20140228

Aplausos no concello: unha perspectiva

Antonte, 26 de febreiro, foi o pleno que deu o pistoletazo de saída ó que se podería chamar 'segunda fase para a nova residencia de maiores de Ribadeo'.
As tres votacións (gasto plurianual das obras de construción, proxecto técnico e licitación) que permitirán ó concello dispor da cartos ou requerir ofertas para a construción foron unánimes (faltaba un concelleiro do BNG, Xavier Campos). E ó remate, houbo un aplauso encabezado polos membros da plataforma presentes.
Cartel anunciando a manifestación de apoio á petición da residencia
Agora, podemos ver as cousas en perspectiva, ollando o cartel, por exemplo, acudindo ós post do entón da manifestación convocada para apoiar a petición, (entre outros, I, II, III ou IV) ou á historia/resume de todo o proceso que emitiu a Comisión veciñal. E enfrontar todo ese decorrer de feitos no tempo, o apoio cidadán que permitiu ós representantes políticos ter a forza necesaria para manexar on respaldo abondo (e coa tranquilidade que da) á situación.
É por iso que me chamou a atención non o aplauso ó remate do curto pleno de voto unánime, senón que pouca máis xente houbera no salón que os comisionados veciñais que alí estabamos. O concello emitiu un comunicado sobre o pleno con algo de anterioridade, quizás con moi pouca antelación, pero o feito é que parece que unha volta que se intúe que o obxectivo pode estar conseguido, a percepción de actividade necesaria, de participación do conxunto da cidadanía, parece cambiar de novo a modo pasivo, charla nos bares e en todo caso, felicitacións por ter conseguido o obxectivo.
Falta moito para ver a residencia para Ribadeo. Mentras, a comisión seguirá observando o desenvolvemento. E os cidadáns, neste momento de celebración, coido que deberan ser conscientes. Non porque se prevean atrancos ou porque a concepción da residencia tivera variacións dende a formulación inicial da petición, senón porque foi esa consciencia didadá a que permitiu a realidade actual, e debera continuar facilitando a forza necesaria para facer un Ribadeo mellor.

20140226

Marabilloso inverno

Este inverno estanos a deixar vento, vento, e vento, coas súas consecuencias. Pero non só. Os ceos tamén presentan paz moitas outras veces, mesmo algunha, estrelas. O amencer de antonte e o arco da vella xa a semana pasada ilustran o que digo. Por certo, o inverno non só trouxo marabillas meteorolóxicas; houbo máis que corrupción e ladróns no poder, e así chegamos hoxe ó pleno que testemuñará os avances sobre o tema da residencia, aprobando a subsidariedade do concello en relación coa promesa de medio millón de euros por parte da Xunta para poder aprobar a continuación as bases de contratación e poder ir adiante para comezar en breve a residencia. Hoxe, ás 20 horas, na Casa do Concello.


20140225

Antes de despois da tormenta: comparando os cantís das illas

Comparemos as dúas fotos:
A primeira, unha foto actual, cunha frecha sinalando a zona derruída.
A segunda, unha foto do cartel que hai no acceso á praia, onde aínda se ve a disposición antes de que o temporal botara embaixo o arco...

Ámbalas vistas, á túa disposición na praia de illas. Unha advertenza: os bloques de rocha non se aprezan na súa magnitude se non se achega un a eles. É entón cando reflectimos sobre a forza do mar.

20140224

20140221

E a suba do gas, para cando?

