Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta cámaras vixiancia Ribadeo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta cámaras vixiancia Ribadeo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20160223

Fóra dos focos, con liberdade

Non é a primeira vez que aparece no blog o tema da vixiancia (ver embaixo). A máis da vixiancia a que nos vemos sometidos ó ter que ceder información á compañía telefónica ou ó banco, e en moita maior medida, imos deixando o noso rastro informativo en internet. Cada vez máis. E, ó que parece, lonxe de fuxir dese sometemento, queremos abrazar un cada vez maior.
Iso se deduce da proposta que, en liña con outras semellantes ó longo da xeografía próxima e lonxana, valorou a ACIA e tamén, de xeito independente, ten pensado propoñer o grupo local de C's: incorporar cámaras de vixiancia en Ribadeo.
Coido que a idea foi rexeitada xa algunha vez, máis ben por custe ou por baixa delincuencia que por outra cousa. O motivo da vixiancia, o vandalismo ou os roubos, son accións imposibles de solucionar a curto prazo e que necesitan educación en primeiro lugar. Mais requírese solución rápida, e entón dise que se hai vixiancia, non haberá transgresión.
A historia di máis ben o contrario: a vixiancia favorece a transgresión selectiva, cualitativamente máis grave, favorecendo á xente que ten máis posibilidades de saltarse as normas, á que ten máis práctica... e incidindo o castigo sobre os delincuentes e delitos menores ou ocasionais, criminalizando a todos (ou hai alguén perfecto?) mentres se controla a toda a sociedade (o que require por unha parte, un esforzo, e por outra, alguén que exerza o control, que posiblemente estará encantado de exercelo e non o deixará escapar).
Por experiencia persoal, tendo a entrada do edificio vixiada por cámaras dunha entidade bancaria, podo dicir que non evitou roubos no edificio, nin que quen os perpetrou siga sen ser capturado por seguir a ser descoñecido, nin mesmo que un entrante do edificio sexa un dos lugares máis porcos de Ribadeo, con acumulación recurrente de mexos e devoltos -en particular, en días de movida-, estando no centro do pobo. As cámaras non o evitaron e seguen sen evitar esas cousas, pero si me teñen vixiado na miña entrada e saída da propia vivenda. E é que eu vivo, móvome á vista das cámaras, pero non son un delincuente profesional, e polo tanto, non estou preparado para saltar esa vixiancia que si están preparados para saltar con tranquilidade quenes delinquen de xeito habitual.
Cámara de vixiancia en fachada
O caso é que, así as cousas, deixar a resposta da instalación en mans da existencia ou non de cartos, implica un si á vixiancia, pendente só da priorización da implantación en relación con outras outras accións que pugnan polos cartos. É dicir, implica que se implante a vixiancia medio prazo. E deixa fóra o sentido ético, a privacidade, o que se vai a facer con eses datos... non tendo tampouco en conta os estudos sobre o rendemento, a efectividade da medida.
Non se trata de ter ou non cousas que ocultar, de secretismo, senón de estar baixo vixiancia e perder a intimidade en función dunha seguridade que tampouco se logra. Coido que a frase 'quen perde liberdade por ganar en seguridade perde ambas' (algo semellante dixo Benxamín Franklin) é abondo adecuada e ilustrativa.
--
Sobre a vixiancia e as cámaras en Ribadeo:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/10/o-gran-irman-cada-vez-mais-cerca.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/05/xa-votaches-agora-temosche-vixiado.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2009/12/os-santos-inocentes.html
E na UE:
http://www.europarl.europa.eu/news/en/news-room/20151022IPR98818/Mass-surveillance-EU-citizens%27-rights-still-in-danger-says-Parliament

