Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Pedro Murias. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Pedro Murias. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20060808

Pedro Murias

fachada do edificio principal do complexo Granxa Escola Pedro Murias
retrato de Pedro Murias
Cartel da exposición sobre Pedro Murias
Fun visitar a exposición sobre Pedro Murias na Granxa Escola Pedro Murias, aberta fai pouco e visitable ata decembro deste ano 2006. Gustoume estar de novo entre uns muros que teñen historia ribadense e tamén de fóra, e a teñen moi dentro. A parte escrita da expo correspóndese cun artigo de Eduardo Gutiérrez, Lalo, na Voz de Galicia de 26 de xuño de 2006.
Coido que non é mala idea para ningún ribadense ou foráneo darse unha volta pola expo e de paso, pola escola, para coñecer unha parte do noso século pasado. As fotos, nesta entrada e nas seguintes ou na galería de fotos de Ribadeo na Galipedia, corresponden á fachada do edificio principal do complexo Granxa escola Pedro Murias, ó retrato do procer que colga no salón da exposición, o cartel da exposición situada na entrada principal, ó actual auditorio (lugar onde gravou o seu primeiro CD a Banda Municipal de Ribadeo, dirixida por Hernán Naval), a bandeira que Pedro Murias recolleu na Habana cando o imperio español a arriou nas súas derradeiras posesións nas Américas (polo que di a expo, ofrecida a Primo de Rivera na súa visita e que quedou nas instalacións...), a estación meteorolóxica vella (edificio do fondo), que deu lugar á publicación de datos na “Comarca” e que segue a facelo da man de Luciano Zubillaga cunhas instalacións máis modernas noutro lugar do complexo), unhas estatísticas de asistencia ós cursos nos comezos da escola, a vista dun cartel dos da expo, a fonte que da a benvida ó edificio principal, a plantilla de mestres os primeiros anos tomada da expo (na que aparece Gregorio Sanz), unha foto antiga da exposición, amosando o edificio principal, o patio cuberto na actualidade e unha das fotos antigas con lenda, na que están especificados os fotografados e pode servir como interpretación para a última foto do libro de 'Ribadeo no tempo, a través das imaxes (outro Ribadeo foi posible)', sacada o mesmo día e con xente que se repite en ambas.

20230123

Ribadenses destacados: ENRIQUE SUÁREZ COUTO. Lourenzo Fernández Prieto

    Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Enrique Suárez Couto, por Lourenzo Fernández Prieto.

Enrique Suárez Couto (Matanzas, Cuba,1881-Ribadeo, 1923)  
Agrónomo e director da Granxa-Escola Pedro Murias


Lourenzo Fernández Prieto

Catedrático de Historia Contemporánea. Histagra. USC.

    Enrique Suárez Couto na súa corta pero intensa vida foi, entre outras cousas, o primeiro director da Granxa Escola Pedro Murias. Era fillo de Juan Suárez Casas, médico e zootecnista preocupado pola mellora agropecuaria e irmán de Carlos e Amando Suárez Couto. Casou con Panchita Acevedo, filla dun rico e influinte habanero devesán e foi pai de Juan Suárez Acevedo, historiador e docente formado na Institución Libre de Enseñanza. Despois de mariño mercante, Enrique fíxose enxeñeiro agrónomo, daquela unha nova profesión para a que seguiu estudos en Bélxica, Alemania e máis no Instituto Agrícola catalán de S. Isidro. Como todos os técnicos agrarios galegos da época que non foron estritamente autodidactos houbo de procurar a súa formación no estranxeiro, en ausencia de estudos de agronomía en Galicia e, en xeral na España húmida e atlántica, agás o País Vasco.

Monólito para dar o nome dos Suárez Couto a unha vía en Ribadeo.

    Sabemos, por referencias indirectas de prensa do seu labor ao cargo dunha explotación modelo que funcionaba como granxa experimental da Sociedade de Agricultores en Meira en 1910. En 1918, asume o posto de director da Granxa modelo experimental recén construída na parroquia de Vilaframil, perto do Alto dos pinos, concebida e fundada por Pedro Murias, importante empresario e propietario cubano, nado en San Xillao dos Carballos -a carón do empalme de Rinlo-, como granxa modelo para a antiga parroquia da Devesa, antes da súa partición en tres en 1904.
    Persoa de ideoloxía liberal e posicións laicistas que o levaron a unha estreita relación coa Institución Libre de Enseñanza, estivo na dirección da Granxa até 1923, ano en que finou. A súa elección como responsable da institución eran congruente coa súa formación e experiencia, co sentido da Granxa e máis coa súa posición e a da súa familia na bisbarra. Na institución coincidiu brevemente con Gregorio Sanz, formado no Instituto Escola e contratado en 1922 para dar pulo a compoñente educativa e formativa do centro. O seu prematuro falecemento, con só corenta e dous anos, deu paso a un período de interinidade na dirección da Granxa que pasou a ser dirixida por Ramón Blanco, quen axiña pasaría a ser enxeñeiro da Sección Agronómica de Lugo e en 1945 Catedrático de Botánica da Escola de enxeñeiros de Madrid.

    Os traballos na Granxa Agrícola Pedro Murias

    Suárez Couto foi un activo e precoz experimentador agropecuario en sintonía cos degoiros modernistas da época. Dende que o padroado da Granxa Agrícola Pedro Murias encomendoulle a dirección do novo centro, Enrique ocupouse tanto da Escola de Capacitación asociada ao mesmo como da converter a Granxa nun centro de innovación técnica coherente co carácter asignado polo fundador.

A Granxa Escola Pedro Murias nos primeiros anos. Foto tomada da exposición conmemorativa.

    Coma Gallástegui, Hernández Robredo ou Rof Codina, tamén Suárez Couto entendía que os técnicos debían acometer un labor que interaccionara coas prácticas labregas nun sentido innovador e así o materializa na Granxa, tanto na mellora dos sistemas de cultivo como nos procedementos de cría gandeira, co fin de orientar a produción pecuaria cara ao que el prevía era o futuro da gandeiría galega: a produción leiteira. Entendía que alén do engorde dos xatos para carne, que era a opción consolidada e remuneradora naquela altura, a orientación leiteira era a mellor opción de futuro para abastecer unha nova e crecente demanda urbana, nun tempo en que o consumo de leite abríase camiño por recomendación médica.

    Nese camiño, programa a instalación dunha industria de manteiga fermentada e outra de queixos, ao tempo que fomentaba o asociacionismo agrario que estaba a estenderse na bisbarra como en toda Galicia dende dúas décadas antes. Na procura deste cambio leiteiro elaborou un proxecto que tiña como obxectivo a mellora do gando vacún na súa aptitude leiteira, un gando que na súa opinión amosaba unha total “ausencia de caracteres específicos de la raza motivado por los continuos mestizajes mal dirigidos”, segundo o anteproxecto de mellora do centro de 1916. Nos debates sobre cruzamento fronte a selección para a rexeneración da raza galega de vacún, por considerar que non existía gando de raza pura, Enrique Suárez Couto era partidario do cruzamento “continuo”, a partires da importación de sementais, para cruzalos primeiro coas femias da raza local e posteriormente cos mestizos. Desbota porén a opción dunha importación masiva de femias de raza mellorada tanto polo alto custe como por que obrigaría a un intenso desenvolvemento de cultivos pecuarios que o agro non estaba en condicións de asumir de súpeto.

Grupo de alumnos da Granxa Escola. Foto collida en http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=385.
    O director da Granxa tomou pois partido no debate que desde finais do século XIX se viña mantendo en relación coa elección do procedemento máis pertinente para a mellora do gando vacún galego, como consecuencia da crise de exportación do gando a Inglaterra no marco da crise agraria finisecular. Na posición do agrónomo ribadense fica meridiana a vontade de crear unha raza de vacas do país que recollese ás xa existentes. Estamos no tempo de definición do que logo se coñecería como raza rubia galega.

