20171218
ESCUDO HERÁLDICO DA ERMIDA DE NOSA SEÑORA DA PONTE DE ARANTE Francisco José Campos Dorado
Este Escudo de Armas está pintado na parede Norte interior da Ermida da Ponte de Arante, cuxos documentos máis antigos, do ano 1514, a denominan Ermida de Nosa Señora Santa María da Ponte. En 1517 usan a expresión: Hermita de Santa María da Ponte das Mestas, cuxo apelativo “mestas” provén do feminino latino “mixtas” que significa: “mesturadas”, neste caso, produto da unión ou confluencia de augas correntes do rio e regatos (augas mestas), circunstancia que ocorre no lugar onde se sitúa o Santuario. Desde o ano 1561 ata o día de hoxe, coñecese como Ermida de Nosa Señora Santa María das Virtudes, ou como agarimosamente lle din os vellos veciños, “A Santiña” (Santuario de Nosa Señora da Ponte, Arante, D.José María Fernández Fernández, Arquiveiro Diocesano de Mondoñedo, 1986, páx.7-8 // Cadernos de Investigación IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, Nº6, 2005, Limiar de D. José Ferreiro González, Cura Párroco de Arante).
Nesta parede norte, hai pinturas murais do medievo que representan elementos evocativos, segundo se miran de fronte e de esquerda a dereita: a Asunción, a Coroación de María e o Descendemento da Cruz, e no marco da dereita destas últimas imaxes, está este escudo heráldico, sen acabar de rematar o brasonado, tal e como o vemos na foto re-debuxada. Na parte inferior das pinturas, hai unha inscrición que di: “ESTA OBRA MANDOACER EL SENNOR PERO PARDO DE AGVIAR SENNOR DEL COTO DE SAN MARVGO A SV COSTA SE INICIO DE NVESTRA SENNORA EN EL ANO DE MIL D XVI” (Ano 1516) (ibidem, Nº6, 2005, páx.12).
O escudo ten a forma que os tratadistas heráldicos chaman “español carlista” ou “de forma de casulla” (El Diseño Heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, páx.29). O apelativo “carlista” refírese ó rei Carlos I de España e V de Alemaña (rei 1517-1556), pois da súa época datan as labras de deseños heráldicos españois con reminiscencia xermánica. É un escudo contido nas formas, sen adornos e sen ostentación algunha, coa boca (perfil que bordea o contorno do campo) formada por unha bordura diminuída chamada “filiera”, cuxa parte do xefe está desaparecida.
Como nos di a inscrición, a obra pictórica mandouna facer, “Pedro Pardo de Aguiar señor de Samarugo”, pero o escudo do mural, é un escudo partido, en cuxa partición destra (do escudo) presenta en campo de ouro os dous lobos en pao dos OSORIO e na partición esquerda non hai ningún brasón pintado, ¿por qué? ¿a quen pertencería esa partición esquerda? ¿quen foi este señor Pero PARDO DE AGUIAR? ¿onde vivía para preocuparse de obras, reformas, adornos como as pinturas murais, etc. desta Ermida da Ponte?.
Segundo vemos en “Blasones y Linajes de Galicia”, do Padre D. José Crespo del Pozo, Volume IV, páx.123-125, os PARDO da Casa de Samarugo, veñen por liña sucesoria de D. Juan NUÑEZ PARDO “el Viejo” que estaba casado con Dª Teresa RODRIGUEZ DE AGUIAR, cuxo segundo fillo foi o Mariscal D. Pedro PARDO DE CELA, casado con Dª Isabel de CASTRO OSORIO, filla de D. Pedro ÁLVAREZ OSORIO, primeiro Conde de Lemos, e da súa muller Dª Beatriz de CASTRO Y CASTILLA, señora de Sumariego e irmá do Duque de Arjona (El Mariscal Pedro Pardo de Cela, Eduardo José Pardo, Alvarellos 1981, páx. 156). O Mariscal D. Pedro Pardo de Cela, viuse Señor de Samarugo, por ser sucesor dos seus sogros, así como do señorío da Frouseira, entre outras moitas propiedades. É obrigado non esquecer o comentario que fai o Padre Crespo a pé de páxina 124, onde lle parece estraño que a “Enciclopedia de Garraffa”, sitúe Samarugo do Partido Xudicial de Vilalba, Lugo, na provincia de León, o que considera unha errata que soamente se explica cando se escribe desde Madrid, sen coñecer o territorio galego. Cousa que con bastante frecuencia atopamos noutras moitas, pero moitas, citas e feitos da nosa historia de Galiza, das que en Ribadeo temos algúns exemplos, e non só do escrito en Madrid.
Como sabemos, o Mariscal Pardo de Cela foi decapitado en Mondoñedo o 17 de Decembro de 1483, e a súa viúva Dª Isabel de CASTRO OSORIO, retírase a pasar os últimos días, na fortaleza de Castromor onde falece o pouco tempo. Dª Isabel era neta de Dª Isabel de Castro Enriquez e de D. Pedro Enriquez de Castilla, Conde de Trastámara, é por tanto, Dª Isabel de Castro Osorio, era parente dos Reis Católicos por liña directa deste avó materno, tanto de Dª Isabel por ser Trastámara por parte de seu pai Xoán II de Castela (rei 1406-1454) aquel que lle concedeu a D. Rodrigo de Villandrando o título de III Conde de Ribadeo (Escudos de Armas da antiga Fortaleza de Ribadeo, tamén en La Comarca del Eo, 16-Set-2017), como de D. Fernando II de Aragón “O Católico”, por ser este fillo de Dª Juana Enriquez e neto de D. Fadrique Enriquez mestre de Santiago e Almirante de Castela. Deste parentesco cos Reis Católicos valeuse Dª Isabel de Castro Osorio, para pedir o indulto do seu home, e ao quedar viúva, para que lle fora revocada a orde de confiscación dos bens do Mariscal, que eran cuantiosos entre Mondoñedo e Viveiro. O Mariscal e Dª Isabel tiveron tres fillos: 1) Pedro “el Mozo” ou Pero de MIRANDA SAAVEDRA E CASTRO, que segundo parece, foi decapitado o mesmo día e na mesma praza de Mondoñedo que o pai a idade de dezaseis anos. 2) Dª Beatriz de CASTRO, que casou con D. Pedro BOLAÑO E RIBADENEIRA, señor da Fortaleza de Torés, na serra do Cebreiro. 3) Dª Constanza de CASTRO, herdeira da Casa de Samarugo entre outras propiedades, casada con D. Galaor OSORIO, quen era fillo bastardo do Conde de Lemos, polo que o dito Conde de Lemos, casou ao seu fillo bastardo cunha neta lexítima, seguindo as costumes da endogamia da época, polo que un medio tío casouse cunha sobriña. D. Galaor fai testamento o 13 de Maio de 1480, data que nos sirve para situarnos no período de tempo cronolóxico.
