20250223

Celebración do día de Rosalía en Ribadeo 2025

    Este sábado 22 de febreiro a A.C. Francisco Lanza celebrou o día de Rosalía. Cun pouco de antelación para non coincidir coa manifestación en Santiago en defensa da lingua, arredor dun xantar en base ó caldo de gloria (inspirado no seu poema 'Miña casiña, meu lar') no material, e á confraternidade no que poderiamos chamar espiritual, desenvolvéronse unha serie de actividades, entre as que estiveron lectura de poesías polos máis pequenos, a estrea dunha peza musical de Eli García Bouso, acompañado por Toño Martínez, ou a interpretación de Farruco Graña acompañado dos anteriores, antes do xantar. E, despois, un pequeno recital libre, de poemas de Rosalía.

    Adxunta queda algunha foto, tres vídeos (ó non quedar gravado completo a peza de estrea, adxunto tamén a peza completa interpretada por Eli e a súa filla Mariña, nun vídeo que me pasou o autor), o cartón da celebración e o mantel, tamén ambos deseñados para a ocasión, este último co ramiño de heliotropo, a flor preferída de Rosalía, que nos atopamos ó chegar á mesa. [Unha nota: como complemento, achégase ó final unha foto de Pancho Campos da manifestación do día 23 pola lingua, en Santiago, xa na praza do Obradoiro].

    A tarxeta da comida:


    O mantel:
 

    Os vídeos:




    O día seguinte, en Santiago, 60 000 persoas...


A MENOS “LIKES”, MENOS EUROS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 


A MENOS “LIKES”, MENOS EUROS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    E tamén menos ego(s). Segundo varios estudos, o 80% dos usuarios de aplicacións de citas como Tinder (as axencias matrimoniais do século XXI) están decepcionados e aburridos delas, o que implica máis caídas en bolsa, máis perdas, menos ingresos, menos beneficios, menos publicidade, menos patrocinadores e menos clientela.

    As expectativas ás veces non se cumpren e chegan despois as frustracións, tanto se se procura sexo só como acompañado de amor. Asemade, a mocidade non está disposta a pagar por andar a facer as beiras polas redes sociais. Xa o fan de balde en Instagram.

    Polo visto, o público masculino interésase máis polas relacións sexuais e o feminino polos aspectos afectivos. Nada moi diferente da vida real, probabelmente. Tamén hai algúns incautos que andan á procura de amizades especiais e, como moito, atopan persoas coas que compartir unha copa e pouco máis. Aínda así, non convén desmoralizar porque sen soños, sen anceios o ser humano sería aínda máis mortal.

    A novidade e o efecto sorpresa logo desaparecen, os patróns de conduta repítense en bucle, a orixinalidade escasea e o algoritmo non dá unha ao xeito porque o que quere non é que un atope a súa media laranxa ou medio limón, mais que fique enganchado aos “likes” tanto como ás súas paixóns. Esa é a cara B deste tipo de tentacións.

    As citas rematan por se converteren nun casting ou nunha voráxine de candidatos á darwiniana selección natural das especies, esperando sempre atopar alguén mellor que sexa digno do noso merecemento e da nosa valoración, mais a realidade é teimuda e, moitas veces, un remata por aceptar un simple premio de consolación.

    E aparece finalmente o sentimento de cousificación nun mundo interconectado e, pola contra, tamén hiperillado no que nunca tantos solteiros houbo por kilómetro cadrado.

20250222

Soberanía dixital II: Mundo Wikimedia, unha comunidade de todos para todos. Foi e é

 Soberanía dixital II: Mundo Wikimedia, unha comunidade de todos para todos. Foi e é

    Onte, venres 21 de febreiro, tivo lugar a segunda sesión da serie ‘Soberanía dixital’ mantida por amarinha.gal. “Soberanía dixital II: Mundo Wikimedia, unha comunidade de todos para todos” tivo lugar na Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho, cunha asistencia de público que podería ser maior. Deixo en baixo o vídeo en dúas plataformas, FTV e Youtube, por estar aínda a cabalo entre varias cousas no blog (esta entrada terá espello noutra noutro lugar e case seguro sufrirá varias melloras ó longo do tempo), a presentación que foi a base do encontro, así como o cartel e o fanzine (editado nun só A3 pare dar como resultado páxinas en A5). O material da fundación Wikimedia repartido (bolis con soporte para móbiles, anticaptura de imaxes, pegatinas, soporte de móbiles…) non é repartible dixitalmente, síntoo!