    A preocupación que Suárez Couto tiña polos cultivos era subsidiaria do proxecto para a gandería, partillando a mesma lóxica que guiaba o manexo agrario das casas labregas dende o proceso de intensificación do século XVIII, ligado á incorporación das plantas americanas. Un policultivo agrario de complexas rotacións interanuais que garantían unha agricultura intensiva capaz de alimentar unha poboación en aumento e unha numerosa cabana de orientación comercial constituída principalmente por bovino e porcino. Mandaban os límites ambientais, as condicións produtivas vinculadas ao mercado e a lóxicas reprodutivas da casa labrega. En coherencia cos marcos socioambientais da produción, o interese de Suárez Couto centrábase na mellora da cabana gandeira a través da súa alimentación e nesa liña experimentou con forraxes na procura do desenvolvemento das súas capacidades para manter un maior número de cabezas. O outro seu interese, en coherencia coas necesidades de fertilización nas que se baseaba o complexo policultivo e gandeiro, era obter a prezos máis baixos os adubos, especialmente fosfatados que empezaban a usarse como complemento do esterco naquela altura. Asunto no que enlazaba ben coas sociedades agrarias locais.
    No seu labor experimental, Suárez Couto estableceu un réxime de cultivos que dividía a finca da Granxa en dúas partes, unha para prados e outra para produtos de consumo. Neste período do século XX no agro galego produciuse un descenso do cultivo de cereais panificables en beneficio dos cultivos forraxeiros, en especial do millo-forraxeiro, especie coa que se ensaia na Granxa Pedro Murias, igual que na Misión Biolóxica ou na Granxa Experimental da Coruña. Os ensaios estaban orientados a aclimatar as diferentes variedades ás condicións locais, a atopar as máis axeitadas e a sistematizar o método de labranza máis conveniente, combinando amais o uso de diferentes tipos de adubos. Na súa preocupación polas forraxes, unha das teimas de Suárez Couto como director da Granxa foi a extensión da remolacha forraxeira e de novas castes de pataca. En 1922 a Granxa empezou coa experimentación do cultivo da remolacha forraxeira, ensaiando con tres variedades: Etoile du Nord, Rouge du Soissonnais e Imperator. Tamén experimentou con cultivos pratenses, dedicando unha parte do campo de demostración ao ensaio con trevo violeta e asociando noutra esa planta con raigrás inglés e amais probando o centeo como planta de abrigo na rotación.
    Baixo a súa iniciativa, pero despois de el finar, celebrouse na Granxa o primeiro concurso de vacas leiteiras que se coñece en Galicia no ano 1924, aplicando xa os criterios de rendemento lácteo que logo popularizaría Gallástegui na Misión Biolóxica. Aquel primeiro concurso pode considerarse todo un fito na medida en que constitúe un punto de inflexión no camiño dunha especialización leiteira que marcarían a segunda parte do século XX a dirección principal do agro galego e que chega ata hoxe. Durante oito días as reses presentadas ao Concurso estiveron nas cortes da Granxa sometidas a análises diarias de produción e calidade, substituíndo así o procedemento de medir os animais que adoitaba empregarse nos concursos ao uso.
    En 1926, en resposta a unha críticas de Ventura Alvarado que se pregunta no xornal católico coruñés El Ideal Gallego “¿Está bien orientada la Fundación Pedro Murias?” (18-12-1925) o director da Granxa Pedro Murias naquela altura, o enxeñeiro, Francisco Roig Ballesteros, escribe no diario portelista e republicano vigués El Pueblo Gallego (21-01-1926) un artigo titulado “La orientación de la Granja Pedro Murias de Ribadeo” no que fai referencia ao labor do seu predecesor Suárez Couto:
    “Yo no entiendo la agricultura el solo cultivo de la tierra, sino la explotación de esta con todas sus naturales consecuencias. No se alarme pues, por la orientación impresa a la escuela agrícola Pedro Murias, porque bien claramente tiende a ser como dice “agropecuaria láctea, aunque no sea la palabra del todo un modelo. Seguramente el señor Alvarado ignora que ya se está construido un magnífico establo para ganado lechero, que ya fue inaugurado con motivo del interesantísimo concurso de vacas lecheras de junio de 1924. Desconoce también que existe desde los primeros momentos un pabellón construido “ad hoc” para industrias lácteas, proyectado y edificado por el primer directo de esta Escuela Don Enrique Suárez Couto, especialista distinguidísimo en industrias de la leche. Por ello, … esta orientación está marcada desde los comienzos perfectamente definida y solo se comprende que el señor Alvarado clame por ella, desconociendo los datos que apunto”.   
    A morte temperá de Enrique Suárez Couto, cando contaba corenta e dous anos, e a falta de publicacións, pouco máis que algúns manuscritos e unhas poucas notas en Galicia Agrícola, desfiguran a importancia que tivo como técnico e o carácter innovador das súas propostas de futuro.

Os terreos da granxa, na actualidade. Vista Sigpac.


    Bibliografía:

    CABANA IGLESIA, A., (2006b): O labor de experimentación e divulgación agronómica da Granxa da Devesa (1916-1936), Recursos Rurais, 1, 2: 67-74.

    FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939, Vigo: Xerais.

    OTERO, Telmo (2022): A transformación da agricultura galega no camiño da especialización leiteira: ruptura coa innovación labrega, industria láctea e modernización (1900-1980). Tese de Doutoramento en preparación, Programa de Historia Contemporánea. USC.

20171212

A recuperación da formación agroecolóxica en Pedro Murias. Iván Rodríguez Lombardero e Antonio Villarino

   Vai para un ano que, a iniciativa de profesionais mariñáns de longa traxectoria e convocadas polo Concello de Ribadeo, diversas entidades relacionadas co medio rural xuntámonos para falar da deriva de abandono da Escola Pedro Murias de Ribadeo. Na xuntanza conviñemos que a Escola é un recurso de enorme valor para a comarca, que se ben ten orixe nunha doazón desinteresada de hai un século, foi obxecto de importantes investimentos públicos, tanto económicos como de xestión polos seus responsables, para transformala nas últimas décadas no único centro público que conta cunha granxa certificada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, e dotado con instalacións, medios técnicos e persoais e mesmo residencia e comedor para dar servizo até 40 alumn@s para se formar tanto en horta como en mel ou produción e transformación de leite ecolóxico, ramas agrarias que todos os axentes sociais conveñen que seguirán ser a base do futuro do desenvolvemento sustentable do rural galego.
   Incomprensiblemente, a Xunta de Galicia, responsable da súa xestión, tralo esforzo para acadar a certificación en ecolóxico e o éxito da primeira promoción do Ciclo de Produción Agroecolóxica impartido nos cursos académicos 2011/2012 e 2012/2013, decidiu deixar de ofertalo, deixando a Escola funcionando ó ralentí, nada máis que con cursiños ocasionais de formación continua, xornadas técnicas e formación mínima da esixida para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria. Considerando esta decisión gravemente danosa para o futuro do medio rural mariñán redactouse unha carta dirixida a conselleira de Medio Rural que resumía o sentir de todas as entidades participantes, representativas dos intereses do medio rural local, e na que se solicitaba a reactivación da oferta formativa da Escola Pedro Murias; concretamente a recuperación da formación regulada co Ciclo de Produción Agroecolóxica para o presente ano.
Sen resposta da Xunta
   A resposta da conselleira á devandita carta foi o silencio, e superado o inicio do curso observamos que o Ciclo Formativo impartirase de novo este ano só en Ponteareas, nun centro cunha formación práctica agraria orientada -xunto coa horta- á produción de aceite e viño.
   O Sindicato Labrego Galego na Mariña entende que esta decisión supón teimar nunha grave irresponsabilidade pola parte da Consellería, xa que a oferta formativa desde a Pedro Murias supón un complemento imprescindible á impartida en Ponteareas, tanto pola súa localización xeográfica como pola orientación produtiva ao sector gandeiro. Baleirar de contidos e de actividade á Escola fala ben ás do desinterese do goberno galego para a actividade agropecuaria e do medio rural en xeral. O que podería ser unha ferramenta pública adicada á formación e á promoción de actividades económicas que aproveitaran dun xeito sostible os nosos recursos déixase esmorecer, quen sabe se á espera dalgunha iniciativa privada.
   Desde o Sindicato Labrego Galego seguiremos a traballar en todos os foros pola recuperación da formación na Escola Pedro Murias de Ribadeo, nomeadamente no ámbito da agroecoloxía.
Iván Rodríguez Lombardero e Antonio Villarino, Sindicato Labrego Galego na comarca da Mariña.
Vista do SigPac centrada na finca de Pedro Murias. A estrada N-634 é visible dende 'El Huerto' a Vilaframil

