20131113

O anticuado coñécete a ti mesmo

Os gregos estarían marabillados: coñécete a ti mesmo? Non é necesario facer un esforzo de coñecemento propio! Xa está a NSA e compañía (incluídos Google ou Amazon) facendo iso por nós. Chega dicir: 'Por favor, NSA, como son?', ou 'Google, dime que crees que debo mercar'. E tes unha resposta cuasi determinista do que tes que mercar (que te faiga falta tamén cho podería dicir, pero para que) ou se podes ter remordementos por votar a un determinado partido (de novo, que debas ou non, iso non importa)
Para algo estamos a asinar a diario unha deixación de información na rede, delegando o noso poder. Si, por ise principio que nos di que información é poder.
Que deberamos preocuparnos por toda isa info que deixamos? Non, ho, non, xa nos van dicindo se facemos algo mal, e así poden corrixirnos mellor, ou se podemos pretender facer no futuro algo que non cadra co que se espera de nós, e o noso gran irmán particular (particular para cada un, pero máis ou menos para todos o mesmo) axudaranos a tomar a decisión idónea ou daranos un toque de atención.
Que molestia iso da privacidade! Mellor, a privacidade compartida. Así, a Grande Maruxa presenta asemade grandes ventaxas sobre as maruxas que van de contacontos polo mundo adiante. Boeno, case mellor, ían: hoxe as redes sociais fan que nós mesmos contemos os contos e que as pequenas maruxas se atopen sen ese elemento fundamental do descubrimento de algo segredo para que a súa mensaxe teña o impacto necesario. Hoxe, xa nós procuramos ise impacto no que deixamos aquí e aló na rede.
Para que queremos unha rede neutra? A rede, ó servizo de quen a traballa! E niso, son especialistas as grandes empresas baseadas en internet ou os modernos servizos de espionaxe intelixencia. Deixemoslles a eles que manexen a rede. Para nós, a diversión e a tranquilidade de quen se sinte protexido dos malvados no acubillo do gran irmán.
Que ben se está adormecido polo runrun das máquinas sabendo que controlan a túa vida!

20131112

Unha aduana reducida a edificio: a aduana de Ribadeo

A aduana ten unha función. En Ribadeo, tiña. Onte mesmo indaguei sobre unha nova aparecida nos xornais hai cousa de vinte días, segundo a que a asociación Atalaia reclamaba un apoio ó mantemento da aduana. O cambio de estatuto, a eliminación da aduana de Ribadeo, ven de hai xa dous meses, no BOE de 11 de setembro.
Copio os dous 'plumazos' cos que se despacha a aduana ribadense en dito BOE, sen previo aviso:
"Resolución de 5 de septiembre de 2013, de la Presidencia de la Agencia Estatal de Administración Tributaria, por la que se modifican la de 28 de julio de 1998, por la que se estructuran los Servicios de Aduanas e Impuestos Especiales dependientes de las Delegaciones Especiales y Delegaciones de la Agencia Estatal de Administración Tributaria, y la de 21 de septiembre de 2004, por la que se establece la estructura y organización territorial de la Agencia Estatal de Administración Tributaria.
(...)
Con idéntica finalidad, procede en estos momentos reorganizar las Administraciones de Aduanas e Impuestos Especiales manteniendo el máximo nivel de servicio de despacho aduanero de mercancías en todo el territorio nacional. Así, se suprimen las Administraciones de Aduanas e Impuestos Especiales con menor tráfico de mercancías, pasando a integrarse los recintos aduaneros de ellas dependientes en las Dependencias Regionales o Dependencias de Aduanas e Impuestos Especiales correspondientes, que continuarán prestando el servicio de despacho aduanero de las mercancías que se canalicen a través de los mismos. En particular, se suprimen las Administraciones de Aduanas e Impuestos Especiales de Palamós (Delegación de Girona), San Carles de la Rápita (Delegación de Tarragona), Ribadeo (Delegación de Lugo), Pasaia (Delegación de Guipuzkoa) y Gandía (Delegación Especial de Valencia).
(...)
Disposición adicional primera. Supresión de órganos.