20151029

O Gran irmán, cada vez máis cerca

Coido que na tele están a poñer a edición XXL de Gran irmán. O morbo é así.
O que se está a propoñer estes días en Viveiro (e cando vexas as barbas do teu veciño cortar...) comparte nome e orientación de vixiancia, pero é outra cousa: pásase da vixiancia limitada no tempo e voluntaria a cambio de prestacións en televisión á vixiancia continuada con cámaras na rúa a todo o que use o espazo público, ó estilo do 'gran irmán' ideado por George Orwel.
Din  que nunha enquisa primaveral, máis das 3/4 partes das persoas coincidirion en que sería unha vila máis segura con cámaras de seguridade. Será que o pensan, aínda que non sei como era a proposta da enquisa, nin o deseño da poboación enquisada.
De pronto, en xuntanza mantida onte, advírtese que non será así, que non será un 'gran irmán'. Na xuntanza participaron unha empresa de seguridade que comezará a encargarse do tema, os empresarios (a función para a que é ideada é para a protección dos comercios), responsables políticos e xefes policiais. Entendo que a poboación de Viveiro está constituída por veciños, pero por ese concepto non había representación, e a referencia ó gran irmán era para os veciños.
Na xuntanza tamén se dixo, parece ser, que Viveiro era un pobo seguro, pero aínda así, que as cámaras disuadirán ós ladróns. A instalación está prevista en 7 lugares, o que implica como mínimo, outras tantas cámaras, para as que se espera subvención, claro.
Cámara de seguridade. autor:Rama. lic. CeCILL
Hoxe, con medios, é doado facer unha vixiancia intensiva. Cámaras fixas, pero tamén drones (polo momento non é o normal por estas terras). E, que evitan? Se a xente ve invadida a súa intimidade e non fai a vida normal, é un perxuízo de entrada tan grande como a intrusión de cando en vez para roubar. Se non varía a súa vida normal, os ladróns cambiarán as súas pautas e o que servirá será para controlar a vida da xente. Poderá evitarse sempre algunha cousa, e dará oportunidade a outras. En Ribadeo, hai poucos meses, nmun edificio no que os veciños están vixiados nas súas entradas e saídas, pois conta con catro cámaras cenitais na rúa instaladas por unha entidade bancaria, houbo un par de roubos no mesmo día, e logrouse identificar ós veciños que entraban e saían, pero non ó ladrón. Referente ó servizo desas mesmas cámaras poderiamos seguir a falar sobre o que permiten facer, pero entendo que a cousa está clara: as cámaras póñense co pretexto da seguridade, e o seu uso implica unha seguridade cando menos, sesgada, e un control para quen estaba mellor sen el. Os cacos toman medidas, a xente normal, non. E é a que se ve ou pode ver afectada.
---
adxunto o publicado por Iván Arias Balsa (inv. en dereito constitucional da USC) na Voz de Galicia/A Mariña o 20151031:
Sobre a videovixilancia urbana en Viveiro
O 28 de outubro, La Voz de Galicia anunciounos que, en Viveiro, se ía dar unha reunión a «catro bandas» para decidir sobre a proposta dos comerciantes locais para implantar un sistema de videovixilancia urbana, co cal se enflautan os corpos de seguridade pública e o mesmo Concello.
As taxas de criminalidade no Concello de Viveiro, no ano 2011, dacordo a estatística da Subdelegación do Goberno en Lugo, son as máis baixas do conxunto de España. Viveiro é un lugar apacible. É certo que se deron casos delictivos graves; pero fóra de zonas onde podería operar a videovixilancia, como portais, pisos, e sobre todo, o rural do municipio. A resolución de casos criminais no noso municipio ronda o 100%, de tal forma que a totalidade dos delincuentes locais son sometidos á acción da xustiza. Non empeoraron as cousas dende entón.
40.000, ou 60.000 Euros, son un custo considerable para unha medida que non aportará melloras tanxibles á seguridade cidadá, excepto meter medo. Máis cando as medidas de vixilancia por cámaras son doadamente vulnerables se non existe unha resposta inmediata (imaxinemos: enmascararse ou cambiar a roupa canto antes despois de cometer o feito delictivo). É dicir: as cámaras non evitan o delicto se non existe un control, en tempo real, por unha patrulla que saia ó encontro do delincuente no momento que se produce o suceso.
A instalación de cámaras de gravación en lugares públicos mermará os dereitos fundamentais da cidadanía, nunha vila onde todos nos coñecemos, e onde calquera medida de seguridade resulta evidente para calquera tipo de delincuente ou pirata. ¿Cal é o sentido de establecer unha vixilancia pública tan insalvable para ?e vulneradora? os dereitos dos veciños? ¿O «Gran Hermano» orwelliano chega a Viveiro? ¿Asumimos a perda de liberdade para favorecer unha improbable mellora da seguridade?
Faría ben o Concello (que non o fará) en solicitar do Goberno central a autorización para a realización dun referendo municipal, para que os veciños ?«quinta banda» e interesados neste asunto?, co seu voto, se pronunciasen sobre a medida da instalación deste tipo de sistema de control. Porque o que está en xogo non é a seguridade pública ?que parece que xa existe, a xulgar polas estatísticas? senón que os dereitos e liberdades públicas de tódolos habitantes e visitantes de  Viveiro.

