20131129

Residencia de maiores, obxectivo conseguido!

O resume sería o título: Onte ás catro da tarde foi a nova, que xa está hoxe nos medios (por exemplo, aquí e aquí)e onte pola tarde saltou ás redes sociais a partires da publicación da nota de prensa na páxina web do concello. A partires de aí, o comentario.
Vai para dous anos que xurdiu a iniciativa de xeito organizado, constituíndose a comisión veciñal integrada polas dúas persoas que se puxero en contacto con José María Rodríguez, que quedou presidente do grupo, José Ángel Salvatierra, como representante da AVV de Vilaosende, e eu, como representante de O Tesón, a encargada de xuntar de xeito inicial ás asociacións para poñer en marcha o tema. Dende entón, unha multitudinaria manifestación, a constitución dun grupo no concello, o apoio e traballo do alcalde, a unión de Ribadeo sen distinción de partido, os atrasos provintes da Xunta e a visión da Deputación, ... foron sumando fitos ata chegar á actualidade. Unha actualidade que supera as previsións de prazos dun xeito satisfactorio.

E a actualidade é que a Deputación asumirá hoxe nominalmente todo o gasto necesario para chegar ó orzamento total da residencia: dos 2,3M€ previstos, e tras o apunte da Xunta de que chegaba (e paraba) en 0,5M€, a Deputación poñerá 1,8M€ en catro anualidades, co que o concello terá que asumir só os flecos que vaian quedando.

A lectura é que a Deputación lle meteu un gol á Xunta na portería de Ribadeo, gol que a bon seguro será aproveitado pola forza política dominante no concello, habida conta de que cara ás próximas eleccións a construción debera estar abondo adiantada.
Pero non se trata deso, senón de observar que a unión fai a forza, e aínda cos seus máis e os seus menos, José María Rodríguez liderou un movemento no que a unidade foi esencial e no que a forza veciñal se ten manifestado de xeito contundente. De agora en diante, a comisión veciñal, sen poder executivo, irá deixando paso ás institucións para o desenvolvemento e dirección que deban de tomar as obras ou a xestión. Coido que así debe ser, tendo unha visión de coidado dende un segundo plano despois dun longo e fructífero camiño.
De seguro voltaremos a escoitar da residencia, pero o fito está xa: Ribadeo terá unha nova residencia de anciáns.

20131127

Un nome para o IES de Ribadeo

Pouco a pouco van trascendendo nomes propostos para o case recén creado IES de Ribadeo. Abriuse o proceso hai un par de semanas, e ata o 30 estará aberta a posibilidade de facer propostas, que votará o Consello Escolar para logo propoñerllo á Xunta, que será quen llo poña efectivamente (e que podería dar a sorpresa de poñerlle outro diferente do porposto polo Consello)
Ata agora, van trascendendo algúns nomes propostos para a votación:
IES ría de Ribadeo
IES Dionisio Gamallo Fierros
IES de Ribadeo
IES Sonia Castedo
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
Nomes que poderían aumentar e posiblemente a estas horas teñan aumentado.
Particularmente, gustaríame que quedara IES de Ribadeo, ó fin, o nome actual, pero como non creo que pase por vez, propuxen IES ría de Ribadeo, un topónimo que estimo que necesita axuda e daría persoalidade ó centro educativo.
En canto a IES Dionisio Gamallo Fierros, xa comentei en 'Curioso' do apoio institucional do concello a un nome que xa houbo e que podería confundir dous centros diferentes.
En canto a IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, tenta conxugar un apoio político coa realidade actual diferenciando así o centro do anterior e extinto que foi o Carlos María Rodríguez de Valcárcel a maioría de tempo da súa existencia.
IES Sonia Castedo, argumentado ou non (as propostas deben ir argumentadas) paréceme unha mofa do proceso de poñerlle un nome de persoa, aínda que, tal como están os tempos ...
Como agora só podería poñer os argumentos que empreguei eu, deixarei rematar o prazo para expoñelos, polo que, en breves datas, haberá outro artigo sobre o tema.
E ti, que opinas? Que nome te gostaría que tivera? Consideras que o nome ten trascendencia ou és dos que opina que os demáis poden tomar o control das palabras, ó estilo do 'que inventen ellos'?

20131126

Nubes, Sol, tempo

Unha foto de onte e dúas de hoxe, todas de primeira hora da mañá, co Sol  saíndo polo leste como corresponde, e tinguindo as nubes que o reflicten.

Expoñer, expoñendo, expóñense, ...

Unha semana. Iso é o que dista o artigo anterior. O tema, non tanto: en parte é o mesmo, as vidrieiras da capela do cemiterio.
O caso é que da entrada anterior a ista apareceu a nova nos xornais: as vidrieiras da capela do cemiterio estarían próximas a ser dispostas de novo no seu lugar, segundo o alcalde.

