20120909

Concerto da patroa 2012

No parque (zona Pza. España), no chan, ... ó mediodía da patroa, despois da procesión.
A banda municipal de Ribadeo, antes de comezar

Torre del Oro

Canción del Olvido

Pearl Harbor

Concerto d'amore(máis ou menos desta foi cando soaron diversos ruídos procedentes da casa do concello, onde estaba a , casar Laura e Modesto, con artigo da noiva adicado a louvar ós pais no exemplar da comarca da semana ...)

Braveheart

Rapsodia galega

A banda, ó rematar

Pódese ver tamén como complemento (ou suplemento), a partires do minuto 11, o vídeo cargado por Juan Pérez (a primeira parte, procesión)

Nove de setembro, carreira de Santa Cruz

Como xa ven sendo tradicional, celebrouse este ano polas patronais a carreira de Santa Cruz 2012, organizada polo Clube de atletismo Ribadeo.
A continuación, 4 vídeos, un dos momentos previos e a saída. Un segundo, do comezo da segunda volta de tódolos corredores que remataron. E dous para o final, cunha parte inicial dende a chegada do primeiro e outra final ata preto da chegada dos últimos, separadas por cousa de un minuto sen gravación. Os resultados detallados e máis información, na páxina do clube.





Fotos en http://www.facebook.com/media/set/?set=a.10151225177976217.509829.229982326216&type=1
Anteriores:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2009/08/anuncio-da-carreira-de-santa-cruz-2009.html
http://ribadeando.blogspot.com/2008/09/sbado-carreira-de-sta-cruz.html http://ribadeando.blogspot.com/2009/09/atletismo-e-billarda.html

20120908

Día grande

Oito de setembro. Dia grande das festas. As festas foron 'as festas do oito'.
Este ano tiveron un prolegómeno do que non vexo que polo momento se faga eco o xornal: a rotura do pao que soporta a vela do Juanín, na rotonda do instituto (agora si, xa Instituto de Ribadeo a secas). Onte saltou na rede, en Facebook. Pasara pola rotonda xa dúas veces e non me fixara: o tráfico necesita atención. Pero o cuidado das cousas de todos, tamén. Abondou unha noite de troula para que non se notara que estivo exposto ó paso dos estudantes moitos días sen que sofrira, mentras se facía un oco no espazo mental ribadense.
E tamén na rede, o primeiro que vexo esta mañá, unha queixa polo ruído de onte á noite. 'Teño que traballar', di. Un consello: comeza a protestar con xeito. Entre o 93 e o 2012 van 19 anos. Os que levo acompañado do ruído de noite. Pero isa é outra historia.
O día comezou de noite: os fogos do sete. Os que non ía haber. Hóuboos. Tamén a nota/bulo de que variaban de hora para a unha. Foron ás doce.
Hoxe, virxe procesionaria con música de banda. Despois, a banda en concerto. Onte, a parte da orquesta no campo da festa, música no Cantón. Non estiven no feiral: alguén cree que podían competir coa xente do Cantón, se exceptuamos en decibelios?
Día grande de calor pegaxoso. Veremos como transcorre o mes, pero iso, máis adiante. Hoxe, día grande.

20120907

A voltas coas festas: "Festas da patroa 2012. A festa vai por dentro"

Por iso de que andan a pedir algunha colaboración sobre as festas, aí vai a que escribín eu para 'La Voz':

Festas da patroa 2012. A festa vai por dentro
Mirando a previsión antes dunha festa, pensamos no que faremos, como desfrutaremos ... e ilusionámonos ou desilusionámonos de antemán. Visto así, coido que é mellor cavilalo en pasado: que se lembrará das festas de 2012?
Como se dicía das feiras, cada un falará das festas segundo lle vaia nelas. E, moito tempo adiante, terán relevancia só os carteis e folletos de man, os xornais desta época e o que se conserve audiovisual ou escrito noutros medios. Un pouco antes, é posible que teñan relevancia algunhas testemuñas orais, máis que nada, porque serán a 'fonte de información de primeira man'.
Pero, aínda antes, coa lembranza máis recente -poñamos nun lustro ou aínda nunha década- o que se recollerá en xeral será o que queda na propia memoria, o vivido por cada un de nós nas festas, sen remitírmonos a outras fontes de información. É dicir, o que nos importou a nós mesmos.
Entón, dende antes do día da patroa, hoxe, día 4 de setembro, a cousa non está moi clara: faltan os días de festa grande para xulgar. Aínda así, as festas parece que tiveron puntos que se lembrarán: a polémica sobre quen ía facer o pregón ou a espada de Damocles pendendo sobre a propia realización das actividades festeiras, primeiro sobre o conxunto, logo sobre partes, fará que poidan ser lembradas como 'o ano da polémica das festas'. Mais, dun xeito ou outro, a polémica xorde de xeito natural ó xulgar as actividades nas que participa moita xente, o que fai que o tempo relativice a cuestión.
Así, a pesar do anterior, cadaquén terá a súa vivencia, a propia, a que lle servirá de referencia, a que lle fará sentir 'eu vivín esas festas', a que fará que estes días lle sexan propios. Pode que sexa sinxelamente pola visita dun amigo nun momento inesperado, ou por ser as últimas antes da partida a traballar ou estudar lonxe, ou por ser o momento no que cristalizou o amor, ou ...
Os motivos, cadaquén terá o seu, dispoñendo dunha morea de posibilidades. Pode que os máis próximos conecten con eses motivos que temos cada un ou que o quede reservado para nós. En calquera caso, o que non dubido é que a impronta destas festas quedará. En Ribadeo, si, pero en particular en cada un de nós, facéndonos lembrar as festas do 2012 como aquelas nas que ... máis aló do que poda saír nos papeis, e tendo como límite só a nosa capacidade de desfrutar, de sentir a vida, de sentir a festa. 'Que a festa te acompañe' ...

