20171029

Niño de avespas no casco urbano

Unha sagaz lectora do blog envioume un par de fotos e logo fun confirmalo.
O niño, no centro da imaxe. A foto, tomada dende o aparcamento da Avda. de Rosalía.
O lugar, detrás do Muíño:
Pola dereita, aparcamento da Avda. Rosalía
 Pois iso... aínda está altiño. Asiáticas? Parece que si...

20171027

O porto de Ribadeo volverá a mover case medio millón de toneladas.

O porto de Ribadeo volverá a mover case medio millón de toneladas de mercadorías, segundo se desprende da nota de Portos de Galicia, segundo a que ten movido ata o 30 de setembro 347 000 t. Facendo contas, ó ritmo seguido o resto do ano, sobrepasaría as 460 000 t, cunha media mensual de máis de 38 000 t. Un ritmo que xa apuntaba en xaneiro, mes no que se moveron 37 500 t. E un ritmo coincidente asemade co do pasodo ano, cun total de movemento en cifras practicamente idénticas ás previstas para este ano. Un ritmo que tamén case igualaría o movemento ó dos anos 2013 e 2014, aínda que xa netamente por baixo dos anos intermedios.
Madeira en Mirasol en setembro

20171026

Veciños enfrontados

Traía o xornal a nova: 'Cisma en la federación veciñal por la defensa de la Xunta después de los incendios'. Coido que esaxera. Primeiro, porque a representación veciñal leva dividida dende hai tempo.
Un caso sucedido hai anos, cando se constiuiu o consello do Hospital da Costa ("Comisión de Participación Cidadá da área Cervo-Burela") con presencia de asociacións veciñais, hai uns nove anos, pode explicar o que digo. O Tesón participou. Mais para chegar a participar, tanto O Tesón como outras asociacións da Mariña, a cousa foi rocambolesca. Primeiro, a Xunta (Sanidade) púxose en contacto coa federación veciñal de Lugo, que designou xente para a participación. Como se fora unha premonición do que pasaraía anos despois coa zona sanitaria da Mariña, os designados eran da zona de Lugo capital, representantes de asociacións desa zona, as únicas asociacións que estaban federadas, pois non tiñan asociacións mariñáns. Nós enterámonos pola prensa, e puxémonos en movemento. Falamos coa Federación, con outras asociacións da Mariña, co hospital e conseguimos que a representación fora dos veciños da Mariña, de asociacións radicadas en Ribadeo, en Foz ou en Viveiro. Pero, no proceso, enterámonos de varias cousas. como da presión para federarnos en Lugo. O Tesón non o fixo porque non o consideramos oportuno, pero outras asociacións mariñáns si. Todos os anos se celebra unha comida multitudinaria en Lugo, no 'día do veciño', á que foi invitada un ano O Tesón, indo o noso presidente, Pancho Campos, e descubrindo o paripé político da Federación, a convivencia de conveniencia ou cooptación das asociacións polos políticos, que se manifestou polas intervencións alí habidas. E, en xeral, a situación de dependencia das asociacións do poder político, na procura de subvencións e favores, motivo polo que a decisión de O Tesón foi non federarse.
Dende aquela non deixo de ollar de cando en vez como anda o mundillo asociativo a nivel federación, provincial (a maior das da federación galega, cuns 80 asociados, ó igual que hai os nove anos) e galego. E non varía moito. A nova que reseño é mostra delo, pois, en situacións límite, parte da xente se rebela de deixa a tutela para enfrontarse coa 'man que lle da de comer'. E se a directiva, pola súa conta, saca unha nota de apoio á Xunta, á súa actuación (como pasou), cando mesmo hai mortos polo medio, parece lóxico que polo menos se pida consenso. Logrará unha situación así facer que a Federación de Asociacións Veciñais se independice? Co tramado caciquil existente, é difícil que sexa desta.
Logotipo da Federación de AA VV de Lugo