20101031

A charla de onte, a viaxe de pasado mañá e ... quizáis o xulgado dalgún día

Deixo adxunto unha nota de prensa de O Tesón:
AVV O Tesón
Nota de prensa
Ribadeo, 20101031

Cunha entrada de 30 asistentes finalizou onte día 30 de outubro o primeiro ciclo de conferencias que a AVV O Tesón mantivo durante todo o mes na Casa das Letras de Ribadeo. Os temas, que levaban por título xenérico 'Ribadeo e ...' foron o mar, o medio ambiente, o pintor Dionisio Fierros e o tempo (no sentido de temperie), e a súa acollida anima á asociación a anunciar xa un segundo ciclo para os venres do próximo mes de marzo, con contidos que serán anunciados máis adiante.

En canto á conferencia “Ribadeo e ... o tempo”, nela Luciano Zubillaga expuso en tres partes ben diferenciadas unha introducción ó tempo en Ribadeo. Na primeira, prólogo do conxunto, espuxo a dependencia que existe entre a nosa vida e o tempo e a importancia do método, esquematizando as partes posteriores.

Pasou logo a distinguir tempo de clima. É dicir, algo función non só do lugar, senón do momento (e que polo tanto pode ser igual en dous lugares momentáneamente aínda que non o sexa en xeral), distinguido dunha característica que define a un lugar ou conxunto de lugares. Posteriormente fixo un repaso dos aparellos meteorolóxicos que se usan na Pedro Murias, desde os sinxelos termómetros diferenciados pola súa colocación, ós máis raros heliógrafo ou anemocinemógrafo, para medir as horas de Sol o primeiro e para gardar o rexistro da velocidade e dirección do vento o segundo. Espuxo bases de análise do clima que non deixan de ser curiosidades para o cidadán, como o descenso da temperatura media a medida que se avanza en altura (do orde de 0,6ºC cada 100m, o que leva a temperaturas de -40 ou -50ºC a gran altura), ata a pregunta/resposta “clima agradable? - lugar adecuado”, que nos levou á situación do noso planeta arredor do Sol, ó seu xiro ou á influenza da atmosfera.

Na parte final, introducida por o xeito en que se realizan as medicións, mantidas por formalidade, veracidade e método no traballo, pasou revista ó detalle das observacións tanto no antigo complexo de Benquerencia como na Pedro Murias. Comezou co parte diario da estación manual, vendo como se cobre e o seu tratamento, por folla de cálculo e o seu envío a MeteoGalicia e AEMET para contrastar os datos das dúas estacións automáticas que funcionan na granxa. Seguiu logo cos datos mensuais e anuais e a análise de medicións recollidas na última década, da que resulta o 2004 o ano máis seco e o 2008 o máis húmido cunha precipitación prácticamente dobre, e a detalles máis concretos, como a análise da choiva no verán de 2010, calificable como seco para Ribadeo. Como final, centrouse nas medias meteorolóxicas, e destacou que na década a temperatura media fóra de 13,8ºC, cunha variación entre 17,4 e 10,2 para as medias das temperaturas máximas diarias e as mínimas diarias (é dicir, unha diferencia media máxima entre día e noite de 7,2ºC), así como que a media anual de choiva estableceuse en 932,7 mm.

Posteriormente houbo un turno de preguntas no que saíron diversos outros temas colaterais, como a conservación de datos meteorolóxicos dos primeiros tempos da Pedro Murias.

No acto, asemade, a AVV O Tesón deu dous avisos. O primeiro, o comezo da recollida de sinaturas pro recuperación do xulgado en Ribadeo, que se fixo ó finalizar a conferencia e que será extendida nos próximos días a diversos establecementos ribadenses, buscando a cohesión de pobo e partidos políticos, aglutinados en unha mesma dirección e evitando facer do xulgado un tema de loita política: é algo no que Ribadeo debe estar unido.

O segundo, o aviso doutra actividade da asociación, unha viaxe a Meira o próximo día 20, no que está previsto visitar a colexiata, o pedregal de Irimia e Fonmiñá, entre outros lugares. O custe (comida a parte) é de 10 € para socios e familiares próximos e 12 para a xente en xeral, apuntándose nos teléfonos 663749442 – 629806592 – 696200678 ou direitamente a un membro da directiva da asociación.

20150719

Nova marca de temperatura

Este verán, de media, fixo bo tempo pero tampouco ten sido excesivamente caloroso en Ribadeo. Mais hoxe, 20 de xullo, cuarto día no que a estación meteorolóxica de Pedro Murias pasa de 27 ºC (unha referencia que teño para un pequeno estudo comparativo interanual), o termómetro achegouse ós 30 ºC á unha da tarde UTC , tres da tarde hora oficial vixente CET, marcando un máximo anual de 30,58 ºC que se achega ós 31,1 ºC, máximo recollido no tempo de funcionamento da estación automática Pedro Murias (20100825), quedando hoxe como terceiro día de máximas temperaturas no que vai de século.
Datos de temperatura na Pedro Murias, hoxe.

20141125

Tres anos, tres chuvias

Agora mesmo, 7 e media da mañá do 25 de novembro, está a chover a cántaros en Ribadeo. Onte choveu, antonte choveu moito... Episodios de choiva dánse con certa frecuencia en calquera parte de Galicia. Mais a memoria é curta, e a percepción deste tipo de fenómenos leva a engano. Collín os tres episodios de chuvia máis chamativos do que vai de século nos datos da Granxa Pedro Murias para comparalos. Dun xeito uniforme, dous días con gráficas igualmente dimensionadas.
En 2006, o 2 de outubro, houbo unha verdadeira tromba de auga, recolléndose 136 L/m2 nun só día, con picos de máis de 8 L/m2 en dez minutos preto do anoitecer. Pode que haxa moita xente que xa non o lembre, e ademáis, a falta dalgunha infraestrutura daquela sen rematar fixo que os episodios provocados polas inundacións foran máis 'normales' nunha terra que aínda tiña que impregnarse de auga despois de estar seca antes (ver o gráfico)
No 2010 houbo unha riada histórica. É posible que os algo máis de 140 L/m2 caídos en dous días na Pedro  Murias non correspondan co que caeu no val do río grande, pois variacións desas pasan. A riada levou por diante, por exemplo, a vella ponte de Arante. A máis dunha vida na Veiga e desastres en particular por todo o val do río Grande.
 Este ano o montante total de auga caída nos dous días (agora xa vai caída máis, claro) é inferior ó dos dous casos anteriores, e aínda que a inclinación da curva vermella, a que indica a acumulación de auga caída pode equipararse nalgúns momentos á de 2010, a curva azul, a cantidade de auga caída de dez en dez minutos, vemos que é abondo inferior no seu máximo. Aquí xa, é a construción de infraestrutruras dun determinado xeito a que fixo posible inundacións nalgúns puntos das que si, agora mesmo temos recentes na retina.
 Segundo os datos da Pedro Murias, os tres episodios están ordeados non só por datas, senón por importancia dos seus picos. Agora, quen teña memoria, que compare.