Ben, e digo eu, por que non aproveitar que aínda non o están para organizar unha exposición na que se podan apreciar máis de preto, valorar as súas características, e con elo un anaco da historia de Ribadeo? Expoñéndoas poderá polo menos sacarse algo positivo da historia do seu aniquilamento anterior. Unha historia, polo que parece, sen culpables, algo que soa xa a ista época na que vivimos.
Non se expoñen os cargos electos ó facer unha exposición da vidrieiras. Aí está o espazo do antigo Alginatos para 'poñer en valor' as vidrieiras e 'poñerse en valor' el mesmo con elas. Resaltaría o contraste do seu oco no cemiterio, e ademáis, sería algo de aplaudir a boa xestión do concello nesa parte do tema (sobre culpabilidade, xa é outra cousa) se están restauradas 'como Deus manda'. Evidentemente, se non o están, sinxelamente, non deberan de colocarse no seu sitio ata que non o esteñan.

20131119

Algo máis sobre o pleno do 15

Pouco a pouco van chegándome máis informacións sobre o pleno do pasado día 15. Unha, aclaraba que houbo unha cuestión de urxencia para -de novo- ordear que se puxera o nome de Dionisio Gamallo ó novo centro. Cabe lembrar a este respecto, que mentras a corporación non se preocupou demasiado do parto do novo centro de medias, o IES de Ribadeo, xa hai un ano que apremio a que se lle puxera o nome que xa usaba a última época un dos IES anteriores, o que, ó meu ver, non fará máis que crear confusión. Aposto por deixarlle o nome que xa ten na actualidade: IES de Ribadeo, ou, en caso de que 'iso' pareza que non é nome, que quede como 'IES ría de Ribadeo', como xa o fixen saber. En fin, case seguro que o do nome volve aparecer por algures no blog antes da votación definitiva (que conste que o nome propónse polo Consello Escolar, pero quen o pon é a Xunta, o que podería dar lugar a sorpresas)
Outra, daba fe de que as preguntas de O Tesón si foron tratadas.
Polo que parece, o canón segue sen saberse onde está, tres anos despois de que O Tesón preguntara por el e que o alcalde quedara en enterarse. Entre alusións ó seu pouco valor, parece que podería estar mesmo nalgún almacén do concello ...
En canto ás vidrieiras, polo que parece estánse a reparar. Polo momento, non sei máis datos sobre o tema, dubidando sobre unha reparación tan axustada de prezo como resultaría do pago do seguro.
Como en ambos casos a información me chega de xeito oral, continuará ...

Retorno a antes do pasado venres 15

Só unhas verbas para amosar un retorno ó pasado anterior ó pleno do venres 15:
Aínda que sexa testimonial, dicir que se pode agrandar premendo co rato sobre a imaxe, para ler...
A sinatura está con 12 de novembro. Ese mesmo día pasei polo concello despois de media mañá e non estaba colgado á hora que pasei, pois mirei de xeito específico para a súa procura. O pleno foi o 15. Por poñer un exemplo, as preguntas que se fan ó pleno por parte das asociacións necesitan estar 48 horas antes dos plenos coa entrada do concello ...
Que cada quen saque as súas conclusións.

Ciclo de cine - Festival Habitarte

Cando vin os carteis o primeiro que pensei: mágoa, non vou poder asistir!

V FESTIVAL HABITARTE de CINE SOStible
“CREANDO RESISTENCIAS”

Teatro de Ribadeo -  22 e 23  de Novembro do 2013
Organizan LA CASA AZUL – O FORMIGUEIRO – AMARANTE
Colabora CONCELLO DE RIBADEO

La Casa Azul, O Formigueiro e Amarante son organizacións sen ánimo de
lucro que desenvolven a súa actividade entre o Noroccidente de Asturies
e A Mariña lucense, na defensa dun mundo rural sustentable e dun
desenvolvemento máis xusto e humán.

Coa intención de reforzar a cooperación, unen as súas enerxías neste V
festival HABITARTE de cine SOStible que a Casa Azul vén celebrando hai
cinco anos en Asturies.

Nesta edición, o lema que vincula as obras a proxectar é o de “Creando
resistencias”. Animamos sen reparo á crítica construtiva, á creación de
propostas e desenvolvemento de experiencias alternativas que superen a
crise actual de valores, ecolóxica, sociocultural, política e económica.
Valla como botón de mostra este encontro de cine que une a tres
colectivos amigos dispostos a traballar xuntos.

Queremos facer visíbeis, máis unha vez, as distintas miradas e
realidades sobre esta paisaxe e hábitat no que vivir, convivir e
sobrevivir. Miradas sensíbeis feitas cine por creadoras e creadores
locais, rexionais e internacionais. Unha aposta na defensa dun
patrimonio rural e natural, cultural e social, económico ou artístico,
que consideramos imprescindível compartir, conservar e mellorar.

