20120514

Unha lembranza para hoxe: Pleno en Ribadeo

Corto e pego da páxina do concello, para hoxe, 14 de maio ás 20:00:
Entre os puntos que se someterán a debate a aprobación figuran: a concertación de préstamo ao abeiro do Real Decreto 4/2012; a ordenanza fiscal P3 polo prezo público pola venda de libros, publicacións, material promocional e pola realización de actividades, xornadas, seminarios, cursos ou similares; e a ordenanza fiscal G1 reguladora da concesión de aprazamentos e fraccionamentos de débedas tributarias e demáis de dereito público do Concello de Ribadeo.
No capítulo de mocións abordaránse: una presentada polo PP sobre os custos derivados da tarifa eléctrica e o apoio á competitividade da empresa Alcoa en Galicia; tres presentadas polo PSG-PSOE sobre a situación de seca e emerxencia, o entorno da praia de As Catedrais e a retirada do RD 16/2012 sobre gastos sanitarios; e tres plantexadas polo BNG sobre a protección de persoas afectadas por participacións preferentes, o mantemento do servizo de axuda no fogar e contra a reforma laboral.

Pasou o día?

Remedando un dito, 'Pasou o día, pero non a romaría'. Coido que mellor unha imaxe, recortada dunha foto da colección de Brocco Lee en Flickr, tomada en Atocha, Madrid. 12 de Maio 2012, que collo a traverso do blog do Ángel de Olavide que animo a ler (lic. da foto, atribución-compartir igual xenérica 2.0):
Despois dun ano, a evolución do 15M seguiu camiños trillados, pero sen esmorecer, sen perder a lucidez, sen desaparecer. Si, eses camiños 'trillados' son os que o fixeron madurar, integrar as súas ideas nunha sociedade que hai un ano era diferente porque as vía de lunáticos, e hoxe poden ser subversivas para algúns, pero variando mentras a concepción de perroflauta: pódese usar a mesma verba, pero o concepto é diferente.
E ti, estás disposto a deixar que a historia a marquen quen non está disposto a deixar un resquicio para ti nin para os teus fillos?

20120511

numerando os días, actuando neles.11M, 12M, 13M... ...

12M
Despois dun ano, as persoas do movemento 15m volveremos a saír ás prazas nunha xornada de mobilización global, ocupando un espazo que é noso, das veciñas e veciños. Non será unha celebración nostálxica dos acontecementos do 2011, pero si unha maneira alegre de volver a estar xuntas, para seguirmos pensando que mundo queremos; sabemos que outro mundo é posible, atrevámonos a pensalo e a facelo entre todos. Recomezamos este sábado 12 de maio, no Cantón de Ribadeo ás 12 da mañá cunha concentración, seguida dun xantar popular. Asemblea 15M Occidente Asturiano- Mariña Lucense
Cartel do #12M15M
 E o 13M, mercado transparente-comercio xusto como comezo das actividades da semana
AMARANTE Setem e o Sindicato Labrego Galego organiza en Ribadeo dendo o domingo 13 de maio ata o mércores 16, unha serie de activadedes entorno o Dia Internacional do Comercio Xusto, que se celebra o 12 de maio.
Estas actividades se enmarcan dentro da Semana Galega de Comercio Xusto que co lema “Café con leite amargo. Fronte a PAC, Soberanía Alimentar e Comercio Xusto”, a Asociación AMARANTE Setem e o SINDICATO LABREGO GALEGO organizan en Santiago, Pontevedra e Ribadeo para visibilizar o impacto negativo das políticas agrarias internacionais nos labregos e labregas e nas persoas consumidoras tanto no Norte, e en concreto en Galicia, como no Sur. E demandar outro modelo de comercio e consumo máis respectuoso cas persoas labregas e produtoras, co medioambiente e coa saúde.
A profundización dun mercado liberal onde as políticas cómplices dos gobernos apoian ás multinacionais da industria e da distribución agroalimentaria están levando á ruína a miles de explotacións ó redor do mundo e ou mantendo na pobreza e a explotación a miles de persoas.
Ademáis de favorecer alimentos pouco saudables e a degradación medioambiental en prol dos grandes beneficios coa repercusión que ten na saúde das persoas.
Nestes momentos, as institucións europeas, estatais e autonómicas están inmersas no proceso de debate para a reforma da política agraria común (PAC). É un bo momento para poñer as bases para inverter a situación e poñer en marcha unha nova no marco da Soberanía Alimentaria.
O Comercio Xusto garante un prezo estable aos grupos produtores e superior ao do mercado, que non se produce explotación laboral de nenos e nenas. O salario e as condicións laborais son equitativos para os traballadores e traballadoras, e poténciase a participación da muller nos órganos de decisión; e as técnicas de produción son ecolóxicas, non se empregan sustancias sintéticas ou transxénicas. Deste xeito, respéctanse os ciclos da terra e a sostibilidade do
ambiente.
ACTIVIDADES
MERCADO TRANSPARENTE
Ofreceranse produtos locais e de comercio xusto
Domingo 13 de maio. Praza de Abastos
Hora: 11:00-14:00 horas
MESA REDONDA: “Soberanía alimentaria. Multinacionais da alimentación frente a comercio local”
Hora: 13:00 horas
Participan: Amarante, Sindicato Labrego, produtoras locais e outros colectivos. Aberta á participación a calquera persoa interesada no tema.
OBRADOIRO DE HIP HOP: “Comercio de armas. Cultura de Paz.” Ás 11:30 horas.
CONFERENCIAS
Martes 15 de Maio na Casa das Letras.
Conferencia: “A Política Agraria Común”, co Sindicato Labrego Galego
Hora: 20:30
Mércores, 16 de Maio na Casa das Letras.
Conferencia: “As finanzas éticas”. Marta Rodríguez, FIARE GZ e Ramón Carmelo COOP57 GZ
Hora: ás 20:30

