20120417

Noel ganou en Dallas

O domingo, Noel Fernández Marcos, ribadense que tamén pasou pola banda e que anda pola Coruña, ganou a Marathon de Dallas, o 'Big D'. E fíxoo 'sobrao', con case oito minutos de ventaxa sobre o segundo:
Participantes? Só quedaron detrás del uns 3 499 ...
O tempo amosa a dureza da carreira: 2h38 correndo, cunha marca mundial en marathóns de 2h06, ou a marca do ano pasado do vencedor desta mesma marathon, 2:45:56, poñen claras as cousas (ver perfil abaixo). Polo demás, din que é unha carreira bonita.
collido de http://www.findmymarathon.com/elevation/BigDTexasMarathon_e.jpg
Por certo, teño sin confirmar se é unha nova marca da carreira, que parece que si ...

20120416

A voltas co Titanic. Unha semellanza coa actualidade

Xa pasou o centenario do afundimento do Titanic (foi onte), pero a realidade é que seguimos a afundir o buque. Non só polas celebracións correspondentes (en Ribadeo, por exemplo, cun ágape querendo imitar o último celebrado no barco) senón tamén pola seguridade no mar e por detalles como o tratamento dos pasaxeiros. Así, se collemos os datos que a edición papel da Voz traía o venres, e en contra da entrevista a un especialista, que afirma que non houbo clasismo no salvamento, obtemos:
Evidentemente, as causas misturáronse, e non foi só pola diferente categoría dentro do barco (aínda que as causas que apunta o especialista entrevistado na Voz relaciónanse coa clase social), pero vese claro que tanto en mulleres como en homes como no total, os privilexiados de 1ª clase salváronse en moita maior proporción que os de 3ª ou mesmo os de 2ª.
No Titanic que estamos a vivir co afundimento económico e social, podemos establecer tamén unha relación semellante? Coido que os números serían aínda máis impactantes: ó fin, aquí non parece estar habendo un salvamento mínimamente ordeado.

20120415

MANIFESTACIÓN PRO RESIDENCIA


A manifestación segue a prepararse. Deixoaquí a nota oficial animando á manifestación:
 
MANIFESTACIÓN PRO RESIDENCIA

Tal como se ten acordado na última asamblea xeral da Plataforma de Asociaciónes de Veciños do concello de Ribadeo e en vista do silenzo prestado ás nosas demandas pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia para abordar o tema da dotación dunha Residencia Comarcal de Maiores en Ribadeo, esta Plataforma de Asociacións de Veciños, apoiada por todos os partidos políticos deste concello, convoca a todos os veciños do Concello de Ribadeo e de toda a comarca veciña a manifestarse públicamente con presencia e voz en demanda deste servicio.
A manifestación terá lugar o próximo domingo, día 22 de abril, ás 12 horas. Esta Plataforma invita a tódalas Asociacións e Comunidades, así como a todos os veciños do concello e villa de Ribadeo e a súa comarca a participar nela, para apoiar coa súa presenza e voz esta demanda. Para elo os manifestantes reuniranse ás 12 horas na Praciña de San Roque, na vila de Ribadeo. De alí partirase en manifestación poas rúas de San Roque, Rodríguez Murias e Villafranca del Bierzo ata o parque de Santa María, onde se dará letura a un Comunicado reivindicativo desta necesaria e demandada Residencia.

