20190628

Illa Pancha: AGRADECIMIENTO Y ACLARACION

En relación á nota de prensa "A ILLA PANCHA CHEGA Á FISCALÍA":
 
AGRADECIMIENTO Y ACLARACION
Queremos agradecer a los medios que se han hecho eco de la denuncia presentada en Mondoñedo. Gracias, a los que nos han contactado a lo largo del día, y a todos los que siguen y seguirán difundiendo la información. Lamentamos el disparate que apareció ayer en la portada de A Mariña de "El Progreso" y que atribuye la denuncia a un partido político. Lo lamentamos profundamente, pues, además de ser una información falsa, es injusta para los miembros de "Por nuestro faro", un colectivo que reúne a personas de distintas ideologías (a veces diametralmente opuestas) en torno a una causa ciudadana común.
Como todo el mundo sabe, desde el inicio de nuestra andadura en 2015 hemos contado en varias ocasiones con el apoyo público de "En Marea" y "PSOE" a la hora de transmitir ante las instituciones las irregularidades en la tramitación y puesta en práctica de la actividad hostelera en la isla. Pero siempre hemos estado y estamos abiertos a toda asociación, colectivo o partido político que quiera participar en la lucha por el respeto de la ley, la transparencia y los valores democráticos necesarios para garantizar los derechos de los ciudadanos en lo que concierne la protección y gestión de nuestro patrimonio, en este caso de la isla Pancha.
Esta es la nota de prensa que ha sido enviada a los medios en nombre de "Por nuestro faro". A partir de este texto, cualquier intento de atribuir nuestra iniciativa a un partido político es absolutamente infundado.
Gracias a todos por estar ahí, y no olvidéis compartir los enlaces que vamos publicando

20190627

PARABENS A PLATAFORMA POLA RESIDENCIA DA TERCEIRA EDADE. EN MAREA RIBADEO

Nota de prensa
En La Comarca del Eo do 15/6/19 (e neste blog) aparece un artigo asinado por PLATAFORMA DE MAIORES DE RIBADEO ao que desexamos facerlle algúns comentarios. 
O primeiro e fundamental, felicitar a esta plataforma polo éxito logrado ao abrir a residencia despois de tantos anos. Convén botar man das hemerotecas, porque o tempo soe amolecer a memoria, para lembrar que a iniciativa desta plataforma veciñal, desgraciadamente agora incompleta, foi determinante para chegar á posta en marcha deste servizo, a tal punto que se non fose pola sua pertinaz actividade esta residencia non existiría, cecais outra pero esta non. En segundo lugar a proposta de crear unha asociación veciñal para o seguimento da xestión da residencia é absolutamente coherente e necesaria. Hai moitos motivos, dende un básico de participación democrática ata o feito de ter polo medio a Clece, do grupo ACS, controlado por Florentino Pérez. Debemos suliñar aquí que éste é o primeiro contrato que Clece acada en Galicia, por un periodo de catro anos. Resulta obvio que polo de agora todo serán flores pero co paso de tempo verase o modelo de xestión deste tipo de empresas expertas entre outras cousas nas portas xiratorias. Hai que ter en conta tamén que os servizos sociais son un dos espazos da xestión pública mais acaidos para o voluntariado e a participación comunitaria e mesmo que en Ribadeo hai algunha experiencia de voluntariado moi valiosa, pero falla unha organización ou colectivo interesado pola xestión e non se observa que haxa moito interés por parte do gobernó municipal nen polos grupos de oposición se tomamos como referencia os programas electorais e as propostas dos últimos anos. O mesmo escrito da Plataforma denuncia que nengún partido político respostou ao seu proxecto de asociación e estatutos o cal confirma esta impresión e perfila un escenario preocupante. Supoñemos que a nota da Plataforma refírese aos partidos políticos que conqueriron representación nas recentes eleccións municipais porque eles ben saben que o colectivo En Marea remitiulles dous correos con propostas tanto ao proxecto xeral como aos estatutos.

