20090714

Pleno no pleno

Onte, 13 de xullo de 2009, tocou pleno. Ireino referindo pouco a pouco, así que quen quera unha entrega xa, pode mirar o blog "Vida socio-política en Ribadeo", onde está referido.
Polo pronto, dicir que os orzamentos foron aprobados (4 a favor do BNG, 7 abstencións de PP e PSOE, e 2 en contra de UPRi) que o pleno foi moi longo (marchei ás 11 da noite pasadas, despois de tres horas longas de pleno, e quedaba Rogos e Preguntas e a contestación ás preguntas das asociacións), e que nalgúns momentos pagaba a pena estar no pleno non polo que se dixera, senón pola vista a traverso das fiestras do concello, da cristaleira do cantón, recollendo o atardecer ou algo máis tarde, da torre da igrexa, ó lusco fusco, con iluminación interior...
Porque non había a que atender? Non, pero era unha especie de descanso necesario e relaxante. En canto a haber que atender, si o había. Moito.

20090713

A igrexa terá que baixar o ruído...

en Xaén. Como se ve na nova, aínda será discutido: estánse a recoller sinaturas para que as campás sigan a tocar a todo trapo.

Un tema de cartos

Hai tempo O tesón preguntou primeiro en xeral sobre pago á SGAE e logo, sobre o pago este ano. As contestacións foron 30 000€ por un período abranguendo boa parte do que levamos do século, e nin idea. É dicir, non se sabe o que se vai pagar á SGAE este ano ó non querer declararse en rebeldía (ter medo de facelo), mentras que calquera que grave no seu disco duro a última comunicación do concello xa terá aboado un canon para poder facelo (mesmo o propio concello!). Como a cousa non vai variar dun día para outro, deixo unha ligazón sobre o absurdo destes pagos tal e como se están a realizar agora mesmo, e sendo as sociedades de xestión máis un ente autónomo preocupado máis de si que de outra cousa calquera.

Hoxe son nova os orzamentos

... que se votarán esta tarde. Sábese o que poñen as noticias, que foi forzada unha reducción ... e para de contar. Coñécense? non. Está asegurada a súa aprobación? Polo que pon a prensa, non? Tiveron participación os veciños? non. Poden ser bos? pode... como non se sabe...
Coido que é interesante ver tanto as preguntas efectuadas ó pleno de O Tesón como as de A Atalaia. Ó igual que será interesante ver as respostas, e calcular o custe relativo dos carteis que serven para anunciar en troques de facer obra (á marxe de que crea que as inversións do plan E en Ribadeo esteñan ben pensadas ou non), ou coñecer os plans para a infratutilizada web do concello.
Non sei se virá a conto unha citadunha frase dun periódico de onte nun artigo a conto das caras da política: "Na política, a cegueira e a mudez non son produto de enfermidades, senón de intereses". Non estou a dicir que os nosos gobernantes locais sexan cegos e mudos (coido que non se poden considerar así alomenos en comparación con tempos anteriores), pero en política mudez e cegueira son cousas que sobreveñen rápido, e aí están os intereses apra guiar. Se coinciden cos do pobo, ben. Noutro caso, non. De aí a reiterada petición de transparencia e participación para unha beira (o equipo de goberno, do que require, dende a visión actual, un esforzo continuado, tanto de información como de comprensión da mesma situación da actualidade social que demanda desa transparencia e participación), e esforzo de seguemento por parte da outra, do pobo.
Por certo, animei xa a ir ó pleno esta tarde? É unha experiencia...

20090711

Festival

Coido que o festival contra o cancro merece unha referencia, alomenos para lembrar ós colaboradores. Entradas, 2/3 do Hernán Naval, e risas e diversións para todos os asistentes.

É a irrigación boa?


Hai veces que nos preguntamos cousas que parecen contra natura. Como vai ser a irrigación mala? as terras irrigadas producen máis cantidade de vexetación, mellores resultados económicos... Todo parece bo, verdade?
Algúns proxectos con bondades semellantes propóñense para diversos lugares, mesmo para a ría de Ribadeo.
Pero ... hai que ollar algo máis aló. Aí están casos como a salinización das terras na media lúa fértil de Oriente Medio ou o antigo Mar de Aral, que ilustran como as cousas enganan con falicidade e supostos beneficios inmediatos e continuados en realidade enxendran perxuízos moito maiores. Hoxe paso a traducción dun artigo da ESA sobre o Aral, un caso documentado en infinidade de textos en papel e internet, e fotos, e...
"O declive do Mar de Aral"
"Estas imaxes do Envisat ilustran a dramática recesión da costa do Mar de Aral de 2006 a 2009. O Mar de Aral foi en tempos o cuarto reservorio de auga do mundo, pero durante os pasados 50 anos estivo continuamente crebándose, desde que os ríos que o alimentan foron verquidos en proxectos de irrigación.
Cara a fin dos 1980, tíñase partido en o pequeno Mar de Aral (ó norte), en Casaquistán , e o Grande Mar de Aral (ó sur), en forma de ferradura, compartido poer Casaquistán e Usbequistán.
No 2000, o Grande Mar de Aral partius en dous – un lóbulo este e outro oeste. Como é visible nas imaxes, o lóbulo este diminuiu ostensiblemente entre 2006 e 2009. Parece ter perdido un 80% da súa auga dende 2006, cando tiña unha lonxitude de uns 150km e anchura duns 70 km.
Espérase que toda a sección sur do mar esteña seca cara a 2020, centrándose os esforzos de salvación na parte norte.
O dique Kok-Aral, un proxecto entre o Banco Muncial e Casaquistán , foi construído entre as seccións norte e sur do mar para previr o fluxo de auga cara ó sur. Dende que se completou no 2005, o nivel de auga medrou na sección norte unha media de 4m.
A evaporación do Mar de Aral deixa detrás unha zona de 40 000 km2 de terreo seco, salgado, chamado agora deserto Aral Karakum. Cada ano, violentas tormentas de area levan máis de 150 000 tm de sal e area do Aral Karakum e transpórtana durante centeas de quilómetros, causando severos problemas de saúde á poboación local e facendo os invernos rexionais máis frios e os veráns máis quentes. Nun intento de mitigar istes efectos, está a ser plantada no antigo fondo marino vexetación que sobrevive en condicións de seca e salinidade.
No 2007, o goberno casaco conseguiu outro préstamo do BM para implementar un segundo paso, qeu inclúe a construcción dunha segunda presa tendendo a reverquer o desastre medioambiental causado pola man do home."
... pode observarse a diferencia entre a foto da galipedia e a recente que poño no blog, ou a máis antiga que tamén aparece arriba, turnándose coa actual.