Quedan suprimidas las Administraciones de Aduanas e Impuestos Especiales de Barcelona-Marítima y de Barcelona-Carretera, de la Delegación Especial de Cataluña; del Aeropuerto de Palma de Mallorca, de la Delegación Especial de Illes Balears; de Palamós, de la Delegación de Girona; de San Carles de la Rápita, de la Delegación de Tarragona; de Ribadeo, de la Delegación de Lugo; de Pasaia, de la Delegación de Guipuzkoa y de Gandía, de la Delegación Especial de Valencia.
"
Finalidade? A resposta está clara, como non podería ser doutro xeito... Copio de novo:
"(...) la búsqueda de la mayor eficacia y eficiencia posible, junto con la optimización y racionalización de los recursos disponibles, "
E, que pasa co traballo que se realizaba en Ribadeo? Pois:
"(...) suprimiendo las doce Delegaciones de la Agencia Tributaria existentes en las provincias donde tienen su sede las correspondientes Delegaciones Especiales, en las cuales pasa a quedar integrada la estructura orgánica
de aquellas
É dicir, as súas funcións pasan á 'Delegación especial'. Ribadeo non debía ser especial, a parte de non ter tal título.
Agora, o edificio queda polo momento coas oficinas que dan cobertura á lancha de aduanas, aínda que sigan os funcionarios das oficinas suprimidas operando dende alí mismo a traverso de internet, pero figurando xa como destinados lonxe.
Así pois, a situación xa está consumada de golpe e porrazo e sen previo aviso hai dous meses, aínda que dende o exterior polo momento non se note moito por unha situación que, unha volta aparecido o cambio no BOE, xa é ata anómala en relación ó que debera ser.
Ribadeo ten perdido unha instancia oficial máis. E agora, que? A esperar a próxima?

20131111

Filipinas, + 10 000 mortos

Pouco sei da catástrofe natural que deixou en Filipinas máis de dez mil mortos. só escribo unhas verbas por dúas cousas que, quizáis ante a magnitude do número, os medios non destacaron.
A primeira, que co cambio climático ventos desa magnitude serán máis probables, e polo tanto, as posibilidades de catástrofe aumentarán ano tras ano. Un efecto máis do cambio que nos negamos, como humanidade, a tentar parar sabendo que ten unha compoñente de intervención humana (a fundamental, segundo a opinión xeraliada dos expertos, pero aínda que así non fora).
A segunda, que está amosado que unha preparación para as catástrofes diminúe o número de mortos, e isa preparación depende dos medios adicados, e polo tanto, das políticas empregadas. Sí, as políticas matan, como o estamos a ver en España cando nos din que o ano pasado a esperanza de vida diminuiu por primeira vez dende a guerra. Si, as políticas poden mesmo enmendar a plana á natureza e corrixila e dicirlle algo así como 'non, non te vas levar dez mil, confórmate con dez' ... pero para iso son necesarios recursos: telos e aplicalos. O de telos, depende non só da posibilidade de xeración, senón da aplicación desa posibilidade: a todos nos gusta pagar menos impostos, pero debemos ter en conta que menos impostos implican menos recursos. E aplicalos, depende das decisións da xestión: ó mellor preferimos empregalos en conseguir un edificio monstro sen uso, a semellanza dun panteón para loa de quen o comezou ... e é só un exemplo.

20131110

Claridade, que entre a luz!

