20120404

A manifestación para loitar pola residencia de anciáns en Ribadeo está en marcha

Volante para anunciar a manifestación pro residencia de maiores en Ribadeo e Cartel anunciador.

MANIFESTACIÓN EN RIBADEO PRO RESIDENCIA DE MAIORES

   Os cambios producidos nas estruturas das nosas familias, a redución da natalidade e o envexecemento da poboación, xunto con outros factores, como o aluvión de persoas maiores que nos últimos anos fixaron a súa residencia na vila de Ribadeo e na súa comarca, sen esquecer as necesidades laborais daquelas persoas que noutras épocas pasadas dedicaban as súas vidas á atención das persoas maiores no ámbito familiar, están creando hoxe na nosa localidade un grave problema de atención a un amplo colectivo de persoas, cada vez maior. Persoas que se ven obrigadas a vivir soas e sen a debida atención nos seus domicilios por falta de capacidade para ser acollidas no noso actual Hospital-Asilo de Ribadeo, ou se ven obrigadas a ser desprazadas a outras residencias moi afastadas da contorna natural na que sempre viviron, co consiguiente sufrimento moral, non só para eles senón tamén para os seus familiares.

   Para solucionar este grave problema as Asociacións de Veciños e Comunidades deste concello de Ribadeo reuníronse nunha Plataforma reivindicativa para reclamar ante as administracións responsables do benestar dos cidadáns a construción dunha nova Residencia Comarcal de Maiores en Ribadeo. Un dos seus logros foi a creación dunha Comisión Municipal en Ribadeo, presidida polo alcalde e formada polos portavoces dos partidos políticos, a concelleira de Asuntos Sociais e dous membros da Plataforma de Asociacións. Esta Comisión está hoxe traballando, nunha modélica unidade de criterio e acción, para a consecución deste obxectivo.

   Ata agora a resposta dela Conselleira de Benestar dela Xunta de Galicia ás peticións presentadas en demanda dunha Residencia Comarcal para maiores en Ribadeo, formuladas unánimemente, tanto por esta Plataforma de Asociacións, como pola Comisión Municipal do Concello, foi o silencio. Unha obstinada actitude negativa rechazable para quen teñen a obrigación de escoitar as necesidades do pobo e dar resposta ás súas demandas.

   Na mariña lucense tanto o concello de Viveiro como o de Burela foron dotados cunha residencia. Outra máis está programada para o noso veciño concello de Foz. Que pasa con Ribadeo? Somos, seica, menos dignos ou estamos menos necesitados dela que os demais?

   A Plataforma de Veciños, reunida en asemblea xeral en data 15 de xaneiro pasado, acordou convocar a todos os veciños deste Concello e demais poboación das comarcas veciñas a unha manifestación pública que terá lugar o vindeiro domingo, día 22 de abril, na vila de Ribadeo. Os participantes nela congregaranse na praza de San Roque, ás 12 horas, para partir seguidamente en manifestación polas rúas San Roque, Rodríguez Murias e Vilafranca do Bierzo ata o parque de Santa María, para congregarse nas proximidades das escalinatas do Concello, onde finalizará coa lectura dun comunicado.

   A responsabilidade que todos os veciños deste Concello e Comarca da Mariña Oriental temos de intentar ofrecer aos nosos maiores, entre os que sen dúbida estaremos nós mañá, unha solución digna e xusta a este grave problema, que debe estar por encima dos condicionamientos económicos da crise, obríganos a sacudir hoxe a nosa preguiza e dispoñernos a participar todos xuntos de forma activa coa nosa voz e a nosa presenza nesta manifestación reivindicativa.

   O noso propio futuro e a solidariedade que debemos ás persoas maiores necesitadas, familiares, veciños e amigos, demandan nosa presenza ese día na manifestación.

¡ACODE Á MANIFESTACIÓN!

Debe haber un cambio radical para darlle todo o poder á xente

Os cidadáns non saben toda a información á que teñen acceso. Ata agora, as dúas frases son copiadas dun artigo no El País, 'La revolución de cristal de Obama', e ... refírense ós EEUU.
Aquí habería diferenzas substanciais. O título podería conservarse, pois é a expresión dunha vontade, e non un deber establecido por mandato formal. Pero precisamente por iso, só 'podería'. A primeir frase, sería máis lóxico cambiala por algo como 'os cidadáns saben que se lles impide o acceso á información á que teñen ou deberan ter dereito'. E falo por experiencia.
Aconsello lembrar dúas cousas [1.A información é poder. 2.A opacidade corrompe] e comezar a ler na páxina 6 do seguinte documento (só son tres páxinas curtas con letra grande): El Derecho de acceso a la información.
Logo, podemos falar de Ribadeo ou do sexo dos anxos.

20120403

A choiva escasa do que vai de ano

O que vai de ano trouxo choiva escasa en toda Galicia. Na zona de Ribadeo quizáis un pouco máis abondante que en xeral, pero aínda así escasa. Menos da metade, case a terceira parte, do ano que menos choveu da década anterior. Aí están os datos da estación que mantén a Pedro Murias do 1 de xaneiro ata onte, día 93 do ano, comparados cos obtidos dende o 2003:
É unha tendencia? Son poucos anos, esperemos que non, pero o previsto no modelo do cambio climático é que si, sexa o sinal dunha tendencia que convertiría Galicia nun país abondo máis seco.