En resumen, entendemos que a proposta da Plataforma é unha iniciativa moi positiva para o futuro de Ribadeo e poden dar por feito que contará ca colaboura do noso grupo, como xa quedaba ben craro no noso programa electoral.

20190626

A ILLA PANCHA CHEGA A FISCALIA


Nota de prensa
O colectivo “Por Nuestro Faro” ven de denunciar á fiscalía do Xulgado de Mondoñedo o impedimento do acceso dos veciños e visitantes á Illa Pancha que so pode ser visitada polos usuarios dos apartamentos turísticos.
Como lembrarán os lectores, os representantes do noso colectivo consultaron o expediente de concesión da licencia de actividade tras recurrir á Valedora do Pobo de Galicia ao negarse o Sr. Alcalde durante cinco meses a autorizar a consulta do devandito expediente. Despois de recurrir a lei de trasparencia e denunciar o caso diante da Valedora o Concello viuse obligado a facilitarnos a documentación. A sorpresa dos nosos representantes foi maiúscula ao comprobar que a licencia estaba concedida dende o día 1 de decembro de 2017 ca condición expresa de que a porta da illa debería estar aberta para o libre acceso de veciños e visitantes, e así consta en diferentes documentos técnicos oficiais, tanto do Concello como da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.
O paso seguinte, pola nosa banda, foi poñer os feitos en coñecemeto da opinión pública e mesmo cumplir o trámite de notificarllo pr escrito ao Sr. Alcalde por duas veces e con rexistro de entrada, concretamente os días 11 de abril e 8 de maio do ano actual.
Como ven sendo habitual o Sr. Alcalde non respostou ou fíxose que non se daba por enterado. De seguido agardamos mes e medio, e o día 24 de xuño formalizamos a denuncia por escrito na fiscalía engadindo os documentos máis significativos que avalían os feitos denunciados.
Como xa expuxemos repetidamente, estamos diante dunha grave eiva democrática, no Concello de Ribadeo : algunhas persoas que pagan unha habitación nos apartamentos turísticos da Illa Pancha poden visitar a illa e facer uso da mesma, accedendo por medio dun código de entrada facilitado pola empresa concesionaria, mentras o cidadán nativo ou foráneo debe quedarse na porta que permanece pechada en contra da obriga estabelecida pola licencia. Un auténtico disparate. E o alcalde no silencio máis absoluto.
Agardamos que se faga xusticia, por eso recurrimos ao fiscal.
Colectivo “Por nuestro faro”