    Espero que vos preste, mentres agardamos pola sesión terceira, o próximo mes, sobre linux. Título, día e lugar concretos, máis adiante!

    Presentación:

     Directamente en Commons

     ou en slideshare:

    Vídeo en Ftv, Fediverse TV:

    En Youtube: https://youtu.be/orlzZ-HTX-o

    O cartel.


     O fanzine:

Os 300 baixo a choiva

    Pouco menos de 300 persoas nos xuntamos baixo a choiva na convocatoria pola defensa dos servizos de sanidade pública en Ribadeo, diantre do Centro de Saúde. Como se pode ver no vídeo do comezo do acto (o na foto, en baixo), o tempo non acompañou, a xente, si, e máis aínda pensando que os principais afectados de seguro tiveron dificultades para moverse cara á concentración, polo que fixo que faltou xente que querería estar... As verbas lidas por Raquel Ferreira e Pablo Vizoso, ó final.

    Unha foto da concentración: 



    O cartel chamando á concentración:

    Un vídeo curto dos primeiros momentos:


    O texto lido:

    Mentres, podía lerse no xornal unha nota do PP dicindo que eles cumpren...

    - Posterior: nota do BNG:

https://www.cronica3.com/wp-content/uploads/2025/02/WhatsApp-Image-2025-02-22-at-13.04.37-1536x1152.jpeg

Ribadeo, 22 de febreiro, 2025. A pesar do mal tempo na mañá deste sábado, en torno a medio milleiro de persoas acudiron á convocatoria do Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo para reclamar todos os servizos cos que o Centro de Saúde non conta.

Nesta concentración o BNG quixo facerse eco do deterioro da atención primaria que os e as ribadenses levan moitos meses padecendo. “Preocupa especialmente a ausencia prolongada do pediatra no noso Centro de Saúde, ao igual que a falta de matrona e as múltiples vacantes de medicina de familia que van producirse e que xa se están a padecer”.

Desde o BNG “temos claro que a situación actual da nosa sanidade débese a máis de 15 anos de recortes e deterioro por parte dos gobernos do Partido Popular”. Así o fixo saber o voceiro municipal Pablo Vizoso: “Temos un goberno do PP máis preocupado en criticar ao BNG por defender os dereitos dos e das ribadenses ca en garantir unha Atención Primaria digna. Un goberno do PP que ten a sanidade pública abandonada, cuns orzamentos ridículos para a Atención Primaria e co obxectivo claro de deteriorar os servizos públicos en beneficio da sanidade privada. De pouco serve levantar ladrillos novos, se non temos médicos e profesionais que nos atendan”.

Tras esta concentración cun grande éxito a concelleira Raquel Ferreira quixo agradecer a todos e todas as persoas asistentes que se concentraron nunha mañá chuviosa para defender os dereitos de todos e todas.

 

20250219

Dous artigos sobre o antroido. Eli García-Bouso

    Deixo a continuación dous artigos de Eli García-Bouso publicados en La Comarca del Eo dos días 8 e 15 de febreiro de 2025:

    O A(E)NTROIDO

    POR ELI GARCÍA-BOUSO


    Puidemos ler neste semanario do 25 de xaneiro pasado e no do 1 de febreiro actual sendas informacións, entre outras, nas que se falaba da próxima celebración do Antroido. Perdón: do Entroido. O 25 de febreiro de 2023 publiquei, tamén na Comarca, un escrito-opinión no que defendía o uso da palabra “Antroido” en vez da de “Entroido”, que é a normativa, e que se ven utilizando na nosa vila desde fai varios anos. Os devanditos escritos demostranme que o meu caéu en saco roto, pero lembrando aquel dito de “el que la sigue la consigue”, decidinme a insistir neste asunto e volver a dar a luz o mesmo artigo publicado naquela data de fai case 2 anos e que levaba o mesmo título que o que encabeza estas liñas. Iso si, prego que si alguén ten argumentos que superen ós meus para defender o uso de “Entroido”, por favor, que mo faga saber a través deste mesmo semanario ou, se o prefire, de xeito privado. Heillo de agradecer e, se me convence, estou disposto a rectificar. E non digo esto desde unha posición prepotente, porque me crea poseedor da razón (non son lingüista nin filólogo), senón porque, realmente, quero facer uso do máis razoable e debidamente argumentado, aínda que, ás veces, non coincida co normativo, como pode ocorrer coas excepcións (sexan da materia que sexan).
    Aquel artigo decía o seguinte:
    Nestas datas, sempre lembro ós meus avós (e pais) falando do Antroido. A miña avóa era a encargada de facer os fereixós, recheos ou non, que facían a delicia de cativos e maiores.
Antroido por aquí, Antroido por alá.
    Sen embargo, nos últimos anos, invadiunos (non sei porque) a palabra Entroido (con “E”), substituíndo á de sempre, Antroido (con “A”). Teño entendido, segundo me dixo unha persoa estudada e informada, que a Real Academia Galega só dá por certa ou válida a de “Entroido”. Sendo conscientes de que a nosa Academia acepta como válidas as variantes dalgunhas palabras, dependendo da rexión ou lugar donde se usen, non creo que a RAG se enfadara con nós se utilizamos a nosa variante local, usada desde non sei cantos anos fai. Polo dito, pido ós responsables destas festas en Ribadeo (comisión, Concello, ACISA, ou quen sexa) que volvamos ás orixes, que volvamos ós nosos avós e pais, e que non deixemos perder a maneira na que sempre nos referimos en Ribadeo ó Carnaval, é dicir, ó Antroido. E baso esta petición nos seguintes argumentos:
    1.- Na veciña Asturias, utilizan para o Carnaval a palabra “Antroxu”. Con “A”. Se buscamos en Google esta palabra aparecen, aproximadamente, 227.000 resultados. Se buscamos “Entroxu”, remítenos a Antroxu. É dicir, non aparece ningunha.
    2.- Na Coral Polifónica de Ribadeo, da que formo parte, temos no repertorio unha cantiga de Juan de la Encina (ou Juan del Encina; séculos XV e XVI), dedicada ó carnaval e que na súa letra di: “…Por honra de Sant Antruejo parémonos hoy bien anchos…). Si. Tamén con “A”.
    3.- Eu coidaba que Antruejo era unha palabra do castelán antigo pero, sen uso hoxendía. Estaba errado: segue a existir no vocabulario. Non temos máis que buscar no diccionario da Real Adademia Española para comprobalo. É certo que tamén aparece a acepción “Entruejo” máis, en vez de definila, remítenos á outra, é dicir, a Antruejo.
    4.- Non só segue existindo en castelán, senón que tamén se utiliza en ocasións. No pasado mes de xaneiro pasei uns días coa miña familia en Ciudad Rodrigo (que non coñecíamos) e sorprendeume grandemente ver nos escaparates das tendas carteis que anunciaban a festa do “Toro del Antruejo” de Ciudad Rodrigo. Unha vez máis recurro a Google para buscar “Toro del Antruejo” e aparecen 10.900 resultados. Busco “Toro del Entruejo” e aparecen os do “Antruejo” pero nin un só do Entruejo.
    Cos devanditos argumentos, coido que está claro que prevalece, con diferencia, a vocal “A” sobre a vocal “E”. Entón, pregúntome eu, porque en Ribadeo, que sempre se dixo Antroido, imos deixar perder este uso, que é o natural da nosa vila?
    Quizáis a miña petición ós responsables chegue tarde para este ano, porque posiblemente estean xa impresos os carteis e demáis propaganda do Antroido. Pero pídolles que tomen boa nota para o vindeiro ano e, se aínda quedan cousas por publicar, por favor, utilizade a acepción “Antroido”, que é a nosa.
    Cos meus mellores desexos, VIVA O ANTROIDO!

