20171206

O seis de decembro non é o día da Constitución máis que no nome

Alguén celebra o día que foi feita a 'Pepa', a primeira Constitución española? E as seguintes? Pois a Constitución que se celebra este día 6 de decembro xa foi desconstituída ( máis de incumprida nos artigos 1, 14, 16, 20, 31, 35, 47, 48, 50, 51... como podes ver en '10 artículos de la Constitución que se incumplen sin que casi nadie se alarme ') Iso pasou (podes elixir data) o 26 de agosto, coa votación no Congreso, o 7 de setembro, coa votación no Senado ou o 27 de setembro de 2011, coa sinatura do El Rei, coa reforma exprés sen participación do pobo dunha Constitución que antes e despois se dicía e se di intocable (debe ser intocable polos intocables, en sentido parello ós parias indios). Non me meto nin co sentido da festa nunha autonomía na que sei que moita xente aspiraría ó federalismo, senón que só aplico o sentido común.
A constitución foi difundida popularmente cun formato de libriño grapado, e nas comunidades bilingües, comezaba por unha cara en castelán e pola outra pola lingua correspondente: en Galicia, en galego. Non se fixo o mesmo cando se realizou a reforma exprés pro mercado, polo que deixo aquí de novo o texto de dita reforma:
"
Reforma do artigo 135 da Constitución española, aprobada polas Cortes Xerais en sesións plenarias do Congreso dos Deputados, do 26 de agosto de 2011, e do Senado, do 7 de setembro de 2011. Sancionada pola Súa Maxestade o Rei o 27 de setembro de 2011.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Máis de trinta anos despois da entrada en vigor da Constitución, formando parte España da Unión Económica e Monetaria Europea, que consolida e proxecta as súas competencias no marco dunha crecente gobernanza común, e sendo cada vez máis evidentes as repercusións da globalización económica e financeira, a estabilidade orzamentaria adquire un valor verdadeiramente estrutural e condicionante da capacidade de actuación do Estado, do mantemento e desenvolvemento do Estado Social que proclama o artigo 1.1 da propia lei fundamental e, en definitiva, da prosperidade presente e futura dos cidadáns. Un valor, pois, que xustifica a súa consagración constitucional, co efecto de limitar e orientar, co maior rango normativo, a actuación dos poderes públicos.
Para chegar ata aquí, a salvagarda da estabilidade orzamentaria xa supuxo un instrumento imprescindible para lograr a consolidación fiscal que nos permitiu acceder á Unión Económica e Monetaria e foi posteriormente recollida en normas de rango lexislativo.
No mesmo sentido, o Pacto de Estabilidade e Crecemento ten como finalidade previr a aparición dun déficit orzamentario excesivo na zona euro, dando así confianza na estabilidade económica da devandita zona e garantindo unha converxencia sustentada e duradeira das economías dos Estados membros.
A actual situación económica e financeira, marcada por unha profunda e prolongada crise, non fixo senón reforzar a conveniencia de levar o principio de referencia á nosa Constitución, co obxecto de fortalecer a confianza na estabilidade da economía española a medio e longo prazo.
A presente reforma do artigo 135 da Constitución española persegue, por tanto, garantir o principio de estabilidade orzamentaria, vinculando todas as administracións públicas na súa consecución, reforzar o compromiso de España coa Unión Europea e, ao mesmo tempo, garantir a sustentabilidade económica e social do noso país.
Artigo único.
O artigo 135 da Constitución española queda redactado como segue:
«1. Todas as administracións públicas adecuarán as súas actuacións ao principio de estabilidade orzamentaria.
2. O Estado e as Comunidades Autónomas non poderán incorrer nun déficit estrutural que supere as marxes establecidas, de ser o caso, pola Unión Europea para os seus Estados membros.
Unha lei orgánica fixará o déficit estrutural máximo permitido ao Estado e ás Comunidades Autónomas, en relación co seu produto interior bruto. As entidades locais deberán presentar equilibrio orzamentario.
3. O Estado e as Comunidades Autónomas deberán estar autorizados por lei para emitir débeda pública ou contraer crédito.
Os créditos para satisfacer os xuros e o capital da débeda pública das administracións entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus orzamentos e o seu pagamento gozará de prioridade absoluta. Estes créditos non poderán ser obxecto de emenda ou modificación, mentres se axusten ás condicións da lei de emisión.
O volume de débeda pública do conxunto das administracións públicas en relación co produto interior bruto do Estado non poderá superar o valor de referencia establecido no Tratado de funcionamento da Unión Europea.
4. Os límites de déficit estrutural e de volume de débeda pública só poderán superarse en caso de catástrofes naturais, recesión económica ou situacións de emerxencia extraordinaria que escapen ao control do Estado e prexudiquen considerablemente a situación financeira ou a sustentabilidade económica ou social do Estado, apreciadas pola maioría absoluta dos membros do Congreso dos Deputados.
5. Unha lei orgánica desenvolverá os principios a que se refire este artigo, así como a participación, nos procedementos respectivos, dos órganos de coordinación institucional entre as administracións públicas en materia de política fiscal e financeira. En todo caso, regulará:
a) A distribución dos límites de déficit e de débeda entre as distintas administracións públicas, os supostos excepcionais de superación deles e a forma e prazo de corrección das desviacións que sobre un e outro puideren producirse.
b) A metodoloxía e o procedemento para o cálculo do déficit estrutural.
c) A responsabilidade de cada administración pública en caso de incumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria.
6. As Comunidades Autónomas, de acordo cos seus respectivos Estatutos e dentro dos límites a que se refire este artigo, adoptarán as disposicións que procedan para a aplicación efectiva do principio de estabilidade nas súas normas e decisións orzamentarias».
Disposición adicional única.
1. A lei orgánica prevista no artigo 135 da Constitución española deberá estar aprobada antes do 30 de xuño de 2012.
2. A devandita lei fixará os mecanismos que permitan o cumprimento do límite de débeda a que se refire o artigo 135.3 da Constitución española.
3. Os límites de déficit estrutural establecidos no artigo 135.2 da Constitución española entrarán en vigor a partir de 2020.
Disposición derradeira única.
A presente reforma do artigo 135 da Constitución española entrará en vigor o mesmo día da publicación do seu texto oficial no «Boletín Oficial del Estado». Publicarase tamén nas demais linguas de España.
"
Quedou dito na reformada irreformable Constitución Española.