20151209

Aproveitamos só o 1,6% da auga caída? Sempre nos quedará París?

Vista dende a nova Galicanarias de invernos suaves e secos, o cumio sobre o clima parece lonxe...
Ribadeo aproxímase ao fin de ano cunha temperatura media alta abondo e pouca choiva, e días de boa temperatura se estiveramos no outono. Aínda así, con datos da Pedro Murias, non creo que chegue a ser o ano máis caloroso do século, nin tampouco o máis seco, aínda que a tendencia siga adiante neses dous sentidos.
Voltando a París, así as cousas, parece que no cumio pode lograrse un acordo que manteña o máximo de temperatura media por baixo dos 1,5 ºC (superiores á media actual), facendo concesións a seguir queimando petróleo. Non sería mala nova, aínda que seguiría a supoñer o traslado de moitos millóns de persoas pola presión climática (avance de desertos ou mergullamento de illas, entre outros).
En Ribadeo, o certo é que non sabemos moito desas cousas polo momento. Así, a seca deste verán en toda Galicia non chegou aquí máis que de xeito residual, e da importancia da auga, pola súa abundancia, en xeral pouco caso facemos.
Polos datos recollidos na Pedro Murias, na zona este ano vai a quedar a cousa nuns 800 litros caídos cada metro cadrado: 800 L/m2 , abondo máis que os 600 L/m2 de 2004, aínda que moi por debaixo dos 1300 L/m2 de 2006.
Iso quere dicir que, durante o ano, no concello de Ribadeo (108,9 km2) teranse recollido un total duns 90 000 000 000 L de choiva (doutro xeito, 90 millóns de toneladas de auga, ou unha piscina de 1 km de longo por outro de largo por 90 m de profundidade)
O consumo a partir da rede de distribución é duns 1 500 000 000 L anuais (uns 3 000 000 de L diarios), o que daría un aproveitamento de pouco máis do 1,6%. Mais chegar a esa conclusión sería erróneo, a pesar dos números. Primeiro, porque a auga que non ven polas tuberías non se 'perde', senón que alimenta un ciclo natural entre o que se atopa o facer medrar os cultivos (poucos se regan na zona, e aínda así, sería con auga non da traída) ou facer que os peixes podan vivir. Segundo, porque a grande maioría da auga que trae a Ribadeo a cañería non é recollida no mesmo Ribadeo, senón no veciño concello de Trabada, o que invalida a porcentaxe ao referirse a cousas diferentes. Terceiro, porque aproveitar a auga que cae en Ribadeo ó 100% sería imposible, tanto porque implicaría un sistema de recollida e cada metro cdarado do territorio como porque deixaríamos en consecuencia o territorio só adicado a iso... e poderiamos continuar numerando outras consideracións, sen contar tampouco coa contaminación da auga, importante pero ocultada na nosa terra polas implicacións na produción gandeira.
Así pois, si, tamén pode ir, vai connosco iso de aforrar auga aínda que vexamos que 'chove moito' (cando chove) ou que 'aproveitamos só o 1,6% da auga'.
E mentres, en París seguen a discutir a partir dun papel previo máis ou menos amañado pero que pode desamañarse en calquera momento: a diplomacia é así. Sempre nos quedará París, como din nunha célebre película? Ou poderá connosco o camio climático, temperaturas e auga incluídas?

20130110

A temperie ribadense no 2012

Collido de Física e Química en Ribadeo.
Rematou 2012. Un ano máis, un ano menos, segundo como se mire, sen grandes excesos meteorolóxicos, a diferenza doutros anos anteriores. Cos datos recollidos na Granxa-Escola Pedro Murias, pódese trazar unha semblanza da temperie en Ribadeo o pasado ano
1.Introducción
En Ribadeo contamos coa estación meteorolóxica da Pedro Murias, que D. Luciano Zubillaga mantén en perfecto funcionamento na actualidade. Do pasado, dispóñense de series de datos de diversos períodos, e hoxe, semanalmente, o mesmo Luciano fai un resume dos datos da estación manual para a Comarca.
A estación ten dous conxuntos de instrumentos. Un manual, ó que corresponden os citados datos de diversas épocas, aínda sen analizar. O outro automático, que foi incorporando instrumentos e que no que ten relación con temperaturas, comezou a funcionar no 2001, pero que nos seus comezos non representa un conxunto harmónico por faltarlle abondos datos invernais ata 2003.
Os conxuntos de datos de ambas estacións parecería que son intercambiables, pero por cuestións técnicas só son relativos, o que fai que nun primeiro estudo sexa preferible ter en conta só un deses conxuntos. Por estar accesibles en internet ata a actualidade, elixín o conxunto de datos da estación automática.
2.Temperaturas
A temperatura últimamente soe chamar máis a atención que outras variables meteorolóxicas por cuestión do cambio climático. Mais, facendo referencia case exclusiva á temperatura  dun só ano, non se poden esperar mostras de dito cambio, que implica períodos de tempo moito máis longos.
2.1. Temperaturas medias diversas.
A táboa cos datos recollidos é a seguinte:
Nela xuntei o resume de datos referentes a temperaturas.
En negro, na primeira liña, aparece o promedio de temperatura anual dos anos 2003-2012. En azul, as medias mensuais dende o 2003 ata hoxe mesmo (por exemplo, os 10,2 ºC de xaneiro corresponden á media de temperatura de tódolos xaneiros de 2003 a 2012). E na penúltima liña, a media anual acumulada dende o 2003, que vemos que case non se move, aínda que poñendo os datos con máis decimais ten unha pequena tendencia á suba
2.2. Temperaturas medias anuais.
Represéntase abaixo os datos dos promedios de temperaturas anuais, observando que se ben 2012 foi máis quente que a maioría de anos do século, está lonxe das marcas de 2006 ou 2011, medio grao por baixo. 

En conxunto, a temperatura media anual indica diferenzas de medias anuais de ata 1ºC en Ribadeo, entre o 2010, o ano máis frío, e o 2011, o máis cálido, tendo o ano recén rematado unha temperatura xusto media entre os dos anteditos.
A gráfica anterior é temperatura media anual acumulada, que como é de esperar vai variando cada vez menos, estebilizándose, aínda que cunha pequena tendencia a subir.
2.3.Temperatura media mensual.
A temperatura media mensual ó longo destes últimos anos (2003 en diante) da unha gráfica que é característica, cun máximo en agosto, seguido de preto por xullo, e un mínimo en febreiro, seguido de preto por xaneiro, correspondendo con que as temperaturas diarias máximas se rexistren uns 45 días despois de S. Xoán e as mínimas, uns 45 días despois de Sta. Lucía.

