Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta auditorio de Cabanela. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta auditorio de Cabanela. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20160822

ESCUDO DE RIBADEO (II). Francisco José Campos Dorado

-Este artigo é continuación de Escudo de Ribadeo (I)-
Reconstruír o pasado dende o presente, utilizando materiais conservados e ditos da tradición popular é unha empresa ousada, pois non temos a seguridade de que as costumes permanecesen inmutables o longo do tempo. Pero tamén é certo que non podemos negar que existen crenzas que perduran no tempo, conservando trazas verídicas do pasado, que ben contextualizadas poden ser un elemento útil de investigación. En todo caso a análise meticulosa das nosas tradicións, achegará gran coñecemento sobre a nosa cultura. Para seguir coa análise do significado do Escudo de Ribadeo (I), temos outro indicio, tan antigo como o escudo da fachada do Levante da capela da Virxe do Camín, de que quen exercía a Xurisdición Marítima do porto de Ribadeo era unha dignidade eclesiástica, e está na tradición, por tódolos ribadenses coñecida, de chamar “Pazo ou Casa do Obispo” a unhas ruínas situadas en Cabanela (foto 1)

Examinemos a cuestión. ¿Onde está situada a “Casa do Obispo”?. Nada menos que está na “primeira liña da praia” de Cabanela, que era o lugar onde se embarcaba e desembarcaba a maior parte das mercancías de importación e exportación do Porto de Ribadeo, mesmo coas calas de Porcillán e Guimarán, medio protexidas do embate e das vagas de mar pola Illa de Guimarán, hoxe desaparecida (Carta de navegación da Ría de Ribadeo de 1776, cota 43). E preguntámonos ¿alguén imaxina o bispo vivindo no peirao de carga/descarga do porto, pois para iso servía a praia de Cabanela? ou ¿alguén viu en algún sitio un pazo bispal fora do recinto da catedral ou nun paraxe moi alongado dela? Non, non é normal que isto ocorra e por aqueles tempos a igrexa principal de Ribadeo era a Real Colexiata do bispo Pelayo Cebeyra e estaba no campo (Santa María do Campo) e anteriormente a Igrexa de Santiago de Vigo, na Vilavella.
Restos en Cabanela, co actual auditorio ó aire libre ao pé.

