20110930

Sobre o verán en setembro

Levamos un verán raro, e un mes raro. A Pedro Murias ten un rexistro de temperatura máxima de onte de 29,8ºC na súa estación automática. Isto fai que o mes actual sexa xa o setembro con temperaturas máximas máis altas do século, se ben a media máis alta lévaa polo momento o 2006. En canto ás temperaturas dentro do ano, vese que a lectura de onte é a máis alta, ainda que a media queda polo momento unha décima máis baixa que a do mes pasado (xa veremos que ocorre coa temperatura de hoxe)
Relación de temperaturas medias e máximas do mes, nos meses de 2011 ata o momento

Temperaturas máximas dos días de setembro do século

Temperaturas medias dos días de setembro do século

Temperaturas máximas dos días de setembro do século e media das máximas

Temperaturas medias dos días de setembro do século e media xeral

20110929

Patrimonio Municipal I -Artigo de Evaristo Lombardero-

PATRIMONIO MUNICIPAL I

No pleno municipal de Ribadeo do pasado 19 de setembro, entre outros asuntos, tratouse a solicitud da Comunidade do Monte Cordal de As Anzas que pretende a devolución dunha parcela onde se atopa a antiga escola, pechada dende hai moitos anos, que actualmente presta algúns servicios sociais e culturais aos veciños de As Anzas e mais a outros colectivos do concello (grupos musicais). O Sr. Alcalde e mais os grupos da oposición xa deron conta deste asunto aos medios de comunicación, pero, dende o meu punto de vista, expuxérono dun xeito excesivamente sinxelo e coido que exixe un análisis mais amplio.
Véxamos, xa que logo, os antecedentes da cuestión.
1º Dende tempo inmemorial os veciños de As Anzas utilizaron o seu monte comunal para rozas, leña, pastos etc. A partir do ano 1.948 a dictadura do Generalísimo Franco prohibiu o uso do monte aos veciños e o Patrimonio Forestal prantouno de piñeiros. O rexime de Franco expoliou miles de hectáreas de monte veciñal e deu a sua xestión aos concellos, diputacións e Patrimonio Forestal. A política do réximen consistía en prantar especies de crecemento rápido (piñeiro, eucalipto) sen recoñecer os dereitos dos veciños, cuxa propiedade se negaba en base á falla de entidade xurídica da parroquia, barrio, lugar etc. Ao longo de toda Galicia houbo infinidade de protestas, “resoltas” a culatazos, multas e alguna vez a tiro limpio. Un rapaz foi baleado e morto en Mazaricos no 1.962. A cotío as brigadas da forestal eran reforzadas polas “brigadillas” da garda civil para plantar os montes a punta de metralleta. Folga suliñar que os alcaldes, concellais, funcionarios, deputados provinciais, etc. tiñan clarísimo que o monte era “patrimonio” dos concellos, deputacións ou da forestal.
2º Neste contexto, nos anos 1.958-59 construiuse a escola de As Anzas nun anaco do monte comunal, que funcionou ate a apertura de Grupo Escolar de Ribadeo, nos anos setenta. Recentemente fíxose algunha pequena obra de conservación e presta algúns servicios que xa comentamos mais adiante.
3º No ano 1.975 o concello de Ribadeo inscribiu no Rexistro da Propiedade a parcela ao remate da concentración parcelaria. Compre suliñar, para os mais desinformados, que Franco finou precisamente no mes de novembro do 75. As primeiras eleccions municipais democráticas foron no 1.979. Polo tanto o concello non comprou, nin herdou, nin adquiriu por troco a parcela devandita. Simplemente inscribiuna e dende enton pertence ao patrimonio municipal.
4º No ano 1.968 publicouse a Lei de Montes Veciñais en Man Común. Esta norma creaba a figura do monte veciñal en man común, “indivisible, intransferible, inembargable, inalienable”, recoñecia á comunidade de veciños como propietarios e creaba o Xurado Provincial de Montes como organismo encargado de avaliar a propiedade comunal da veciñanza. O regulamento de aplicación desta lei é do ano 1.970, pero non empezou a “funcionar” ata comezos dos oitenta, cando a situación sociopolítica comezou a mellorar. Miles de hectáreas de monte pasaron ás mans dos veciños en toda Galicia e Asturias. Pero os concellos e deputacións raramente colaboraron na tramitación dos expedientes. Os veciños tiveron que contratar abogados, gastar os cartiños, viaxes, etc. A democracia nacía moi coxa e moitos dos que defendían os montes comunais na oposición ao franquismo, cando tocaron poder esqueceron os proxectos de xuventude. Había que ser “realistas”, era patrimonio do concello.
De feito os montes veciñais nunca volveron a ser o que eran. Moitos particulares aproveitaron as circunstancias para inscribir predios ao seu favor e moitas comunidades veciñais, ben por non ter líderes, pola urbanización, polo envecellemento e despoboación e por non enfrontarse ao caciquismo, sempre dominante, renunciaron a recuperar o uso de moitos miles de hectáreas de monte comunal.
5.- Esta é unha historia nunca rematada, que chega ata os nosos días. Anacos de monte veciñal seguen sendo motivo de demandas, aquí e acolá. No pleno municipal do 19 de setembro de 2.011 o Sr. alcalde de Ribadeo e o seu grupo votaron en contra da solicitude dos veciños porque é “patrimonio municipal”.
En Ribadeo e perto de Ribadeo hai polos menos tres casos de restos de monte comunal que deron pe a pleitos ganados polas comunidades veciñais nos últimos anos, sempre ca oposición da Xunta e os concellos. Pero eso queda para o próximo número.
Polo de agora que lle quede claro ao Sr. alcalde e ao seu clon, patrimonio municipal si, pero herdado do franquismo.