20180216

O gran irmán, cada vez máis grande

Xa levamos varios anos nos que nos van chegando novas da vixiancia total en China, con millón de cámaras de vixiancia só en Pequín, e a experiencia de control biométrico a traverso de cámaras nunha rexión enteira máis extensa que España 'para control terrorista'. Aquí non chegamos a tanto, pero as cámaras instálanse para control, mesmo con subvencións da Xunta. Un alicerce máis para contar coa última tecnoloxía de detección en Ribadeo. Non evitará un roubo, nin servirá para esclarecelo, pero poden controlar se saio ou entro da casa. Literal.
Agora estou esperando a ver a nota de prensa do concello (se a saca) na que dea conta do mesmo que pon a Voz hoxe, "O Concello considera que o número tan importante de vehículos que circulan polas nosas rúas fai insuficientes as tradicionais formas de regulación e control presencial do tráfico, e que estas circunstancias aconsellan a incorporación dun apoio tecnolóxico sobre as funcións de vixianza que ten encomendadas a Policía Local". Precisamente cando se trata de 'humanizar' máis rúas, e aínda que o recurso a bici non sexa moi promocionado, os vehículos de dúas rodas sen motor van facéndose un oco pouco a pouco na xeografía urbana. Instalarase un conxunto de cámaras, con recoñecemento de matrícula agora que se vai poñer unha gasolinera no polígono... si, para recoñecemento dos vehículos que circulan polo polígono mesmo. Pero dende o concello falan de rúas... O dito, espero a ver a nota de prensa.
Cámaras de vixiancia. KRoock74, CC BY-SA 3.0, collida de https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/4/45/Dome_CCTV_cameras.JPG
Sobre cámaras de vixiancia en Ribadeo: http://ribadeando.blogspot.com.es/2016/02/fora-dos-focos-con-liberdade.html