Dª Constanza e D. Galaor tiveron por fillo a D. Pedro ALVAREZ OSORIO, señor de Samarugo, Muras, Piedrafita, etc. que casou con Dª Mayor BASANTA DE AGUIAR, os cales tiveron por fillos a: 1) Dª María OSORIO que herdou o señorío de Samarugo, e casou con D. Pedro PARDO DE AGUIAR a quen parece, pola cronoloxía e data das pinturas, que se refire a inscrición desta pintura da Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, pois ó casarse con Dª María OSORIO pasa a ser el o Señor de Samarugo. D. Pedro PARDO DE AGUIAR, era fillo de D. Pedro PARDO DE AGUIAR, Señor do Val de Cabarcos, de aí a proximidade de veciñanza e relación coa Ponte, e de Dª María SIERRA E RON.
Dª María OSORIO e D. Pedro PARDO DE AGUIAR, o da inscrición, tiveron catro fillos: 1) D. Andrés PARDO OSORIO de AGUIAR que herda o señorío de Samarugo, e cásase en 1ª nupcias con Dª María TORRES, e en 2ª nupcias con Dª Beatriz de TABOADA. 2) D. Antonio PARDO OSORIO DE AGUIAR, casou con Dª Teresa GONZALEZ DE CÁNDAME ANDRADE E RIBADENEIRA, de cuxo segundo fillo, D. Pedro PARDO OSORIO, casado con Dª Antonia de NOBOA, descende Dª Emilia PARDO-BAZÁN. 3) Dª Inés de CASTRO ou Dª Inés OSORIO que casou con D. Luís de Villarín. 4) Dª Teresa OSORIO que se casa con D. Ruiz DÍAZ DE RIBADENEIRA.
O escudo de armas, ó ser partido (polo que vemos) e ó ter á destra do campo as armas dos OSORIO, lugar das armas do marido segundo as normas heráldicas, parece que tería que ser do matrimonio de D. Pedro Álvarez OSORIO, señor de Samarugo e de Dª Mayor Basanta de Aguiar, como describe a xenealoxía. Pero cinguíndonos literalmente o que di a inscrición, parecen ser as armas familiares de Dª María OSORIO e na partición esquerda (do escudo) terían que aparecer as armas primitivas dos PARDO DE AGUIAR: en campo de gules, unha aguia do seu color, picada, membrada e armada de ouro (en campo vermello, unha aguia negra, co pico, patas e garras de ouro). Isto contradiría a regra heráldica de colocación das armas: “á destra marido e á sinistra muller”, ¿sería por este contra motivo da regra heráldica que non se pintaron as armas da sinistra? ou ¿habería outras razóns que motivaron o borrado ou a non inclusión do brasón dos PARDO? ¿Que razóns ou incompatibilidades houbo?
Posiblemente a discrepancia que houbo para non rematar o brasonado do escudo, non foi unha cuestión heráldica, senón que había “discordia e enemistade política” por intereses moito máis terreais cós atinxidos á nobreza, entre os bispos de Mondoñedo e D. Pedro. Si miramos os documentos que aparecen na Real Chancillería de Valladolid, vemos que D. Pedro Pardo de Aguiar empezou a litigar por certas terras, co bispado de Mondoñedo desde o ano 1507, e cuxos litixios acadaron o ano 1542. Documento 1) Preito do bispo de Mondoñedo con Pedro Pardo de Aguiar e consortes, veciños de Mondoñedo, sobre a posesión de certas terras (anos 1507-1542) (Código: ES.47186.ARCHV/8.12.1.2//Preitos civís, Alonso Rodríguez (F), CAJA 2595,1. PERGAMIÑOS, CARPETA 112,6)
Documento 2) Executoria do preito litigado por D. Antonio de Guevara, bispo de Mondoñedo, con D. Pedro Pardo de Aguiar e consortes, veciños de Mondoñedo, sobre a posesión de certas terras (4-Novembro-1542) (Código: ES.47186.ARCHV/8.7.1//REGISTRO DE EJECUTORIAS,CAJA 564,45. Preitos civís, Alonso Rodríguez (F), CAJA 2595,1)
Durante estes trinta e cinco anos en preito, rexentaron a dioceses de Mondoñedo os seguintes bispos: D. Diego de Muros (1505-1512) quen inicia o preito; D. Diego Pérez (1513-1520); D. Gerónimo Suárez (1523-1532); D. Pedro Pacheco (1532-1537); Frei Antonio de Guevara (1537-1545) con quen se remata o litixio.
Estas terras en litixio, é de supoñer, que eran da herdanza de Dª María Osorio, e que pertencían a aquelas que lle foran restituídas polos Reis Católicos a Dª Isabel de CASTRO OSORIO, viúva do Mariscal Pardo de Cela. Dª Isabel de Castro, cando se casou co Mariscal, tivo unha dote espléndida do seu tío D. Pedro Enriquez de Castro que foi bispo de Mondoñedo entre 1426 e 1445. O bispado e prelados reclamáronlle o Mariscal moitas destas propiedades: “...quienes fulminaron contra él sentencias eclesiásticas que no lo conmovían en lo más mínimo” (Ibidem, Padre Crespo, Volume IV, páx. 124) de aí que houbera tantos anos de preitos xudiciais, incluso despois da vil execución do Mariscal Pardo de Cela.
