20181017

Ribadeo encanto envolto

Cartel nun cruce antes de chegar ás Anzas
Ó longo da semana pasada foron aparecendo en diversos lugares do interior do concello de Ribadeo indicadores semellantes ó da imaxe. Aínda envolto en plástico, é un chanzo máis na chamada 'ruta do encanto' que está sendo sinalizada polo concello (en parte, cunha subvención da Xunta) nunha primeira fase da que a segunda se pretende usar un logotipo xa deseñado e imprimir guías.
Coido que todos coincidiremos que a parte costeira do concello é moito máis coñecida que o seu interior. Mais en tódalas parroquias hai puntos de interese, e iso é o que pretende amosar esa ruta que se está a debuxar.
A pesar da ilustración do cartel (imposición normativa da Xunta, ao que parece) a ruta é demasiado longa para recorrela dunha tacada a pé, sendo máis ben apropiada para o automóbil ou para ciclistas en forma. Asemade, a sinalización está nos cruces de estrada, preparada para os coches.
O seu comezo está en Santa Cruz, indo logo pola estrada de Vilela cara a Remourelle, voltando por Arante, pasando polas Anzas, etc. As indicacións polo momento son ben escasas, como manifestan múltiples exemplos posibles, como que pase á beira do camiño do Pozo Mouro no río Lexoso, a menos de 200 m (por un camiño difícil, iso si) sen enterarse. Pero non deixa de ser un recoñecemento dun interior descoñecido mesmo pola xente da vila.

20181014

Melloras nas catedrais

Chéganme a través de Suso Fernández as fotos que acompaño. Tamén video, pero coido máis interesante o coller a esencia que o distraerse con imaxes cambiantes.
 As melloras que se observan son evidentes: total liberdade de andanzas, total inconsciencia, sen necesidade de pases nin peticións, seguridade máxima, natureza solitaria, coidado do entorno...

 Corresponden as fotos a esta ponte que aínda non acabou, e coido que cuestionan calquera mellora do "plan" que tanta tinta levou nos medios e tan pouca posibilidade de participación real deixou.


 Ó mellor resulta que o desgraciado accidente do pasado ano animou a que o turismo de aventura se apoderase deste entorno. que conste que penso que, se foran unha ou tres persoas as que accederan con coñecemento, sería unha gozada aganchar polas penas e desfrutar da natureza. Mais a cantidade cambia a calidade, e sobre todo, os efectos, e a bo seguro boa parte das persoas que se ven no alto subiron  por un sentimento parello a que 'as catedrais non teñen outra cousa que ofrecer'.
 De pouco importa a posible perigosidade asociada máis que ó propio terreo á inconsciencia e á falta de coñecemento: Mira, subiu alguen! que haberá alí arriba? Vou!
 Privatización do espazo,normas con miras economicistas, pensando só no presente, falta de participación, mando e ordenación dende o poder e en conflito con outros poderes, liortas Xunta - Concello, falta de información e máis aínda de educación e civismo, únense para que se acumulen pedras con lembranzas que queren competir coa natureza, que se desfaga a paisaxe ou se esquilmen mexillóns ou percebes, para que non se considere e se despreze un espazo común, natural, belo a máis fonte de estímulo económico de toda a zona.
Melloras nas catedrais? Coido que pasan por mellorar as institucións que se encargan, a xente que as xestion e os políticos que deciden, e a información e educación da xente en xeral, pois todos somos visitantes potenciais das catedrais, e a este paso, non fará falta que se caia un arco para deixar de consideralas unha marabilla e pasar a velas como un territorio conquistado máis.
Moito se leva dito sobre as catedrais. Que os feitos non correspondan en calidade e cantidade está relacionado coas cousas arriba expostas. Cousas como participación, educación, responsabilidade de visitantes e responsables (que si, que responsable está relacionado con responsabilidade)... cousas lóxicas pero que parecen arrumbadas en favor das fotos nas inauguracións, a diversión automática ou o 'que o fagan eles, que para iso están roubando /lles pagamos.

20181012

Ribadeo en Windows 10 spotlight images

Remato de recibir a nova. Un blog, Windows 10 spotlight images, que acumula as imaxes decargadas dende Microsoft para o fondo de windows 10, ten como primeira imaxe a que presento abaixo, tomada dende o cargadoiro ó interior da ría de Ribadeo na que se ve a ponte dos Santos, o peirao deportivo de Porcillán e Castropol ó fondo. Só unhas verbas de explicación no blog permiten aclarar que calquera cousa que vaia mal, que se lle reclame a Microsoft...
datos adxuntos á foto: "

Coast of Ribadeo with highway bridge between Galicia and Asturia, Spain

size: 940494
sha1: 3636d7e71ad46ad14c6a7e38b56759236b8fd39f
sha256: 1f59fc7d6cd457f25b30978e1801c7f443b33e132b05a2596cf224e02100693b
"

20181010

De 'por nuestro faro' ó concello

Deixo abaixo o escrito presentado hoxe, asinado por cinco persoas pertencentes ó colectivo 'Por nuestro Faro', cunha nota: seguimos adiante na procura e difusión de información, e na loita polo que é de todos, por cima dos intereses privados e mesmo pese ás institucións.
Asemade, no apartado "Novas" da páxina web do concello, non aparece referencia á fosa e o verquido. A concelleira do PSOE, Aurora González, presentou unha pregunta sobre este tema no pleno do 18 de setembro, pero na nota do mesmo que sae na páxina web do dia seguinte non se comenta, gardando un silencio absoluto.