¿Entón por qué, en Ribadeo, chamamos Casa do Bispo a un edificio, en ruína total desde tempo inmemorial, situado preto da praia de Cabanela? Mesmo Francisco Lanza di que puidera ser onde estaba a Torre das Cabanas (Ribadeo Antiguo, páx.145). Pois ben, nós cremos que era a Casa da Alfándega cuxa administración rexentaba un prelado, ou outro encargado, ás ordes do bispo que era quen tiña a Xurisdición Marítima do Porto de Ribadeo e os beneficios que iso reportaba. Nótese que esta Casa da Alfándega deberá datar de antes de 1369 (data en que se fai cargo o Conde de Ribadeo de cobrar os impostos) polo que as ruínas de Cabanela, son ruínas posiblemente do século XII-XIII, as máis antigas dun edificio de Ribadeo, e que deberan estar máis protexidas por Patrimonio, pois están desfacéndose, como case todo o patrimonio antigo de Galiza, e non falemos da barbarie que se está cometendo cos castros abandonados no medio das plantacións de eucaliptos...!!!
A capela da Virxe do Camín é de arquitectura románica con arcos nalgunhas das fiestras de medio punto abucinados, propios do século XI, XII e XIII, e con posibles reformas do século XVI. Na Casa do Bispo, os arcos da porta e da fiestra que quedan en pé, son arcos escarzanos, os cales tamén eran usados no estilo románico. Se esta casa era naquel tempo o edificio da “alfándega” do Bispo, tamén datará esta parede dun daqueles séculos sinalados, e moi posiblemente sexa, a máis antiga alfándega do Norte da Península Ibérica.
O nome de Casa do Bispo, é fácil de entender que sexa unha forma popular de chamar as cousas por quen as fixo, ou por quen lles saca algún proveito, o mesmo que ocorre, por exemplo, coa Torre dos Moreno, que é unha casa onde non viviron nunca os irmáns Moreno, senón un edificio feito e explotado por eles en apartamentos e pisos en renda.
¿Cómo esta distinción da administrativa marítima chega a ser o Escudo de Armas de Ribadeo? Pois ben. Cando o rei Henrique II de Trastamara, lle concede o Condado de Ribadeo a Pierre de Villaines en 1369, concédelle tódalas rendas do Condado: “almojarifadgos, yantares, alfándegas, escribanías, diezmos e alfolís” (Ribadeo Antiguo, páx.44). Isto quer dicir que aquela prebenda da Xurisdición Marítima da alfándega que antes tiña o bispado, pasou a ser privilexio do Conde de Ribadeo.
Algún dos condes, non sabemos cal, mandou gravar na fortaleza estas armas da Xurisdición Marítima, a chave en pau sobre ondas do mar, e quizais fora, Rui Davalos o Bo Condestable, que comprou o condado seguramente para sacarlle proveito, e a alfándega marítima era unha das proveitosas rendas que lle correspondían ó cargo. Sabemos de certo que estas armas estaban ciceladas na fortaleza en 1722, polo preito que houbo entre o Concello, a Cofradía da Santísima Trinidade e o Bispado, cando se renovou a pedra do escudo da capela da Atalaia, que o “brasón dunha chave sobre ondas do mar”, estaba “non solo no escudo da Atalaia, senón tamén sobre unha porta falsa da fortaleza e torre da vila, e no frontis e sobre a porta principal de esta dita vila e torre do campanario” (ibidem, páx.6). Aquel brasón gravado na Virxe do Camín, xa pasara en 1699 (ibidem, páx.5) a ser asumido polas autoridades locais como as armas do Concello. Pero obsérvese, que na fortaleza estaba gravado sobre a “porta falsa”, isto tamén quer dicir que o escudo estaba sobre unha porta accesoria que daba seguramente a un recinto interior da fortaleza, e estaba gravada como un dos privilexios dos condes, non como escudo de armas deles, que como todos sabemos os Davalos, os Villandrando, os Hijar ou os Alba teñen outras armas de liñaxe.
Pero o Concello de Ribadeo, aínda que xa condado en 1369, non por isto perdeu o apego á xurisdición eclesiástica posto que dende o século XIII Ribadeo ía adquirindo elementos de ámbito relixioso monástico que o seguirán caracterizando ata o día de hoxe: os conventos de Santa Clara e o de San Francisco dan crédito disto, pero sobre todo, coa construción da Colexiata Real en 1270 coa que mantivo altos honores e privilexios, aínda despois de mudar a sede episcopal, en 1233, para Vilamaior de Vallibria, o actual Mondoñedo. Foi unha gran perda para Ribadeo o ver arruinar o edificio da Colexiata de Santa María do Campo e non habela restaurado en 1852 cando o Concello se dirixiu a reina Sabela II, cuxa petición foi ignorada absolutamente, e volvéuselle a pedir a Afonso XIII, e en 1903 o proxecto foi esquecido definitivamente (La Colegiata de Ribadeo, José Mª Rdguez. Díaz, pax. 53). Como di o dito, “temos que acordarnos da nosa historia, senón estaremos condenados a repetila”. Tamén queremos facer mención a outro dos máis antigos escudos de Ribadeo que aparece nos Nobiliarios (figura 2),
pero do que non se sabe dun gravado de pedra armeira semellante en Ribadeo: en campo de gules seis caldeiros de ouro. Non se coñece data deste escudo.
Segundo relata D. Modesto Costa y Turell na Ciencia do Brasón de 1858: “a palabra “gules” en heráldica e a cor vermella, parece ser que foi traída polos cruzados de Terra Santa. “Ghiul” en turco, significa “rosa”, xenérico de todo o que é encarnado, e os que traen esta cor no campo do brasón, están obrigados a socorrer os que están "oprimidos por inxustiza”. ¡Non che digo... hospitalidade, socorro e cultura reborda Ribadeo: Santa Clara, San Francisco, San Lázaro, San Roque, San Miguel, San Clemente, San Luís...! Por outra banda, os caldeiros eran antigamente marca dos rico-homes, que daban os reis por insignias ós cabaleiros os que facían Grandes do reino. Posiblemente este escudo fora concedido por Fernando II, en 1183, cando eleva o rango de Ribadeo a Vila Real. Pero quizais os caldeiros tamén poden interpretarse co significado a inversa: “a entrada de rendas polo porto de Ribadeo que facían grande o reino”, polo que, Afonso IX (1188-1230) ou Fernando III “O Santo" (1217-1230) lle concede tal distinción a Ribadeo. O cal, tampouco sería de estrañar, dado que o transporte terrestre era moi penoso e lento e a chegada dun barco a porto con mercadoría diversa, debía de ser como a chegada dos “reis magos”, pois daba traballo de varios días, a veces de semanas, a todo o pobo. Logo distribuír a mercadoría daba traballo a moitos veciños do contorno e ós negocios da comarca. Actualmente, Ribadeo ten un movemento portuario de un millón de tonelada ano, cuxa mercancía é toda de exportación, non hai ningunha importación, polo que o porto ten unha economía “terceiromundista”: só exporta, nada recibe. E algúns xerifaltes da administración portuaria de Galiza están encantados e dando as grazas, pola boa xestión que están facendo ¡manda truco ver a que chegamos! ¿Non haberá cursiños de Administración Marítima en Róterdam para que vaian estes señores aprender algo do que significa Tráfico Marítimo e Rendemento Portuario con Beneficio?. ¡Qué cruz temos...! ¿Non? ¿Hai máis escudos de armas de Ribadeo que asemellen dignidade eclesiástica?. Si por certo.
--
Continúa en ESCUDO de Ribadeo (III)

20090613

Sobre a Atalaia, hoxe





Despois de falar varias voltas a poucos no blog sobre o tema, aproveitando parte dunhas fotos que tomei xa hai case o mes, inserto hoxe dous artigos, un xa publicado na comarca, de José Emilo Amor, e outro a medio publicar, de Pancho Campos. A dicir que o primeiro (o da imaxe final, que lembro de novo que se pode ampliar e convertir en lexible) trata o tema como único, mentras que o segundo (aquí abaixo) céntrase nel tras un recorrido.


