Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Fortaleza. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Fortaleza. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20180816

O BURGO, AS VIÑAS E XUICES DE RIBADEO (documentos). Francisco José Campos Dorado

O BURGO, AS VIÑAS E XUICES DE RIBADEO (documentos).
Francisco José Campos Dorado
 
Diciamos nunha das narracións das pedras armeiras e Escudos de Armas de Ribadeo, artigo: “Escudo de Armas da Casa de García de Vilandriz-A Devesa” (tamén en La Comarca del Eo 9-Decembro-2017) que nos atoparamos cun documento que dicía en lingua galega e latín, escritura gótico cursiva, con data 13-Outubro-1310: “Pedro Ponzo, adelantado mayor del rey en Galicia, resuelve el pleito entre el concejo y alcaldes de O BURGO DE RIBADEO y el monasterio de San Salvador de Vilanova de Lourenzá sobre el caritel de la villa de Vilamariz...” Esta expresión: “O BURGO DE RIBADEO”, abre de novo a polémica da época da construción das murallas e da fortaleza de Ribadeo que non se sabe de certo.
Segundo a Etimoloxía, “burgo”, é un termo que provén do xermánico “burg”: “fortaleza”, “castro”. Na Idade Media nomeábase así, un núcleo de poboación formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, e posteriormente, dise dunha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima ("Gran Dicionario Xerais da Lingua". 2000). Como tamén hai outro dato certo de que Ribadeo foi Sede Episcopal desde o ano 1182 co bispo Rabinato ata o 1218 co bispo Pelaio de Cebeyra [Paio de Cebeira], pois nesas datas era unha poboación autónoma e non dependía de ninguén, dentro do contexto do Conventus Lucensis do Reino de Galicia. Pero aínda sendo Ribadeo unha vila pequena comparada cos tempos actuais, ¿como podemos dicir que daquela era pequena, comparada “con quen” a cen quilómetros a redonda?. Polo tanto, e baixo esta perspectiva, a expresión “O Burgo de Ribadeo”, refírese a “unha poboación arredor dun castelo ou á poboación dunha vila amurallada”. Ninguén sabe de cando databa a Fortaleza de Ribadeo, nin de cando foron feitas as murallas, pero segundo isto que acabamos de dicir, é moi posible que se poidan datar no século XIII, quizais incluso no século XII, bastante anteriores a denominación do Condado de Ribadeo dado a Pierre de Villaines no ano 1369, e por seguro, anterior o Conde Rui López Dávalos que compra o condado a finais do século XIV, e a quen algúns textos lle atribúen a construción da Fortaleza, pois foi o único Conde que parece pasou algún tempo en Ribadeo, nos vinte cinco anos que estivo este Condado baixo o seu dominio. Aquel documento de 1310, non chegou a satisfacer o noso desacougo, pois era mellor poder rematar o relato resolvendo a dúbida sobre a data de construción das murallas de Ribadeo, e da súa fortaleza. Polo tanto, perseguindo as mellores fontes documentais, chegamos aos Tumbos da Catedral de Mondoñedo, cuxo resumo fixo D. Enrique Cal Pardo, traballo que foi moi aplaudido e loubado polo noso veciño José María Rodríguez Díaz, pois aforra o traballo de moitos días a calquera que queira investigar sobre os aconteceres da nosa bisbarra.
Pois ben. Neles non atopamos o que andabamos buscando sobre as datas da muralla nin da fortaleza. Pero como moitas veces que se está a investigar algo, saltaron a nosa vista outros datos que falaban do BURGO de RIBADEO, así como, de acontecementos tamén interesantes para a nosa historia local, como son os documentos que falan das VIÑAS DE RIBADEO e sobre os seus XUICES, que tanto a riqueza das viñas, como a institución dos Xuíces dun Xulgado de Primeira Instancia, por desgracia, desapareceron do noso pobo, cousa que a día de hoxe, creo que poderíamos recuperar ámbolos dous, sen grandes esforzos pero con traballo continuado. Vexamos.
Seleccionando do libro “Documentos Medievais en Pergamino (871-1492) Catedral Mondoñedo” de Enrique Cal Pardo, atopamos os seguintes escritos, referidos a Ribadeo como BURGO, os seus XUICES e particularmente, o tema das VIÑAS que había en cantidade, e en algúns casos, incluso se nos dá a situación precisa de onde estaban. Facendo copia resumida dos documentos da sección Tumbos Catedralicios Escritos en Pergamino [en castelán]:
Documento 6. Idioma latín. Ano 1190. (Nota: nesta época a sede bispal da Igrexa Mindoniense, que non de Mondoñedo, estaba en Ribadeo, 1182-1218). “El Chantre de Mondoñedo, D. Pelayo Vilela, dio al Cabildo un busto de vaccis. Concedió igualmente a la Iglesia de Mondoñedo 4 sueldos leoneses sobre el quiñón que tenía, juntamente con sus hermanos, en su casa y VIÑAS.
Documento 14. Idioma latín. Ano 1218. “D. Pelayo de Cebeyra, Obispo de Mondoñedo (Nota.-máis ben Bispo Mindoniense), con sede en Ribadeo, dejó para su aniversario a los canónigos las vacas y las casas de Ribadeo y la VIÑA DE PELOURÍN. Está sepultado en Ribadeo. Murió el 3 de Noviembre (sin indicar fecha) Documento 236. Idioma latín. Mondoñedo, 17-Febreiro-1280. “Pedro Pérez de Ribadeo, canónigo y vicario del Dean D. F.Muñiz, junto con todo el Cabildo, aforaron para siempre a María Pérez, esposa que fue de Fernando Poncio de Villamayor, la heredad que estaba próxima a la casa de Pelayo Cidi, para plantarla de VIÑA, por la que pagaría cada año dos sueldos y medio de moneda corriente...”
Documento 337. Idioma latín. Mondoñedo, 3-Maio-1291. “Reunidos los Canónigos con el Obispo D. Álvaro, después de tratar el tema, resolvieron aforar las casa y VIÑAS DE RIBADEO, llamadas de Don GUYM, al Arcidiano de Azúmaga, D. Pedro Pérez, quien debía pagar todos los años a los administradores de los meses de San Cosme de la Marítima (de Barreiros) 100 sueldos leoneses por la casa y la VIÑA. Pagaría, además, la cuarta parte del fruto de la viña a los administradores... a excepción de la parte del Obispo, que fue de la heredad de Piñeira, por la cual daría 30 sueldos alfonsinos al Obispo, cada año...”
Documento 356. Idioma latín. Mondoñedo, año de 1292. El Deán D. Abril Eanes, con consentimento del Arcediano de Montenegro, D. Pedro Dieguez (Didaci), Procurador de Mateo Alvari, Administrador de los meses de San Miguel, arrendó la VIÑA DE RIBADEO... con las condiciones: que la trabaje bien, dé la 4ª parte del fruto al Administrador... la ponga (la VIÑA) en forquetas (furcis) y en madera (lignis candeicis) y en latas (latis integricis), so pena de 200 maravedís”. Documento 477. Idioma galego. Mondoñedo, 19-Septembro-1305. “El Deán D. Andrés y el Cabildo de Mondoñedo arrendaron a Domingo Fernández, Canónigo de Mondoñedo, la parte que al Cabildo pertenecía en las VIÑAS DE RIBADEO...”
Documento 567. Idioma galego. Mondoñedo, 9-Xullo-1311. “...arrendaron a Rodrigo Eanes, canónigo, y a Lopo Eanes su hermano, racionero, las cosas que el Cabildo poseía en la villa de Ribadeo y en su alfoz... que dió García por la VIÑA DEL CAMPO, y las OTRAS VIÑAS que tenía Miguel Martínez y Teresa, la Castellana... y las VIÑAS que tenía de Dª Marina... OTRA VIÑA que tenía Juan Martínez, detrás del muro...”
Documento 895. Idioma galego. Mondoñedo, 2-Xuño-1344. “Reunidos los canónigos, presididos por el deán D.Juan Deus, con consentimiento de Gonzalo Pérez, canónigo y administrador de los meses de la Administración de Riberas de Sante, aforaron para siempre a Diego Pérez, clérigo de San Juan de Piñeira, la heredad sita en Ribadeo, unida a la tapia de los Frailes de San Francisco, con la que lindaba por dos vientos y con el campo de la vía antigua, que salía de la villa de Ribadeo. Debía de PLANTARLA DE VIÑA y ponerla en forcas en madeira y...”
Documento 1016. Idioma galego. Mondoñedo, 26-Decembro-1366. “D.Ruy Sánchez, Arcediano de Salnés...dio a Pedro Ares, Arcediano de Montenegro, administrador de los meses de las Riberas de Sante...80 maravedís cortos...para compensar las VIÑAS que habían tomado en Ribadeo para construir el Monasterio de Santa Clara...” Documento 1041. Idioma galego. Mondoñedo, 11-Agosto-1378: “El Tesorero de la Catedral de Mondoñedo D. Ruy Días aforó para siempre a Martín Afonso, JUEZ DE RIBADEO y racionero de la Catedral de Mondoñedo, LA VIÑA, con su heredad, sita en el Molino de Ribadeo, que él había recuperado de Juan Cao, por la que debía pagar 50 maravedís por días de Navidad... Martín Afonso, no solo se comprometió a pagar la dicha suma, sino que obligó para ello OTRA VIÑA que él poseía en el expresado lugar, que parece que también estaba obligada a la Iglesia de Sta. María del Campo. (Notario: Juan Afonso, que lo era del Conde de Ribadeo) Documento 1056. Idioma galego. Ribadeo, 8-Xaneiro-1382: “En las casas de morada de Diego Fernandez, Juez, en la Rúa de los Ferreiros de la villa de Ribadeo, se presentó ante el dicho Juez el testamento de Martín Afonso, capellán y Juez racionero de Mondoñedo, difunto, a pedimento de Juan Afonso Cao, not. De ese lugar. El documento había sido otorgado ante el not.Fernando Ares en 21 de noviembre de 1381... contenía una cláusula... que el causahabiente tenía en foro de la Iglesia de Mondoñedo la VIÑA DEL MOLINO, que había sido de Juan Cao, con sus “salgueiros” y con toda la heredad... asimismo, que con esa propiedad se incluían DOS TIRAS DE VIÑAS contiguas al campo de Simón, que reportaban 32 sueldos a la Iglesia de Sta. María de Ribadeo...”
Documento 1057. Idioma galego. Ribadeo, 6-Febreiro-1382. “Juan Alonso Cao, vecino y morador de la villa de Ribadeo, habiendo vendido una viña a Ruy Dias, Tesorero de la Catedral de Mondoñedo y habiéndola aforado este a Martín Afonso, JUEZ y capellán que fue de la expresada villa, manifestó que éste, al morir, tuvo a bien dejársela... juntamente con OTRA VIÑA... Se comprometió igualmente a pagar el FORO DE VINO que pesaba sobre dicha VIÑA, con destino a los “malates” de la MALATERÍA de dicha villa de Ribadeo”.
(Nota. Aquí, un excelente dato cronolóxico sobre a Malatería de Ribadeo, que non coñecíamos o facer o artigo: “Escudo da Capela de San Lázaro”, (tamén en La Comarca del Eo, 10-Xuño-2017)
Documento 1100. Monforte de Lemos, 9-Febreiro-1389: “Traslado del testamento de Diego Pico, hijo de Álvaro Rodríguez y de María Basanta de Vivero, por el que... 2 gregorianos para ser dichos en S. Francisco de Ribadeo (convento)... Dejó a la Iglesia de Sta. María de Villaselán 15 mar.; a la de Santa Clara del BURGO DE RIBADEO, 40 mar; a los malates de Ribadeo, 10 mar. (supoñemos que é a igrexa de San Lázaro); a Santa Clara de Ribadeo, para la obra 10 mar... al clérico de Villaosende, un barril de vino y una duysima de pan... a la Iglesia de Sante, a su clérigo, un barril de vino y una duysima de pan...”.
Na sección dos PERGAMIÑOS SUELTOS.
Documento 94. Idioma galego, Ribadeo, 5-Outubro-1343. “Convenio entre Fernán Fernández, canónico de Astorga, procurador de Don Vasco, Obispo de Mondoñedo y los vecinos de la villa de Ribadeo, sobre las VIÑAS, casas, fosas, plazas y chantados y posesiones, esquilmos y rentas...”
No Tumbo Pechado da propia Catedral de Mondoñedo, o documento máis antigo data do ano 1381, pero D. Enrique Cal Pardo tamén resumiu outros Tumbos Catedralicios que comezan no ano 1122. E neste lote, atopámonos que os documentos que falan do Burgo de Ribadeo, a más antigo data do 5-Xuño-1378 (documento 1039): “Reunidos en el PaaÇo dos Cabaleiros el Obispo D. Francisco, el Deán D. Pedro de Ares y los demás miembros del Cabildo...hicieron un cambio con Ruy Díaz, Tesorero de la Catedral: El Cabildo daba al dicho tesorero para siempre el casal, con casas y heredade de S. Cosme de Barreiros, que habían sido de Fernán Pérez de Valoría... el Tesorero, a su vez, daba al Cabildo las VIÑAS y “obligación” que Martín Alonso, racionero de Mondoñedo, que moraba en el BURGO DE RIBADEO....cincuenta maravedís pagaderos en Navidad....”
Como comprobamos nestes documentos, o BURGO DE RIBADEO, noméase varias veces, así como os XUICES, que eran membros da igrexa, e as VIÑAS que eran moitas desde moi antigo, pero en poucos se atopa a situación dos viñedos que había no Concello de Ribadeo, así como, ningunha vez se nomean as especies de uvas que se plantaban.
Por outro lado, na Cartografía do Renacemento, na obra do ano 1586, “Speculum Nauticum” de Johann Wagenaer, da que se pode ler un extenso e exhaustivo traballo, na “Revista Local Ribadense” Nº0 “Rumbo a lo Desconocido” ano 2017, cuxo editor, D. Francisco Orol Carragal, Oficial de Puente da Marina Mercante Española, relata de forma detallada o texto latino da carta de navegación Nº13, referida á costa de “Galissen” comprendida entre o Cabo Ortegal e Luarca, e máis precisamente, á costa de Viveiro a Ribadeo, expresada en millas xermánico-holandesas (Nota: 1 milla xermano-holandesa equivalía a 2,97 millas mariñas do século XIV = 5500,44 m.)
Nesta carta dise que: “OFRECE ESTA REXIÓN ABUNDANCIA DE VIÑOS, SENDO EXCELENTES OS DE RIBADEO, TANTO TINTOS COMO BRANCOS, TAMÉN HAI EXCELENTES LARANXAS E MAZÁS, PERAS E CASTAÑAS, NOCES E OUTROS FROITOS DE GRAN PROVEITO E SAÚDE PARA A VIDA HUMANA”.
Cada día podemos comprobar, e levamos varios anos dicíndoo, Ribadeo ten unha historia antiga e medieval tan oculta, que temos que ir descubríndoa anaco a anaco e pouquiño a pouco, pois cada retrinco danos unha idea de algo extraordinario que non coñecíamos.
Sirva este pequeno artigo, para animarvos a buscar, e para desexarvos FELICES FESTAS DA NOSA PATRONA SANTA MARÍA DO CAMPO e do noso PATRÓN SAN ROQUE. Unha aperta e brindemos por un futuro excelente viño de Ribadeo, sen eucaliptos ao pé das casas, e coas súas hortas e fincas de labradiño plantadas de viñedos. Ánimo e a plantar riqueza propia, e non para alleos.

