20140131

Para ler

Farruco Graña non é de Ribadeo e é de Ribadeo. Coido que leva o ser de Carballo a moita honra, e tamén o levar xa tempo afincado en Ribadeo. É dos que se ten ganado a pulso os méritos para o título de ribadense. Unha pequena biografía no sito da AELG non da fe dos seus últimos anos, quizáis dos máis produtivos. Por iso hai que rastrealo na rede (hai un artigo sobre el na Wikipedia, pero segue a ser incompleto polo momento) ata chegar á penúltima nova para saber do último premio que lle concederon, aínda que a última relacionada con el polo momento é respecto á súa labor cultural na Paco Lanza.
En fin, os seus escritos xa son coñecidos pola xente de ribadeo, da Comarca á Web, e diso tratan hoxe istas letras: hai un longo rastro seu na rede, pero algunhas publicacións, por estar sen mantemento e, en troques, agrupadas, merecen unha sinal para achegarnos a elas. Son as publicadas na desaparecida 'Praza' e as correspondentes ó xa hai un lustro desaparecido Vieiros (moitas delas, tamén na Comarca). Sinxelamente, literatura feita dende Ribadeo para non esquecer.

20140130

Iniciativa para dinamizar... e desfrutar do traballo de venda e comercio de Ribadeo

Hoxe vai algo de Ribadeo que me chamou onte a atención: quen fai a decoración das bolsas cónstame que o fai por gusto, pero non por iso deixa de ser un modo de aproveitar o tempo creativo non só en sentido artístico, senón de promoción dun negocio.
A primeira bolsa ten unha decoración máis convencional, un laciño e un tampón co logo e os datos da tenda.
 ... pero resulta que é o envés da fronte de bolsa seguinte:
É dicir, unha bolsa decorada cun debuxiño feito a man, avisando das Rebaixas de Inverno, que causa un sorriso non só porque o representado esteña a sorrir, senón pola ocorrencia e o desfrute que a representación manifesta.
Outra bolsa, esta caeu nas miñas mans algo máis sufrida, presenta unha escea semellante. Quizáis máis lograda (para o meu gusto), pero cumprindo a mesma misión. Neste caso, o nome da tenda ó pé fai diso, de 'pé de cadro'.
Non sei se a iniciativa levará a vender máis ou non nun primeiro momento, pero entendo que representa unha promoción non só para a tenda, senón para todo o comercio de Ribadeo.

20140129

A nova é que chove?


Si, chove a cántaros. Estamos no tempo. Un percebeiro furtivo foi ó mar e o mar levouno. As ondas son bonitas e perigosas. Vai frío. Estamos no inverno. É natural. Pero, falar do tempo? Non hai outras cousas? Xa se solucionou a Sanidade e artellou unha mellor educación? Os corruptos foron xulgados e condenados? Deixou de haber latrocinio nas altas esferas da política? Xa non hai máis 'porta xiratoria' entre política e empresa? Ten todo o mundo que comer? Remataron as subvencións de crédito público barato e axudas ós bancos, devoltas con crédito inexistente e desahucios? Deixou de haber cortinas de fume diversas para evitar de que nos enteremos do que pasa? O control dos medios de comunicación corresponde á nova e non á propiedade? Hai transparencia na administación? E participación cidadá?
Folga facer máis preguntas. A resposta e clara: non. E, en troques, nestes días as tormentas están nas novas. Claro, tamén se evita falar de que é o tempo, ou mesmo a posible relación de cambio climático e o tempo actual. Non, non se trata de formar, nin de informar. Trátase de encher o tempo da xente. Do 'panem et circenses' que evite que a xente pense e actúe. Que pense como xente de pensamento. Que actúe como persoas de acción. Que sexamos humanos máis que asemellados a ovellas rutinarias.
Xa non me queda tempo para Ribadeo. Ó fin, Ribadeo é un lugar pequeno, conectado ó seu entorno, e cada vez máis parello a el. E poderán darse novas particulares, pero o que vai por debaixo é a corrente xeral, por moito que se consideren particularidades.
Si, voltarei por Ribadeo. En cousa de minutos, pisarei as súas rúas e saberei que as particularidades son importantes. Cando se sabe que son iso, particularidades: pensa globalmente, actúa localmente.

