20050930

Contraste

Valaí dúas fotos tomadas hoxe mesmo na rúa peoníl, a escasos metros de distancia: unha xardineira 'último modelo' adornando unha entrada na rúa e un montón de papel sen recoller, cunha fin de semana por diante... a administración dunha vila non é doada, pero pódese levar ben. É o caso de Ribadeo?
Nesta semana, a Coral Polifónica é premiada en Lugo como 'lucense do ano', e a Escola Municipal de Música ('Hernán Naval'...) comeza as súas actividades este curso, con elección de horarios e inauguración de curso no auditorio, con parte do profesorado renovado e boas espectativas.
Tamén foi nova a ronda, que parece que se terminará en maio do 2006 (!) sen saber aínda de nova algunha do terceiro vial de acceso (estrada do monte)
Con noticias así en Ribadeo, deixarimos polo momento as de fora... se non fora porque son necesarias para situarnos no mundo no que vivimos. Por exemplo, 110 mortes en Iraq nun só día por atentados, despois de dicir Bush que a misión finalizara xa vai dous anos. Eso pasou onte.

Só unha foto


Con pouco tempo, só unha foto que quixen poñer xa deste verán (a longo tempo do Prestige) pero como consecuencia do Prestige...
En Ribadeo pasou...que o alcalde declarou. Sobre o acoso. Negou todo. Mentras, na radio, o tema de urbanismo da coletazos, en espera de que reviva o PXOM.

20050928

Tempo de construcción


    Se onte comentaba o estado da edificación na zona, hoxe tócalle o turno á obra civil: os periódicos falan de rematar o tramo Barres-Ribadeo, Ponte dos Santos incluído, para 2009. Estame entrando o congojo no estómago porque parece que se van pasar unha boa tempada remozando a ponte, e polo tanto, é posible que intenten que nos quedemos sen paso para peóns, xa que imos a axeitarnos esa tempada...
    Chama a atención como suceden algunhas outras cousas: mañá é a vista en Lugo dun dos casos de acoso no Concello. Que sairá á vista? E hoxe tamén se pode ver a nova de que a Xunta reclama a recuperación natural dunha mina de pizarra... mentras que a de ouro prevista en Tapia está calada nos papeis, sen avanzar, pero non parece que retroceda tampouco. Seguro que cando se peche a piscifactoría de Rinlo/Meirengos tamén pedirán que recuperen a zona, supoñendo boas intencións, que Álvarez Cascos non teña a influencia actual, etc., porque é de supoñer que o pago de 1€ cada m2 non da para facer logo unha recuperación do espazo.
    Falando de follóns políticos, hoxe dimitiu o líder republicano do Congreso por asuntos de financiamento ilegal. O mesmo día que aumenta o follón por asignación a dedo de parte da reconstrucción de Nova Orleáns... como anda o mundo...
    ** Do antigo blog:
    O pasado venres día 15 de xullo tivo lugar a Asamblea xeral da Asocición de veciños O Tesón de Ribadeo.
    Seguindo a orde do día, leeuse e aprobouse a acta anterior e pasouse a dar un repaso ás actividades realizadas, estado de contas e informes da directiva. Así, deuse conta das actividades como a comida social ou a reunión sobre convenios urbanísticos que propiciou a asociación. Asemade, espúxose someramente a situación en outros temas reivindicativos como os ruídos, comparando a situación coa serie de reunións e acordos que está sucendendo agora en Viveiro, as labores de participación na Mesa de asociacións e seu desenvolvemento, que pouco a pouco vai aglutinando a un maior número de asociacións interesadas, o seguemento do tema das antenas, do que aínda estamos á espera de contestacón por aprte do Concello ou o tráfico, bandas rugosas e aparcamento, ó que se referiu a última das preguntas realizadas ó pleno. Asemade, deuse conta do seguemento que se está a realizar pola polisble instalación dunha mina en Salave que deixaría un oco de máis de 200m de profundidade e máis de medioquilómetro de radio, a parte da montaña de residuos correspondente e a contaminación ambiental correspondente que se estima chegaría a afectar a Ribadeo. Rematou esta intervención a relación da participación da Asociación en diversas instancias: na Asociación Ponte dos Santos, coa intervención na última asamblea, así como a recollida do testigo como coordinadores da mesa de asociacións correspondente a esta entidade, outras intervencións co Concello, dende as preguntas realizadas ó final dos plenos ata a participación futura no Consello Municipal da Muller, etc.
    Pasouse despois a facer varios comentarios por parte da directiva, como a aclaración sobre o mantemento da liña nin política nin sindical da asociación ou a non intervención en xeral en denuncia de temas puntuais relacionado co anterior. Despois anunciouse o cobro de cuotas. Ó final do punto, votouse a petición da directiva para realizar convocatorias públicas sobre temas que o requiran e o poder levantar causas xudiciais cando se considere pertinente. A votación, que foi aprobada cunha abstención, permite que a Asociación teña unha mobilidade que non podía ter ata o momento, tanto na convocatoria de accións para socios e alleos como para actuar xurídicamente, en particular sobre temas xa tratados ou que se xulgue necesiten unha resposta inmediata.
    Ó rematar a Asamblea xurdiu algún tema máis, que xa non foi contemplado para a acta pero que paga a pena citar, como o funcionamento do sistema de ambulancias dende a Mariña para tratamento oncolóxico para A Coruña ou a existencia continuada de troncos apilados en Mirasol con risco para os bañistas, con maioría de nenos, que están a nadar nas proximidades (praia dos Bloques)
    A asistencia resultou escasa, acusando o erro que se apreciaba na folla da convocatoria, na que se citaba para o día 15 nomeándoo como mércores.
Ribadeo, 16 de xullo de 2005.

