20221212

Adeus ás armas... Adeus ás armas?

Cuberta do libro Adeus ás Armas
    O próximo sábado 17 de decembro, ás 20:00 na Casa do Viejo Pancho de Ribadeo terá lugar a presentación do libro 'Adeus ás armas'. O coordinador editorial, Xoán Hermida terá a palabra.

    Deixo abaixo unha referencia sobre Xoán Hermida, o mesmo que a o libro para ser visualizado (ten lic. CC BY ND 3.0)/ligazón ó pdf do libro.

"Aquel que entenda ao baduíno contribuirá á metafísica máis que John Locke" Charles Darwin
"Non se pode resolver un problema coa mesma clase de pensamento que o produciu" Albert Einstein

Xoán Hermida González


Director do Foro OBenComún

Doutor en Ciencias Políticas e Xestión Pública. Universidade de Santiago de Compostela, 2015
Master Postgrado en Filosofia. Universidade de Santiago de Compostela - SET, 2010/2011
Curso Superior de Relacións Laborais. Consello Galego de Relacións Laborais, 1993
Licenciado en Historia Contemporánea. Universidade de Santiago de Compostela, 1984/1989

Publicacións:

Autor.-
- A saída da encrucillada; OBenComún, 2021
- Galicia no labirinto da nova política; Editorial Galaxia, 2018
- [Re]construír a esquerda nacional; OBenComún, 2013
- Verbas de Vieiros; OBenComún, 2009  

Colectivas.-
- Repensar a democracia; OBenComún, 2017 (Proceso constituínte e nova democracia)
- Ecoloxía Política: unha ollada desde Galicia; OBenComún, 2015 (coordinación e prólogo)
- 15M. O Pobo indignado; Edicións Laiovento, 2011 (autoorganizarse para defender o ben común)
- Galicia Solidaria; Edicións Xerais, 2009 (O comercio xusto en Galicia)

 

20221210

Secuencia de carga de madeira en Mirasol

    Hai tempo, teño cargado varios vídeos nos que se ve a mellora do tempo de carga de papel no peirao de Mirasol. Esta tarde estaba no porto de Ribadeo o buque Eems Stream cargando madeira e aproveitei para tomar un vídeo de como é o ciclo completo da carga dun camión coa ría de Ribadeo e Castropol de fondo. En realidade, medio ciclo, pois con dous camións, mentres un está no barco descargando, outro está cargando a madeira acumulada no peirao. O tempo, un sete minutos. É dicir, en 14 minutos (parece que un pouco menos, pero non moito menos), o camión vai despois de cruzarse co outro, a ser cargado de madeira pola grúa, desprázase ata o barco, é descargado pola outra grúa e intercambia a súa posición de novo co outro camión co que está a compartir o traballo. Dous camións e dúas grúas. Velaeiquí queda:

    Nestes momentos segue no porto. O que saiu esta mesma tarde, coa marea chea e con pasta de papel, foi o Pride, camiño de Hamina, un pequeno porto de Finlandia:


20221205

Oito mil millóns


Oito mil millóns

    Escrito de xeito numérico? 8 000 000 000. É unha cifra como outra, mais é a cifra que hai hoxe tres semanas foi sobrepasada pola poboación mundial, segundo os expertos no tema. En Galicia, cunha poboación minguante mesmo a pesar da inmigración, somos capaces de ter unha idea sobre que a poboación aumente, pero quizais, en xeral, non sexamos quen de xuntar esa cifra, a poboación que medra e o significado cara ó futuro, dun xeito consistente.

    Por poñer un exemplo, nos tempos nos que corría cara ás clases de xeografía, Europa tiña unha poboación maior ca de África, nada que ver coa relación hoxe en día, e a India, que o próximo ano será o estado máis poboado do planeta, tiña unha poboación de un terzo da actual. Algo que, aplicado a un mapa, fai cambiar o xeito no que (e do que) de se ve.