20171025

De subvencións: Life Fluvial

Que alegría, que alboroto, nos ha tocado el perrito piloto!
Sempre se celebra con festa o que a un lle toque algo, e o acto que tivo lugar onte pola mañá na casa do concello de ribadeo tivo algo diso: celebración dunha subvención millonaria. Os detalles, na nota de prensa en baixo, implican e aplican a unha serie de entidades, entre as que se atopa o concello de Ribadeo e InterEo, a asociación de Oscos-Eo-Terras de Burón. O motivo, o coidado das ribeiras, e 2,25 millóns de euros (75% do gasto previsto) a conta do programa LIFE (por certo, hoxe aínda non está no listado de concesións). A excusa, a compra de terreos á beira de fluviais (en Ribadeo, parece ser que á beira da ría, logo non fluvial).
Con isto de millóns de euros en subvencións véuseme a lembranza da anterior subvención millonaria para unha asociación da zona, provinte da UE, a Asociación Puente de los Santos, Proxecto Leader+, cosificada nos arándanos:
En resume, a finca ribadense non sei se segue alugada ós Irmandiños ou non, mais segue cada vez máis abandoada sen chegar a producir un só froito. A de Castropol tivo que asumir unha multa  e destrución da balsa de auga que a atendía por ir contra as normas de medio ambiente. Ambas xestionadas a traverso do concello correspondente e coa subvención tamén correspondente.
Agora, resulta que na nota de prensa que deixo embaixo, fálase 'da marxe ribadense da ría', evitando o nome da ría de Ribadeo, e que 'Ribadeo adicará a súa parte', logo non parece haber un plan común, á 'compra de terras', aumentando as súas propiedades que tanto lle custa conservar, e se non, véxase o número de anos tardado en amañar a cuberta do auditorio (dende aquí a aquí van oito anos de diferencia), para 'accións de conservación' xunto cunha asociación, InterEo, que esta mañá tiña como última referencia anotada na súa web o ter promovido as xornadas gastronómicas km.0 hai máis de 5 anos.
Festexemos a subvención. E, se é posible, contribuamos a que a súa xestión vaia algo mellor que a vez anterior.
A nota de prensa:

