20081010

Máis sobre a comisión sanitaria e outras cousas


O concello anunciou onte a programación cultural de outono e o novo ciclo de ximansia nas parroquias.
Ó tempo déuse o coñecer que a antiga alxinatos, no fondo da Vila vella e que hai pouco voltou a cambiar de mans para costas (dende o concello, quen a adquirira pouco antes), para facilitar a construcción do paseo ata as Aceas, pola beira da ría, aínda ten depósitos de ácido sulfúrico. Haberá que vacialos antes, despois de estar inactiva uns vinte anos. Cousas que pasan cando non se fan as cousas ben, e parece que hai que obrigar a que se fagan porque as 'autoregulacións' no mundo empresarial non funcionan, como está amosando a crise financieira de xeito ben triste.
E tamén Ribadeo vése afectada pola nota das asociacións de O Tesón (Ribadeo), O Castro (Foz), Forxán (Foz), Cangas (Foz), O Vencello (Burela) e Cruz da Venta (San Cibrao), sobre o tema sanitario. O comunicado, en resumo:
"As Asociacións de Veciños ... mostran o seu desacordo coas manifestacións realizadas polo Delegado Provincial de Sanidade de Lugo en canto á composición da Comisión de Participación Cidadá para a área sanitaria Cervo-Burela. Estas Asociacións non entenden por que o Delegado Provincial insiste na necesidade de estar integrados nunha Federación Provincial para formar parte de dita Comisión, xa que examinada a normativa que a rexe en ningún momento figura como requisito indispensable, tan só se esixe que os representantes veciñais correspondan a asociacións con ámbito de actuación na área sanitaria, o cal nin sequera se está cumprindo nestes momentos"
A parte legal pódese ver na Lei 7/2003 de 9/12, de Ordenación Sanitaria de Galicia, Título VII, Capítulo III. E aquí pode comprobarse que a aplicación mal feita do tema está por toda Galicia.
A foto, onte, a praza do mercado na súa parte norte chea de ramas cortadas coa follaxe.

20081009

As desgrazas nunca veñen soas


É unha frase feita que aproveito para a situación da zona na actualidade. O mesmo día que o enésimo cataclismo financieiro non só se abate sobre nós como parte do mundo senón que se nos comunica que o imos ter que pagar entre todos tamén en España para que non afecte tanto á xente que se estivo levando os cartos ata agora, que nos enteramos de que podemos ter todos os cartos que queramos no banco, que pagaremos entre todos para que quenes teñen máis teñan máis seguridade de que seguirán a ter, ese mesmo día enterámonos de que a enfermidade da lingua azul xa está tamén na zona facendo baixas abondas entre a cabana pecuaria, pasando de ser unha posibilidade con algún caso por medio a ter 'carta de natureza' cmo enfermidade pecuaria mariñá. é certo que a lingua azul non afecta ás persoas (iso din), pero tamén é certo que aínda que non se teñan accións na bolsa nin grandes depósitos no banco vai afectar a toda a sociedade...
Mentras, parece que vai a estar algo máis saneada a ría de Ribadeo (... no periódico seguen a poñer como intercambiable 'ría de Ribadeo' e 'río Eo', entre outras opcións ...) ó aprobar por fin o Principado o impulso do proxecto correspondente. O certo é que tamén en Ribadeo hai zonas nas que hai verquido directo de residuos ós ríos e á ría: o saneamento parroquial aínda está nos seus comezos e non é doado de solventar.
A imaxe, esta si, da ría de Ribadeo, coas figueiras e un pouco do recheo dos 90 en primeiro termo.

20081008

O activismo serve para algo: demostrado

Un pouco en relación co artigo anterior ('Wifi no rural'), deixo unha ligazón para amosar que o activismo serve para algo. En concreto, para tender a que xurda o que se reivindica. Parece unha perogrullada, pero non é, pois unha boa parte (se non é a ampla maioría) das reivindicacións do pobo (ou sexa, a 'xente da rúa', ...) parece non levar a ningún sitio e perderse no tempo, á vez que significar un perder o tempo. Pois non. Non nos facía falta a algúns a demostración, despois de saber que mesmo a auga remata levándose a pedra por diante, parindoa, pulíndoa, ..., pero sempre é agradable e da ánimos ver que estudos con moitos datos avalan a idea que un ten.
Como conclusión, lembrar que as ideas que benefician a todos son para defender entre todos, pero que aínda que a maioría non se preocupe/se desentenda do tema, a súa defensa logra cousas.

Wifi no rural



Bo, wifi... en xeral,internet. Xa no pobo funciona como funciona (alomenos nesta zona), con velocidades abondo menores das prometidas e colos de botella xa non só polas mañás, cando era abondo típico (iso si, os da mañá incrementáronse), para canto máis no rural, onde os aparellos sinxelamente parece moitas veces que non funcionan. Coido que sería doado facelos funcionar (a comezos de século vino claro cunha exposición técnica de Mariano Grueiro, algo que aínda non se fixo realidade hoxe no rural galego e que é evidente que non costaría tanto e valería moito), e que mesmo podería facelo o concello por deixación de prestación de servizo das operadoras. Non embargantes, 'as operadoras' seguen a facer e desfacer leis ó seu antollo para que non lles digan nada, o mesmo que pasa co tema de Barras, que leva unha tempada abondo calmada cos cortes pero que, na época de incidencia forte comunicou que estaba moi por riba dos estándares que tiña que cumprir... despois de peticións dunha chea de asociacións. O escrito, por certo, que parecía redactado para que non se lles molestara máis.
As fotos, do final da ría de Ribadeo, a illa na ría de Abres.