    A cantidade non é máis que unha das facetas en relación á poboación. Marrocos daquela tiña un terzo da poboación de España, e hoxe por hoxe supera os 4/5, a máis de que España integra hoxe por hoxe unha porcentaxe de persoas de orixe marroquí nas súas contas (1,6 % do total de poboación). E iso ten importancia na relación 'de forza' dos estados. O dentro deles: Galicia ten hoxe por hoxe unha porcentaxe de poboación do estado dun 5,5 %, mentres no 1970 a porcentaxe era un 7,6 %, é dicir, en xeito xeito, a 'importancia' de Galicia en España era case un 50 % maior hai cincuenta anos.

    Máis? Mentres hoxe a idade media da poboación en Galicia aproxímase ós 48 anos, no 1970 andaba polos 35. Algo bo é algo malo: ser máis lonxevos vai asociado a unha mellor calidade de vida. Pero o ter relativamente menos xente nova leva consigo cousas como menor impulso vital ou económico, ou problemas de sostibilidade social completamente diferentes. É un cambio máis da estrutura da poboación que vai moito máis aló da apreciación dunha menor necesidade de garderías infantís e maior de residencias de maiores.

    E, todo o anterior, sen considerar a sociación das meras cifras de poboación con outras, como consumo de recursos ou produción de contaminantes per cápita (e polo tanto, a nivel global e de cada comunidade).

    Fíxoseme raro que desta volta, xa digo, hai tres semanas, se tomara a cifra de oito mil millóns sen asociala, nos medios galegos, á decrecente poboación local, por outra banda, fonte de titulares recorrentes ao menos dúas veces ó ano, con motivo dos informes dos institutos de estatística (INE e IGE). Ó igual que se me fai curioso a insistencia nas cifras e non no significado que levan asociado e a rede de relacións entre cifras diversas, nun mundo en transformación, non só con moitos e grandes problemas e desafíos, senón tamén con moitas e grandes oportunidades.

A farola de Ribadeo

    Na páxina numerada como 10 da revista 'Eco de Galicia', editada na Habana (hai outros 'ecos' que o foron en Lugo, A Coruña ou Bos Aires), nº 339, agosto de 1928, aparece unha pequena reportaxe de Francisco Lanza sobre 'a farola de Ribadeo'. Con algún erro e/ou inexactitude, coido que é unha peza que pode ser agradable para os ribadenses ou xente que se sinta próxima a Ribadeo e que vexa con cariño a illa Pancha. Xa no dominio público, aí vai:



Escrito entregado aos presidentes da Xunta e do Principado

    Hai xa unha semana que os presidentes de Galicia e Asturias reunironse en Ribadeo. Coido que a difusión anterior á xuntanza non abondou, mais aínda así parece debeu ser un acto para a galería polo lugar onde foi -'Encuentros en el Eo', e patrocinado por un medio galego con intereses tamén en Asturias-. Desenvolto no auditorio municipal de Ribadeo o pasado 28 de novembro, participou (invitado, non a falar de xeito directo) nel tamén o alcalde, como Presidente tamén do lugar anfitrión (o 'Eo', ó que parece). E a ambos lles entregou un documento que deixo a continuación. Un documento que se entendería político, pero que tras a lectura coido que vai ao menos tanto dirixido á cidadanía como ós políticos de diversas administracións, presentes ou ausentes.

Escrito entregado aos presidentes da Xunta e do Principado (novembro 2022)

Á atención do Presidente da Xunta de Galicia

Á atención do Presidente do Principado de Asturias

RIBADEO E A RÍA DE RIBADEO COMO LUGAR DE ENCONTRO

En Ribadeo, a Porta Norte de Galicia, levamos con moito orgullo o feito de ser un pobo acolledor e un cruce de camiños dos de aquí e dos de aló.

Tamén nos enche de orgullo vivir ao pé dunha Ría que non separa, senón que une a galegos e asturianos. A Ría de Ribadeo, co seu nome histórico, científico e tradicional, toma o nome da poboación portuaria máis importante ao longo da historia, ao igual que o fan o resto de rías sexan de Galiza, Asturias, do Atlántico ou do Cantábrico. Por iso, estamos moi contrariados pola Resolución que adoptou o Instituto Geográfico Nacional e que sen dúbida apelaremos para que se faga xustiza, pois a Ría é de todos e de todas, pero o seu lexítimo nome foi e é Ría de Ribadeo.