20190624

Toma de posesión do alcalde de Ribadeo: lembranza de programa e discurso

Mediados de xuño de 2019. Recentes as eleccións municipais, o sábado 15, toma de posesión de Fernando Suárez Barcia como Alcalde de Ribadeo.
Para quen non estivo no acto, que sempre tenta ser emotivo, algunha lembranza no blog, xa pasados días para reflexión. En primeiro lugar, lembrar que o programa do partido que conseguiu maioría absoluta, o BNG, e ó que polo tanto pertence ó alcalde, está colgado en internet, xunto cos do resto, e polo tanto, pode facerse un seguemento ou -xa- unha comparativa co discurso de investidura En segundo lugar, o discurso do alcalde na investidura. En terceiro lugar... iremos desenvolvendo o tema ó longo de 4 anos de mandato: ha haber lugar.
Foto de gl.wikipedia.org, Lic.Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 España
O discurso:
"Veciñas e veciños:
Outra volta elixístesme para alcalde de Ribadeo, e van catro. Unha inmensa responsabilidade á que non podo responder con simple continuidade. Queredes seguir connosco como responsables politicos desta Porta Norte de Galiza e iso é un grande agasallo. Unha chea de confianza. Son consciente desa confianza, pero tamén desa responsabilidade e pregúntome por que. (E penso que esta é unha pregunta obrigada).
A democracia expresa a vontade colectiva da xente nas eleccións. O que queredes. A vontade popular. Esa é a vontade xeral á que debemos responder nos vindeiros catro anos como intentamos atender até agora. Sen favoritismos nin arbitrariedades pero tamén sen “repunancias". Para iso vos pido a colaboración a todos e todas vós. Para que sigamos a facer un Ribadeo mellor.
Pregúntome por que nos votastes, por que me votastes tamén a min como cabeza de lista da nosa candidatura e véxome na obriga de buscar algunhas respostas:
- quizais pola nosa xestión política, pola honestidade, porque gobernamos para todos e todas, quen nos votastes e quen non. Sen favoritismos.
- quizais tamén pola nosa entrega, porque sabedes que estamos e estaremos volcados en Ribadeo.
- seguramente porque falamos con todas as persoas e atendemos a todas as persoas e valémoslles no que podemos e iso seguiremos facendo.
- porque o mellor para a maioría é o mellor para Ribadeo.
- e seguramente tamén porque non nos calamos diante de nada nin de ninguén se vemos que se cometen tropelías con Ribadeo e que a nosa xente se poida ver privada de lexítimas obras ou servizos soamente porque aquí decida votar un gobemo que, quizais ás veces, non concorda co que haxa no País ou no Estado.
E indo do máis pragmático e cotiá ao máis politico:
-Porque somos e seguiremos sendo -porque vos o queredes así- un facho do galeguismo en Galicia. O faro da Porta Norte.
-Porque nos identificamos con todo o Mundo, sabendo que este país é tan grande que chega a todas as partes e non ten fronteiras.
-Porque asumimos o legado dos homes e mulleres que hai máis de 100 anos quixeron construir unha Galicia moderna no Mundo e nos seguimolo facendo dia a día en Ribadeo... e iso ben que o aprezades... e ben que vos gusta a vos e a nós.
-Porque o orgullo de ser non rifa co de facer.
-Porque aquí, en Ribadeo, todos temos os pés na terra e a cabeza no mundo. E iso queremos tamén para a Galicia do futuro.
Hoxe toca agradecer aos que axudaron a deixar o listón tan alto como está. A aqueles que estiveron neste pasado goberno, e nos anteriores. Xente que deu o mellor de si durante uns anos da súa vida, seguramente da parte vital máis significativa, polo esforzo que lles puido supoñer conciliar a súa vida, as súas profesións (os que non estiveron liberados) para entregarse á xestión da res pública unha chea de tempo. Falo de Ana, de Farruco, de David, de Sonia ou de Vanesa, ou de Paz. E tamén falo daqueloutras persoas, coma Vicente, que estando liberado neste caso, fixo do Concello a súa casa polas mañás, polas tardes e por moitas, moitas noites.