A gráfica típica de temperaturas mensuais pode complementarse con outra que expresa os mesmos datos cunha visualización diferente, na que se presenta a temperatura media como un curioso óvalo simétrico, inclinado debido ó desfase entre as máximas/mínimas e os puntos básicos astronómicos recollidos polo calendario.
É dicir, son os mesmo datos anteriores, expostos nun tipo de gráfica diferente. É claro o desfase de do máximo de temperatura uns 45 días en relación ós eventos astronómicos (por exemplo, o máximo de temperaturas a comezos de agosto, tendo sido o solsticio de verán o 21 de xuño)
 -2ª parte-
 -3ª parte-

20120102

Valorando 2011. Temperaturas

A valoración dun ano ten moitas lecturas, moitos perfís diferentes. E aínda que sempre ahi quen se adianta á súa finalización, unha valoración completa só se pode facer despois de finalizar. É dicir, iste é o momento.
E hai que coller practica, polo que é preferible, para quen non está afeito, facelo a partires de cousas sinxelas. Por exemplo, o tempo.
A gráfica anterior manifesta que o ano que rematou foi o máis cálido do século que levamos, se ben non por iso se poden sacar conclusións definitivas sobre o cambio climático en Ribadeo. Non só porque o anterior fora o máis frío do século, senón porque as medias veñen dadas a partires dos datos da estación meteorolóxica que hai en Pedro Murias, e faltan algúns días dalgúns anos; unha veces en épocas frías, outras en épocas máis cálidas, ... En 2011, só un día de decembro.
 A media diaria manifesta abonda máis irregularidade  no inverno que no verán, cando as temperaturas son moito máis homoxéneas. Por mor dos anos bisiestos, o 'día 1' da gráfica é o 1 de marzo, comezando a contar a partires de aí e polo tanto, con anos que chegan ata o -60 (os bisiestos) e outros ata o -59. O por que o fixen así é algo que ten que ver cos equinoccios ... e que non vou detallar agora.
A gráfica anterior presenta as medias mensuais. Cos datos collidos, na década, a temperatura media de Ribadeo foi 14,04 ºC segundo a Pedro Murias (por efecto da concentración de casas e movemento, no centro de Ribadeo foi algo superior). O mes máis frío, febreiro, e o máis cálido, agosto. Chama a atención que decembro teña unha media lixeiramente superior a xaneiro, pero a estatística é así, e con  datos dos próximos anos moi probablemente a curva cambiará a inclinación neses meses.
Deixo polo momento para outra os días de choiva e horas de sol ...

20230125

Meteoroloxía en Ribadeo en 1919/1920

 Meteoroloxía en Ribadeo en 1919/1920

    A raíz da publicación da biografía de Enrique Suárez Couto en Ribadeando, estiven na procura de algunha imaxe para ilustrar o traballo de Lourenzo Fernández Prieto, atopando algo que descoñecía.

    Polos cadernos mensuais que se gardan na biblioteca da Pedro Murias e os (poucos) rexistros derivados deles que se gardan na AEMET, todo parecía indicar que o establecemento da estación mereorolóxica que se montou como aliada da investigación e transmisión de coñecementos que alí se facía, databa do último terzo dos anos vinte do século pasado. Mais, nas 'Riberas del Eo', nos poucos exemplares que se conservan na Biblioteca Pública Municipal de Ribadeo do tempo no que foi director Enrique Suárez Couto, aparecen insercións semanais de datos meteorolóxicos recollidos nas instalacións. Insercións que, en épocas posteriores ó seu pasamento, desaparecen do semanario e da escea de documentos a disposición ata o primeiro caderno mensual de toma de datos que se conserva na Pedro Murias, correspondente a novembro de 1927. Hai que lembrar que Suárez Couto foi o primeiro director, ata o seu pasamento, sendo explicable a toma de datos meteorolóxicos polo seu interese no progreso gandeiro e agrícola da nosa terra.

    Aquí quedan as imaxes dos datos que atopei nas 'Riberas'. Os primeiros, nun exemplar solto do sábado 9 de agosto de 1919, con datos tomados de sábado a venres anterior (o mesmo que nos outros casos):


 





    As táboas de ventos, correspondentes a anemómetro e veleta, que aparecen nas primeiras táboas, desaparecen nas últimas, indicando unha vontade de incluílos que desapareceu máis adiante por motivo descoñecido.

    Deixo a continuación unha comparativa dos datos anteriores de temperaturas máximas e mínimas, coa temperatura media dos períodos correspondentes dentro do ano, do século XXI. Non debe estrañar que en case tódolos días, a temperatura media correspondente ó século XXI sexa inferior á mínima observada no período 1919/20: A máis de estar comparando só uns poucos datos puntuais, dunha beira, cunha media doutro período totalmente diferente, da outra, a precisión dos instrumentos, o método de recollida, etc, fan que non sexan comparables de xeito científico sen un estudo previo que non teño posibilidade de facer

:

    A ter en conta que as semanas con datos son unha en agosto do 1919, a de cambio de ano, unha en maio do 1920, outra en agosto do 1920 e dúas en novembro do 1920. En todas se ve, no caso de 1919/20 que a T Máx e maior que a T min, como corresponde, e cando consideramos tamén a media do s. XXI, en todos os casos, exceptuando 5 días dos 42 con datos, a T media correspondente a este e menor que a T mínima do 1919/1920 (o que non cadraría co aumento de temperaturas, de non ter en conta o xa dito no parágrafo anterior).

20081103

Noticia: chove

Unha revisión dos datos fáime reescribir de novo este artigo:
Calquera que baixe dende o concello a Mirasol verá que non pode pasar. Non se trata do peche do Porto de Mirasol, senón do desprendemento de terra que levou por diante parte dunha nave en Mirasol. O motivo? As choivas da fin de semana, o mesmo que o fin de semana pasada causaron tamén un desprendimento de parede e muro dunha casa. Novembro é en Ribadeo o mes máis chuvioso do ano, con cousa de 120mm caídos de media (120L/m2, dato de Díaz Fierros de 1971, citado nun traballo sobre a ría de Silvia Piedracoba Varela), e as precipitacións últimas rexistradas na Pedro Murias, Dia a día, foron:
01/10/08 0
02/10/08 1,4
03/10/08 3,7
04/10/08 0
05/10/08 0
06/10/08 0
07/10/08 6,6
08/10/08 0
09/10/08 0
10/10/08 0
11/10/08 0
12/10/08 0
13/10/08 0
14/10/08 0
15/10/08 0
16/10/08 2,6
17/10/08 1,4
18/10/08 0
19/10/08 0
20/10/08 0
21/10/08 42,7
22/10/08 3,2
23/10/08 0
24/10/08 0
25/10/08 0
26/10/08 0
27/10/08 23,4
28/10/08 11,4
29/10/08 9,7
30/10/08 13,2
31/10/08 20,5
01/11/08 50,9
02/11/08 21,6

É dicir, un total de 139,8mm en outubro (47 máis que a media) e 52,5 máis os dous días de novembro que levamos (abondo por riba da media, que de continuar deste xeito sairía para novembro de case 1100). Ou sexa, nada extraordinario, pero que pode producir sustos.
A apostillar que unha volta consultados os datos da Pedro Murias no que vai de século (2001-2007), sáeme a media de novembro en 119,29, prácticamente o mesmo dato que é citado de Díaz Fierros. En troques, a media dos meses de outubro, contando o do 2008, sae por riba dos 150, quedando o outubro 2008, con case 140, por baixo da media do século, que ten como dato curioso que o 2 de outubrode 2006 descargou un récord de 136,2mm.