Evaristo Lombardero Rico
Nota: Esta parte do pleno foi tratada moi brevemente no blog.
Continuación: Patrimonio Municipal II

20110928

Terrorismo

Tentar clasificar o terrorismo en diferentes tipos pode vir ben para o seu recoñecemento e identificación. Pero segue a ser terrorismo, a menos que se lle asigne un tipo concreto a algunha acción esaxerando a súa substancia para impresionar coa nova.
Hoxe por hoxe, de novo, parece que ETA está de capa caída e polo tanto, para cubrir a dose correspondente de terrorismo, a prensa estaría asignando a etiqueta de terrorismo 'financieiro' a outras accións de guante branco. E, certamente, moitas veces ocorre que é unha esaxeración. Pero non todas. O aviso or un auténtico descoñecido da próxima perda de aforros por parte de millóns de pequenos aforadores, ocorrido hai un par de días e comentado onte nos medios escritos, tenta de influenciar o mesmo que predí con motivo de ganar cartos a mesma persoa que o predí (que ó fin, é un tabeirón moi pequeno fronte a outros), traendo como consecuencias, entre outras, o aumento da fame no mundo. É dicir, miles de mortes máis ó ano. E iso é terrorismo.
Non nos rasguemos as vestiduras, pois vénse facendo dende hai tempo, se ben de xeito máis anodino, menos mediático, máis ás agachadas. O caso é que a imaxe pódese representar como un foraxido que, ante un rabaño de ovellas nun cercado, asústaas para levalas cara a unha saída onde poder roubalas mellor. Nos casos normais, os foraxidos sinxelamente as asustan; ó seu xeito, fan un traballo. Pero sempre hai algún chulo que as asusta con algo equivalente á alevosía reforzada de matonismo. A nova deu a volta ó mundo e o matón de televisión convertiuse en famoso, co que elevou o seu estatus e compensoulle o seu matonismo.
O fenómeno chega a tal punto que ata se comenta en algún foro se non será sinxelamente iso: unha especie de autopromoción. Na miña opinión, como están os tempos, non lle fai falta a compoñente de autopromoción, pois 'viña de fábrica', pero non como produto principal, senón como acompañamento.
Mentras, as ovellas, nós, prestaremos máis orellas a tipos como estes, que se convirten do día á noite en mediáticos, que ós case desaparecidos en combate medios serios: seguindo coa imaxe do foraxido, unha vez comezada a estampida das ovellas cara á saída indicada do recinto, se alguén ven opoñerse ó roubo, poderá facer que algunha ovella non saia, pero o resto rodearánno e continuarán o seu camiño cara á saída errónea, pero indicada con espanto.
Por certo, que dicir que o mundo é gobernado por Goldman Sachs, como fai iste home, non é novidade, todo o máis é unha inexactitude (pois necesita de complicidades para ese goberno), e algo que dun ou outro xeito tense visto nos xornais (dende os de papel salmón ós de papel branco) de moitas formas diferentes. O que non quita que a impresión sexa causada pola crudeza con que se di e o ampuloso desprezo (e menosprezo) dos teóricos representantes da xente, os políticos.
No medio, outras novas axudan á espantá, aínda que pretendan o contrario. Así, en Espaa onte os medios daban tamén a nova da adxudicación de letras do tesouro sen poblemas por aumento da demanda, pero a costa dun maior interese que haberá que pagar cun maior esforzo... Non, se dende que hai que coller número e facer colas nos bancos ...