20160822

ESCUDO DE RIBADEO (II). Francisco José Campos Dorado

-Este artigo é continuación de Escudo de Ribadeo (I)-
Reconstruír o pasado dende o presente, utilizando materiais conservados e ditos da tradición popular é unha empresa ousada, pois non temos a seguridade de que as costumes permanecesen inmutables o longo do tempo. Pero tamén é certo que non podemos negar que existen crenzas que perduran no tempo, conservando trazas verídicas do pasado, que ben contextualizadas poden ser un elemento útil de investigación. En todo caso a análise meticulosa das nosas tradicións, achegará gran coñecemento sobre a nosa cultura. Para seguir coa análise do significado do Escudo de Ribadeo (I), temos outro indicio, tan antigo como o escudo da fachada do Levante da capela da Virxe do Camín, de que quen exercía a Xurisdición Marítima do porto de Ribadeo era unha dignidade eclesiástica, e está na tradición, por tódolos ribadenses coñecida, de chamar “Pazo ou Casa do Obispo” a unhas ruínas situadas en Cabanela (foto 1)

Examinemos a cuestión. ¿Onde está situada a “Casa do Obispo”?. Nada menos que está na “primeira liña da praia” de Cabanela, que era o lugar onde se embarcaba e desembarcaba a maior parte das mercancías de importación e exportación do Porto de Ribadeo, mesmo coas calas de Porcillán e Guimarán, medio protexidas do embate e das vagas de mar pola Illa de Guimarán, hoxe desaparecida (Carta de navegación da Ría de Ribadeo de 1776, cota 43). E preguntámonos ¿alguén imaxina o bispo vivindo no peirao de carga/descarga do porto, pois para iso servía a praia de Cabanela? ou ¿alguén viu en algún sitio un pazo bispal fora do recinto da catedral ou nun paraxe moi alongado dela? Non, non é normal que isto ocorra e por aqueles tempos a igrexa principal de Ribadeo era a Real Colexiata do bispo Pelayo Cebeyra e estaba no campo (Santa María do Campo) e anteriormente a Igrexa de Santiago de Vigo, na Vilavella.
Restos en Cabanela, co actual auditorio ó aire libre ao pé.

¿Entón por qué, en Ribadeo, chamamos Casa do Bispo a un edificio, en ruína total desde tempo inmemorial, situado preto da praia de Cabanela? Mesmo Francisco Lanza di que puidera ser onde estaba a Torre das Cabanas (Ribadeo Antiguo, páx.145). Pois ben, nós cremos que era a Casa da Alfándega cuxa administración rexentaba un prelado, ou outro encargado, ás ordes do bispo que era quen tiña a Xurisdición Marítima do Porto de Ribadeo e os beneficios que iso reportaba. Nótese que esta Casa da Alfándega deberá datar de antes de 1369 (data en que se fai cargo o Conde de Ribadeo de cobrar os impostos) polo que as ruínas de Cabanela, son ruínas posiblemente do século XII-XIII, as máis antigas dun edificio de Ribadeo, e que deberan estar máis protexidas por Patrimonio, pois están desfacéndose, como case todo o patrimonio antigo de Galiza, e non falemos da barbarie que se está cometendo cos castros abandonados no medio das plantacións de eucaliptos...!!!
A capela da Virxe do Camín é de arquitectura románica con arcos nalgunhas das fiestras de medio punto abucinados, propios do século XI, XII e XIII, e con posibles reformas do século XVI. Na Casa do Bispo, os arcos da porta e da fiestra que quedan en pé, son arcos escarzanos, os cales tamén eran usados no estilo románico. Se esta casa era naquel tempo o edificio da “alfándega” do Bispo, tamén datará esta parede dun daqueles séculos sinalados, e moi posiblemente sexa, a máis antiga alfándega do Norte da Península Ibérica.
O nome de Casa do Bispo, é fácil de entender que sexa unha forma popular de chamar as cousas por quen as fixo, ou por quen lles saca algún proveito, o mesmo que ocorre, por exemplo, coa Torre dos Moreno, que é unha casa onde non viviron nunca os irmáns Moreno, senón un edificio feito e explotado por eles en apartamentos e pisos en renda.
¿Cómo esta distinción da administrativa marítima chega a ser o Escudo de Armas de Ribadeo? Pois ben. Cando o rei Henrique II de Trastamara, lle concede o Condado de Ribadeo a Pierre de Villaines en 1369, concédelle tódalas rendas do Condado: “almojarifadgos, yantares, alfándegas, escribanías, diezmos e alfolís” (Ribadeo Antiguo, páx.44). Isto quer dicir que aquela prebenda da Xurisdición Marítima da alfándega que antes tiña o bispado, pasou a ser privilexio do Conde de Ribadeo.
Algún dos condes, non sabemos cal, mandou gravar na fortaleza estas armas da Xurisdición Marítima, a chave en pau sobre ondas do mar, e quizais fora, Rui Davalos o Bo Condestable, que comprou o condado seguramente para sacarlle proveito, e a alfándega marítima era unha das proveitosas rendas que lle correspondían ó cargo. Sabemos de certo que estas armas estaban ciceladas na fortaleza en 1722, polo preito que houbo entre o Concello, a Cofradía da Santísima Trinidade e o Bispado, cando se renovou a pedra do escudo da capela da Atalaia, que o “brasón dunha chave sobre ondas do mar”, estaba “non solo no escudo da Atalaia, senón tamén sobre unha porta falsa da fortaleza e torre da vila, e no frontis e sobre a porta principal de esta dita vila e torre do campanario” (ibidem, páx.6). Aquel brasón gravado na Virxe do Camín, xa pasara en 1699 (ibidem, páx.5) a ser asumido polas autoridades locais como as armas do Concello. Pero obsérvese, que na fortaleza estaba gravado sobre a “porta falsa”, isto tamén quer dicir que o escudo estaba sobre unha porta accesoria que daba seguramente a un recinto interior da fortaleza, e estaba gravada como un dos privilexios dos condes, non como escudo de armas deles, que como todos sabemos os Davalos, os Villandrando, os Hijar ou os Alba teñen outras armas de liñaxe.
Pero o Concello de Ribadeo, aínda que xa condado en 1369, non por isto perdeu o apego á xurisdición eclesiástica posto que dende o século XIII Ribadeo ía adquirindo elementos de ámbito relixioso monástico que o seguirán caracterizando ata o día de hoxe: os conventos de Santa Clara e o de San Francisco dan crédito disto, pero sobre todo, coa construción da Colexiata Real en 1270 coa que mantivo altos honores e privilexios, aínda despois de mudar a sede episcopal, en 1233, para Vilamaior de Vallibria, o actual Mondoñedo. Foi unha gran perda para Ribadeo o ver arruinar o edificio da Colexiata de Santa María do Campo e non habela restaurado en 1852 cando o Concello se dirixiu a reina Sabela II, cuxa petición foi ignorada absolutamente, e volvéuselle a pedir a Afonso XIII, e en 1903 o proxecto foi esquecido definitivamente (La Colegiata de Ribadeo, José Mª Rdguez. Díaz, pax. 53). Como di o dito, “temos que acordarnos da nosa historia, senón estaremos condenados a repetila”. Tamén queremos facer mención a outro dos máis antigos escudos de Ribadeo que aparece nos Nobiliarios (figura 2),
pero do que non se sabe dun gravado de pedra armeira semellante en Ribadeo: en campo de gules seis caldeiros de ouro. Non se coñece data deste escudo.
Segundo relata D. Modesto Costa y Turell na Ciencia do Brasón de 1858: “a palabra “gules” en heráldica e a cor vermella, parece ser que foi traída polos cruzados de Terra Santa. “Ghiul” en turco, significa “rosa”, xenérico de todo o que é encarnado, e os que traen esta cor no campo do brasón, están obrigados a socorrer os que están "oprimidos por inxustiza”. ¡Non che digo... hospitalidade, socorro e cultura reborda Ribadeo: Santa Clara, San Francisco, San Lázaro, San Roque, San Miguel, San Clemente, San Luís...! Por outra banda, os caldeiros eran antigamente marca dos rico-homes, que daban os reis por insignias ós cabaleiros os que facían Grandes do reino. Posiblemente este escudo fora concedido por Fernando II, en 1183, cando eleva o rango de Ribadeo a Vila Real. Pero quizais os caldeiros tamén poden interpretarse co significado a inversa: “a entrada de rendas polo porto de Ribadeo que facían grande o reino”, polo que, Afonso IX (1188-1230) ou Fernando III “O Santo" (1217-1230) lle concede tal distinción a Ribadeo. O cal, tampouco sería de estrañar, dado que o transporte terrestre era moi penoso e lento e a chegada dun barco a porto con mercadoría diversa, debía de ser como a chegada dos “reis magos”, pois daba traballo de varios días, a veces de semanas, a todo o pobo. Logo distribuír a mercadoría daba traballo a moitos veciños do contorno e ós negocios da comarca. Actualmente, Ribadeo ten un movemento portuario de un millón de tonelada ano, cuxa mercancía é toda de exportación, non hai ningunha importación, polo que o porto ten unha economía “terceiromundista”: só exporta, nada recibe. E algúns xerifaltes da administración portuaria de Galiza están encantados e dando as grazas, pola boa xestión que están facendo ¡manda truco ver a que chegamos! ¿Non haberá cursiños de Administración Marítima en Róterdam para que vaian estes señores aprender algo do que significa Tráfico Marítimo e Rendemento Portuario con Beneficio?. ¡Qué cruz temos...! ¿Non? ¿Hai máis escudos de armas de Ribadeo que asemellen dignidade eclesiástica?. Si por certo.
--
Continúa en ESCUDO de Ribadeo (III)