20120510

Un xulgadiño, ...

Petición denegada?
Ó mellor pediuse tan baixo que non houbo lugar á escoita.
De feito, non teño constancia que dendeo o concello se pedira dende hai máis dun lustro.
Si pola cidadanía, e as sinaturas presentadas polo Tesón hai ano e medio, a foto cos políticos que (inxenuos) pensábamos que apoiarían a cuestion, a viaxe do Presidente da asociación a Madrid, a súa procura de datos históricos ... e logo, documentos posteriores amosan que si está pedido e á vista de que se fai pouco ruído a contestación está clara (polo momento)
E, nestas, a reforma da planta xudicial.
As condicións previstas: máis de 100 000 habitantes e 8 xulgados por distrito/termo xudicial. Persoalmente, coido que é algo que perxudica a Galicia en conxunto, debuxado dende Madrid, unha cidade con máis de 3 000 000 de habitantes, máis que Galicia enteira, cunha extensión pouco maior que o termo municipal de Ribadeo. Pero iso é, en tal caso, para outro día.
Traen hoxe os xornais que Mondoñedo treme pola desaparición dos seus xulgados. Mais, un pouco de análise dende a perspectiva de Ribadeo: A zona norte de Lugo contan que quedará moi posiblemente como un partido xudicial. Incluíndo os actuais termos xudiciais de Viveiro, Mondoñedo e Vilalba, ten máis de 100 000 habitantes (poucos máis, pero ...) e só 6 xulgados. Se o que se procura é unha concentración de partidos xudiciais para 'unha mellor función administrativa', pero non de xulgados (sobre o que non teño constancia de que se dixera ren), entón, para unha distribución xusta, habería que crear algún novo xulgado.
así as cousas, non sería o momento propio para que o goberno municipal reclamara a creación dun xulgado en Ribadeo? A proposta e o apoio, téñenno. A historia, tamén. A intención ...

20120509

Castropol entre nubes. Ribadeo ...

De todos é sabido que a ría de Ribadeo ten magníficas vistas. Tamén o é que as vistas dende a beira en Ribadeo son mellores que as que se observan dende Castropol. É algo que ten dada lugar a algunha anécdota. Aquí queda unha foto de Castropol dende a beira occidental da ría de Ribadeo para amosar esas vistas.

O urbanismo ten algo que ver coa explicación do tema das vistas. Pasou xa a metade do período de alegacións ó Plan Xeral de ordeamento municipal e é previsible que nesta segunda parte se aumente o número de alegacións respecto ó anterior período, e mesmo hai quen di que o total de alegacións sobrepasará ás da anterior exposición. As razóns serían que que os erros observados non foron en xeral corrixidos, e os cambios pedidos non foron tampouco en xeral atendidos, pero, se o foron, en moitas ocasións terán intereses opostos que serán os que reclamarán agora. Por outra parte, ó ver a existencia de alegacións e, literalmente, que non pasa nada por presentar unha alegación, a xente tamén se anima máis a facelo. E máis aínda o ver que non calquera terra vale para calquera cousa, como antes se pensaba, saltando por riba do que fora. Por certo, quizáis os erros non foron corrixidos porque a empresa encargada é a mesma da vez anterior, e da da anterior ... que voltou a facer sen pisar moito o terreo, tirando dos datos e facendo rendir unha vella inversión. O que pasou coas variacións de tipo de chan da outra vez a esta, iso xa é diferente, e entraría dentro dos cálculos políticos e técnicos, pero ... coido que segue sen propoñerse nas indicacións iniciais un modelo claro para Ribadeo, co que as alegacións serán en plan particular, sen unha visión xeral, e respostadas do mesmo xeito. E as visións particulares xa sabemos o que teñen: salvo excepcións, defenden o particular, non o xeral.
Dito o anterior, as novas antes das municipais (antes aínda chegouse a pensar en deixar todo ben atado antes das eleccións) eran que no primeiro tramodo mandato quedaría listo o PXOM. Agora parece que non vai ser así. Sairá neste mandato, alongarase ata o próximo ou haberá que facer outro?