D. Pedro Pardo de Aguiar, a pesar dos preitos, supoñemos seguiría sendo un fervente católico, que patrocinaba obras pías, como estes atraentes murais da Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, que facían reflexionar sobre a idea da insubornable Morte viva e invitaban á devoción os miles de peregrinos que percorrían este Camiño Norte de Santiago, e que tamén, tantos beneficios traía para os veciños da comarca deste tramo do antigo Camiño Francés: Ribadeo, Ove, Cubelas, A Ponte, S. Xusto de Cabarcos, Lourenzá e Mondoñedo. Pero, D. Pedro, ó non querer “dar o seu brazo a torcer” e non ceder “polas boas”, aquelas ansiadas propiedades ós bispos de Mondoñedo, que levaban preiteando anos e anos tras delas, estes non lle permitiron tampouco integrar as súas armas, dentro da igrexa, no brasonado do escudo que nos acontece, posiblemente como unha acción que hoxe chamaríamos de “ninguneo”, por iso quedou o brasonado sen rematar, pois non lles gustaría que tales armas dos PARDO quedaran reflectidas en tan estratéxica e concorrida localización. As de OSORIO, ¡nin tocalas!: “viñan dos Reis Católicos”. Por suposto, non son eu a persoa máis cualificada para aseverar con toda certeza a hipótese aquí desenrolada, pero as Armas dos PARDO, non debían estar, por aquelas datas, moi ben vistas no ámbito catedralicio, pois eran as Armas daquel Mariscal que tiñan cualificado como: “un orgulloso señor “feudal” que presentaba “fobia anticlerical”, e que fora decapitado con aleivosía, trinta e tres anos antes de realizadas as pinturas da Ermida da Ponte, e segundo a lenda, pola bárbara e cruel ignominia da xente do bispo Fadrique de Guzmán (1462-1492) quen fixo entreter no lugar coñecido desde entón como a Ponte do Pasatempo, a Dª Isabel de Castro, que traía o perdón real firmado polos Reis Católicos, indultando da morte ao seu home o Mariscal D. Pedro PARDO DE CELA AGUIAR E RIBADENEIRA. Aquí pregúntome eu, pois non atopo os motivos por ningún sitio: ¿que crime cometeu o seu fillo de dezaseis anos, para ser decapitado tamén na mesma praza de Mondoñedo xunto có seu pai?. ¡Ningún, pero o exercicio da crueldade non precisa de razóns!
A lenda e a historia de PARDO DE CELA mestúranse, e aqueles acontecementos do cerco e traizón da Frouseira, dos crueis e bárbaros asasinatos, teñen feito correr rios de tinta en forma de poemas, cancións, ensaios histórico-lendarios e análises científico-históricas o que non quita en absoluto que teñamos nós, un anaco das consecuencias daquela mítica historia, na Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, a cal, é un verdadeiro regalo tela tan cerca, e poder visitala calquera día que estea aberta, para poder contemplar e reflexionar con calma sobre os motivos das súas preciosas pinturas medievais: “onde a Morte viva, está situada na nave o lado dos fieis para que estes non poidan eludir a súa presencia, sempre a esquerda, orientada ao Norte, no reino do Demo, do frío e das tebras” (ibidem, Nº6, 2005, páx.17). Un pracer, un luxo, rememorar a nosa historia, as nosas lendas.
20160413
A ADUANA VELLA DE RIBADEO. Artigo de Francisco José Campos Dorado
A casa da Aduana Vella, na fachada do patio interior do servicio privado entrando pola rúa de Amando Pérez, ten un escudo de armas español de 1726, adornado con casco ou celada de cabaleiro fidalgo, mirando a destra, adornado cun penacho de cinco plumas e viseira baixada e protexida por cinco grilletas (barras verticais que forman unha rexilla). Polo exterior está rodeado de lambrequines sinxelos a modo de burletes que rematan na parte baixa cun sostén con figura de cara de anxo ou de tenante de pelo longo.
Está cuartelado en cruz ou dividido en catro cuarteis. No 1º cuartel: catro lises laterais e unha espada con cruceta e guarda, centrada en pao (vertical) coa punta mirando para enriba tocando unha quinta lis, e no medio da folla da espada, asemella ter unha pequena flor. Son as armas dos Miguel ou dos Miguez: en campo de azur (cor azul) unha espada de prata punta arriba, cargada dunha rosa do mesmo metal e acompañada de cinco lises de ouro en orla. (Blasóns de 1757 do Rei de Armas D. Sebastián del Castillo). O apelido Miguel usóuse como equivalente a Miguez, patronímico, ou apelido dun fillo provinte do nome do pai.
![]() |
| A Aduana vella, na primavera de 2005 |
O 2º cuartel mostra unha árbore cun can atado. Son as armas dos Acevedo que se representan en campo de ouro un acivro de sinople (cor verde), cun lebrel branco amarrado.
O 3º cuartel está cortado ou dividido en dous por unha liña horizontal. Na parte alta ten unha águia bicéfala, posiblemente as armas dos Zigarán, que constan no lema da bordura do escudo, e na parte baixa dúas aves con longos pescozos enroscados, que é un moble ou figura sin recoñecer nos blasóns e linaxes de Galiza, nin nas figuras da heráldica española consultadas.
O 4º cuartel mostra cinco corvos pousados, postos dous enriba, un central e dous en baixo. Aínda que falta un sexto corvo, son armas dos Cuervo, dos Miguel Vigil de Asturias e dos Arango que derivan da linaxe dos Cuervo que tiveron o señorío no valle de Arango do concello asturiano de Pravia: en campo de prata, seis corvos de sable (cor negro) postos de dous en dous.
Esta casa blasonada da Aduana Vella vai cumprir 300 anos de historia, a contar a partires da data do propio escudo, e é outra das casas semiabandonadas do Ribadeo Antigo. Os seus muros gárdan caladiñamente os anos de esplendor de D.Carlos, pero tamén os seus muros saben da amargura e da ruína material a que o levaban os inacabables e longuísimos preitos das partixas da herdanza de sua nai, litigados entre 1743 e 1759 contra dos seus irmás: D.Gaspar e Dª Cathalina de Acevedo Pardo e Taboada, veciños por aquel entonces de Castropol.
O edificio é coñecido como a Aduana Vella, pois foi adicado a Aduana a partires do ano 1800 cando se construe un embarcadoiro e a rampa en Porcillán o final da rúa Ares -Ares ou das Angustias, hoxe Antonio Otero-. Os ámplios baixos da casa servían de almacéns e alfolís, esto é, de pósito ou celeiro e de almacén de sal. Polos anos 1920 e nos anos trinta da República estivo adicada a Escola de Nenos e Nenas, ata o comenzo da Guerra Civil, onde impartían clase D. José Novo e Dª Concepción López González, que foron apartados do ensino durante a contienda. Logo, a Escola Pública pasou a primeiros dos anos corenta para detrás da actual Casa do Concello, cando o alcalde de Ribadeo D. José María Castelao, comprou a Casa de Raimundo Ibañez que daquela acababa de ser a sede do antigo Banco de Casas. A Aduana Vella é un emblema dos trescentos últimos anos da Historia de Ribadeo, e é unha pena que non teña ningunha utilidade na actualidade. Menos mal que a alguén se lle ocorreu “maquillala” repintándolle as fachadas e amañándolle as fiestras para que “aparente” bonita e non caia nun montón. Triste destino para algo tan belo, pero é o que hai, e non é o único.