No entanto, e máis aló deste debate interesado polo nome, quizais para desviar o foco de atención doutras carencias, seguimos vendo moi pouca preocupación pola situación ambiental do espazo e a necesidade de conservación da Ría e a súa contorna como un espazo natural fundamental, tanto para Galiza como para Asturias.

SANEAMENTO DA RÍA DE RIBADEO

A calidade sanitaria das augas residuais que verquen na Ría, produto dos asentamentos de poboación nas súas beiras, segue sen ser a mellor. E de maneira concreta, deben requirir especial atención as que veñen de Asturias. Cómpre dunha vez por todas resolver as verteduras, os emisarios rotos e os alivios que se aprecian a simple vista coa baixamar e que aportan unha cantidade inxustificada de bacterias coliformes. Estes feitos non son en absoluto beneficiosos para a flora e para a fauna da Ría, nin en consecuencia para os habitantes das dúas beiras. Débense poñer prazos para resolver isto.

AVANZAR DE XEITO DECISIVO NA ELIMINACIÓN DE INVASORAS E PLANTACIÓN DE AUTÓCTONAS COMO FACEMOS EN RIBADEO.

Como tamén cómpre estender a ambas as dúas beiras da Ría o que desde o Concello de Ribadeo levamos anos facendo como auténticos Quixotes nun mundo onde as outras administracións seguen a mirar con desleixo para o outro lado: Substituír as masas forestais de especies exóticas e invasoras por outras frondosas autóctonas. Unha palmeira, unha acacia ou un eucalipto poden estar perfectamente nun parque urbano. No espazo natural da ribeira da Ría non. Sabemos que a cidadanía o está a valorar positivamente e que continuamente nos anima a completar esta tarefa por toda a nosa ribeira até o límite do Concello, pero precisamos doutras administracións para avanzar máis axiña, e que á volta de poucos anos poidamos ver as dúas ribeiras como unha marabilla natural, viva e con todo o seu esplendor.

AXUNTAR E COORDINAR ESFORZOS ENTRE ADMINISTRACIÓNS

Tamén facemos unha chamada a axuntar esforzos por parte da Xunta, do Principado e do Goberno do Estado para ben dos nosos paisanos e paisanas. Primeiramente requirimos axuda decidida da Xunta de Galicia para renovar a vella acometida principal de auga da que nos servimos Ribadeo e Trabada e que pasa polo antigo trazado do tren mineiro.

E seguidamente, necesitamos a colaboración entre o Goberno do Estado, a Xunta e o Principado para facer da antiga vía do tren mineiro Ribadeo – Vilaodriz unha vía verde entre Ribadeo, Trabada, San Tirso e A Pontenova, que sería unha das rutas verdes máis importantes a nivel do Estado. Unha oportunidade turística, deportiva, socioeconómica de primeiro nivel. Os alcaldes e máis a alcaldesa destes Concellos levamos anos loitando por este proxecto que sería marabilloso para os veciños e as veciñas desta comarca natural.

Alegrámonos moitísimo de ter aquí aos Presidentes da Xunta de Galicia e máis do Principado de Asturias para expoñerlles todo isto porque agora é o momento. Agora é cando hai dispoñibilidade de fondos europeos para tal fin, xa sexan xestionados directamente polo Estado como transferidos as CC.AA. Agora non debe ser tempo de escusas, senón que debe ser tempo de vontades firmes.

CONCLUSIÓN

Se non teñen escusas, e se teñen vontade de levar todo isto adiante, terán en nós a máis leal colaboración e coordinación. Sabemos do que falamos, e sabemos o que queremos. Só queremos que vostedes tamén falen, acorden e fagan. As xentes de aquí e de acolá hánllelo agradecer.

Ribadeo, 28 de novembro de 2022

Asdo. O Alcalde de Ribadeo,

Fernando Suárez Barcia

Rueda, Suárez e Barbón.