PARA A CONSERVACIÓN DOS CORREDORES FLUVIAIS

Life Fluvial

24/10/2017
O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación do proxecto Live Fluvial. A Comisión Europea aprobou unha cofinanciación dese proxecto transnacional, que en Galicia lidera o Ibader do Campus de Lugo. Son 8 os organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal os que forman parte deste proxecto, que se desenvolverá desde o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021. O presuposto é de tres millóns de euros, dos que a Comisión Europea sufraga o 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria Life outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha.
O obxectivo xeral deste proxecto Life Fluvial é a mellora do estado de conservación dos corredores fluviais da rexión atlántica ibérica. O Concello de Ribadeo destinará a partida recibida a través deste proxecto á compra de terras dentro do seu ámbito municipal para o desenvolvemento posterior de accións de conservación da marxe ribadense da ría, tal e como explicou na súa intervención o alcalde, Fernando Suárez, que aludiu á figura do Marqués de Sargadelos: "simboliza un pouco a unión que temos estas dúas comarcas tan importantes ao longo do tempo, e que agora grazas ao traballo ímprobo, do que podo dar fe porque o levo vivindo desde hai tres anos. Non o traballo que levamos feito exactamente desde o Concello de Ribadeo, que foi moito menos, pero o traballo ímprobo que levan facendo toda esta xente que se embarcou nun proxecto formalmente hai tres anos, probablemente hai máis tempo, que intentou en varias ocasións que a Unión Europea dera financiamento, e finalmente á terceira foi a vencida e o proxecto foi merecedor de ter un apoio importantísimo a nivel económico. Esa é unha parte moi importante para o proxecto".
O rexedor ribadense subliñou que "outra parte, indo máis aló, a min a que me gusta, é que este proxecto ofrece unhas posibilidades moi importantes tamén para coordinar e conciliar moitos departamentos que ás veces, e o digo por experiencia propia, é moi difícil coordinar. Cando varios entes ou varias administracións operan sobre un mesmo territorio moitas veces se intenta buscar o consello ou beneplácito dunha parte, pero ás veces é contraditorio co que di a outra, e eu espero que este proxecto serva para coordinar todo iso, e estou seguro que así será".
Suárez Barcia dixo que "tamén creo que este proxecto vai ser un exemplo vivo do que é posible, do que se pode facer e do que se debe facer. Estamos nuns momentos históricos de cambio, de moito cambio, tamén a nivel forestal. Están de actualidade todas as desgrazas que pasan moitas veces por deixar nos últimos lustros ou decenios, a veces unha política forestal creo que un tanto equivocada. Este proxecto non pretende cambiar a política forestal, pero si que pretende dar unha idea de por onde debe ir o crecemento sostible, e poñer en valor o que os nosos devanceiros deixaron ben e nós moitas veces non a estamos tratando tan ben como nola deixaron. Seguramente que aos nosos fillos queiramos deixarllo mellor que como nós o estivemos tratando".
O alcalde mostrouse "moi satisfeito desde o Concello de Ribadeo, que tamén forma parte como beneficiario asociado. Hai como tres ou catros anos tamén iniciamos humildemente un proceso de expropiación na beira da ría para ir eliminando a vexetación de fora, os eucaliptos, para que foran sendo substituídos por frondosas. Levamos tres fases con diferentes axudas, unha da Xunta e a maioría con fondos propios, pero agora este proxecto vainos dar a oportunidade de prolongalo un pouco máis, para deixalo ás portas da antiga vía do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz. Ese sería un novo proxecto para soñar, aínda que sabemos que están os proxectos redactados, pero están nun caixón desde hai varios anos, pero sería un proxecto marabilloso para poder proseguir toda esta actuación que imos facer".
Fernando Suárez dixo que "me gustaría, e teño falado co meu colega de Castropol, da outra banda da ría, de que sería moi boa cousa entre todas as partes porque isto non soamente depende dos concellos, xa nos gustaría, que puidéramos ver o entorno da ría substituído con vexetación autóctona en lugar dos eucaliptos. Sería unha boa imaxe para Galiza, para Asturias e para o mundo, tamén de que as cousas as empezamos a facer dunha maneira moito máis sostible e moito máis sensata".
Tras o alcalde de Ribadeo interviñeron na rolda de prensa Andrés Barreiros Lois, vicerreitor de Desenvolvemento Científico da Universidade de Santiago de Compostela, e Jorge Marquínez García, director do Indurot da Universidade de Oviedo. 
Forman parte do proxecto Life Fluvial o Ibader da USC, o Indurot da Universidade de Oviedo, o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, a asociación InterEo, a asociación de desenvolvemento rural Mariñas-Betanzos, o Concello de Ribadeo, Emalcsa (Empresa Municipal de Aguas de La Coruña, S.A) e Tragsa. 
Ao acto de presentación celebrado hoxe en Ribadeo foron convocadas máis de 40 persoas pertencentes aos organismos, entidades, proxectos e asociacións que prestaron un apoio incondicional á candidatura deste proxecto: Xunta de Galicia, Principado de Asturias, Demarcacións de Costas de Galicia e Asturias, servizo provincial de Costas de Lugo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Confederación Hidrográfica Cantábrico, Augas de Galicia, Deputacións de Lugo e A Coruña e Concellos de A Coruña, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, A Pontenova, Baleira, Guitiriz, Lugo, Meira, Rábade, Trabada, Castropol, San Martín de Oscos, San Tirso de Abres, Santa Eulalia de Oscos, Taramundi, Vegadeo e Villanueva de Oscos.

20171024

O punto sobre a i de violencia

Non é a primeira vez que sinalo que ter o control de que falar, de que discutir, é ter o control, a secas. E co de Cataluña estase a amosar unha vez máis a verdade do dito: aí vai esquecida toda a corrupción anterior e o que leva saído (e se leva calado, porque tiraba máis Catalauña) estas semanas. E outras moitas cousas que seguramente, se se atenderan, cun bo goberno, terían diminuído todo o conxunto do 'problema catalán' a niveis do 'problema cántabro'. Que non sabes que é o 'problema cántabro'? Pois iso.
Por citar dúas que pareceran ter pouca conexión, aí está o caso de que poñan droga en coches de ecoloxistas que denuncian apropiamentos do público no parque natural de Grazalema, como lle pasou a Juan Clavero a semana pasada, ou que cada ano se achegue ó 1% o número de mulleres que denuncian violencia machista (atención: que denuncian, non que sofren!). E, mira ti, en ambos casos denúnciase, porque alguén outro está agredindo. Guerras de agresión, comezadas hai moito. E non son as únicas das que tentan desviar a atención, oé, oé.
Por certo, quen dicía que o estado é quen ten o monopolio da violencia? Dígoo porque unha saída 'típica' para procurar unha victoria é levar as cousas a un terreo no que quen as leva se sabe ganador...
Sufraguistas en Nova Iorque en 1912, foto da Biblioteca do Congreso USA. Tamén sufriron violencia...