    Ata aquí o publicado o 25 de febreiro de 2023 e, para rematar este escrito, pregúntome: seguirán os responsabeis desta celebración deixar caer, unha vez máis, en saco roto o uso tradicional da palabra Antroido que, aínda que non é a normativa, si é a normal e a natural en Ribadeo? Se vai ser así, estou convencido que axina deixará de ser a normal na nosa vila, se non deixóu de selo xa. Oxalá me equivoque. 

 --

    AGORA SI: ANTROIDO

    POR ELI GARCÍA-BOUSO


    Retomo o asunto da semana anterior, aínda co risco de caer pesado ós meus posíbeis lectores. E fágoo por imperativo ético, pois esta semana houbo dous feitos que me amosan que o “saco roto” do que falaba, non o estaba tanto como eu podería pensar, ademais de fortalecer a miña argumentación sobre o uso na nosa vila da palabra “Antroido” en vez de “Entroido”.
    Un, foi o correo electrónico que me envióu Antonio Gregorio, licenciado en física e química (sobradamente coñecido en Ribadeo), no que me dicía que concordaba conmigo no expresado no mencionado artigo e me facilitaba un enlace ó seu “Ribadeando”, onde tiña editado o pregón do antroido que el mesmo pronunciou na sala de festas Rosa-Lar, aló no ano 1997 (xa choveu). Neste pregón, utiliza continuamente a forma “antroido”, agás nun parágrafo no que recoñece a irrupción en Ribadeo da forma “entroido” (xa daquela; e eu que pensaba que era de uso relativamente recente...).
    O outro, que foi o que me deu o pulo definitivo para decidirme a volver a escribir sobre este tema, foi a mensaxe por “WhatsApp” (ou, como digo eu, por “guasapo”, galeguizando ou castelanizando o término inglés) que me remitíu Suso Fernández Acevedo, filólogo e profesor de galego no IES Dionisio Gamallo, de Ribadeo. Dicía Suso: “A Real Academia Galega recolle no dicionario os dialectalismos léxicos maioritarios pero acéptaos todas e non só iso, senón que sempre defende que, en cuestión de léxico, deben defenderse os dialectalismos”.
    Así mesmo, envioume un enlace co xornal “El Español”. O primeiro que me chamou a atención foi un mapa de Galiza, elaborado polo Instituto da Lingua Galega, onde todos os municipios están marcados cunha cor concreta e cada cor corresponde a unha forma diferente de nomear o carnaval na nosa Comunidade. Rapidamente busquei Ribadeo e, como esperaba, a cor coa que aparece marcado o noso concello corresponde á forma “Antroido”. Unha vez máis se reforza a miña postura.
    Deste periódico, no artigo asinado por Thalia García, recollo só uns cantos parágrafos para non facer demasiado extenso este meu artigo. Vexamos:
    …las fórmulas típicas del Entroido y Antroido son, sin lugar a dudas, las más empleadas por los gallegos… según apunta un estudio llevado a cabo por el Instituto da Lingua Galega, de la USC…
    Outro: “…el Instituto da Lingua Galega se valió de una base de datos lexicográfica que abarca más de mil obras datadas desde el año 1812 hasta la actualidad… dicho análisis exhaustivo reveló la presencia de hasta 15 variantes diferentes de la palabra que habían sido recogidas un total de 1.400 veces… Entroido es la forma más utilizada, superando las 800 referencias… En el caso de Antroido, la segunda expresión más empleada en Galicia recibe más de 500 menciones, máxime en las zonas más al norte de las provincias de A Coruña y Lugo”.
    Por último, Suso Fernández, remitiume varios comentarios como filólogo que é, dos que destacarei uns cantos:
    O galego ten moitas palabras que non se recollen no dicionario, pero non por iso son incorrectas.
    No caso das variantes léxicas, adoitan (refírese á RAG) recomendar… Pero son recomendacións, non prescricións”.
    Tratándose de comunicación de ámbito local (por exemplo, os carteis do Antroido ribadense) ningún académico vai condenar o uso da forma tradicional da zona. Todo o contrario: se unha idea hai clara nos lexicógrafos é que a diversidade é riqueza, sempre que non atente contra as características propias do idioma”. Como ocorre neste caso que eu defendo.
    Coido que o que levo exposto ata aquí é motivo suficiente para, unha vez máis, pedirlles, solicitarlles, pregarlles ós responsábeis da organización do Antroido ribadense, e de xeito especial ó Concello de Ribadeo e, de maneira máis especial aínda, se cabe, á Concelleira de Cultura que, por favor, non traizoen ós nosos antepasados co emprego dunha palabra que NON É en absoluto propia da nosa vila, que respecten a que sempre se utilizou, e que fagan todo o posible para que nos carteis, escritos, propaganda, programas, etc., se empregue a nosa palabra natural: ANTROIDO.
    E por se todo o antedito fora pouco, o propio profesor Suso Fernández indícame que acaba de comprobar que no Tesouro Informatizado da Lingua Galega, no que se recollen 413 rexistros de “antroido”, aparece nos rexistros do 5 ó 11, que Rosalía de Castro usaba a
forma “antroido”.
    O día 22 do presente mes, a Agrupación Cultural Francisco Lanza realiza un acto, no que participa o Concello, como homenaxe a Rosalía. Imos traizoar tamén a Rosalía?

