20190704

O pleno de hoxe, en poucas verbas

O primeiro, a convocatoria:
E logo, os comentarios:
Collo a convocatoria das notas do concello, onde esta vez foi publicado co comentario para a prensa. A nota de prensa ten como anexo a convocatoria do pleno, e como ilustración, a foto do grupo BNG:
O alcalde (liberado, 2390 euros líquidos ao mes, por 14 pagas, no centro) vese acompañado dos seus concelleiros afíns, Mari Luz Álvarez Lastra (que hoxe será delegada de Igualdade, Ensino é Mocidade, e primeira tenente alcalde, á nosa dereita do alcalde); Pablo Vizoso Galdo (Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, segundo tenente de alcalde, á súa dereita); Mónica Freire Rancaño (Servizos Sociais e Obras, terceira tenente de alcalde, á nosa esquerda do alcalde); Jesús Mundiña Acebo (Medio Rural, xusto baixo o Marqués); María del Pilar Otero Cabarcos (Cultura e Consumo, cuarta tenente de alcalde, primeira muller á nosa esquerda); Jorge Díaz Freije (á nosa esquerda, Medio Ambiente e Deportes, liberado con 1739 euros líquidos por 14 pagas)
A xunta de Goberno constituirana o alcalde máis Mari Luz Álvarez Lastra, Pablo Vizoso, Mónica Freire e Pilar Otero


Nós seguimos a ser emigrantes

Nós tamén fomos emigrantes. Ese é o título da exposición inaugurada o outro día na oficina de turismo. Fotos de axencia que recorren a emigración española dende 1941, ano no que se enviaron traballadores ás fábricas alemás en plena guerra mundial, ata finais da ditadura.
Coido que hai un pouco desorde na presentación, mais pode seguirse ben. Unha foto da igrexa pedindo para os emigrados, cando eran os emigrados os que estaban enviando partidas de cartos que repercutían en España, chámame a atención. Ou que se presenten como emigrantes sen máis os de 1941 cedidos por Franco a Hitler (coido que non se debe dicir por España a Alemaña) en viaxes organizados polo goberno, recibidos nas fábricas tamén de xeito organizado e con saúdo fascista, e logo escamoteados pola ditadura para non afear o historial.
Pero máis que o que comento arriba e outras cousas parellas, chámanme a atención dúas cousas.
A primeira, o propio título, 'Nós tamén fomos emigrantes', como se na actualidade os nosos fillos non estiveran polo mundo adiante como emigrados, como se tivera sido cousa doutra época, como se houbera que recurrir ó folclore da emigración para pedir un pouco de piedade para os inmigrantes. A mentalidade que se foi tentando construír dende as alturas é así, e así se presentan hoxe moitos casos que teñen dificultade en distinguir entre emigración e inmigración, dúas palabras simétricas cun significado nas frases que é moi diferente.
A segunda, na nota do concello, a foto que reproduzo.
Certamente, o alcalde naceu na emigración, pero coido que a foto como tal, para remarcar un tema sensible como a emigración, non é afortunada. Nin aínda que sexa a presentación da exposición o pistoletazo de saída para o Ribadeo Indiano, perdendo un contrapunto á idea que se espalla no R.I. de emigración = éxito, ou da presentación da emigración como unha constante en Galicia dende hai tempo, e ben máis par acó da época dos indianos.

20190703

Cidade Horizontal. Pablo Mosquera

Nos comezos do século XX a provincia de Lugo ten aduana de primeira categoría en Ribadeo, un magnífico caserón abandonado en canto ao uso. Contaba ademáis tal cidade cos consulados da República Arxentina, Austria, Francia, Inglaterra, Portugal, Rusia, Suecia, Noruega e A República Oriental do Uruguai.
A Galicia do norte Cantábrico tivo aos cataláns como emprendedores. Aí están eses caseróns que foron fábricas de salgadura para sardiña e despois conserveras. Algo temos en común galegos e cataláns. Os nosos devanceiros xudeus. A nosa vocación pola mar. O noso sentido de patria pequena que vén dado polo amor á terra da que somos fillos.
En Ribadeo comeza a Galicia de hoxe. A que chega ata a desembocadura do pai Miño. Ese porto natural na ría á que dá nacemento o Eo, sempre con vocación comercial. De aí nace o espírito de home de acción do Ilustrado Ibáñez, precursor da cerámica que no século XIX leva o nome de Sargadelos.
Por iso non é de estrañar que un Barcelonés, como José Ramón Leal abrirase camiño na cidade do Viejo Pancho. Ademais hai raíces galegas que imprimen carácter, neste caso da Terra Chá, a mesma que lle deu vida ao noso, inesquecible Manuel María, quen desde a Vila Mariñeira de Foz, creou fermosos versos -Galicia e a terra o mar e o vento-. Esa terra mesturada con auga e lume que dá vida ás fermosas pezas de cerámica para un comercio con nome máxico: Terra Branca. Unha galería de arte. Un escaparate con vida. Un lugar multidisciplinar para a cultura.
Tanto Sito Otero Regal como José Ramón Leal, necesitan regresar continuamente a Barcelona, a cidade que desde O Tibidabo baixa polas rúas do ensanche creado por Cerdá, camiño da Mar, ben polas Ramblas ou ben polo Paseo de Gracia. Como Ribadeo o fai desde a súa Atalaia cara a Porcillán. Nos seus regresos poñen en marcha unha das mellores ferramentas do ser humano: curiosidade mesturada con sensibilidade.
O resultado, a elegancia, o deseño, a artesanía, o bo gusto, para compartir con xentes que se espertan mirando ao Levante, onde sae o sol -polo Cabo de Creus, e dormen coa maxia do Ara Solis en Fisterra, polo oeste.
O mellor que se pode dicir é: "A mestura de culturas mariñas tróuxonos o encanto dunha pequena tenda que é unha galería de arte".