CURSIÑO PARA INFORMADORES
Entre os dias 1 e 4 de Xuño ambos inclusive, algúns ribadenses e foráneos de Ribadeo estivemos a facer o cursiño “Coñece o teu Concello. Coñece a túa provincia” impartido pola profesora Sra. Elena da Diputación de Lugo./ Turismo / Vicepresidencia Terceira.
A intención é ir preparando cada vez mellores informadores da nosa historia local, das rutas turísticas polas nosas ruas e polo noso entorno, paseos polas ruas das zonas do pequeno comercio e das grandes superficies, dos espectáculos que se atopan: obras de teatro e concertos programados, cines, zonas de marcha e de divertimento diverso.
Así, un informador ten que prepararse a conciencia para ter unha comunicación eficaz, entre él, emisor, e o grupo de receptores que o están a escoitar, pero que tamén nalgún momento lle preguntarán por algún asunto, para o cual ten que mostrar seguridade no que está a decir, e os contidos da súa resposta deben de ser correctos, en datas, nomes de personaxes históricos ou de puntos xeográficos. Por outro lado a explicación debe de estar ben estruturada, e a linguaxe será clara e sinxela de entender, evitando tecnicismos que so unhos poucos entenderían.
Logo, depois de facer na aula da Casa da Cultura este cursiño sobre técnicas da información oral, que teño que decir que o meu entender foi excelente, fomos percorrer Ribadeo, por unha ruta previamente establecida na aula, para o que cada alumno tuvo que preparar algo concreto sobre a historia de cada casa, camiño ou monumento que íamos a atoparnos no percorrido a seguir.
Comenzamos na Plaza de España, desde donde se accede a edificios tan emblemáticos de Ribadeo como é o palacio de 1915 dos irmáns Pedro e Juan Moreno Ulloa, conocido como Torre dos Moreno, donde a fachada e de estilo modernista e por detrás de estilo neoclásico, conformando un edificio de estilo chamado ecléctico pola mistura. Nosoutros todos sabemos o precioso que é, pero ó ter que enseñalo a xente de fora, atopamos que o estado de conservación pola parte lateral e de atrás é lamentable. A selva no xardín do seu patio traseiro é excelente para recreo de coscos, limacos e sapagueiras; a ferraxe das portas e balconadas, son dignas de fondear nun acantilado profundo para a cria de corais, cangrexos e matahomes, cual de chatarra de desguace se tratara.
Pola outra banda do parque está a igrexa parroquial de Santa Maria do Campo, antigo convento de San Francisco, de portadas góticas e altar maior de estilo barroco. Digno templo de proporcións comedidas dentro das que o visitante se sinte cómodo, dá gusto ensiñalo polo ben conservado e limpo que está; admiramos as pilas da auga bendita feitas de toclovos xigantes que viñeron das Indias, as magníficas tallas das imaxes dos Pasos da Semana Santa e explicamos que o templo era antigo patrocinio da Casa de Navia-Osorio, Marquesado de Santa Cruz, e estendemonos na súa historia, relatando os escudos de armas das capelas, na da Virxen das Dores: escudo da Casa Villar, con armas de Villar, Castrillón e Pasarón. Na capela da Virxen do Rosario, co escudo da Casa de Miranda, coas armas de Ribadeneira, Villaamil, Castrillón e as doncelas de Miranda. Na capela das Ánimas e do Rosario atópase o escudo de Pedro Miranda e da sua muller Catalina Osorio, con armas de Olla, Miranda, Osorio e Castrillón. Na capela da Virxen de Lourdes, escudo da Casa Presno, con armas de Presno, Acebedo, Baamonde e Pardo. Na capela de San Antonio e San José, o escudo coas armas de Busto, Trelo, Lombán e Luaces.
Seguimos o paseo pola Plaza de España e atopamos o Convento de Santa Clara. Relatamos algo da súa historia que comenza no século XI como beaterio e retiro de damas devotas, transformado en convento no século XV, con gran claustro rectangular do XVIII. Lemos a inscrición que Santa Clara mandou poñer no dintel da porta principal dos seus conventos “Haec est domus paupertatis” (esta é a casa da pobreza). Falamos algo do seu obradoiro de pasteles, tartas, empanadas e demáis “delicatesen” do convento, que se nos fixo a boca auga, é continuamos.
Pasamos por diante do galpón-casa de Información e Turismo, e baixamos por Buenos Aires, antiguo barrio de Figueirúa, por cuxa marxe dereita discurría un trozo da antiga muralla de Ribadeo, onde nós xugabamos de pícaros, hoxe desaparecida totalmente despois de facer as casas no solar da horta e da tamén desaparecida casa de Leopoldo Boado, ¡que sería daquelas estalactitas da cornisa que tanto nos chamaban a atención sendo nenos! ¡da magnífica balconada de vidrieras! ¡en fin...!
Seguimos baixando cara o porto de Mirasol, e contemplamos á dereita o escaso edificio do Auditorio para a poboación de Ribadeo e un pouco máis abaixo xa podemos ver o Parador. Edificio moderno de privilixiado enclavamento para poder contemplar a Ría de Ribadeo e o séu entorno.