Faltan sete días

Hoxe amenceu un día gris de abril, máis ventoso que chuvioso polo momento. Esperemos que dentro dunha semana loza o día e facilite unha manifestación como reclama a petición de Ribadeo.
Mentras, e a pesares do apoio dos partidos no concello a traverso da comisión creada a tal efecto, a veciñanza no tempo da propia manifestación leva consigo que haxa intentos de politización a traverso de acusacións de politización ós demáis. Como se puido ver ben a traverso dos xornais estes días, a comisión pro residencia de maiores, plataforma creada polas asociacións para a promoción da residencia, non só pretende deixar a unha beira as loitas partidarias, senón que non aparece atacada máis que de xeito lateral (o que non quere dicir que non faga dano). E é que, conscientes do poder das asociacións neste país e da misión que lles toca, foron quenes propiciaron que o concello en conxunto, tódolos partidos, creara un organismo representante de Ribadeo para xestión institucional da residencia. Foi a ese organismo a quen se lle ninguneou por parte da Xunta ó ser convocado [poucos días despois de manifestar a Comisión de asociacións que habería unha manifestación convocada por ela] con pouco tempo de antelación pola Delegada da Xunta, quen prometeu unha entrevista a nivel Conselleiro no mes de marzo. Pasou o mes e algo máis, e só entón se plantexou unha chamada para unha entrevista a nivel secretaría e non consellería. O resto, o enfrontamento: denegación da oportunidade por parte do alcalde e presidente da comisión do concello, acusación inmediata dun Coordinador provincial da Xunta de facer política a conta da residencia e contestación do alcalde.
Mentras, a comisión pro residencia de anciáns -que repito unha vez máis, ten relación coa do concello a traverso de dous membros que participan en ambas, e que tenta aunar esforzos, pero só niso- segue adiante. Nunha semana vémonos na manifestación.
Cartel para dar nova da manifestación o domingo 22 de abril.

20120414

A República española, Ribadeo e a súa lembranza

Hoxe, 14 de abril, hai anos que a República Española veu a luz. En Ribadeo celébrase cunha festa hoxe, á que está invitado todo o mundo:

20120413

Vivir é un risco, non humor negro

Sabiamos todos, ata onte, que vivir é un risco, pois ó fin, mentres estás vivo sempre te podes morrer. O que non sabiamos é que temos risco suplementario, o risco financieiro. Unha nova ensinanza do FMI.
O que da de si a información é iso: coñecemento. Neste caso, coñecemento de que para as finanzas a vida pode ser molesta. Naturalmente, para as finanzas dos demáis. Naturalmente, a nosa vida, non a dos que ven danadas as súas finanzas.

20120412

Análise, un artigo publicado na Mariña o 11 de xuño do 1999

Os temas dos que trata, hoxe, serían diferentes. O fondo, coido que non:
 
Análise

Dados os cartos que os partidos gastan en propaganda electoral, creo que todos eses papeis que nos chegan ás casas merecen unha consideración. Claro que non é só polos cartos, porque senón, tamén merecerían esa consideración os multimillonarios de todo tipo que no mundo hai. E non é certo, por moito que os cartos inflúan nas eleccións (o que si está demostrado).

Pois ben, collan a propaganda que chega e léana. Si, léana, aínda que sexa de xeito rápido, sen fixarse moito. Ó fin, é unha propaganda dun tipo diferente que a morea dela que chega tamén dun xeito non solicitado anunciando, por exemplo, unha vaixela, e que para nós ten importancia só como posibilidade de reciclaxe do seu papel.

Ó lela, podemos atopar cousas que nos chamen a atención, ben por novedosas, ben porque xa foran prometidas en anteriores ocasións e non cumpridas, ou por outros motivos.

Tamén podemos botar de menos o tratamento dalgún que outro problema. E, velaí, pode que atopemos en falta varios problemas en tódolos folletos dos diferentes partidos que chegan ás nosas casas. Probando en Ribadeo, hai uns cantos temas dos que pode notarse a súa ausencia.

Un caso concreto. Na vila hai unha puxante actividade que ó tempo xera molestias. Refírome á movida. Non me estrañaría que fora o comercio que proporcione a principal fonte de ingresos da vila; en calquera caso, representa unha entrada importante. Por outra banda, tamén hai queixas continuas relacionadas cos ruídos de noite ou desperfectos motivados por ela. E, mentres que se comenta de cando en cando na prensa que España é o país máis ruidoso de Europa, ou léese que alguén tivo que esperar ó tribunal constitucional para cobrar fortes indemnizacións dalgún concello por non atallar os ruídos dun establecemento, en Ribadeo parece que a liña que trazan os partidos en relación a esto pasa por esperar a que se degrade non só a calidade de vida polo ruído, senón tamén as relacións humanas por ese efecto.