Esta tarde, gravación


Esta tarde de mércores, fronte ó cantón, entre 4 e 7 ('ou así'), un equipo de Adivina produccións fará unha gravación en Ribadeo. Imaxes virtuais e entorno real para un programa sobre a Mariña dunha serie para descubrir Galicia, para a TVG. Unha empresa pequena que ten a web http://www.adivina.com.
Curiosidade? Pois xa sabes.

20190701

Galipedia lanza o concurso 'Wiki loves Parroquias'

Wikipedia lanza o concurso 'Wiki loves Parroquias', consistente basicamente en aportar á Wikipedia fotos de parroquias galegas que aínda non teñan.
O cartel: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Wiki_Loves_Parroquias_p%C3%B3ster_2019.png
As parroquias de Lugo que aínda non teñen foto pódense atopar aquí: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Fotos_parroquias_Lugo.svg
(a data 1/7, e en formato .jpg:)


As bases do concurso están aquí: https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wiki_Loves_Parroquias

Nota: As imaxes están sacadas das bases do concurso.

Este sábado, a máis de concentración, manifestación polas pensións en Ribadeo

Xa pasou tempo dende o 23 de febreiro do ano pasado, no que daba conta por primeira vez no blog dunha concentración polas pensións en Ribadeo. Abondo máis pequena que a última.
Agora, á manifestación únese á concentración. Coido que queda claro o recorrido: do concello ó concello pasando polo centro do pobo. E ti, tes clara a túa asistencia?
Máis en pensións / Ribadeo

Feira do libro Ribadeo 2019: Letras no campo

Axustar que o domingo, na mesa redonda, estaremos Pablo Mosquera, da Asociación Cultural Os Aventados, Dores Abel, da A.C. Paco Lanza, alguén representando a A Pomba do Arco e Antonio Gregorio pola AVV O Tesón.


A feira do libro, na nota do concello.
Posterior:
Inauguración.

Cidade horizontal. Pablo Mosquera

Cidade horizontal.

O BOE do 25 de xuño de 2002 publica o Real Decreto 591/2002 de 24 de xuño, polo que se concede o título de Marqués da Ría de Ribadeo, con Grandeza de España, a Don Leopoldo Calvo-Sotelo e Bustelo. Os seus restos mortais repousan desde o 5 de maio do 2008 no cemiterio de Ribadeo, de onde era a súa nai. Debemos lembrar que Calvo-Sotelo non perdoaba as súas vacacións estivais en Ribadeo e as súas singraduras no seu bote -Juanín- de vela latina ata Augas Santas, debéndose a el e á súa familia a celebridade que adquiriu tal areal.

Estar en Ribadeo é lembrarme dos médicos amigos. Manolo Moreda que foi compañeiro de bachillerato e posteriormente reencontrámonos en Madrid. O seu pai Xusto Moreda era un magnífico cirurxán que xunto a Cabanela en Mondoñedo, dispuxeron daqueles sanatorios cirúrxicos onde se atendían cadros graves, evitando as terribles condicións terrestres para chegar ata Lugo. Por certo. A miña sorpresa foi mayúscula. Somos requiridos tres Mosquera. Inspectores Médicos e Directores de Hospitais, polo INP central en Madrid. Pregúntasenos se é necesario construír o Hospital da Costa. Evidente que coincidimos os tres. Era necesario e urxente. Pero tiñan serias dúbidas, xa que un ilustre galeno da Mariña -veraneante- con altos cargos en Lugo, afirmaba que cos sanatorios lucenses era máis que suficiente, a máis diso manter o costume para acudir á cidade das Murallas para que fosen atendidos todos os asuntos e moi en especial aqueles relacionados coa saúde.
Os Moreda foron os sucesores daqueles galenos que exercían a ciencia e arte en 1900. Amado Pérez, Marcelino Vior, José Díaz, Manuel Branco, Antonio Fernández, Modesto Lage e Juan do Rego.
Na cidade que dá nome a Ría onde se atopan a mar e o río que nace en Fonteo e separa Galicia do Occidente de Asturias, chaman a atención dous edificios moi próximos un do outro. O primeiro, Pazo do Marqués de Sargadelos e Conde de Orbaiceta, na actualidade casa do Concello; e a Torre dos Moreno. Unha casa de Indianos construída en 1915 e que representa o éxito duns emigrantes ao Novo Mundo.
Todos os anos coa chegada do verán Ribadeo viste aos seus veciños e visitantes con aquelas elegantes roupas de liño branco con chapeus e pamelas, que recordan tempos de emigración alén do mundo. Un amigo, na sobremesa de tal efeméride, sorpréndeme cunha fermosa e romántica teoría. "Os emigrantes eran como aqueles cabaleiros que se puxeron a buscar o Santo Grial, e cuxos segredos desvela Joseph Campbell -investigador estadounidense- na súa Historia do Grial". "Aos galegos e astures chegoulles o mito de como facerse rico e cambiar o destino, razóns para emprender a viaxe. Algúns o conseguen e déixannos a pegada do seu éxito. Outros quedan no anonimato ou nesas longas listas de pasaxeiros para aqueles barcos nos que a travesía facíase interminable, entre o hacinamiento e o temor ao descoñecido".