20231203

John Rutherford e a benvida de Daniel ós peregrinos

    Auditorio Hernán Naval, 13 horas do domingo 20231203. Última conferencia das xornadas Mar por Medio de 2023. Na mesa, Manuel Valín presente de forma emotiva e divulgativa a figura de John Rutherford, tras o que el comeza a falar: a benvida que dá Daniel ó peregrino que se asoma ó Pórtico da Gloria da catedral de Santiago. En certo xeito continuación da conferencia que Celia Castro deu o sábado no santuario das Virtudes.

    Deixo a gravación, que nalgún momento óese mal, un par de fotos e, para ter presente na escoita, unha imaxe collida da Galipedia do Pórtico da Groria e Daniel nel.



 

Daniel no Pórtico da Gloria. Por Lmbuga en commons, lic CC BY SA 3.0 Deed




20231202

Celia Castro, sobre os capiteis da Catedral de Mondoñedo

    No marco das xornadas Mar por Medio deste 2023, adicadas ó Camiño, hoxe, na capela das Virtudes da Ponte de Arante tivo lugar a presentación de Celia Castro sobre os capiteis da Catedral de Mondoñedo. Deixo o vídeo en dúas partes (peresentción por parte de Javier Ribera e a intervención de Celia Castro) e un curto audio sobre o turno de preguntas.

Movéndonos pola paz

    Unha vez máis, a paz será o tema da concentración deste domingo (mañá) ás 12:30 en Ribadeo. Necesario, mais ó tempo, insuficiente...


 

Xuntanza pensionista en Ribadeo 20231202

    Como cada primeiro sábado de mes, xuntanza pensionista (e non pensionista!) en Ribadeo. Ás doce, diante do concello, como atestemuñan as fotos de Suso Fernández, xuntámonos algo máis de trinta persoas. Deixo ó fonal a gravación do dito por Evaristo Lombardero, así como o que engadín eu mesmo e asemade as verbas de Pepe Salvatierra. Polo medio, interpelouselle ó alcalde, Daniel Vega, sobre a atención a un dos temas tratados. Non collín o que engadiu José Antonio Ares, lembrando que mañá haberá unha xuntanza pola paz ás 12:30, e que a próxima xuntanza pensionista en Ribadeo será o día de Reis, o que aproveitou para felicitar as festas ós presentes. Asemade, José Ángel Salvatierra lembrara que o próximo sábado 9 de decembro a mediodía hai unha concentración nas Figueiras, pola ría e contra a obra proxectada.



CHINA, MON AMOUR. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Captura de pantalla de https://gl.wikipedia.org/wiki/Rep%C3%BAblica_Popular_da_China, lic. CC BY SA 4.0

CHINA, MON AMOUR

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Nada máis lonxe de facer eu aquí un panexírico da China como fixo Marguerite Duras do Xapón posbélico na súa novela “Hiroshima, mon amour”, mais o xigante asiático está a “colonizar” economicamente medio planeta (incluíndo Europa) dun xeito tan subtil como eficaz. Comezou cos bazares e restaurantes chineses e continuou o seu “soft power” (poder discreto, mais ostensíbel cando non ostentoso) mesmo organizando uns xogos olímpicos ou o concurso de algo tan pouco maoísta como o concurso de Miss Universo. Segue mimeticamente o exemplo do que foi o espallamento da cultura popular estadounidense por todo o orbe a partir da II guerra mundial ou a da antiga Roma na época imperial.

    Aprendemos Tai-Chi e técnicas de defensa persoal chinesas (tamén niponas ou surcoreanas, abofé), comemos pan Bao, vemos series televisivas do meirande país “comunista” do mundo, practicamos a súa medicina natural, abraiámonos cos seus avances aeroespaciais e mesmo está de moda aprender o seu complicado idioma. Empregamos a súa tecnoloxía de telefonía móbil e subcumbimos a Tik Tok.

    A pandemia da Covid principiou alí e alí comezou o reparto de máscaras, xel hidroalcólico e vacinas. No eido político, EEUU (e con el todo Occidente, Xapón e Corea do Sur incluídos) teñen pavor da influencia da diplomacia “panda” en África, Asia e mesmo América Latina e dunha segunda “guerra fría” entre o capitalismo neoliberal e o tecnocomunismo de mercado nun mundo outra volta bipolar.