Pero hoxe toca tamén propoñer futuro: de entrada para os vindeiros catro anos. Toca pensar en Ribadeo, na bisbarra, na provincia e tamén en Galiza enteira.
Somos modélicos en moitas cousas e mesmo somos quen de exportalas: aguantamos a especulación nos peores anos da burbulla e hoxe podemos presumir de vila e de paisaxes, e somos unha referencia.
Espantamos as malas artes da política e tamén a dereitización extremista que tanto asusta ultimamente. Ese extremismo que quere reducir as nosas conquistas democráticas e sociais en todo o Estado, mesmo en toda Europa, pero non aquí.
Non somos unha aldea gala de Asterix, xa superamos iso... somos unha Vila e un Concello forte como sempre fomos, estendida en parroquias e lugares que nos identifican e nos dan afouteza.
Agora debemos pensar en que facer no futuro:
-1) Somos dende sempre capital comercial, de ocio e agora tamén turística. Logramos manter esa posición con moita competencia; axúdanos estar onde estamos: no centro dunha ampla bisbarra que vai de Viveiro a Luarca e baixa até A Fonsagrada, pero axudou máis ainda o que fixemos e seguiremos facendo: cooperando e traballando con guen sexa necesario a prol de Ribadeo. Esa capital comercial, de ocio e turística é unha fonte de riqueza ben aproveitada e foi mellorada por nós con intelixencia, fose mellorando e coidando a ribeira da Ría de Ribadeo, as Augasantas e Carricelas (As Catedrais) ou creando a exitosa, participativa e modélica festa do Ribadeo Indiano.
Esa capitalidade é unha fonte de riqueza que debemos coidar, evitar destruir e exemplos temos dabondo ben pertiño de aqui ou moi lonxe (Venezia contaminada, afundida e "atacada" polos cruceiros ou o Everest -atascos e Iixo-...) do que non debemos facer.
Ocuparémonos de planificar os coidados da nosa galiña dos ovos de ouro para que os siga poñendo... e para que siga sendo un luxo popular ser e vivir en Ribadeo.
Seguiremos impulsando un crecemento sostible, produtivo e non especulativo. Aprobado e vixente o moderno Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobaremos deseguido tanto o Plan Especial do Casco Vello como o de Ordenación do entorno das Catedrais porque en Ribadeo quixemos apostar por un modelo urbanístico que promova un crecemento sostible e sobre todo que aporte seguridade xurídica. Porque queremos que Ribadeo medre, pero que o faga con sentidiño. Igual que coas politicas de rehabilitación: Varios anos de política activa para lograr a rehabilitación de inmobles, calquera pode pasear hoxe polo noso casco vello e ver o cambiado que está, e o traballo que xerou para pequenas e medianas empresas especializadas na rehabilitación. Pero fai falta máis. Queda aínda moito por facer e impulsar desde o Concello. E farémolo!
-2) Seguiremos traballando duramente polas partes máis febles dunha sociedade. Os vellos e os novos.
Onte mesmo demos un paso de xigante ao inaugurar o funcionamento do novo Centro de Atención de Persoas Maiores de Ribadeo. Unha marabilla que naceu co reclamo do pobo ao que se lle achegou a atención da mellor política e da mellor técnica. A política que fixemos desde diferentes trincheiras, pero buscando o fin común de chegar a ver isto funcionando para honra dos nosos paisanos e paisanas.
Lográmolo. Agora tocará modernizar e actualizar o Hospital-Asilo. Ben xestionado como está, pero con carencias estruturais no edificio municipal polo que a día de hoxe, dista moito de ser un lugar cómodo para a xente maior. Deberemos tamén seguir achegando servizos sociais de proximidade aos fogares da xente maior que, seguramente, é onde prefiren estar.
E pola outra banda, polos novos. debemos e queremos empezar a sacarlle os seus froitos ao Planeamento Urbanístico aprobado hai ben pouco para poder empezar a dispoñer solo público para facer un novo espazo verde útil para todo o mundo, especialmente para a mocidade, e xunto a isto, un novo campo de herba sintética multifuncional.