20120508

Ribadeo, onte: tres fotos desiguais

Onte leveime unha sorpresa. Facía tempo que non subía pola aduana vella e atopeime isto:

Como se ve, un graffitti métese mesmo nos vidros das fiestras. Hai máis noutro lateral. Subín pensando que é o que algunha xente entende por arte, o lugar do arte, ...
Na fin de semana houbo unha aproximación luar á Terra que foi a maior do ano e mesmo maior que a correspondente doutros anos próximos. Iso fixo que a influenza luar se deixara sentir máis, e onte había mareas que, captadas case no máis alto, sobre as seis da tarde, deron lugar as dúas fotos que poño a continuación, tomadas igual que a anterior por Goyi Gómez:
17:57

Os bloque vénse cubertos ata unha marca difícil de observar outro día, pois ademáis a presión estaba máis ben baixa. Cando comezou a baixar a marea, fíxoo de natural con moita velocidade, e levantouse vento do sur ...
18:07

En Mirasol dixeron na última obra que aplanaban o peirao, e así foi. De calquera xeito, vése na foto que a horizontalidade deixa que desexar.

20120507

Novas relacionadas con Ribadeo

Entre as novas deste fin de semana, destaca a nivel internacional a victoria de Hollande nas eleccións francesas, que xa ten xerado comentarios que en certo xeito lembráronme ó Premio Nobel de Obama, un premio dado antes de ganalo, polas expectativas. Con outra interpretación, a victoria dos nacionalistas escoceses nas eleccións locais na súa terra tamén indica algo nunha zona onde o nivel de autogoberno separado de Inglaterra é escaso. Máis eleccións en Europa: en Grecia, dan un poder inusitado á ultradereita neonazi, pero máis á esquerda radical, en Alemaña os partidarios de Merkel posiblemente perdan outro land,e en Serbia pasan de ir votar.
Mentras, máis próximo, do mesmo Ribadeo, elixiría tres novas. A primeira, dentro da familia socialista, o rexeitamento dentro da agrupación ribadense da xestión de Ricardo Varela. E destacaríao non polo rexeitamento, senón mási ben polo que non pon ou non comenta a nova (alomenos en internet). De sobra é sabido que afiliado non significa votante, nin por cada afiliado hai un número de votos fixo, pero cando unha formación aumenta o número de afiliados, soe corresponder cunha maior resposta electoral. E 27 afiliados participantes nunha votación non parecen demasiados, aínda que si o son en comparación coa representación asamblearia doutras asociacións non políticas. Ben, ademáis, os apoios saíron en contra da postura da dirección local, da que hai que lembrar que non hai tanto tempo saíron elementos renovadores, enquistándose polo contrario algunha xente relacionada co poder dentro do agrupamento dende hai algún tempo. O caso é que con esto, os catro partidos no concello parecen ter os seus problemas de diverxencias (algo que parece natural), mentras que só un (ou dous, segundo a mirada) as teñen controladas para que sexa cuestión interna potencialmente enriquecedora, mentras que os outros dous manifestan dun xeito máis ou menos público as súas liortas com problema interno.
Máis, é a primeira volta que vexo referido nun xornal a nivel estatal a un científico relacionado con Ribadeo. 'Díaz-Fierros o el diálogo inteligencia sobre ciencia' é a referencia pioneira (na que non se menciona a Ribadeo). a dicir que non é a primeira nova sobre Ribadeo con relevancia no plano científico, pois por exemplo, ten saído a relocer unhas cantas veces o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, pero non teño visto unha referencia persoal como entrevista a parte, polo conxunto da súa labor.
A última que quero reseñar é a referencia a García de Paredes, directivo de Caixa Galicia que foi nomeado como donante da súa indemnización como directivo co cambio da caixa a banco, e así quedou a cousa ... pero non, parece que lle voltou a cordura e non só non doou a súa parte de millóns de indemnizacións autoconcedidas pola directiva, senón que espera aínda outra aprte semellante ó cumprir a súa idade de xubilación 'auténtica', aínda dentro duns cantos anos (nos que é de supoñer que os avispados inxenuos afectados polas 'participacións preferentes' seguirán a reclamar compensación).
Mentras, en Ribadeo tamén se vai achegando a conmemoración do 15M, aínda que se traslade día e, sobre todo, se dera por morto xa varias veces ó movemento... como se diría, este morto está abondo vivo.