 

20221204

DEBUXAR UN XORNAL. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Plantu, nunha conferencia. Jérémy Barande / Ecole polytechnique Université Paris-Saclay en https://commons.wikimedia.org. CC BY-SA 2.0

DEBUXAR UN XORNAL

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Cando naceron os xornais tal e como os coñecemos hoxe, no século XIX, os debuxantes de prensa estaban considerados un simple accesorio, unha especie de artistas na marxe da páxina e polo tanto á marxe do xornalismo. A cousa mudou desde a primeira guerra mundial, pasando a seren verdadeiros editorialistas gráficos respectados polo seu enxeño e o seu trazo áxil como signo da liberdade de opinión.

    Un bo debuxante xornalístico debe provocar, interpelar, amolar, reflexionar e por suposto facer rir ou, como mínimo, sorrir. Ese é o caso de Jean Plantureux (alias Plantu), un clásico das páxinas de Le Monde. Discípulo do mesmísimo Hergé, debutou coa guerra de Vietnam abrindo fogo no papel. Os seus lapis de cores eran mísiles de precisión dirixidos aos seus lectores. Cos anos, rematou debuxando na propia portada do rotativo, recoñecemento ao seu humor negro, lúcido e ao mesmo tempo profundamente informativo. Como marca persoal sempre acompañou as súas viñetas co debuxo dun rato de biblioteca.

    Na prensa española houbo e hai grandísimos profesionais neste eido e por suposto tamén na galega. Para mostra o que asina neste mesmo xornal [Nota: dirixido ó El Progreso] facendo marabillas coa actualidade do cotián.

20221203

Concentración de pensionistas en Ribadeo 20221202. Palabras de Evaristo Lombardero

    Adxunto as verbas de Evaristo Lombardero na concentración de hoxe sobre as pensións, con algunha foto tomada por Suso Fernández e un comentario deste último.

Verbas de Evaristo:

Bo día compañeiros e compañeiras, como hoxe é o último sábado de 2022 temos que facer un breve repaso das actividades que tivemos este ano e de algún xeito prantexarnos os plans para o 2023.

Nunca poderemos estar totalmente satisfeitos mentras non se consigan definitivamente e se asenten de unha maneira estable tódalas reivindicacións que temos pendentes e moito menos pasarnos a man polo lombo decindo que somos mais listos ou mellores que os demais pero non é ningunha falsedade recoñecer que o 2022 non foi un mal ano para os movementos e plataformas de pensionistas do estado español. En primeiro lugar porque saímos bastante airosos de unha gravísisma crise social e política derivada da pandemia e da chantaxe permanente das dereitas e o seu aparato mediático, das multinacionais, particularmente da enerxía, da banca, das guerras, e de todo o contexto sociopolítico que deriva nun sistematico acoso ao estado de benestar, ca suba escandalosa do coste da vida das clases traballadoras e os intentos de privatizar ata o aire que respiramos. En segundo lugar porque mantivemos e recuperamos grandes espazos de unidade e de movilización que de algún xeito estivo na corda froxa nos dous anos anteriores e en terceiro lugar porque fomos quen de dar resposta a tódalas propostas do goberno e concretamente de Escrivá, que en moitos aspectos tivo que dar marcha atrás aos proxectos de privatización do sistema de pensións e finalmente aprobar unha suba arredor do 8.5 % que se ben está lonxe de ser unha solución aos problemas das pensións mais baixas é moi superior ao que teríamos se nos quedásemos na casa e por suposto se gobernase o trifachito do PP-VOX-CIUDADANOS.

Ao longo de este ano fomos a Madrid a unha concentración no mes de Abril a presentar mais de 300 000 sinaturas recollidas en todo o estado para esixir a auditoria de contas da Seguridade Social, aquela foi unha concentración nas cortes con representantes de todo o estado e con varios deputados de distintos partidos que apoiaron as nosas reivindicacións, pero o maior éxito do ano foi a manifestación masiva do 15 de outubro, tamén en Madrid con unha participación de perto de 50 000 persoas esixindo a suba das pensións de acordo co IPC real e non coa media mensual que prantexaba Escrivá. Polo medio tamén debe suliñarse un acordo entre o goberno e Bildu para unha suba do 15 % nas pensións non contributivas que sen ser a panacea tampouco é despreciable porque para a maioría vai supoñer unha suba duns 700 euros ao ano. Quero insistir no que dixen ao primeiro, en absoluto citar estas cifras é para darnos xabón, pero o feito é que sen a nosas movilizacións non se houbese conseguido nada de nada e xa non digamos se lembramos unha vez o 0,25 de Mariano Rajoy.