Queremos comprometernos igualmente coa xente nova e coa práctica do deporte, porque xa fomos quen de facer de Ribadeo un punto de encontro deportivo, do fútbol ao surf e da vela ao atletismo, pasando por tantísimos outros. Pero queremos que Ribadeo siga a ser o Concello con maior oferta de escolas deportivas municipais de toda a Mariña. Seguiremos por tanto apoiando o deporte base para todos e para todas.
-3) Ribadeo como lugar de redistribución dos recursos entre a vila e o campo.
A atención por igual tanto á vila como ás distintas parroquias é un dos nosos sinais de identidade. Ben sexa polos plans de mellora de accesos a núcleos rurais, (falado e consensuado nas súas prioridades coas asociacións de veciños), como na organización de actividades (culturais, formativas ou doutra índole dentro das competencias dun Concello), levarannos a seguir impulsando politicas de reequilibro entre a Vila e o Campo, como se merecen.
-4) Economía e ecoloxia/medioambiente van xuntas no futuro e o futuro empeza agora xa en Ribadeo:
Non hai futuro sen unha economía produtiva e non hai economía de futuro sen respecto ao medio ambiente. Non é unha opción nin unha elección. É unha necesidade para a que nos temos que preparar xa.
Se queremos que os nosos fillos e fillas teñan futuro nesta parte de Europa xa podemos ir pensando en como lograr unha economía produtiva moderna e sustentable.
Fomos pioneiros en evitar incendios ao pé das casas e aplicar as normas para evitalos; normas que non cumpre nin quen as ditou.
Tamen seremos pioneiros e modélicos en conservar o territorio como un espazo produtivo e manexado... como sabe facer a nosa xente dende sempre:
prados para leite
terras para horta, froitas e flores..
montes para madeira...
Todas as novas actividades industriais non contaminantes e de futuro vinculadas a novas tecnoloxías, terán un camiño de instalación en Ribadeo e o seu polígono. Dialogaremos e convenceremos ao Ministerio de Fomento da necesidade dun plan para abaratar as parcelas del.
-5) Queremos facer de Ribadeo a Capital galega da produción orgánica e da alimentación sá. Hoxe esa capital -no Mundo- ven sendo Nova lorke que é para onde ollamos, sempre “mar por medio" e ao Oeste (agora que xa non imos lindar con Inglaterra por mor do Brexit); pero nós mellor ainda que Nova Iorke porque alén de vender e mercar para comer san, tamén podemos producir. Somos superiores. Sabemos producir para consumir... facer os alimentos que comemos... nas hortas de Vilaselán, Piñeira e nas de Vilela, en Ove e mais en Cedofeita, etc... Traballaremos para convencer á Xunta de Galicia de reactivar dunha vez as potencialidades que ofrece o complexo formativo da Escola Pedro Murias.
Temos que apoiar os proxectos de economía de base, desde o agro á industria, desde a horta ao leite, desde a artesanía á informática. O máis noso, o froito da nosa terra, combinado coas maneiras de traballar que permiten a conservación do entorno, en vez de destruílo.
-6) E claro que si, e todo isto con unha clara perspectiva de xénero, loitando sempre en favor da igualdade, con maiúsculas, entre as persoas. Volcados na revolución das mulleres, seguiremos sendo unha referencia no apoio ás súas iniciativas laborais, educativas e culturais, para que os pasos adiante dados na igualdade entre sexos non teñan volta atrás.
Traballaremos con este goberno que formaremos con Luz, Pablo, Suso, Mónica, Pilar e Jorge. Ainda que tamén nos gustaria traballar en acadar obxectivos comúns co resto da Corporación: con Daniel, Elisa, Begoña, Elena por unha banda e con Marta e con Francisco pola outra.
En definitiva, traballaremos por vós para que vos sintades orgullosos de nós, para ser dignos da vosa confianza. Traballaremos tendo presentes os versos de hai un século de Ramón Cabanillas do seu poema EN PÉ!:
...o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,...
Traballaremos meus veciños e miñas veciñas, para dar conta da afouteza de Ribadeo e da súa singularidade en Galiza, e desde Galiza para o mundo.
Tede por seguro que así o habemos facer.
Saúde, Terra e que viva Ribadeo."
 --