20171128

ESCUDO DE ARMAS DA CASA DE GARCÍA DE VILANDRIZ (A DEVESA). Francisco José Campos Dorado


Esta pedra armeira (foto 1, supra), re-debuxada para mellor vela, está labrada en mármore branco listado de baixa resistencia á abrasión, que non aguantou ben a intemperie e esvaeceu ós seus mobles e elementos ornamentais, ademais de haber sufrido golpes de diversas ferramentas cando se fixeron obras de remodelación e caleado da fachada da casa o largo dos séculos, o que desfigurou particularmente a labra da parte central.
Segundo podemos ver, este brasón, consta dun pequeno escudo español, cuxo ámbito está perfilado por unha bordura que toma, aproximadamente, a décima parte da súa latitude. Está timbrado cunha cruz cadrada, que bifurca o brazo vertical na parte baixa, facendo a figura dunha cruz de áncora, cuxos extremos sobre pasan ambos cantóns do xefe. O adorno exterior en ámbolos dous flancos é tan amplo, ao largo e ancho, como o propio escudo, e na parte alta presenta a ambos lados un adorno de plumas en cuxo centro resaltan unhas formas de “V” baleiras (rañuradas) concéntricas unhas a outras máis pequenas, que parecen querer representar o candelabro do Templo de Xerusalén, tal como aparece nunha fiestra románica abocinada da Capela da Virxe do Camiño (foto 2, infra), do que nos falaba en “Templarios na Vilavella” o noso tan recordado lingüista, historiador e veciño José Mª Rodríguez Díaz, en Xullo-2016.