 Eli García Bouso


 

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCIÓN DAS ÁRBORES DE RIBADEO

O teixo de Arante, árbore senlleira dada onte por desaufizada polo alcalde. Autor descoñecido

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCIÓN DAS ÁRBORES

O pasado mércores 12 de febreiro celebrouse unha nova asemblea da Plataforma en Defensa e Protección das Árbores na que se acordou dar unha nota informativa ca valoración das últimas novas e publicar os resultados da recollida de sinaturas via internet. Aquí referirémonos ao primeiro punto.

En primeiro lugar observamos algúns movementos e declaracións ou comentarios por parte do concello que nos levan a pensar que a nosa acción ten algún tipo de impacto no día a día ribadense.

Por exemplo, recollemos unhas declaración (personais) do Sr. Alcalde nas que, segundo as nosas fontes, non se van tocar os contenedores das vivendas sociais. Se esto se confirma sería unha boa nova porque eses aparellos están dando un bo servizo e sería mágoa que se suprimisen. Naturalmente, hai que anotar este detalle na movilización da veciñanza e nas sinaturas recollidas nos días pasados.

Outro dato a suliñar é a retirada de maleza que se estivo facendo en algunhas ribadas, concretamente xunto do restaurante San Miguel, onde puidemos observar que tamén se provocou o desprendemento e derrubamento de pedras e terra, o que dá que pensar que cecais os técnicos non andiveron moi afinados.

Mais sorprendente da finura dos técnicos foi o sulfatado de alguhnas palmeiras no parque o venres, sete de febreiro, a media mañá, cando chovía a mares e ventaba sen conto, e polo tanto, os eventuais beneficios do tratamento foron parar ao chan en poucos segundos. Por certo, esta actuación levouse a cabo sen protección algunha coas consecuencias que nos podemos imaxinar.

Outra sorpresa xurdiu ao comprobar que na reforma da Praza de Pancho Maseda (entre o Concello e a Aduana) non se deixou ningún paso para as ambulancias, que segundo a declaración grabada do Sr. Alcalde, era un dos motivos da obra. Ainda ben, o paso que había antes quedou obstruido por un bloque de granito para suxetar unhas bandeiras. Unha contradicción mais nun relato inverosímil.