Nota a posteriori: O 3º cuartel cortado, son armas dos ZURBANO. Toponímico vasco, procedente do concello de Arrazua de Vitoria, provincia de Álava: “escudo cortado: 1º en campo de prata, un aguia bicéfala de sable; 2º en campo de azur, dous cisnes parados e afrontados de prata, cos colos entrelazados”.
20200721
ESCUDOS DE ARMAS DA CASA TORRE DE PUMARÍN. Pancho Campos Dorado
Foto 1
Foto 2: lintel orixinal e debuxado por riba
Na foto 1, podemos ver a situación na fachada principal dos escudos de armas e do lintel (foto 2) sobre a fiestra alta cunha laude ou inscrición de construción que reza: “ESTA CASA (LA) HIZO ALVARO TABOADA I VIOLANTE DE ANDRADE SU MUJER. COMENZOSE EN EL AÑO DE 1559 I ACABOSE EN EL DE 1561”.
ESCUDO ESQUERDO (segundo se mira cara á fachada)
Foto 3
Debuxado por riba
ESCUDO DEREITO (segundo se mira cara á fachada)
Foto 4
Debuxado por riba
Terceiro cuartel: axadrezado en escusón das armas dos ULLOA, e postas en orla dúas serpes afrontadas coas colas entrelazadas das armas dos PRADA.
Cuarto cuartel: moi desdebuxado o que pode darse a outras interpretacións. Parece un cabaleiro montado a cabalo mirando a destra, con lanza en banda empuñada polo lado destro do cabaleiro. Parecen ser armas dos GUNTÍN, GUNDIN ou GONDIN cuxa casa solar provén de Gundín, do Concello de Monterroso, fundada no ano 1555 por Gómez de Gundín. En 1589 levanta o Pazo de Laxe nese concello, D. Francisco Salgado Guntín. Na xenealoxía atópanse emparentados con ilustres familias galegas como os Ulloa, Salgado, Gil Taboada, Montenegro, etc. (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo Pozo, Volume III, páx.105)
A Xenealoxía de D. ÁLVARO DE TABOADA (Y AGUIAR) + D.ª VIOLANTE DE ANDRADE (irmá de don FERNÁN SANJURJO MONTENEGRO, veciños do Padornelo, parroquia de Santiago de Sancobad, inmediato a Vilalba) por non alongar máis este artigo, pode verse completa e con notas, no libro Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, capítulo 1: “Escudo de Armas da Aduana Vella de Ribadeo”, páx. 46 - versión preliminar no blog, aquí-).
Por qué esta Casa dos Pardo de Taboada pasou a ser chamada a Casa de Moreda? Pois ben, Dª VIOLANTE déixalle a herdanza ao seu neto D. JUAN JOSÉ ACEVEDO PARDO TABOADA e vai ser última posuidora do pazo Dª MARÍA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA, por cuxos beneficios preitearán os seus fillos, no ano 1738, D. CARLOS MIGUEL, dono da casa da Aduana Vella de Ribadeo e D. GASPAR JUAN ACEVEDO PARDO Y TABOADA, casado en Castropol con D.ª ISABEL ABELLO Y CASTRILLÓN. D. Gaspar morre entre 1753 e 1764, e queda como apoderada do seu fillo D. Juan José que é o dono e señor do Pacio de Pumarín.
A comezos do século XIX (1801) D. Juan José Acevedo Pardo Taboada que vive na casa principal de Brul, parroquia de San Salvador de Tol no Concello de Castropol, arréndalle en foro perpetuo a propiedade a D. DOMINGO PÉREZ DE MOREDA casado con Dª Francisca Rodríguez, cuxa familia vai a ser quen redima o foro, de aí que hoxe se coñeza o Pazo de Pumarín como a Casa de Moreda. Don Domingo Pérez de Moreda era un fidalgo descendente, segundo preito de fidalguía do ano 1662, de don Juan Pérez de Moreda, capitán, ou de seu irmán don José de Moreda (falta concretar este dato), e que ese ano do ditame do preito eran veciños de Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) e no que se especifica que eran naturais de San Cosme de Barreiros (Lugo) (Real Chancillería de Valladolid, Código de referencia: ES.47186.ARCHV//SALA DE HIJOSDALGO,CAJA 1421,14).
Desde aquí darlle as grazas a don Faustino Recalde de San Miguel de Reinante quen fixo unha encomiable labor documental da xenealoxía tanto dos Pardo Taboada como dos Pérez de Moreda, que tan ben nos atinxe nesta descrición.
20170816
ESCUDO DE ARMAS DA CASA DE QUINTALONGA DE SANTALLA DE VILAOSENDE E ESCUDOS POLICROMADOS DA CAPELA DE SAN ROQUE DE RIBADEO. Francisco José Campos Dorado
20231010
ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE VALLEDOR. Pancho Campos Dorado
ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE VALLEDOR
![]() |
| Pazo dos Valledor. Escudo. |
O Pazo dos VALLEDOR está en Castropol. É un edificio do século XVIII ao que se accede por unha gran portada rematada por un arco de medio punto sobre impostas algo saíntes e con molduras. Os riles do arco están gravados en baixo relevo con motivos florais que ocupan o espazo até as dovelas laterais da clave, e o todo enmarcado entre dúas columnas, sobre cuxos capiteis se sostén a obra de cantería do gran escudo heráldico da familia VALLEDOR.
Escudo de armas medio partido de dous trazos e cortado de dous, coa campaña partida, traendo un campo de oito cuarteis. Escudo composto das Armas familiares da Casa dos VALLEDOR e que se atopa en magníficas condicións de conservación. Está protexido da choiva torrencial por unha cornixa de cantería formando un arco de medio punto, típico abeiro dos escudos heráldicos. O seu contorno é o dun escudo español de forma cuadrilonga, redondeado polo baixo e terminado en punta no medio da base ó estilo francés (1), cun contorno de gran campo para dar amplitude ás pezas e mobles dos brasóns representados. Está timbrado cun helmo de fidalgo, repuxado con resaltes de figuras en relevo, e adornado cun penacho de cinco plumas, dúas pequenas extremas e tres centrais de maior relevo. Está situado de perfil mirando a destra e viseira alta levantada, e a parte inferior baixada, colocado sobre unha gola ou gorxal amplo de dúas pezas. Cerrando a abertura do helmo percíbense catro grilletas perforadas, o que nos da a coñecer a súa distinción de fidalgo antigo e cabaleiro revestido de algún cargo importante no exército ou na corte do soberano, así como que o escudo representa tres liñas maternas e paternas, armas familiares con parentesco de consanguinidade.