20130123

Tempo revolto por Ribadeo

Despois do Gong, onte andivo de novo o tempo revolto por Ribadeo: chuvia, frío, saraiba, ... Os datos diarios da Pedro Murias dan fe:
Temperatura media do aire (ºC) 5,6
Temperatura máxima do aire (ºC) 8,4
Temperatura mínima do aire (ºC) 3,3
Horas de Frío (Base 7 ºC) (h) 20,2
é dicir, chegouse ó 3º cunha máxima de 8º, e pasouse vinte das vintecatro horas por baixo de 7ºC, algo que se considera 'frío'.
Evidentemente, non estamos a altura das localidades da meseta, por exemplo, pero tampouco estamos a un nivel de frío á altura doutras veces: no que levamos de século, cos datos da estación de Pedro Murias, alomenos 208 días tiveron mínimas máis frías que onte ... incluído o 9 de decembro pasado.
De calquera xeito, á noite, unha saraiba sorprendeu en pouco tempo deixando a rúa branca e facendo que se formaran pequenos ríos rodeados de branco. Deixo abaixo un par de fotos de testemuña.

20060729

Turismo industrial en Ribadeo (2ª de hoxe)

Cartel de Mar por Medio, no díptico
E se alguén non cre o título, vaia iste, obtido hoxe de 'La Voz de Galicia': "Vacas: «A maior planta de rodaballo do mundo será compatible co turismo»".
Hai unha exposición que promete na Pedro Murias sobre Pedro Murias. Pero eso xa é historia, non compatibilidade industria/turismo. Está Ribadeo á deriva, podendo aterrar en calquera sitio, como a botella alegórica da imaxe?

20160805

Volvendo sobre os discursos na investidura como cronista oficial

Embaixo deixo os discursos do novo cronista oficial, Eduardo Gutiérrez ('Lalo Ventura') e a presentación de Farruco Graña. Ambos poideron lerse xa na Comarca, mais coido que son unha testemuña relevante para Ribadeo, e aquí quedan reproducidos.
Discurso de Farruco Graña:
" Señor Alcalde, D. Fernando Suárez Barcia, prezado D. Eduardo Gutiérrez Fernández, señoras e señores concelleiros, veciños e veciñas de Ribadeo, amigos todos:
Hoxe, sábado 23 de xullo de 2016, reunímonos en sesión extraordinaria para render homenaxe a D. Eduardo Gutiérrez Fernández, que en sesión plenaria celebrada o día 30 de maio de 2016 foi nomeado CRONISTA OFICIAL DE RIBADEO, e para facerlle entrega neste acto público e solemne do correspondente título.
Camiñando cada vez con paso máis firme sobre o século XXI, cómprenos hoxe botar unha ollada retrospectiva cara ao último terzo do século XIX e comezos do XX para podermos comprender mellor a valía da persoa que hoxe nos convoca. E quero facelo lembrando a prensa local daquel entón. O 5 de maio de 1866 aparece en Ribadeo "La Cuenca del Eo", de periodicidade semanal. Foi fundada e dirixida, durante a súa curta vida, por Segundo Moreno Barcia e Benigno Pico Bermies. Nas súas páxinas poñíase en valor a actividade desenvolvida no conxunto do país, xa se tratara da inauguración do alumeado de luz eléctrica nas nosas cidades ou da entrada en funcionamento do primeiro cable trasatlántico. Como non podía ser menos, tamén se destacaba a ilusión de se incorporar Ribadeo ao tren do progreso querendo destacar a través da súa incipiente actividade xornalística os pequenos avances que se ían conquistando.
Tamén podemos lembrar "El Ciudadano", un xornal fundado en novembro de 1868 por Andrés de la Cavallería, con clara vocación de defensa das liberdades. "El Eo", sería fundado o mércores 4 de xuño de 1879, unha publicación bisemanal de intereses xerais, novas e anuncios, sendo o seu fundador Antonio Fernández Caro y Ruíz. Preocupaban aos redactores deste xornal os imprescindíbeis traballos de mellora do porto e do proxecto de construción dunha ponte que habería de unir Castropol e Ribadeo. Asemade, tamén debemos resaltar o seu ton reivindicativo a prol de Ribadeo ante as autoridades gobernativas. Con posterioridade, "Las Riberas del Eo" daralle o relevo. Este xornal aparecerá o 1 de xaneiro de 1881, e foi o seu fundador, propietario e director, José María Pérez Cancio. As súas páxinas darán cabida a temas de ámbito local, traballos de carácter histórico (por exemplo os "Apuntes sobre Ribadeo") e colaboracións de persoeiros da vila e de correspondentes tanto en Bos Aires como na Habana. O 30 de xaneiro de 1971 deixa de publicarse.
Chegados a este punto corresponde mencionarmos a aparición de "La Comarca", semanario popular e independente que botou a andar o 5 de outubro de 1919 da man de Francisco Lanza. Desde as súas páxinas defendéronse durante anos campañas a prol dos intereses da comarca, a loita contra o caciquismo e tamén a reivindicación de infraestruturas como os ferrocarrís Bierzo-Ribadeo e Ferrol-Xixón. Cando Francisco Lanza se foi para América en 1927, a defensa da comarca e os seus intereses económicos e culturais seguiron a ser recorrentes. O noso semanario, desde 1975 denominado "La Comarca del Eo", soubo dar saída a toda a enerxía creativa que agromaba no concello e bisbarra, a un e outro lado do río Eo e da ría de Ribadeo. Dionisio Gamallo Fierros, José Ameijide Martínez, Luis Romay G. Arias, Isidoro Asensio Amor, Gilberto Suárez Méndez ou o propio Eduardo Gutiérrez Fernández, entre outros moitos, colaboraron de forma destacada nas súas páxinas.
Este paseo pola prensa local xa nos permitiu evocar varias personalidades que foron dando forma ao pouso cultural inmenso que como colectividade imos acumulando cada ano, un lustro tras outro, de década en década, século a século. Así, é de obrigado cumprimento lembrar as figuras de Fernando Méndez Sanjulián e os seus "Apuntes de Ribadeo", Juan Luis Vega Prada, e os seus "Temas Ribadenses", Antonia Lazúrtegui Cuervo e as súas "40 historias de Ribadeo", ou a Francisco Lanza co seu "Ribadeo antiguo" ou co seu "Falan os de Ribadeo"; tamén debemos destacar a figura de Dionisio Gamallo Fierros, que coas moitas consultas realizadas no arquivo municipal e a súa intensa relación coa veciñanza, logrou reunir abondosa información sobre as nosas xentes, os seus hábitos e costumes e transmitírnolos. Tamén Daniel Cortezón ten dedicado tempo e esforzo á intrahistoria do noso Ribadeo. Todos eles sonlle ben familiares a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ e de seguro teñen ocupado moitas horas do seu prezado tempo e esforzo.