20190622

Ciudad horizontal. Pablo Mosquera

Cando decido regresar ao meu recuncho máxico para vivir como galego e en galego, alguén me advirte de dúas "calamidades". "Nunca debemos volver onde un día fomos felices". "Pobo pequeno, inferno grande". Teño motivos para aceptar que todo se move, cambia, nace e morre... pero co paso dos anos logrei aceptar todo; así como sigo empeñado en aportar as miñas forzas físicas, mentais e experimentais, para seguir con aquilo que alguén puxo na miña alma. Teño dereito a intentar cambiar o mundo, comezando por ese mundo máis próximo ao meu ser.
Utilizo como guía a obra "Descripción Histórico-Geográfica de la Provincia de Lugo", publicada en 1900 polo seu autor Antonio Correa Fernández. Médico que como outros tantos non aparece nalgunha obra con ínfulas sobre "Historia da Medicina de Lugo e a súa Provincia" dun tal Pardo, que se autoproclamaba "discípulo de Marañón, por figurar como "oínte" na Clínica Privada do gran clínico e político da Xeración de 1914, por terse trasladado a Madrid ata 1951 que se instala en Lugo. O Dr. Correa fixo o doctorado, foi Académico da Real Academia de Medicina de Madrid e Barcelona, así como autor de magníficos traballos de toda índole.
E como queira que estou na fase do personalismo, vou lembrar aos fillos ilustres da nosa antiga provincia de Mondoñedo nesa encrucillada entre os séculos XIX e XX.
A nosa inmortal Mondoñedo viu nacer en 1862 a Emilio Tapia Rivas, quen se esforzou por levar a todos os galegos a información xornalística a través da afección pola prensa escrita, fundando e dirixindo "El Hermandino" e "El Diario de Mondoñedo", ou aquel magnífico Boletín de feiras e festas que deu lustre ás San Lucas. A súa vida profesional como Avogado levoulle a ocupar importantes cargos na Administración Pública e no ensino.
Pola miña condición de médico quero recordar aos que así exercían en 1900. Alejandro Barba -Forense-, Manuel Leiras, Isidro Baamonde, Pastor Taladriz, Ramón Álvarez Mon Rebellón. Tamén aos boticarios: Afasto Federico, Domingo Martínez, Pedro Mon.

20190621

Condea e indemnización

Foto de Sofía Martínez Martínez,
lic. CC BY 3.0
collido de https://es.wikipedia.org/wiki/Esposas

Vexo na prensa ("Cárcel para el excura de parroquias de Ribadeo y Trabada, José Emilio Silvaje" é o título na Voz) que José Emilio Silvaje Aparisi, excura que serviu en parroquias de Ribadeo entre 2008 e 2012, antes de saírse, foi condeado a prisión: tres anos e medio. E a indemnizar á diócese.
Deixo esta entrada como lembranza de artigos directamente sobre Silvaje neste blog, os numerosos adicados por José Mª Rodríguez ó espolio no seu blog (por exemplo, 'Cedofeita llora en silencio su espolio' ou 'Los mantos de la Virgen Dolorosa') e outros que de xeito indirecto tratan o tema (Cantiga de Carnaval, De culebrón e teoría da conspiración, ...) De numerosas aparicións do tema nos xornais, e tamén do blog de Silvaje, 'Configurando la mirada', con edicións entre outubro de 2015 e maio de 2017, anos despois de deixar o aciprestazgo en febreiro de 2012.
Atrás quedan os roubos en Sante ou Cedofeita, as pulgas que lle puxeron en Covelas, as invitacións ós catequizados en Ribadeo, o desprezo polos fegreses ou os sacristáns ("el que no era borderline era subnormal")o cura con coche de gama alta, as negacións ("He sido injustamente acusado y estoy dolido; he llegado a llorar", título dun artigo na Mariña de A Voz), en xeral un paso pola zona que non foi pouco accidentado.