O campo está rodeado, a destra e sinistra, de lambrequíns sinxelos a modo de ornamentos florais formando molduras enlazadas, e na punta (parte baixa) remata nun sostén a modo de vieira de peregrino rodeada dunha labor de “encaixe” de bodoques que conforman un conxunto de moi elegante e señorial presenza.
Na bordura alta podemos ler: “EL SOLAR DEL VALLEDOR ES ANTIGVO I DE GRAN VALOR”. É un lema algo máis curto do que describía o escudo, tamén dos VALLEDOR, que estaba na casa de don Justo Barreiro Martínez, na antiga rúa de Figueirúa de Ribadeo, hoxe rúa de Buenos Aires: “EL SOLAR DEL BALLEDOR ES ANTIGVO DE GRAN BALOR CABALLEROS DESTE APELLIDO NO LO ECHEIS EN OLVIDO” (2). Ao expresarse en ambos lemas o termo “EL SOLAR”, quizais é probable que Balledor / Valledor queira dicir Valadouro, do latín “Vallis” ou “Valles” (feminino) ou simplemente se refira á “Casa nobre e patrimonial”, aquela máis antiga da familia onde se mantén ou mantivo a liña sucesoria da súa liñaxe. O escudo da rúa da Atalaia de Ribadeo (3), máis antigo dos Valledor, carece de lema.
Primeiro cuartel: cortado. En xefe, ou parte alta, unha árbore arrincada (coas raíces á vista); e na parte inferior do mesmo cuartel, dous cans, o de atrás con colar, perseguen a un xabaril pasante a sinistra preto dunha árbore sinistrada e arrincada.
Segundo cuartel, en xefe, un cabaleiro con espada envaiñada á sinistra que pasa por detrás da figura e a punta saíndolle por destra, empuñando coa man dereita unha lanza alta (vertical coa punta arriba). Na parte inferior, un castelo con tres torres; da central de maior tamaño ou de homenaxe, sae o corpo dunha aguia coas ás despregadas. Parece ser o guerreiro dos VILLAAMIL (4), surmontando ó castelo e aguia das primitivas armas dos ALVARADO (en campo de azur, un castelo de ouro sumado dunha aguia) ou dos ARTAZA (en campo de azur, unha torre de ouro e nacente das súas ameas unha aguia de prata). Faltan os esmaltes para precisalo.
Terceiro cuartel, unha flor de lis superada dunha estrela de sete puntas sinistradas dunha árbore moi erosionada (en campo de gules, unha lis de ouro superada dunha estrela de prata sinistradas dun teixo de sinople). Son armas puras dos VALLEDOR. Na parte inferior, un home groso con faldra remexe coa man destra o contido dunha caldeira guindada do gancho dunha gramalleira, sinistrados dunha grande oriflama, insignia ou estandarte militar de dúas puntas ou farpas, fincado no chan. Figuras propias dos VALLEDOR reflectidas, en parte, tamén no escudo dos BALLEDOR de Ribadeo (5).
Cuarto cuartel, dous lobos andantes contornados (cara á sinistra) en pau (un sobre do outro), surmontando unha árbore desraizada acostada de dúas aspas, unha en cada flanco. O brasón total semella as moi antigas armas dos CRÚ(Z) MONTENEGRO DE BARRAGÁNS, de Pontevedra. En particular puidera interpretarse, como un brasón cortado: 1) dous lobos andantes contornados en pau; 2) unha árbore desraizada acostada de dúas aspas. Os lobos serían dun matrimonio OSORIO. Isto é dubidoso, pois os lobos de OSORIO, son andantes cara á destra, en pau, lampasados (coa lingua á vista, e de distinto esmalte) e desollados ou sanguíneos (de gules), isto non podemos precisalo nesta representación en pedra, pois carece de esmaltes.
Quinto cuartel: un escusón (escudiño do abismo ou centro do campo) coas armas dos YBIAS. Con bordura, na que se pode ler o lema “YBIAS YBIAS (en xefe) DIOS (flanco sinistro) ME A (en punta) YVDE (flanco destro), [“YBIAS, YBIAS DIOS ME AYUDE”] intercalado entre oito aspas. As figuras do brasón son: en xefe, unha torre de planta circular de catro ameas (á vista, dúas medias laterais e unha central) sinistrada dunha figura, quizais unha brisura (unha mirleta dun fillo primoxénito ou dun cuarto); e en punta, un cabaleiro armado na man destra cunha espada ou cun látego que serpentea no aire á súa sinistra (puidese ser unha serpe (6)), portando unha adarga e atacando a outro home case derrubado ou sentado no chan, que se escuda do ataque cunha adarga na dereita e a man esquerda apoiada no chan, onde parece ter unha espada desenvaiñada. Ao lado destro do cabaleiro en pé hai unha estrela, posible brisura tamén, correspondente ao brasón dun fillo terceiro cando o primoxénito, nas súas armas, luce unha mirleta.
En heráldica o escusón representa o corazón do escudo, e era unha peza que concedía un soberano por algunha fazaña merecente dun brasón que cargue sobre o todo. Anotemos, como curiosidade, que algunhas veces o escusón era un distintivo amoroso, pois a miúdo nos torneos ou lizas medievais, o cabaleiro colocaba no centro do escudo un sinal ou unha cor distinta que só podía ser comprendida pola dama por quen suspiraba. (7)
Sexto cuartel, unha torre redonda de cinco ameas, donxonada dunha torre de homenaxe tamén de cinco ameas, a cuxo arredor hai sete aneis; un superando ambas torres, tres e tres en flancos e unha máis dentro do portalón da torre baixa. Son armas dun brasón descoñecido tal como está, pero puidera tratarse dun brasón dos PÁEZ (en campo de azur, un castelo de ouro, aclarado de gules e rodeado de nove roeles de ouro en orla). Probaron a súa nobreza nas Ordes de Santiago, Calatrava, Carlos III e en San Xoán de Xerusalén, e son tamén familia de membros da Santa Inquisición (8).