20181009

Ence e Ribadeo. Trazos soltos a conta dunha nova

Eucaliptos en Viveiro)

Hai uns días, un xornal situaba o seguemento de Ence - Navia poñendo segundo fontes, algo máis de 300 camións diarios ou 400. Coido que as contas son doadas: se se poñen 300, 7 días á semana, saen 2100 camións, e se se poñen 400 por 5 días, algo máis de 2000, concluíndo que ambas fontes son aproximadamente coincidentes, mais facendo a media con diferente visión, de 'días' ou 'días laborables'.
Máis aló da anécdota, no blog levo tratado moitas veces sobre o impacto que o movemento de Ence ten sobre Ribadeo. Economía (quizáis menos do que se pensa) ou tráfico (un camión de ida e outro de volta cada dous minutos en horario laborable representa un tráfico significativo), entre outros factores, teñen impacto. Seiscentas mil toneladas de celulosa ó ano, e aumentando, representan moitas árbores para unha fábrica que se di é a maior e máis eficiente do seu tipo en Europa.
Entre outras informacións que se daban na nova estaba a valoración da fortuna do Presidente de Ence, Juan Luis Arregui, relacionado tamén con Artevino, Foresta Capital, Cartera Industrial Rea ou Turina 2000, pero iso non creo que vaia beneficiar moito de xeito directo a Ribadeo.
O que si chama moito a atención son os números por unidade (tonelada). Establécese o custe actual 377,8 €, distribuídos en 198,9 para pago da madeira, 113,6 de custes de produción, 32,4 para a comercialización de saída e de entrada, e 32,9 en 'gastos de estrutura'. Mentres, a pasta é vendida a 1020 $, isto é, máis de 850 €. Marxes? Se os números non enganan, máis de 120% de beneficio bruto... como para pensar en que a distribución de ganancias nesta industria, neste momento, debe reaxustarse cos traballadores e cos propietarios de montes, ou coa mesma natureza invadida polo eucalipto. Ou, por outra banda, para pensar cantos cartos se poden desviar para favorecer a plantación dunha especie invasora.

20181007

O transporte en Ribadeo: involución fronte a revolución

un esquema horario ligado á liña de autobús de escolares.

Mentres que estes últimos anos hai un movemento mundial con base nas grandes cidades para tentar solucionar o problema dos desprazamentos, en zonas moito menos poboadas, nas zonas cunha porcentaxe rural alta, os problemas estanse agudizando ó levar o mercado á dependencia de medios particulares, rubricada pola retirada de diversos xeitos dos medios comunitarios / públicos. Mentres nas grandes cidades o vehículo privado está a ser marxinalizado, non necesario, na nosa zona, con base rural, o que desaparece son os servizos públicos ou comunitarios, sexa tren ou autobús, rarificando o seu paso e o seu uso, facendo na práctica case imposible esa opción. O certo é que a reorganización de liñas de autobús pola Xunta o pasado ano mellorou a comunicación interna na cidade en liña que é a costa, mais os intereses empresariais inmediatos fan que a comunicación de Ribadeo coa Coruña, Santiago ou Lugo (incluído o hospital ó que son derivados cada vez máis servizos), estea baixo mínimos. Ou que, na zona interior do concello, o servizo teña un fin tan específico que fai que o seu uso sexa asemade específico, puntual e esquecible, pois non evita a necesidade do auto particular, que, ó telo, resulta de moito máis cómodo uso (e máis contaminante, máis caro, máis insolidario...).
Auméntase o servizo para turistas camiño das catedrais, pero se alguén de Remourelle ou Arante quere baixar a Ribadeo calquera tarde, lévao cru. Ou se alguén de Ribadeo -ou un turista- quere visitar o santuario das Virtudes na Ponte ou o Pozo Mouro en Remourelle, vai telo difícil como non leve unha tenda de campaña para pasar a noite para volver pola mañá. Son algúns caso que se poden presentar. Minoritarios e insignificantes, hoxe por hoxe en canto á vontade en relación a servizos que se podan prestar entre a Cibeles e a Praza de España en Madrid, si, pero tamén anulados por inexistentes e polo tanto, incomparables polo trato que se lles da...
A Galicia rural perde poboación non só por unha causa. Pero tamén, entre as causas, está a falta de condicións para o transporte. E, mentres o noso interior morre, tamén morremos nós no noso interior.

20181003

24 horas despois do incendio

Pasaron máis de 24 horas dende o comezo do incendio de Piñeiro, pero aínda non dende a súa extinción. As fotos amosan que o fume segue a saír entre os restos, o cruce da estrada, o paso por riba do gasoduto...





Situando un incendio

Onte houbo un incendio en Piñeiro. Comezou antes da media tarde: daquela víase xa o fume dende lonxe. Non se chegou a ver o resplandor das lapas pola noite: foi sufocado. Os medios terrestres chegaron para a súa extinción. Mais parece que non tería necesidade de ter sido sufocado se alguén non o tivera prendido. A situación do lugar do incendio, marcada no centro das imaxes:

Na primeira vese que está nun lateral dunha ampla zona de plantación de árbores.