20171205

Programa do Mercado de Nadal 2017


Canapés

O canapés chaman a atención. Máis ós que chegan de fóra de Ribadeo que ós propios, Hai tempo adiquei un par de entradas á zona. A primeira, aló polo 2013, relacionada coas obras do parque infantil que hoxe segue na zona, e onde se podían ver en foto aerea as estruturas dos canapés. A segunda, na primavera do ano pasado, 'o combate dos canapés', facía un resumo histórico e daba conta do estado de conservación.
Agora, ano e medio despois, o concello saca unha nota na que da conta do comezo das obras para adecentar e facer mantemento da zona, incluíndo canapés e Avda. de América, ata a gasolinera:
"
O INVESTIMENTO ASCENDE A 12.000 EUROS
Obras nos Canapés
04/12/2017
Hoxe comezaron as obras de arranxo dos bancos dos Canapés, na zona do Xardín, e dun treito das beirarrúas das vivendas Francisco Iglesias. A actuación nesa zona contempla tamén a plantación de árbores na Avenida de América, entre a rúa Francisco Lanza e a gasolineira.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, anunciou que "no día de hoxe estamos dando comezo a unhas pequenas, pero importantes, obras de humanización no entorno da entrada da vila como é o barrio do Xardín, concretamente como é a Avenida de América".
O rexedor explicou que "imos facer varias actuacións, unha delas vai ser o remozado e a mellora dos Canapés, destes bancos tan singulares deste barrio que levan tantos anos aí, e que lles imos dar unha mellora coa eliminación de varias fendas que teñen e un pintado de todos eles, dado que están sendo moi utilizados desde sempre, especialmente por xente maior que nas tardes de sol acode alí con moita frecuencia".
Fernando Suárez engadiu que "imos cambiar a pavimentación da beirarrúa diante das vivendas das casas baratas, concretamente na Avenida de América, que era un treito que faltaba por cambiar, que está moi deteriorado e que o día menos pensado temos algún problema con algunha caída porque está totalmente rota e desde hai decenios non se lle toca".
O alcalde dixo que "tamén continuaremos coa plantación de árbores na parte da Avenida de América que non os ten, entre a rúa Francisco Lanza e a gasolineira de O Xardín. Estas pequenas actuacións véñense sumar ás que levamos facendo no grupo Francisco Iglesias e no nese entorno desde hai unhas poucas semanas, e tamén van ser continuadas, a principios xa do ano que ven, con esta importante actuación da humanización da Avenida da Ría de Ribadeo, entre a gasolineira de O Xardín e a rotonda de Dompiñor".
Suárez Barcia manifestou que "son unha serie de obras, neste caso con fondos propios e un orzamento de 12.000 euros e un prazo dun mes aproximadamente, pero que van ser o prólogo destas outras que a inicios do ano que ven faremos en toda esta avenida da Ría de Ribadeo".
 "
O anterior vai acompañado cunha foto tomada dende a rúa que circunda o grupo Francisco Iglesias:
Quédame unha dúbida: a eliminación da fenda nos canapés (visible perfectamente nas referencias do ano pasado) supoñerá a eliminación da árbore? Porque, en caso contrario, a fenda voltará a medrar.
 A referencia que se fai a obras o próximo ano foi tratada no orzamento  presentado o pleno pasado, no que se falou dunha adicación de 600 000 € para obras en infrastruturas, incluíndo estas da Avda. de América, da que se pretende 'unha reforma integral' e incluír un paso de peóns cara ó Vilar, coa axuda da Deputación, e o arranxo da rúa San Roque, en dúas partes, unha dende a capela ata a rúa Vilalba e outra segunda ata a capela da Virxe do Camiño (e que xa mereceu unha nota do concello).
Deixo a continuación sucesivamente un plano de openstreetmap, unha foto aérea de sigpac mapa, un plano de Google e dúas fotos (canapé sur arriba e norte abaixo) de Google Street View, todos documentos collidos hoxe de internet:
