Sétimo cuartel da campaña partida (cantón destro da punta), brasón cortado, na parte alta unha figura quimérica alada. Poden ser armas de REBOREDA ou o grifón alado dos ARRIBA que está botándolle a pata destra a un home encarado que empuña un látego que arrastra polo chan. A sinistra do home, centrada en xefe, unha estrela, probable brisura dun fillo primoxénito. Abaixo, unha aguia voante ou de ás estendidas, mirando a sinistra, que puidera ser a aguia dos PARDO de D.ª MARÍA PARDO Y LOSADA ou de D.ª MARIANA RAIMÚNDEZ PARDO OSSORIO MIRANDA Y AZCUEDO, ambas emparentaron cos VALLEDOR segundo consta na xenealoxía do Padre Crespo (ver abaixo)
Oitavo cuartel da campaña partida (cantón sinistro da punta), brasón cortado, presenta na parte alta unha ponte de pedra de tres ollos superada dunha árbore acostada entre dúas aspas, unha a cada costado. Son armas dos BEGA ou VEGA (de gules unha ponte sobre un río de azur e prata [neste brasón o río non se ve]. Unha árbore do seu color acostada de dúas aspas de ouro unha a cada costado). Na parte baixa, unha torre mocha con catro lanzas altas (puntas arriba), dúas a cada lado do portón; parece un dos variados brasóns das armas dos LANZÓS, particularmente co relacionado cos Condes de Maceda da fortaleza de Betanzos (en campo de ouro, unha torre de pedra co seu homenaxe, acostada de catro lanzas de ferro, con puntas de azur dúas a cada flanco). (9)
Este escudo de armas dos VALLEDOR, presenta en cada cuartel labras de brasóns matrimoniais, polo que parece ser posterior ao ano 1774, data que presenta o escudo da rúa da Atalaia de Ribadeo, onde se reflicten os brasóns individuais. (10)
Notar aquí, que era moi frecuente entre familiares de reis e de nobres a endogamia (matrimonios entre persoas dunha mesma liñaxe: primos carnais e segundos entre si, tíos e tías con sobriños, etc.). Esta era un costume moi antigo que xa practicaban os hebreos, os faraóns de Exipto, os incas do Perú ou os aztecas de México, con obxecto de conservar a raza de puro sangre azul. Hoxe practícase entre algunhas familias das altas finanzas, quizais máis por motivos de confianza e afinidade de raciocinio, que “de casta".
A xenealoxía que fomos recompilando comeza en, segundo a obra do Padre Crespo del Pozo, con: D. PEDRO FERNÁNDEZ DE VALLEDOR casado con D.ª MARÍA ACEBEDO PARDO Y TABOADA (coñecida en San Miguel de Reinante por D.ª MARIA PARDO DE ULLOA. Casados antes de 1656. D.ª María é a sexta filla de D.ª MARIA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA [da “Casa Torre de Pumarín” de San Miguel de Reinante] e de D. GREGORIO ANTONIO DE ACEVEDO PARDO VILLAMIL Y MONTENEGRO (de Castropol, fillo de D. Juan de Acevedo Pardo e máis D.ª Catalina Villamil y Bolaño)
Para non estendernos máis neste artigo, resumiremos a xenealoxía á contemporánea dos dous últimos séculos ata os nosos días:
D.ª MELCHORA VALLEDOR Y LAMAS (f.1829) casada con D. JUAN ANTONIO MENÉNDEZ NAVIA VILLAAMIL Y TRELLES (1752-1815)(fillo de D. BALTASAR MENENDEZ DE NAVIA Y VILLAMIL, Señor da Casa de Navia del Limonar de Navia, e da Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante. Casado con D.ª MARÍA LUISA TRELLES PRELO Y CASTRILLÓN). Teñen por filla a D.ª MARÍA LUISA MENÉNDEZ NAVIA Y VALLEDOR (1771-1852) casada con D. VICENTE FRANCISCO JOSE LAMAS DE LA TORRE (1765-1817)(Señor do Pazo de Quintalonga) que teñen por fillo a: 1. D. RAMÓN DE LAMAS NAVIA OSORIO (n.1795) (representante do Reino de Galicia no Trienio Liberal de 1835) e a 2. D. VICENTE LAMAS MENÉNDEZ (1796) (señor do Pazo de Quintalonga) que casa con D.ª MARÍA TERESA NAVIA OSORIO Y ALVAREZ VIART (filla do VIII Marqués de Santa Cruz de Marcenado (1814). De este matrimonio nacen cinco fillos e pasa a herdanza ó cuarto fillo (despois de varios preitos) D. RAMÓN LAMAS Y NAVIA OSORIO (1851-1926)(Oficial do Estado Maior no Corpo Loxístico e Administrativo do Exército de Terra) que casa con D.ª ANUNCIACIÓN AMALIA SANJURJO. Teñen por filla a 1. D.ª MARÍA TERESA LAMAS SANJURJO (1886-1970) que casa en 1910 con D. JOSÉ NAVARRO REVERTER Y GOMIS (f.1942) Presidente de Telefónica entre outros moitos cargos. En Ribadeo viven na Casa de D.ª MARÍA LAMAS da rúa Viejo Pancho, que debido a lexislación franquista que negaba a autonomía da muller para gobernar o seu propio patrimonio sen permiso do marido, aínda hoxe se coñece esta casa como a Casa de Navarro Reverter, cando é a casa de D.ª MARÍA LAMAS)
Intentamos reunir as pezas que unen os Escudos de Armas do Concello de Ribadeo cós do Concello de Castropol, para coñecer a dimensión real que durante séculos unía con lazos de sangre ás familias nobles da Ría de Ribadeo, algo que hoxe, por desgracia, está totalmente perdido.
