Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Wörgl. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Wörgl. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20210122

Os milagres non existen... coñeces Wörgl?

Logo do bitcoin

   Non o coñeces? É un pobo do Tirol, en Austria. Foi alí onde, hai case noventa anos, se desenvolveu a primeira experiencia de recreación dos cartos dende a aparición dos bancos. Precisamente foi o toparse de fronte cos bancos o que fixo parar unha experiencia exitosa. Unha experiencia que deu pé ó que, de ser levado pola igrexa, sería cualificado de pequeno milagre: mentres o mundo enteiro, e Austria en particular, estaba sumida na depresión económica, Wörgl se convertira en pouco tempo nun pequeno oasis. En pouco tempo, e tamén durante pouco tempo, pois en canto foi coñecido o seu éxito, tamén foi atacado e destruído.

   Hai una película ('El milagro de Wörgl', en alemán con subtítulos en castelán) que dramatiza o feito con relativo acerto. Mais a idea é sinxela. Máis ou menos: os cartos son a testemuña dun acordo de confianza. E ese acordo pode ser renovado ou feito de novo en calquera lugar e grupo de xente, encamiñando a economía de dito grupo en consecuencia. Evidentemente, non é algo como 'fabricar cartos' (o que na película parece que sucede), senón facilitar o intercambio mediante un instrumento de testemuña de cambio. Mais é algo que, cara ó futuro, temos necesidade de experimentar, e, de feito, estáse xa a experimentar coas novas moedas tipo bitcoin e doutros xeitos. Mais, depende de quen leve a guía da experimentación (en Wörgl, un alcalde socialista), o resultado será diferente para a poboación.Se se deixa que quenes experimente sexan os bancos, atoparémonos con cousas semellantes ás que xa están sucedendo: se te queres mover, tes que pasar polo banco e deixar comisión.


20220509

Unha lanza en favor das Panchas

Unha lanza en favor das Panchas

    Anda estes días en Ribadeo unha polémica sobre cartos dados, cartos recibidos e impostos debidos. En resume, o concello puxo cartos para subvencionar as compras no comercio local, e agora, época da declaración da renda, os beneficiarios intermedios (consumidores) teñen declaralos como ingresos. As Panchas, uns vales locais cualificados de 'moeda local' (calquera que teña visto ‘Das Wunder von Wörgl’ pode ver a diferenza cunha moeda local) foron apoiados polo concello de xeito que se ti 'comprabas' 30 € de panchas, dábanche 40 € para mercar. Resultado, 'ingresabas' 10 € do orzamento do concello.

    Anos anteriores, as Panchas, editadas en menor cantidade, parece que non tiveron problema fiscal, pero este ano o concello, pode que en parte polo sistema empregado, tivo que pasar unha relación ó Ministerio de Facenda, quen computou eses ingresos a quen recibiu as panchas. O resultado, a ollos da facenda, está claro: recibiches máis ingresos, pagas máis.

    As cantidades recibidas por cada persoa, son minúsculas en relación ós ingresos totais do ano. Minúsculas, pero non nulas. E saltou a noticia e os reproches. A máxima cantidade de subvención recibida por adulto intermediario consumista terían sido 70 €, pois houbo unha limitación da cantidade máxima a adquirir. 70 €, a un tipo marxinal de IRPF de 30% dá como resultado 21 € máis a pagar na declaración da renda. Unha cantidade aproximada do que tería que pagar, como máximo, cada persoa. Se a declaración se fai por gananciais, a cantidade pode ser dobre. E, se quen mercou as panchas é alguén que non tiña obriga de declarar por non chegar ó mínimo, agora pasa a ter que facelo ó diversificar as fontes de ingreso. Isto último, algo que pode ser beneficioso, pois pode que ó obrigar a declarar por baixo do mínimo, resulte algunha cantidade a devolver

    En calquera caso, a quen colleu desprevido o ter que declarar esa cantidade recibida, coido que agora estará reflexionando varias cousas sobre os impostos. Por exemplo:

- Son cos impostos dos ribadenses cos que se paga esa subvención do concello ó comercio. Algo así como unha transferencia dos teus cartos, a través do concello (e, ó mellor, de ti mesmo) ós comerciantes.