Deixamos sin dicir nada da fealdade dos tinglados do porto de Mirasol, e seguimos polo paseo marítimo, que estando marea baixa, contemplamos a desfeita que se está a facer na Ría coa acumulación de area nos tesós, recheos sin ton ni son que non foron nin son xustificables baixo ningun concepto. Contemplamos en primeira fila as mentiras burocráticas das escolleras, que ían a ser lugar de atraque dos barcos de pesca, e fixéronas sin un metro de muelle de atraque e sin haber barcos de pesca, etc. etc.
Subimos a Cabanela, e volvemos rápidamente a baixar, despois de ver con impotencia infinita o que alí se está a facer. Unha igrexa do século XII, escavada e hormigonada polos cimentos e arredores, pero ¿quén é o encargado do noso patrimonio? ¿cómo se pode permitir tamaña barbaridade patrimonial? ¿sabe algún destos señores, que dende o século XII Dª Urraca concedeu a Ribadeo o privilexo de Vila Real, cartas de Fuero e privilexio de Carga/Descarga e que dependía solo e exclusivamente do rey e non de un señor feudal de turno, e que gracias a aqueles fueros, debaixo das árbores da Atalaia se celebraba o Consello do Pobo para facer ou desfacer o que conviñan as 21 parroquias que en 1128 xa tiña Ribadeo, con un espíritu político democrático que para hoxe quixéramos? ¿saben estes señores que desde 1183 con Fernando II, Ribadeo ten a Carta Puebla que lle confire xa o privilexo de celebrar Mercado un pouco máis arriba de Cabanela? ¿saben estes señores do gran desenrolo da pesca da sardiña, da merluza o do peixe salgado no século XIII, e que no século XIV Ribadeo exportaba viño para Francia, cando esta padecía a peste e demandaba viño galego por centos de litros? ¿saben estes señores que debaixo da terra de Cabanela están todos estes vestixios, e que os estan reducindo a escombro e cenizas? ¡Esto é unha vergonza! ¡chegará o día en que a lexislación de Educación obrigará a facer os alumnos que acaben a carreira, un exámen psicotécnico antes de concederlles un título universitario! ¡non se poden dar títulos así como así, a quen adquiere autoridade para facer coa sua desidia demolicións no arte, na historia, na integridade física das persoas... etc.!
Seguimos por Porcillán, vemos a obra da pasarela de madeira sobre do paramento do muelle, e a mín gustoume e os que viñan connosco tamén. É unha obra que parece sólida e en caso de ter que sacala e sinxela a laboura de desfacela. ¿Por qué non se haberán feito con bloque as escolleras e non con pedras de derrubio, para poder desfacelas fácilmente tamén?
Contemplamos as lanchas, botes e os catro iates atracados no Club Náutico é... subimos pola escaleira que da acceso a capela de San Miguel. Alí contemplamos a serea beleza do atardecer sobre unha Ría de Ribadeo en calma. É tempo de descanso e reflexión. Miramos con nostalxia hacia Cabanela e vemos o mamotreto de obra que se esta tamén a facer para “un ascensor” e empezamos a enumerar unha por unha as pautas que poden seguir os de patrimonio, os de medio ambiente, os dos gobernos municipales. Chegamos a conclusión que non teñen ningunha pauta, solo interesa darlle avante a presupuestos multimillonarios que orixinen gasto e boas comisións, e ¡claro, así esta todo o pais encanallado pola política de lucro! e como se decía antiguamente ¡y lo que te rondaré, morena!
Seguimos andando ata O Cargadoiro, e na misma punta explicamos como se cargaban os barcos co mineral de ferro fosforoso das minas de Vilaodriz e os puntos de amarre.
Voltamos atrás polo paseo do Cargadoiro cara as Casas de San Miguel. Subimos por Rosalía de Castro, e chegamos ó Teatro xa moi tarde para explicar os aconteceres da Casa Fábrica, da Sociedade Filantrópica, almacenes de víveres de Casa Gayol, do Ferrocarrilana, das casas de indianos de San Roque...
Como conclusión, dicir que temos un pobo moi bonito e con tanta riqueza ou máis para o turismo, que calquera vila do Norte de España, e se incluímos os castros, é sin duda, o concello máis rico en restos arqueolóxicos da Galaecia antigua ou do mundo celta. Pero teño que dicir, por devoción e obligación a Ribadeo, meu pobo, que fomos os de “O Tesón” de visita o castro de Viladonga, e cal non sería a nosa sorpresa, que nin Ribadeo, nin a Ría de Ribadeo, nin o rio Eo nin ninguún dos nosos castros nin asentamentos prehistóricos do Concello de Ribadeo, aparecen no mapa da Cultura Castrexa confeccionado polos “historiadores” do museu ou de Patrimonio, dame igual quen o fixera. O ninguneo ó que está sometido o Concello de Ribadeo, é, por non decilo de outra maneira, intolerable. E como estamos a ver nas obras que se están a facer con consentimento dos nosos gobernos municipales, moita da culpa é nosa, por non ter ningunha vixilancia dos nosos valores. A patronimia cambiada da Ría de Ribadeo ou da Diadema de Ribadeo é de un paletismo intelectual tan grande que ... ¡clama al cielo! Pero non vamos a desistir, xeralmente o que está podre, tírase...
Pancho Campos