--1 Heráldica española. El diseño heráldico. Luis F. Messía de la Cerda y Pita. Ed.1990. p.28↩
2 En Ribadeo a grafía expresaba BALLEDOR na lenda do escudo que estaba na Casa de D. Justo Barreiro. A grafía “Balledor” no escudo de Ribadeo; e “Valledor”, no escudo de Castropol, ambas da mesma familia, parecen ser a mesma palabra -“bale” ou “val”-, pero etimoloxicamente o seu significado podería cambiar: mentres un denotaría “a persoa que ampara ou auxilia a outra”(baledor, valedor), outro sería “val do ouro” -Balledor, Valledor, Valadouro-.(Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap. 18, p.146 / CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA)↩
3 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap.19, p.153 (ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA).↩
4 Heráldica de los apellidos asturianos. F. Sarandeses, Reedición, Oviedo 1994, p.376↩
5 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap. 18, p.146. (CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA)↩
6 Heráldica de los apellidos asturianos, Francisco Sarandeses, cita: “en una casa que llaman “de la Torre”, en San Emiliano (Allande) las armas son parecidas: Un castillo rodeado de ondas de azur y plata, bajo el cual está una serpiente de dos cabezas...” Reedición, Oviedo 1994, p.200↩
7 D. Modesto Costa y Turell, Ciencia del Blasón, Código Heráldico Histórico, 2ª Edición, 1858.↩
8 Blasones y Linajes de Galicia, Padre José Santiago Crespo del Pozo. Mosteiro de Poio, Edición patrocinada pola Real Academia Gallega, volume XXV, p.79.↩
10 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap.19, p.153. (ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA)↩
20170213
ESCUDO DA QUINTA DA VILAVELLA. Francisco José Campos Dorado
Este magnífico escudo de armas, único no Concello de Ribadeo polo seu deseño: cuadrilongo, apuntado en xefe, redondeado en punta e ensanchado na parte superior, característica dos escudos de estilo inglés (Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar y Castro -C.S.I.C.-, Hidalguía, Madrid 1961, páx.113), estaba situado antigamente na fachada da casa da Quinta da Vilavella, coñecida como a Casa de Gallardo, por ser os membros desta familia os que levaban ou arrendaban a propiedade, alpendres e casa, antes de ser demolida para facer a rotonda e a estrada de circunvalación de Ribadeo, Vilavella- Piñeira.
![]() |
| Situación da casa, esquerda da foto, centrada (sinal triangular azul). Costas, 1991. http://fototeca.cnig.es/ |
Carece de timbre e de adorno exterior o campo, non está datado, pero si poden lerse na cartela os nomes dos brasóns da súa orixe. Segundo se mira, na parte alta esquerda “AGVIARES”, na destra “VIVERO”, abaixo esquerda “MARQUESES” e abaixo dereita “TEXEIROS”.
Esta cuartelado en cruz ou en catro cuarteis, e antes de continuar a descrición de cada un deles quixera apuntar a diferenciación que existe entre brasóns e labras. En Heráldica o “brasón”, son as armas lexítimas dun cabaleiro ou dunha familia recollidas nun memorial ou pergamiño, e son únicas para cada liñaxe, pois son armas herdadas dos seus antepasados. En cambio, a “labra”, é a reprodución heráldica nunha pedra, xeralmente fincada na parede dunha casa, dun edificio ou gravada na lápida dunha sepultura, e sole agrupar no mesmo contexto artístico varios brasóns diferentes. Isto converte á labra, nas Armas dunha Casa, que son unha sucesión de liñaxes unidos por lazos de consanguinidade e afinidade, que ó longo de xeracións moraron en determinada vivenda (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria, Proyecto Galicia, Tomo LIV, Baixa Idade Media. Cap.1: Descrición e identificación de pedras armeiras).
Por outra banda, debemos facer notar, unha vez máis, que na descrición heráldica, a esquerda e a dereita, son a esquerda e a dereita do cabaleiro que empuña o escudo, ambas contrarias a man do observador que está en fronte mirando cara a el.
No primeiro cuartel, vemos unha labra que representa, a destra, unha aguia coroada e espraiada (de ás estendidas ou volante) sinistrada (que ten a esquerda) dunha torre donjonada cunha cúpula rematada dunha gran cruz, en cuxo brazo ou hasta vertical ondea unha bandeirola de dúas zarpas ou puntas (un estandarte de “dragóns” ou de infantería e cabalería lixeira). Cargadas na torre e apoiadas unhas noutras, hai catro e tres lanzas, e no chan, en primeiro plano cinco ou seis pirámides pequeniñas.
O conxunto da torre con cúpula, remate da cruz e bandeirola, lanzas e pirámides, parece a escena dun campamento cristián en Terra Santa, onde a torre ameada con cúpula é típica de Xerusalén e as “pirámides” ou roquetes (figuras triangulares) simbolizan pequenas fogueiras ou as tendas de campaña dos soldados, así como, as lanzas parecen estar estibadas no campamento para ser usadas inmediatamente en calquera momento de alarma xeral ou de “zafarrancho” de combate. Co marxe de dubida correspondente, parece a labra de dous brasóns enlazados, por un lado, dos Aguiar (en campo de azur un aguia parda, volante, coroada e armada de ouro (armada = “coas garras” de ouro, metal distinto á cor do corpo) e por outra banda, as lanzas están labradas de forma tan evidente, que puideran estar falando de armas dos Lanzós. Menos probable é, que as lanzas sexan estacas para construír unha empalizada pois están aguzadas, o que entón serían armas dos Valcarcel. De calquera das maneiras, ambos brasóns están unidos por consanguinidade matrimonial ou de herdanza, ou por lazos de fraternidade entre cabaleiros, que como parece ser, foron xuntos as Cruzadas entre o século XI e XIII.
No segundo cuartel, un soldado de infantería mirando sinistra, armado con alabarda en posición de ataque ou de defensa, pasante (que vai andando) por detrás dun escudete similar ó principal, con cinco barras que non completan o recheo do campo, e sinistrado de tres árbores folladas sobre montículos e ondas de auga. As barras do escudete parecen armas dos Varela ou dos Villarmeá (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria, Proyecto Galicia, Tomo LV), e as árbores folladas sobre montículos e ondas de auga son armas dos Vivero ou dos Fajardo (P.Gándara, Armas y Triunfos, 1677). No escudo partido das armas do apelido “Lugo”, de D. Sancho Romáiz de Lugo, constan estas armas primitivas dos Fajardo na primeira partición, e na segunda partición outras dos Vivero (unha cruz angulada de catro espigas de ouro) armas que gañou na batalla das Navas de Tolosa, 16 de Xullo de 1212, ás ordes do rei Afonso VIII contra as tropas do exército almohade de Miramamolín.