20171204

Iniciativas de desinteresado interese

Un xornal de amplia tirada e máis amplia subvención directa e indirecta en Galicia vai contratar ós presidentes galego e asturiano para debatir sobre infraestructuras, crise demográfica e modelo de Estado e financiamento.
É claro anunciando que quen paga será un bondadoso banco recentemente trasladado de Cataluña a Madrid, e no aviso deixa caer pinceladas sobre a biografía do presidente galego, dicindo que foi nomeado para o primeiro cargo político, mentres no caso do asturiano, de partido de nome máis obreiro, nomeouno Areces para conselleiro.
O grupo galego, que xa ten unha cabeceira nomeada 'de Asturias' mercada de xeito recente, levará o encontro á 'orilla galega do río Eo', distinguido xeito de chamar a Ribadeo na convocatoria de 'Encuentros en el Eo', así, en medio do río parecería, aínda que queda claro que é "a orilla gallega del Eo, el río que hermana a los dos territorios" o esceario ideal.
E é que esto é política pura, non o que viu facer un tal Errejón que en vez dar unha charla deu un mítin, segundo deu nova o mesmo xornal. Un debate entrambos presidentes, nas alturas, lonxe das interferencias do pobo, que pode aplaudir pero non deixa de ser un inconvinte cando participa.
O entusiasmo dialogante chega a suprimir a existencia desa antigualla que era a ría de Ribadeo, ou mesmo 'a ría', a secas, desaparecida na xeografía da convocatoria, aínda que non se saiba que polo momento o consello de nomes xeográficos teña recibido unha proposta en firme do xornal para a súa supresión definitiva, nin para que a Calvo Sotelo lle sexa retirado o seu hoxe anacrónico marquesado.
De es.wikipedia.org,CC BY-SA 4.0,por Bruñuelesco.

20171203

Animación, historia, oportunidades...

Animación, historia, oportunidades... entre outras cousas era o que hoxe podía sentirse no mercadiño da AECC na rúa Ramón González -na antiga Divafruit-, edición 2017 dun tradicional ribadense.
Deixo algunha foto (escaparate  e parte do interior) e un par de curiosidades que atopei alí.