20171022

Historias do tren

    O tren ten xa unha historia na comarca. Seis décadas para o tren mineiro, e xa 45 anos para a liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón. Mais, a este paso, parece que vai ser o 'fin da historia'. E é que é notorio o desentendementa da liña pola empresa, o que fai que se estea tentando de estruturar unha resposta por parte da sociedade. Os alcaldes sábeno e pouco a pouco van eles tamén, ó seu nivel, estruturando a nivel político unha plataforma de resistencia.
    Claro que, no caso dos alcaldes (tamén, aínda que doutro xeito, no caso da sociedade en xeral) a cousa vai tarde e de xeito incompleto. Tarde porque hai tempo que sucede o abandono da liña, da vía e dos servizos, a falta de material ou o traslado de maquinsitas, de tal xeito que o declive é evidente. E incompleto porque as primeiras xuntanzas foron dos concellos afectados por cercanías de Ferrol, non contando a Mariña, e só de xeito máis recente se foron incorporando os mariñáns. E, aínda así, atopámonos con que os participantes na última xuntanza (20 de outubro) eran alcaldes afectados, si, pero faltaban outros alcaldes afectados: os ligados co PP.  E eran só da zona galega, mentres que se non se considera a liña na súa totalidade, o desaproveitamento de parte dela fará pouco a pouco caer ó resto.
A liña é sabido que naceu con taras ó ser concebida dun xeito estratéxico militar, non social e económico (ao menos, non de xeito único) polo que se levaron as estacións en xeral lonxe das poboacións, e, co apoio ó tráfico por estrada, deseguida pasou a un segundo plano. Mais tamén é sabido que as infraestruturas de transporte comunitario non só son o pasado e exponente dun presente puxante, senón tamén que son o futuro. E O tren é unha estrutura dese tipo que non se levanta nun momento e cuxa perda pode ser lembrada como tal durante moito tempo. Aí está aínda na mente de todos o ferrocarril mineiro, desaparecido hai case 55 anos despois dun languidecer que deixou a zona, de novo, nun atraso da que o tiña sacado coa súa chegada.
    Estéñase ou non de acordo con certos prantexamentos, como o apeadeiro nas Catedrais (do que teño escoitado voces a favor e en contra, estas non tanto polo apeadeiro, senón relacionadas co plan de conservación do monumento natural) o certo é que parece lóxico que un apeadeiro alí levaría á liña abondo máis tráfico que o de Esteiro (500 persoas ó ano). E a recentemente denunciada falta de revisores para os billetes, que permite que viaxar 'sexa gratis', pero tamén que ditos viaxeiros non conten para os estudos ata o momento, ou a contratación de persoal externo para facer precisamente esos estudos, de forma parcial, cando podían saír directamente das contas de venda de billetes,  non son máis que xalóns dun abandono que pagaremos todos, non só polo seu uso ou non, senón pola desmontaxe dunha estrutura que pode ser fundamental, se se aproveita, para a comarca.
A vía, salvando a desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo

20171021

Os ruídos seguen a ser nova preto de Ribadeo

Hoxe os xornais fanse eco dunha pena de cárcere, inhabilitación e multa para un panadeiro por produción de ruído nocturno. Os sucesos ocorreron en Serantes e nunhas condicións moi particulares que a ben seguro teñen facilitado a demostración e polo tanto a sentencia (ainda que polo momento é recurrible): casa individual, con panadería no baixo rexentada polo sobriño e propietaria durmindo arriba.
O fallo, do xulgado do Penal nº 2 de Avilés.

20171020

Clasificación de concellos por renda na zona de Ribadeo

Só un par de curiosidades. Na clasificación da renda media por concello, según datos recabados por eldiario.es, tanto no 2013 como no 2015, os concellos están ordeados en dúas categorías claras: con costa, con máis renda, e sen costa, con menos. Sen falla. é máis, os dous únnico concello clasificado 'con costa' que ten saída só á ría, fai de ponte entre ambaos grupos.
É curioso asemade a distribución provincial dentro de cada grupo.
Pero o é aínda máis que se comparamos 2013/2015, sexan os concellos de maior renda os que seguen avanzando máis, aínda que desta volta non sexa unha correspondencia exacta entre renda e avance. Pero o caso é que os que teñen máis renda media son os que teñen maiores porcentaxes de avance na renda, e os que menos, tamén son os que menos avanzan (ou mesmo retroceden)