20120505

Un vello artigo publicado o 19990430 na Mariña de El Progreso, para repensar sobre a economía local

Pastoral
Ribadeo, 1999. Un ano antes do fin do século e do milenio, en Ribadeo estase a plantexar unha pequena revolución comercial. Nalgúns sitios, fai anos que tivo lugar. En outros, aínda tardará.
O feito: tres grandes superficies comerciais / áreas comerciais (ou como se lles queira chamar, pois hai unha gama de centros deste tipo que para moitos efectos son diferentes) están a piques de se instalar na nosa vila. A favor, o Concello, esgrimindo postos de traballo e progreso da vila. En contra, comerciantes (non todos) e defensores da produción autóctona. No medio, a maioría da xente, con vistas a unha maior posibilidade de compra e cunha apatía que se trata de mobilizar.
Con certa frecuencia pódese ver na prensa fotografías de mercados doutros lugares do mundo, como Perú ou Kenia, que son empregados moitas veces como reclamo turístico, lugares de colorido e tipismo que se tratan de identifica cos vellos tempos perdidos de estilo pastoral. Lembran ás nosas feiras, máis ás de fai trinta anos que as de hoxe. Son feiras de supervivencia (dunha economía de) que aspiran a evolucionar. Tamén pódese observar outro tipo de mercados ó estilo de Francia, por exemplo, onde a mecanización dos tenderetes arrasou por completo ós proveedores de produtos da súa propia colleita e era fai vinte anos cando xa se desenvolvían alí como agora aquí. Aquí mesmo estase levando a cabo unha transformación, co nacemento de mercados especializados, dende o mel á faba, por poñer só dous exemplos, ou mesmo a mecanización de tenderetes, da que quedan afastados os produtores autóctonos, se ben non os comerciantes. O esgrimir a defensa da producción do lugar por esa vía coido que é querer loitar con pedras contra armas automáticas: poderase obter algunha vitoria, pero a guerra está perdida. A saída desa produción está en buscar e atopar novas formas de comercialización e logo, potencialas, non en ter unha economía de supervivencia.
¿Postos de traballo? As estatísticas din que a creación de postos polas áreas comerciais non compensa en principio os destruídos no pequeno comercio. Non hai estudio dese tipo que non teña algún sesgo, pero a realidade está aí: o rendemento empresarial é superior na maioría dos casos cunha organización do tipo área comercial que coa dos comercios tradicionais. Outra cousa é intentar repercutir novos postos de traballo pola atracción de clientes de fóra, o que é factible e supoño que non descartarán nos seus estudios de mercado as sociedades que pensan instalarse aquí.
O progreso da vila non é igual a unha maior instalación de empresas comerciais, pero parece ser algo parello. Dise que as novas zonas comerciais poden rematar cos pequenos comerciantes. Nunha confrontación comercial, sempre hai quen gana e quen perde, aínda que se poden establecer relacións amistosas nas que se pretende que ganen todos. E hai comerciantes que levan anos preparando os seus negocios, modernizándoos, e tamén crecendo, mentres outros teñen parado ese proceso. Na actualidade, hai áreas sensibles que están xa copadas por empresas foráneas. Un caso típico é a alimentación. Tres empresas de fóra, con cinco establecementos, copan a gran maioría da distribución neste sector, e pouco efecto poden facer xa as novas instalacións ós comerciantes de vello no pobo. Por contra, o comercio de Ribadeo ten tamén establecidos pontes noutras vilas.
No reparto de clientes, queda dito con anterioridade, hai que contar coa xente que virá comprar dende outros lugares e que non viría doutro xeito. Xente que hai que atraer, e non só polo novo comercio, senon tamén polo xa establecido en Ribadeo, ó tempo que toma medidas para perder a mínima cota de porcentaxe fronte ós novos. ¿David contra Goliat? Nalgún caso, a loita pode establecerse neses termos. En xeral, será unha confrontación de xeitos diferentes de organización de empresas, na que haberá que agudizar o inxenio.
Respecto á competencia esperada que beneficie ó consumidor, pouca xente o pon en dúbida, se ben a competencia poucas veces é perfecta. Ademais, competencia libre implica depredación do comercio sen poñer unhas regras do xogo que protexan a sociedade fronte a abusos libres, do mesmo xeito que se é demasiado restrinxida supón un sometemento do comercio a determinadas entidades favorecidas, tamén en detrimento da sociedade. Esperemos non entrar en ningún dos dous casos.
De calquera xeito, cando se trata dunha perturbación previsible de gran magnitude no comercio local, pode haber unha negociación para conseguir que as empresas se instalen dun xeito favorable para todos, sen avasallar facendo, por exemplo, modificacións en plans que perxudiquen ó pobo. Esto queda en mans do Concello. ¿Fíxose? As empresas que se instalan, a ben seguro fixeron un estudio de mercado. ¿Pode facer / ten ACISA feito algún plan que facilite a competencia das empresas que a integran?