20171202

Ribadeo, o pobo máis perxudicado pola falta de tren

De novo volve a ser noticia a liña Ferrol-Xixón. A liña de tren que atravesa a Mariña, que agora xestiona Renfe pero que segue a ser coñecida como FEVE leva unha boa tempada dando que falar. E nunca para ben. Desta, a nova é repe, pois que o xoves se suspenderan oito servizos por falta de maquinstas e averías no material non é moita novidade, senón algo que se repite un día máis. Quizáis con máis incidencia que outros, pero sen deixar de ser repetición.
E mentres, de toda a liña que non ten servizos de cercanías (é dicir, excluíndo as zonas veciñas a Oviedo, Xixón e Ferrol) o pobo máis perxudicado é Ribadeo.
Por?
Porque é Ribadeo o lugar de finalización e comezo dalgúns servizos, o punto de unión entre os tramos leste e oeste da liña, unha das estacións máis relevantes, onde quizáis se nota máis a competencia con outros servizos de transportes, o lugar que está tentando potenciar o uso de servizos publicos para acceso ás catedrais... e un dos lugares peor comunicados de toda a costa polo afastado da súa situación en relación ás capitais.
A perda do tren é mala en toda a liña, mais en Ribadeo, máis.
Feve no entorno de Ribadeo, de Openstreetmap

20171201

Dous artigos de Celia Castro

Imaxe dun dos artigos

Dúas novas publicacións de Celia Castro sobre obras de Dionisio Fierros,
Ese cabaleiro descoñecido, sobre un retrato de Dionisio Fierros, en Rudesindus 10/2017, pp. 275/285, e A infanta Dnª Antonia de Portugal pintada por Dionisio Fierros, en Croa 27/2017, pp. 146-159, que poño a disposición da xente interesada en Dionisio Fierros,do que se poden atopar abondas máis cousas no blog da man de Celia Castro. (se queres consultar o artigo a ela referido na Galipedia...)

1...
e 2.

Pleno. A versión do concello

Despois de 'un pleno pode ser divertido', sigo co tempa do pleno de novembro, mais esta volta presentando a visión do concello, a nota de prensa que se pode ver na web do concello. E poño de xeito independente a nota para contrastar cos outros comentarios que poda facer, tanto en 'un pleno pode ser divertido' como en futuras entradas.
"