20160525

Dereitos vulnerables

Hai case un mes que saltou a nova de que a asociación Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) pediu á AEPD en 2015 que sancionaran ó Concello de Viveiro polas videocámaras instaladas. Ribadeo tivo algunha tentativa de instalar cámaras por iniciativa da entidade pública que é o concello, que non fructificou polo momento, segundo a prensa, por falta de orzamento. No blog teño falado varias veces do tema. Por exemplo, en febreiro (Fóra dos focos, con liberdade), en outubro (O gran irmán, cada vez máis cerca) ou hai un ano (Xa votaches, agora témosche vixiado). Fíxeno porque considero que é unha vixiancia que vai contra o cidadán, non ó seu favor. E non son o único que pensa así: ata a UE advirte do perigo.
Como segue o caso de Viveiro? Non hai novas dende hai un mes, mais as cámaras foron desactivadas despois da denuncia, e polo tanto, deben seguir desactivadas, aínda que estaban en funcionamento dende 2008, sen autorización. E sen inspección... despois de acudir ó Valedor e de denuncias anteriores. Con recoñecemento da propia Policía Local, en teoría encargada do manexo, de se se habían pedido os permisos obrigados ou as horas de gravación.
Seguimos con Viveiro... porque a pesar do manifesto descontrol sobre a vixiancia ós veciños, a asociación de comerciantes viveirense pretendeu instalar tamén cámaras. Xa se remitiu información a Madrid, á AEPD, e estaba avisada unha empresa para a adaptación dos sistema á protección de datos. Iso dicía a prensa hai un mes.
Mais ou menos daquela, a ACIA ribadense tamén declarou que manexaba a idea da instalación. Polo que parece é a moda: vixía. O obxectivo parece ser evitar roubos. Ou destrozos. Ou que todos nos comportemos de xeito educado. A realidade , á vista está, pode ser ben diferente, con literalmente calquera cuns certos coñecementos e ganas accedendo ós sistemas e ós datos xerados. En Ribadeo non se instalou 'por falta de cartos'.  Como iso depende da asignación orzamentaria, con variar as partidas, solucionado. Así de doado pode ser que alguén se meta nas nosas vidas.
Vixiando a saída do edificio no que vivo hai cámaras, instaladas por unha empresa privada. Os veciños das 18 vivendas, vixiados nas nosas entradas e saídas. Sen pedilo, claro. Pode ser que tentaran atracar a oficina bancaria do baixo... ou que intentaramos facelo nós!. Polo momento, xa houbo roubos no edificio coas cámaras instaladas, e non serviron de nada. Houbo altercados na rúa, e que eu saiba, non se usaron. Pero seguen a controlar en imaxes as entradas e saídas. Suponse que os datos están controlados. Na época de internet, enviando imaxes por internet, cunha cadea de tratamento de imaxes na que interveñen terceiras persoas, controlados?
Estamos a perder a intimidade, e con ela a independencia. O das cámaras é un momento máis que non debemos pasar, para poder afrontar outras verquentes máis espiñosas, como que, ó ter o posicionamento activado, a compañía correspondente saiba onde estamos en cada momento. Neste caso, o 'obxectivo' e poder prestarun servizo máis axeitado. A cambio, calquera (aí están as contínuas excepcións de seguranza) pode acceder a onde estivo o teléfono (e o posuidor) en cada momento nos últimos meses... Algo que pode resultar alucinante visto de xeito gráfico , de consecuencias imprevisibles e que é cualificado como 'doado de facer' a outro móbil.
Temos dereitos, mais como non os defendamos, podemos falar xa, en pasado, porque sempre haberá xente que pense en conseguir máis a base diso precisamente: de que quedes ti con menos.

20150528

Xa votaches. Agora témoste vixiado

É curioso. A información asimétrica. Tenta procurar algo de información das administracións en España e verás os muros cos que te atopas. Dende cousas tan nimias en aparencia como o coñecer que vai haber pleno e que se vai tratar ata a información sobre o hotel da illa Pancha ata outras de abondo máis peso que xa nin te proporás coñecer. En relación ós dous exemplos, para o primeiro, anos despois de pedir neste blog que se faga público en internet -aquí, a última vez que o lembrei-, terás que ir ó taboleiro de anuncios do concello e mergullarte entre papeis diversos de xeito periódico, pero non cada moito tempo. Para o segundo, ir ó concello, ver o documento -nas mesmas condicións que antes, sen saber ademais en principio que ten que haber algo semellante alí- e logo largarte a mirar a información a Ferrol.
Iso, da información que tentamos obter nós.
De nós, non é que tenten obter información, senón que a obteñen -e se é o caso, a exixen de xeito repetido-. De xeito xenérico, a min, como a outra moita xente, téñenme vixiado literalmente dende que saio da casa, unha empresa privada, da que pode recabar información a administración. As fotos embaixo non son de agora, senón de algo que leva ocorrendo xa hai tempo, a conta da protección da antiga Caixa Galicia. Algo que leva a vixiancia privada 24/24 dun espazo público:
Vixiancia en Abanca-Ribadeo