En ámbolos dous flancos dos soportes, un bocel curvado (unha moldura convexa con perfil de media caña que se vai curvando para formar debuxos) encerra algo así, como tres plumas rectas punta abaixo, posible reminiscencia das alas de anxos (en adoración, como as do escudo actual da Deputación de Lugo) ou plumas da figura heráldica dun “grifo” ou animal fabuloso con medio corpo de aguia e medio corpo inferior de león, ou quizais queiran representar raios de luz ou lapas de lume que se desprenden como un resplandor, do propio campo do escudo. Na parte baixa o adorno forma dúas amplas “S” case simétricas, por oposición a un eixe central vertical, que rematan o brasón de forma sinxela, arte austero e harmónica composición.
Na parte alta da cartela está escrita unha lenda: “VIVA IHS MA...(símbolo de letras entrelazadas de SANTA MARIA, similares ás do escudo da capela do Pazo de Cedofeita, tamén en La Comarca del Eo, 5-Agosto-2017) R I...” (a parte final está ilexible debido a un pegón de cemento) o que quer dicir: “VIVA JESUCRISTO SANTA MARIA R I...”. Na parte inferior da cartela pódemos ler a data: “ANO DE 1755”. Estes símbolos “IHS”, en cuxo centro da asta da “H” hai unha pequena cruz, e MA tamén podemos velos na antiga casa de Cacabelos de Abaixo, que data do ano 1759, e que describimos no artigo “Escudo da Casa de Cristos” (tamén en La Comarca del Eo, 14-Xuño-2016). Non sabemos si tiveron relación os primixenios propietarios destas casas, pois carecemos de calquera documentación, de ámbalas dúas que nos puidera axudar a descifrar a analoxía. O dono da Casa de García, D. Antonio García Álvarez, a quen desde aquí lle dou as grazas pola súa atención, me explica que a súa casa, antigamente, era coñecida como a “Casa do Artilleiro”, pois quizás algún antepasado seu, serviu na Arma de Artillería, pero sen coñecer nin cando, nin onde, nin en que circunstancias, o que, parece non ter nada que ver con este brasón fincado na fachada da súa casa.
No campo do Escudo brasonado, preséntase en xefe unha cruz patada (de brazos ensanchados), perfilada e de catro brazos baleiros (rañurados) que a fan resaltar no contorno e no centro. Ao redor da cruz aparece un círculo gravado, que a circunscribe en parte, polo que o conxunto puidera ser a representación dunha Sagrada Forma dentro dunha custodia, ou peza de metal nobre, onde se expón o Santísimo Sacramento á pública veneración. A mala conservación en que se encontra o brasón, non permite interpretar a parte baixa do campo, pois está moi desgastada, practicamente desaparecida e indescifrable, aínda que en faixa central, aparecen como dúas letras, moi borrosas que semellan ser “M” e “O”, a ámbolos dous flancos do que debera ser un cáliz ou figura central, polo que dá a entender algunha relación coa provincia de Mondoñedo, pero esta interpretación pode ser moi discutible, pois non se distingue o copón ou o cáliz, sobre o que estaría a Sagrada Forma, como ocorre no Escudo de Armas da Cidade de Mondoñedo.
Porén, parece ter que ver coa custodia ou o cáliz do Escudo de Armas do Reino de Galiza, pois como se explica nun folletín informativo da Xunta sobre o “Fogar de Breogán”, Galicia, “Galice” en francés, ten similitude fonética (homofonía) coa voz “calice” ou cáliz, por isto aparece no armorial inglés de Segar’s Roll, do ano 1282, un Escudo de Armas de Galiza con forma triangular redondeada (clásica forma francesa que influíu no deseño heráldico inglés e algo no español) e no campo, tres copóns ben ordenados (dous en xefe e un en punta). No século XVI incorpóranselle seis cruces os flancos, en pau tres e tres. Mais tarde reinterprétanse as Armas do Reino de Galiza, como a exposición permanente do Santísimo Sacramento da catedral de Lugo, privilexio do século XVI, relacionado có Concilio de Trento (1545-1563), e o copón transfórmase en cáliz coa Hostia, e ás veces, en custodia barroca tal como aparece nos selos da obra “Armas y Triunfos, Hechos Heroicos de los Hijos de Galicia” do Padre Mestre da Orde de San Agostiño, Frei Felipe de la Gándara do ano 1653. Pero para que este brasón da Casa de García representara, na data en que foi gravado, unha copia do Escudo do Reino de Galiza, tería que ter nunha bordura, ou nunha cinta de divisa, a lenda: “HOC MYSTERIUM FIRMITER PROFITEMUR”, o que significa: “Cremos de firme neste misterio de fe”, que foi engadido polo padre F. Ojea no seu mapa de Galiza do ano 1612, moi anterior a este brasón do 1755, polo que pensamos que este brasón da Casa de García, é persoal de algún abade ou prior, ou dalgunha delegación ou oficina xurisdicional do bispado ou dunha orde relixiosa.
A casa, segundo me comenta un veciño, era dunha condesa, cuxo nome non sabemos, e logo pasou a ser propiedade dun abade chamado “Mauro” que dependía da Abadía de San Xulián de Samos. Este mosteiro medieval, fundado no século VI, por Martiño de Dumio, pasou a rexerse no século X, baixo a regra de San Bieito, e no século XII sumouse a reforma cluniacense. O mosteiro foi colexio de Teoloxía e Filosofía e era parada importante no Camiño de Santiago pois tiña hospedería, e posuía duascentas vilas e quiñentos lugares, o que nos dá a entender da súa gran relevancia. ¿Era esta Casa de García unha desas propiedades que servía de descanso ós peregrinos do Camiño de Santiago, ou era simplemente a casa dun abade, “Mauro”, encargado dalgunha encomenda?.
Pero quizais, polo que nos mostra o brasón, tamén puidera ser que fora propiedade dun xesuíta da Compañía de Xesús (Societas Iesu), orde relixiosa da Igrexa Católica, fundada o 15 de Agosto de 1534 por San Ignacio de Loyola, e cuxo selo distintivo consta das letras IHS (Iesus Hominum Salvator: Xesús Salvador do xénero Humano) surmontadas por unha cruz cravada na asta da “H”, e acompañadas por Tres Cravos que simbolizan a Paixón e Morte de Xesús de Nazaret, e o todo, rodeado dun sol de trinta e dous raios, alternando un recto e outro ondulado. Este disco solar, fai referencia á Resurrección e á Ascensión do Señor, así como, é unha alusión evidente ó dogma do Santísimo Sacramento da Liturxia Católica e, de forma particular, alude á Congregación Xesuítica (https://es.wikipedia.org/wiki/Compañía_de_Jesús#Símbolos). O remate dos brazos desta cruz potenzada con triángulos, como si fora feita con cravos, presenta a mesma forma que a cruz que se atopa no lintel da porta principal da Igrexa de San Roque de Vilandriz, moi preto desta Casa de García (Escudo de Armas da Capela da Virxe do Camiño –particularidades-, tamén en La Comarca del Eo 24-Xuño-2017).
Carecemos de calquera documentación expresa que nos puidera guiar, polo que trataremos de contextualizar a época do escudo, para albiscar algo máis da súa probable historia. Na documentación escrita medieval do século XIII, xa consta este asentamento de Vilandriz xunto có de Cinxe: “...as nosas herdades que nos auemos... en Cinge e Vilaldris...” (E.Cal Pardo, Estudios Mindonienses 9, 1993), pero o seu topónimo é moito máis antigo, pois refírese á “Vila de Andericus”, nome da casa de campo e do seu propietario xermánico, posiblemente un suevo do século V ou do VI, como ocorre co nome de Vilamariz (Vila de Malaricus), de Vilaframil (Vila de Fraamir), de Vilausende (Vila de Ausendus ou de Adosindus) (José María Rodríguez Díaz, “Estudio sobre Toponimia de Ribadeo”, 2007). Os suevos nesta parte da Gallaecia asentaron no século V e VI como señores de grandes propiedades, ás que, có paso do tempo, pasaron a ser as parroquias cristiáns, máis menos da extensión territorial de hoxe, e a maioría delas neste caso, pertencentes o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, con aforamentos en grandes fincas de señoríos e patronatos que no ano 1763, no reinado de Carlos III (rei 1759-1788) comezou a liberalización de bens do excedente agrario de propietarios eclesiásticos principalmente, para garantirlles ós campesiños a continuidade na posesión das terras que cultivaban e polas que pagaban un foro. A desamortización de Mendizabal de 1836 e a Lei Madoz ou Xeral de Desamortización de 1855, estableceu a redención dos foros, que aínda sendo favorable os campesiños, estes non puideron adquirir as propiedades por carecer de liquidez e, salvo raras excepcións, estiveron ausentes nas poxas polas terras, o que deu lugar, a que aquelas propiedades da igrexa, inmobilizadas, chamadas “terras de maos mortas”, foron a parar a maos de altos cargos, comerciantes burgueses, profesionais acomodados e fidalgos, normalmente alleos o mundo rural e aos que, os campesiños agro-gandeiros tiveron que seguir pagando rendas moi elevadas, respecto do rendemento produtivo que tiñan, o cal, foi un proceso escravizante para a xente do campo galego que seguía ancorada nun sistema laboral anticuado, e en Galiza iniciouse o éxodo masivo dos seus fillos (“Historia de Galicia”, David Pérez López, 2015, páx. 275; “Vilaselán, aproximación histórica”, José María Rodríguez Díaz, 2010, páx. 35; Larousse P45, pax. 3778). Quizais fora nos acontecementos destes tempos, cando a casa cambiou de propietarios, e motivou a perda da documentación histórica.
Por outro lado, non quero deixar no tinteiro os datos que fun encontrando, indagando na relación que podía haber entre o Mosteiro de Lourenzá e o Concello de Ribadeo, onde atopamos cousas curiosas na Real Chancillería de Valladolid, en variados documentos do século XIII e XIV, que nos falan desta relación. Vexamos tres exemplos:
1. Un documento en pergamiño de 246x445 mm (código ES.28079.AHN/3.1.3.3.64//CLERO SECULAR REGULAR, Car.1108,N.13) escrito en lingua galega, gótico cursiva de albalaes (letra que se utilizaba en documentos, cartas e cédulas reais nas que se concedía algunha mercé, ou se provía ou se facía constar algunha cousa). Título: “Fernán Pérez, abad del monasterio de San Salvador de Lourenzá, hace avenencia con el Concejo de Ribadeo sobre el puerto de Rinlo y las villas de Vilamariz, Vilabois y Vilandriz” (data: 26-Abril-1291), con outro documento inserto que di: “El monasterio de San Salvador de Vilanova de Lourenzá da poder a Fernán Pérez, abad del dicho monasterio, para hacer avenencia con el concejo de Ribadeo por razón de la venta que hizo Fernán Alfonso, juez del Rey, del puerto de Rinlo y de otras heredades” (data: 11-Abril-1291).
2. Documento en lingua galega, escritura gótico cursiva, con data 7-abril-1285: “El monasterio de San Salvador de Vilanova de Lourenzá hace avenencia con el Concejo de Ribadeo sobre la villa de Vilamariz”. "Feitas las cartas sete dias dabril, Era de mill e treçentos e viinte e tres anos".
3. Documento en lingua galega e latín, escritura gótico cursiva, con data 13-Outubro-1310. “Pedro Ponzo, adelantado mayor del rey en Galicia, resuelve el pleito entre el concejo y alcaldes de O Burgo de Ribadeo y el monasterio de San Salvador de Vilanova de Lourenzá sobre el caritel de la villa de Vilamariz. Así mesmo inserta, carta de procuración do dito concello a favor de Ares Martínez, xuíz, Martín Ares e Alfonso Eanes, dada o 30-Set-1310.
Este último documento, datado en Outubro do 1310, danos un dato histórico de Ribadeo que non sabíamos de certo: “...pleito entre el concejo y alcaldes de O Burgo de Ribadeo...”. Esta expresión de “O Burgo de Ribadeo”, segundo a Etimoloxía, “burgo”, é un termo que provén do xermánico “burg”: “fortaleza”, “castro”. Na Idade Media nomeábase así, un núcleo de poboación formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, e posteriormente, dise dunha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima ("Gran Dicionario Xerais da Lingua". 2000). Sabemos de certo que Ribadeo foi Sede Episcopal desde o ano 1182 co bispo Rabinato ata o 1218 co bispo Pelaio de Cebeira, polo que nesas datas era unha poboación autónoma e non dependía de ninguén, dentro do contexto do Conventus Lucensis do Reino de Galicia. Aínda sendo Ribadeo unha vila pequena comparada cos tempos actuais, ¿como podemos dicir que daquela era pequena, comparada “con quen” a cen quilómetros a redonda?. Polo tanto, e baixo esta perspectiva, a expresión “O Burgo de Ribadeo”, refírese a “unha poboación arredor dun castelo ou a poboación dunha vila amurallada”. Non sabemos de cando databa a Fortaleza de Ribadeo, nin de cando foron feitas as murallas, pero segundo isto que acabamos de dicir, é moi posible que se poidan datar no século XIII, quizais incluso no século XII, bastante anteriores a denominación do Condado de Ribadeo dado a Pierre de Villaines no ano 1369, e por seguro, anterior o Conde Rui López Dávalos que compra o condado a finais do século XIV, e a quen algúns textos lle atribúen a construción da Fortaleza, pois foi o único Conde que parece pasou algún tempo en Ribadeo, nos vinte cinco anos que estivo este Condado baixo o seu dominio.
Non tería nada de estraño que a poboación primixenia de Ribadeo, que se trasladara coas invasións vikingas para a Vilavella, mellor dito para Santiago de Vigo, segundo documento do ano 1151 (Templarios en a Vilavella, José Mª Rodríguez Díaz, La Comarca del Eo, Xullo 2016) cando foi retornando no século XI e XII para Cabanela e Porcillán, puideran amparar as súas vidas, construíndo unha muralla e edificar unha Fortaleza de defensa, de maior ou menor envergadura, que máis tarde se poido remodelar para servir de morada os Condes de Ribadeo ou os seus representantes.
Isto que acabamos de expresar aquí, está en desacordo co que di Francisco Lanza, na eminente e esencial obra do “Ribadeo Antiguo” (páx.133, 134) onde nos di, da incredulidade que lle producen as “Antigüedades de Rivadeo” e a “Miscelánea literaria” de Acevedo Rivero, a quen chama “un amartelado escritor”, pois di que as murallas foron construídas como medida de precaución contra a invasión dos hérulos ou piratas do Báltico, aló polos anos 458 e 459. Posiblemente Francisco Lanza, teña razón en non crer que as murallas nin a Fortaleza foran de tan cedo construción, pero non polo que nos di, de que no privilexio de Pierre de Villaines, concedido por Enrique II de Trastámara (Ibidem páx.135): “no se hace la más mínima referencia al castillo e fortaleza” (da vila de Ribadeo) “de que (si) habla el privilegio de Juan II” (cando se lle concede o Condado de Ribadeo a Rodrigo de Villandrando), “y como no es creíble que los escribanos de Enrique de Trastámara se olvidasen de citar las “defensas militares” de la tierra donada, hay que suponer lógicamente que estas fueron construídas en la época de los primeros condes...”.
Francisco Lanza, refírese estritamente ao que expresan os documentos escritos, pero o texto do privilexio de Enrique II, é bastante ambiguo e motiva dubidas tamén, por exemplo, en algo tan esencial, como son os límites ou demarcacións do territorio do Condado de Ribadeo pois a explicación é moi xeral e pouco ou nada particularizada (Ibidem, páx. 44): “damos vos la dicha villa de Ribadeu e la pobla de Nauia con todos sus términos e alfozes e pertenencias... con montes, e prados, e valles, e pastos, e deuesas, e rios, e agoas correntes e estantes...”. ¿Como é que non están expresados os lindes particulares dos cardinais, tal como: “Desde el río (Este ou de Levante) hasta el río (Oeste ou de Poñente), desde el monte (Sur ou de Mediodía) hasta la mar (Norte ou de Setentrión), acompañado todo por accidentes xeográficos pertinentes e marcacións de octantes, etc.? Un territorio por moi extenso que sexa, non deixa de ser como unha propiedade particular...
É moi posible que nun futuro próximo se atopen documentos máis concluíntes, pero de momento témonos que conformar cós que temos, e cúmprenos examinalos e remiralos dunha e doutra forma, polo que especular cós datos, pode levarnos a distintas conclusións, que dependerán dos criterios e da forma distinta de enfocar a discusión.
Non quero deixar sen dicir e lamentarme, de que non lle prestamos a atención debida a todas estas reliquias do pasado. Esta falta de sensibilidade cara ós restos históricos da Nosa Terra Galega: asentamentos arqueolóxicos como Louselas, castros, mámoas, castelos, pazos, igrexas, capelas, escudos heráldicos, brasóns, camiños reais, etc. está destruíndo anaco a anaco, a historia da nosa civilización céltica e medieval, tanto do patrimonio de Ribadeo, como do patrimonio da Mariña en tódolos lugares a onde miremos da nosa xeografía. É unha magoa. Pero non sirve de nada lamentarse de que as nosas autoridades locais ou nacionais de Galiza, non teñan máis sensibilidade e respecto polas nosas antigüidades, e non incrementen as axudas para estudar e conservar ó Patrimonio público e o privado de interese público, tamén temos que ser nós, os cidadáns, quen nos impliquemos persoalmente no asunto, e cando vexamos algo que nos chame a atención polo seu valor artístico ou patrimonial, non dubidemos en denunciar a súa presencia ou a súa destrución, pois todo tipo de Patrimonio posto en valor, prodiga riqueza pública e por tanto, ben estar social para todos. En fin, espero que estes trinta e sete artigos onde, de forma incompleta e moitas veces especulativa, describín corenta e sete Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, serviran para dar a coñecer outros aspectos particulares da historia da nosa magnífica Nación Galega, tantas veces vilipendiada e desdeñada por “pobre” e emigrante.

20171218

ESCUDO HERÁLDICO DA ERMIDA DE NOSA SEÑORA DA PONTE DE ARANTE Francisco José Campos Dorado