Lembraremos tamén a manifestación de Santiago do pasado 19 de novembro na que participaron diferentes colectivos sociais e algún sindicato anque non nos apoiaron os sindicatos maioritarios. Nesta xornada prantexabamos unha movilización pola defensa do estado de benestar conxunta en mais de 50 localidades do estado español, prantexando a esixencia dunha vida digna, a contención da suba do coste da vida para que se pare a sangría da perda de poder adquisitivo das clases traballadoras e pensionistas, a denuncia do deterioro e privatización dos servizos sociais e sanitarios, a suba das pensións e do salario mínimo ata o 60% do salario medio como esixe a Carta Social Europea, un paquete de medidas urxentes para superar a fenda de xénero en salarios e pensións e sobre todo poñer en primer plano que a movilización e a loita unitaria son a única ferramenta eficaz a curto e longo prazo para defender os dereitos das maiorías traballadoras fronte a voracidade obscena do gran capital.

Lembraremos tamén que hai uns meses fixemos unha estimación do que suporía unha suba das pensións en Ribadeo dun 10 % e saíame unha cifra dun aporte de capital de 3 750 000 euros para o 2023. Agora co 8,5 % saen uns 3 200 000 euros aproximadamente. Naturalmente estes ingresos van repercutir sobre todo no consumo local de produtos de primeira necesidade, polo tanto danos pé para insistir en que o noso movemento e as nosas reivindicacions non son exclusivistas e teñen un impacto social que se fai extensivo a todos os sectores da economía local e de aí que debamos explicalo para que se entenda que os nosos intereses en gran medida coinciden cos da maioría da veciñanza e non só porque os futuros pensionistas tamén se van beneficiar das nosas movilizacións no futuro, senón porque agora mesmo xa benefician a amplos sectores da nosa comunidade.

Deixo para o final dous comentario que tamén fixemos anteriormente e que van ser algúns dos nosos obxectivos no 2023. A auditoría de contas de Seguridade Social que foi aprobada por lei o 28 de decembro de 2021 e que obrigaba ao goberno a nomear unha comisión de traballo no prazo de un mes e ter un informe no prazo de seis meses. Pero o goberno segue mareando a perdiz e aínda non se nomeou a comisión de traballo que xa tiña que estar funcionando dende xaneiro deste ano. A lei esixia e esixe a auditoría das contas da caixa de pensións dende 1967 ata 2019 e hai cálculos de un grupo de economistas que estiman que a derivación de fondos da caixa de pensións para financiar actividades de diverso tipo pode superar os 800 000 millóns de euros. As plataformas de pensionistas esixen que o estudo o faga o Tribunal de Contas, un organismo autónomo dentro do estado, pero Escrivá pretendía que a fixese a propia Seguridade Social e mais recentemente unha consultora privada. A nosa oposición derivase da sospeita de que pode haber unha manipulación á baixa xa que despois de coñecerse os resultados poderíase esixir a devolución deses fondos substraídos da caixa das pensións ao longo de cáseque 50 anos. Lembremos que esta auditoría foi esixida polo movemento de pensionistas xa no 2019, e despois asumida polo Pacto de Toledo e polos sindicatos maioritarios. A importancia desta auditoría é doada de entender: cando se faga quedará demostrado definitivamente que todos os bulos de que o sistema público de pensións non é sostible son absolutamente falsos e este sistema podería ser perfectamente compatible ca economía española se non se roubasen miles e miles de millóns aportados polas cotizacios de tantos anos, e as débedas débense a esa práctica depredadora que levou en tempos de M. Rajoy a transferir aos bancos mais de 63 000 millons de euros no ano 2008. Dos que por certo so se devolveron catro mil. Polo tanto para que se consolide o sistema público de pensións e se rexeite definitivamente calquer proxecto de privatización seguiremos loitando por que se faga canto mais axiña a auditoría das contas da seguridade social e que esta sexa feita con rigor e transparencia para que saian a luz pública todos os roubos que se viñeron facendo ao longo de tantos anos da caixa dos pensionistas.