E para rematar, lembramos que no pleno do día 4 de febreiro o Sr. Alcalde referiuse repetidamente ao teixo da eirexa de Arante, suxerindo, anque non o dixo claramente, que hai anos fora obxecto dalgunha actuación impropia ou prexudicial. Como consecuencia, desprazámonos a visitar o teixo de Arante e a sacarlle unhas fotos, e puidemos observar que presenta un aspecto magnífico, por non dicir esplendoroso, como sempre.

E sen mais que comentar, suliñamos que segue sen haber información oficial sobre o proxecto de reforma do Parque Municipal e do Campo de Santa María, e que seguirémonos xuntando e tratando de levar adiante accións para preservar e mellorar as árbores e zonas verdes de Ribadeo e daremos información pública de canto nos vaia chegando. Proximamente daremos outra nota co resultado das sinaturas vía internet.

PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCION DAS ÁRBORES

Ribadeo, 19 de Febreiro de 2025

Pleno Ribadeo 20250218 extraordinario

Pleno en Ribadeo 20250218, extraordinario


    Onte celebrouse un pleno extraordinario, que, mirado dende certo punto de vista, tamén foi un extraordinario pleno para reflexionar sobre o xeito de facer política na actualidade e en particular dende o concello de Ribadeo.

    Vaia por diante que o audio, tomado dende a zona de público do Salón dos Alcaldes, ten un corte de medio minuto a partir do 44:22 por mor dunha confidencia que me fixeron no momento, quedou gravada e estimo non está contrastada aínda, polo que lle podería traer problemas a quen ma fixo.

    Estabamos de público un grupiño de xente en contra de que se instale o novo centro de saúde ás afóras de Ribadeo (ó final, un do grupo díxolle a unha concelleira que terían que poñer liña de autobuses ó centro de saúde), grupo que entre outras cousas fixo xa hai máis dun ano unha enquisa na que resultou claro a improcedencia do lugar, e xa comezado o pleno entrou outra persoa máis. Por parte dos concelleiros, estaba ausente Pablo Vizoso.

    O que poda comentar aquí pódese escoitar de primeira man no audio, mais aínda así deixo un par de notas como orientación.

    A primeira, algo que xa notei en audios anteriores referidos a algún pleno, sobre as respostas do alcalde: se lle falan de algo que se está a facer mal agora e corrixible, ou ben considera opinións o que son feitos ou ben (ou  tamén) ponse a falar de cousas que segundo el sucederon en mandatos anteriores e só adica un pouco de tempo á contestación propiamente dita, ás veces mesmo con argumentacións que testemuñano contrario do que está a dicir, como no caso da compra dun camión o ano pasado, antes da aprobación dos orzamentos, nos que non entrou, e a pagar este ano cunha modificación orzamentaria. Na contestación tamén é normal que remate afeando ó seu interlocutor a súa disposición, o seu desoñecemento, ou outras cousas, veña ou non a conto (esto último, o máis probable)

    Por outra banda, e en relación ó centro de saúde, motivo polo que estabamos alí, a aprobación unánime da tramitación da expropiación, aínda con discusión sobre a falta de médicos en Ribadeo. Nin goberno nin oposición se fixeron eco das preocupacións documentadas que se teñen manifestado. Tampouco saíu -non era o tempo- que 'de saída' o novo centro de saúde non está previsto que teña Raios X, co que se perde xa un servizo dos que viña prestando.

    Unha última cousa: a excepción dun erro, a convocatoria parece que foi un segredo (aínda que houbera unha nova na prensa que alertou sobre o tratamento do centro de saúde), pois non a vin aparecer nin nas notas do concello nin na sede electrónica, nin chegou de ningún outro xeito. Unha costume que sería cousa de erradicar, o de non saber ó detalle os puntos que se van tratar...