Vixiancia en Abanca-Ribadeo
E o anterior é só un detalle. Calquera que pase por aí ou tome un viño enfronte tamén estará no oollo da cámara, outros poderán ter esa información que nin a mesma persoa que é recollida poderá ter; moitas veces, nin saberá que está sendo recollida. Ademais, se se me ocorre conectar o meu teléfono intelixente co xeoposicionamento, poderei saber a miña posición, pero, quen dubida que se poda conectar e extraer datos de xeito remoto sobre a miña posición?
Hai algún tempo, xusto antes da campaña electoral, saíu a nova de que 'veciños e policías' pedían máis cámaras para rematar co vandalismo. Coido que xa hai demasiadas, e que quen se propoña facer mal terá xeito abondo de saltarse as limitacións, mentres a consecuencia dese maior número de cámaras, a xeralidade de persoas teremos máis sobre nós o gran irmán.
A cousa viña no xornal o 5 de maio a conto do estado do ascensor da Atalaia. Dende aquela recollín varias entradas en diversas web sobre o tema. Un tema que parece que non comprendemos o alcance que ten para as nosas vidas no futuro. Algo que parece nimio pero que está relacionado coa perda de liberdade individual e o control sobre tanto da administración como de (e a traverso de) determinadas empresas.
Xa votaches? Pois vaite, que te temos vixiado/controlado...
Un par de lugares por se te queres informar:
Reflectindo sobre a cibervixiancia.
A campaña de Amnistía Internacional contra a vixiancia masiva.

20091228

Os Santos Inocentes






Os Santos Inocentes pagaron o pato do nacemento de Xesús, di a crónica. Xesús naceu xa perseguido, e, a modo de señuelos para despistar os misiles disparados contra un avión, tentaron despistar, e conseguírono parece, do nacemento de Xesús. A cambio, as súas vidas. E agora, en lembranza, fánse as inocentadas.
Por iso das inocentadas, algún ano xa teño sacado algún comentario que me teñen feito no blog. Este ano, non. Onte, houbo un incendio nun piso de Ribadeo; por afectar a unha persoa coñecida (que agora está no hospital debido ós gases do incendio) prestei algo máis de atención, e puiden ver que alomenos algún dos comentarios feitos non corresponden á realidade, crucificando á persoa antes de que a realidade saia á luz. Por eso a reportaxe fotográfica de ir ver a súa casa ó lonxe.
A primeira, a do incendio, na que se ve a importancia que tivo e que foi unha sorte que fora collido a tempo polo Grumir, pois podía ter ido adiante todo o edificio.
A segunda e terceira, dende a mesma rúa Transversal, dous indentados na rúa ded iferente aspecto, cun resalte que lembra ás inocentadas. Un, reconducindo dunha anchura a outra o asfaltado, fai torcer a beirarúa. A outra sinxelamente métese na beirarúa polas dúas bandas, achegando terreo ó valado. A axustar que ambos valados son moi recentes, e entendo que provisionais tanto pola construcción como polo que representan de collerlle espazo á rúa. Un deles (o segundo), ten unha razón de ser na súa provisionalidade, un pequeno terraplén á súa beira, e o outro, o muro que limita o terreo contiguo e que se pode observar na foto na parte inferior esquerda.
As outras dúas fotos non corresponden xa á mesma rúa. Unha é unha visión máis do resultado da fin de semana, que tamén lembra ó esprito das inocentadas sen selo, e á que habería que engadir tantas outras cousas (como un regueiro de terra resultado de arrastrar o abeto decorativo dun comercio en Rosalía de Castro, por dar outro exemplo). a final, unha das tres cámaras que vixían o novo local de venda automática en Ribadeo. Eu cría que as cámaras estaba prohibidas para observar os viandantes, e só se poñían por vixiancia adminstrativa (tráfico ou seguridade cidadá dos corpos do estado ou das administracións), pero non, parece que non é así e tamén en Ribadeo nos achegamos á descrición do Gran Irmán, despois de nonseicantas tempadas en antena.
Inocentada? Non, en tódolos casos, os inocentes somos nós, pero no sentido antigo.