- Se ti recibes cartos dunha entidade pública, non te podes escapar de declaralos como ingresos. Cousa ben diferente é que eses cartos sexan legais ou non, que as novas sobre corrupción están á orde do día.

- Cando manexes cartos subvencionados, pensa de onde veñen: os impostos teñen mala fama, pero son a base que mantén a educación ou a sanidade públicas, a máis dos chiringuitos.

- Como pagas impostos, procura que sexan distribuídos e aproveitados e non asaltados e desperdiciados, vixía a política e implícate para que as cousas vaian ben.

- Non pidas á administración o que en xustiza non lle das, o mesmo que pretendes que non che pida o que en xustiza non debe pedirche.

    En fin, nunca tiven claro o tema das panchas nin a nivel teórico nin no de 'éxito' edición tras edición (aínda que nesta quedaran panchas por solicitar). Pero, aínda coas sorpresas de ter que declaralas cando non se esperaba (xa sabemos que todos podemos vivir nas nubes cando nos convén), coido que esta edición puido servir para reflexionar e aprender un pouco de economía...

20210817

Cada ribadense subvencionará con 15 € esta edición de Panchas


Cada ribadense subvencionará con 15 € esta edición de panchas

    Segundo a nota de prensa que se pode ver na web do concello, cada ribadense subvencionará con 15 € esta edición de Panchas, a máis da parte de inversión que necesitan as súas promoción e xestión (operativa e organización), segundo di a mesma nota. Os 15 € é a cantidade que resulta de dividir os 150 000 € de subvención a esta edición de panchas entres os 10 000 ribadenses. O retorno inmediato correspondente para o comercio local e hostalería será a ganancia deses eses 15 € unha vez gastados, mentres os propios 15 € son a ‘ganancia’ que vai a mans dos mercadores de panchas, que por suposto, tamén podemos ser os mesmos ribadenses. Naturalmente, se hai máis movemento económico a causa da existencia das panchas, tamén será unha ganancia para o pobo en conxunto, pero habería que amosar que as panchas representan un motor dun maior movemento. As subvencións non teño claro se diminúen ó non ser empregadas (se non son mercadas) todas as panchas, ou se non son executadas compras coa totalidade de panchas mercadas. En calquera cso, estimo que a diferencia sería marxinal pois as panchas esgótanse (esa é a experiencia de anos pasados) e quen as ten no peto quere usalas para beneficiarse da subvención correspondente, quedando máis como un elemento para xulgar o seu desenvolvemento que como algo de relevancia práctica nunha edición concreta.

    Non coñezo ningún estudo dos resultados de anos anteriores, máis aló de que as panchas se consumiran, o que ven a ser algo así como estimar o éxito da chamada ’moeda ribadense’ pola cantidade de cartos que ten que aportar cada ribadense. Así medido, o éxito aumenta de edición en edición. A repercusión na economía local do emprego das panchas pola multiplicación en cascada ó ser aplicadas as ganancias noutras compras sucesivas ou o efecto doutros gastos colaterais no pobo de xente que veña ‘gastar as panchas’, queda en meras especulacións por plausibles que semellen, e como tales, son dificilmente discutibles.

    O que si teño claro é que nesta edición, o ‘Panchapeto’ dixital supón unha innovación cualitativa que pode potenciar o seu uso. Mesmo podería potenciar, de estar o comercio ribadense preparado, o desenvolvemento do negocio dixital, algo que por falta de preparación non vexo posible polo momento. Por ser a primeira vez pode que teña un impacto limitado debido á aprendizaxe necesaria do seu uso, rendibilizándose ese saber usar en futuras edicións, que ninguén dubida que haberá con ou sen estudo de rendemento para Ribadeo da ‘moeda local’.

    As moedas locais teñen amosado nalgunhas circunstancias de desenvolvemento ser fonte de dinamización da economía, ao menos xa dende a experiencia en Wörgl (Austria) antes da segunda guerra mundial. Pero hai que poñer fincapé nas circunstancias, pois as características, aplicación ou xestión dunhas moedas non teñen nada que ver cos doutras, e a pancha non sei se chega a poder chamarse con propiedade ‘moeda local’.

   Así pois, aquí, cales son esas circunstancias?