Pásame un amigo unha nova dun boletín de CXG, pero con orixe nos xulgados. Collo os dous parágrafos que considero de máis peso:
"A semana pasada tivo lugar no Hotel Méndez Nuñez de Lugo unha rolda de prensa de Compromiso por Galicia, na que participaron o Secretario Nacional de Política Municipal da organización galeguista, Iván Marrube, e o Secretario Xeral da formación, Xoán Bascuas, onde se deu a coñecer a sentenza do Tribunal Constitucional do 26 de setembro de 2013, publicada no BOE antonte mesmo, no que recoñece o dereito de todo cidadán e de toda cidadá a acudir ás Xuntas de Goberno Local, excluídas as grandes cidades. De igual modo anunciouse a presentación de mocións en varios concellos neste sentido.
Segundo Iván Marrube, a citada sentenza “supón a maior medida de transparencia nos concellos dende fai moitos anos, e coñecendo como funcionan a maioría de alcaldes, dubido que acepten cumprir a lei”. A senteza permite o acceso público ás Xunta de Goberno Local, “a todas aquelas nas que se traten asuntos delegados polo Pleno”, de igual modo que se esixe que se publiciten “datas, horarios e contidos das mesmas”. O tamén Secretario de Política Municipal apunta que Compromiso presentará unha moción nos concellos para que os equipos de goberno “asuman de forma inmediata a sentenza do Tribunal Constitucional de 26 de setembro de 2013, e que se publicite do debido xeito por parte do Concello as datas e horarios, así como as ordes do día para posibilitar o cumprimento da mesma”, e que así a sociedade poida exercer o dereito cidadán que ten de presenzar as Xuntas de Goberno."
Collamos agora o caso Ribadeo, en tres partes.
Parte 1.
Dende o 2004 hai unha norma aprobada en pleno a raíz dunha petición da avv O Tesón para a aplicación da lei correspondente. A máis de ir ós plenos, que xa se podía 'dende sempre', pódese preguntar, sendo respondidos 'fóra do pleno' con certas limitacións. Isto da lugar a que as respostas non se recollan en acta, non se poda replicar, que como non é no pleno se teñan levantado concelleiros antes da resposta ou que quedaran sen responder durante varios plenos, entre outras casuísticas e a máis de que parece que a duración media dos plenos alongouse dende a aprobación da norma.
Parte 2.
Aínda que foi pedido repetidamente que os plenos foran debidamente anunciados, segue sendo algo complicado enterarse da data e do contidos dos mesmos e a súa importancia para a xente, o que propicia -xunto coa duración e opacidade nos mesmo plenos- que a asistencia sexa moi baixa, afondando o desapego da xente á política que nos afecta a todos pero que queda reducida a un coto pequeno. Isto leva a outras cousas, como a que determinados políticos teñan sido mestres de ocultación ou a que se confunda acción política no sentido de partido con acción de concienciación e activación da xente, pretendendo igualar no negativo (responsabilidades, 'vida pública', ...) xente con poder de decisión e remuneración con voluntarios sen poder institucional, entre outras moitas cousas. Mesmo a publicación das actas faise dun xeito totalmente irregular no tempo, a máis de farragoso e en puntos, incomprensible se non se teñen outras referenzas para a súa letura. Agora, vista a sentencia, é natural que me entre a dúbida do seu cumprimento efectivo, varios pasos máis aló do que se da en Ribadeo.
Parte 3.
Dende hai máis de un quinquenio hai pedida a realización dun regulamento de participación cidadá. Teño xa falado moitas veces del (mesmo fixen unha serie semanal na Comarca e no blog-ou aquí-), e participado en varias propostas: dunha asociación, dun conxunto, corrixindo unha proposta do concello ... ata agora non o hai, tendo en conta ademáis que tódalas propostas se quedan abondo curtas en relación ó que podería ser desenvolto, que o concello non contestou unha soa -aínda que por parte veciñal si contestou a súa-, que non atendeu a ningunha das suxerencias veciñais cando as pediu ou que a única votación realizada fora sobre un texto que ninguneaba á xente (non ás empresas)
Tendo en conta que noutros lugares (certo que en poucos) a transparencia e participación parece exemplar, agora toca levar a resolución á práctica. Dende fóra do concello, como persoa 'non pública', non se me ocorren grandes dificultades...