20110927

Fotos de curiosidades ribadenses destes días

Obras en Mirasol para ampliación da fronte á ría de ribadeo
Ribadeo está cheo cada dous por tres, de 'últimas fotos' ou ó revés, 'primeiras lembranzas', porque para ben ou para mal, está en movemento contínuo aínda que poda parecer que non. As seis fotos de hoxe testemúñano, despois de seren tomadas todas onte.
A primeira é do comezo das obras para aliñamento da fornte de Mirasol cara á ría de Ribadeo. Á beira, unha draga destemuña que a ampliación de ancho do espolón non está soa na andanza, senón que ás obras en terra correspóndenlle tamén obras na ría.
Barreira no porto de Ribadeo
A segunda foto pode chamar a atención porque é algo que poucas veces se ten visto por aquí, unha barreira. Coido que o motivo pode verse se se fixa un na cor da auga dentro e fóra da barreira (hai unha lingua da cor de dentro da rada, onde está a draga, xurdindo á saída da dársena, aínda que o conraste na foto é pequeno)
Bloques para a ampliación de Mirasol
 Os bloques para empregar en Mirasol están facéndose  no antigo recheo dos noventa, a carón da lonxa. Por que non están en Mirasol? Pode que parte da resposta esteña dúas fotos máis abaixo. Por certo, a caixa de camión que se ve ó fondo corresponde á loita contra incendios. O que fai alí, non o sei.
O polígono, comezando a desenvoltarse
Fóra da zona do porto, o polígono industrial vai lento, peo esperemos que seguro. A primeira nave xa ten a estrutura metálica como pode verse. A que empresa corresponde, non o sei.
Mirasol como almacén de madeira
 Esta foto tamén é do porto, pero podería ser tido tomada hai un par de semanas con pouca diferenza. O último recheo de Mirasol, almacén de madeira.
A ponte, iluminada
E isto é, claro, a ponte dos Santos iluminada. Unha imaxe que coa controversia destes derradeiros tempos entre Ribadeo e Castropol polo pago da luz, pode deixar de ser habitual por un tempo.

