Ribadeo

Esta mesma tarde foi difundida a seguinte nota de prensa:
"
A comisión pro residencia de maiores ven de manter un encontro co presidente e co vicepresidente da Deputación de Lugo aos que lle acaban de solicitar que a institución provincial asuma a partida que a Xunta de Galicia non aporta para o remate desta infraestrutura. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "fomos moi ben comprendidos". A Deputación estudará agora esta petición.
Onte, xoves, celebrouse unha xuntanza da comisión en Ribadeo. O rexedor contou que "os membros da comisión pro residencia, que sempre estivo composta por todos os representantes dos grupos municipais e tamén polos das asociacións de veciños, na tarde noite xuntámonos para preguntarlle ao representante do Partido Popular si estaba de acordo coas actuacións que levamos feito ata agora e cos informes técnicos e xurídicos que se foron emitindo nestes últimos tempos e botaron absoluta claridade sobre todo o proceso, que se está facendo correctamente. Pero lamentablemente o representante do Partido Popular descolgouse. Os membros do BNG, do PSOE, de Ciudadanos, os representantes das asociacións de veciños e tamén do PP expuxeron cada un a súa opinión, pero lamentamos que finalmente o PP, rompendo a tradición, descolgouse desta comisión. Por iso despois o resto de membros acordamos por unanimidade seguir traballando para que a residencia sexa unha realidade, como está sendo".
Esta mesma mañá, en Lugo, representantes de Ribadeo e da Deputación
De esquerda a dereita, José Mª Rodriguez, Antonio Veiga e Darío Campos (vice e presidente da Deputación), Fernando Suárez, Roberto Ramos, Marta María Saiz, Mª Sonia Meilán e José Antonio Ares.

Nesa xuntanza, explica o alcalde "acordamos pedir unha audiencia co presidente e co vicepresidente da Deputación, reunión que vimos de ter esta mañá. Fomos recibidos por eles dous toda a comisión, recolleron con moito interese a nosa petición, que consiste en que en vista de que a Xunta nos está poñendo múltiples trabas, que saben son inxustas e que non poñen en Foz nin noutros sitios, lle pedimos á Deputación Provincial de Lugo que asuma o compromiso da Xunta de Galicia, que non cumpre. Expresámoslles polo tanto a nosa petición, que vai ser sometida a estudio; aportámoslles toda a documentación e saímos coa satisfacción de ver que fomos moi ben comprendidos sobre o problema que ten Ribadeo, que non debera ser problema".
Suárez Barcia considera que "deberíamos estar todos xuntos, porque agora estamos todos os que somos pero non todos os que deberíamos estar, porque o PP tamén tería que estar. Pero lamentamos que o Partido Popular se descolgue de estes asuntos, porque todos os grupos podemos discrepar de moitas cousas e do enfoque do mundo, pero estamos todos de acordo en que a residencia ten que ser un exemplo para Ribadeo. Sempre foi así e por min, polo representante do PSOE, polo de Ciudadanos e polos das asociacións de veciños así vai seguir sendo".
"
Non faigo ningún comentario: seguro que haberá algunha nota de prensa ou artigo en contra pola parte que se autoexcluiu.
Documento presentado (pode verse individualmente e ampliado premendo co rato sobre as imaxes):

20150327

Actos de Semana Santa en Ribadeo

Deixo o tríptico informativo da Semana Santa de Ribadeo ó comprobar que, nestes momentos, aínda non está espallado na rede. E outras actividades, por esta volta todas sen comentar máis aló do que pon onde obtiven a nova.

Algunha cousiña máis programada para estes días:
De Ribadeo.org:

Foto torneo
DE LUNS A MÉRCORES HABERÁ DEPORTE NO CANTÓN

Actividades na Semana Santa

26/03/2015
O Concello, a través da OMIX, organiza diversas actividades para os nenos e as nenas de Ribadeo durante a vindeira Semana Santa.
O luns, 30 de marzo, de 11 a 13:30 horas no Cantón haberá deportes: 3x3 fútbol, baloncesto e tenis de mesa. E pola tarde no Teatro ás 17:30 horas terá lugar un concerto musical infantil de Pablo Díaz, titulado Xente miuda, moita fartura.
O martes, 31 de marzo, será unha xornada lúdica. De 11 a 13:30 horas nova cita cos deportes no Cantón e pola tarde de 16 a 19 horas no parque de San Francisco haberá tirolina, inchables e animación musical e xogos populares. Desde a organización sinalan que "se o tempo non acompaña estas actividades realizaranse outro día". 
E o mércores, 1 de abril, de 11 a 13:30 horas volverán os deportes ao Cantón. E pola tarde de 16 a 17:30 horas na Casa da Xuventude os mozos e mozas de 9 a 14 anos poderán gozar dunha actividade de musicoterapia. As prazas son limitadas. As inscricións poden realizarse no teléfono da OMIX: 982 129 889.
Da Banda de Ribadeo:

CONCERTO DE SEMANA SANTA


A BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DE RIBADEO OFRECE UN CONCERTO DE SEMANA SANTA O 1 DE ABRIL NO CINE TEATRO. CONTARÁ COA REINCORPORACIÓN DE DOUS EX COMPOÑENTES DA FORMACIÓN E DEBUTARÁN 4 NOVOS MEMBROS.
Ribadeo, 25 de marzo de 2015. A Banda de Música Municipal de Ribadeo ofrece un concerto de Semana Santa o día 1 de abril, mércores, ás 20.30 horas no Cine Teatro. Nesta actuación a banda ribadense contará coa reincorporación de dous ex compoñentes da formación e ademais debutarán catro novos membros, que son alumnos da escola municipal de música.
O director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester, anunciou hoxe que “no concerto de Semana Santa vamos tocar obras procesionais e solemnes e tamén outras de igrexa. Pero vai ser un repertorio variado, non vai ser todo obras sacras senón que tamén vai haber outro tipo de pezas, pero si relacionadas coa Semana Santa. Neste concerto temos a sorte de que vamos contar coa participación dalgún músico máis dos habituais, xa que algúns que formaron parte da banda únense outra vez e xente que está recibindo clases na escola tamén se inician na banda e para eles vai ser o seu primeiro concerto”.
David Ballester invita “á xente de Ribadeo e á que vai estar neses días por aquí a que pase polo Cine Teatro o mércores, día 1 de abril, ás oito e media da tarde para gozar o máximo posible dese concerto. Esperamos que todas as obras que vamos interpretar sexan do seu agrado e poder ter o Cine Teatro como no último concerto, Aquí como en Viena, cando estivo cheo ata arriba”.
Tamén de Ribadeo.org:

Foto baloncesto nenos
CASTRO SUBLIÑA O MOVEMENTO ECONÓMICO DO TORNEO

II Copa Deputación de Baloncesto de Base

24/03/2015
Ribadeo e Lugo acollerán esta fin de semana a II Copa Deputación de Baloncesto de Base. O evento presentóuse esta tarde no novo pavillón ribadense. Son 45 equipos de 22 clubes, asociacións ou escolas deportivas da provincia os que participan nesta cita. 25 conxuntos competirán o sábado, 28 de marzo, en Ribadeo nas categorías premini e minibasket, mentras que 20 de infantil e cadete farano o domingo en Lugo.
O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou esta tarde no novo pavillón polideportivo de Ribadeo, xunto ao concelleiro de Deportes da localidade, o tamén nacionalista Vicente Castro, e a representantes e xogadores do club anfitrión, o Hotel Bouza Ría de Ribadeo, a segunda edición da Copa de Baloncesto de Base, que se disputará a próxima fin de semana na vila ribadense e na capital da provincia. O sábado 28 de marzo será a quenda para as categorías de premini e minibasket en Ribadeo, onde se darán cita 25 equipos, mentres que o domingo, día 29, no Pazo Provincial dos Deportes e no seu Anexo reuniranse 20 equipos, que loitarán polo título nas categorías de infantil e cadete.
Polo tanto, un total de 45 equipos, pertencentes ás categorías inferiores de 22 clubs de toda a provincia, participan nesta nova edición da Copa Deputación de Baloncesto de  Base, que comezou a celebrarse o ano pasado por iniciativa da área de Deporte da institución provincial. "Cremos que é un xeito estupendo de potenciar e fomentar o deporte base", sinalou Antonio Veiga. 
O concelleiro de Deportes, de Ribadeo, Vicente Castro, subliñou que "unha vez máis poñemos as nosas instalacións a disposición da Deputación e de todos os organismos que queiran organizar aquí eventos deportivos, como foi recentemente, en concreto a semana pasada, o campionato galego individual de ximnasia rítmica. A liña que seguimos dende a inauguración do pavillón é poñer as instalacións deportivas para xerar movemento tanto deportivo como económico en torno a estes eventos. Contamos que nesta fin de semana Ribadeo se encha o sábado de  rapaces, pais e nais de cativos de toda a provincia".
600 nenos e nenas de catro categorías
A  marxe do meramente deportivo, Veiga lembrou que "esta Copa se puxo en marcha coa intención de potenciar outros factores entre os máis novos, coma os valores deportivos e especialmente a convivencia entre todos os nenos e nenas e as súas familias", apuntou. Asemade, o vicepresidente provincial destacou que "nesta cita participarán preto de 600 nenos e nenas, repartidos en catro categorías  tanto masculinas coma femininas, sendo para moitos nenos e nenas a primeira experiencia nunha competición".
A Deputación cubre todos os gastos do torneo
Antonio Veiga salientou que "a práctica totalidade dos clubs de baloncesto da provincia participan nesta Copa, achegando equipos dende todos os puntos da provincia. Deste xeito, estarán representados os seguintes clubs: Burela, Viveiro, Ribadeo, Estudiantes, Maristas, Hierros Ferreiro, Galén, Martínez Otero de Foz, Franciscanos, Divina Pastora, Sarria, Sagrado Corazón e Lourenzá-Mondoñedo", remarcou. Veiga destacou que "a Área de Deporte da Deputación corre cos gastos de manutención e transporte para todos os equipos e todos os participantes. Ademais, cada equipo, é dicir, os 45 inscritos recibirán un regalo de material deportivo e cada xogador terá un detalle de participación, así como os trofeos para os equipos finalistas", avanzou.
Pavillón funcional e adaptado ás necesidades do evento e dinamización hostaleira
O responsable da Área de Benestar e Deporte lembrou que "Ribadeo ten un espazo para acoller este tipo de competicións grazas ao esforzo económico realizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación neste mandato, onde investimos 2’5 millóns de euros para a construción deste novo pavillón totalmente funcional e adaptado", afirmou. Finalmente, Antonio Veiga tamén sinalou a "dinamización económica que supón para a hostalería de Ribadeo, xa que o sábado serán moitos os pais e nais que se achegarán a ver os partidos e, polo tanto, consumirán nos bares e restaurantes da vila", rematou.
E máis:

Open de Semana Santa de Tenis, do 1 ó 5 de abril (inscricións xa cerradas), actuacións en locais...