20090109

Educación e regulamentación

Polo tema propio de traballo, parece que o departamento de edcuación debera ser en calquera administración dos máis cumpridores das normas. Posiblemente así o é, pero tamén moitas veces incumpre non só a normativa xeral senón tamén as súas propias normas. Hoxe mesmo trae a prensa dos seus incumprimentos en materia de persoal de comedor, aínda despois de anunciar ampliación de xente en diversos lugares de A Mariña. Está visto que todos somos humanos e cometemos fallos, e as institucións, ó estaren feitas a partir de xente, non menos que as persoas individuais. Pero se sistemáticamente as normas incumpridas son en grande porcentaxe normativa e lexislación que para corixir as desviacións do seu cumprimento requiren cartos, entón pódese sospeitar que non é só a propia imperfección humana xeral a que está xogando, senón sobre todo aquel tipo de imperfección que trata dos cartos, da súa distribución, aforro ou apropiación, e que fai pensar máis en intereses (ó nivel que sexa, público ou privado, individual ou colectivo, montantes pequenos ou grandes) que nos propios erros humanos.

Revisión e sorpresa

Por indicación dun lector visito unha nova, http://elprogreso.galiciae.com/nova/23019.html "Sorprenden en Barreiros a un condutor de 19 anos circulando sen carné" e atopo algunha cousa curiosa. Comezando polo anuncio que aparece sobre a propia nova, 'obtenga ahora su carné de conducir internacional' dunha entidade chamada 'international driver document' que parece estar pisando o monopolio estatal para a expedión de documentos, aínda que supoño que será un dos típicos anuncios enganosos. Premo sobre el e resulta ser unha especie de xestoría a nivel internacional relacionada con temas sobre a conducción.
Sigo. O caso é que a nova da conta dun mozo inmigrante que conduxo a plena luz do día alomenos dende A Coruña, lugar da súa residencia, ata Barreiros, onde o colleron. E veume a cabeza que nalgúns estados dos EEUU, alomenos segundo a fonte de información que representan as películas, non parece necesario ter carné aínda hoxe en día, e lembro de me teren contando xente maior da implantación do sistema de carné de conducir en España. O certo é que se deu saído da Coruña a unha hora normal e chegado a Barreiros, algo sabe conducir, aínda que non teña carné. Pero tamén é certo que o carné tenta asegurar unhas cantas cousas, dende un mínimo de conducción do particular que o obtén ata unha certa seguridade na estrada para a xente que se cruza con el, pasando pola referencia do carné para outros documentos do vehículo, seguros, etc, que non só incrementan a burocracia ou supoñen unha traba, senón que tamén contribúen a afianzar a seguridade. Por outra banda, cabe pensar por que non foi detido antes, pero, entre outras cousas, se o fixo ben, non habería razón de sospeitarse del, e polo tanto, para paralo.

20090108

Gaza

Tiña pensado facer unha entrada hoxe sobre a situación internacional. Polo momento, só unha ligazón ó blog de 'El ángel de Olavide'. O tema, Gaza e a situación actual alí. Sobran máis verbas. Mellor, a referencia que alí se pon.

Raro? Non, previsible e previsto


Prensa de hoxe: "Burela só está vixiada pola Policía Local en Noiteboa cuando coincide en fin de semana"... aquí non chegamos a tanto, pero... por exemplo, a comezos do mandato municipal anterior prometeuse que ó final a policía estaría tódalas noites do verán. E dado o paso de avance, o que cabe é preguntarse que ollos o verán.
"Só un 10% dos vendedores ambulantes de Ribadeo teñen ó día o pago das súas cotas"... algo indicado no blog onte. Ou sexa, folga non, pois non se vende, pero mellor así, pois non se paga... Mentras, a solución do partido de oposición con máis concelleiros non parece salomónica: rebaixa do 84% sobre o estipulado por m2... gobernando eles e hai preto dunha década. É dicir, como se facían antes as cousas para agora vir con esta proposta?
"Fracaso da xunta de portavoces de Ribadeo sobre o plan residencial". Vale, houbo movida veciñal e agora parece tratarse de capitalizala. Por desgraza, o de solucións ven en segundo lugar, tras a capitalización. Os argumentos, sexa a urxencia, sexa a petición de convocatoria dun pleno, indican a falta de estudo previo do tema por uns e outros, a parte do interese polos votos. Hai que dicir a favor dos nosos políticos que o plan só debía de estar colgado na web dende outubro, que só se lles pediu participación anterior (e non que elaboraran eles o plan), e que teñen outras cousas que facer (isto último non vai de coña). ... E cabería tamén poñer que de novo parecen estar xa os viciños esquecidos, pois xa actuaron e agora 'toca ós políticos'.
Un pouquiño máis lonxe, "Blanco di que se é necesario o cinturón industrial de Alcoa 'será unha realidade'"... por algo falta solo industrial en toda Galiza, por falta de previsión ou sinxelamente, visión. Segundo parece háille que amosar que hai demanda de empresas. E logo, é para preguntarse que pasou (e aínda non está solventado) durante decenios en Ribadeo? non había demanda de empresas?
Doutra nova, que as asociacións veciñais recollen queixas sobre o Sergas, mellor que comentar, deixo a ligazón ó post anterior sobre o tema, e animo a achegarse á xente das asociacións (Pancho Campos, presidente de O Tesón, participa na comisión) mellor que usar o número 982 203 721, da Federación de Asociacións en Lugo.
A imaxe? Pois o que está de moda: unha distracción. Frontispicio nunha casa de Vilaselán, na estrada vella no estreitamento da Lodeira.
E, para poñer un contrapunto de economía mundial e globalizada, unha nova curiosa (pero ó paso que ía a cousa, tampouco rara), pero non máis que o dar cartos a quen ten moitos para solucionar o tema económico: "O porno tamén quere o seu plan de rescate"