Velaí un elenco excelente para mirarmos ao noso pasado con clara intención de construírmos futuro: importante dinamismo social que se estende desde o século XIX. É certo que cada época xera a súa dinámica e a consabida escala de valores que hoxe poderiamos ver con certa distancia, pero non por iso podemos ignorar as achegas de cada momento. Sociedades como a de Fomento (“Sen instrución non hai liberdade”), a aínda presente Filantrópica-Dramática (que se propuxo promover e fomentar o bo gusto e a afección polo teatro e a declamación), o Círculo de Recreo (que xunto coa Filantrópica-Dramática xa citada fornecían de material á Banda de Música), foron todas elas deixando o seu pouso na nosa vila e contorna. Co século XX haberían de chegar as sociedades agrarias e círculos de obreiros, así como a Biblioteca Popular Circulante. En paralelo, desde o século XVI cónstanos a existencia de centros de ensino. Como non, vinculada á actividade do porto, desde o XIX, a Escola de Náutica e a de Comercio. No XX: a Pedro Murias e o Instituto de Segunda Ensinanza.
Como fomos destacando ao longo desta intervención, as mulleres e homes de Ribadeo téñense caracterizado, ao longo dos séculos, por desenvolver unha intensa actividade cultural acorde coa puxanza económica e comercial da nosa vila e parroquias. Temos destacado exemplos abondosos de ilustres persoeiros que nos souberon transmitir esas inquedanzas e actividades desenvolvidas polos nosos devanceiros. Este labor viuse especialmente proxectado a través da moi activa prensa local, de ilustres ribadenses (a quen xa lles foi recoñecido ese mérito publicamente) e dun tecido asociativo moi dinámico e comprometido que soubo proxectar cara a Galiza e o mundo enteiro o noso legado cultural.
Ao longo da segunda metade do século XX os homes e mulleres que devecían por un mundo mellor e máis xusto, un mundo libre que respectara a diversidade cultural, mergulláronse nun proceso de recuperación dos valores democráticos xunto cos nosos sinais de identidade. Nesa aposta xogaron un papel moi importante as agrupacións culturais que foron xurdindo ao longo de Galiza. Entre elas, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo. Alá polos últimos anos da ditadura franquista xente nova, con moitos folgos, xente non tan nova, pero máis que rexuvenecida ao abeiro da nova época que se albiscaba, e coa ilusión de recuperar a semente plantada nos anos 30, pouco a pouco todos xuntos lograron dar forma a actividades que enchían de contido eses soños de liberdade. Unha delas era a promoción da cultura, a difusión dos nosos valores literarios, o respecto polo noso patrimonio natural e paisaxístico, pola nosa maneira de producir, o amor pola nosa lingua. Velaí o esforzo realizado, entre outros, polas xentes de Francisco Lanza. Unha das persoas que máis colaborou na posta en valor dese legado histórico e cultural de Ribadeo foi a persoa en torno á cal hoxe nos reunimos.
D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ naceu en Ribadeo un 3 de febreiro de 1948. Ao longo da súa vida mantivo sempre compromisos culturais e políticos coa súa terra. Así, foi membro fundador da Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo e foi, desde 1978 e ata comezos do século XXI, o seu Presidente. Tamén foi director teatral, conferenciante e autor de varios artigos. A súa vida profesional desenvolveuse na Escola de Capacitación Agraria “Pedro Murias”, onde exerceu a docencia ata que se xubilou. Participou no proceso de creación da Federación de Asociacións Cuturais Galegas, da cal foi tamén o seu primeiro presidente; formou parte da directiva da AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) e pertence á Asociación Internacional de Estudios Galegos.
Polo que se refire ao seu labor político, desde 1983 foi concelleiro do BNG en Ribadeo, ocupando a alcaldía entre 1987 e 1995; ademais de concelleiro, do 95 ó 97 foi Deputado provincial e durante a V e VI Lexislatura foi Deputado no Parlamento de Galicia pola circunscrición electoral de Lugo. No anterior mandato municipal foi concelleiro polo PSdeG-PSOE, candidatura pola que se presentara como cabeza de lista e candidato á alcaldía.
Para alén de súa traxectoria política, podemos definir a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ como un ribadense que desde sempre destacou polo seu intenso labor cultural. Ademais da súa capacidade profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e á súa actividade produtiva agro-gandeira, D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ desenvolveu un traballo ensaístico máis que considerábel. Publicou tres ensaios: "A lingua é o noso escudo" (1978), "Introdución ao «Sempre en Galiza»” (1986), e "Alexandre Bóveda en «A Nosa Terra»” (1987); por este último traballo recibiu o Premio de Ensaio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, en 1987. Ademais disto, participou en publicacións colectivas e encargouse da edición, limiar e notas da obra de Francisco Lanza "Falan os de Ribadeo", publicada por Edicións do Castro en 1974. En Ribadeo somos coñecedores do seu "Do vello Ribadeo" editado pola A.C. Francisco Lanza. Varias das revistas editadas pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, os Cadernos Ribadenses contan con colaboracións súas. A través das páxinas dun número especial dedicado ao décimo aniversario da Agrupación Cultural Francisco Lanza podemos comprobar a intensa actividade desenvolvida en Ribadeo durante os anos do tardofranquismo e a transición política. A intelectualidade galega do século XX ten visitado Ribadeo e proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara ao conxunto do país, grazas ao labor de persoas como D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ. Tamén debemos dicir que as súas investigacións permitíronnos recuperar e poñer de novo en valor para a nosa memoria colectiva aspectos senlleiros da nosa historia: o mesmo nos achegan ata a Porta da Vila e a Torre do Reloxo, como nos trasladan ata o aeródromo de Vilaframil; lévannos polas rilleiras de arriba e de abaixo, lémbrannos a puxanza das parroquias de Cedofeita, A Devesa ou Rinlo, ou nos brindan anécdotas acerca do comportamento a seguir nas nosas praias en tempos escuros. Lémbrannos as nosas corais de antano, ou repasamos con el algunhas noticias do "Círculo de Recreo" de Ribadeo e a "Filantrópica-Dramática". En fin: conectou o noso pasado xa case milenario da man de Francisco Lanza, co presente que lle tocou vivir ao longo da segunda metade do século XX, proxectándoo cara ao futuro de todos e todas nós.
Por todo iso, e pola súa moi acreditada valía intelectual, consideramos a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ merecedor do título honorífico de Cronista Oficial de Ribadeo.
"
Discurso de aceptación de Eduardo Gutiérrez:
 A lembrar que o acto de investidura foi tratado en Eduardo Gutiérrez, e diversas outras cousas relacionadas con el están agrupadas en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/Eduardo%20Guti%C3%A9rrez. Asemade, que premendo co rato sobre a imaxe pode lerse independente e cambiarse o seu tamaño.