Hoxe, esta tarde ás 8 na casa do mar de Ribadeo, estou invitado a unha charla sobre a reforma das pensións, ó igual que toda a cidadanía que o desexe. Procurarei ir, promete ser interesante o que se presenta como unha presentación do libro 'A batalla das pensións', que no seu subtítulo alude á privatización dos bens comúns. Eu máis ben diría o saqueo dos bens comúns e non comúns da xente que non exercemos poder.
É un tema razoado dende o poder en dúas vías. Unha, como 'reforma', de cara a que non trasluza o 'recorte', é máis cosmética, propagandística. A outra, mantida ó tempo nunha evidente contradición, é a insostibilidade das pensións.
Ó mesmo tempo que se mantén esta insostibilidade, que serve asimesmo para xustificar diversos outros recortes e recaudacións asimétricas de impostos, asistimosa feitos como o que saltou ós medios estes días, a contratación dunha tacada de 5 'políticos' excargos con carnet partidario (neste caso, do PP) por unha empresa de gas. De aí a proxectar un novo trato de favor para as empresas de gas na relación cos seus clientes -nós-, un paso.
O anterior é só un máis, entre a enorme cantidade de feitos que manifestan o saqueo do estado acompañado polo vaciado dos nosos bolsillos e a privatización do común. Onte mesmo tamén eran nova outros feitos que testemuñan as outras dúas partes da frase, a transferencia de cartos de todos a mans dalgúns -o anuncio de que é 'preferible' 'rescatar' a Sacyr despois do de Panamá- e as cortapisas a que haxa cousas que son de todos, o común: aí queda a lei de permite entre outras cousas que unha creación sen ánimo de lucro, con licenza libre, como esta, poda servir para recadar fondos a unha entidade de xestión que os repartirá como lle veña ben, pero non ó seu creador, que non está afiliado, e aínda que o estivera, teríao moi difícil para ver algo de remuneración mesmo en caso de cambio de licenza da publicación e aumento de lectores.
Poñamos que máis enrriba do gris diario hai un ceo luminoso, despexado, agardano...

20140220

Ribadeo, autovía A-8, km 520, unha curiosidade

Hai anos xa que sucedeu. A 'primeira pedra' ante electoral do tramo da A-8 que Atravesa a N-634 á altura do alto dos pinos. Cerimonia informativa no que sería o propio cruce entre ambas estruturas, obviando que habería retraso no comezo en si. E logo, nada, no que respecta ó espazo empregado para a cerimonia. Unhas fotiños de onde como se atopa e como se atopa na actualidade:
 A foto inclúe varias referenzas para posicionalo: na parte inferior esquerda, a zona do centro comercial Eroski, na inferior esquerda, o camping Ribadeo. Cara á esquerda na parte superior, o aeródromo de Vilaframil. Na autovía do Cantábrico A-8/E-70, destaca a sinalización en amarelo da saída a Ribadeo, km 508.
A primeira das fotos, un cobertizo abandoado. Non se crea que foi onde se celebraron os 'pinchos', pois había unha carpiña para celebración.
 Á súa beira hai un espazo abondo amplo (uns 2000 m2), totalmente inutilizado. O que se ve na imaxe anterior é unha parte pequena, coa N-634 ó fondo. A pequena plataforma de cemento á beira da construción é a que recolle a foto seguinte, e un pouco máis aló hai amontoados uns sacos coa inscrición Sovitec Echostar, que deberan corresponder a pintura para estradas.
 O fito da celebración, o fito-fonte co km 620 da Autovía, vemos que quedou arrumbado pola realidade, no que se podería interpretar como unha mostra da falta de cálculo da autovía enteira: o fito ven coincidindo na actualidade preto da saída a Ribadeo, a única dende Galicia, no km 508. 12 km de diferenza con testemuña documental, algo así como un erro só do 2,4%, menor que outros erros mantidos, como a data da súa finalización.
 O estado actual dun dos montóns de sacos de pintura, totalmente solidificada unha volta ida a superficie do saco.
E un sorriso: o adorno dun fito do Camiño Norte como dato curioso, pintoresco nun lugar no que, xa daquela, o trazado do Camiño Norte estaba establecido por lugares a unha distancia duns 2 km no punto máis próximo.
Por certo, ó lugar, en parte valado, pero separado da autovía por outro valado, pódese acceder tranquilamente por baixo da ponte da autovía sobre a N634, pois en parte está totalmente aberto e a nivel.