20090107

De algo que non foi e poido ser

Unha entrevista onte a David Antonio López Álvarez lembroume a súa historia. Recolector de cunchas (unhas 1 500 nestes momentos) primeiro, e logo de insectos e fósiles, con 38 anos ten unha colección envidiable. E museable. Xa dende hai tempo, fixera unha oferta para manter un espazo de exposición permanente en Ribadeo. Ata agora non o ten. Si mantén, por exemplo estes días en S. Cibrao, exposicións en itinerancia por Asturias e Galicia. Algunha vez teño falado con el para facer algunha exposición no IES, e se ten feito. Fai xa anos levantara a expectación na Feira da Ciencia na que se espuxo. Coido que foi a última vez que se viu a colección en Ribadeo.
Tampouco esta mañá parece que poidera ser a xunta de voceiros feita para falar do Plan de Solo da Xunta. PSOE e UPRI expresaron a súa disconformidade por ser debatido antes do pleno, e marcharon.
A resposta do voceiro do BNG di que acusan de falta de información cando se lles pretendía dar información. Ó mellor, é que xa é algo tarde para facer as cousas dese xeito, sen comezar o proceso a partires de cero ou cunha información moito máis ampla de comezo para todo o mundo.

Hoxe, mercado

Mércores de novo, mercado outro día máis. Si, háino. Pero, rematou a confrontación? Non. Pode que se vaia normalizando sen notarse, pero é de dubidar que nestes momentos se esteñan pagando as taxas esixidas tal cual, e tampouco houbo unha solución final negociada, e polo momento sábese que chegou unha proposta á oposición, pero as últimas novas do equipo de goberno indicaron que a eles non lles chegou nada... É dicir, haberá que esperar o próximo mércores, ou o outro máis, ...

20090106

Datos


A oferta de datos sobre a xestión que sufrimos ou desfrutamos non é moi abondante. Máis ben é rácana cando non decididamente negada. Hoxe martes saen na prensa varias novas asimilables ó tema. Dende unha na que o alcalde afirma non coñecer o futuro trazado da liña de alta tensión pola que asinaron 168 viciños, pero que se oporá se incumpre a lei (que faga falta dicir o anterior xa é un síntoma das necesidades da democracia actual), ata os datos de uso do porto do ano pasado. Os outros temas, para outro momento.
Respecto ó da liña, non se opoñía o BNG nas municipais á liña Boimente-Pesoz? e non pideu o BNG en Madrid que se retirara o proxecto? Son cousas que me dixeron no seu momento que que coido que veñen a colación, de non mediar un estudo e unha difusión das circunsaticas maior da que está a haber. Por certo ademáis, non ten que ter nun prazo curto o alcalde a información que di que non ten sobre a liña? coido que ise prazo xa pasou. E de novo, a falta de información pública, ós que non só somos administrados, senón a base do poder que se delega nos políticos, embarulla un proceso que debera ser limpo.
Respecto ó peirao, unha síntese para o 2008:
Menos barcos que o ano anterior, 76 navíos relacionados coa celulosa, 58 relacionados con outras mercadorías (pino -madereira-, cebada, millo -Os Irmandiños- area de mina, magnesita, carozo de pino e sal.
A tonelaxe media, entre 4 000 e 4 500 tm (superior ó ano anterior)
O peirao de Ribadeo está infrautilizado boa parte do ano (mentras se trata de potenciar os pesqueiros da provincia para o seu uso como de mercadorías)
O mal tempo fixo que en decembro só se fixeran labores de dragado 9 días.
A parte, coido que non está de máis ver os comentarios deixados en http://ribadeando.blogspot.com/2009/01/post-festas-e-agasallos-de-reis-do-blog.html, de paso que nos preguntamos cousas como se está infrautilizado, para que unha ampliación, por exemplo.
Unha relación cos anos anteriores ou previsión estudada de futuro e posibilidades de desenvolvemento comercial, polo momento está ausente. Nin que dicir dun estudo conxunto de desenvolvemento da zona. O que si está presente é que este ano o porto será máis rendible...
A foto, da draga, raiña da entrada ó porto.

Post festas e agasallos de Reis do blog








O acto do desfile de Reis marca o final das festas públicas; queda o día de Reis para as privadas, e logo, a rutina diaria.
... no blog, os Reis trouxeron algunhas fotos recollidas esta mesma semana, máis unha nova e unha referencia:
* o Telecentro, Rúa Antonio Otero,15, Ribadeo 27700, Teléfono: 982 120 732, debera dispor de DVD co novo sistema linux 'Galinux'. Aínda non o comprobei (por iso o de 'debera'), pero pronto o farei.
* Levo un tempo observando baixando baixadas bruscas de velocidade de internet a 0 que me impiden concectar (gostariame saber se a vós tamén vos ocorre) mentras que ó instante seguinte observo ratios altas (como na captura de pantalla do final da entrada). Para ir medindo, un enderezo da Asociación de Internautas co medidor de velocidade de internet.
en canto ás fotos, por orde:
Caramelos da cabalgata (colección pouco numerosa).
Fogos de artificio despois do discurso real (... quizais porque a choiva respectou abondo).
Os bancos que ó final se repuxeron no eucaliptal á beira do Forte de San Damián.
Escombros en pleno casco vello (nas terras que se queren poñer como solo residencial polo plan da Xunta).
Unha imaxe de fondo de ría dende o camiño do cemiterio.
E o reloxio do cargadoiro coa punta marcadora rota.
... Como se colaron a foto última e antepenúltima? Pois como os carbóns no medio dos agasallos de Reis...