20131108

Do mercado e os extras: caso Ribadeo

A estas alturas, falar do mercado case presupón falar de transaccións a nivel internacional ou case. Neste caso, non. É do mercado de Ribadeo.
Hai xa algúns días saíu nos medios que o concello ía poñer máis duras as condicións para os xubilados que vendían nel. Onte saiu no xornal a última nova sobre o tema
O caso non é tanto a nova de que os xubilados van ter que ter os seus papeis en regla para poñer postos, que é algo normal (outra cousa é que poidera facerse unha norma diferente, para permitir unha entrada extra de cartos nas casas deste colectivo). O caso é que estamos ante o enfrontamento dun colectivo de traballadores do concello e o alcalde. Non é a primeira vez que sucede, habendo enfrontamentos xa antes do encargo da Relación  de Postos de Traballo do concello. Tampouco é novo que un enfrontamento xere declaracións con certas contradicións.
Neste caso, polo que parece, o alcalde emitiu unha orde que nunha situación normal entendo que non faría falta: vixiar a ilegalidade. E a orde estase a cumprir ata un punto que ó alcalde parécelle que hai un exceso de celo.
Ó final, resulta que o alcalde reclama igual celo para o conxunto de actuacións do colectivo (e ontes vin tomar nota de coches aparcados nun sitio indebido no que non vía tal dende hai tempo) mentras aclara 'é unha orde que non din, pero a policía está cumprindo o seu deber'. É dicir, actuando como político e non como técnico, o que lle corresponde á policía. Do mesmo actúa cando di que non lle quedará máis remedio que tramitar as denuncias que lle eleva a policía local polo tema, algo que leva facendo mes e medio e que pode que esteña no seu poder, pero que introduce unha graciabilidade política que fai que tamén se lle poidera aplicar ó alcalde o de igual celo para tódalas cousas. En caso contrario, entrariamos (estariamos) nunha discriminación política debida a ... e o 'debido a' pode ser calquera cousa, a convir, e entrar nunha situación desas que están facendo que a confianza nos políticos esteña en mínimos.
A discrecionalidade política ... coido que é preferible que a discrecionalidade se empregue en facer normas para todos (un pouco máis para acó ou para aló, pero para todos) en troques de interpretacións de normas á medida (a parte do 'un pouco máis acó ou aló', agora si, agora non), que poderán ser avaladas polos xuíces pero que en calquera caso poden arrastrar un déficit de ética e unha discriminación por comparación.
E a eficiencia funcionarial... algo do que se leva escrito tinta e tinta dende antes de Larra e que, como en calquera outro corpo laboral ou social, depende das persoas concretas, aínda que haxa corpos máis contaminados e outros máis sanos. E atacalo en conxunto ás veces supón esquecerse dese detalle: o corpo social está composto de persoas, de humanos, que actuamos de xeito individual.
Así pois, en ámbolos casos, humanos, pero que sexan cousas humanas non quere dicir que non haxa que actuar para tentar corrixilas, poñendo cada un a súa parte. Segundo entendo, neste caso, o do mercado e os cartos extra son só a puntiña do problema.

20131106

A anormalidade dun ano máis normal

Remato de coller os datos de temperaturas e chuvia da Pedro Murias, correspondentes a onte mesmo, e de incorporalos ás gráficas.
Resulta que nas chuvias de outono, pequenas variacións en días fan grandes variacións en cantidade caída. O ano actual segue sendo o máis chuvioso do século se contamos só os días pasados. Pero choivas torrenciais caidas noutros dous anos, 2006 e 2008,entre outubro e comezos de novembro, estiveron a piques de facelo recuar á segunda posición secular. Ben, polo momento, segue en primeira, e a piques de converterse, a falta de case 1/6 de ano, no terceiro ano máis chuvioso do século. De calquera xetio, aí queda a gráfica para amosar que outubro foi seco nun ano que se tiña destacado fortemente ata entón pola sú pluviosidade, e iso dende mediados de xaneiro ...
En canto ás temperaturas, a media do que se levaba de ano sempre foi baixa, pero dende comezos da primavera, foi a máis baixa do século, destacando mesmo a comezos de verán pola súa diferenza á baixa con outros anos. Pois ben, as calores deste último par de meses elevaron a media, de tal xeito que ten xa outros dous anos a menos de 5 centésimas de grao de diferenza ... o que quere dicir, coas previsións de hoxe mesmo, que seguramente antes de que remate a semana pasará ó terceiro posto. segue a ser frío de media, pero calquera o diría coas temperaturas de outubro!
É dicir ... encamiñámonos á homologación das cifras xerais do ano coas doutros anos anteriores, pero facémolo grazas á anormalidade de temperaturas e choivas máis ben escasas no outono.