20130529

Ribadeo e os vascos

Artigo de Pancho Campos publicado na Comarca de 20130525
Facer unha breve historia sobre Ribadeo e os vascos, non é doado pois sempre quedarán algúns sin nomear, pois non se atopa información xeral o respecto.
Eu decidín guiarme polo nome dos vascos máis relevantes que viviron, traballaron e fixeron negocios no noso pobo, e que contribuíron o engrandecemento de Ribadeo tanto do comercio como da pequena industria á que eles impulsaron de forma notable sin ningunha duda. Por eso creo obrigado este artigo para que non caia no esquencemento da memoria esta contribución histórica de máis de dous séculos para o que foi e sigue sendo o transcurrir da nosa vila.
Os vascos máis relevantes aparecen como armadores de barcos, así o máis antigo antecesor en Ribadeo é D. Manuel Olabarrieta, armador do bergantín “Feliz” (Lista de embarcaciones del Puerto de Ribadeo de 16-Agosto-1787) Na terceira década do XIX, aparece a grandísima personalidade de D. Francisco Antonio Bengoechea, banqueiro, comerciante e liberal home de negocios, afincado en Ribadeo al menos desde 1839 (“Pláticas de Familia” p.17, D. Leopoldo Calvo-Sotelo). Construíu a “Casa de Abaixo” unha das máis grandes casas de Ribadeo, herdada en 1900 por D. Ramón Bustelo. Bengoechea, rexentaba unha banca de crédito e unha Casa de Navegación que tiña nada máis e nada menos que trinta e tres barcos mercantes: 17 bergantines; 2 bergantíns-goleta; 4 corbetas; 2 goletas; 3 quechemarines; 3 polacras-goleta; 1 pailebote e 1 patache. Con eles facía negocios na navegación de cabotaxe e cos máis grandes navegaba por tódolos mares e con líneas regulares o mar Báltico e o mar Caribe, especialmente. D. Joaquín Aurrecoechea aveciñado en Ribadeo en 1859. É armador do lugre “José Fermín”, construído en Pasajes en 1853 co nome de “José Manuel”. D. Mariano Sanjinés en 1863 contrata a corbeta mercante “Lima” de 332 TRB o constructor, D. Julián Unzueta de Deusto en Astilleros Olaveaga. Corbeta que pasa a ser propiedade de D.Carlos Casas, por escritura de venta o 2º Piloto D. Agustín Torrontegui, ambos veciños de Ribadeo. En 1865 D. José Benito Goldaracena de Bilbao, asenta na Comandancia Marítima de Ribadeo o bergantín barca “Tio y Sobrino” de 322 TRB. que construe en Viavelez con un costo de 25.000 pesos fuertes que paga D. Valentín Rentería de Mondaca, facultado no nome do Sr. Goldaracena. En 1866 D. Pedro Goicoechea de Lequeitio, asenta en Ribadeo a bricbarca “Carmencita” de 258 TRB. con un costo de 360.000 reales que constrúe en Viavelez D. José Ron. A prosperidade que os barcos dan o desenrolo industrial de Ribadeo é algo tan notorio, que o carón dos armadores vascos, outros como D. Antonio Casas, empeza tamén o negocio de armador con un pequeno quechemarín de 58 TRB, o “Ceferina”, e pronto chega a ter, a familia Casas, 22 barcos, entre eles a fragata de 652 TRB chamada “Antonio Casas”. Outros homes de negocios tamén se fan armadores, como: D.Antonio Couto; D. Patricio Gayol; D. Manuel Laje; D. Victorino Pérez Vizcaíno; D. Juan Díaz Acevedo; D. Manuel Reynante; D. Fco. González; D. José García Piedra. Pero un vasco ilustre por antonomasia en Ribadeo, foi D. Julio Lazúrtegui, creador e promotor da Sociedade Minera de Vilaodrid que funcionou a partires de 1903, e que deu lugar a construcción do ferrocarril Ribadeo-Vilaodrid de 50 km de percorrido. Gracias a esta explotación mineira e os antecedentes marítimos de Ribadeo como porto de relevancia, o que contribuiron en gran medida os vascos, toda a comarca vive décadas do século XX, con un gran progreso industrial. Nos corenta primeiros anos o capital aflúe a Ribadeo de forma continuada e créanse empresas de todolos tipos. Conta con duas bancas privadas, unha na Casa de Abaixo pechada en 1927, e outra na Casa de Arriba, a Banca de Casas, que se deu en bancarrota fraudulentamente en 1933. Constrúese a Torre dos Moreno Ulloa, as fábricas de conservas e salazón de pescado de Peláez, de Bravo Otero e a da Vilavella de Fidel Gayol, Luis Garcia e de Manuel Lens, con 130 traballadores. Ramón González dona a Praza de Abastos e a zona do Mercado, constrúese a Escola Agrícola de Pedro Murias, nos asteleiros da Vilavella non falta traballo, e a Caseta de Baños ten decenas de visitantes. Ribadeo é Partido Xudicial con Xuzgado de Primeira Instancia, Comandancia de Carabineros, Axundantía de Marina e edifícase a Aduana Nova pois o tráfico marítimo internacional está en aumento. As familias Nistal e do Ferrocarrilana, establecen líneas de autobuses a Lugo e Viveiro.
Nos anos trinta os talleres mecánicos de reparación de automóviles, empezan a ser rendibles e outro vasco D. Félix Larravide, Mecánico Naval Maior, monta un taller mecánico que ademais de reparar, enseña a moitos rapaces o oficio da mecánica e os diversos oficios que a reparación mecánica conleva. Entre eles estaba Pancho Campos Martínez, meu pai. Nos anos corenta e cincuenta síguenlle a zaga outros talleres mecánicos como o Garaxe Parga, para turismos e camións, que compiten cos de D. Manuel Lens na rúa de S. Francisco, para reparar o Saurer da Escomulgada, os de D. Manuel Luxen de Transportes o Comercio detrás da cárcel, cos de Jesús e cos de Seivane e o Carrelo no muelle de Figueirúa. Tamén monta Severiano López o seu primeiro taller eléctrico de reparación e rebobinado de motores.
A prosperidade é grande, incluso para o lecer. O Cine Teatro e o Cine Colón teñen duas sesións diarias, e tres os domingos e días de festa, o Baile do Rosa Lar ten orquesta tódolos domingos do verano e a Banda Municipal toca os xoves no parque, e o capital flue por Ribadeo e a súa comarca en regatos pequenos pero caudalosos. Os aserradeiros de Couso e Conde, non paran de traballar, e as carpinterías de Maseda, Cienfuegos e Ramos, teñen traballo continuado, abre a Fábrica de Alginatos da Vilavella do Sr. Puértolas, a fábrica de gabardinas da familia Llaú, as granxas de galiñas e de cemento de D. Manuel Lens, en 1958 inaugúrase o Instituto Laboral “Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel”... A inercia do crecemento industrial continúa ata mediados dos anos sesenta, do cal hoxe carecemos total e absolutamente, pois según a miña forma de ver, hoxe Ribadeo ten cerrado a cal e canto o seu verdadeiro motor e xerador industrial de riqueza, a Ría de Ribadeo.
Non ten o calado necesario para un desenrolo axeitado os tempos que vivimos, debido o mal diseño da Ponte dos Santos sobre pilastras e sin altura dabondo, ós recheos da escollera e das dársenas “asesinan” toda perspectiva de futuro, con carácter irreversible, pois incrementaron de forma alarmante a colmataxe de area sobre o fondo e o agrandamento incontrolable dos tesóns. Outros vascos-ribadenses que se asentaron en Ribadeo en épocas de antano, son as familias de D. Maximino Aramburo Mejeras, comerciante; D. Salvador Díaz Echevarría profesor de Física e Química do Sto. Tomás e do Instituto Laboral; seu irmán D. Cesar Díaz Echevarría que durante máis de 30 anos foi secretario do Pósito de Pescadores, contribuíndo en gran medida o desenrolo do porto pesqueiro de Ribadeo, que chegou a ter máis de 350 mariñeiros inscritos.
Polo ano 1958, aparecen os barcos dos Decanos, armadores de Burela: José, Eliseo, Benigno e Santiago, que dan traballo a cincuenta e un mariñeiros, e contratan vascos como patróns de pesca do arrastre para as dúas parexas: Tierra Vasca e Costa Vasca; Huerta e Decanos, e así avecíñanse: Pablo Mújica e Felicia, cos seus fillos Begoña, Pablo e Iñaki; Patxi Vidaurrázaga e Teresa Urbieta cos seus fillos Jaime e Anatere; e tamén Benancio Larrosea (Larrucea?). A finales dos sesenta, chega tamén a Ribadeo o Sr. Jaureguizar, profesor de matemáticas do Instituto Laboral. Hoxe volvemos a sentir o empuxe dos vascos no desenrolo das grandes superficies, EROSKI Center, foi pioneiro deste tipo de supermercados en Ribadeo, seguido por Brico-King, Día, Lidl... que cos supermercados montados nos baixos de edificios da propia vila, como: O Arbol, Gadis, Alimerca... están xerando o desenrolo do mercado e comercio en Ribadeo, con moitos postos de traballo estable, que boa falta fan.
É unha pena que non haxa todavía a día de hoxe aceras para poder transitar os peóns tranquilamente e sin medo a ser atropellados por un coche, hacia as aforas de Ribadeo, pois, creo eu, sería tan atractivo como rentable para os grandes e pequenos comerciantes do centro do pobo, unha fluida circulación dos miles de clientes “yentes e vinientes” as grandes superficies. Por todo esto, creo de obriga este artigo de recoñecemento os vascos e o traballo que tanto levan feito e compartido con nos. Saudiños e unha aperta.