20140128

Ouro non

Non, non é ouro todo o que reloce. Amósase día a día. E cando algo asemella relocer como ouro, imos averigualo. Chámanos a atención. Agachámonos para remover un pouco a terra, para coller o que parece, ... é dicir, facemos un pequeno esforzo. Si, é chamativo para nós.
Agora, fagamos unha tradución a aunha empresa que anda na procura de ouro, de sacarlle partido ó ouro. O anterior esforzo poténciase moitas veces, son órdenes de magnitude diferente, diriamos. Tan diferente magnitude que se trata de remover montañas e emponzoñar áreas dunha extensión considerable.
Por outra banda, cando nós imos comprobar se 'aquelo' é ouro, temos as nosas propias limitacións. Poñamos que o que observamos está sendo pisado por outra persoa. Pedirémoslle permiso.
De igual xeito ocorre co tema das empresas. Pero neste caso, a diferenza do que ocorre cos particulares, o permiso é outorgado por institucións, e as consecuencias sufridas polas persoas. E si, hai persoas ó mando das institucións, pero non son (non teñen por que) as mesmas que as que sofren as consecuencias. Nin teñen os mesmo intereses nin posibilidades. Nin consideracións. E daí ven o conflito. Na mina de ouro de Tapia ocorre tal como así: un conflito de intereses no que unha cúpula política tenta dar para adiante un proyecto sen estudos de impacto adecuados, por exemplo. Unha cúpula que está máis ou menos ben relacionada co mundo empresarial, aquel que pode sacar beneficios da acción. Doutra beira, xente de a pé, á que lle tocan máis ben os perxuízos. Dunha beira, xente relacionada cos medios e influínte neles, doutra, xente que recibe os medios: isa é a súa relación con eles. E así poderíamos seguir. En Tapia de Casariego ou Corcoesto, pero tamén en lugares tan lonxe como Nova Guinea ou Bolivia.
Somos humanos, e polo tanto imperfectos, e variados, moi variados, mesmo variables. Por iso é previsible que siga a haber enfrontamentos en temas coma iste. Pero sería desexable que as 'armas' usadas non foran trampulleiras, que a información fora veraz e completa, transparente, que non se fixeran promesas de postos de traballo irrealizables á vista doutros casos ó tempo que se escamotea a destrución resultante, tamén á vista deles ... e é que si, para vivir, temos que interactuar coa Terra e modificala, pero se nos pasamos, entón tampouco poderemos vivir. Aínda que os últimos en caer sexan os que teñen cartos para poder protexerse algo (non moito) máis.

20140127

De economía

Din que a economía, como verba, ven da 'xestión da casa'. A semana pasada sóubose que a xestión da casa Ribadeo tiña algo que non concorda. É dicir, neste caso, algo co que non está en acordo intervención. Non coñecendo exactamente os impedimentos postos para o pago 'do 40% do persoal' pola intervención (cousas quizáis por non ir ó pleno), temos que quedarnos provisionalmente coa versión do alcalde que difunden os medios: "Tal e como é a estrutura do Concello dende fai vinte anos, para cumprir todo o que di o interventor habería que botar á rúa a un 40% dos traballadores, dado que moitos están dende fai moitos anos en situación de indefinidos pero sen praza. Según di o interventor, habería que eliminar os contratos e indemnizalos, pero a praza non se podería convocar porque a lei non o permite, de modo que perderiamos ao traballador e o servizo, como pode ser o de axuda a domicilio ou o de limpeza de rúas. Estamos traballando nos reparos, pero é difícil"
Si, xa sei que é difícil opinar así, pero, ti, que opinas? Cousa de lei, cousa de xusticia, cousa de política ...?
E mentras non se coñecen máis datos, a lembrar que hoxe hai unha concentración en Burela a favor da sanidade mariñá ...

20140124

Especulando

Onte houbo pleno. E pregúntome, quen o poderá contar dun xeito obxectivo estando interesado polos temas do pobo? Cánta xente iría?
A atracción dos plenos segue coma sempre, desaparecida (feita desaparecer) coas excepcións de intereses particulares ou gremiais (particulares dun pequeno conxunto)
De novo, o salón de plenos recibiu un tratamento de temas públicos cunha forma de tema privado, por moito que a lei permita (máis que apoie) a participación da xente nas súas -nosas-cousas.
Agora é cousa de especular sobre o tratado e cómo foi tratado: Chismorrea como súbdito o que non soubeches atender como cidadán.