20131105

Referenza a un acto de Amarante sobre o MST en Ribadeo e Santiago

Info anterior.
Corto e pego dende o blog de O Tesón e a web de Amarante:
Diversos colectivos galegos e partidos políticos reúnense coa compañeira da Dirección Nacional do Movemento dos Sem Terra
foto_encontro_mst_compos_autora_SLGAMARANTE Setem coordinou a pasada semana a visita na Galicia da compañeira Kelli Mafort, da Dirección Nacional do MST e coordinadora nacional do Sector de Xénero.
Esta visita enmárcase nunha xira europea para reunirse con outros comités de apoio ao MST, así como con colectivos sociais, partidos políticos e sindicatos. O obxectivo é informar sobre a situación do MST, o estado da reforma agraria popular e a preparación do VI Congreso Nacional que se celebrará en Brasilia en febreiro de 2014. Ademais, o MST pretende tamén identificar loitas e resistencias presentes en Europa, coñecelas e establecer alianzas.

Entre os encontros, a compañeira mantivo reunións con membros de AGE e o BNG no Parlamento para tratar distintos temas, entre eles, a loita contra os agrotóxicos. Co Sindicato Labrego Galego, membro tamén da Vía Campesina, a conversa xirou en torno a reforma agraria popular e as relacións entre campo e cidade.
Ademais, Mafort traballou con Amarante no vindeiro encontro de comités europeos, que terá lugar en outubro de 2014 en Galicia, coordinado tamén por Amarante.
Durante a súa visita, Mafort relatou como continúa a loita do MST contra o neoliberalismo no Brasil, expresado nunha economía baseada na exportación de commodities agrícolas, que imposibilita o desenvolvemento do campo como produtor de alimentos. Nesta loita pola soberanía alimentar, o MST ten claro que son esenciais as relacións campo-urbano, pois nun país só cun 14% de poboación rural, é preciso que sexan as persoas que residen en cidades as que teñan que implicarse tamén na defensa da terra fronte ao agronegocio.
Neste sentido, é interesante saber que no interior do Brasil, numerosas persoas que participaron nas protestas de xuño contra a copa confederacións, están achegándose ao MST para continuar a resistencia agora en proxectos máis concretos, neste momento en que a onda de manifestacións se encontra nunha fase de menor intensidade.
Kelli tamén nos falou da importancia do sector de xénero no MST, grazas ao que se conseguiu paridade total na formación e nos espazos de decisión. Sen embargo, a loita continúa por conseguir que as condicións de participación sexan realmente equitativas. As compañeiras continúan dando relevancia a dúas datas significativas a nivel mundial, o 25 de novembro e o 8 de marzo, data esta última que, desde o 2006, é dedicada á loita das mulleres co foco nas grandes transnacionais cuxas políticas e accións repercuten fortemente sobre as mulleres.
Os encontros con colectivos resultaron en interesantes debates sobre todas estas cuestións.
En Compostela, estiveron presentes organizacións como o SLG, Contraminacción, Verdegaia e a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda (PACD-Gz) para tratar diversos temas, con especial protagonismo da defensa da terra fronte ás grandes multinacionais, sexa o agronegocio no Brasil ou empresas mineiras aquí. Así mesmo, debateuse sobre as relacións rural-urbano e o xurdimento de movementos como o 15M ou as protestas de xuño no Brasil.

En Ribadeo, a reunión con colectivos xirou en torno ao despoboamento do rural, cuestión común a ambas realidades, mesmo que a distribución da terra sexa tan diferente. Como contrarrestar isto desde unha resistencia colectiva dominou o debate que tivo lugar entre Mafort e membros da asociación O Tesón, iniciativas como Estruga ou O Amodiño, o proxecto de cooperación social O Formigueiro, o grupo de consumo As Grelas, labregas da zona, o Observatorio da Mariña pola Igualdade e a Casa Azul de Occidente.

Desde AMARANTE Setem continuaremos traballando co MST en estratexias de apoio mutuo, ás que esperamos queiran sumarse outros colectivos.

Vento, ondas, paz

Polo momento, parece que o vento calmou. Non estaba calmo antes da fin de semana, cando tomei algunha fotos na punta da Cruz ás ondas, a escume, ó faro da illa Pancha sobrepasado polas ondas. E tamén, pouco despois, en terreos do antigo complexo de Benquerencia, o arco da vella.