Este Escudo de Armas está pintado na parede Norte interior da Ermida da Ponte de Arante, cuxos documentos máis antigos, do ano 1514, a denominan Ermida de Nosa Señora Santa María da Ponte. En 1517 usan a expresión: Hermita de Santa María da Ponte das Mestas, cuxo apelativo “mestas” provén do feminino latino “mixtas” que significa: “mesturadas”, neste caso, produto da unión ou confluencia de augas correntes do rio e regatos (augas mestas), circunstancia que ocorre no lugar onde se sitúa o Santuario. Desde o ano 1561 ata o día de hoxe, coñecese como Ermida de Nosa Señora Santa María das Virtudes, ou como agarimosamente lle din os vellos veciños, “A Santiña” (Santuario de Nosa Señora da Ponte, Arante, D.José María Fernández Fernández, Arquiveiro Diocesano de Mondoñedo, 1986, páx.7-8 // Cadernos de Investigación IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, Nº6, 2005, Limiar de D. José Ferreiro González, Cura Párroco de Arante).
Nesta parede norte, hai pinturas murais do medievo que representan elementos evocativos, segundo se miran de fronte e de esquerda a dereita: a Asunción, a Coroación de María e o Descendemento da Cruz, e no marco da dereita destas últimas imaxes, está este escudo heráldico, sen acabar de rematar o brasonado, tal e como o vemos na foto re-debuxada. Na parte inferior das pinturas, hai unha inscrición que di: “ESTA OBRA MANDOACER EL SENNOR PERO PARDO DE AGVIAR SENNOR DEL COTO DE SAN MARVGO A SV COSTA SE INICIO DE NVESTRA SENNORA EN EL ANO DE MIL D XVI” (Ano 1516) (ibidem, Nº6, 2005, páx.12).
O escudo ten a forma que os tratadistas heráldicos chaman “español carlista” ou “de forma de casulla” (El Diseño Heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, páx.29). O apelativo “carlista” refírese ó rei Carlos I de España e V de Alemaña (rei 1517-1556), pois da súa época datan as labras de deseños heráldicos españois con reminiscencia xermánica. É un escudo contido nas formas, sen adornos e sen ostentación algunha, coa boca (perfil que bordea o contorno do campo) formada por unha bordura diminuída chamada “filiera”, cuxa parte do xefe está desaparecida.
Como nos di a inscrición, a obra pictórica mandouna facer, “Pedro Pardo de Aguiar señor de Samarugo”, pero o escudo do mural, é un escudo partido, en cuxa partición destra (do escudo) presenta en campo de ouro os dous lobos en pao dos OSORIO e na partición esquerda non hai ningún brasón pintado, ¿por qué? ¿a quen pertencería esa partición esquerda? ¿quen foi este señor Pero PARDO DE AGUIAR? ¿onde vivía para preocuparse de obras, reformas, adornos como as pinturas murais, etc. desta Ermida da Ponte?.
Segundo vemos en “Blasones y Linajes de Galicia”, do Padre D. José Crespo del Pozo, Volume IV, páx.123-125, os PARDO da Casa de Samarugo, veñen por liña sucesoria de D. Juan NUÑEZ PARDO “el Viejo” que estaba casado con Dª Teresa RODRIGUEZ DE AGUIAR, cuxo segundo fillo foi o Mariscal D. Pedro PARDO DE CELA, casado con Dª Isabel de CASTRO OSORIO, filla de D. Pedro ÁLVAREZ OSORIO, primeiro Conde de Lemos, e da súa muller Dª Beatriz de CASTRO Y CASTILLA, señora de Sumariego e irmá do Duque de Arjona (El Mariscal Pedro Pardo de Cela, Eduardo José Pardo, Alvarellos 1981, páx. 156). O Mariscal D. Pedro Pardo de Cela, viuse Señor de Samarugo, por ser sucesor dos seus sogros, así como do señorío da Frouseira, entre outras moitas propiedades. É obrigado non esquecer o comentario que fai o Padre Crespo a pé de páxina 124, onde lle parece estraño que a “Enciclopedia de Garraffa”, sitúe Samarugo do Partido Xudicial de Vilalba, Lugo, na provincia de León, o que considera unha errata que soamente se explica cando se escribe desde Madrid, sen coñecer o territorio galego. Cousa que con bastante frecuencia atopamos noutras moitas, pero moitas, citas e feitos da nosa historia de Galiza, das que en Ribadeo temos algúns exemplos, e non só do escrito en Madrid.
Como sabemos, o Mariscal Pardo de Cela foi decapitado en Mondoñedo o 17 de Decembro de 1483, e a súa viúva Dª Isabel de CASTRO OSORIO, retírase a pasar os últimos días, na fortaleza de Castromor onde falece o pouco tempo. Dª Isabel era neta de Dª Isabel de Castro Enriquez e de D. Pedro Enriquez de Castilla, Conde de Trastámara, é por tanto, Dª Isabel de Castro Osorio, era parente dos Reis Católicos por liña directa deste avó materno, tanto de Dª Isabel por ser Trastámara por parte de seu pai Xoán II de Castela (rei 1406-1454) aquel que lle concedeu a D. Rodrigo de Villandrando o título de III Conde de Ribadeo (Escudos de Armas da antiga Fortaleza de Ribadeo, tamén en La Comarca del Eo, 16-Set-2017), como de D. Fernando II de Aragón “O Católico”, por ser este fillo de Dª Juana Enriquez e neto de D. Fadrique Enriquez mestre de Santiago e Almirante de Castela. Deste parentesco cos Reis Católicos valeuse Dª Isabel de Castro Osorio, para pedir o indulto do seu home, e ao quedar viúva, para que lle fora revocada a orde de confiscación dos bens do Mariscal, que eran cuantiosos entre Mondoñedo e Viveiro. O Mariscal e Dª Isabel tiveron tres fillos: 1) Pedro “el Mozo” ou Pero de MIRANDA SAAVEDRA E CASTRO, que segundo parece, foi decapitado o mesmo día e na mesma praza de Mondoñedo que o pai a idade de dezaseis anos. 2) Dª Beatriz de CASTRO, que casou con D. Pedro BOLAÑO E RIBADENEIRA, señor da Fortaleza de Torés, na serra do Cebreiro. 3) Dª Constanza de CASTRO, herdeira da Casa de Samarugo entre outras propiedades, casada con D. Galaor OSORIO, quen era fillo bastardo do Conde de Lemos, polo que o dito Conde de Lemos, casou ao seu fillo bastardo cunha neta lexítima, seguindo as costumes da endogamia da época, polo que un medio tío casouse cunha sobriña. D. Galaor fai testamento o 13 de Maio de 1480, data que nos sirve para situarnos no período de tempo cronolóxico.
Dª Constanza e D. Galaor tiveron por fillo a D. Pedro ALVAREZ OSORIO, señor de Samarugo, Muras, Piedrafita, etc. que casou con Dª Mayor BASANTA DE AGUIAR, os cales tiveron por fillos a: 1) Dª María OSORIO que herdou o señorío de Samarugo, e casou con D. Pedro PARDO DE AGUIAR a quen parece, pola cronoloxía e data das pinturas, que se refire a inscrición desta pintura da Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, pois ó casarse con Dª María OSORIO pasa a ser el o Señor de Samarugo. D. Pedro PARDO DE AGUIAR, era fillo de D. Pedro PARDO DE AGUIAR, Señor do Val de Cabarcos, de aí a proximidade de veciñanza e relación coa Ponte, e de Dª María SIERRA E RON.
Dª María OSORIO e D. Pedro PARDO DE AGUIAR, o da inscrición, tiveron catro fillos: 1) D. Andrés PARDO OSORIO de AGUIAR que herda o señorío de Samarugo, e cásase en 1ª nupcias con Dª María TORRES, e en 2ª nupcias con Dª Beatriz de TABOADA. 2) D. Antonio PARDO OSORIO DE AGUIAR, casou con Dª Teresa GONZALEZ DE CÁNDAME ANDRADE E RIBADENEIRA, de cuxo segundo fillo, D. Pedro PARDO OSORIO, casado con Dª Antonia de NOBOA, descende Dª Emilia PARDO-BAZÁN. 3) Dª Inés de CASTRO ou Dª Inés OSORIO que casou con D. Luís de Villarín. 4) Dª Teresa OSORIO que se casa con D. Ruiz DÍAZ DE RIBADENEIRA.
O escudo de armas, ó ser partido (polo que vemos) e ó ter á destra do campo as armas dos OSORIO, lugar das armas do marido segundo as normas heráldicas, parece que tería que ser do matrimonio de D. Pedro Álvarez OSORIO, señor de Samarugo e de Dª Mayor Basanta de Aguiar, como describe a xenealoxía. Pero cinguíndonos literalmente o que di a inscrición, parecen ser as armas familiares de Dª María OSORIO e na partición esquerda (do escudo) terían que aparecer as armas primitivas dos PARDO DE AGUIAR: en campo de gules, unha aguia do seu color, picada, membrada e armada de ouro (en campo vermello, unha aguia negra, co pico, patas e garras de ouro). Isto contradiría a regra heráldica de colocación das armas: “á destra marido e á sinistra muller”, ¿sería por este contra motivo da regra heráldica que non se pintaron as armas da sinistra? ou ¿habería outras razóns que motivaron o borrado ou a non inclusión do brasón dos PARDO? ¿Que razóns ou incompatibilidades houbo?
Posiblemente a discrepancia que houbo para non rematar o brasonado do escudo, non foi unha cuestión heráldica, senón que había “discordia e enemistade política” por intereses moito máis terreais cós atinxidos á nobreza, entre os bispos de Mondoñedo e D. Pedro. Si miramos os documentos que aparecen na Real Chancillería de Valladolid, vemos que D. Pedro Pardo de Aguiar empezou a litigar por certas terras, co bispado de Mondoñedo desde o ano 1507, e cuxos litixios acadaron o ano 1542. Documento 1) Preito do bispo de Mondoñedo con Pedro Pardo de Aguiar e consortes, veciños de Mondoñedo, sobre a posesión de certas terras (anos 1507-1542) (Código: ES.47186.ARCHV/8.12.1.2//Preitos civís, Alonso Rodríguez (F), CAJA 2595,1. PERGAMIÑOS, CARPETA 112,6)
Documento 2) Executoria do preito litigado por D. Antonio de Guevara, bispo de Mondoñedo, con D. Pedro Pardo de Aguiar e consortes, veciños de Mondoñedo, sobre a posesión de certas terras (4-Novembro-1542) (Código: ES.47186.ARCHV/8.7.1//REGISTRO DE EJECUTORIAS,CAJA 564,45. Preitos civís, Alonso Rodríguez (F), CAJA 2595,1)
Durante estes trinta e cinco anos en preito, rexentaron a dioceses de Mondoñedo os seguintes bispos: D. Diego de Muros (1505-1512) quen inicia o preito; D. Diego Pérez (1513-1520); D. Gerónimo Suárez (1523-1532); D. Pedro Pacheco (1532-1537); Frei Antonio de Guevara (1537-1545) con quen se remata o litixio.
Estas terras en litixio, é de supoñer, que eran da herdanza de Dª María Osorio, e que pertencían a aquelas que lle foran restituídas polos Reis Católicos a Dª Isabel de CASTRO OSORIO, viúva do Mariscal Pardo de Cela. Dª Isabel de Castro, cando se casou co Mariscal, tivo unha dote espléndida do seu tío D. Pedro Enriquez de Castro que foi bispo de Mondoñedo entre 1426 e 1445. O bispado e prelados reclamáronlle o Mariscal moitas destas propiedades: “...quienes fulminaron contra él sentencias eclesiásticas que no lo conmovían en lo más mínimo” (Ibidem, Padre Crespo, Volume IV, páx. 124) de aí que houbera tantos anos de preitos xudiciais, incluso despois da vil execución do Mariscal Pardo de Cela.
D. Pedro Pardo de Aguiar, a pesar dos preitos, supoñemos seguiría sendo un fervente católico, que patrocinaba obras pías, como estes atraentes murais da Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, que facían reflexionar sobre a idea da insubornable Morte viva e invitaban á devoción os miles de peregrinos que percorrían este Camiño Norte de Santiago, e que tamén, tantos beneficios traía para os veciños da comarca deste tramo do antigo Camiño Francés: Ribadeo, Ove, Cubelas, A Ponte, S. Xusto de Cabarcos, Lourenzá e Mondoñedo. Pero, D. Pedro, ó non querer “dar o seu brazo a torcer” e non ceder “polas boas”, aquelas ansiadas propiedades ós bispos de Mondoñedo, que levaban preiteando anos e anos tras delas, estes non lle permitiron tampouco integrar as súas armas, dentro da igrexa, no brasonado do escudo que nos acontece, posiblemente como unha acción que hoxe chamaríamos de “ninguneo”, por iso quedou o brasonado sen rematar, pois non lles gustaría que tales armas dos PARDO quedaran reflectidas en tan estratéxica e concorrida localización. As de OSORIO, ¡nin tocalas!: “viñan dos Reis Católicos”. Por suposto, non son eu a persoa máis cualificada para aseverar con toda certeza a hipótese aquí desenrolada, pero as Armas dos PARDO, non debían estar, por aquelas datas, moi ben vistas no ámbito catedralicio, pois eran as Armas daquel Mariscal que tiñan cualificado como: “un orgulloso señor “feudal” que presentaba “fobia anticlerical”, e que fora decapitado con aleivosía, trinta e tres anos antes de realizadas as pinturas da Ermida da Ponte, e segundo a lenda, pola bárbara e cruel ignominia da xente do bispo Fadrique de Guzmán (1462-1492) quen fixo entreter no lugar coñecido desde entón como a Ponte do Pasatempo, a Dª Isabel de Castro, que traía o perdón real firmado polos Reis Católicos, indultando da morte ao seu home o Mariscal D. Pedro PARDO DE CELA AGUIAR E RIBADENEIRA. Aquí pregúntome eu, pois non atopo os motivos por ningún sitio: ¿que crime cometeu o seu fillo de dezaseis anos, para ser decapitado tamén na mesma praza de Mondoñedo xunto có seu pai?. ¡Ningún, pero o exercicio da crueldade non precisa de razóns!
A lenda e a historia de PARDO DE CELA mestúranse, e aqueles acontecementos do cerco e traizón da Frouseira, dos crueis e bárbaros asasinatos, teñen feito correr rios de tinta en forma de poemas, cancións, ensaios histórico-lendarios e análises científico-históricas o que non quita en absoluto que teñamos nós, un anaco das consecuencias daquela mítica historia, na Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, a cal, é un verdadeiro regalo tela tan cerca, e poder visitala calquera día que estea aberta, para poder contemplar e reflexionar con calma sobre os motivos das súas preciosas pinturas medievais: “onde a Morte viva, está situada na nave o lado dos fieis para que estes non poidan eludir a súa presencia, sempre a esquerda, orientada ao Norte, no reino do Demo, do frío e das tebras” (ibidem, Nº6, 2005, páx.17). Un pracer, un luxo, rememorar a nosa historia, as nosas lendas.