O segundo asunto que quero comentar agora é o proxecto de Escrivá de prolongar o período de cómputo para o cálculo das pensións. Estamos en contra de esa ampliación porque vai supoñer unha perda de ingresos para os futuros pensionistas, afectando especialmente ás mulleres que non tiveron oportunidade de incorporarse ao mercado de traballo externo pola sua adicación á familia e aos coidados e que son traballos que non serían avaliados no proxecto de Escrivá que sería o causante dunha maior fenda de xénero.

Estamos xa que logo diante de un novo ano no que seguiremos loitando e movilizándonos polo obxectivos que viñemos defendendo en anos anteriores, pensións dignas que permitan unha calidade de vida xusta, suba anual das pensións dacordo co IPC real, pensión e salario mínimo do 60 % do salario medio como recomenda a Carta Social Europea, non á fenda de xénero, non aos plans de pensións privatizados de empresa, auditoria de contas da seguridade social para coñecer as retiradas de fondos fraudulentas ao longo de 50 anos, dereito á saude e a unha asistencia médica correcta sen recortes nin privatizacions, e aquí temos que denunciar a último invento do paraguas da Xunta de Galicia que é copia do que implantou Ayuso en Madrid e son os servizos de urxencias sen médicos ca desculpa de que non hai este tipo de facultativos cando está perfectamente estudado que o persoal sanitario tanto médico como de enfermería vaise do sistema público pola precariedade e inestabilidade no emprego e non por motivos económicos e esa política de persoal responde a unha estratexia de disolución e debilitamento do sistema público para favorecer o crecemento do privado, dereito a unha alimentación sana e equilibrada rexeitando as cadenas industriais que producen comida-lixo e son unha das primeiras causas de cancro, esiximos un plan e un compromiso político e económico ca atención a dependencia, en primeiro lugar a través de institucións públicas onde todo o persoal se sinta seguro e estable con uns salarios, unha formación profesional e unhas condicións laborais dignas e un incremento dos investimentos do 0,7 actual ao 1,7 que é a media europea para achegarse ao 3 % do PIB que é a media dos Paises Nórdicos. En fin seguiremos esixindo unha educación pública de calidade e un parque público de vivendas de aluguer a presos xustos para xoves e clases traballadoras veñan de onde veñan.

Compañeiros e compañeiras: GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS E SERVIZOS PUBLICOS DEFENDENSE 

Comentario de Suso:

Medio cento de persoas xuntámonos este primeiro sábado de mes 2/12/2022, na loita por pensións e servizos públicos, que nos foron, e seguen arrebatándonos pouco a pouco, e sen ver a xente moverse, tede presente o noso lema: Goberne quen goberne, as pensións e o público deféndense.

Fumos moitos, xa fomos menos e agora estamos a medrar de novo. Isto quere dicir que a xente segue descontenta; por moito 8,5 % de promesa, sube moito máis (moitísimo máis) a cesta da compra e dos servizos básicos que as pensións.


20221202

A insoportable levedade de «Por nuestro faro». Covadonga Suárez

A illa da Creba, na ría de Muros e Noia

 A insoportable levedade de «Por nuestro faro»

En 7 anos de loita polo público, nunca nos sentimos tan pequenos como o pasado verán, cando todos os xornais recollían en portada a chegada salvadora do señor alcalde de Ribadeo ás portas de ferro da illa Pancha, para abrilas por mandato da Autoridade Portuaria, como se estivese a liberar aos prisioneiros dun campo de concentración. O espectáculo, dunha teatralidade sen precedente, parecía escenificar unha heroicidade onde en realidade só había acatamento. Con todo, as ameazas de aparecer cunha radial para acabar despegando unha placa, marcaron os titulares dun momento cinematográfico entre «A matanza de Texas» e o desembarco de Normandía.