20081007

Mentres os cartos escorren

Estes días parece que os cartos escorren: din que onte a bolsa perdeu o máis do 6% do seu valor, é dicir, algo así como se o nivel de riqueza baixara nun só día o 6%. Cousas que poden tardar en notarse, pero han de facelo, en medio da barahúnda montada por cartos que se dan ós ricos que primeiro os obtiveron daquela maneira... non son días doados, e o impacto está por vir. En Ribadeo, rehabilitación de rúas con subvención, xa anunciada e votada en pleno, e chamada de advertencia para que uns cantos veciños limpen os seus solares. Parece que pouco a pouco a cidadanía vai ser metida en vereda. Toda? non se sabe cando, pois mentras parece que algúns poucos terán que facelo puntualmente, van xurdindo novos focos que necesitarían atención. De calquera xeito, que se atendan eses poucos relacionados con algúns aspectos do urbanismo non está nada mal. No entorno rural, xa está en marcha a contratación para as catas do castro das Grobas, e a senda do tren minero, todo pagado por costas, que non se decide (parece) a meter man a 160 000 m2 no entorno de Augas Santas para facer entre outras cousas, un aparcamento. Coido que un plan así debera estar exposto en Ribadeo unha boa tempada antes de decidirse a facelo, en troques de elucubrar en vacío para rematar como o parque de indianos: sen ter que ver co orixinal e sen tampouco gustar á xente (a parte de, neste caso, substituíndo un entorno natural protexido por asfalto). A foto, Castropol enmarcado nun almacén: tíñaa reservada para o tema de 'ría si, nave non', pero aprece que non vai ser necesaria.

20081006

Un par de precisións sobre piscifactorías e Ribadeo


O outro día, na entrada sobre piscifactorías, a) tiña mal unha ligazón, a correspondente ó informe sobre patrimonio, e b) deixei sen poñer a captura de pantalla correspondente nel á piscifactoría de Foxo Longo, Meirengos,que adxunto agora (como sempre, ampliable premendo o botón esquerdo do rato sobre ela).

Un par de verdades


Xusto despois do desenlace da loita xudicial de Acuinor contra Adega, atópome con dúas citas que quero reflexar aquí:
"... de aí que os ecoloxistas véxanse enfrontados case sempre ós pobres, os ricos escóndense detrás."
"Se queres someter á xente, dalle milagres, misterio e autoridade; pero, sobre todo, dalle pan."
As dúas, de Suso de Toro e Timothy Garton Ash, extraídas de artigos que non considero precisamente notables entre os dos seus autores, manifestan unha cara latente, pero que poucas voltas sae á luz, da loita polo común: Normalmente enfrontámonos entre xente que ten que defender o de todos porque ve que é de todos contra outra que defende intereses particulares tentando sacar unha tallada que máis ou menos ve como necesaria para si, mentras os auténticamente detentadores dos intereses están cómodamente sentados á espera dos resultados, movendo os fíos por detrás. Ocorre nas guerras tradicionais, onde os soldadiños de a pé non defenden os seus intereses, senón os dunha patria copada por intereses de grandes señores , dende a antigüidade ós nosos días, e ocorre mesmo aquí, en Ribadeo, en diversas loitas, como a de Acuinor, na que se me acusou de intervir de xeito interesado acusando ós rinlegos de ser unha forza de choque de desempregados a favor dun señor, por este artigo. Non é o único caso onde vexo actuar localmente estas verdades. Lévoo sufrido en propia carne con xente que traballa, mesmo durante só unhas semanas, en locais de copas. Daría para un estudo psicolóxico.
A foto, do primeiro paso en coche pola ponte aberta (recén aberta e xa reclamando ampliacións por non telo feito antes de xeito adecuado), notándose nas beiras o pandeo da construcción.
... e unha reseña interesante da entrada de John na Academia Galega.

20081005

Unha sentencia que beneficia a todos

Despois de ver a nova na prensa, fixen unha pequena procura para ver a nota de prensa orixinal de ADEGA pola reclamación de Álvarez-Cascos contra Adega pola paralización das obras de Rinlo (que, por certo, seguen paralizadas de xeito impresentable coa lágoa Cascos rampante). coido que asentencia beneficia a Ribadeo en conxunto, a parte de constituír un pequeno freo (pequeno, repito) á xente que quere pasar arrasando co seu poder de cartos ou político:
Desestimada a demanda de Álvarez-Cascos contra ADEGA
3 de outubro de 2008. Un xulgado de Compostela ven de DESESTIMAR A DEMANDA CIVIL interposta por ACUINOR contra ADEGA por ter paralisado as obras da piscifatoría de Rinlo (LIC As Catedrais). O xuiz, que tamén impón as costas ao demandante, exclupa a ADEGA de actuar con "mala fe e comportamento abusivo” e rexeita que houbera "abuso de dereito" algún. Ben ao contrario: ADEGA coa súa acción conseguíu preservar a integridade dunha parte importante do patrimonio natural galego e defender a legalidade diante dos atropelos de empresas depredadoras.
Queremos tamén agradecer os múltiples apoios e a solidariedade recibida, así como transmitir unha mensaxe de ánimo e esperanza á veciñanza dos concellos afectados por un Plano Acuícola que vai multiplicar as agresións aos espazos protexidos da nosa costa.
Coido que a nova pode completarse en relación a outra das piscifactorías previstas polo plan acuícola en Ribadeo:
Aquí, unha nota de prensa de Adega, o informe de urbanismo sobre o plano acuícola (vese abondo mal), e o informe de Patrimonio (a ver en particular, na p.2, sobre o plan para as Grobas, en imaxe ampliable, á beira)