20210719

Estou sen vacinar!

Estou sen vacinar!

   Hoxe atopei un coñecido que, a modo de saúdo, dime ‘estou sen vacinar!’. A conversa (el ten máis de 50 anos) pasou a desenvolverse máis ou menos nos seguintes termos:

- /Pois?

- O caso é que non teño móbil. Pasei polo Centro de Saúde varias veces, pero polo momento non teño vez. Vou agora alí por outra cousa, e volverei a tratar de conseguir unha cita para a vacinación. Non teño móbil e parece que non se lles ocorre que poden enviarme unha carta á casa.

- /Pois parece que a cousa vai ir a peor.

- Como?

- /Digo, que parece que o da conexión das administracións vai ir a peor, que cada vez vai ser máis difícil.

- Ah! Si, cada vez está peor.

    Seguiron aínda un par de breves intercambios, pero o fundamental estaba dito. Continuou cara ó Centro de Saúde co seu andar típico e a máscara negra en medio da rúa semi baleira e a ‘quinta vaga’ en boga.

    Non é a primeira vez que se me pasa pola cabeza o alleamento real causado polo achegamento dixital/telemático. Pero hoxe, este caso concreto, levoume a lialo con que este artigo estarás a lelo nun formato dixital. Raro será que o vexas en papel cando os lugares en que vai aparecer son páxinas na rede. Non sempre fago artigos ‘só dixital’, pero este si estaba previsto que o fose, xa antes de ter o tema.

    Volvendo ó coñecido, é unha persoa que dende hai tempo manexa internet, non é un negacionista dixital – tampouco antivirus - nin ninguén que viva no curuto dun monte apartado. Non, sinxelamente, non ten móbil. É dicir, non hai que procurarlle os tres pés ó gato, nin explicacións ad hoc. Non ten móbil. E punto. E hoxe, o móbil está incorporado ás necesidades sociais de diversos xeitos. Incorporado ás necesidades impostas, pero non ós servizos debidos. Tamén, de forma importante, esa imposición é cousa das administracións. En tempos, a imposición era ter un enderezo postal, unha ‘casa’ onde poder recibir comunicacións. Hoxe, é o móbil e o correo electrónico como base para conseguir o certificado dixital ou equivalente que te achegue ó tempo que te afasta da administración. Básico o depender das compañías de telecomunicacións, o mesmo que dos bancos: obrigado pagar impostos por vía bancaria, entre outras moitas cousas. E para unhas e outras, hai que desviar unha parte dos cartos do mes, obrigado pola regulamentación administrativa. Se non, estás fóra. Fóra da sociedade, pasas a ser infra, unha especie de infrapersoa que ve como outra xente – poucos – convértese polo contrario en supra, ‘clase supra’, suprapersoas por riba dos máis, mesmo por riba da lei na práctica.

    Como remate, esas ‘infrapersoas’ comparten xenes e humanidade (aínda que a algúns non llo pareza) coas ‘suprapersoas’ para as que parecen invisíbeis. E virus. E así dáse o paradoxo que por unha sinxela segregación social doutros que non poden protexerse, os uns poden contaxiarse e sufrir. Ó final, aínda que non nos decatemos, todos somos prexudicados por esas diferenzas que asoman en cousas creadas pola humanidade, como os cartos ou a tecnoloxía.

Progresión do coronavirus en Ribadeo (XXII)

 

    Seguimos ó alza. 38 casos a 14 días marca agora mesmo o Sergas, de novo, nunca houbera tantos en Ribadeo. Incidencia, 380 casos por cada 100 000 habitantes.

Anteriores.

Coronavirus en Vilalba 20210719

 

   Novo aumento de casos... hoxe son 28. Incidencia a 14 días, 199 por cada 100 000 habitantes.Sen comentarios.



Anteriores desta serie.

Ira nas Catedrais

   Collo unha foto allea que atopei no twitter (é a que puxen en negro as caras) para xuntarme por outro medio á denuncia. Aí queda.