20180207

De seguridade, incumprimentos e boas intencións

Ninguén desbota que os mandos de seguridade teñan boa intención para evitar roubos ou calquera outra fechoría. Mais á hora da práctica, as cousas suceden cun patrón: unha xunta, un acordo de máis e mellor colaboración entre forzas, un reforzo de medios cara ó futuro... e ata a próxima alarma, na que se voltará a facer máis ou menos o mesmo.
Coido que Ribadeo non é unha zona insegura en relación con outras, e que, a pesar do que poda soar, os casos de roubos agrupados nalgunhas datas pódense cualificar de illados, como di o representante gubernativo na provincia. Mais tamén de repetidos. E, mentres, tamén son repetidas as promesas.
Desta volta, sóame a promesa de aumentar a vixiancia nouturna. Hai xa abondos mandatos municipais, aló polo 2003, o alcalde daquela prometeu vixiancia nouturna municipal todas as noites. Daquela o tema era outro, pero a efectividade das promesas coido que era parella: rematou o mandato sen tempo para o cumprimento e sen ampliación de prazo nin renovación de promesa. E ata o de agora (polo medio, houbo algunha comunicación de aumento de vixiancia, si...)
Desta volta noto sin embargo a falta dun acompañamento: a petición de máis cámaras de vixiancia. Pode que porque os afectados sexan pequenos negocios, non se lanzara de novo a petición periódica de aumento de control gravado, que resulta en xeral en maior control dos veciños inocentes, pero non en maior prevención de actuacións de culpables.
E, por certo, a vida é un factor de risco. É evidente que quen non está vivo, non pode morrer. Ven isto a conto de que a seguridade perfecta non existe, que sempre hai algo de inseguridade como inherente ó desenvolver diario. E que diminuír esa inseguridade só por medios de poder organizado, a máis de disparar o custe de mantemento do poder, leva consigo o aumento da inseguridade e indefensión fronte ó mesmo poder.
Si, hai que tomar medidas efectivas para manter a seguridade. Pero enfocar o remedio só sobre as forzas de seguridade, sen implicar máis ós veciños supón non só afastalos unha vez máis, senón tamén deixar de lado algo fundamental: a colaboración cidadá e a implicación das persoas na sociedade na que viven.
Imaxe de wikimedia Commons. Lic CC rec. compartir igual xenérico 2.0. Realizada por Lansbricae.

20201106

Se te ditan o que tes que facer, perdes

   Se te ditan o que tes que facer, perdes. Foi o que se me viu á cabeza hai uns días cando escoite dos contedores queimados en Ribadeo. Resulta que o primeiro que se pediu despois de que os queimaran foi cámaras de vixiancia. É dicir, reacción de control de todos. Reacción, non acción preventiva. Control sobre algo , a natureza humana, que debe ser controlado polas mesmas persoas e sociedade que actçua, pero tendo en conta que non somos máquinas e a sociedade tampouco o é, e pode non ser tan boa idea o poñer a máquinas a controlar humanos: peor o posible remedio, facer os humanos cada vez máis máquinas, que a enfermidade. De todos, porque ó final quenes van ser controladas son as persoas máis inocventes, as que menos se van fixar nese control: se alguén quere saltalo, prestará atención a como facelo, e buscará ser incontrolado...

   É doado ver os disturbios como os negacionistas e ultradereitistas aproveitando o COVID19 e que se nos veña á cabeza unha especie de 'ollo por ollo, dente por dente', esquecendo que unha doutrina fundamental en occidente, que durou xa vinte séculos e influenciou a sociedade a nivel mundial facéndoa progresar, fala do contrario, de 'poñer a outra meixela'...

   E está claro, se respondes seguindo determinados feitos, quenes os provocaronxa ganaron o conflito das ideas na túa cabeza, xa te ganaron. Non actúes á contra ou perderás. Actúa de xeito activo, marcando ti o paso, o mesmo que a sociedade debe marcar o paso, non deixar que llo marquen.