20120906

Cambio climático aplicado a Ribadeo: temperaturas do verán

Onte falei sobre o cambio climático aplicado a Ribadeo, a conta das medusas. E prometín datos. Noutro día con boa temperatura para setembro, aquí vai unha tanda de datos da Pedro Murias elaborados; son correspondentes ós meses de xullo e agosto do que levamos de século (2001-2012).
Na primeira gráfica está todo confuso: corresponde ás temperaturas medias diarias, nas que este ano está representado por unha liña azul, nin a máis obscura (2001) nin a máis clara (2006). O que si se pode observar é que as liñas (as temperaturas) están un pouco máis altas en xeral en agosto que en xullo, como se comproba coa táboa final

A smedias de xullo dan un valor para o deste ano máis ben baixo dentro do que levamos de século: 18,2ºC de media. Iso si, na media van incluídas tamén as horas nouturnas ...

Agosto foi diferente: foi o segundo con máis temperatura media do que levamos de século, 19,9ºC

A media xeral xullo/agosto deixa este ano 2012 en cuarto lugar, despois de 2006, o máis caluroso, 2003 e 2010.

Por último, a táboa (ampliar premendo sobre ela para poder vela correctamente) testemuña o dito antes: en xeral, agosto é máis cálido que xullo, e coa excepción de 2002, que marcou un profundo mínimo xeral e en cada mes, o cambio climático non deixa ver aínda a súa evolución en Ribadeo.


Sería interesante tomar outros datos como comparativa. Ireino facendo con tempo, aínda que para un dos datos máis interesantes, o da temperatura da auga, o primeiro será recollelos dun xeito sistemático durante longo tempo e ver o xeito de representalos claramente (os primeiros datos, indicativos, xa están tomados por David Casariego)

Cambio climático, aplicado a Ribadeo: praga de medusas

Unha nova nos xornais de hoxe xa non é tan nova, pois non é a primeira volta que ocorre: praga de medusas nas praias da zona, con varias notas do concello
Ás veces,facémonos á idea de que vivimos nun mundo illado, ou todo o máis con counsas que contan ocorrendo nun perímetro limitado. Non obstante, é doado ter que ollar un pouco máis aló e ver que esa non é a realidade, aínda que usemos ese esquema de illamento de xeito válido para moitas cousas: a crise na que levamos cinco anos inmersos non se pode explicar dende o núcleo urbano Ribadense, aínda que teñamos as construccións de Barreiros aí á beira, por exemplo.
De igual xeito, o tema das medusas non se pode incluír nunha casualidade ou nalgo específico de Ribadeo, senón que hai que contemplar o cambio climático a nivel planetario para facer aínda que só sexa unha primeira aproximación ó tema. E iso que o pasado verán en Ribadeo non bateu marcas en canto a temperatura media en Ribadeo (aínda que foi dos quentes, como amosarei noutra entrada)
O caso é que estas circunstancias externas van ir cambiándonos a vida, como calquera circunstancia cambiante que fai que nos teñamos que amoldar dun xeito ou outro para sobrevivir ...
Anteriores sobre medusas na nosa costa: 2008-1 2008-2 e aquí (cara ó final) dábase nota dunha charla para creación dun grupo de vixiancia de medusas na costa.

De agora mesmo: 3 de setembro (II)

Só unha actualización tardía para completar o xa posto no seu momento A dirección do novo Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo, creado no DOG de 16 de xullo de 2012 queda:
Director: Alfonso Piñeiro Funcasta (que foi director do IES Porta da Auga)
Subdirectora: Sonia Bergantiños Grandío (que foi secretaria do IES Dionisio Gamallo Fierros)
Xefe de Estudos Diurno: Ramón Vázquez Lorenzo (que foi XE do IES Porta da Auga)
Xefe de Estudos Adultos:  Xesús Fernández Acevedo (que foi XE do IES Gamallo Fierros)
Secretaria: Montserrat Villar Riveira (que foi secretaria do IES Porta da Auga)

20120905

Visibilidade (II)

"Aprendimos que los trapos sucios es mejor no airearlos, los hay que lavar en casa."
As anteriores son verbas que hoxe aparecen no xornal, ditas polo antigo presidente da Comisión de festas e actual portavoz, e que coido cadran co título do post de onte: visibilidade. De calquera xeito, e na liña de anteriores intervencións, o tema seguen a ser os cartos. Os pagos á sgae, un tema do que non é a primeira vez que se fala no blog (por exemplo, aquí), pero sobre todo ás orquestras.
Coido que a sabedoría popular sobre as festas ténse perdido, e agora hai que recuperala para ben de todos. Non se trata dunha aprendizaxe puntual, senón máis profunda. Nese sentido, lembro os comentarios a 'Comezaron as festas', ou animo á lectura de 'Recuperar las fiestas patronales de Ribadeo', por citar tan só escritos moi próximos no tempo a este mesmo. Quizáis non esteña neles a solución para a actualidade, pero seguro poden contribuír á súa xerminación.