Crear resistencias non é unha utopía senón a demostración real de que
outros mundos son, sen dúbida, posíbeis, aquí perto, en territorios
irmáns e entre comunidades máis lonxanas. Esta é a nosa modesta
aportación a unha loita chea de esperanzas e oportunidades.

Deixemos o pesimismo para tempos mellores. Cando as cousas se poñen
difíciles, o optimismo convértese case nun deber moral. É a intelixencia
decidida a determinar o futuro. Non é só un sentimento, senón unha
maneira de mirar e de actuar ante a vida.

Esta é, por tanto, unha iniciativa aberta a todos os públicos, para oir
todas as voces, recoller todas as propostas e unir todos os esforzos na
defensa do noso mundo e a nosa cultura. Desde aquí, animámosvos a
participar e colaborar polo éxito deste fascinante encontro.
Agradecémosvos de antemán que lle deades toda a difusión posível.
Sentídevos na vosa casa azul neste V Festival HABITARTE.

Agardámosvos

* ACHEGAMOS O PROGRAMA DO FESTIVAL E O CARTAZ

VENRES, 22 de Novembro

19:00 h

Curtametraxe:
“BUT I'M A NICE GUY” (Pero se son un bo rapaz) (40”). Scott Benson
Curtametraxe:
“LIBRE” (4’ 23”). Joaquin Oristrell
Documentario:
“A LA DERIVA, POR LOS CIRCUITOS DE LA PRECARIEDAD FEMENINA” (Á deriva, polos circuitos da precariedade feminina) (50’). Precarias a la Deriva

Coloquio

21:00 h

Curtametraxe:
“EL ATAQUE DE LOS ROBOTS DE NEBULOSA 5” (O ataque dos robots de
nebulosa 5)(6’ 30”). Chema García Iglesias
Filme:
“HOME” (Lar, doce lar) (98'). Ursula Meier

SÁBADO, 23 de Novembro

19:00 h

Documentrailer
“CONTUBERNIOS LÍRICOS: X EDICIÓNS REXISTIENDO” (Contubernios líricos: X edicións resistindo (10’). J.K. Álvarez
Documentario
“2 ANOS MADREÑEANDO EN OVIEDO” (2 años madreñeando en Oviedo) (10’).
C.S.O.A.  La Madreña.
Documentario:
“LOS COLORES DEL VIENTO” (As cores do vento) (40’). Iván Menéndez

Coloquio coas/cos realizadoras/es

21:00 h

Curtametraxe:
“THE TREE” (A árbore, o poder da actitude) (2' 32”).  Lead India
Filme documental:
“SEMILLAS DE TRANSICIÓN, LA VOZ DEL VIENTO” (Sementes de transición, a voz do vento)  (92'). Carlos Pons

20131118

Pleno ordinario de venres 15 ...

Remato de ver polo corpo dunha nova de propaganda (blog do concello) que o venres debeu haber pleno [nota: de propaganda, pois foi usada para dar bombo a que se vai cobrar máis ós bancos, cando si, se vai cobrar máis, pero evidentemente, a cantidade non vai solucionar problemas de tesourería do concello]. 
Nun xornal da semana pasada, en papel e na web, referido á mesma nova, o pleno era situado hoxe luns. Nos xornais, esta fin de semana, novas sobre Ribadeo, pero aparentemente, non sobre un pleno. A mesma semana pasada falaba precisamente da participación cidadá, das posibilidades en Ribadeo, da información dispoñible ... O salteado dos plenos, despois de ser fixos en luns dende había tempo, introduce aínda máis volatilidade na participación da xente, curiosamente despois de varios chamamentos dende a mesma alcaldía á participación de público para apoiar algún tema concreto.
O Tesón tiña 'para o próximo pleno' algunhas preguntas:
"
1. Tendo pasado xa longo tempo dende a concesión xudicial dunha cantidade ó Concello con motivo do esnaquizamento das vidrieiras da capela do cemiterio, e continuando a nosa pregunta do pleno de 21 de maio, solicitamos coñecer que se fixo con ditos cartos e que se está a facer para repoñer as vidrieiras ó seu estado inicial.
2. Tendo xa pasado longo tempo dende o 20 de setembro de 2010 no que a asociación realizou unha pregunta sobre a devolución a Ribadeo do canón lanzacabos doado pola armada norteamericana, á que se nos respostou que se procuraría información para no seu caso facer as xestións para a súa restitución, solicitamos coñecer as xestións realizadas nestes tres anos e os seus resultados.
"
Se se fixo venres, haberá que facer a petición por escrito de novo para tentar lograr respostas: seguindo outra tradición, non creo que foran respondidas 'por non haber ninguén'. Haberá que enterarse. Se non se fixo, ...
Mentras, as vidrieiras seguen sen estar, e o canón, de viaxe.