20060323

Espéranse fortes ventos

Para hoxe e mañá esperanse fortes ventos na zona, e lémbrome de aquelo de 'aqueles ventos traen estas tempestades' cando leo que onte houbo unha nova rolda de declaracións pola filtración do plan xeral de ordenación municipal (preúntome cántas habería), hoxe hai unha vista pola filtración de datos de soldos no concello (eu cría que os soldos dos funcionarios eran públicos), o parque de bombeiros segue sen porse en marcha (e a mesma protección civil, en nome dos mariñanos, protestando e esixindo medidas), e Ribadeo aparentemente está en calma. Cando a vida dun concello se xudicializa é porque dentro del non hai acordo nin esperanza de habelo, e polo tanto, a tendencia non é boa. Non se usa a conciliación. Non se da información. Non se facilita a comprensión, e a vida tórnase máis dificultosa no terreo persoal.
Ando a repetir o mesmo dende vai tempo, de diversos xeitos, con diversos matices, e non lle vexo síntomas de cambio. Así, cando o alcalde esta mesma semana da información á prensa sobre o novo auditorio de Cabanela, xa tiña posto no blog dende vai qince días as obras, e amosaba a miña extrañeza. Dúas semanas despois, entérome de que o auditorio sen uso vai ser substituído... por outro auditorio semellante, pode que cun esceario maior e gradas un pouquiño diferentes. Cun uso semellante? Eso si, as obras son anunciadas para dignificar unha zona bonita... que ten diante o primeiro recheo e a nave do mesmo e por eso xa vai tempo deixou parte da súa beleza a dignificar.
Cánto costa? Nin idea. Aínda que só sexa curiosidade, vai a cargo do concello ou non? Hai algún plan secredo (polo momento, se entende) para dinamizalo ou só é unha preparación para o ascensor que vai quedar na viciñanza?
Estou a convertirme nun mal pensado respecto das actuacións do concello, pero non podo evitalo ó ver a historia de cartos tirados en fume e sen unha planificación, un sentido de Ribadeo, sen a definición do 'Ribadeo que queremos' que pedín no seu momento. De novo, ogallá sexa algo bó para Ribadeo e o próximo ano por estas datas pensemos 'con esta obra Ribadeo deu un paso adiante' sen querer dicir on elo que lle comeu outro bocado á ría.
--
O Ribadeo que queremos, publicado no blog anterior o 14/4/05 e na prensa en datas semellantes.
Se queres lograr algo neste mundo, o idealismo non é abondo -necesitas escoller un método que funcione para conseguir o teu obxectivo. Noutras palabras, necesitas ser «pragmático»(*)
O futuro, antes de vivilo, e se queremos ter algún poder sobre el, hai que imaxinalo. E logo de imaxinalo, darlle un repaso para contrastalo coa súa posibilidade. Logo aínda, traballar para extender a idea para poder levalo á práctica. Tendo en conta o anterior, parto con estas liñas para unha aterializar unha proposta ambiciosa e concreta: tratar de afrontar un Ribadeo futuro mellor que o actual, intercambiando opinións con tempo antes que o futuro nos alcance.
En certa forma, é o que fan os partidos políticos antes das eleccións coa proclamación dun programa electoral, pero só en certa forma: os programas electorais están feitos en xeral de xeito rápido e buscando non tanto a mellora do conxunto senón máis ben facer anuncio dunha mellora de cara a contar con máis votos, así como dende unha única visión e ideoloxía, sen deixar entrar na discusión outras posibilidades.
Co anteror e a comparación, creo que queda craro o que pretendo con este artigo máis outros que lle seguirán (meus, doutra xente ou mesmo facendo un ataque á pretenciosidade, amplitude, ideas ou liña seguida nos anterioriores):
- Un estado de contrastación de ideas e proxectos cara o futuro, que ilumine as decisións a tomar sobre todos nós, que faiga imposible cousas como as variacións repentinas de opinión, como algunha tristemente perpetrada hai non tanto tempo, ou proxectos que se indicou que van crear unha morea de postos de traballo e crearon só unha diminución de ría, ou o aumento do chamado 'feísmo' que se suma ó acogotamento na construcción, ou ... pon ti nos puntos suspensivos todas esas cousas que estás a pensar.
- Un Ribadeo máis informado que poda controlar o seu futuro, que se vexa máis involucrado nel. Din que a información é poder. Alomenos, da unha visión para tratar de influír no poder. E de aí, ó ceo. Depende de todos os cidadáns. Depende, por exemplo, que os políticos queiran asociarse dalgún xeito a este movemento para levar ventaxa en recoller o contacto coa xente, simpatizar cos votantes posibles na spróximas eleccións ou para tratar de conducilo.
- Pero sobre todo, un pobo que pense no seu futuro. Pensar... pode que alguén vexa como un perigo para algúns que é unha oportunidade para todos.
En caso contrario, e como sucede moitas veces dun xeito ou outro, remataremos dando paos de cego ou tendenciosos boa parte do tempo. Dun xeito ou outro, a nós mesmos.
(*) Collido de “Software libre para una sociedad libre”, editorial Traficantes de sueños, 2004