A través de 

Vías da cultura en Ribadeo

Presentación do libro Socialismo en Europa

Presentación do Ribadeo Ilustrado

   No verán, Ribadeo ferve de actos diversos, aínda que tendan a agruparse nalgúns días máis concretos. O xoves 15 asistín a dous actos culturais ben diferenciados en Ribadeo, e que, ó tempo, presentáronseme non só querendo ocupar o mesmo espazo senón tamén como compoñentes alternativas da visión da realidade.

   Co da ocupación do mesmo espazo refírome ó espazo temporal (cheguei tarde ó segundo non rematando o conxunto do primeiro), pero tamén cultural (comparten parte do conxunto de xente á que van destinados) e mesmo de interese (os dous teñen trasfondo económico). Trátase da presentación do 'Ribadeo Ilustrado', a charla de Eduardo Gutiérrez sobre o Ribadeo no século XIX e comezos do XX baseada arredor da economía, e a presentación do libro 'Socialismo en Europa', con charla de Xabier Pérez Dávila (que deixo en parte en podcast), tamén en boa parte arredor da economía, neste caso, europea e mundial.

   Pero o que máis me deu que pensar foi que son dúas compoñentes alternativas para mirar a realidade actual. E tamén por varias razóns. No caso do Ribadeo Ilustrado, o motor do acto era unha institución, o propio concello, e o acto, oficial, no salón de plenos, con máis de trinta asistentes que ocupábamos todo o espazo dispoñible antes de pasar (quenes foran) ó exterior, a unha visita teatralizada, etc. No caso do libro, o cine teatro, con máis separaciń dispoñible, acollía a algo menos de trinta persoas chamadas a acudir por un cartel sen máis logotipos que o que na portada do libro puxo no seu momento a editorial, e impulsado polo movemento de pensionistas de Ribadeo, integrado en MODEPEN, sen outro tipo de infraestrutura máis que o movemento boca a orella e unha nota de prensa. Posibilidades, logo, ben diferentes, aínda que repercusión no momento semellante en canto a asistencia, e textura de público ó final ben diferente.

   Dende outro punto de vista, Lalo recolleu diversos feitos para resumir a historia nun acto no que se trataba de potenciar a historia de Ribadeo como fonte de ingresos para o Ribadeo actual. No caso de Xabier, o que se tratou foi de estudar a evolución de liñas relacionadas co socialismo para proxectar un posible futuro da economía en Europa. En ambos casos, tanto o tema como a perspectiva eran máis amplos do reseñado, pero en ambos, de xeito consciente ou inconsciente, estimo que o fundamental era a economía, pasada, actual e futura. E as miradas, cunha base ideolóxica de partida relativamente semellante (que non persoal) estimo que non poden ser máis diversas. Non na análise en si, senón na orientación procurada por quenes deron as charlas, por quenes as impulsaron e tamén, por quenes asistiron...

20210718

Coronavirus en Vilalba 20210718: Novo aumento

   Novo aumento de casos: hoxe son 24. Incidencia a 14 días, 170 por cada 100 000 habitantes. Parece que non aprendemos como sociedade.

   Hoxe deixo tres imaxes: a gráfica de conxunto, a captura de pantalla da web do SERGAS de hoxe e o detalle dos casos de hoxe, onte e antonte para ver a progresión.




Anteriores desta serie.

Progresión do coronavirus en Ribadeo (XXI)

    Como por desgraza vaticinei na entrada anterior da serie, batimos marcas en plena campaña de vacinación, con boa parte da xente coa vacina posta. 32 casos a 14 días marca agora mesmo o Sergas, nunca houbera tantos en Ribadeo. Incidencia, 320 casos por cada 100 000 habitantes.

   Protección...



9:30 20210718 Microcorte de luz #cortesdeluzRibadeo

   De novo, ás 9:30 da mañá, un corte de luz afectou á zona centro de Ribadeo. Puxo en marcha os equipos alternativos de telefónica por un rato, oiuse o clic dalgúns aparelloes eléctricos... #cortesdeluzRibadeo