20170912

Escudos de Armas da antiga Fortaleza de Ribadeo. Francisco José Campos Dorado




A antiga Fortaleza de Ribadeo, que se encontraba onde hoxe se levanta a Torre dos Moreno, estaba formada por dúas torres, murallas e casas vivenda, descrita con todo luxo de detalles na inestimable obra, “Ribadeo Antiguo” de Francisco Lanza Álvarez (páx. 133-142). Nesta antiga edificación, había dous escudos xemelgos e acolados (que se arriman por un lado) (Fig.1) e que reproducimos aquí de dita obra, para clarexar mellor as explicacións deste artigo.
O primeiro acolado, mostra tres lises, que Francisco Lanza en páx. 135, di que: “segundo a Crónica, pertencían ó liñaxe do cabaleiro Lobesgue”, referíndose a Pierre Lobesgue de Villaines ou Pierre Le Begue de Villaines, primeiro Conde de Ribadeo, título que lle concedeu o rei Henrique II de Trastámara o 20 de Decembro de 1369, despois dos acontecementos de Montiel onde mataron, o seu medio irmán, o rei Pedro I “O Cruel”, quen fixera matar vilmente a Dª Leonor Núñez de Guzmán Ponce de León, mantida do rei Alfonso XI de Castela “O Xusticeiro”, e nai de Henrique II, cuarto dos dez fillos que tiveron xuntos, coñecidos como a familia Trastámara, cuxa dinastía reinou en Castela desde 1369 a 1504 en que faleceu Sabela a Católica.
Este dato, da orixe das tres lises, que aporta Francisco Lanza, non parece correcto pois segundo datos actuais da Gran Enciclopedia Gallega de D. Silverio Cañada, 1974 (Tomo XXVI, páx.213) a liñaxe de Pierre de Villaines represéntase co escudo da (Fig.3): en campo de prata (si é metal), ou ben, en campo en branco, liso e sen sinal (si é esmalte), tres leóns rampantes armados, de sable e ben ordenados (tres leóns levantados nas patas traseiras, de cor negro mirando á destra e coas garras de distinto esmalte, de gules, colocados dous en xefe e un en punta) e no franco-cuartel (cantón destro de honor) as armas de Castela e León, de Henrique II de Castela (rei 1369-1379), que cargan sobre o león do primeiro cantón. (Nota: ó ser un escudo estranxeiro, non sabemos si o campo é de prata ou de esmalte branco, ou ben, deixado en branco sen sinal algunha) (Ciencia del Blasón, D. Modesto Costa y Turell, ano 1858, páx.27)
O escudo das lises parece pertencer, ás Armas dos Borbón (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LIV, páx.362). ¿E como podían estar gravadas na antiga fortaleza de Ribadeo, que databa de finais do século XIV ou de primeiros do XV, as armas da Casa de Borbón, que como sabemos, esta dinastía de reis, chegou a España con D. Felipe de Anjou, neto de Luis XIV de Francia, e reinou no século XVIII co título de Felipe V (rei 1724-1746)?
As tres flores de lis da Casa de Borbón do rei Felipe V son as que aparecen no escusón do abismo ou do sobretodo do escudo actual de España, e parecen as mesmas lises gravadas na fortaleza de Ribadeo desde tan antigo, debido a que son as Armas de Dª Margarita de Borbón, filla do Duque de Borbón, que contraeu matrimonio o 24-Mayo-1433 en primeiras nupcias con D. Rodrigo de Villandrando (1378-1448) que desde o 22-Decembro-1431 foi o terceiro Conde de Ribadeo, título que lle outorgara o rei Xoán II de Castela (rei 1406-1454) ao que lle salvou a vida de ser asasinado en Toledo por parciais do infante Henrique de Aragón en 1431. Isto ocorría o día da Epifanía, polo que o rei lle firmou en Torrijos o curioso privilexio de darlle tódolos anos o traxe que usara ese día. Así mesmo, concédelle en Zamora, ese mesmo ano de 1431, o Condado de Ribadeo (Blasones y Linajes de Galicia, D. Jose Santiago Crespo del Pozo, Volumen V, páx.257) e cuxo título lle validou o 22-Abril-1435.
Na figura 2, vemos o Escudo de Armas de D. Rodrigo de Villandrando, timbrado coa coroa condal de Conde de Ribadeo. Descríbese como un escudo español, cuartelado en cruz: 1º e 4º) En campo de prata, un crecente tornado (coas puntas cara á destra) xaquelado de sable e ouro (semellando a cuadrícula dun taboleiro de xadrez en negro e ouro). En 2º e 3º) en campo de ouro tres faixas de azur. Bordura de azur, cargada con oito castelos de ouro.
D. Rodrigo foi un grandísimo, terrible e extraordinario cabaleiro, nacido en Illa, parroquia de Eutrimo (Ourense) que loitou o lado de Xoana de Arco contra Inglaterra ó servizo do rei Carlos VII de Francia, e cubriuse de gloria en Anthon ó derrotar ao Príncipe de Orange. Carlos VII nomeouno Chambelán (xentilhome distinguido que podía acompañar ao rei na súa cámara ou en actos públicos) e os ingleses concedéronlle a Orde da Xarreteira (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo del Pozo, Volumen V, páx. 257). (Nota: a Orde da Xarreteira é unha das máis buscadas de Europa, fundada no ano 1335 por Eduardo III de Inglaterra. “Ciencia del Blasón”, D. Modesto Costa y Turell, ano 1858, páx. 396). É moi posible, que gracias a esta boa relación que tiña cos ingleses, lle pedira autorización a Juan II, para poder comerciar libremente por vía marítima con Inglaterra, e incluso que moito daquel comercio entrara por Ribadeo, pois daquela era vila de realengo, que exercía os seus foros, como competía ao seu estado e calidade...” (Ribadeo Antigo, páx.48-49)
Ó chegar aquí, preséntasenos unha ¿feble? dúbida. O escudo das tres lises, parece de certo das Armas dos Borbón, polo matrimonio de D. Rodrigo con Dª Margarita de Borbón, como vemos na bibliografía consultada, pero, facémonos a pregunta ¿porqué en vez de estar acolados os escudos de Borbón con Villandrando, que corresponden as Armas do matrimonio, están as de Borbón con Castela-León? ¿Estarán equivocados os razoamentos que se fixeron ata ó da aquí?. Vexamos outra teoría que nos xurde e que tamén puidera ser certa. D. Rodrigo pelexou en Francia o servizo do rei Carlos VII, e particularmente, o lado de Xoana de Arco (1412-1431) heroína militar, chamada a “Doncela de Orleáns”, pois ademais de outros enfrontamentos, gañou a batalla de Patay contra dos ingleses no sitio de Orleáns. ¿Non puideran ser as lises, as das Armas de Orleáns, como un recordo de D. Rodrigo cara a Xoana, a quen queimaron viva o 30-Maio-1431, na praza de Ruán, os 19 anos, pois foi acusada de herexía polos cregos, e sentenciada a morte polo Duque de Bedford?. Como vemos, as lises están acoladas as de Castela-León do rei Xoán II, ámbalas dúas son Armas e brasóns, das dignidades militares ás que serviu e defendeu D. Rodrigo, e ¿será por iso que as mandou acolar xuntas, como recordo de dúas inesquecibles accións guerreiras en combate, que o elevaron á clase alta da nobreza?. Visto desde esta perspectiva militar do cabaleiro D. Rodrigo, parece incluso máis lóxico o acolado Orleáns-Castela León, que Borbón-Castela León, aínda que estas tamén fagan referencia as dúas casas reais coas que D. Rodrigo tivo vínculos de sangue e de servizo, respectivamente. Pero sen outra documentación, quédanos apuntada a dúbida.
Quero facer notar aquí, para que conste, que o Condado de Ribadeo, é o título condal máis antigo que se conserva en España, contradicindo o que se di no libro, “Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario” (Curso de Licencia, Instituto Luís de Salazar y Castro -C.S.I.C.-, Madrid 1961, páx. 226): “el título condal más antiguo de los que hoy se conservan es el de Niebla, concedido por el Rey Don Enrique, el de las Mercedes, en el año 1371, a Don Juan Alfonso de Guzmán el Bueno, IV Señor de San Lúcar de Barrameda”. Como xa vimos, este mesmo rei, Don Enrique II de Trastámara “O das Mercedes”, xa lle concedera dous anos antes, en 1369, a Pierre de Villaines, o título de Conde de Ribadeo. Polo tanto, segundo isto o título de Conde de Ribadeo é máis antigo que o de Conde de Niebla.
Continuando có que íamos. Dª Margarita de Borbón falece no ano 1438 (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LIV, páx.362) e con ela, D. Rodrigo, tivo tres fillos: D. Carlos que se quedou en Francia, herdeiro dos bens por liña materna (parece ser que morreu novo), Dª Sabela e Dª María que se viñeron con D. Rodrigo para España cando o chamaron para entrar ó servizo do rei Xoán II de Castela. Dª Sabela casou con D. Lorenzo de Figueroa, primeiro Conde de A Coruña, e Dª María foi relixiosa no convento de San Quirce de Valladolid.
D. Rodrigo de Villandrando casou en segundas nupcias, polo ano 1440, con Dª Beatriz de Zúñiga, filla de D. Diego López de Zúñiga ou de Estúñiga, II Señor de Monterrey e Xustiza Maior de Castela e de Dª Elvira de Biedma, que entre outros títulos, era Señora de Ribera e do Coto de Bermuid, e dos estados de Limia e de Monterrey (“Rodrigo de Villandrando Conde de Ribadeo”, Benito Pereira Domínguez, ano 2000, páx.127-128. Edicións Glifos). Con Dª Beatriz tivo dous fillos: D. Pedro e Dª Mariana. A D. Pedro como primoxénito, deixoulle tódolos bens, seguindo a costume da nobreza, e foi o cuarto Conde de Ribadeo por herdanza de seu pai, e cuxo privilexio lle foi confirmado polos Reis Católicos o 20 Marzo de 1484. Estivo casado con Dª Leonor Rodríguez, coa que non tivo descendencia. D. Pedro, testou en 1516, en favor de súa irmá, Dª Mariana de Villandrando e Zúñiga, que herdou o título de Condesa de Ribadeo (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LIV, páx.363). Si D. Pedro foi o cuarto Conde, Dª Mariana, tería que ser a quinta Condesa de Ribadeo, pero segundo Francisco Lanza (páx.58) o título de Conde, D. Pedro, deixoullo o seu sobriño, D. Diego (fillo de Dª Mariana).
Chegados a este apartado de Dª Mariana, hai unha verdadeira confusión xenealóxica, pois dependendo da fonte en que bebamos, nos saen a relucir señores distintos, case co mesmo nome. Creo que todas estas xenealoxías embarulladas fixéronse a posta e de forma interesada para tapar, si é que puideran, os feitos fraudulentos que se desenrolaron en contra das Terras de Ribadeo e dos privilexios que tiña o Condado, que de forma moi elegante, pero sen pelos na lingua, denuncia Francisco Lanza Álvarez no Ribadeo Antiguo. Vexamos a que nos estamos a referir.
1) No Ribadeo Antiguo (páx.58), dise que D. Pedro de Villandrando, deixou o condado ao seu sobriño, D. Diego Gómez de Sarmiento, primeiro Conde de Salinas. Como veremos, este D. Diego, 1º conde de Salinas, non é seu sobriño, se non seu cuñado, e si llo deixou a seu sobriño, este é o 2º Conde de Salinas e non o primeiro.