No terceiro cuartel, en xefe, un lis centrado e no cantón sinistro un crecente ranversado algo tornado (coas puntas cara abaixo e un pouco mirando a destra) superando catro estrelas de seis puntas, a central no interior do crecente é máis grande cás tres adxacentes (parecen ser do brasón dos Luaces de Viveiro). Na figura central un home con vestimenta folgada en cuxa “camisa mulida” leva recosida unha cruz en relevo, pantalón ancho e “bombacho” e calza botas ou polainas. Na man dereita porta un paxaro e na cabeza leva un gorro de pel de furón ou de esquío. ¿Está o furón ou o esquío vivo sobre a súa cabeza?. Mais ben parece estar vivo, pois apréciase que ten o rabo gordo levantado e parece ter o ollo aberto. A sinistra un can levantado e acolarado (con colar o pescozo), parece xogar coa man esquerda do home. A figura do home está cargada (sobre ou por diante) do que parece un arado romano, cuxa rella asoma pola súa dereita e pola sinistra aparece a rabela ¿apoiada nun soporte vertical?.
Os motivos que aparecen neste cuartel son un misterio, debido a fantasía de quen os escolleu, e por faltar o memorial do brasón, polo que só trataremos de interpretar o sentido representativo das figura ou pezas que vemos. O home parece ser un amante dos animais e semella estar entretido facéndolles festas ou amestrándoos. A súa indumentaria de campo denota unha profesión, como a de “montero”, pero neste caso, faltan as bucinas ou trompetas de caza que ó representan na Heráldica, polo que, máis parece ser un “alimañero real” (de aí, a concesión deste brasón do que parecen “armas cargadas” ou de mercé dun soberano). O alimañero, era quen se encargaba de cazar os animais que prexudicaban “o deporte” da caza menor, utilizando animais amestrados como o can ou o furón, e preparaba reclamos artesanais dunha ou doutra arte, como a triquiñola do paxaro na man, para atraer e atrapar os bexatos vivos que mataban as pombas, para logo adestralos para o arte da cetrería. O lis pode representar á flor do lirio ou ser imitación dunha abella, insecto de onde provén a confusa orixe do xeroglífico do lis (Ciencia del Blasón, D. Modesto Costa y Turell, 1853, páx.104).
No cuarto cuartel, á destra unha árbore (un teixo) cargada dunha torre adxurada (con porta e fiestras abertas) baixo a cal se ven as raíces da árbore, e a sinistra unha aguia coroada, de ás espraiadas e “escamada” no centro do corpo. A árbore e a torre son armas dos Texeiro. Noutros brasóns das armas dos Texeiro, soamente está a árbore á destra, e sinistrada dunha torre surmontada dunha aguia de sabre (cor negro). Neste caso, a aguia vese como con “escamas” e parécese máis á do brasón dos Solarzano ou á dos Azebedo de S.Fernando de Tui, onde Dª Ana Azebedo y Vivero de Castañón vivía no ano de 1547.
O escudo, no seu conxunto, parece que representa unha labra familiar da casa de Dª María Marquesa Pardo Lanzós Aguiar e Montoto, dona e señora dos cotos de San Xulián de Cabarcos e Canedo, casada co capitán D. Pedro Bravo de Oyos e Solarzano, de Reinosa (Santander). Un familiar, D. Gonzalo de Solarzano foi bispo de Mondoñedo (1567-1570) e o seu escudo de armas esta gravado no claustro da catedral baixo un capelo (sombreiro de bispo) e dous cordóns caendo polos flancos do escudo, cada un con seis borlas. Durante o seu mandato, D. Gonzalo concedeu varios foros (contratos polo dominio directo dunha propiedade, pola que se pagaba unha renda anual) nas parroquias da bisbarra, un deles en Santalla de Vilausende en 1570.
Na Chancillería de Valladolid hai un preito que dura desde o ano 1498 o 1544 entre o Convento de San Francisco de Ribadeo, e D. Lope Díez Tejeiro, veciño de Ribadeo. Isto acredita a antigüidade da familia Texeiro en Ribadeo, ademais de darnos a entender un certo “status” ou posición social relevante, pois non cremos que calquera se puxera a preitear con membros da igrexa por aqueles tempos (¡e nin agora tampouco!)
Outros familiares deste escudo de armas son: O que foi señor do val de Cabarcos D. Pedro Pardo de Aguiar casado con súa prima, Dª María Osorio de Aguiar unha das máis nobres señoras do Reino de Galicia que vivía en 1556. Dª María era filla de Dª Mayor Basanta de Aguiar, señora da Casa-fuerte de Samarugo situada no monte Seivane da parroquia de Santiago de Samarugo (Vilalba). Dª Mayor, estaba casada con D. Pedro Álvarez Osorio, fillo do primeiro matrimonio de Dª Constanza de Castro (filla do Mariscal Pardo de Cela e de Dª Sabela de Castro) con D. Galeor Osorio. Dª Constanza casou en segundas nupcias con D. Fernán Ares de Saavedra, fillo de D. Arias Vázquez de Saavedra de Párraga e de Dª Constanza López de Saavedra.
Encontramos outros familiares, na antedita Chancillería, nun preito litigado en 1599, por D. Lope Ares Marqués, como marido de Teresa Pérez, veciños de Ribadeo, co cóengo (canónigo) D. Pedro Domínguez de Trabada, da mesma veciñanza, como titor de D. Pedro Rodríguez de Trabada, e D. Gonzalo Díez de Castropol e San Xulián, como marido de Dª Inés Pérez de la Vega, veciños de Castropol, sobre o testamento e herdanza de D. Fernando Álvarez de la Vega.
Outros parentes aparecen nun Expediente de Probas do cabaleiro da orden de Carlos III, D. Pedro de Viveiro Pardo Teixeiro de Aquiar y Reigosa de Chao, natural de Mondoñedo, Ministro do Tribunal da Contadoría Maior, Mordomo da Real Casa, Rexedor perpetuo máis antigo e Alférez maior da cidade de Mondoñedo; cabaleiro pensionista; Ano 1779.
¡Quédanos moito por descubrir e descifrar da Historia do noso querido Ribadeo! Pero, “A Deus rogando e co mazo dando”, dicía unha das máximas do Colexio dos Hermanos, pois non é cuestión de desesperar, senón de perseverar na busca entre tantas materias relacionadas entre si, e que requiren de moita paciencia para desentalingalas das áncoras que as manteñen fondeadas na “Dársena do Esquecemento”, pero que, sen ningunha dubida, son apaixonantes de estudar, e pouco a pouco irán aflorando...!
20200623
ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE TRIANA.Pancho Campos Dorado
![]() |
| Escudo. Foto con remarque de liñas e orixinal. |