A resolución do TSXG contra a empresa concesionaria e a resolución de Portos de abrir a illa son unha excelente noticia, a pesar da inacción da Autoridade Portuaria durante todo este tempo e os notables esforzos do Concello por cubrir de silencio o asunto, sen esquecer a súa gran habilidade para surfear as ondas do Panchorro segundo van vindo.

Por nuestro faro dirixiuse a Portos de Ferrol-San Cibrao en numerosas ocasións, pero aínda máis ao Concello de Ribadeo, por ser este, en última instancia, quen daba as licenzas de obra e de apertura, a pesar de non contar con fosa séptica legalizada, con informe ambiental, e non respectar a apertura ao público, que era a condición explícita para a concesión de devandita licenza. Tiveron que aparecer sentenzas do TSXG (tras unha denuncia do concesionario ao Concello, non por ningunha iniciativa do alcalde) e a resolución definitiva de Portos para que Fernando Suárez acudise ás portas dunha Illa Pancha que levaba 7 anos pechada aos ribadenses.

Nestes anos a asociación de veciños Por nuestro faro dirixiuse ó Valedor do Pobo, organismo en Galicia encargado de facer respectar a transparencia e o dereito á información, para reclamar respostas ao Concello de Ribadeo. Tamén nos diriximos ó Defensor do Pobo en varias ocasións, quen nos deu a razón e pedira o informe ambiental a Portos de Ferrol-San Cibrao: trátase dun informe inexistente aínda a día de hoxe, xa que Portos non o esixiu á empresa concesionaria nin o Concello mostrou ningún interese por esixilo a Portos. Igualmente dirixímonos a Ecoloxistas en Acción para exporlles o problema, quen ante o silencio reiterado das institucións, decidiron outorgar a bandeira negra 2022 á Illa Pancha.

Tamén chamamos recentemente ás portas do grupo parlamentario do BNG cando nos decatamos de que o Bloque reclamaba a illa da Creba como pública, traballando de xeito conxunto xunto á 'Plataforma pola recuperación da illa da Creba'. Un BNG en defensa do público era todo o que a asociación «Por nuestro faro» quería para Ribadeo. Pouco despois empezaron a moverse as cousas, e, aínda que ninguén dos de aló arriba nos mencionounos en ningún momento, os agradecementos doutros fannos pensar que estes anos de loita non foron en balde.

Pero non imos perder o tempo dándonos palmadiñas no ombreiro. En primeiro lugar estimamos, e así o di a lei de Costas, que a natureza e o mar non debe ter portas. Dicir que podemos entrar de tal hora a tal hora nunha praia como se fose un museo é pouco menos que ridículo. Porque, se pór portas ao campo é posible é debido á privatización dun espazo que nunca debeu ser explotado por particulares. Seguimos pensando que a illa Pancha é de todos, e iso non será efectivo mentres haxa unha porta e un negocio dentro.

Obtivemos o acceso libre en horario restrinxido, e é un triunfo, pero non a panacea que nos vende estes días na prensa o noso alcalde. É inaceptable declarar: «nada temos que obxectar ás actividades que o Estado poida concesionar nesta illa», como xa declarou outras veces, e despreocuparse das consecuencias. Iso significa que a illa non é de Ribadeo senón do goberno español de quenda, -neste caso foi o PP de Rajoy o que impulsou a reconversión dos faros en hoteis a través do programa «Faros de España»- e que pode facer o que considere oportuno. É dicir, que alí poden montar a marimorena, sexa ou non patrimonio público, sexa ou non un lugar emblemático para Ribadeo, sexa ou non un espazo protexido pola lei Natura 2000.

Seguimos sen estudo de impacto ambiental, e descoñecemos se o alcalde vai esperar outros 7 anos para reclamalo como mensaxeiro de Portos, a Xunta ou o goberno español, así que pese á nosa insoportable levedade como asociación, dende Por nuestro faro imos seguir esixindo garantías para que a illa Pancha sexa un espazo público e protexido, para todos os efectos. Non como agora, unha illa en mans alleas onde, grazas á sinalización explícita, todo o espazo transitable é unha cafetaría e os seus accesos, en horarios comerciais.

Covadonga Suárez, presidenta da AVV Por nuestro faro