Via Crucis

Hoxe amenceu con choiva. Á noite, en cambio, facía unha temperatura abondo mellor que anos pasados en luns equivalente. E foi o día do Via Crucis. Dispúxose un pouco pasada a hora prevista, as dez da noite, e fixo a primeira parada ós poucos metros de comezar. A primeira estación foi aproveitada polo párroco para instar a esquecerse do que non fora o camiño do calvario. A imaxe coa cruz estaba diante da obra do antigo correos, e moita xente, á beira dunha terraza ocupada da que se podían escoitar perfectamente as conversas (que por certo, tentaron falar en voz máis baixa). Na procesión, nese momento, por baixo das cen persoas, aínda que aumentaría algo despois. Un fotógrafo tomando unha foto co cristo debuxándose por diante das casas do cantón. Xente nova da catequese ou da confirmación. E logo, xa dunha certa idade. Dos vinte ós corenta, case o deserto. Preponderancia abrumadora de mulleres. Segunda estación, antes de saír do terreo aberto do parque, na esquina de casa Arango. Aínda está á vista a igrexa, o que fai pensar nunha parada para tomar folgos antes de meterse por rúas que poden estar máis ocupadas que a procesión. Dobra a esquina e a rúa está case vacía. Aínda así, parece notarse a presión. Unha presión, a presión de grupo, que hai anos contaba a favor de participar no evento, recoñecido, con pulo, á beira do poder ... e agora a favor de retirarse del, algo curioso dos indíxenas para os turistas máis que un acto relixioso. Mentras, outro día, os Testigos de Xehová farán a súa propia celebración no seu templo, e pregúntome se os musulmáns de Ribadeo (que os hai) teñen algún acto por mor de compartir unha tradición relixiosa.
Terceira estación, nas catro calles. Un altar pequeno nun portal faise sitio entre as mesas dun local. Pode que se non fora por el, as mesas estiveran como as da primeira estación: ocupadas e vivindo nunha realidade diferente que a xente da procesión. O via Crucis, o camiño do Calvario, prosegue.
Cánto tempo seguirá a procesión? Non se trata de tempo en horas, senón en anos. Despois de moito tempo, a ferida relixiosa (alomenos nesta terra) está na falta de xente de remprazo. Iso levaría a pensar non xa no que escribín no seu momento en 'procesións e fauna', senón dun xeito máis amplo no futuro dunha institución e dunhas crenzas. Pero iso escapa de Ribadeo e do blog.

20120402

Xa podes ver o PXOM de Ribadeo

O PXOM aprobado inicialmente no penúltimo pleno xa está exposto ó público na rede.

Concerto da Banda Municipal de Ribadeo na Igrexa de Santa María do Campo (20120401)

O concerto de onte da BMR: os audios, por orde, un par de fotos e o programa.

(Preludio coral, un pouco cortada ó comezo)





(Xesús meu, de Bach, un pouco cortado ó comezo)

Bis:




750 Ha + ...

Máis de 750 hectáres queimadas. Isa era a conta anoite, o que traen os medios esta mañá. Adeus a boa parte das Fragas do Eume. 750 Ha son 7,5 km2, é dicir, case 4 km x 2 km, que se suman á destrucción dos acuíferos (cántas fontes quedan fiables?), a contaminación mariña (Do Prestige ó Polycommander, pasando por moitos, moitos máis) ou á da fronte costeira (que se non estiveramos en crise, prepararíase para outro novo envite) entre outras moitas posibilidades.
Galicia é un pouco máis pobre, xa sen naval, coa exportación de coches baixando, a caixa convertida en banco en perdas e a agricultura e gandeiría acorraladas.
Non é extrano que o xoves pasado fóra unha das comunidades que mellor resposotu ás mobilizacións. Pero iso non abonda.

20120401

Rematou o ciclo de cine forum de O Tesón

Nota de prensa de O Tesón:
AVV O Tesón
Nota de prensa

Ribadeo, 20120331

O venres 30 de marzo tivo lugar a última proxección do ciclo de cine forum 'Indignados', promovido pola AVV O Tesón durante os venres do mes de marzo no salón de actos do edificio da antiga cárcere de Ribadeo. Un total de abondo máis de cen persoas participaron nos debates despois das catro películas visionadas e comentadas como telón de fondo ás crises medioambiental, social e económica que configuran a actualidade.

A secuencia das películas (Taking Root, Una verdad incómoda, Inside Job e La doctrina del shock, todas co son en castelán) permitiu o desenvolvemento da participación nos debates posteriores. Participación que foi avanzando na problemática do mundo actual, permitindo unha contemplación conxunta de múltiples facetas diferentes e con elo unha mellor comprensión do funcionamento do mundo actual. Algo que se manifestou de xeito claro polas sucesivas intervencións, que aumentaron en claridade e en profundidade de semana en semana.

As discusións, limitadas en tempo, deixaron un bo sabor de boca e o ánimo tanto de participantes como da asociación de realizar máis adiante novos ciclos que complementen o que acaba de rematar.