20210525

DESGOBERNO NA XESTIÓN. José Mª Rodríguez Díaz

Artigo publicado por José Mª Rodríguez Díaz no seu blog O Cargadoiro (xa non funcional) o 18 de xullo de 2006. 

Martes, 18 de xullo de 2006

DESGOBERNO NA XESTIÓN

TRES anos IMPROVISANDO. Van xa máis de tres anos que Ribadeo está soportando esta desatinada xestión de goberno. Tres longos anos perdidos para este concello. Máis de tres anos improvisando, sen abordar ningún dos grandes retos pendentes. Tres longos anos entretidos en trivialidades, esperando que pasen os días e caian os euros.

O paraíso que este alcalde nos prometía no seu discurso de investidura e no seu programa electoral, resultou ser, como o de Milton: un paraiso perdido. Unha serie de manobras para enganar aos incautos que creron nel. Incapaz de sacar o seu programa adiante, e cumprir así a súa promesa e o seu contrato cos electores, dedicou o seu tempo a improvisar e a viaxar. Pasouse o tempo do seu mandato viaxando constantemente para traernos aos franceses da Bretaña e un ascensor, que nunca chega, para a Atalaia, xunto con outras actuacións menores, como foron as bicicletas para alugar, os contenedores de excrementos caninos, a reforma do auditorio de Cabanela, ou a fonte de xogos de auga. Unha constante improvisación na súa forma de gobernar e poñendo sempre o acento no seu respaldo ao capital, como o testemuña o seu apoio a Acuinor ou a aquelas urbanizacións famosas, no canto de facer vivendas para os necesitados ou protexer o medio ambiente, como tiña prometido no seu programa. Para asegurarse o apoio á súa xestión baleir de contidos, non dudou en asegurarse a colaboración dalgúns dos funcionarios, mediante unha subida escandalosa do soldo, no canto de defender os intereses económicos do concello, como era a súa obriga, que son os intereses dos contribuíntes. Con pólvora allea calquera dispara.

Esta foi a súa resposta ao apoio que o pobo lle concedeu, atraído polo seu lema "outra forma de ser, outra forma de gobernar". Todo acabou nun estrepitoso fracaso. Nin houbo honestidade na xestión, nin austeridade no gasto, como o demostran os orzamentos deste ano, nin participación cidadá, tal como nos tiña prometido no seu programa. Este alcalde non funciona nese rexistro. Máis ben fixo todo o contrario do prometido aos ribadenses. Os impostos medraron de xeito alarmante e outros novos establecéronse, o gasto público non se contivo e a participación cidadá na xestión brilou pola súa ausencia. E así van pasando os días. E mentres, o pobo permanece calado ou se entretén mirando para outro lado. O antigo costume dos faladoiros, que tanto ocupaba antes o tempo libre dos veciños e nas que se falaba de todo, incluída a xestión municipal, non está xa de moda. Novos hábitos de vida téñena suplantado. En todo caso, son outras cousas as que acaparan a atención da xente nos seus tempos de lecer. De política non queren falar. Séntense alleos a ela, ignorando que viven nunha 'polis'. Como dixo Aristóteles, só os deuses e as bestas do campo, que viven fóra da cidade, son alleos á política. Ignoran que a política concierne a todos os que viven nunha comunidade. A nosa resposta, pois, á acción do goberno local non pode ser o silencio. Se exercen o goberno no noso nome temos a responsabilidade de opinar e de intervir nos problemas que afectan ao goberno da comunidade, como fixeron os de Nigrán. Permanecer durmidos e ignorar a política municipal, é darlle a razón a Cervantes cando, por boca de D. Quixote, afirmaba que 'o sono é alivio das miserias dos que as teñen espertos'.-

José Mª Rodríguez

Outros Artigos de José María.