20050927

De urbanismo e consecuencias

Hoxe recibín a nova de que o Concello de Ribadeo saca unha ordenanza na que obrigará ós propietarios de inmuebles no casco antigo a facer una revisión (pagada por eles) e despois a obra correspondente se é convinte (pagada ata un 85% cun máximo de importe duns 500€). Tamén leín que segundo parece as constructoras que fixeron cartos destrozando a costa do sol estanse mudando a esta zona, algo que xa supoñía por como se está a mover o mercado de terras e inmobiliario por aquí. Por último, Le Monde informa da dificultade que entrañou un laborioso proceso para que os vellos propietarios de pequenas vivendas ocupadas tamén de vello polos mesmos na illa de Re foran eximidos de pago de contribución ó ser confundidos por ricachóns con propiedades nunha zona de Francia na que a especulación turístico-inmobiliaria está polas nubes. Xuntemos todo eso e pensemos: Unha obra de restauración nunha casa vella pode facerse por menos de 100000 das antigas pesetas? Quen está a mercar o construído? Onde vai vivir a xente que de servicio a esa nova oleada? Chegaremos á situación que se da agora naailla de Re, onde hai o que se pode considerar 'ricos pobres' (ricos pola revalorización dos seus terreos, pobres porque non poden pagar nin os impostos debidos a esa revalorización)? E, ás veces na viciñanza, ás veces aínda na lonxanía, os convenios urbanísticos (será verdade que hai xa 14?) e o PXOM, que aínda ten sen definir as liñas básicas que foron pedidas por un conxunto de asociacións ó alcalde en xuño, pero que, sen importar o anterior, está esperando á existencia dun consenso para a súa presentación.
*Comezo con este post a introducir retazos que xa tivera colocado na rede nalgún momento, ben en http://agremon.pitas.com como en http://personal.redestb.es/agremon. Para non confundir, sempre especificarei cándo foi posto na rede ou publicado en papel.
Tres pés para a educación.
** O que segue foi publicado pola revista 'Xerfa' do IES Porta da Auga en xuño de 2005, a modo de editorial.**
Históricamente, a escola é algo moderno. A educación comezou sendo unha cousa de pais, que se viron axudados pola sociedade nun xeito de re-distribución do traballo para mellora do rendemento comunitario e logo a sociedade foi cristalizando un tipo de función propiamente educativa ata a extensión 'universal' da educación al como a coñecemos hoxe, con abrumadora maioría de persoas en centros especializados de diversos tipos.
En todo este proceso, débese entender que son os pais os que delegan a súa potestade educativa. Ten habido épocas (como no estalinismo ruso) nas que a sociedade era a que se atribuía a educación e delegaba por cuestións prácticas parte dela nas familias. Nembargantes ser entendido o anterior como un xeito de aberración nos tempos que corren, o certo é que a componente efectiva de cada un dos actores educativos na educación ten cambiado abondo en tan só unha ou dúas xeracións. E tamén a concepción educativa. Así, hoxe en día ténse nos nosos lares a unha familia desestructurada, tipo americano, que entende como natural o desvincularse da educación, aínda que non do seu resultado. É dicir, téndese ó 'consumo' da educación, non ó seu disfrute.
E este cambio de liña directriz é básico para diversos resultados: podemos ter alguén formado para falar inglés, valla por caso, sinxelamente porque o demandan así os poderes que tratan de dirixir a sociedade, pero non ter un individuo educado. Podemos ter unha persoa preparada para producir, pero non para levar adiante a súa propia vida. Podemos ter alguén preparado para competir, pero non para decidir por que merece a pena competir. E podemos ter tamén unha sociedade que, unha vez entendida a educación como consumo, se esqueza da compoñente de servicio e quede só a de beneficio.
As anteriores son só unhas pinceladas sobre temas candentes non só a nivel educativo, senón tamén a nivel social: a educación de hoxe implica a sociedade de mañá. Tamén é algo que debe estar na mente de todos os que formamos parte do sistema educativo, tanto alumnos como profesores. Só preguntándonos e distinguindo opcións como as ditas podemos ter un certo control sobre o que estamos a facer e nos están a facer (en ambos casos, tanto para profesores como para alumnos)
Quedan para outra edición outras cousas relacionadas. Nembargantes, mirade os artigos do interior pensando nas posibilidades e opcións que temos: veredes outra revista que non está no papel, pero que a fai posible.