20231201

Das diferencias humanas

Das diferencias humanas

 

CI por países a nivel global. Collido de https://encyclopedia.pub/entry/29354, lic. CC BY SA

    Coido que cada humano é un ser diferente, algo no que estou seguro que coincido coa toralidade (ou case) do resto da humanidade. Son esas diferencias as que nos consolidan, á nosa propia vista, como únicos.

    As diferencias podemos clasificalas como xenéticas, epixenéticas, máis de carácter e outras adquiridas ó longo do desenvolvemento, e outras, de certo parecido coas anteriores polo feito de ser adquiridas ou herdadas, pero diferentes delas por ser totalmente externas á persoa e de base social. Entre estas últimas, inclúense cousas como os cartos a disposición. Cabe notar que os cartos, herdados ou non, non serven para moito se non hai unha sociedade que os acepte, pero o espírito emprendedor, basicamente adquirido, pode salvar a vida dunha persoa mesmo en soidade.

    As diferencias non son en xeral medibles dun xeito doado. Si é medible a estatura, ou os cartos no banco, pero asumir números sobre o carácter é cando menos dificultoso. Mesmo o coeficiente de intelixencia (C.I.), que se da sobre unha base de media 100 ou en porcentaxes, e está amplamente estendido, non é tan doado.

    Polo anterior, atoparme, na procura doutra cousa, cunha táboa que se atreve a ponderar a intelixencia media da xente de 193 países (en 2023), axuntando ademais datos como anos de escolarización, índice de desenvolvemento humano ou renda per cápita, é cando menos curioso. Máis aló da credibilidade que lle podamos dar. Aínda así, non deixa de chamar a atención que os seis primeiros países da táboa sexan do Extremo Oriente. Por orde: Xapón (106,48 de CI), Taiwan (106,47), Hong Kong, Singapur, China e Corea do Sur (102,35). Os sete seguintes son europeos, e seguen a combinarse durante abondas posicións, entre asiáticos e europeos. Os cinco postos finais inclúen tres países africanos, un da América Central e un asiático, que cerra a clasificación cun CI de 42,99. CI este último que implicaría que a media da poboación tería un retardo mental moderado.

    O uso dos datos ten licenza CC0 (é dicir, libre) e inclúe a fonte dos mesmos. Fonte por onde se chega a que en 104 dos países non hai un estudo que pretenda abranguer a toda a poboación, senón só unha análise dunha mostra en certo xeito semellante á que poda ter unha enquisa electoral, ou a que hai variacións, aínda que en xeral non demasiado grandes, segundo unha ou outra estimación feitas. Non moito como base, parece.

    Pero abondo para forzar se se quere unha discriminación entre países a nivel mundial. E máis, se vemos outros datos que acompañan, do índice e desenvolvemento humano ó ingreso por cabeza ou mesmo a poboación do país ou o número de premios Nobel. Algo capaz de crear incertidume gratuíta a unha persoa que acceda dende un dos países 'desfavorecidos' na ordenación de CI, ou superioridade, non menos gratuíta, nun dos 'favorecidos'. Tendo en conta ademais que os seis primeiros son poboados de xeito maioritario de longo por xente do grupo que seguimos a chamar 'raza amarela' por moito que dende hai tempo se saiba que os humanos somos unha única raza na actualidade, dende a desaparición dos neandertais.

    Por certo, curiosidade dentro de curiosidade, segundo eses datos, España, cun CI medio de 93,9, estaría no posto 44, por tras de Italia, Nova Caledonia e Vanuatu. E por diante de Bermuda, Chipre e Portugal, que estarían tamén por diante do ás veces veces afamado intelectualmente Israel, no posto 48 a pesar dos seus 13 premios Nobel tamén computados na táboa...

Concentración pensionista en Ribadeo, este sábado

    Como primeiro sábado de mes, este sábado terá lugar unha nova concentración en Ribadeo, respondendo á chamada dos pensionistas. Anímate a coñecer as súas inquedanzas e as de todos nesta chamada aberta.


A Charla sobre o proxecto de peirao nas Figueiras

    Onte, no auditorio da Veiga, tivo lugar a charla prevista sobre o proxecto de construción dun peirao, limitado por unha escollera, nas Figueiras. Presentada por unha representante de Amigos de Vegadeo, interviu Gonzalo Moure, de BioEo, Evaristo Lombardero e Antonio Gregorio, participando despois xente diversa entre os case trinta asistentes. Deixo algunha foto tomada por Inmaculada Gregorio (A World to Travel) e a gravación sonora do acto.