TAMÉN SE RECLAMARÁ A FOMENTO O ARRANXO DA N-642

 Residencia para maiores
30/11/2017
No pleno celebrado onte no Concello de Ribadeo aprobouse o orzamento municipal de 2018 que ascende a preto de nove millóns e medio de euros. O alcalde, Fernando Suárez, móstrase moi orgulloso de ter xa o presuposto listo e cualifícao de equilibrado. As contas inclúen obras importantes como as que se acometerán na avenida Ría de Ribadeo e na rúa San Roque. Ademais por unanimidade aprobouse a creación dunha comisión que determine o modelo de xestión da nova residencia de maiores de Ribadeo.
O rexedor ribadense manifestou esta mañá que "foi importante e interesante o pleno ordinario que celebramos onte con moitísimos puntos da orde do día aprobados por unanimidade, e con asuntos moi importantes para o futuro máis inmediato de Ribadeo. Eu penso que o máis importante dunha Corporación é o orzamento municipal que neste ano temos o orgullo de poder dicir que aprobamos o orzamento do 2018 neste ano 2017, e que vai entrar en vigor seguramente a finais deste ano. É algo que a lei establece que sexa así, pero que a maioría de Concellos non o fan, e nosoutros en Ribadeo estamos moi orgullosos de facelo así".
Fernando Suárez dixo que "presentamos un orzamento entendemos que equilibrado nos ingresos, no senso de presupostar ingresos cos principios de prudencia sen botar as campás ao vo. Ao mesmo tempo co orgullo de poder dicir que non subimos os impostos nin as taxas coa excepción do IPC aplicado á piscina municipal, segundo ven no contrato de concesión, pero polo resto non subimos ningún tributo nin ningunha taxa municipal".
O alcalde declarou que "no apartado de gastos está o incremento na dotación para a prestación do servizo de axuda no fogar un ano máis, e tamén dunha serie de obras de infraestruturas importantes tanto para a vila como para as parroquias. Queremos seguir avanzando no saneamento municipal, no amaño de camiños e de pistas municipais, e tamén no ámbito da vila queremos dar conta desta gran obra que pretendemos levar adiante a principios do ano 2018, como é a mellora e a humanización da avenida da Ría de Ribadeo. Este acceso principal leva moitos anos configurado para turismos e vehículos, pero non como un lugar para que as persoas poidan camiñar con seguridade. Queremos humanizalo e queremos dar seguridade a que calquera persoa da vila que queira ir andando ata estes lugares de centros comerciais e de diferentes tendas e servizos que hai ao longo e ancho desta avenida poida facelo con seguridade". E seguiu a relatar:"tamén queremos aproveitar o inicio de ano para facer unha actuación moi importante na rúa San Roque. Hai moitísimos anos que non se lle toca e ten graves problemas de inundacións, desprendemento de plaquetas, etc… Queremos facer unha rúa axeitada ao que é, unha das rúas máis bonitas de Ribadeo e de Galicia, e queremos actuar para que haxa a posteriori movemento económico, poidan abrir máis tendas, máis negocios, máis bares, terrazas, etc… Queremos aprobar canto antes o orzamento municipal para poder actuar en todas estas necesidades que ten Ribadeo e a súa xente".
Fernando Suárez comentou: "tamén é de destacar a baixada dos xuros da débeda coas entidades financeiras polo tanto cada vez pagamos menos de xuro, e iso determina que poidamos ter máis diñeiro para efectuar inversións".
O rexedor salientou que "outro dos puntos importantes que se aprobou por unanimidade no pleno de onte, foi o relativo á creación dunha comisión especial para o estudo e o informe da forma de xestión da residencia para maiores de Ribadeo. Seguemos dando pasos na liña que todos, ou case todos, nos conxuramos hai varios anos para que Ribadeo tivera unha residencia. Agora rematadas as obras, o continente, estando a piques de ter resolto o contido, é dicir o equipamento, é o momento de dar este novo paso creando unha comisión que por lei ten que estar creada, para determinar dentro das fórmulas posibles, dentro da legalidade vixente actual, qué é o que pode facer o Concello para xestionar esta residencia. Mirar pola xestión directa ou indirecta, cales son os pros e os contras, e esta comisión xunto cos técnicos municipais e coa auditoría que se está realizando nestes días, teremos que determinar cal é o procedemento para trasladarllo á Xunta para que nos dea autorización de funcionamento. A Xunta, máis aló de se deu ou non deu diñeiro, que ata o de agora falta o primeiro céntimo que dera para a residencia de Ribadeo, si que é obrigado que nos dea luz verde. Igual que nola deu no seu momento para iniciar a construción aínda que non puxera un peso, tamén agora terá que darnos luz verde para a xestión, e por iso é necesario a creación desta comisión".
Estrada N-642
Sobre outros asuntos debatidos no pleno de onte Suárez Barcia explicou que "tamén por unanimidade o Concello acordou dirixirse ao Ministerio de Fomento para que dunha vez por todas amañe, dunha maneira digna e eficaz, o treito da N-642 entre Ribadeo e Porto. Está moi deteriorado, é moi perigoso, sobre todo para motociclistas e para ciclistas porque non hai arcén, está cheo de grixo, téñense producido ultimamente accidentes, e o día menos pensado vai pasar algo grave. Pedímoslle ao Ministerio de Fomento que dunha vez por todas nos trate a este treito de Ribadeo da N-642 como a estivo tratando de Porto cara a Lugo, a Meira e A Pontenova, que está en aglomerado, e en perfecto estado de revista, non así este treito en Ribadeo. Ao mesmo tempo dimos conta do que lle estamos pedindo á Deputación para este 2018, son peticións de arranxos en diversos viarios provinciais neste termo municipal. Os viarios da Deputación están nunha situación moi deteriorada desde hai moito tempo, especialmente aqueles das parroquias do interior, necesitan con urxencia unha actuación, que confiemos que se dea neste 2018. Así llo pedimos sinceramente, así lle describimos cales eran as necesidades e confiemos que en breve poidamos ter noticias positivas ao respecto".
O alcalde comentou que "tamén houbo unha serie de mocións, catro concretamente do grupo municipal do PSOE sobre a situación de Feve, sobre o medio rural galego, sobre o 25 de novembro e sobre a vaga de incendios que asolou Galicia que foron votadas polo noso grupo favorablemente. Ao mesmo tempo houbo unha moción do noso grupo municipal do BNG sobre o 25 de novembro, sobre a violencia de xénero e o maior esforzo que debe facer a Xunta de Galicia e o goberno estatal. Houbo algúns rogos e preguntas, algúns máis acertados e outros menos. Intentamos cumprir todos aqueles rogos que son posibles, e en canto ás preguntas intentamos responder todas na súa totalidade sen esperar ao seguinte pleno". 
"