20050926

Imaxe típica

Hoxe é o día seguinte á vitoria de Fernando Alonso no mundial, que ten revolucionada á xente. Fai moito máis tempo que tivo lugar a decisión que da lugar á imaxe de árbores pelados no Xardín de Sela: a decisión de cortar as árbores porque tiñan demasiado desenvolvemento. O resultado é que houbo case unha vintena que non deu tirado despois para arriba. E que levan xa anos ben pelados, sen cortiza ou ben con hedra... Pero non é só eso: na imaxe aparece o aparcamento ata na mesma esquina (esta vez, respectando o paso roxiblanco), o lixo xusto na cabeceira do xardín, carteis algo anárquicos, sinais de tráfico provisionais impedindo o paso a unha rúa despois de estar cortado ou semicortado un ano (non lembrades que a paralela a ela leva cortada todo ese tempo, e que o fronte do edificio botou abaixo a rúa?), ... é dicir, moi 'tipical Ribadeo' desta tempada, correspondente coa protesta que se levou a cabo onte coa marcha costeira en contra da factoría de Rinlo-Meirengos. Esperemos que a tempada pase.
No mundo, Polonia veu o día de dereitas tras as eleccións de onte e o Katrina, unha vez desfeito, da un respiro a Bush, que se ve cada vez máis respondido pola xente que se opón á guerra de Iraq, como no seu tempo pasou con Vietnam. Pero o día de hoxe pasará como o do anuncio da deposición total de armas por parte do IRA Irlandés. Será desta?

20050925

Mexón


Hoxe ía poñer outra foto e tratar outro tema, se ... non estivera polo parque e vira a un individuo (o que aparece na foto) no acto de subirse os pantalóns. Polas maniobras posteriores (cremalleira, cinturón, ...) coido que só foi un axuste de calzóns porque algo lle debía estar a picar. Un pouco despois, andivo na procura dun sitio tranquilo mentras estaba el un pouco intranquilo. Tras voltar de tras a Casa do Concello, parecía máis relaxado. Estiven a punto de recriminalo pola súa acción, pero non tiña probas...
O mundo funciona así: uns mexan en rincóns apartados e outros por enriba dos demáis. Por suposto, tamén hai mexadores que o fan onde está previsto facelo, pero aínda trae hoxe o xornal "cada concello fai o que lle da a gana" (falando de ruídos nouturnos, movida e demáis nas xornadas que está a celebrar a coordinadora galega de asociacións de veciños en Lugo), axustando que en casos, son os mesmos alcaldes os que o fan.

20050924

Continuando a loita


Fago unha nova intervención hoxe para postear dúas fotografías dunha loita que continúa: a da piscifactoría de Rinlo. Hoxe houbo na rúa peonil unha mesa e un cartel avisando do roteiro de mañá, percorrendo toda a zona lic (lugar de interese comunitario) e comezando dende antes del ata despois de pasar Rinlo cara a Ribadeo (ver mapa feito por Teresa Díaz un pouco máis abaixo). En fin, que aínda que polo momento parece que todo se conxuga para que se constrúa a piscifactoría, aínda non está todo perdido...
Rita xa non é máis que unha tormenta tropical forte... haberá que esperar para que se considere mellor o cambio climático como fonte motora deses ventos de perto de 300 km/h. Bush, que con Katrina debeu estar tentado a recoñecer a influencia dese cambio, agora supoño que xa o descarta: volve Iraq a ocupar máis sitio porque segue a morrer xente, tamén norteamericanos.

En ruinas

A foto marca unha casa boa e bonita en pleno centro de Ribadeo. Estado: ruinoso. Actitude: á espera. De que, eso non se sabe. Os carteis anuncian que alí se vai a facer algo. Xusto en frente restaurouse outra casa fai pouco, que pasou de ser unifamiliar a casa de pisos. Na foto tamén se ve claro o tema do aparcamento... aínda sen solucionar, un mes despois de tomada a foto.
Rita segue a causar medo en Texas mentras en Ribadeo parece que o verán xa desapareceu de vez co cambio a días máis frescos.
Unha noticia da ciencia e curiosa en titular: 'as formigas inventan o insecticida selectivo'