20070724

Unha lista de actividades culturais en Ribadeo (obtidas do boletín de cultura)

Son moitas para comentar unha a unha... (que conste que chegoume hoxe a información, aínda que hai cousas que xa pasaron)
--citas culturais en ribadeo até final de mes
teatro en familia
caramuxo teatro
Juan Rodríguez escribe e dirixe Teatre Varietés. Unha comedia con tres actores e preto de 15 personaxes, os bonecos autómatas, hipnose, monicreques de cachiporra, Monkina a gorila bailarina, teatro clásico…
Martes 24 ás 20.30 no parque San Francisco
exposicións
*
Na OMIC , até o día 31 de xullo, temos a oportunidade de gozar dos debuxos e gravados da artista de Barreiros , alumna de Suso Peña, Lucía Vila.
*
Na rúa Rodríguez Murias, exposición fotográfica Olladas de Muller, desde o 27 de xullo até o 5 de agosto
*
Durante todo o verán a Casa das Letras, no seu último andar, amosa Os traxes do rei, a parte máis rechamante do legado que a Casa de Alba conserva da historia de Ribadeo.
concerto do día da patria
banda municipal de música de ribadeo
Mércores 25 ás 21.00 horas na praza da Música.
xornadas mar por medio
Parador de Turismo de Ribadeo, 26 e 27 de xullo
A Consellaría de Cultura organiza , coa colaboración do Concello de Ribadeo, as XV Xornadas MAR POR MEDIO.
A partir da edición de 2006 preténdese converter esta cita do verán no referente para o debate sobre a promoción internacional da nosa cultura. Como xa vos adiantamos en anteriores comunicacións, tedes toda a información en http://culturaedeporte.xunta.es.
Logo das conferencias podedes unirvos ás seguintes actividades :
Xoves 26
20.00 horas: Nunha das escoliñas do Círculo Habanero da Devesa,proxectarase o documental “Os últimos gaiteiros da Habana”, da realizadora cubana Natasha Vázquez.
21.30 horas. Auditorio Hernán Naval CAMERALIA EN GALIZA
BABEL ENSEMBLE:
J. DOVE Figures in the Garden
W.A.MOZART Serenata nº 11 en Mi Bemol Mayor K375
Venres 27
18.00 horas Percorrido guiado pola arquitectura indiana en Ribadeo, a cargo do arquitecto Ernesto Cruzado (desde a Casa do Óptico)
20.30 horas. Na rúa Rodríguez Murias. Presentación do proxecto Olladas de Muller. Veremos o resultado do curso de fotografía que mulleres de Ribadeo fixeron …de mulleres de Ribadeo.
Está organizado polo CIM.
21.30 horas Auditorio Hernán Naval CAMERALIA EN GALIZA
TRÍO VIAÑO:
DUVERNOY Trío en Do Maior
REINECKE Trio en Sib op. 274
GUSTAV JENNER Trío en Mib Mayor
festival de bandas
Sábado 28 ás 20.30 na praza da Música
jazz en cabanela
Un lugar marabilloso para recibir a música de PABLO SEOANE TRÍO (ver dossier). Agardámosvos o domingo 29 ás 21.30 horas.
xornadas de historia local
casa do mar, 30 e 31 de xullo
21.00 horas
A A.C. Francisco Lanza organiza un ano máis estas xornadas co seguinte programa de conferencias:
Cincuenta anos do condado de Ribadeo . Félix Soria
Ribadeo: Evolución histórica, urbanismo e arquitectura. Ernesto Cruzado

20051214

Contrastes





Ninguén pode negar que os contrastes aparecen por calquera beira. Ás veces, de xeito impresionante, outras, moito máis suave.
As dúas fotos de hoxe son dunha pasarela que fai de ponte entre dúas casas no antigo cuartel ribadense, que conserva ademáis a estructura superior dunha torre que algún día sairá no blog. A porta tapiada que se observa na foto tamén é para ver. O estado de conservación actual tamén mellora o de vai unha tempada, na que se notaba a necesidade dun remoce.
O outro,por contra, é unha praza que volve a repeter o caso de outro auditorio, o de Cabanela, polo seu pouco uso. Se ben é certo que aquí (parte traseira da oficina de turismo nova, e a uha distancia dun só edificio da praza da música) xa se organizou algún acto, aparece como un lugar frío, sen alma, e pouco agradable para organizar algo. Aproveitable? dende logo! Aproveitado? Non.
Pero deixémonos de peccatta minuta e xulguemos outra cousa. Novamente, o pleno onte foi polémico. Aprobouse a concesión da piscina por 20 anos prorrogables outros cinco máis, pero a polémica voltou xurdir, ó meu entender de novo pola falta de comunicación do concello, incluído de xeito interno: resulta que tras estar parada literalmente a cousa e pouco prevido, agora tramítase por urxencia e dando a documentación para o estudo tarde, mal e arrastra; é dicir, polo que parece, segundo se alega polo PP, despois de ser pedida (non de motu propio), a mesma mañá correspondente ó pleno (cando xa estaba dispoñible dende alomenos a comisión de goberno do xoves e de xeito incompleto (parece que falta información da proposta rexeitada). E eso que era un pleno extraordinario sen problemas porque o pobo necesita a piscina, e é unha vergoña estar sen ela. Por certo, non parece que se tratara moito sobre as condicións da concesión feita. Falaríase na comisión de goberno?
Falando de outro tema, outro tipo de contraste: despois dunha semana como a pasada, da gusto poder aproveitar a noite para durmir, sen ruídos. Haberá que agradecerllo ó equipo municipal? Máis ben sinxelamente a que a xente parece que de cando en vez traballa e durme, incluída xuventude e carrozas armadanzas (non se tome esto como pexorativo, senón como expresión de xogo, xocosa, garimosa, tras comprobar o que poño e aledarme do feito...)