20110925

Xelís de Toro

Xelís, nun momento dos seus movementos e expresións.
Xelís de Toro non é novo en Ribadeo. Ten participado máis dunha volta nas xornadas Mar por Medio. Onte ofreceu un anunciado como recital poético na Casa das Letras. O salón estaba ocupado por xente que escoitamos primeiro a presentación por parte de Manel, director do IES Gamallo Fierros e concelleiro polo PP. A presentación xa non foi ó uso, ambos de pé diante da mesa e relembrando non unha biografía esquemática senón un salpique biográfico entre varios puntos concretos ilustrativos de diversos momentos vitais do protagonista. Logo pasou a cousa a Xelís. O movemento ou sinxelamnte, os complementos, deixan de ser tales para converterse en parte integrante de algo que eu non chamaría poesía, senón sinxelamente actuación, sen aplicarlle dun 'de' detrás (non de teatro, no de ...). En un par de tempos foron os xestos de complemento os que levaron a pauta das verbas. Noutro, foi precisamente a falta deses xestos que deixou á palabra núa, Nutro en fin, o uso dun reprodutor que ía acumulando repeticións creou unha atmosfera agobiante que se desfixo co seu apagado. Unha actuación curta, pero curiosa que recomendaría se non tivera pasado xa.

20110923

Pasándose

Unha máis de políticos. O de onte e antonte no consello da tve é unha pasada. Agora resulta que os políticos queren intervir 'direitamente' (indireitamente, levan tempo facéndoo) nos telediarios. E non só iso, senón que, ó seren descobertos, aparece un mar de contradiccións. A pesar diso, a volta atrás aínda non se ve. Tampouco se ven os políticos de recambio ...
Algunhas ligazóns:
No blog de E. Dans
Resposta dos traballadores
Un detalle, entre outros rocambolescos
Nota do 20110923: marcha atrás

20110922

20110919 pleno (III)