20090710

Novas do máis aló (cibernético)

Polo que coido é a súa importancia, fágome eco dun comunicado de Ciberirmandade da fala de hoxe mesmo (engadíndolle algunha ligazón, se ben non chegan á calidade das que xa traía o escrito):

A Xunta ameaza con desmantelar Mancomún

No web da CiberIrmandade.

Acaba de ser publicada a folla de ruta tecnolóxica da Xunta do Partido Popular e todo parece confirmar os peores agoiros que ameazaban os proxectos tecnolóxicos iniciados polo bipartito. Iniciativas tan positivas como Mancomún, Galinux ou a Rede de Dinamización quedan condenadas a desaparecer unha vez que o PEGSI sexa derogado polo novo "Plan Estratéxico Global" que se licitará neste mes de xullo.

Tal como se pode comprobar no documento aprobado hoxe, a Xunta do Partido Popular acaba de aprobar un plan no que os proxectos tecnolóxicos do bipartito desaparecen completamente, sen propoñer alternativas concretas que os reemprazen.

En contra das promesas electorais de Núñez Feijóo -lembremos que prometeu implantar o software libre na Xunta- o plan tecnolóxico nin siquera menciona esta posibilidade. Esta omisión resulta especialmente significativa nun dos eixos prioritarios, o do "e-goberno" (ou sexa, a administración electrónica) no que nin sequera se mencionan os estándares abertos.

A falta de compromiso co software libre contrasta coas adxudicacións multimillonarias feitas a Microsoft e autorizadas polo Partido Popular en canto chegaron ao poder, tal como denunciou no seu día a prensa.

Feijóo mesmo chegou a verse recentemente traizoado polo subconsciente ao afirmar "Me gustaría poder tener un 'Power Point' para explicar todo el plan", nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Toda unha declaración de principios implícita.

A protección da paisaxe


Onte, ó pasar por enésima volta por diante do muro da foto, ver o seu emparedamento entre o ceo e o asfalto e o acompañamento do lateral dos edificios veciños, decidín tomar a foto.
O revestimento mural de cartelería, nun lugar estratéxico de paso ós institutos, é renovado periódicamente, acadando sucesivamente máis e máis extensión. Coido que, debaixo da cartelería, nalgún lugar, hai un recadro onde estaba permitido a colocación de carteis, deixando o resto do muro libre. Recadro desaparecido que fai pensar no mantemento das leis despois da súa promulgación, e máis aínda, as forzas que as crean, as manteñen e velan polo seu cumprimento.
Coincidiu o anterior con que caera nas miñas mans un folleto sobre a "Lei de protección da paisaxe de Galicia", folleto que, no por que desta lei comeza cun apartado que titula 'o noso orgullo', e remata con outro que encabeza con 'o futuro da paisaxe, o noso futuro'. Non obstante, está aderezado con outro apartado que titula 'o que fixemos ben', despois de comezar facendo referencia ó seu nome completo, incluíndo a súa data de nacemento, baixo o bipartito, o que, despois dalgunhas notas aparecidas na prensa sobre a diferente interpretación de moitas cousas do novo goberno fronte ó pasado, fai dubidar da súa aplicación 'tal cual'.
Coincide tamén ca nova de prensa da xustificación pola Xunta da liña de alta tensión, que pasa a ser de interese supramunicipal mentras a empresa xa comezou os contactos para a adquisición de dereitos de paso e aínda sen comezar o prazo de alegacións.
É así como uns poderes impulsan as leis, se interesesan a outros (ou ós mesmos), póñense en funcionamento e mantéñense, e aínda, se interesa a outros (ou ós anteriores, ou ós primeiros), cúmprense ou fánse cumprir... alomenos para un grupo social. Camiño tortuoso ás veces, pois o promulgar unha lei é só un comezo que parte do público afectado ve moitas veces como final; de aí a importancia de exercer como cidadán cos seus dereitos, en troques de pasar a mero consumidor, mesmo de leis.
Nota posterior: En comentarios deixo a nota de prensa orixinal da Xunta refrente a liña de alta tensión.