20100715

Descoberto o pastel do ascensor


Onte foi descoberta a placa e inaugurado o ascensor. Cal? O da Atalaia, claro. 21 m de desnivel. Non máis pasaxeiros polo momento, pois está pechado á espera de pequenos detalles. O acto foi aproveitado: non foi o importante ó descubrimento da placa, senón os comentarios e peticións arredor dela, lembranza de inversións prometidas e lembranza tamén de que o concello non ten cartos para poñer unha persoa que o coide. Aí vai o titular de La Voz: Ribadeo inaugura un ascensor panorámico de 1,4 millóns sen poder pagar a quien o atenda.
O pulo? Máis que comunicar o porto, dar vida a unha zona que estaba a esmorecer. As incógnitas son moitas, comezando por cánto tempo estará en funcionamento. As curiosidades tamén, e aí está a zona barrada á beira do ascensor, protexida non para evitar máis derrumbes, snón para evitar que a xente se poda situar baixo deles.
No plano, a zona con centro no ascensor, tal como viña contemplada no último que se sabe públicamente do PXOM, entre a aduana vella (arriba) e o auditorio de Cabanela (abaixo). O-11 é á capela da Atalaia.
Algúns relacionados:
Pagus - ascensor na atalaia de Ribadeo
Sobre a Atalaia
De Suso Peña á Atalaia
Xa non é nova
Será noticia
Cogomelos
O ascensor da Atalaia, onte
Guirilandia

20120813

concerto 20 aniversario da Banda Municipal de Ribadeo

Celebrado no auditorio de Cabanela, o tempo calmo e temperatura agradable acompañaron, o mesmo que os paxaros, a vista ou o ambiente de vellos músicos, coñecidos e afeizoados, nunha velada que para min ó menos, foi moi agradable e de desfrute de tódolos sentidos (despois, os que pasamos pola banda tivemos churrasco, en colaboración cos xa bregados no tema Amigos da Semana Santa).
Por orde (a excepción de Nino Bravo en concerto, que  ...) o son, incluído algún paxaro e as verbas do representante da directiva e o director, o son foi:










E algunha imaxe para achegarse máis ó ambiente...
 Un par de notas:
1.Aínda que foi o concerto deo 20 aniversario, cabe lembrar que o concerto inaugural da banda tivo lugar o 19920125
2.'Un día destes' poñerei unha entrada con todas as gravacións da banda que teño (unhas 100 interpretacións)

20200822

O que ten nome existe: toponimia da historia de Ribadeo

 

Dentro das Xornadas de Historia Local 2020 organizadas pola Asoc. Cultural Francisco Lanza de Ribadeo, o 21 de agosto no auditorio de Cabanela tivo lugar a charla O que ten nome existe: toponimia da historia de Ribadeo, impartida por Rocío Dourado Fernández e presentada por Farruco Graña.

Deixo en baixo a ligazón gravación que subín ó podcast ribadeando, que abrangue toda a charla a excepcións dos primeiros segundos da presentación e as intervencións finais.

https://www.podcasts.com/download/ribadeando-3a91407da/O-que-ten-nome-existe-toponimia-da-historia-de-Ribadeo-3b40

20140810

Día do socio na Banda Municipal de Ribadeo

Por terceiro ano se celebra o día do socio na Sociedade de Amadores da Música. de novo a antiga enseada de Cabanela, hoxe auditorio ó aire libre, voltou ser o esceario dunha actuación da banda (e churrascada para socios).
A cousa comezou ás nove da noite, con luz, e o concerto rematou entre lusco e fusco, coas farolas encendidas nunha noitiña agradable entre unha maioría de vellos coñecidos. Un concerto de campo, no que a máis do can que por alí andaba (con donos incluídos) e de pequenas intervencións orais, os coches e os ensaios da orquestra da festa das Figueiras contribuíron a amenizar a noite xunto cos sons da banda. Aínda así, os sons lixeiros do concerto foron aprezados, facéndose dous bis.
Embaixo queda un audio do concerto e do primeiro bis, sen tratar, 'en vivo', cunha ausencia de cousa dun par de minutos de música da segunda obra tocada, que desapareceron...

 

20090904

Musikeo

Esta noite pasada foi o Musikeo 2009. A foto, nun momento dunha das actuacións, enmarcada no conxunto de Cabanela. Auditorio ó ár libre que foi acumulando xente, abonda, sen chegar a estar repleto nunha noite cunha boa temperatura, bonita lúa chea e Xúpiter visible.