20140123

cousas de Ribadeo: pleno, anuncio, feira, voto partido ... e vidrieiras

Hoxe xoves, pleno. Entereime onte pola mañá a traverso dun xornal e fun á web do concello en procura de máis información. En vano, pois atopo a nota de prensa dos medios, pero atopo pinceladas, sen unha orde do día. Reproduzo o que alí puñia:
"
SERÁ A PARTIRES DAS 20 HORAS

O xoves haberá pleno

21/01/2014
Na sesión someteránse a aprobación varias ordenanzas co obxectivo de fomentar a igualdade entre os nenos e nenas de familias en situacións económicas desfavorables e para axudarlles tamén ás familias que estean en situación de emerxencia social ou urxente necesidade. A lei do aborto estará presente no debate de dúas mocións.
O vindeiro xoves, 23 de xaneiro, haberá pleno ordinario no Concello de Ribadeo a partires das 20 horas. Entre os asuntos que se someterán a aprobación figura: a ordenanza reguladoras das bases de acceso ás prestacións económicas para familias do concello de Ribadeo en situación de emerxencia social ou urxente necesidade; a ordenanza reguladora para facilitar o acceso ás actividades dirixidas a menores, organizadas polo Concello, pertencentes a familias de Ribadeo en situacións económicas desfavorables; e a ordenanza reguladoras de axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. No pleno debatiránse dúas mocións sobre a lei do aborto, unha presentada polo BNG e outra polo PSG-PSOE.
"
É dicir, as novas para o pleno de hoxe mesmo ... aínda deficiente: 'entre os asuntos (...)', co que non se sabe nin o conxunto 'dos asuntos' nin a formulación precisa dos citados.
No xornal, con motivo de Fitur, extra de anuncio en páxinas centrais. Ribadeo non aparece como anuncio, e está case desaparecido do especial da Mariña, aínda que queda o obrigado de As catedrais. O certo é que non me parece mal: os batiburrillos de anuncios edulcorados periódicos da comarca en distribución na propia zona non creo que sexan moi efectivos para os supostos fins que se pretenden.
E é que este ano a feira de turismo vai notar unha pequena lagoa de visitantes 'oficiais' ribadenses, segundo parece. Pe pronto, hoxe, día de presentación do vídeo feito co cuadricóptero (algo así como o 'día grande da Mariña en Fitur'), hai pleno, co que ... A interpretación, quizáis haxa que procurala no manexo mancomunitario coa voz cantante do PP, aínda que ... calquera sabe.
E no pleno de hoxe, o voto partido. Voto partido dentro do PP, que deixando liberdade de voto na moción para presionar ó goberno do estado sobre a lei do aborto, convírtese en nova non só a nivel comarcal-Mariña, senón a nivel galego, aínda que non é a primeira volta que pasa. Co actual xeito de manexo 'democrático', é interpretado como unha fractura no PP ribadense. E aínda que coido que en circunstancias dunha democracia normal sería algo usual, non unha nova, nas actuais circunstancias o normal é consideralo como froito de que algo non vai ben no PP ribadense.
E as vidrieiras. Onte, un enterro fixo que recibira unha chamada: as vidrieiras estánse a repoñer na capela dlo cemiterio. Exposición? Non. Recabo información, e dínme que os técnicos din que están ben. O pobo non saberá, vistas a distancia, máis que a opinión 'dos técnicos', 'unha marabilla'. Adeus a unha oportunidade de coñecer máis a historia de Ribadeo, de apreciar de preto unha parte do seu arte, de exercer de pobo. Contestación do escrito pedindo a exposición? Tampouco.

20140121

Facendo propaganda de Ribadeo

Comeza xa Fitur. Por alí se pasará diferente xente de Ribadeo. Como preparativo, sae hoxe no xornal a concesión da Q de calidade ó Hotel O Cabazo. E días antes, a páxina/iniciativa Ribadeo Birding anunciou a súa candidatura ós premios afiprodel, votables en internet (coma quen di, xa sabedes), algo que foi apoiado por unha entrevista onte en El Progreso a Enrique Sampedro, promotor do blog Ría de Ribadeo.
E máis. Ribadeo segue, coa insignia da praia máis famosa de España, pero diversificando e tentando abrirse paso en turismo ou cultura, sen esquecer outras cousas como a consecución de servizos -a punto de abrirse o último tramo da autovía do Cantábrico, a residencia, ... - (por certo, tamén aparecen hoxe os nomeamentos de dúas persoas relacionadas con Ribadeo para a Fundación Galicia Sempre)