 


 



20250218

Daquel San Cibrán mariñeiro a un pobo industrial. Pablo Mosquera


Daquel San Cibrán mariñeiro a un pobo industrial

Aquela xente tiña escoitado falar dun porto cantábrico no norte de Galicia, cando na Meseta comían peixe conxelado e crían que A Coruña e Pontevedra eran as únicas provincias galegas con mar, ás veces atrevíanse a ir ata o inmortal Mondoñedo, que Álvaro Cunqueiro describiu en marabillosas fábulas. Sen sabelo, aqueles exquisitos percebes viñan dos Farillós, illas batidas pola forza das mareas e iluminadas dende o solpor pola luz dun faro, dende unha atalaia baleeira que comezou a sinalizar o porto en 1864, ata os veleiros cuxa actividade costeira marcaba a fábrica de Sargadelos.

Levaban paseando pola Muralla Romana de Lugo, admirando a Praza de Santa María entre o Pazo Episcopal e unha das entradas da súa Catedral onde o Santísimo estaba exposto día e noite por privilexio eclesiástico dende o século XV. E así para os cristiáns, Lugo era a cidade do Sacramento no primitivo Camiño de Compostela.

San Cibrán e Burela foron os dous portos do concello de Cervo. O primeiro foi un concello entre 1831 e 1840. O segundo foi unha parroquia do Concello de Noís, logo en 1840 do Concello de Cervo. Finalmente en 1998 conseguiu separarse e consolidarse como Concello. Mentres o porto de Burela foi medrando grazas á súa vocación mariñeira, o porto de San Cibrán vai en declive dende 1980 pola presenza de Alúmina Aluminio, que tamén conta cun porto propio entre as parroquias de Santa María de Lieiro e Morás. Curiosidade!. San Cibrán pasa a ser San Cibrao, e o porto de ALCOA o de San Ciprián. Alguén me explica isto?

Son varias as etapas que sitúan a San Cibrán nas cartas náuticas, mapas portuarios e direccións de navegación. Un Castro Mariño Celta visitado por pobos mariñeros e onde os normandos no século IX ensinaron aos habitantes desa Illa, hoxe Atalaia, que as baleas pequenas son comestibles e accesibles desde barcos de coiro, e así a presenza de ósos do mamífero no concheiro.

Dende o século XII ata o XVIII a caza da balea foi o surxidoiro máis antigo de Galicia, sendo San Cibrán o centro de disputas cos vascos e coa Igrexa. Dende a praia da Concha e preto da illa máis destacada, os arrastreiros saen ao mar cando o vixía acende unha fogueira tras avistar o paso dos mamíferos, que logo serán descuartizados no Cabalo -Cubelas- No século XVIII, San Cibrán será o porto das Reais Fábricas de Sargadelos -que contará hoxe como praza de Os Campos-, con camiño de peaxe a Sargadelos e alfándega dende 1850. No século XX e tras o temporal do verán de 1961 co Decreto de decembro -plan renovador-, créase unha flota atuneira que daba traballo en terra e no mar, e cuxos ingresos -quiñones- melloraron exponencialmente a calidade de vida en todas as parroquias de Cervo.

Hoxe o meu querido porto é un pobo industrial que case vive de costas ao mar. Mirando o fume que saía das chemineas de Alcoa. Protestando contra ese po vermello que o invade todo. Desaparición de case todo o comercio. Substitución da arquitectura tradicional cántabro-mariñeira por edificios de cemento e cristal cuxos veciños non teñen nada que ver coa nosa cultura e aos que tamén lles costaría explicar como lles deron a licenza de obra a escasos cincuenta metros do mar.

Moita xente descoñece a orixe da piscifactoría, nin as ruínas da salgadura, e seguramente non as canteiras da ribeira nin a historia dos apelidos da estirpe merineira -Pillado, Rubiños, Fra, Pernas, Coldeira, Díaz, Mosquera, Correa,- nun fermoso recuncho que se levantaba de madrugada co son do corno do mar. Hoxe, as quendas e os xestores substituíron as mareas, os patróns costeiros e pesqueiros e costeiros.