Non importa que sexa unha actividade importante económicamente ou que a asociación española contra a contaminación do ruído remate de celebrar un congreso con asistencia de políticos de nome estatal para tratar parte do problema. É como se non existira, a tenor das propostas partidarias. Aínda que algún partido trata o tema da droga, en parte relacionado, parece como se en Ribadeo non houbera nin esa actividade nin os inconvintes que leva consigo, ou todo fora sobre rodas para a poboación respecto ó tema (por certo, nese caso o equipo de goberno estaría dando unha boa mostra como tal).

Por buscar só outro tema máis: comeza a chegar información preliminar sobre unha obra que, de facerse, pode constituír a maior inversión en Ribadeo en moito tempo. Refírome á autovía, da que unha das opcións que se manexa afecta en termos legais a máis dun 4% da superficie do concello, e, en calquera caso, é previsible que teña un impacto enorme en moitos campos en todo o termo municipal. Pois ben, o tema nótase pola súa ausencia nas propostas que se fan cara ás eleccións. Todo elo, a pesar de que na prensa falouse recentemente do informe preliminar e houbo declaracións dos políticos locais (que por certo parece que amosaban un descoñecemento do tema semellante ó do resto dos cidadáns).

Parece que algúns temas que poden resultar complicados non se tratan nas campañas: ¿estamos ante un estilo avestruz, meter a cabeza na terra para evitar que saian as ideas en temas que poden resultar espiñosos? Din que para esixir hai que ter conciencia de que é o que hai que esixir. Un bo punto para comezar pode ser ese: ler os programas electorais.

Xa está en marcha a XVIII Feira da Ciencia de Ribadeo

A feira estará aberta o xoves 12 de 10 a 13:30 e de 16 a 18, e o venres de 10 a 13:30, no pavillón deportivo do IES Porta da Auga (xunto ó campo de fútbol), con entrada libre e gratuíta.

Abaixo os títulos dos traballos (borrador non exaustivo):

A bebida máis consumida pola poboación ribadense
Comidas favoritas
Canta xente fuma?
Quen se entretén lendo?
Xente en paro en Ribadeo
A parrilla de televisión
Estudias ou estás ó ordenador?
Flores de cores
Cánta xente ten animais?
Coche solar
Ordenador, fixo ou portátil?
Ribadeo, cidade deportista?
Música, Maestro
Óso que dobra
Os nós
Mochila de rodas ou ás costas?
Lentiñas e gafas
Mochila de rodas ou ás costas?
A química no fogar
Comba eléctrica
O electroscopio
Investigación sobre a tormenta solar
Laparadas de sodio
Magnetismo nunha vela
Cicloide
Lombarda e cores
Acender unha vela a distancia
Flota ou afúndese?
Cambio climático
Mentos con cola
Sobre o ppo. de Bernouilli
Flota ou afúndese?
Campás de Franklin
Ppo de Pascal
Cromatografía en columna
Resistencia de vasos
Macromoléculas
Estudo do ttransporte eólico
Fluídos non newtonianos
Cafeína
Mar de aire
Lámpadas con vidro roto
Motor de catro tempos
Ovo en vinagre, ovo en mel
Flotación dun ovo en auga
Acetil salicílico
Chocolate
A tensión superficial
Armonógrafo
Coches híbridos
A perla invisible
Caída de tensión en condutores
Xerador de Van de Graaf
Francés
A meteoroloxía durante o curso escolar
Zancudo vibrador
O arco da vella
Plásticos
Inquilinos nas mans
Antibiograma
Xogando coa fotosíntese
Os penachos térmicos
O campo magnético
Enzimas: amilasa da saliva e catalasa do fígado
Extracción caseira do ADN dun kiwi
Saponificación
Absorción de iodo por unha graxa
Fluxo da información xenética: replicación, transcrición, tradución