Despois da acta, os 15 asistentes (no momento de máxima audiencia), aceptaron a renuncia de Francisco Rivas Álvarez, a quen se lle desexou o mellor, pero quen non estaba para escoitar o desexo. Si estaba entre o público o segundo da lista, que o substituirá e que estivo tomando notas, supoño que para o artigo correspondente na Comarca.
A imposición e ordenación do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana deu lugar a discusións, pero non demasiado agrias. Trátae dun imposto municipal sobre plusvalía. Destacouse polo representante do PSOE que non houbo unha imposición tal en Ribadeo dende hai moito, e que mellor era diminuír gastos, liñas ás que se sumou o PP. O BNG destacou que xa se gasta menos, pero que se reciben menos cartos e as cousas costan máis, que foi contestado á súa volta dicindo que ós veciños non se lles ocorre contratar servizos sociais subindo a luz, ou preguntando por que se deben facturas se o concello está tan ben, ou mesmo que pagas pouco, pero pagas polo que xa é teu. Foi aprobado por 7 votos contra 5.
A resolución de alegación e aprobación definitiva de ordenanza reguladora de apertura de establecementos para o exercizo de actividades non sometidas a avaliación de incidencia ambiental e a resolución de alegación e aprobación definitiva de ordenanza fiscal reguladora da taxa pola realización de actividades administrativas de inspección, control e verificación de actividades en réxime de declaración responsable foron tratadas xuntas, aínda que con resultados diferentes: 8 a favor contra 4 abstencións no primeiro, e 7 a favor contra 5 en contra no segundo caso. En ambos se desestimaron alegacións dende a aprobación inicial. No segundo caso, trátase da trasposición dunha directiva europea.
Os festivos locais para o 2012 non causaron incordio: 16 de agosto e 8 de setembro.
A representación titular e suplente como representantes do Concello na rede galega de Concellos pola sostibilidade recaeu en Horacio Cupeiro e o alcalde non tivo inconvinte en renunciar á suplencia en favor de Campo Braña (PP). Foi aquí cando Eduardo Gutiérrez cualificou de idilio a relación entre PP e BNG, sendo contestado por M. Valín no sentido de que non insista no pacto, que abondo mal xa lle foi nestas eleccións. Resultado: 11 a favor, 1 abstención.
O punto 8º, designación de representantes titular e suplente no Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria, onde os representantes son concellos, foi fariña doutro costal. Quedaron propostos 3 representantes con participación do BNG, Monforte, Mondoñedo e Ribadeo, nunha votación con 7 a favor, 4 en contra e 1 abstención. Evito máis referencias á discusión de defensa/ataque á proposta, mantida dun xeito asimétrico en supostas bondades e alusións ideolóxicas, respectivamente.
A reclamación previa da comunidade de montes en man común Monte Cordal, en relación a finca de titularidade municipal foir rexeitada (7 contra 5 abstencións) tras informe pericial. Houbo chamamentos á negociación, pero parece que pasou o tempo de negociacións, tendo en conta que no 2001 concedéuselles parte do monte ós veciños e ademáis, xa que houbo unha reclamación por vía administrativa, ten que ser respostada do mesmo xeito.
O punto 10º foi o batiburrillo previsto (control dos órganos da Corporación; dación de contas, decretos da alcaldía, rogos, preguntas), con varias roldas  e división do punto en tramos. Destacou algunha cousa, como a petición de máis control na concesión de licenzas por parte do concello, ou a cita do alcalde (para lembrarllo algunha vez, e provocar ou tentar provocar a súa aplicación) de que 'é mellor parar as cousas cando están quentes'. O PP preguntou se, como o gabinete de prensa se paga con cartos públicos, o podían usar tamén eles, sendo respostados que estaba para o equipo de goberno. Aludiu asemade pola traída a pleno da decisión sobre uso do edificio de alxinatos, e preguntou sobre o problema cos traballadores, se  se tiñan esgotado os medios, así como pregou evitar os medios de comunicación, aludindo ademáis ó descoñecemento da importancia do caso, sendo respondido que son moitos os casos. Preguntouse sobre o(s) novo(s) aparcamento(s) [nos alredores da piscina, das monxa e da nova glorieta], incluíndo a resposta unha alusión a que agora dase o fenómeno de oferta de terreos ás veces mesmo para non ter que desbrozalos. Asemade, fixo a suxerencia de declarar ben municipal ós cocos, facendo pé en que non saíron no último libro das festas (algo que foi tratado xa no blog) e asignar nha axuda para a xente que se encarga -voluntariamente- da súa conservación, sendo contestados que xa se fai o pago de materiais na actualidade.
Preguntouse tamén polo tema da limpeza do cantón, incluíndo a resposta unha alusión a unha próxima ordeanza de terraza (que sería repetida despois nas preguntas de O Tesón), e fíxose a suxerencia de atopar un lugar público para amosar obras doada de artistas ribadenses.
11.Moción do PP sobre o catálogo priorizado de productos farmacéuticos. Moción tipo, igual que a que lle sucedu. Votou en contra o representante do PSOE, rexistrándose 10 votos a favor por falta dunha concellala do BNG. A defensa da moción aludiu ós principios de principio activo, medicamento xenérico e racionalización do gasto, mentras Eduardo Gutiérrez aludiu a que, segundo el, a Xunta aforrara máis cando estivo suspendido o catálogo que cando non.
12.Moción do BNG sobre devolución correspondentes ás liquidacións negativas da participación nos ingresos do Estado. Foi de discusión algo máis longa, e nel o BNG aludiu a un maior aprazamento da devolución da débeda dos concellos, á necesidade de garantir o gasto corrente, e  reforma de cotas de participación para incluír a dispersión de poboación que se da nos concellos galegos. Asemade, mentou á Xunta na proposta,o que deu lugar á negativa do PP, cunha votación final de 6 a favor e 5 en contra. Un dato: na actualidade o caso de Ribadeo implica 84 000 €/ano durante 4 anos de devolución. Tamén, os poulares aludiron a unha moción do seu grupo redactada de xeito diferente que,como o BNG ten maioría, xa non presentan.

20110921

20110919 pleno (II)

Ben, atrancos impídenme a primeira hora de hoxe seguir comentando o pleno. Deixo entón como substituto provisional e contrapunto do resto do meu comentario a ligazón ó comentario do equipo de goberno na web do concello.