2) Na obra, “Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia” (Tomo LIV, páx.363) din que Dª Mariana casou con D. Diego Gómez de Sarmiento, 2º Conde de Salinas, pois o 1º Conde de Salinas foi seu pai D. Diego Sarmiento e Mendoza, desde o ano 1470.
3) Na obra “Blasones y Linajes de Galicia” (J.S. Crespo del Pozo, Volumen V, páx. 258) dise que D. Rodrigo de Villandrando, do segundo matrimonio con Dª Beatriz, tivo por fillo a D. Rodrigo de Villandrando y Estúñiga, 2º Conde de Ribadeo (cousa que non é certa, pois si seu pai era xa o 3º Conde de Ribadeo, seu fillo tivo que ser o 4º, e por certo, tampouco se chamaba Rodrigo, se non, Pedro Villandrando e Zúñiga). O título pasou a D. Diego Gómez Sarmiento (polo tanto 5º Conde de Ribadeo e non ó 3º como frei J. Crespo apunta) fillo de Dª Mariana de Villandrando que estaba casada con D. Diego Gómez Sarmiento. Aquí dinnos que D. Diego, chamado 3º Conde de Ribadeo foi 2º Conde de Salinas, por tanto, quen foi 1º Conde de Salinas, foi seu pai que estaba casado con Dª Mariana. Dato que para min é o máis lóxico, pois consultado o “Dicionario Heráldico y Nobiliario de Fernando González-Doria” (páx.218) o título de Conde Salinas, foi concedido por D. Henrique IV de Castela, en 1470, a D. Diego Gómez Sarmiento y Mendoza. Este apelido Mendoza, ten que ser do marido de Dª Mariana, pois os apelidos do seu fillo D. Diego, serán, Gómez Sarmiento de Villandrando e Zúñiga.
Vemos que no apartado 2) D. Diego Gómez de Sarmiento, marido de Dª Mariana é o 2º Conde Salinas, cousa que contradí o apartado 3), pois baixo o noso punto de vista, o marido de Dª Mariana é D. Diego Gómez Sarmiento y Mendoza, o 1º Conde Salinas.
Por outra banda, si lemos a xenealoxía do libriño “Los Trajes del Rey” 1878-1975 (Casa das Letras, Fundación Caixa Galicia, Xullo 2007, páx. 16) a confusión aumenta, pois Dª Mariana (chamada nesta obra, Dª María) cásase có seu tío segundo D. Pedro Ruiz Sarmiento e o seu primoxénito Diego Pérez Sarmiento de Villandrando, cásase con Dª María de Ulloa, cuxo fillo de ámbolos dous, D. Diego Gómez Sarmiento y Villandrando foi o 4º Conde de Ribadeo (dato non certo, pois D. Rodrigo era o 3º Conde, seu fillo o 4º, súa irmá a 5ª, pois “(ella) se convirtiera en la segunda titular del que, según las cuentas oficiales de la corona castellana, era un nuevo condado ribadense” (ibidem, páx.16) polo tanto, e por este camiño, seu fillo era o 6º Conde de Ribadeo.
Pero os datos confusos, non só están na secuencia dos Condes de Ribadeo, que tamén, se non na numeración dos Condes de Salinas, que neste caso, para min é máis relevante o dato de quen foi o 1º e o 2ª Conde de Salinas, pois este “personaje”, como amablemente Francisco Lanza lle chama a este tipo (Ribadeo Antiguo, páx.59), vendeu impunemente as Terras da Pobra de Navia entrerríos Eo-Navia, usurpando os dereitos e conculcando a propiedade das Terras de Ribadeo. ¿Que amaños e chanchullos deberon levarse a acabo para vender en 8500 ducados ditas terras e servidumes? Todos os que fixeron falta.
A escritura de compra-venta firmouse no ano 1551, en Medina del Campo (¡o lado da casa!) estando representado o Conde de Ribadeo (polo tanto estaba “desaparecido” do acto), polo Alcalde Maior, Barco Martínez, que ninguén sabe de onde veu, pero algo nos esclarece sobre a súa orixe, o tema “Los Alcaldes” (Ribadeo Antiguo, páx.78-79) onde se nos di que o Alcalde: “prestaba juramento por Dios y sobre la señal de la cruz, prometiendo hacer bien y fielmente su oficio...” “...Pese a tanta obligación, a tanta promesa y a tanto juramento, los alcaldes -(eran) criados de los condes, extraños casi siempre al país, desconocedores del idioma, usos y costumbres de la tierra que venían a gobernar- apenas hicieron otra cosa que usurpar los derechos y conculcar las libertades tradicionales de Ribadeo, siempre, claro está, en beneficio propio y para mayor gloria y provecho de sus amos” (ibidem, páx.80).
Francisco Lanza (páx.58-59) dinos que o último Conde de Ribadeo que tamén foi Señor da Pobla de Navia, foi D. Diego Gómez de Sarmiento ¿Mendoza ou Villandrando?.
Polas datas da compravenda (1551) tivo que ser Villandrando, e así o confirman na obra “Los Trajes del Rey” (páx. 16).
A venta que fixo este personaxe, Diego Gómez Sarmiento de Villandrando, como arriba vimos, fillo de Dª Mariana, 6º Conde de Ribadeo e 2º Conde Salinas, fixo modificar os lindes do señorío de Ribadeo, pero ¿como é posible que a venta de parte dun señorío, de un señor para outro, fixera cambiar os dominios do Reino de Galiza, e as fronteiras civís e eclesiásticas, pasando a ser o río Eo e a Ría de Ribadeo, fronteira nobiliaria (entre o Reino de Galiza e o Principado de Asturias) e fronteira eclesiástica entre a dioceses de Mondoñedo e a de Oviedo ou entre os conventus Lucensis e o convento Asturicensi?.
A mediados do século XII, debido a “deslealdade e cobiza de algúns bispos” perdeu a Mitra mindoniense o concello de Reboredo (orixe do de Castropol), ou terras inter-fluviales Navia-Eo, que pasaron a ser da mitra oventense (Ribadeo Antigo, páx.64). A pesar das liortas e “arreglos” bispais, as Terras de Ribadeo seguiron nomeándose como tales, durante todo o señorío dos condes, pois a estes pertencía a Pobra de Navia, que eran esas mesmas terras, o que fixo incorrer en notables erros a “moitos dos que escribiron sobre as antigüidades do noso país” (ibidem), pois “Ribadeo non pertenceu nunca a dioceses de Oviedo, nin ó señorío dos seus bispos, e estes, polo tanto, nada tiveron que dar nin que emendar” (ibidem, páx.65).
Pero ¿tiña no ano 1551, aquel personaxe D. Diego, Conde de Ribadeo e Conde Salinas, algunha base para alegar que vendía as Terras Eo-Navia, “porque estaba cansado dos obstáculos que sempre lle poñían os seus revoltosos vasallos...”. Si, había moitas bases ben orquestradas por Preitos Civís, que estaban a litigar arreo, os señores de Navia, polos impostos e diezmos da entrada de sal que tiñan que pagarlle ó Conde Ribadeo, por cada descarga naquel porto. No século XV, Castela estaba desangrada economicamente polas guerras continuas contra dos árabes. Tiña que sacar cartos de onde fora, e aumentaba os impostos de tódolos produtos comerciais. Un dos máis rendibles, era o imposto do sal, pois era a materia prima imprescindible para conservar os alimentos de carne e de pescado, para conservar as peles dos animais, antes de curtilas, e outros moitos usos. O sal era comercializado en grandes cantidades por vía marítima, e no Mar Cantábrico a Ría de Ribadeo era un dos portos de descarga de sal por excelencia, cuxos impostos cobraba o Conde de Ribadeo. Pero en Navia, tamén se descargaban pequenas cantidades de sal, das que tiñan que pagarlle os impostos ao Conde de Ribadeo, e pagar impostos nunca lle gustou pagalos a ninguén, e ós señores comerciantes, tampouco.
Na Real Chancillería de Valladolid hai varios preitos sobre este tema, dos que destacamos: 1) Preito dos anos 1502 e 1503, do Concello, xustiza e rexemento de Navia, contra D. Pedro de Villandrando, Conde de Ribadeo e de Navia. Sobre Petición do concello de Navia para que D. Pedro de Villandrando, señor de dita vila non os perturbe no dereito que teñen do sal e vendela na mesma (Ref. ES.47186.ARCHV/ 8.12.7.6 // PL.CIVILES, PÉREZ ALONSO (F),CAJA 302,2.).
2) Preito entre os anos 1539–1557, de xustiza e rexemento do Concello de Castropol, contra do Concello, xustiza e rexemento de Ribadeo e contra D. Diego Gómez Sarmiento y de Villandrando, conde de Salinas e de Ribadeo, reclamando a execución dunha carta executoria que se pronunciaba sobre o diezmo das mercadorías que se cargaban e descargaban no Porto de Ribadeo, sobre o diezmo da sal e sobre o dereito dos navíos pequenos a cargar e descargar libremente no porto de Castropol. (Ref. ES.47186.ARCHV/8.12.3.2//PL CIVILES,FERNANDO ALONSO (F),CAJA 1275,1/1276,1)
Aquel “arranxo” bispal do século XII, en contra dos intereses de Ribadeo, foi corrixido e aumentado por dito Conde, D. Diego, en 1551, e por D. Juan de Grijalba, xuíz da comisión que en 1580, veu resolver o preito dos límites e xurisdición das vilas de Ribadeo e Castropol, que sostiveron D. Sancho Méndez por Castropol, e por Ribadeo o Alcalde Maior, o “moi magnífico señor” D. Xulián de Carranza, o cal, lendo entre liñas (ibidem páx.66) era un “moi vendido sinvergüenza”.
Pero os Condes de Ribadeo, a parte de non facer nada polo Concello nin polo pobo de Ribadeo, excepto cobrar rendas (non moi elevadas), si tomaron como si foran da súa propiedade privada algunhas posesións, como a Fortaleza, que outro dos condes de Riabdeo, pertencente a Casa de Hijar e o Ducado de Alba, vendeu aos irmáns Moreno, entremediando no trato o “excelsa” Banca de Casas, para destruír a Fortaleza de Ribadeo, e construír a Torre dos Moreno. E pregúntome eu, a día de hoxe ¿non poderían haber construído os Moreno, a mesma torre noutra parte do Campo de San Francisco, sen necesidade de destruír aquela magnífica torre medieval, do século XIV primeiros do XV? Si, seguro que había outro sitio onde facela, pero cando se xuntan caciques e cartos, fanse cacicadas e estas vense o cabo dun tempo, nas desfeitas realizadas polas súas mentes avarentas, cobizosas e sen vergoña.
Outro exemplo da incultura en Historia das institucións correspondentes da Xunta de Galicia e da municipalidade do Concello de Ribadeo, e a denominación do espazo da Biosfera, “Oscos-Río Eo e Terras de Burón” que desde Setembro de 2011, campa polas Terras de Ribadeo e de Miranda, chegando xa os Irmandiños, ou sexa, A Devesa, os límites do Oeste do municipio de Ribadeo (xa conquistaron o Este, agora van por todo), denunciado por min en dous artigos “Buronlandia” (La Comarca del Eo 1-Outubro-2011) e “Buronlandia (II) a un Juan Sen Nome” (ibidem, 12-Novembro-211) ¿Canto queda para empezaren a referirse a posesión de Santiago e de S. Miguel de Reinante? Eu creo que a este ritmo, cincuenta anos, non máis.
 Pobre Ribadeo, que tes que pelexar polas túas pertenzas, tódolos días do ano, e como nos descoidemos, xa verás como a “Illa Pancha” vai pasar, gracias as manobras de Portos de Galicia, de ben público a pasar a ser alugada para ben privado, e dentro de pouco a ser do Arquipélago Británico... ¡non por nada! Pero os ingleses teñen moitas posibilidades de reivindicar incluso o Condado, pois como D. Rodrigo de Villandrando pertencía a Orde da Xarreteira, quizais “por tradición dos privilexios concedidos ao Conde de Ribadeo...”. ¡Xa veremos, pero hai xente para todo...!