20140219

Un adianto á residencia de Ribadeo

Iso, un adianto, foi o anunciado polo alcalde de Ribadeo en relación á residencia: comezarase o trámite para a licitación aínda sen asinar a aportación de 500 000 € por parte da Xunta. Para elo, unha manobra: o concello poñerá esa cantidade de ser necesario adiantala porque a aportación se retrase (esa é a proposta de cara ó próximo pleno, que sairá adiante porque ten os votos necesarios).
Entendo que é ó tempo unha boa cousa (evita retrasos que poderían facer perder a subvención xa asegurada, ganando un tempo fundamental) e unha manobra que deixa, de novo, á Xunta en pública exposición en Ribadeo como non colaboradora. Manobra que o goberno xunteiro ten ganada a pulso despois de ser unha rémora ó proxecto durante longo tempo. Agora segue a selo, pero xa non ten a posibilidade de paralo por medios 'normais', polo que é de esperar que a manobra do alcalde surta efecto pronto e se materialice a promesa.
Por iso, aínda que como teño dito fixo que a residencia dará aínda abondo que falar cos seus avatares antes da finalización, xa está en marcha un pequeno resume da historia da consecución. Un resume que estimo é de manual, guía para actuacións futuras de interese comunitario, sobre unha petición que aproveitou as posibilidades que da o poder dos veciños. Como din ó anunciar unha película nunha sala, 'pronto aquí'.

20140218

Ceuta, como exemplo

Estamos vendo nas novas sobre Ceuta e a inmigración un exemplo da pauta xeral que se mantén dede hai xa tempo por parte do estado para case calqueira cousa. Case nos podemos preguntar se é por convencemento, necesidade estimada ou sinxelamente costume.
A cousa é que 'a morte' (así, estimada polos medios como tal, descartando o asasinato, qe soa moi feo) de 15 inmigrantes é tratada, en síntese do seguinte xeito.
Primeiro, negación. Negación de todo. Ata que cada negación concreta non se pode manter porque chega algunha cantrastación a ter unha ampla difusión. Entón, pásase a outra negación diferente, rebaixando o nivel, retrasando, como murallas de contención que foran caendo. Esta estratexia necesita dun complemento necesario: apagón de información, tentar cerrar toda posibilidade de que a xente coñeza a verdade nin por aproximación.
Despois (a orde pode variar, ou mesmo sobremontarse actuacións), pásase a minimizar o ocorrido. O mesmo subordinado que daquela apiou os 'hilillos de plastilina' do Prestige agora tenta pasar que por ser foráneos o que lles poda pasar non ten tanta importancia.
É nesta segunda fase cando toma máis importancia a 'colaboración' dos medios, pois xa se ve a necesidade de crear opinión favorable ós responsables do sucedido, despois de caer as primeiras barreiras da mentira. E así, atopámonos co Informe Semanal da tele pública (por iso de que é de titularidade pública) da fin de semana dicindo que, a partir da testemuña de xente que o presenciou, se vai montar no propio programa unha reconstrución. A xente que o presenciou era un garda civil. E por suposto, limitouse a falar, e non houbo ningún tipo de escenificación. Ou ca presentación de resultados dunha enquisa onte mesmo pola COPE: 54% 'a favor da GC', 46% 'en contra da GC', e dous exemplos de intervencións na enquisa, os dous 'a favor da GC'...
A enquisa da COPE introdúcenos de cheo na que sería a seguinte fase: a de distracción. Distracción externa, tanxencial e interna. Externa, procurando outra nova que salte á palestra e que tape e relegue a que nos ocupa a un plano secundario, de 'déjà vu', extemporáneo, de tempo pasado... Ou tanxencial, levando á palestra os dereitos dos inmigrantes ben tratados noutros casos (mira ti, en Melilla pasaron centos esta mesma semana e agora temos un problema, o alcalde pide axuda), ou botando balóns fóra: a culpa tena a UE (non era o estado español cando a 'traxedia' de Lampedusa o ano pasado o que dicía que algo así non podía pasar en España?), ou contrapoñendo a suposta groria da GC a quen lle quere achacar un fallo para atacala (no mellor dos casos destsa versión, quen non lembra aquelo da velocidade e o touciño?) Ou mesmo interna, a máis difícil, pois implica dalgún xeito, botarlle a culpa a alguén secundario ou que conveña no momento, abrindo unha brecha nas propias filas que sempre leva asociado un custe que haberá que asumir.
Por suposto, sempre haberá quen de esta mesma explicación moito mellor, con exemplos más apropiados, con moito máis detalle... e tamén esa interpretación será usada para dicir que non é valida por ter faltas, o mesmo que ocorrirá con calquera outra máis completa, que nunca será perfecta.