20190619

Casas de apostas


Nas cidades polas que teño ido a última tempada non o deixei de notar: as casas de apostas están á orde do día, ocupando espazo físico da cidade e coido que tamén mental nos cidadáns.
"Cada vez que un goberno estatal recibe diñeiro dos casinos e lle chama impostos, esas autoridades están axudando a manter os intereses da mafia." A cita, de O longo adeus, de Raymond Chandler, versión en galego de Hugin e Munin traducida por Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar, p.468 da única edición ata o de agora, non debe tomarse para interpretar de xeito literal, pero tampouco ser desprezada como clave introdutoria.
Despois de ter proliferado polas cidades, é de esperar que as casas de apostas se vaian estendendo ós pobos. Pola cantidade de poboación, Ribadeo non parece candidato a unha primeira oleada de expansión, pero o fenómeno está aí. E detrás veñen as consecuencias. Non só o vicio senón os necesarios aportes económicos para mantelo. Mantemento que necesita dunha certa colaboración ou polo menos, aquiescencia  dos gobernos dos diferentes niveis de administración. E aportes económicos que tamén transforman a economía e que levan o poder dos cartos a unha área ou a outra: a iso se refire a cita, ós cartos dunha actividade branqueados pero sobre todo 'honorificados' a raíz da aceptación de impostos resultantes dela e a incorporación ós fluxos económicos como uns cartos máis.
O doado sería prohibir. Ese é o punto no que inciden os veciños de numerosos barrios das cidades cando protestan pola instalación de casas de apostas. Pero iso, unha volta nadas, existentes e puxantes as apostas, sinxelamente as levaría a terreos ocultos (e sen pago de impostos!). Agora ben, un cóctel de educación, altos impostos, restrición de anuncios, etc, podería contribuír a controlar as partes negativas e aproveitar as positivas. E mellor, preparándose dende xa antes: cando se solicite a primeira licenza de actividade xa será tarde para algunhas cousas.

20190618

Resistente galego

Lic CC-by-sa 3.0 de David Sebastian Liuzzo (Obra derivada: Alexandre Vigo), collida de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:800px-EU_location_GAL.png.

Despois de ver as novas destes días sobre o terrorismo galego (ler por exemplo "¿Existe Resistencia Galega o es un bulo de Gobierno?" en eldiario.es), venme á cabeza a pregunta de se se me podería considerar de Resistencia Galega, máis aló de se existe, que parece que non. O que si coido que se me pode considerar, como a moita outra xente, é un resistente galego.
Resistente por seguir vivo e mal que ben, practicando a nosa lingua e procurando o ben da nosa terra e da nosa sociedade. Resistente por querer e aprezar cada corredoira e cada monte, transitada dende hai moito e presente na vida de moita xente antes de chegar a nós. Resistente por tentar ensinar que o desenvolvemento comeza por nós mesmos, abríndonos e aprendendo do mundo, e non na explotación dun mundo que non só non é só noso senón que tamén nos ten permitido vivir grazas a que non o estabamos expoliando. Resistente por ter claro que a terriña é só a parte máis achegada a min da Terra, á que por iso teño máis oportunidades de manifestarlle amor que, poñamos, a Suazilandia. Resistente por cousas así, coido que sinxelas, que veñen dadas de xeito natural, que non son exclusivas miñas, nin en termos xerais, nosas, aínda que as vivamos con certas características pola convencia coa nosa lingua, a nosa paisaxe, a nosa terra, os nosos amigos, a nosa sociedade.
Que eu saiba, non hai unha data de nacemento da resistencia galega. Considerar como tal o comezo dos irmandiños coido que extrapolar a partir de algo ben diferente. Un nacemento ós poucos, si. A medida que se ía configurando o país e os agravios á xente por parte de quen non só quería ter poder, senón máis poder. Algo que de diferente xeito se ten dado arredor de todo o mundo, mesmo contaminado con ansias supremacistas dun ou outro signo, escollendo uns ou outros enemigos ou apoiando e encumbrando líderes locais que coller como un símbolo máis, como forzamento á aglutinación dunha 'nacionalidade'. É dicir, dun illamento que contrapoñer a outros e que leva ó desprestixio do nacionalismo (dos 'outros' nacionalismos, claro!)
Como resultado, como resistente galego, si, formo parte da resistencia galega. Non me fai falta un carnet ou inscrición, xefe ou estrutura de funcionamento, nin tampouco recoñecemento. E ti?