20170818

Estiven alí


Onte, a media tarde, a miña idea era falar de outra cousa, 'máis de Ribadeo'. Aínda despois do ataque, pensei en non falar del, coa idea de que unha das razóns da bestialidade é precisamente a súa difusión. Pero non poido deixar de darlle voltas a unhas cantas cousas, e diso vou falar.
A primeira que me veu á cabeza, a lembranza de ver a un pai ensinar a odiar, educar dese xeito ó seu fillo. Non en Barcelona, senón en Ribadeo. Non a ningún mahometano. E o sentimento meu de compasión polo neno, a pesar de ser ben consciente do que pode resultar de aí no futuro. De algo parecido a noxo polo pai. De impotencia pola miña parte, pois coido que é máis complicado actuar cando o afectado é un que cando ve que lle afecta ós demáis: neste segundo caso é testemuña, e non a palabra dun en solitario. E tamén un sentimento de incomprensión de cara ás testemuñas, polo seu pasotismo equivalente no meu parecer á insolidariedade co afectado e polo tanto, deixar facer e solidariedade co exercicio de educación ó odio.
E isto último lévame a outra liña de reflexión: un ataque como o de Barcelona require da sociedade unha fortaleza imposible de xeito individual. Se te ves afectado por un ataque así, morres ou te ves ferido, a resposta é autónoma a ti, corresponde ó teu corpo. Pero o corpo social ten unha resposta que depende de todos, da nosa relación e ideas previas. E coido que non se debe basar no odio reflectido, senón na fortaleza social. Algo que non se constrúe con pasotismo nin co propio recurso ó odio.
Por outra banda, o mesmo día do ataque, a prensa facíase eco de centeas de mortos no Mediterráneo. Algo que foi eclipsado nada máis coñecerse a nova de barcelona. A memoria ética borrada, nin siquiera xustificada. Por suposto, tamén borrada a memoria de corrupcións diversas, nunha magnificación interesada dun 'todos a unha' que sería interesante se se tomara de xeito voluntario xunto coa conciencia da complexidade dun problema social. Pero que separado do que non sexa 'atacáronnos', implica unha actuación en masa que ten moito de resposta animal e pouco de resposta humana, por moito que os constituíntes desa masa nos chamemos así, humanos.

20151210

PORTUM IULIANUM. PORCILLÁN, artículo de Francisco José Campos Dorado

O nome do porto de Porcillán, é de orixe romano, Portum Julianum, Porto Julianus posiblemente o porto daquela mítica cidade de poboación celtíbera citada como Iulia do Eo, na voz Rivadeo do pirmeiro Diccionario Espasa. De calquera maneira, este porto de orixe descoñecido, é moi, moi antigo: “sabido é que os fenicios estableceron en moitos puntos do noso litoral pesquerías e salazóns de pescado entre os séculos XX e XVI antes de Cristo, e explotaron os xacementos de estaño e doutros minerais que abundaban no pais" (Ribadeo Antiguo, Paco Lanza, páx.17). No século XII (1164) era dono das parroquias de Vilaselán, Piñeira e Santiago de Vigo o Conde D.Rodrigo Velaz de Montenegro, cas vendeo por 1500 marabitinos de ouro a Fernando II (1157-1188) rei da Galiza e León, e doce anos tamén de Toledo durante a minoría de edade de Alfonso VIII (Escritura otorgada en Vilafranca o día octavo das kalendas de agosto, era de 1220, ou 25-Xullo-1182 na era actual) O rei, a súa vez, cedeulle as Terras de Ribadeo o bispo Rabinato e a súa igrexa mindoniense que estuvo en Ribadeo desde 1182 a 1218, primeiro con Rabinato, ata 1199, e logo co bispo D.Pelayo II de Cebeira (1199-1218).
Placa na rúa adicada ó Bispo Cebeira
Os bispos da diócese de Ribadeo, disfrutaron de señorío de abadengo, e comezaron en 1271 a percebir o dereito de portazgo por mandato do rei Alfonso X o Sabio. En sucesivos anos, fóronselles concedendo outros dereitos, como o de facer salinas, cobrar o fondeo dentro da ría, a contribución da luctuosa, o dereito sobre a pesca de baleas que perdurou ata o século XVII, disfrutando tamén de atribucións de señores xurisdicionais, con facultades xudiciais, militares e lexislativas sobre as terras que lles pertencían (Fortalezas de Lugo y su Provincia, Manuel Vázquez Seijas, Tomo II, 1959). Nótese que aquelas antigas pesquerías e salazóns, que viñan desde os fenecios, o escribano do rei Fernando II mal tradúce como “salinas” (de sal) instalacións que non se sabe que houbera en Ribadeo. En Porcillán, polos anos 458 e 459 os hérulos desembarcaron para saquear e queimar Rivadeo (Juan Ferreras, Historia de España hasta 1585) aínda que para Murguía (Historia de Galicia, tomo III) non está probado que este feito ocurrira en Porcillán e Cabanela que eran os barrios que formaban o Rivadeo portuario, pois poidera haber sido calquera porto da provincia de Mondoñedo. Sin embargo, Paco Lanza, no Ribadeo Antigo, sin contradicer a Murguía, deixa expresa nota, de que no século V, estes dous embarcadoiros quedaban fora do recinto amurallado e estaban a maior distancia da fortaleza.
Sendo así, parece ser que Murguía non conta co desamparo defensivo que significaba estar fora dos recintos da muralla, condición que era sempre aporveitada para os asaltos da piratería, pois Rivadeo no século V non estaba formado soiamente pola poboación de Porcillán e Cabanela, senón tamén pola poboación que habitaba dentro das murallas defendidas pola torre das Cabanas en Cabanela, e pola fortaleza, que contaba con dúas torres: unha pequena e outra principal, que mira por donde, tamén se chamaba Xulia, e que nove séculos máis tarde dos asaltos dos hérulos, sería residencia dos Condes de Ribadeo, cando o rei Enrique II de Trastámara concede en 20 de diciembre de 1369 o Condado de Ribadeo o capitán francés Pierre de Villaines, “o Beque” de Normandía.
As acometidas comerciais e invasoras de romanos, hérulos e vikingos ó porto de Ribadeo fanse evidentes nas pegadas toponímicas que deixaron. Aínda que Gallaecia non se establece como provincia romana ata Diocleciano entre 284-288 d.C., dos romanos Porcillán conserva o nome, Portum Iulianum, referido a Cayo Julio Cesar, o que gana a batalla de Mundo a Pompeyo no ano 45 a.C. Hai documentos que acreditan que todavía se chamaba Portus Iuliani no século XII.
Dos hérulos, que eran pobos suevos que dominaron Ribadeo como señores, quedaron os toponimos de lugar donde quedaron a vivir: Vilaselán (propiedade do señor Selanus), Vilausende, Vilaframil, Vilandriz, Vilamariz, Vilagoíz, Requiande, Sendín e Cinxe (Estudio sobre Toponímia de Ribadeo, José Mª Rodriguez Díaz, 2007, Páx.8). Os hérulos, chamados nas crónicas antigas “os piratas do Báltico”, eran individuos pertencentes á confederación dos pobos suevos que habitaban a Pomerania, e tomaron parte na invasión do imperio romano no século V. Figuraban como parte das hostes de Odoacro que puxo fin o Imperio de Occidente, depoñendo a Rómulo Augústulo no ano 476. A Pomerania extendíase o largo do mar Báltico, desde Stralsund o Vístula, formando unha provincia de Prusia, hoxendía gran parte daquel territorio, pertence a Polonia.
Os vikingos durante os séculos VIII e X d.C. realizaron extraordinarias fazañas de exploracións marítimas, pero nas costas galegas nos anos 844, 850, 862 fixeron todo tipo de saqueos e destruccións das poboacións costeiras. No ano 968 o mando de Gunderedo, atacaron con 8000 homes, e en Fornelos, saliu o bispo de Compostela, Sisnando, para contelos, morrendo este na refrega. En 971 é San Rosendo e as tropas do Conde Gonzalo Sánchez, quen se enfrenta a eles, matando na batalla a Gunderedo. A última incursión as costas galegas data de 1016. Nestes séculos a poboación de Rivadeo pasou de Cabanela e Porcillán para a Vilavella, posiblemente para que non se poidera ver desde o mar o fume das lareiras donde cociñaban os nosos ancestros, e non chamar atención daqueles que se chamaban “reis do mar” (vikingos), e que por estes lares tamén eran coñecidos como normandos, homes do norte ou os “piratas nórdicos”.
Naqueles tempos, o porto de Rivadeo, non consistía nun porto con peiraos de atraque, tal como hoxe o vemos, senón que existían catro principales embarcadoiros en praias de area, nomeadas de Norte a Sur: a Insula de Guimarán (fai pouco, aínda estaba parte da Isleta), a rampa de Porcillán, dársena e praia de Cabanela e o varadoiro de Figueirúa. Nestas praias era donde se zabordaban lanchas de maior ou menor eslora, para o transbordo de persoas e mercadorías, e incluso os propios barcos se varaban ou daban a banda para calafatealos. Había tamén outras pequenas praias: como a das Arenas e a de Lino. Na de Figueirúa, algo máis grande foise facendo unha rampa de acceso para o desembarco e varada das lanchas, que en 1825 para reparala, utilizaron as pedras de cantería da inconclusa Colexiata de Santa María (“La Colegiata Fantasma”, Juan Carlos Paraje Manso,1981).
Entre Cabanela e Porcillán había pequenas cabanas donde vivían os pescadores desde tempo inmemorial, frente as que podían tender e secar os aparellos de pesca e varar as embarcacións para gardalas do temporal e carenalas.
O paramento actual do peirao de Porcillán foi iniciado en 1880 con un presuposto de 231.357 pts. e en 1883 aínda ía a paso de tartaruga (Apuntes Sobre Ribadeo, Fernando Méndez SanJulian, 1884). As pedras do paramento foron extraídas das propias rocas da Ría de Ribadeo, talladas a cincel e martillo e sacadas con cuñas das rocas de Pena Furada transformada en canteira, e da costa preto do faro da illa Pancha. As pegadas da extracción dos bloques de pedra son hoxendía aínda evidentes nestas zonas, incluso se poden ver algúns puntos de amarre das barcazas, e un tinteiro excavado na roca, donde seguramente afincaba o couce do puntalillo dun guindaste có que se cargaban as pedras as barcazas, coas que se transportaban ata o peirao en construcción. (Notas propias, veciños de Ribadeo). A antiga rampa de Porcillán dentro da dársena desapareceu cando foi reenchida en 1971, para facer o pirmeiro paseo marítimo, cuxo recheo tamén se levou por diante a dársena e praia de Cabanela, a das Arenas e a praia de Lino. A rampa de Figueirúa, foi pouco a pouco desaparecendo o ir quedando enterrada cós sucesivos recheos da dársena de Mirasol levados a cabo a partires dese ano 1971, e continuados ata os nosos días.
Canta historia e que tan pouco valor se lle da. Iberos, fenicios, celtas, romanos, suevos, e quen sabe cantos pobos máis comerciaron no porto de Rivadeo, vía Porcillán e Cabanela, ¿cantos vestixios arqueolóxicos poderíamos atopar no leito da Ría de Ribadeo, si exploráramos entre 10 ou 12 metros de calado nas zonas de fondeo daquela época? ¡canta historia queda todavía por descubrir! ¿non se podería facer algunha cata en puntos estratéxicos para descubrir toda esta riqueza histórica que posiblemente sexa única na cornisa cantábrica, debido a importancia de porto natural, abrigado, practicable todo o ano e estratéxico que foi para a navegación costeira e de altura entre o Mediterráneo e Europa, e viceversa? A quén corresponda: mirade esto ¡por favor!